Esta sociedade de beneficencia foi fundada na Habana o 24 de xuño de 1928, por un grupo de emigrantes da parroquia de San Adrián de Veiga do concello de Ortigueira. Un dos fundadores e promotor da súa fundación foi Antonio Couzo García, primeiro presidente da sociedade, quen tamén fundaría tras a súa marcha a Miami en 1971, a sociedade "Casa de Santa Marta de Ortigueira" como réplica da casa matriz da Habana. Outros socios fundadores foron: Daniel Rebollar Martínez, Manuel Casal Piñeiro, Manuel Díaz Ramil, Enrique Prieto Valcárcel, Manuel Piñón Rodríguez, Abelardo Piñón Rodríguez, Pedro López Salgueiro, e José Antonio Prieto Valcárcel.
Esta asociación foi creada co fin de realizar actividades mutualistas e asistenciais en pro dos seus asociados. No seu primer regulamento, de 1928, establecíase que a asociación tería por obxectivo prioritario prestar auxilio aos asociados necesitados de amparo cando por enfermidade, falta de traballo ou imposibilidade física para o mesmo, se viran precisados de axuda, así como naqueles casos de enfermidade ou indixencia que lles fixera necesario voltar á súa terra.
No ano 1929 organizan en Ortigueira unha campaña de propaganda para captar socios, dándolles a coñecer as vantaxes que lle reportaría inscribirse na sociedade e así cando emigrasen, podían dirixirse ao delegado social que lles facilitaría todos os requisitos que esixía a lei de Inmigración cubana, ademais de contar coa axuda da entidade a súa chegada.
En 1933 aproban a inclusión das mulleres como asociadas de pleno dereito e forman un comité de damas, para axudar a preservar a moral das fillas do concello de Ortigueira, procurando que estas non se atopen abandonadas nun país estrano. En outubro de 1934 aproban a construción do primeiro panteón que se inaugura o 8 de novembro de 1936; tras varias ampliacións, o 20 de xaneiro de 1952 constrúen o actual panteón, no Cemiterio de Colón da Habana, e no que teñen dereito a ser inhumados todos os socios con máis de 2 anos de inscrición e sen custos.
En febreiro de 1941 editan o primeiro número de "El Heraldo Ortigueirés" que se publicou ata 1959.
Esta sociedade conta cun edificio social da súa propiedade inaugurado o 28 de marzo de 1943, cunnha biblioteca que leva o nome de Ramón Armada Teijeiro e que contaba con máis de 1.200 volumes.
Dende os seus comezos contou con numerosos socios, chegando a ter en 1960 uns 21.000. Nos Estatutos renovados de 1978, os fins continuaban sendo benéficos e de axuda mutua entre os socios, ademais de organizar conferencias, veladas e calquera outra actividade recreativa en beneficio dos asociados.
Actualmente a súa actividade máis destacada é visitar aos socios enfermos e axudarlles con socorros en efectivo segundo o tempo que pertenceron á sociedade. Tamén organizan na súa sede cursos de terapia ocupacional e outras actividades recreativas e deportivas como festas, xogos de salón, campionatos de axedrez, billar e dominó etc.; celebran anualmente o aniversario da institución, o Día de Defuntos, e a festividade de Santa Marta de Ortigueira. Contan cunha escola de baile e conseguen financiación polas cotas sociais (contan con preto de 12.000 socios) e polos ingresos dun pequeño restaurante "Mesón Ortigueirés".
Dende o ano 2000 é presidente social, Rodolfo Valentino Blanco Estévez.
A Sociedad de Beneficencia Española de México, foi creada o 9 de outubro de 1842, como unha institución benéfica para axudar aos membros da colectividade española asentada no país. Fundada por Don Francisco Preto y Neto (primeiro Cónsul General de España en México) para, segundo os estatutos, socorrer aos españois "verdaderamente necesitados", viuse axiña na necesidade de asistir e atender tamén aos enfermos.
Nos primeiros anos non tiña hospital propio, polo que tivo que recurrir aos existentes na capital, como Hospital de San Juan de Dios. En 1860, a directiva da entidade alugou unha sala con seis camas no Hospital de San Pablo, á que chamaron "Sala Española". Uns anos despois consegue unha sala maior, no mesmo hospital, na que instalan 15 camas, ata que en 1873 se trasladan ao Hospital de San Cosme, atendido pola orde relixiosa francesa, Hermanas de la Caridad. Foi este o xerme do sanatorio da Beneficencia Española.
En 1877 teñen que abandonar o hospital por falta de espazo e atopan unha vella casona na rúa Niño onde instalan o seu primeiro hospital propio ao que chaman "Casa de Salud Asilo Español". A necesidade de ter máis espazo para crear salas de especialidades, servizos e demais dependencias, levounos a mercar solares e casas veciñas para expandirse. En 1932 inaugura o Sanatorio Español, construído na Colonia del Bosque.
Este sanatorio, actual Hospital Español, converteuse nun dos hospitais máis modernos do país, e conta cun "Centro de Enseñanza e Investigación Dr. Ángel Matute Vidal", con 6 aulas, dotadas coa máis alta tecnoloxía. Pero ademais do que un hospital debe ter, equipo, aparatos, médicos, enfermeras, practicantes, residentes (o Español ten 174), conta tamén con 8 residencias para anciáns xubilados, cuxa poboación está formada por un 85% de mexicanos, esposa e fillos de españois; unha axencia de viaxes, outra de seguros, farmacia, un banco, dúas florarías, unha tenda de roupa para bebé, pastalería con venda de libros e revistas, caixeiros automáticos, unha capela, oficina do Rexistro Civil no pavillón Pabellón Mundet de Maternidad, facilitando así aos pais os trámites administrativos; zonas verdes, xardíns, etc.
A política da directiva da Beneficencia continúa a ser a expansión, e así en 2004 inaugura "El Hospitalito", un centro sanitario pedriático de primeiro nivel. E en 2006, contrúe un “Centro Médico” no que se fusiona un centro de congresos e asembleas, un auditorio, locais comerciais, amplos estacionamentos, un salón de multifuncional, etc. e o "Complejo Médico Antonino Fernández Rodríguez", con dez pisos de consultorios médicos e o "Centro de Convenciones Cinia González Diez" cun auditorio para 508 personas, cafetería e parking.
A Junta Española de Covandonga, é un apéndice da Sociedad de Beneficencia Española, encargada de recadar fondos, con visitas aos benfeitores e a través da organización de actos sociais e artísticos para soster o labor dos asilos da Institución. Entre as súas actividades destacan:
- Emisión de recibos de doazóns, deducibles de impostos.
- Durante todo o ano, os directivos realizan visitas aos posibles benfeitores para recadar fondos.
- Organiza e coordina o Festival de Música, Coros y Danzas Españolas coa participación dos cadros artísticos dos Centros hispanos da capital, que se celebra no Palacio de Bellas Artes, dende hai maís de medio século.
- Dende fai anos organiza e coordina o Festival Infantil de Música, Coros y Danzas Españolas cos cadros artísticos infantís das sociedades de emigrantes.
- Organiza anualmente a Romaría de Covadonga, no mes de setembro.
- Selecciona a Madriña, que se encarga de representar á Sociedade nos diferentes eventos culturais e sociais cos demais Centros Españoles.
- Organiza actividades sociais nos asilos da terceira idade, encamiñados a dar entretemento aos asilados nas diferentes festividades como o Día de Reis, Día da Candelaria, Día da nai e do pai, Día da Virxe de Covadonga etc. e mensualmente festexan os aniversarios e santos dos asilados
- Organiza diferentes eventos, para lograr fondos destinados á Sociedad de Beneficencia Española, como desfiles de moda, concertos, etc.
Esta sociedade tivo dous precedentes: o "Centre Catalá" (fundado na década dos 40) e unha sociedade galega que baixo a advocación do Apóstolo Santiago se creara na Habana en 1804. Foi fundada o 31 de decembro de 1871 na cidade da Habana. O 28 de xaneiro de 1872 tivo lugar a primeira reunión dos socios no Teatro Tacón, onde se elexíu a primeira directiva integrada por: presidente, Ambrosio Tomati; secretario, Pedro de Lago; tesoureiro, José García Barbón; consiliarios: Juan Baldonedo, José Pla Monge, José Carreras, Manuel Misa, Juan Mendizábal, Hipólito Varela, Francisco Lamigueiro, Adolfo Gasset, Fernando Blanco, Juan A. Paz, Nicolás Vázquez de la Torre, Camilo Feijoo Sotomayor. No 1872 foron nomeados socios de honra: Virginia F. Auber e Rosalía de Castro.
Nos seus primeiros estatutos de 1872 esta asociación ten como obxecto principal protexer aos seus asociados e ás súas familias e socorrer aos que non sendo socios sexan oriundos de Galicia e precisen auxilio, sempre que residan na Habana e se comprobe a súa necesidade.
A Institución, dende a fundación do Centro Gallego da Habana, a principios de século, estivo totalmente ligada a dito centro, instalándose nunha das súas oficiñas a partires de 1922.
No ano 1949 reforma os seus estatutos nos que destaca ademáis do labor de auxilio e socorro aos asociados, a axuda para a repatriación dos socios que teñen que retornar a Galicia e que non que teñen medios para pagar a pasaxe. Recollen tamén a idea de publicar periodicamente unha revista titulada "La vida gallega en Cuba", que sería o órgano oficial da sociedade e que será de distribución gratuíta.
Tras a revolución castrista, a institución viuse moi limitada, debido tanto a crise do país como a expropiación de moitas das súas propiedades. Seguen a prestar servizos aos socios sobre todo polo magnífico Panteón Social que posúen no Cemiterio Colón.
Actualmente o seu presidente é Alfredo Gómez Gómez.
Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello de Baleira residentes na capital arxentina. Dende os seus inicios ten como finalidades prioritarias a axuda mutua e apoio entre os socios e a realización de actividades recreativas para fomentar a unión entre os mesmos. Defende tamén postulados agraristas.
En 1938 aproba en asemblea a súa fusión coa sociedade "Unidos de Fonsagrada", pasando a constituírse nunha nova entidade co nome dos dous concellos lucenses. Finalmente esta entidade participará na creación do Centro Lucense de Buenos Aires en 1943.
Esta sociedade foi fundada o 19 de xuño de 1945 como unha entidade para realizar actividades de tipo cultural e recreativo: escola de baile, grupos folclóricos, etc.
No ano 1990 fundaron o grupo folclórico "Aires Galegos da Habana e Escola de bailes" que con motivo do aniversario da súa fundación actúan en diversos lugares e participan en festivais por América. Tamén é deste ano a creación do grupo de baile e música "Aires Galegos da Habana".
Teñen a súa propia sede social nun antigo edificio que data de 1877. Ademais do salón de baile que funciona como teatro, conta cun salón para actividades recreativas (billar, tenis de mesa, dominó e axedrez) e un restaurante con comida tradicional galega e criolla e unha cafetería.
Pertence á "Comisión Coordinadora de las Sociedades Gallegas de Cuba" (29/05/1992) e forma parte da "Federación de Sociedades Españolas en Cuba" (7/04/1992).
Na actualidade, e dende o ano 2000, o seu presidente é Sergio Manuel Toledo Bueno.
Esta sociedade foi creada por un grupo de emigrantes, naturais do concello de Muxía e residentes en Bos Aires, para crear escolas na súa terra natal e axudar ao desenvolvemento do seu distrito; tamén tiña fins mutualistas coa creación dun fondo de socorro para a repatriación dos socios enfermos ou necesitados.
Pódese destacar entre os seus proxectos:
a) axudar nas necesidades máis urxentes do concello, en tres aspectos fundamentais: a instrución elemental (neutra e racional) e a ensinanza agrícola ( en canto se refire á divulgación dos modernos coñecementos e prácticas sobre agricultura, gandería, industria leiteira e derivadas, e especialmente o desenvolvemento de granxas), e o fomento dos sindicatos agrícola-gandeiros (como factores do progreso económico da comarca e do benestar individual do labrador, dende a imposición dun seguro, implantar as cooperativas para a adquisición de semillas e abonos químicos e sobre todo á creación de caixas rurais de depósito e empréstimo que liberen ao labrador das garras da usura).
b) dotar ao partido xudicial dunha sala de primeiros auxilios médicos.
Esta entidade foi fundada por iniciativa de Leopoldo M. Balboa, Eduardo Leis, Ramón Lestón, Antonio Paz, Joaquín Campos, Manuel Oreiro e C. Balboa López.
No ano 1925 merca un solar na parroquia de Morpeguite para construír unha escola e unha granxa experimental, onde os alumnos terían clases de gandería e de agricultura científica, pagadas dende Arxentina. A finca estaba situada entre Morpeguite e Pasantes, punto estratéxico circundado de varios camiños veciñais para así facilitar o acceso á escola aos numerosos nenos das parroquias de Muxía. Envía 2.600 pesetas para efectuar a compra do solar.
En 1928, xira 250 pesetas para a subscrición organizada entre os veciños de Moraime, para conseguir fondos con que dotar á súa escola de material de lectura, e mobiliario dos que se atopa moi necesitada. Acordouse que os mestres das escolas do concello recabasen informes sobre as necesidades máis urxentes das súas respectivas escolas e llos enviaran á esta sociedade. Tamén lles envian 280 pesetas ao mestre de Merexo. Tamén envían libros e mapas de Arxentina e Bos Aires para as escolas. Institúe un premio anual para o mellor alumno das escolas.
En decembro sae na prensa a noticia de que o concello de Muxía ofrécese para construír un edificio escolar seguindo as normas aconselladas pola pedagoxía moderna, que vai funcionar como escola agrícola, na que ademáis da ensinanza primaria. Esta sociedade ofrécelle o seu apoio e fondos para realizar esta importante obra.
En 1931 fai unha doazón de 500 pesetas para a Residencia de estudiantes da USC.
Dende 1928 publica un boletín social co nome da entidade.
Xa a finais dos anos 30 comeza as conversas coa "A.B.C. del partido judicial de Corcubión" para a fusión de ambas as dúas entidades. Esta fusión levouse a cabo en 1940.
A iniciativa de crear un centro galego en Zarautz xorde dun grupo de galegos que quedaban os venres para cenar.
Segundo o artigo nº 2 dos seus Estatutos de 27 de novembro de 1980 o seu único obxectivo é proporcionar aos socios un lugar de reunión e contar con medios de instrucción adecuados, como lectura de prensa, obras literarias, etc. No artigo nº 3 especifican o resto de actividades que se permitirán: toda clase de xogos que sexan lícitos, así como todo xénero de distraccións que non atenten contra a urbanidade, o decoro, educación e respecto ás propias persoas.
No seu local social contan con dous comedores, cociña, bodega, oficina, etc. Contan cun grupo folclórico, celebran o Día das Letras Galegas e unha festa societaria o día do Apóstolo Santiago e colaboran con outros centros ou sociedades para recadar fondos con carácter benéfico.
Esta sociedade foi creada a comezos de 1932, tras a fusión da "Sociedad cultural de la Carballeira", creada no ano 1917, e a "Sociedad de Nogueira de Ramuín", creada o 4 de xullo de 1931. Esta última fora fundada pola separación dun grupo de socios do Centro Nogueira de Ramuín, que xa existía en Bos Aires dende 1918; estes socios, comandados por Antonio Alonso, Enrique Soto Fernández, Claudio Fernández, Luis Guede, Angel R. Barbato, Antonio Devito, José Soto Fernández, entre outros, eran contrarios á política da entidade con respecto á Federación de Sociedades Gallegas.
Unha das condicións da fusión de ambas as entidades, creadas polos emigrantes do concello ourensán de Nogueira de Ramuín residentes en Arxentina, foi que se mantivese como unha das súas finalidades a construción da casa-escola na Carballeira. Ademais tiñan obxectivos mutualistas e culturais.
En 1934 organizan unha velada musical a total beneficio desta edificación escolar e en 1935 un dos membros da directiva, Claudio Fernández, foi enviado a Galicia para axilizar as obras.
Esta sociedade manifestouse totalmente favorable ao bando republicano. Creou o Comité de Nogueira de Ramuín de Ayuda al Frente Popular Español e enviou varias doazóns económicas para a República.
Tras o triunfo franquista, a idea imperante na Federación e na colectividade galega residente en Arxentina era a unión entre as sociedades afíns, para conseguir maiores logros sociais e superar o microasociacionismo existente. Tras numerosas reunións, o 25 de xaneiro de 1941 prodúcese a fusión das sociedades ourensás de Bos Aires, Centro Nogueira de Ramuín, Sociedad Cultural Nogueira de Ramuín (unificada con Carballeira), Hijos del Ayuntamiento de Pereiro de Aguiar e Sociedad Cultural y Recreativa del Ayuntamiento de Esgos. Constituirase unha nova entidade baixo o nome de Centro Orensano de Buenos Aires.
Os naturais de Dodro, emigrantes en Bos Aires, crearon esta sociedade agraria e mutualista, no país de acollida para axudar no funcionamento da Sociedade Agraria de San Julián de Laíño (parroquia do seu concello natal).
Entre os seus fundadores podemos citar a Tomás Viturro (primeiro presidente da entidade), Ramón Torrado, Perfecto Blanco, Manuel Reboiras ou Manuel Viturro, entre outros.
Con finalidades agraristas e instrutivas, os seus estatutos sociais recollen que entre as súas prioridades están apoiar a loita do sindicato agrario da súa parroquia contra o caciquismo local e axudar no desenvolvemento da instrución da xuventude da súa terra natal.
Ao pouco tempo da súa fundación, fan un envío de 6000 pesetas á sociedade de agricultores, para a construción en Tallós dun edificio, que debía funcionar como a súa sede e no que debían habilitar unhas aulas para escola dos nenos e nenas da parroquia.
En decembro de 1916, hai noticias do remate das obras e da inauguración do edificio social. Ademais do financiamento das obras, mandan cartos periodicamente destinados ao seu mantemento e ao pagamento do soldo do mestre, ata o ano 1956.
Esta entidade formou parte da Federación Agraria del Distrito de Padrón en Buenos Aires, entidade que tiña como voceiro a revista El Eco de Teo.
O nome fundacional desta sociedade fai referencia á orixe parroquial dos socios fundadores. En 1940, debido ao cambio de finalidades, prodúcense disensións que provocan a súa disolución.
En maio de 1925 un grupo de emigrantes naturais do concello do Pino decide fundar unha nova sociedade da que formarán parte todos os veciños das parroquias do partido xudicial de Arzúa (Arca, Budiño, Castrofeito, Cebreiro, Cerceda, Ferreiros, Gonzar, Lardeiros, Meda, Pereira, Pino e Pastor), residentes na Arxentina. A súa creación foi patrocinada pola sociedade "Unión Galaico-Americana". Meses despois publica a súa intención de apoiar e organizar outra sociedade dos veciños do Pino residentes en Cuba, acordando imprimir e enviarlles notas impresas explicando a maneira máis convinte para realizar tal propósito.
Entre os socios fundadores podemos citar qa Bonifacio Botana, Manuel Gil, Luis Carreira, Manuel Fandiño, José Muiña, José Gómez Muiña, Andrés Fandiño, Manuel Suárez Seijo, Antonio Otero, José Pereiro, Ramón Cotón, José Blanco e Antonio Calvo, entre outros.
En 1925 organiza un festival artístico-literario e baile familiar a beneficio da escola civil "Cristóbal Colón", que funciona na parroquia de Gonzar (O Pino). Para a construción e mantemento da escola contaron tamén coa axuda dos seus veciños en Galicia. Está ademáis creando unha biblioteca ambulante, con máis de 200 volumes, que percorrerá todas as localidades do partido xudicial de Arzúa.
En 1926 inicia o proxecto de crear unha cooperativa de consumos e unha pequena granxa agrícola, sempre colaborando cos seus paisano sda illa de Cuba.
En 1941 sabemos da súa fusión coas sociedades do partido xudicial de Arzúa en Bos Aires, pasando a denominarse "Asociación partido judicial de Arzúa y cultural de El Pino".
Esta sociedade foi creada en 1928 polos emigrantes naturais do concello lucense de Cervantes, residentes na capital arxentina. Tiña unha finalidade claramente cultural e recreativa.
En 1943 fusiónase con outras entidades de emigrantes da provincia de Lugo para crear o Centro Lucense.
O 24 de setembro de 1922 un grupo de emigrantes naturais da parroquia de Taragoña (concello de Rianxo) fundan na capital arxentina unha sociedade de instrución denominada "Residentes de Taragoña", que tras un breve período de crise, será refundada como "Hijos de Taragoña en la República Argentina" o 20 de xuño de 1923.
En 1924 leva a cabo unha campaña para conseguir máis recursos económicos para construír unha casa-escola nun terreo xa mercado por esta sociedade. O edificio se inaugura en 1929 e será dedicado a escola de nenos e nenas da parroquia.
No ano 1947 desaparece tras a súa fusión coas outras sociedades de emigrantes naturais do concello de Rianxo, convertíndose nunha sociedade recreativa e mutualista.
En 1948 a nova entidade edita a revista "Rianxo", voceiro social moi interesante, con notas gráficas, referencias históricas e interesantes colaboracións.
Entidade artística e recreativa creada por un grupo de emigrantes naturais da Fonsagrada para realizar actuacións e actividades recreativas e culturais no seo da colectividade galega residente na Arxentina.
En 1936 aproba a súa fusión coa sociedade "Residentes del partido de Fonsagrada en Buenos Aires", dando lugar a unha nova entidade co nome de "Unidos de Fonsagrada y sus distritos".
En 1943 pasarán a formar parte do recén creado "Centro Lucense" de Bos Aires.
En 1910 un grupo de conveciños de Vedra, residentes en Buenos Aires, teñen a iniciativa de formar unha entidade que agrupara no seu seo aos conveciños das doce parroquias que compoñen o seu concello natal, coa finalidade de "apoiar moral e materialmente os esforzos dos homes que no lonxano terruño loitaban por emanciparse do prepotente caciquismo reinante".
A reunión tivo lugar na casa dun dos seus máis entusiastas propulsores, Manuel Fernández Castelao, apoiado por José Collazo (primeiro presidente da sociedade), José Cepeda, Manuel Pereiras, Manuel Fernández, José Estévez, Andrés Mosquera, Clemente Fandiño e Andrés López.
O lema desta sociedade agraria, instrutiva e cultural foi "Unión, Protección e Apoio ao Progreso".
Por iniciativa dos socios, a Comisión Directiva resolveu nunha reunión do 13 de outubro de 1911, mercar un terreo na parroquia de Vedra para levantar unha Casa Social, remitindo aos veciños a suma de 600 pesetas para adquirir o solar. Xa estabelecida a sociedade matriz en Vedra, colaboran activamente co sindicato agrario de Vedra, enviando cartos para a compra de abonos, semillas, prantas, sulfatos, azufres e doazóns destinadas a premios para os escolares das parroquias para lograr "o estímulo e elevación cultural del labriego unas veces y para contribuir a mitigar necesidades materiales y humanitarias otras".
En novembro de 1919 comezan unha subscrición para a edificación das pontes de Bazar e Pedreta na parroquia de San Andrés de Trobe e en agosto de 1926, celebran un festival a total beneficio da construción dunha casa-escola en Trobe. Ademais colaboran na construción de varios edificios escolares nas parroquias de San Pedro de Sarandón, Ponte Ulla e San Miguel.
Leva a cabo tamén un importante labor asistencial, dando axudas económicas aos socios, facilitando pasaxes para emigrar sin pago de intereses e tamén para a repatriación en caso de enfermidade.
Polo seu devir como entidade houbo disensións que provocaron o desmembramento da sociedade por parte de grupos de socios naturais dunha determinada parroquia ou tamén de grupos de socios descontentos como os que crearon o "Comité Auxiliar de Agricultores de Vedra" ou posteriormente a "Mutua y Auxiliar de Agricultores de Vedra".