Showing 1783 results

Authority record
Casa de Galicia de Badajoz
AE-ES-CaGaBad · Corporate body · 1998-04-26 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa foi fundada o 26 de abril de 1998 por un grupo de galegos residentes na cidade de Badaxoz.
Nos seus Estatutos sociais especifican a súa finalidade: prolongación de Galicia en Badaxoz, irmanando aos galegos e simpatizantes residentes na cidade no recordo vivo de Galicia; promover actividades culturais, basicamente en función de dar a coñecer o patrimonio cultural galego; benéfico-sociais: todas aquelas que procedan de acordo ás posibilidades da asociación; recreativas: promocionar entre os asociados toda clase de actividades deste tipo, dentro dos cauces legais establecidos.

A sociedade obtivo o recoñecemento de Galeguidade en abril de 2000.

AE-AR-RGr · Corporate body · 1934-09-23 ata a actualidade

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello do Grove, residentes en Avellaneda (Bos Aires). A súa finalidade era conseguir a reunión dos emigrantes grovenses para celebrar as festas tradicionais do seu pobo e outras afíns.
Entre as súas actividades recreativas podemos citar: a celebración das súas festas tradicionais, organización de festivais de carácter benéfico, con danzas e representacións teatrais do grupo teatral propio. Crearon varios programas de radio como: "Carmen de España" e "A Nosa Galicia Sempre" dende 1988.

Centro Gallego de Avellaneda
AE-AR-CGAv · Corporate body · 1899-10-22 ata a actualidade

O Centro Gallego de Avellaneda foi fundado o 22 de outubro de 1899 a instancias entre outros de Antonio Paredes Rey, Manuel Golán, Lino Pérez, Cándido Vallejo, Isidoro Alonso, Ramón Salgado, Modesto Pérez, Modesto Beyro, Isidro Alonso, Andrés de Paylos, Manuel Meaños, José Farina, Pastor González, Generoso Dávila, José Santos Boo, José Figueira, Manuel Dorrego "dando así una prueba más de muestra cultura y para conservar en nuestro corazón el cariñoso recuerdo de nuestra amada Galicia". En 1916 aproban ademais a mutualidade para axudar economicamente aos socios necesitados ou enfermos ou ás familias en caso de falecimento.
Xa nestas datas contan cunha prestixiosa orquestra, un coro, un conxunto teatral e un conservatorio de música, cunha actividade cultural moi destacada.
En 1919 contan cun Instituto Cultural para os socios e os seus fillos, donde imparten clases de solfeo, piano e violín; corte e confección; labores; aritmética razonada; instrucción primaria; caligrafía; debuxo natural, lineal e ornamental; francés; teneduría de libros.
Esta sociedade recreativa e cultural recolle nos seus estutos de 1939 os seus fins sociais: "o recreo, a instrucción civil e moral, a beneficencia e a protección mutua entre os seus asociados baixo o precepto "uno para todos, todos para uno".
Entre os anos 1919 e 1927 fan varias doazóns para subvencionar a Biblioteca América, a Real Academia Galega e para erixir unha estatua a Rosalía de Castro; tamén contribúen economicamente na campaña da edición do Libro Escolar Gallego (en 1929) e para o sanatorio antituberculoso da Lanzada.
Dende 1975 ata 1985 pasaron por graves problemas administrativos e económicos, que fixeron temer a súa desaparición. En 1999 cumpriron cen anos, convertíndose na entidade galega máis antiga existente en Arxentina.
Actualmente desenvolven actividades socioculturais e recreativas, cursos de capacitación profesional para os socios. Celebran as festas galegas como o Día do Apóstolo Santiago, cun tradicional xantar entre todos os socios; o Día das Letras Galegas, etc. Tamén realizan actividades deportivas e en 1991 inauguraron unha Escola de Psicoloxía Social, con asesoramento gratuíto para todos os galegos; tamén teñen un consultorio de asesoramento notarial e xurídico.
Contan cunha biblioteca con 1734 volumes que está aberta polas tardes ó público.

AE-AR-AGJ · Corporate body · Creación: 1967-03-22

Grupo constituído no seo do Centro Gallego de Buenos Aires, formado polos membros máis novos dunha das faccións en liza pola presidencia desta institución.
Ademais da defensa dun programa político marcadamente nacionalista, dedicouse a organizar actividades culturais e recreativas.

AE-AR-Ali · Corporate body · Creada en 1926-02-20, en 1943 desaparece como tal ao fusionarse con outras entidades para a creación do Centro Lucense de Buenos Aires

Esta sociedade foi creada o 20 de febreiro de 1926 en Bos Aires, polos emigrantes residentes alí, e naturais da comarca de Sarria. Entre os seus fundadores pódese citar a Enrique Díaz, Eduardo Núñez, Julio Martínez, José Lago, Luis López, Constantino Núñez, Casto Olmos, Antonio García, Benedicto Darriba, Manuel López, Rafael López, Demetrio Díaz e Vicente Rivas.
Esta sociedade instrutiva e mutualista, tiña entre as súas finalidades: fomentar o espíritu de sociabilidade entre os socios e as súas familias, mediante actos e reunións que serviran de expansión e fraternidade; velar polos asociados, emprestándolles axuda moral e material, dedicando a maior atención aos enfermos e necesitados; dar a coñecerse en Galicia, a fin de que os seus veciños coñecesen qué podían obter da entidade que "los recibirá fraternalmente y orientará facilitándoles trabajo y prestándoles la ayuda pecuniaria que precisen".
O 10 de decembro de 1942 aproban en asembleia xeral de socios a súa disolución para integrarse nunha nova entidade que englobaría ás sociedades de emigrantes da provincia de Lugo, o "Centro Lucense".

Chantada y su partido
AE-AR-Chant · Corporate body · 1915-12

En decembro de 1915 un grupo de chantadinos residentes na capital arxentina reuníronse para fundar unha sociedade recreativa e de socorros mutuos. A súa primeira Xunta Directiva estivo integrada por algúns dos fundadores: como presidente, José Costa Figueiras; vicepresidente, Benigno San Martín; secretario, Rogelio González; prosecretario, Federico de Arce y Campo; tesoureiro, Jesús Fonte Besteiro; protesoureiro, Jesús Suárez Noguerol; contador, Manuel Costa López; e subcontador, Dionisio Méndez.
Ao ano seguinte xa teñen organizado un cadro escénico formado polos socios co que realizan numerosas representacións teatrais, que lles serven para recadar fondos para a organización doutras actividades sociais e de axuda mutua.
Xa en 1925 aparecen noticias dunha posible fusión das varias sociedades de emigrantes do partido xudicial de Chantada que existían nese momento en Arxentina: Monterroso y Antas de Ulla, Agraria de Palas de Rey, Monterroso y Antas de Ulla, El Despertar de Monterroso, Palas de Rey y Antas de Ulla, Residentes del Ayuntamiento de Antas de Ulla, Hijos del Ayuntamiento de Carballedo, Juventud de Chantada y su partido, e Asociación de Chantada y su Partido, pero finalmente non temos constancia de que se levase a cabo.
Nos anos 30 conseguen ter en propiedade a súa sede social situada na rúa Alsina.
Dende 1930 publican como voceiro social a revista "El Partido de Chantada" que serve para informar aos socios das súas actividades.
No seu 27º aniversario fundacional destacan que a finalidade básica da entidade é "construir, cooperar y fomentar la unión de los inmigrantes que un día por causas diversas tuvieron que abandonar su tierra". Centraron as súas actividades na recreación, coa organización de festivais e banquetes para a confraternidade dos socios.

AE-AR-SFis · Corporate body · 1926-10-12 ata a actualidade

Esta asociación foi fundada por un grupo de emigrantes naturais do concello de Fisterra, residentes en Bos Aires, e que se separaron da sociedade ABC del Partido Judicial de Corcubión, disconformes con algunhas das decisións tomadas. Foron os seus fundadores Angel Lires, José Traba Calvo, Ramón López Castro, Ricardo Santamaría, Jesús M. Traba, Casto M. Insua e Valentín Castreje.
Dende a súa creación os fins da sociedade foron: ser nexo de información aos naturais de Fisterra radicados na Arxentina co seu pobo de orixe; socorrer a esas persoas en casos de verdadeira necesidade como enfermidades, invalidez, ou orfandade; lograr o melloramento intelectual e cultural dos seus asociados; soster unha revista como órgano oficial da sociedade e fundar unha biblioteca e un salón de lectura. Tamén contemplan a realización de festas, reunións, conferencias, etc. para fomentar a unión entre todos os fisterráns que viven na Arxentina.
Dende moi pronto contan con sede social propia, sita na rúa 12 de octubre, de Avellaneda. Consta de dúas plantas: na baixa hai un salón, oficiñas, cociña e depósitos; na planta alta, salón, bar, ximnasio e sala do caseiro. As festas e reunións sociais celébranse nun campo recreativo e cultural chamado "Ara Solis", situado en Florencio Varela, con quincho para 300 persoas, pista de baile, recreo arbolado, piscinas, cancha de tenis e volei, zona de estacionamento e cantina. Tamén contan con instalacións deportivas na Colonia "La Capilla".
En 1937 hai unha reorganización da sociedade que estivo a punto de desaparecer.
En 1928 comezan a publican unha revista mensual coa cabeceira de "Finisterre", que funciona como órgano oficial da entidade. En 1995, editan un boletín, "Mareaxe" que distribúen cunha periodicidade trimestral entre os asociados e tamén a revista "Faro de Finisterre".
Crean un grupo de danzas e música "Aires de Fisterra", con 12 bailaríns e músicos, que actúan nas súas festas.
No ano 1988, houbo disensións entre os socios, o que levou a creación de dúas sociedades cunha denominación similar.

Asociación Hijos de Zas
AE-AR-HZas · Corporate body · 1923-02-01 ata a actualidade

Esta sociedade integrada polos emigrantes naturais do concello de Zas, residentes na Arxentina, foi creada con fins mutualistas, para dar axudas económicas aos máis necesitados ou asistencia médica e tamén manter a cultura galega.
A súa directiva fundacional estivo formada por Francisco Miranda, como presidente; vicepresidente, José Mourelle; secretario, Manuel Mouro; tesoureiro, Ovidio Esmorís; e como vogais: José Mª Mouro, Constantino Amigo, Ramón Moreira, José Blanco Silva, Francisco Ferreiro, Manuel Mourelle, José Espasandín, Alejandro Ríos, Francisco Rojo, Francisco Mallón, Manuel Espasandín e Francisco Pose.
Nos anos 50 cambia as súas prioridades e pasa a ser unha asociación con fins recreativos e culturais recollidos no Artigo 1 dos seus Estatutos: "a) Servir de vínculo entre los residentes de Zas en la Argentina; b) ser instrumento de sociabilidad y cultura entre todas las personas que compartan su obra; c) fomentar la beneficencia, de acuerdo con las posibilidades de la asociación; d) organizar actos recreativos, culturales y deportivos".
Conta con sede social propia na rúa Suárez da capital bonaerense, inaugurada en 1997, onde se reúnen todos os socios e veciños: contan con salón de festas, sala de reunión, buffet e biblioteca. Ademais dispón dun campo recreativo en Quilmes, onde celebra as súas festas e demáis actividades recreativas como bailes, banquetes, etc.

AE-AR-JVia · Corporate body · 1954-01-02 ata a actualidade

Esta asociación de emigrantes galegos foi fundada co obxectivo de agrupar aos veciños de Pobra de Trives, Viana do Bolo e Barco de Valdeorras, residentes en Arxentina. A súa finalidade principal segundo os seus estatutos é propender á maior vinculación dos galegos entre sí e cos arxentinos e realizar actos culturais e recreativos á maneira da súa terra natal.
A súa directiva fundacional estaba integrada por: Arsenio Rodríguez, como presidente; vicepresidente, Cayetano Castro; secretario, Carlos García Arias; prosecretario, Antonio Martínez; secretario de actas, José Domínguez; tesoureiro, Enrique Rodríguez; protesoureiro, Benigno Laneiro; contador, Justo Alonso; arquiveiro, Adelino Do Campo e os vogais: Ricardo Ciudad, Bonifacio Alonso, Juan Fernández, Guillermo Prieto, Isaac Blanco, Dativo Pérez e Aurelio Estévez.
Entre as súas actividades pódese citar: celebración de festas e banquetes con motivo do seu aniversario, festas de nadal, festa de Santiago e organización de torneos de naipes. Tamén xestiona actividades culturais como reunións de lectura e proxección de videos.