Amosando 1806 resultados

Rexistro de autoridade

Padroado da cultura galega en México

  • AE-MEX-PaCulGa
  • Entidade colectiva
  • 1953-06-29. Non existe na actualidade

O Padroado da Cultura Galega en México foi creado en 1953, no hotel Majestic de México D. F. A súa primeira directiva estivo presidida polo violinista Xesús Dopico Barreiro e con Roxelio Rodríguez de Bretaña como secretario xeral.
A súa influencia na colectividade exiliada no país foi importante e nun ano pasaría de 44 a ter 300 asocaidos. Como dí un dos seus membros máis recoñecido, Elixio Rodríguez “nesa época, o Padroado gozaba dun ben merecido prestixio e da simpatía de todo o ámbito galeguista”. Inspirados nos mesmos principios, nesa época tamén se crearon os padroados de Bos Aires e Montevideo.
Entre as primeiras actividades do Padroado figura a posta en marcha dun programa de radio en galego titulado “Hora da cultura galega” que pasaría axiña a chamarse “Hora de Galicia”. Xa neste primeiro ano de vida consegue publicar “Presencia de Galicia en México”, que recolle as intervencións no programa radiofónico, cunha coidada edición de Arturo Souto.
Foi responsabilidade do Padroado a creación de “Irmandade da Fala” que acubillaba unha escola de lingua galega, unha masa coral, bandas de gaiteiros, equipos deportivos, etc. celebrando todos os anos o Día de Galicia, cunha festa conmemorativa e unha ofrenda floral no momumento á independencia mexicana.
En 1956 envía varios dos seus membros ao I Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires, e que tiveron un papel destacado.
En 1959 edita baixo a dirección de Luís Soto, Carlos Velo e Florencio Delgado Gurriarán a revista “Vieiros”. En 1968 sairá o seu último número. As disensións políticas e persoais entre os seus membros máis destacados provoca que a saída de cada número sexa un auténtico problema, pois a revista servía para dar voz aos pensamentos dos directivos, non sempre dacordo.
No nadal de1966 comeza a editar o “Boletín de Información” no que dan a coñecer aos seus socios as distintas actividades culturais que levan a cabo. Tamén, xa no número 1, manifesta o seu ideario de loita política: “A nosa entidade que se constituíu como a sociedade piloto da galeguidade, na proieción sobor da Galicia, afincou relaciós cordiales de amistade e de labouras, coa entidades máis importantes do mundo galaico e por enriba de todo mantén a irmandade coas xentes da propia terra que consideran o Padroad como espello i exempro de virtudes patrianas e de loita imperecedeira pola liberdade i autodeterminación da nosa nacionalidade diferenciada, o cal non siñifica separatismo pois anceiamos o avencelllamento cos demais pobos das Hespañas e do mundo progresista”.
En 1971 Luís Soto, en representación do Padroado, participará no Congreso Regional de la Emigración Gallega, celebrado na Coruña, e na que defenderon posturas similares ás do congreso de 1956.

Parroquias unidas del ayuntamiento de Rianjo

  • AE-AR-PaRia
  • Entidade colectiva
  • 1934-09-30 ata 1963, ano no que varias entidades de emigrantes do concello de Rianxo se fusionan dando lugar ao "Centro ayuntamiento de Rianjo"

Esta sociedade mutualista e cultural foi creada polos emigrantes naturais do concello de Rianxo e as súas parroquias, residentes en Arxentina. Entre os seus fundadores podemos citar a Vicente Otero Castro, primeiro presidente da entidade, Bonifacio Botana, Inocente Pérez, Isidoro Torrado, José Abuín, Jesús Abuín, Felipe Carou, Ernesto Fernández, Antonio Viana e José Rivas.
Os fins principais da sociedade están recollidos nos seus estatutos: "a) fomentar o espíritu de asociación e unión entre os fillos das parroquias de Araño, Asados, Rianxo, Taragoña, Leiro e Isorna; b) fomentar entre os asociados a arte musical e escénica; c) prestar axuda moral e económica aos asociados en caso de orfandade ou viuvez; d) organizarán conferencias, veladas científicas, artísticas, musicales, literarias, excursiones e visitas culturais; e) creación dunha biblioteca e sala de lectura; fomento da ensinanza e mellora do estado social do pobo de Rianxo, subvencionando bibliotecas públicas en cada unha das parroquias etc.".
Nos anos 40 edita como voceiro social a revista "Rianxo".
En 1963 varias sociedades de emigrantes naturais do concello de Rianxo deciden fusionarse e crean o "Centro ayuntamiento de Rianxo". En 1986 esta entidade fusiónase coa "Asociación del Partido Judicial de Noya", dando lugar a unha nova entidade: "Centro Noya - Rianjo", existente na actualidade.

Resultados 1301 a 1320 de 1806