Como buscar?

O Consello da Cultura Galega ofrece o acceso en liña a unha cumprida cantidade de información arquivística. Para facilitar a recuperación de maneira máis eficiente expóñense a continuación unha serie de indicacións e informacións prácticas que poden resultar de utilidade.

Busca simple
Esta aplicación utiliza o software de xestión de arquivos AtoM que inclúe un potente motor de busca.
O cadro de busca situado na parte superior da pantalla é a maneira máis rápida de acceder á información.

O sistema buscará os termos ou frases que utilices nas fichas descritivas dos documentos. Aínda que estean dixitalizados, non buscará no seu contido. O nivel de detalle das fichas descritivas varía, polo que en ocasións deberás recorrer a varias estratexias de busca para localizar a documentación máis axeitada aos teus intereses.
Aconsellamos escribir palabras sen preposicións nin artigos, incluso sen acentos, na orde que consideres conveniente. Preme “Intro” e os resultados da busca aparecerán. Verás que ao escribir neste cadro, AtoM amosa suxestións de rexistros de fondos, documentos, nomes, lugares ou materias (exemplo: centros galegos) que che poden axudar:


Se desexas que a busca sexa o máis exacta posible á frase que utilizas, usa comiñas. Exemplo: "centro de estudos galegos" .
Á esquerda, verás unha columna (Refinar os resultados por) con máis información para filtrar os resultados.

Busca avanzada
Se desexas realizar unha busca máis complexa, tes a opción de facelo na Busca Avanzada. Preme no mesmo cadro da busca simple para elixir esta opción:


Aparecerá un menú no que podes combinar varios termos de busca usando os operadores booleanosE/ OU / NON e nos campos da descrición que che interese.


Tamén ofrece máis filtros nos que podes limitar a busca a un fondo ou colección concreta, recuperar só os rexistros que teñan asociados o documento dixital ou non, seleccionar un nivel de descrición concreto, ou ben centrar a busca nun período cronolóxico.
Para filtrar por un intervalo de datas usa os calendarios que aparecen cando premes en "Inicio" / "Final" ou escribe a data completa ou o ano. Ademais, tes a opción de facer esta busca aínda máis específica cos botóns "Exacto" ou "Superposición". Tes máis información sobre os filtros de datas aquí, na páxina web de AtoM.


Navegación por puntos de acceso: persoas e entidades, materias e lugares
Preme nunha destas tres seccións que se atopan no panel de navegación de inicio, na marxe esquerda da pantalla, e obterás unha lista de descritores. Tes as mesmas opcións no selector de “Navegación”, no menú superior.


Navegación por obxectos dixitais
A navegación por obxectos dixitais amosarache un mosaico de miniaturas dos documentos (imaxe / texto) dixitalizados. Ao premer en cada un deles accederás ao rexistro completo coa súa correspondente descrición e o documento dixitalizado.
Na seguinte imaxe, por exemplo, podes ver na marxe inferior á esquerda a miniatura da Memoria e balance do ano 1991.


Hipervínculos (palabras, frases, imaxes en miniatura)
Calquera elemento resaltado en cor ou con man hiperligada abrirá novas posibilidades para buscar e ampliar a información.

Panel de navegación / volver ao panel de benvida
Se nun momento dado desexas volver á páxina de inicio podes facelo no menú superior premendo no logo do CCG
Tamén podes facelo dende o botón de Información>Inicio. Nese mesmo selector tes unha ligazón á páxina web do CCG, onde pode que atopes máis información e documentación do teu interese. Non deixes de visitar o apartado "Fondos" no menú superior.


Portapapeis
Se queres gardar as descricións dos documentos, fotos ou información dos ficheiros que atopaches, usa a función clip: selecciona as descricións que che interesen e que teñan unha imaxe dun clip á dereita. Cando un rexistro está seleccionado o clip aparece en azul.
Os elementos seleccionados gardaranse no Portapapeis. Podes ver o reconto na parte superior da pantalla. Ao pechar a sesión do ordenador elimínase esta lista, polo que che recomendamos imprimila ou o gardala en PDF. A vantaxe de gardar os resultados en PDF é que se conservarán as ligazóns e poderás acceder a eles directamente, sen repetir a consulta en AtoM. Tamén podes exportalos en formato CSV ou XML.


Ao gardar unha lista no portapapeis, o programa asígnalle un número de ID. Anota este número por se antes de gardala en PDF queres recuperala no futuro e fusionala con novos resultados (lembra que deixará de funcionar cando peches a sesión no ordenador). Para facelo tes que seleccionar a opción do menú “Cargar portapapeis”, introducir o número ID que anotaches previamente e elixir se queres fusionar os resultados das dúas listas (gardada e actual).