A creación do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), aprobada polo Pleno do Consello da Cultura Galega o 25 de xullo 2019, é o resultado de liñas de reflexión, proxectos e prácticas desenvolvidas na institución en materia de igualdade, feminismos, mulleres, sexos, xéneros e sexualidades en diferentes áreas de investigación e acción social: ciencia, filosofía, socioloxía, antropoloxía, política, cultura, dereito, historia, educación, traballo, economía, arte, música, antropoloxía, literatura, lexislación, psicoloxía, saúde, centros da memoria, ….
A máis de promover espazos de coñecemento e reflexión, e grupos de traballo específicos para o estudo e a elaboración de informes e actividades, o CDIF, desenvolve liñas de acción centradas no patrimonio documental e destinadas á recuperación e posta a disposición pública de materiais de arquivo, bibliografía, recursos hemerográficos, webgráficos ou audiovisuais.
Unha das finalidades do CDIF, consiste na recuperación da documentación arquivística e documental producida grupos e colectivos feministas e/ou de lesbianas, bisexuais, transexuais, intersexuais, queer, …, con actividade en Galicia. Trátase de contribuír á desaparición, deterioro ou extravío deste valioso patrimonio documental imprescindible para entender e explicar o pasado e os tempos máis actuais.
Na incorporación de fondos, o proxecto "Memoria en movemento" emprega formulas de doazón e cesión temporal para a dixitalización, sempre abertas ás persoas e entidades que decidan participar no proxecto.
Memoria en movemento presta atención ás redes de relación das organizacións obxecto de interese, e abrangue dous fondos especiais interconectados entre sí:
- MFOG: consiste na reunificación parcial de materiais producidos por grupos e colectivos de mulleres e/ou feministas con actividade en Galicia, organizados de xeito independente ou con espazo propio dentro de entidades maiores
- LGTBIQ+: consiste na reunificación parcial de materiais producidos por grupos e colectivos de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, intersexuais ou queer con actividade en Galicia, organizados de xeito independente ou con espazo propio dentro de entidades maiores.