Amosando 1751 resultados

Rexistro de autoridade
AE-AR-ABC · Entidade colectiva · 1922-08-26 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada o 26 de agosto de 1922 baixo o nome de "Sociedad Agraria y Cultural de los Hijos del Partido de Corcubión", polos emigrantes do partido xudicial de Corcubión residentes na capital arxentina. Os seus primeiros estatutos foron aprobados na Asamblea social do 24 de marzo de 1923, recollendo as súas finalidades principais:
"Capítulo I: Art. 2º: son sus fines: a) propender por todos los medios al mejoramiento agrario de aquella parte de Galicia; b) procurar asimismo la creación de escuelas de instrucción primaria, industriales y de artes y oficios, tendiendo al mejoramiento de las existentes, creando premios y estimulando todo aquellos que esté comprendido en el orden cultural; c) proteger a sus asociados y cuidar de su mejoramiento físico, estableciendo todo lo que conduzca a este fin, sin descuidar la asistencia médica, cuando sus medios se lo permitan y llegando a establecer una sal de primeros auxilios (...)".
Dende a súa fundación manteñen un labor en pro da beneficencia e da cultura dos seus asociados. Destacan no seu labor a favor da educación dos nenos deste partido xudicial, chegando a construír catro escolas nas parroquias de Estorde (Cee), Nemiña (en Muxía), en Pasarela (en Vimianzo) e en Suarriba (Fisterra).
O 26 de agosto de 1925 sae o primeiro número da revista "Alborada", órgano oficial da asociación, coa pretensión de que se convertise no voceiro das súas aspiracións colectivas e de recoller canto de interese xeral acontecese na súa comarca natal. Actualmente segue a editarse.
Contan cunha sede social en propiedade dende 1930, onde funciona a secretaría social; e en 1940 mercaron dous terreos onde instalaron o seu recreo social, para organizar reunións e festas para os asociados.
Na actualidade están centrados nas actividades recreativas, deportivas e culturais, ademais dalgunhas actividades benéficas que realizan segundo as súas posibilidades, colaborando co Hogar Gallego de Domselaar. Asesoran gratuítamente aos socios e membros da colectividade no referente a trámites consulares, pensións, bolsas, campamentos ou axudas especiais.

AGM-F
AGMP
AE-AR-AGJ · Entidade colectiva · Creación: 1967-03-22

Grupo constituído no seo do Centro Gallego de Buenos Aires, formado polos membros máis novos dunha das faccións en liza pola presidencia desta institución.
Ademais da defensa dun programa político marcadamente nacionalista, dedicouse a organizar actividades culturais e recreativas.

Agrupación artística gallega
AE-CU-AAG · Entidade colectiva · 1919-09-23 ata a actualidade

Fundada co obxectivo de fomentar o cultivo da música e a arte teatral, con preferencia da cultura galega. Para realizar as actividades vencelladas con este fin, tiña un salón-teatro de 520 butacas, salas de entretemento e xogos, e un bar para os socios. Dispoñía dun fondo bibliográfico importante con máis de 2.500 volumes, dos que 500 son de língua galega.
No ano 1920 preside a entidade José Villamil e como director artístico traballa Ricardo Fortes. En 1923 o presidente foi Manuel Fernández Taboada e como vicepresidente Maximino Matalobos que no ano 1928 será presidente. En 1935, o presidente foi Manuel Alvarez Lueiro. En 1937, sendo presidente José Rivera Luaces, nomease presidente de honra a Paulino Fernández.
Creou unha masa coral e un grupo teatral fundado en 1920, e desde 1925 contará cun orfeón e coros típicos galegos.
Debido un incendio perdeu moita da súa documentación histórica e a súa rica biblioteca. Actualmente están en proceso de restauración do edificio e do seu teatro onde seguen a organizar diferentes actividades culturais: bailes, obras de teatro, actuacións musicais, etc. Ten unha agrupación coral enxebre "Salayos", un coro denominado "Vigo" e o grupo de danza "Compostela".
Na actualidade o seu presidente é Julio Santamarina e conta con máis de cincocentos socios.

AE-AR-CorRo · Entidade colectiva · 1939-03-30 ata 1963, ano no que se integra no "Centro Pontevedrés" de Buenos Aires.

Esta sociedade cultural e artística foi creada por emigrantes galegos na Arxentina, para participar na homenaxe que a colectividade galega de Bos Aires lle fixo nese ano a Rosalía de Castro, con motivo do centenario do seu nacimento, celebrando un gran festival o día 24 de xullo no Teatro Avenida.
Esta asociación continúa no seu labor en defensa da cultura e a arte galega ata xaneiro de 1963 en que aproba a súa integración no "Centro Pontevedrés".

Agrupación Cultural Abrente
ABR · Entidade colectiva · Ribadavia, 1969 - 1983

A Agrupación Cultural Abrente constitúese o 8 de novembro de 1969 en Ribadavia. Nos seus inicios acolle un cineclub, mais logo céntrase no teatro.
Nun contexto de recuperación cultural e socioeconómica que existe a partir da década de 1960 en España, entre 1973 e 1980 Abrente celebra as Mostras de Teatro e o Concurso Abrente de Textos Teatrais en Galego, que contribúe para que xurdisen ou se desen a coñecer novos autores. Arredor destas mostras, xorden os autores do grupo Abrente, o primeiro grupo xeracional de dramaturgos profesionais en lingua galega, grupo entre os que destacan os autores Manuel Lourenzo, Roberto Vidal Bolaño e Euloxio R. Ruibal.

Agrupación Cultural Auriense
AUR · Entidade colectiva · Ourense, 1967

A Agrupación Cultural Auriense organízase en Ourense, no ano 1967, contando coa xente que se reunía no Café Miño e o estudantado de Maxisterio do Café Coralín. A súa primeira sede localizábase na rúa Curros Enríquez, logo asentarías na praza do Correxedor, 17, onde hoxe ten actividade o Café Cultural Auriense. O primeiro presidente da agrupación foi o xurista Nemesio Barxa Álvarez e como presidente de honra, Ramón Otero Pedrayo. Nos primeiros anos, a actividade xirou ao redor da organización de actos e semanas culturais, así como cursos de galego e a publicación do Boletín da Auriense. Nos últimos tempos celebrou actividades que reflicten o seu compromiso coa dignificación cultural de Galicia, como a recuperación e participación en festas e tradicionais populares, campañas de normalización lingüística, concursos literarios, exposicións, xornadas de cinema ou concertos.

Agrupación Cultural Galega Agarimos
AE-ES-AGAga · Entidade colectiva · 1996-12-17 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa e cultural foi fundada o 17 de decembro de 1996 por un grupo de emigrantes galegos asentados en Badalona. Constitúe un lugar de encontro entre estes galegos para conmemorar datas como o Día de Galicia ou o aniversario social, tamén crearon un grupo folclórico de baile e música galega formado polos socios e un grupo de teatro, facendo representacións en datas destacadas.
Dende 1997 editan unha revista social: "A Palloza".

Agrupación Cultural Galega Saudade
AE-ES-AGSau · Entidade colectiva · 1982-09-25 ata a actualidade

Esta entidade de emigrantes galegos asentados nos barrios de Horta, Carmelo e Verdum, da capital catalana, foi fundada en setembro de 1982 como unha entidade cultural co obxectivo prioritario de "promover e defender todos os valores de Galicia, da súa arte, da súa lingua y da súa cultura, así como as súas tradicións e costumes populares (...)". Ademais recollen nos seus Estatutos a posibilidade de axudar economicamente aos socios que o poidan necesitar e de server de lugar de encontro para todos os galegos da zona.
Celebran o Día das Letras Galegas, a festividade de Santiago Apóstolo, o aniversario social, Festa do Magosto e Fin de ano. Nestes actos realizan representacións teatrais e actuacións do seu afamado grupo de baile e música galegos.
Imparten na súa sede cursos de informática, organizan viaxes culturais, exposicións, excursións, festas sociais, conferencias, cursos de galego, de cociña, etc. Teñen un programa de radio titulado "Saudade".