Amosando 1806 resultados

Rexistro de autoridade

Agrupación Cultural Abrente

  • ABR
  • Entidade colectiva
  • Ribadavia, 1969 - 1983

A Agrupación Cultural Abrente constitúese o 8 de novembro de 1969 en Ribadavia. Nos seus inicios acolle un cineclub, mais logo céntrase no teatro.
Nun contexto de recuperación cultural e socioeconómica que existe a partir da década de 1960 en España, entre 1973 e 1980 Abrente celebra as Mostras de Teatro e o Concurso Abrente de Textos Teatrais en Galego, que contribúe para que xurdisen ou se desen a coñecer novos autores. Arredor destas mostras, xorden os autores do grupo Abrente, o primeiro grupo xeracional de dramaturgos profesionais en lingua galega, grupo entre os que destacan os autores Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño e Euloxio R. Ruibal.

Agrupación Cultural O Galo

  • ACG
  • Entidade colectiva
  • 1961.Santiago de Compostela/2019.Santiago de Compostela

A Agrupación Cultural O Galo xorde no ano 1961 en Santiago de Compostela por iniciativa de Mario Orjales Pita, Xulio Maside Medina, Ventura Cores Trasmonte, Salvador García Bodaño, Aurichu Pereira Carballo e Mercedes García Fernández. Non será ata 1962 cando se conformen os estatutos da asociación, cuxa legalización impulsaron Óscar Fernández Refojo, Justo García Díez, Mario Orjales Pita, Salvador García Bodaño e Mercedes García Fernández. A primeira directiva constituirase ao ano seguinte, estando integrada por Xosé María Castroviejo Blanco-Cicerón (presidente), Carlos Herrero Álvarez (tesoureiro), Xusto García (secretario), Antón Santamarina Fernández (vogal) e Xosé Luís Fontenla Rodríguez (vogal). Os cambios na directiva serán sucesivos nos anos seguintes, a excepción da presidencia, que estará ostentada por Xosé Mosquera Stolle durante varios anos. O primeiro acto público desta asociación foi a exposición 20 pintores para a paz, ubicada no Hostal dos Reis Católicos en xuño de 1961. Para a inauguración de dito evento, contouse coa presenza de Vicente Risco, quen pronunciou un discurso titulado “Galicia y la revolución estética”. As actividades que seguirían a esta mostra serían fundamentalmente teatrais (poñendo en escea obras como “As cadeiras” de Ionesco ou “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao). Tamén abundaron os recitais poéticos e os concertos (especialmente en colaboración co coro Cantigas e Agarimos e con Voces ceibes). As clases de galego na década dos 60 caracterizaron o quefacer desta organización, impartíndose as mesmas no Instituto Padre Sarmiento e no Colexio Peleteiro. Destacaron ademais as conferencias públicas, moitas delas impartidas por Fernando Mon, o Padre Gándara ou Ricardo Carballo Calero, entre outros. Cabe aludir tamén ao Premio de Teatro Castelao, impulsado polos membros de O Galo animados por Ramón Piñeiro. Celebraríase entre os anos 1963 e 1967, resultando premiados Ángel de la Peña (coa obra “Cando morren os faroles”), Jenaro Mariñas (con “A revolta”) e Xohana Torres (con “Un hotel de primeira sobre o río”). No ano 1966, o premio quedaría deserto, argumentándose a pouca calidade do presentado. Para a dotación económica do galardón (10.000 pesetas), realizábase a coñecida como “Campaña do Peso”, centrada en acadar que 2.000 santiagueses doasen diñeiro. A entrega do premio realizábase nunha cea celebrada no Hostal dos Reis Católicos. Detrás de todas estas aparentemente inofensivas accións de O Galo, atopábanse reivindicacións galeguistas e de liberdade, enmarcadas dentro dun contexto opresivo como era o da ditadura franquista. É por este motivo polo que moitas das actividades organizadas debían ser autorizadas polo Ministerio de Información e Turismo, así como polo Goberno Civil. Non só afectaba este requisito aos actos públicos, senón tamén ás reunións que a xunta directiva celebrase. A traxectoria de O Galo continúa até os nosos días, xa nun contexto diferente, pero mantendo unha dinámica actividade baseada na organización de conferencias, visitas culturais e presentacións de libros.

Centro Gallego de Hannover

  • AE-AL-CGHan
  • Entidade colectiva
  • 1978 ata a actualidade

Dende o ano 1978 o Centro mantén o firme e decidido compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os nosos socios, novas xeracións e público en xeral.

Esta entidade constituíuse en 1981 pola iniciativa dos emigrantes galegos residentes en Hannover coa finalidade, recollida nos seus Estatutos, de "o cultivo da lingua, o recordo das tradicións, a arte e a cultura de Galicia co obxectivo de contribuir o enriquecimento da presencia cultural de España no estranxeiro, en espírito de amistade, entendemento e solidariedade cos outros pobos e rexións da Península Ibérica e de todo o mundo. A Asociación aspirará tamén ó máximo entendemento co pobo alemán...".

O idioma oficial do Centro e o galego aínda que os seus Estatutos están redactados en castelán.

No caso de disolución da sociedade, unha vez pagadas as débedas, se houbera beneficios, estes serían doados a unha corporación que “tenga como finalidad promocionar el entendimiento mutuo entre los pueblos” (art. 38).

Conta cunha agrupación formada por 10 gaiteiros e un corpo de baile con 40 compoñentes. Outras das súas actividades recreativas consisten na celebración de festividades como Reis, Antroido ou Fin de ano e a organización de campionatos de xogos de cartas, xadrez e outros xogos de salón. Conta tamén con equipos de fútbol e tenis de mesa. Entre as súas actividades culturais destacan a organización de conferencias sobre Galicia e a celebración do Día das Letras Galegas, do Día do Socio (unha
vez ao mes) e do Día da Patria Galega, entre outras.

Dende 1981 publican como voceiro do centro "Fogar de Breogán", onde informan das diferentes actividades organizadas pola entidade e aparecen escritos sobre a arte, cultura e tradicións galegas.

Club Cultural Español de Cuxhaven

  • AE-AL-ClubEs
  • Entidade colectiva
  • 1980-11-15 ata a actualidade

Esta entidade recreativa e cultural foi creada na cidade alemana de Cuxhaven a finais do ano 1980 por un grupo de emigrantes españois que traballaban na cidade. Organizáronse nun clube coa idea de realizar actividades culturais, folclóricas e recreativas coa intención de non perder o seu idioma, as súas raíces e o seu "eu".

O 28 de novembro aproban os seus Estatutos e o 14 de decembro adquiren a persoalidade xurídica.

Dispoñen dun local alugado, no que contan con un bar, almacén, salón de actos, sala de xogos, oficina e biblioteca. Contan con un grupo de folclore galego e un grupo de teatro, organizan conferencias e cursos, así como festas tradicionais e gastronómicas, bailes, etc.

A meirande parte dos socios do clube son galegos.

Peña Gallega de Munich

  • AE-AL-PGa
  • Entidade colectiva
  • 1978-03-12 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes galegos residentes na cidade de Munich foi creada o 12 de marzo de 1978. Creouse coa finalidade de dispoñer dun lugar de encontro dos galegos da cidade donde poder desfrutar da mutua compaña, conmemorar as festividades típicas da súa terra natal e organizar comidas de irmandade no nadal.

Os estatutos da Peña foron redactados en galego e neles faise constar que “o idioma oficial será o galego”. No seu artigo 50 establécese que en caso de disolución os seus bens serán doados a algunha entidade benéfica galega.

Pouco a pouco foron realizando actividades culturais como a celebración do Día das Letras Galegas, con ciclos de conferencias, etc. A entidade é membro da Coordinadora Federal das Asociacións Galegas en Alemaña, e como tal participa nos actos e eventos que esta organiza.

Esta entidade tivo recoñecida a Galeguidade pola Xunta de Galicia o 27 de maio de 1981.

Por intermedio desta sociedade o presidente da Xunta regalou en 1983 un cruceiro de granito á rexión de Baviera, que foi colocado nos xardíns do Castelo de Blutenburg, de Munich.

Sociedad Gallega de Sindelfingen

  • AE-AL-SGa
  • Entidade colectiva
  • 1983 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada o ano 1983 polos emigrantes galegos residentes en Sindelfingen (Alemaña) cunha finalidade basicamente recreativa e de reunión e apoio dos seus socios tal e como recollen nos seus Estatutos: "El objeto de la sociedad es promover el entendimiento entre los pueblos, en especial entre españoles y alemanes. Sobre todo por medio de conocimientos personales, culturales, de idioma y de historia. De modo especial se preocupará del mantenimiento de lazos culturales y sociales con Galicia, sus gentes y su historia, así como su lengua y cultura. La finalidad de los estatutos se realizará sobre todo por contactos alemanes-españoles, culturales, actos históricos, los cuales puede presenciar cualquiera que apoye las metas de esta sociedad".

Organizan reunións para celebrar festas tradicionais como o Nadal, comidas, excursións recreativas; imparten ademais clases de galego, charlas, sesións de video e música, etc.

Asociación Cultural Casa de Galicia

  • AE-AN-CaGa
  • Entidade colectiva
  • 1994-04-29 ata a actualidade

Esta asociación foi creada por emigrantes galegos que residen en Andorra no ano 1994 baixo os auspicios de Manuel Fernández Boán.

Os seus fins están recollidos nos seus primeiros Estatutos, do mesmo ano:

  • Promover contactos e actividades destiñadas a fomentar o coñecemento da cultura e do folclore dentro do Principado
  • Facilitar a comunicación e contactos culturais entre todos os galegos residentes en Andorra
  • Enriquecer culturalmente á comunidade galega abrindo a súa propia cultura á do Principado sen discriminación de ningunha clase para fomentar a solidariedade cultural entre todos os pobos
  • Ensinar, facilitar e fomentar o coñecemento do folclore e a cultura galegos a través das diferentes actividades que se leven a cabo
  • Fomentar actividades deportivas, recreativas e benéficas que teñan por obxeto a convivencia entre todos os galegos
  • Prestar apoio e orientación ós galegos que, pola súa condición de emigrantes, o necesiten.

O 12 de outubro de 1994 concedéuselles a personalidade xurídica.

Publican a revista "Bolboreta" e organizan diversas actividades de carácter cultural como a celebracións do Día das Letras Galegas, o Antroido, Magostos ou o Día de Galicia; actos festivos como romarías e actuacións folclóricas e culturais e actividades deportivas como a práctica do futbol-sala.

Asociación Argentina de Hijos de Gallegos

  • AE-AR-AAHG
  • Entidade colectiva
  • Fundada en 1959. Non existe na actualidade pero non temos constancia da data de disolución.

Esta sociedade foi creada por un grupo de xóvenes, descendentes de emigrantes galegos, que desexaban potenciar a cultura e a realidade galega na terra de acollida dos seus pais. Foi creada na sede da editorial "Follas Novas", organización galega que desde Bos Aires difunde o libro galego en toda América. Entre os seus obxetivos pódese citar: os culturais coa edición de libros e organización de cursos sobre xeografía, historia, arte, literatura e economía galegas. Tamén queren crear un grupo de teatro vocacional con raigame galego.
Entre os seus membros estaban Antonio Pérez Prado (que foi presidente da entidade), José M. Reynoso e Alberto Abalo.
En 1960 organizan ciclos de estudos e debates sobre obras galegas como "Sempre en Galiza" e cursos de lingua galega, un deles impartido por Eduardo Blanco Amor.
En 1962 publican como voceiro social a revista Alen-Mar, que foi dirixida por P. López Romero.

A. B. C. del Partido Judicial de Corcubión

  • AE-AR-ABC
  • Entidade colectiva
  • 1922-08-26 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada o 26 de agosto de 1922 baixo o nome de "Sociedad Agraria y Cultural de los Hijos del Partido de Corcubión", polos emigrantes do partido xudicial de Corcubión residentes na capital arxentina. Os seus primeiros estatutos foron aprobados na Asamblea social do 24 de marzo de 1923, recollendo as súas finalidades principais:
"Capítulo I: Art. 2º: son sus fines: a) propender por todos los medios al mejoramiento agrario de aquella parte de Galicia; b) procurar asimismo la creación de escuelas de instrucción primaria, industriales y de artes y oficios, tendiendo al mejoramiento de las existentes, creando premios y estimulando todo aquellos que esté comprendido en el orden cultural; c) proteger a sus asociados y cuidar de su mejoramiento físico, estableciendo todo lo que conduzca a este fin, sin descuidar la asistencia médica, cuando sus medios se lo permitan y llegando a establecer una sal de primeros auxilios (...)".
Dende a súa fundación manteñen un labor en pro da beneficencia e da cultura dos seus asociados. Destacan no seu labor a favor da educación dos nenos deste partido xudicial, chegando a construír catro escolas nas parroquias de Estorde (Cee), Nemiña (en Muxía), en Pasarela (en Vimianzo) e en Suarriba (Fisterra).
O 26 de agosto de 1925 sae o primeiro número da revista "Alborada", órgano oficial da asociación, coa pretensión de que se convertise no voceiro das súas aspiracións colectivas e de recoller canto de interese xeral acontecese na súa comarca natal. Actualmente segue a editarse.
Contan cunha sede social en propiedade dende 1930, onde funciona a secretaría social; e en 1940 mercaron dous terreos onde instalaron o seu recreo social, para organizar reunións e festas para os asociados.
Na actualidade están centrados nas actividades recreativas, deportivas e culturais, ademais dalgunhas actividades benéficas que realizan segundo as súas posibilidades, colaborando co Hogar Gallego de Domselaar. Asesoran gratuítamente aos socios e membros da colectividade no referente a trámites consulares, pensións, bolsas, campamentos ou axudas especiais.

Asociación Casa de Galicia de Buenos Aires

  • AE-AR-ACaG
  • Entidade colectiva
  • 1933-09-21 ata a actualidade.

O 20 de setembro de 1918 creouse unha entidade baixo o nome de "Casa de Galicia de Buenos Aires" coa finalidade de acadar solidariedade, cultura, arte e recreo para os seus socios, así como reivindicar e valorar a galeguidade na Arxentina.
Esta entidade sufriu unha escisión dun grupo de socios disconformes coa política da directiva no ano 1927, que pasan a crear unha nova sociedade chamada "Nueva Casa de Galicia".
Tras un periodo de crise, en 1933 hai unha refundación da entidade, baixo os auspicios de Manuel Rigueira Montero, primeiro presidente, Domingo González, Emilio Monelos e José Maceira entre outros.
Esta entidade centrase en fins culturais e recreativos. En agosto de 1935 sae o primeiro número do seu voceiro social, a revista "Casa de Galicia", que ten carácter mensual; en 1944 publican ademais a revista "Airiños".
No ano 1954 mercan un campo recreativo que chaman Airiños, para reunirse todos os socios e organizar festas. Finalmente en 1974 mercan un edificio na rúa San José, da capital porteña, que converten na súa sede social.

Asociación del Ayuntamiento de Carral y sus contornos

  • AE-AR-ACar
  • Entidade colectiva
  • Non coñecemos a data exacta de creación pero existe en 1939. Desaparece en 1963.

Esta sociedade de axuda mutua e recreativa foi fundada nos anos 30 do pasado século polos naturais do concello de Carral. En xullo 1939 participou na homenaxe, que a colectividade galega de Bos Aires lle fai a Rosalía de Castro, con motivo do centenario do seu nacemento, celebrando un gran festival o día 24 de xullo no Teatro Avenida da capital porteña.
En 1947 publican como voceiro social a revista "Carral".
En setembro de 1963 os socios reunidos en asemblea xeral aproban a súa disolución para integrarse no Centro Coruñés de Buenos Aires.

Asociación Casa Coirós, cultural y mutualista

  • AE-AR-ACoi
  • Entidade colectiva
  • 1906-10-14 ata a actualidade.

Esta asociación de emigrantes foi creada tras a fusión das sociedades "Hijos de Ois" e "Hijos de Coirós" co fin de xuntar esforzos para lograr os seus fins: dar protección e instrución aos seus veciños na terra natal.
Entre os seus fundadores podemos citar a Andrés Bugallo, Pedro Vázquez, quen foi o seu primeiro presidente tras a fusión, Pedro Vara ou Manuel Bugallo.
O lema da entidade foi "la instrucción es la base de la familia, del bienestar y la felicidad".
Os seus primeiros fins foron de carácter mutualista, pero a partir de 1912 cambiaron de obxectivos primando a idea de propagar a cultura e lograr unha maior preparación dos futuros emigrantes do seu pobo natal. A súa finalidade pasou pois a a ser instrutiva e cultural, aprobando en asemblea a creación no seu concello dunha escola que respondese á necesidade de alfabetizar e preparar aos nenos para o seu futuro.
Dende 1913 comezan a enviar regularmente cartos para a construcción dun edificio escolar no seu pobo. En 1919 mercan un local que foi usado como escola para os nenos da parroquia, que eles manterán económicamente.
No seguinte ano mercan unha casa no lugar de Chás (Coirós), no que se instala unha escola e vivenda para os mestres. Esta edificación está rodeada dun amplo terreo cunha superficie de 6.400 m2, que destinan a xardíns e canchas de xogos deportivos para a mellor educación física e moral dos alumnos. O colexio foi inaugurado en 1924. Dende Arxentina, a entidade crea un fondo de reserva para o funcionamento da escola.
Nas actas de 1925 recóllense os novos propósitos sociais como son a creación dunha Escola de Artes e Oficios e de preparación agrícola, e un campo deportivo.
Dende xaneiro de 1924 publican a revista "Nuestra Obra" como órgano oficial da sociedade.
En 1941, apróbase uns novos Estatutos sociais que seguen a rexir a sociedade na actualidade. Así pasa a ter unha novas finalidades centradas no mutualismo e nas actividades recreativas: socorrer aos asociados nos casos de morte ou necesidade, mediante a formación dun fondo común procedente das cotas sociais; fomentar e estreitar os lazos de unión e amizade entre todos os asociados, organizando a tal fin reunións sociais e actos culturais e soster relacións de amizade coas asociacións de igual índole.

Agrupación argentino-gallega pro-Centro Gallego, grupo juvenil

  • AE-AR-AGJ
  • Entidade colectiva
  • Creación: 1967-03-22

Grupo constituído no seo do Centro Gallego de Buenos Aires, formado polos membros máis novos dunha das faccións en liza pola presidencia desta institución.
Ademais da defensa dun programa político marcadamente nacionalista, dedicouse a organizar actividades culturais e recreativas.

Ateneo Curros Enríquez

  • AE-AR-ATCur
  • Entidade colectiva
  • 1931-04-14. Non coñecemos cando queda disolta.

Esta entidade é en realidade a sección cultural da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina. Foi creada en 1931 para xestionar e planificar todas as actividades culturais levadas a cabo por esta federación e polas sociedades que a integran.
Nos anos 50 crea unha biblioteca federal como centro de cultura para todos os socios federados, iniciando unha labor cultural cos seguintes puntos: "1º- lectura comentada con debates; 2º- cursos de preparación e formación para os socios; 3º- empréstimos de libros a domicilio; 4º- organizar conferencias sobre temas científicos e literarios".
Tamén crea unha escola de teatro para a colectividade emigrada.
Todos os anos conmemora o Día de Galicia, lembrando aos mártires galegos, e organizando un ciclo de conferencias, funcións de teatro, torneos deportivos etc.

Alianza de Céltigos, Incio, Corbelle y sus contornos

  • AE-AR-Ali
  • Entidade colectiva
  • Creada en 1926-02-20, en 1943 desaparece como tal ao fusionarse con outras entidades para a creación do Centro Lucense de Buenos Aires

Esta sociedade foi creada o 20 de febreiro de 1926 en Bos Aires, polos emigrantes residentes alí, e naturais da comarca de Sarria. Entre os seus fundadores pódese citar a Enrique Díaz, Eduardo Núñez, Julio Martínez, José Lago, Luis López, Constantino Núñez, Casto Olmos, Antonio García, Benedicto Darriba, Manuel López, Rafael López, Demetrio Díaz e Vicente Rivas.
Esta sociedade instrutiva e mutualista, tiña entre as súas finalidades: fomentar o espíritu de sociabilidade entre os socios e as súas familias, mediante actos e reunións que serviran de expansión e fraternidade; velar polos asociados, emprestándolles axuda moral e material, dedicando a maior atención aos enfermos e necesitados; dar a coñecerse en Galicia, a fin de que os seus veciños coñecesen qué podían obter da entidade que "los recibirá fraternalmente y orientará facilitándoles trabajo y prestándoles la ayuda pecuniaria que precisen".
O 10 de decembro de 1942 aproban en asembleia xeral de socios a súa disolución para integrarse nunha nova entidade que englobaría ás sociedades de emigrantes da provincia de Lugo, o "Centro Lucense".

Asociación Villagarcía de Arosa

  • AE-AR-AsVillag
  • Entidade colectiva
  • 1933-07-09 ata a actualidade.

Esta sociedade mutualista e recreativa foi creada por un grupo de emigrantes naturais do concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, residentes na Arxentina e fundada baixo o nome de CÍRCULO DE VILLAGARCÍA DE AROSA, o 9 de xullo de 1933. Entre os seus fundadores destacan Domingo Antonio Ramos e Julio Quiteiro. O seu obxectivo principal era manter a unión entre os seus paisanos e conceder axudas aos socios máis necesitados. Teñen tamén actividades recreativas e de esparcimento.

No ano 1943 os socios votan polo cambio de denominación da entidade pasando a chamarse SOCIEDAD DEL AYUNTAMIENTO DE VILLAGARCÍA DE AROSA que integra a todas os emigrantes naturais desa comarca. Dende 1944 ata 1952 non temos noticia de que teña actividade. Xa no 1952 no libro de Asambleas de Socios aparece especificado que se produce unha segunda época constando como unha refundación da mesma baixo a comisión directiva presidida por Domingo Antonio Ramos e Julio Quinteiro.

En asemblea xeral ordinaria do 14 de setembro de 1991 se decide o cambio de denominación da sociedade, que pasará a denominarse ASOCIACIÓN VILLAGARCÍA DE AROSA e a funcionar con carácter de personería xurídica dende o 2 de febreiro de 1993.

Banco Español del Río de la Plata

  • AE-AR-BEsp
  • Entidade colectiva
  • 1886. Non existe na actualidade.

Esta entidade financieira foi fundada por un colectivo de banqueiros e comerciantes españois instalados no Río da Prata (Arxentina, principalmente, pero tamén Uruguai) e que intentaban atraer os aforros dos milleiros de galegos e españois emigrantes en América.
En moitos casos participou activamente en numerosos actos e proxectos da colectividade para recaudar cartos en pro dos máis necesitados.

Banco de Galicia y Buenos Aires

  • AE-AR-BGBA
  • Entidade colectiva
  • 1905. Non existe na actualidade

Entidade financieira que foi fundada por un grupo de empresarios de orixe galega para atraer os aforros dos emigrantes galegos que vivían e traballaban na Arxentina. Tamén, como non, aos aforradores e inversores nativos do país.
Teñen sucursais nas principais cidades americanas e mesmo en Galicia.

Centro del ayuntamiento de Samos

  • AE-AR-CASam
  • Entidade colectiva
  • 1927-02-10 ata 1943-01-09, ano no que se fusiona con outras entidades para crear o Centro Lucense de Buenos Aires

Esta sociedade foi creada polos naturais do concello lucense de Samos, residentes na capital arxentina, cunha finalidade instrutiva: a súa idea era fundar unha escola na súa terra natal. Para iso celebran varios banquetes e festas, co fin de recadar fondos. Finalmente non temos constancia de que acadaran este obxectivo.
Entre os seus fundadores pódese citar a Camilo Regueiro, que foi o primeiro presidente da entidade, José M. Fernández, Ramón Gómez, José Vilela, José Villanueva, Manuel L. Valladares entre outros.
Durante a súa existencia van primar as actividades recreativas e de axuda mutua entre os socios.
Finalmente en 1942 aproban en asemblea xeral a súa fusión con outras entidades de lucenses, para crear o centro provincial, Centro Lucense de Buenos Aires.

Resultados 1 a 20 de 1806