Amosando 1806 resultados

Rexistro de autoridade

Asociación Benéfica Provincia de La Coruña

  • AE-VEN-ProCor
  • Entidade colectiva
  • 1984 ata a actualidade

Esta sociedade cultural e recreativa foi fundada o ano 1984 por un grupo de emigrantes galegos integrantes da "Peña Coruñesa" da Hermandad Gallega de Venezuela.

Nos seus inicios reuníanse na sede da HGV pero dende 1989 contan cunha oficina na zona da Candelaria, aínda que para realizar actividades recreativas, culturais ou deportivas continúan a empregar as instalacións da "Hermandad".

Entre os seus fundadores destacan Arturo Ces Chisca, primeiro presidente social, Antonio Corgo Casal, Julio Fernández Candamio, Juan José Vázquez Calviño, Salustiano Piñeiro Piñeiro, José Antonio Vázquez, Gerardo Blanco Paseiro, Genciano Silva, Juan Antonio Fernández, Francisco Regueiro e Celso Baleiro.

No Artigo 2 dos seus Estatutos sociais recollen que o obxectivo básico desta asociación é o seu carácter benéfico e de protección ou socorro mutuo entre todos os asociados. Para o seu cumprimento poderán promover, fomentar e desenvolver actividades de carácter cultural, deportivo, recreacional, coa finalidade de obter fondos para beneficios asistenciais, de previsión e axuda en xeral para os socios.

Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra

  • AE-VEN-ProPont
  • Entidade colectiva
  • 1988-01-08 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes de orixe pontevedresa foi creada en Caracas o 8 de xaneiro de 1988 durante unha reunión na sede da "Hermandad Gallega de Venezuela", segundo indican na súa Acta constitutiva: "A los ocho días del mes de enero de mil novecientos ochenta y ocho, reunidos en la sede social de la <Hermandad Gallega>, ubicada en la Avenida Principal Mariperez, de esta ciudad de Caracas y estando presentes (...) quienes hemos convenido en constituir, como en efecto constituímos en este acto, una asociación civil que se denominará <Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra>".

Destacan entre os seus fundadores: Santiago Oviaño Cerviño, Juan López Pita, Jaime Tosar Silva, Raimundo Toubes, José Manuel Díaz, Abelardo Rios Giraut, José Ramil Martínez, Eduardo Meilán Sánchez, Alberto Jesús García Hernández, Manuel Ramos López, José Manuel Carpintero, Ofelia Otero Fernández Sanmartín, José Sanmartín López, José Ferreira, Benigno Rossua Vasquez, Francisco González Otero, Maribel Muñiz Méndez, Ernesto Chao Pazos, Ana María Rodríguez, Ramiro Muñiz Martínez, Moisés Muñiz Méndez, José Rodríguez Sánchez e José Antonio Chao Louzao.

Trátase dunha asociación de carácter benéfico cuxo fin é promover actividades de previsión e socorro mutuo para os seus asociados. Segundo os seus Estatutos, o seu obxectivo fundamental é promover o achegamento dos fillos e amigos da provincia de Pontevedra; promover iniciativas de acción asistencial comunitaria; propiciar accións de carácter cultural autóctono e defender o carácter da provincia, así como iniciativas de carácter comunal, cooperativo, asistencial, etc. para a colectividade que asocia; fomentar e desenvolver actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda xeral para os membros da Asociación; propiciar programas de divulgación dos valores autóctonos galegos e en xeral ter un carácter benéfico e de socorro mutuo para os seus asociados.

Organizan actos, conferencias e charlas sobre cultura e historia de Galicia e celebran a Festa da Virxe da Peregrina (patrona de Pontevedra).

Asociación Casa Coirós, cultural y mutualista

  • AE-AR-ACoi
  • Entidade colectiva
  • 1906-10-14 ata a actualidade.

Esta asociación de emigrantes foi creada tras a fusión das sociedades "Hijos de Ois" e "Hijos de Coirós" co fin de xuntar esforzos para lograr os seus fins: dar protección e instrución aos seus veciños na terra natal.
Entre os seus fundadores podemos citar a Andrés Bugallo, Pedro Vázquez, quen foi o seu primeiro presidente tras a fusión, Pedro Vara ou Manuel Bugallo.
O lema da entidade foi "la instrucción es la base de la familia, del bienestar y la felicidad".
Os seus primeiros fins foron de carácter mutualista, pero a partir de 1912 cambiaron de obxectivos primando a idea de propagar a cultura e lograr unha maior preparación dos futuros emigrantes do seu pobo natal. A súa finalidade pasou pois a a ser instrutiva e cultural, aprobando en asemblea a creación no seu concello dunha escola que respondese á necesidade de alfabetizar e preparar aos nenos para o seu futuro.
Dende 1913 comezan a enviar regularmente cartos para a construcción dun edificio escolar no seu pobo. En 1919 mercan un local que foi usado como escola para os nenos da parroquia, que eles manterán económicamente.
No seguinte ano mercan unha casa no lugar de Chás (Coirós), no que se instala unha escola e vivenda para os mestres. Esta edificación está rodeada dun amplo terreo cunha superficie de 6.400 m2, que destinan a xardíns e canchas de xogos deportivos para a mellor educación física e moral dos alumnos. O colexio foi inaugurado en 1924. Dende Arxentina, a entidade crea un fondo de reserva para o funcionamento da escola.
Nas actas de 1925 recóllense os novos propósitos sociais como son a creación dunha Escola de Artes e Oficios e de preparación agrícola, e un campo deportivo.
Dende xaneiro de 1924 publican a revista "Nuestra Obra" como órgano oficial da sociedade.
En 1941, apróbase uns novos Estatutos sociais que seguen a rexir a sociedade na actualidade. Así pasa a ter unha novas finalidades centradas no mutualismo e nas actividades recreativas: socorrer aos asociados nos casos de morte ou necesidade, mediante a formación dun fondo común procedente das cotas sociais; fomentar e estreitar os lazos de unión e amizade entre todos os asociados, organizando a tal fin reunións sociais e actos culturais e soster relacións de amizade coas asociacións de igual índole.

Asociación Casa de Galicia de Buenos Aires

  • AE-AR-ACaG
  • Entidade colectiva
  • 1933-09-21 ata a actualidade.

O 20 de setembro de 1918 creouse unha entidade baixo o nome de "Casa de Galicia de Buenos Aires" coa finalidade de acadar solidariedade, cultura, arte e recreo para os seus socios, así como reivindicar e valorar a galeguidade na Arxentina.
Esta entidade sufriu unha escisión dun grupo de socios disconformes coa política da directiva no ano 1927, que pasan a crear unha nova sociedade chamada "Nueva Casa de Galicia".
Tras un periodo de crise, en 1933 hai unha refundación da entidade, baixo os auspicios de Manuel Rigueira Montero, primeiro presidente, Domingo González, Emilio Monelos e José Maceira entre outros.
Esta entidade centrase en fins culturais e recreativos. En agosto de 1935 sae o primeiro número do seu voceiro social, a revista "Casa de Galicia", que ten carácter mensual; en 1944 publican ademais a revista "Airiños".
No ano 1954 mercan un campo recreativo que chaman Airiños, para reunirse todos os socios e organizar festas. Finalmente en 1974 mercan un edificio na rúa San José, da capital porteña, que converten na súa sede social.

Asociación Civil Fillos da Provincia de Lugo

  • AE-VEN-ProLug
  • Entidade colectiva
  • 1997 ata a actualidade

Asociación civil con personalidade xurídica, de servizos á comunidade e de carácter apartidario que da cabida a todos os nacidos na Provincia de Lugo, así como aos seus ascendentes e descendentes.

Nos seus Estatutos queda constancia das súas finalidades básicas:
"A) Protección o socorro mutuo y prestar apoyo moral, social y jurídico a cada uno de sus asociados, según lo exija el caso, y en lo posible a todos los hijos de la provincia de Lugo en general.
B) Prestar servicios a la comunidad y/o a la propia Asociación Fillos da Provincia de Lugo, promoviendo o realizando obras benéficas asistenciales cooperativas, deportivas-recreativas, culturales, etc.
C) Para el cumplimiento de estos objetivos, la Asociación podrá promover, fomentar y desarrollar actividades de carácter cultural, recreacional o cualquier otro evento con la finalidad de recabar fondos para la realización de estos objetivos".

Asociación Civil Fillos de Ourense

  • AE-VEN-FilOur
  • Entidade colectiva
  • 1983-01-27 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes galegos naturais de Ourense e residentes en Caracas foi creada o 27 de xaneiro de 1983 por un grupo de socios de "Hermandad Gallega de Venezuela", coa idea de reunir aos naturais da provincia de Ourense residentes en Caracas para así poder realizar algunhas prestacións específicas que non podían ser obtidas a través da "Hermandad Gallega". O número de socios fundacionais foi de 60.

A finalidade da asociación é “esencialmente benéfica, de asistencia social, cultural y deportiva” e sen fins de lucro. Neste sentido prestan apoio moral, social e xurídico aos seus asociados. Tamén proporcionan axuda monetaria en casos de enfermidade grave ou accidente que supoñan incapacidade física parcial ou total. Entre os seus fins destaca o de promover o achegamento dos ourensanos en Venezuela, ademais de crear iniciativas de asistencia comunitaria e propiciar accións de carácter cultural autóctono; tamén queren fomentar e desenvolver actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda para todos os membros da asociación.

No aspecto cultural tratan de “preservar y difundir” o idioma galego e os “valores culturales autóctonos de Galicia”. Publican un boletín con carácter trimestral dende 1996 chamado Reporte Ourensán, que distribúen de maneira gratuita entre os socios. Dende o ano 1997 emiten, con periodicidade semanal, un programa de radio, chamado Xuntanza Fillos de Ourense, pola emisora Radio Uno 1340, de Caracas. E contan coa Banda de Gaitas Xuntanza Fillos de Ourense, fundada e dirixida por Jonathan Casal Montesinos.

Celebran a Festa do Magosto (San Martín, patrón de Ourense), Feria do pulpo (mes de abril), Feria dos callos. Para estas celebracións e para as súas actividades ordinarias, utilizan as instalacións da HGV, tanto na súa sede de Maripérez, como na de Valle Fresco. No aspecto deportivo contan con 15 equipos de fútbol sala e con 1 equipo de fútbol.

Asociación Cultural Casa de Galicia

  • AE-AN-CaGa
  • Entidade colectiva
  • 1994-04-29 ata a actualidade

Esta asociación foi creada por emigrantes galegos que residen en Andorra no ano 1994 baixo os auspicios de Manuel Fernández Boán.

Os seus fins están recollidos nos seus primeiros Estatutos, do mesmo ano:

  • Promover contactos e actividades destiñadas a fomentar o coñecemento da cultura e do folclore dentro do Principado
  • Facilitar a comunicación e contactos culturais entre todos os galegos residentes en Andorra
  • Enriquecer culturalmente á comunidade galega abrindo a súa propia cultura á do Principado sen discriminación de ningunha clase para fomentar a solidariedade cultural entre todos os pobos
  • Ensinar, facilitar e fomentar o coñecemento do folclore e a cultura galegos a través das diferentes actividades que se leven a cabo
  • Fomentar actividades deportivas, recreativas e benéficas que teñan por obxeto a convivencia entre todos os galegos
  • Prestar apoio e orientación ós galegos que, pola súa condición de emigrantes, o necesiten.

O 12 de outubro de 1994 concedéuselles a personalidade xurídica.

Publican a revista "Bolboreta" e organizan diversas actividades de carácter cultural como a celebracións do Día das Letras Galegas, o Antroido, Magostos ou o Día de Galicia; actos festivos como romarías e actuacións folclóricas e culturais e actividades deportivas como a práctica do futbol-sala.

Asociación Cultural Cova da Serpe

  • AE-ES-ACova
  • Entidade colectiva
  • 1985-10-25 ata a actualidade

Asociación cultural que foi fundada o 20 de outubro de 1985 por un grupo de galegos residentes no Distrito de Sant Martí (Barcelona) coa finalidade de manter contactos entre eles e manter a identidade cultural e sociolóxica das súas raíces tradicionais".
Dende a súa fundación levan a cabo unha intensa labor recreativa, organizando festivais, conferencias, coloquios, concertos, exposicións de libros e traxes, instrumentos, etc. Crean tamén unha escola de gaitas e danzas galegas.
Entre as súas celebracións destaca a "Semana Gallega de Cultura" e o aniversario fundacional, cun festival de música galega. En 1990 presentan o seu primeiro traballo discográfico coa gravación dun LP composto por melodías da nosa música tradicional e popular.
Editan un boletín mensual "Info-Arxela" desde 1995 e, dende 2014, a revista societaria "Galicia en Catalunya", froito do traballo en común realizado polas comunidades galegas en Cataluña para fornecer a Galeguidade.

Asociación Cultural Gallega O Pote

  • AE-HO-APote
  • Entidade colectiva
  • 1979-08-10 ata a actualidade

Esta asociación cultural constituíuse o 10 de agosto de 1979 en Helmond, unha pequena cidade próxima a Eindhoven, en Holanda.

Contan cun grupo de baile, Saudades da Terra, celebran o Día das Letras Galegas, organizan cursos de idiomas, soldadura, salón de peiteado de señoras e conferencias de tema galego. Dende 1979 publican o boletín "O Pote".

Tamén contan cun equipo de fútbol e, dende o ano 1992, organizan o Torneo de fútbol "Xunta de Galicia".

Asociación Cultural Gallega O Toxo

  • AE-FR-AToxo
  • Entidade colectiva
  • 1975 ata a actualidade

O Toxo fundouse en 1975 como asociación cultural para espallar entre os galegos o estudo e manifestacións da cultura e do pobo galego. Desenvole a súa actividade en París, onde organiza conferencias, exposicións, proxecciós cinematográficas, etc., participando en tódolos actos culturais de interés que se celebran na cidade.

Naceu como elemento aglutinador de tódolos galegos que queren dar a coñecer Galicia, loitan pola súa cultura e participan no seu desenvolvemento histórico. Os seus membros consideran que é necesario revitalizar a lingua galega, polo que o cultivo da lingua galega e a súa defensa constitúe un dos meirandes obxectivos perseguidos pola asociación.

Quere ser o lar onde o galego atope o sentimento ceibe de Galicia, manifeste a súa personalidade e xunte o seu esforzo aos homes que teñan os seus mesmos principios de xustiza e liberdade. Así, O Toxo e os seus membros participan no desenvolvemento histórico do pobo galego.

Asociación Cultural Gallega Rosalía de Castro

  • AE-ES-ARosa
  • Entidade colectiva
  • 1980-07-25 ata a actualidade

A Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà foi creada en 1980 en Cornellà de Llobregat, Barcelona, coa finalidade de promover a cultura galega en Cataluña e desde a súa fundación esa foi a súa principal función dentro do tecido asociativo da cidade. A entidade organiza a Festa Galega no parque de Can Mercader, coincidindo co Corpus, festa maior da cidade. Durante tres días levan a cabo actividades de exaltación da cultura popular e tradicional, con actuacións de grupos de danza e música popular de Galicia e de Cataluña, así como de outras comunidades autonómicas, ademáis de outras actividades de carácter social, solidario, cultural, lúdico e de interés público.

Asociación cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago

  • AE-BR-CabStgo
  • Entidade colectiva
  • 1960-11-22 ata a actualidade

Esta asociación cultural foi fundada por un grupo de emigrantes españois, case todos galegos, liderados polo a Padre Samuel Martínez, que compartían a aspiración de divulgar a cultura e a lingua españolas na cidade de Salvador, capital do estado de Bahia.
As primeiras reunións tiveron lugar na parroquia de Pituba, na capital bahiana; ese mesmo ano aproban os estatutos sociais e escollen o nome de Caballeros de Santiago, como símbolo de unión da cultura española. O seu primeiro presidente foi Manuel Nemesio Sánchez.
A institución funcionou inicialmente no barrio de Pituba, onde fundou unha escola para os nenos necesitados do barrio, coa axuda da Secretaría municipal que donou mobiliario e pagou o soldo dos mestres.
En 1967, consegue inaugurar a súa primeira sede propia, no edificio San Luís, no centro da cidade. Implanta entonces as aulas de formación en lingua española e organiza diversas actividades para divulgar na cidade de Salvador a cultura española (con cursos de música, danza, películas, artesanía e tamén gastronomía, exposicións, etc.).
En 1988, sendo presidente Orsí Pousada Covelo, comezou a construción da actual sede, no barrio de Rio Vermelho, que foi inaugurada un ano más tarde. Alí imparte clases de lingua e danza españolas e galegas a toda a sociedade bahiana. Tal como se titulan na súa páxina web: “Caballeros de Santiago, unha institución ao servizo da cultura galega no Brasil”.

Asociación de Empresarios Gallegos en Cataluña

  • AE-ES-AEGACat
  • Entidade colectiva
  • 1989 ata a actualidade

Dende a súa fundación en 1989, AEGA-CAT tivo o obxectivo fundamental de aglutinar a todos os empresarios galegos afincados en Cataluña, aos que despóis uníronse os residentes en Andorra, para servir como plataforma de expansión dos seus negocios e promover e apoiar a creación de novas actividades empresariais. Os seus fins fundamentais son fomentar a solidariedade e a cooperación entre os asociados, velar polo respeto dos valores éticos e de solvencia moral no desempeño dos negocios, facilitar a relación dos empresarios coas distintas administracións, institucións e entidades, transmitir as raíces históricas e culturais da galeguidade e potenciar un foro libre que constitúa un centro promotor de negocios. A Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña é multisectorial e está integrada por aproximadamente 300 compañías punteras, moitas delas multinacionais, pertencentes aos sectores da industria, o turismo, a comunicación, os servizos, a construcción, a biotecnoloxía, o audiovisual e a restauración, entre outros. Asociación empresarial pioneira no seu momento, logrou consolidarse como entidade de referencia tanto pola súa traxectoria como polo seu espíritu integrador.

Dende a súa fundación a Asociación apoia sen fisuras aquelas iniciativas que demostren unha sensibilidade especial con Galicia, organiza actividades orientadas a favorecer contactos e relacións entre os seus asociados, intermedia entre as empresas que o soliciten e diferentes institucións ou entidades e serve de canle de acceso aos servizos prestados por outras organizacións.

O programa de actividades organizadas por AEGA-CAT é unha das súas columnas vertebrais. A partir de él foméntase o coñecemento mutuo entre os asociados, o contacto directo cos líderes de opinión máis destacados do momento, a confianza necesaria para o establecemento de novos negocios e o aproveitamento de sinerxias. Os Encontros AEGA-CAT, as Axendas Empresariais, o Ágora XXV, os Títulos de Excelencia Galega entregados durante a Cea de Gala institucional, son iniciativas, nacidas e desenvolvidas no seno da asociación.

En 2004 naceu a súa revista Feitos, de periodicidade anual, como publicación que recolle as actividades relacionadas, ben pola súa organización ou porla súa participación, coa Asociación, ademáis de entrevistas e reportaxes tanto de empresarios como de compañías galegas ubicadas en Cataluña y fora do seu ámbito xeográfico. A inclusión, en todos os seus números, do Directorio de Empresas Asociadas converteuna, ademáis, nunha ferramenta imprescindible para darse a coñecer ao tecido empresarial galego tanto nacional como internacionalmente, facilitando así as oportunidades de negocio de ámbito multisectorial.

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid AEGAMA

  • AE-ES-AEGAMA
  • Entidade colectiva
  • 1990-05 ata a actualidade

Tal e como o seu nome indica ésta é unha asociación de empresarios de orixe galega asentados en Madrid que se creou para ser voceiro das inquietudes profesionais e empresariais dos socios, ofrecendo información, orientación e propostas para a mellora dos seus negocios.
Creouse como entidade xurídica sen ánimo de lucro en maio de 1990, dentro do movemento asociativo galego que irrumpía con forza en América e Europa a finais dos anos 80.
Neses anos, un grupo de empresarios galegos afincados en Madrid, encabezados polo avogado lucense Enrique Santín Díaz, coinciden na necesidade de establecer redes e canles de comunicación, intercambio, mutua colaboración e apoio entre o colectivo.

Dende 1994 editan un boletín social onde informan aos seus socios de todo tipo de proxectos empresariais, lexislación, política económica, etc.

Asociación de Jóvenes Savia Nueva

  • AE-VEN-JovSN
  • Entidade colectiva
  • 1989-03-20. Non existe na actualidade

A "Asociación de Jóvenes Savia Nueva" constituíuse na sede social da "Hermandad Gallega de Venezuela" en Caracas o 20 de marzo de 1989 por un pequeno grupo de mozos, na súa maioría galegos, coa idea de fomentar a participación xuvenil galega no novo marco da Galicia actual.

Segundo consta nos seus Estatutos o seu obxectivo principal é "fomentar la participación de la colectividad gallega y española en Venezuela para mantener los lazos sociales y culturales con Galicia, sus gentes y su historia, así como su lengua y cultura". Ademáis, perseguirá "unificar la acción de los jóvenes españoles en Venezuela, con la finalidad de que tenga alcance a nivel de toda la colectividad, iniciar y mantener contactos con otras asociaciones de ese tipo a nivel mundial y en España, crear instrumentos de difusión dirigidos a la colectividad española y divulgar los aspectos culturales, sociales, educativos, comunicacionales, etc., de España".

Dende xullo de 1989 publicaron o boletín "A Nosa Voz", dirixido pola súa primeira Presidenta, María del Carmen Tato Dacasa, no que informaban das súas actividades e de temas de interese para os emigrantes. Organizaban charlas, conferencias e proxeccións de vídeos sobre temas relacionados coa cultura galega e coa emigración, recitais de poesía, exposicións, talleres, concursos, representacións teatrais, etc.

Na sede da "Hermandad Gallega de Venezuela" celebraban o Día de Galicia e actividades recreativas. Organizaron campionatos de tenis de mesa e unha maratón.

Tivo unha corta existencia, desaparecendo a comezos dos anos 90 do século XX.

Resultados 121 a 140 de 1806