O 14 de decembro de 1958 cinco emigrantes en Venezuela orixinarios do partido xudicial de A Estrada acordaron crear unha Comisión Preparatoria, presidida por Manuel Coto Porto, que aprobou a constitución dunha sociedade e a elaboración dos estatutos societarios. O 22 de setembro de 1959 elixiron unha directiva presidida por Manuel Goldar e o 6 de decembro de 1960 foi inscrita de xeito oficial como asociación. Foi o primeiro centro benéfico galego creado en Venezuela con carácter local ou comarcal.
Tras un período de decadencia esta entidade reaparece de novo en 1971, conseguindo no ano 1979 uns 460 socios. Na actualidade conta 242 socios, todos eles galegos. Segundo os seus estatutos soamente admiten como socios aos nacidos no partido xudicial de A Estrada (concellos de A Estrada, Forcarei e Cerdedo), aos cónxuxes e aos seus fillos.
Trátase dunha asociación de carácter benéfico e cultural cuxos principais obxectivos son axuda mutua a todos os asociados, tanto benéfica como social, sobre todo en casos en que por enfermidade ou accidente algún socio quede incapacitado física ou mentalmente, defender os valores autóctonos de Galicia e realizar actividades culturais e recreativas.
Non teñen sede propia. Para a maioría das súas actividades empregan as instalacións da "Hermandad Gallega de Venezuela" en Caracas e en Valle Fresco.
Dende o ano 1982 publican o "Boletín Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada". Celebran a Festa de San Paio (patrón de A Estrada), a Festa da Richada e Romerías. Contan con tres equipos de fútbol sala en diferentes categorías. Teñen sepulturas no Cemiterio do Este en Caracas a disposición dos socios con menos recursos económicos.
Obtivo a condición de galeguidade o 28 de xaneiro de 1988 por Decreto 31/88 (DOG nº 28 do 11 de febreiro).
Publicado
Parcial
Borrador
Cartaz das actividades organizadas polo Centro Benéfico Social "Hijos de La Estrada" con motivo das Festas do seu Patrono, San Paio, do 28/06 ao 03/07 de 1994 (476 x 310 mm), conservado en formato papel.
Aberto a novos ingresos
A propia institución e Arquivo da Emigración Galega - CdC
Consulta en sala para investigadores e demais persoas interesadas na temática migratoria
Permítese a súa reprodución dixital ou reprográfica