Showing 1783 results

Authority record
Corporate body · 1913-10-26 - 1976 Actualmente denomínase "Tuy-Salceda. Asociación mutua, cultural y recreativa"

A fundación deste Centro xurdiu por iniciativa de Joaquín Fernández Sestelo, farmacéutico de Salceda e loitador anticaciquil que funda o decenario "El Despertar", desde cuxas páxinas aboga pola formación de sociedades agrarias no seu distrito; foi desterrado pola súa actividade política e marchou cara Arxentina. Esta entidade foi creada por un grupo de emigrantes naturais desta comarca, entre os que destaca Constantino Gil, primeiro presidente, co obxecto de cooperar coa labor iniciada por este home, e dende marzo de 1917 editan "La Voz del Centro", para continuar coa campaña agrarista por éste emprendida; esta revista continúa co título de "El Agario" ata o 15 de marzo de 1926. Segundo recollen os seus Estatutos: "Os residentes das parroquias de Entienza, Salceda, San Jorge, Picoña, Parderrubias, Soutelo e Budiño, que compoñen o concello de Salceda de Caselas, reunidos en Asamblea Xeneral constituínte o día 26 de outubro de 1913, declaran que queda constituída unha asociación denominada "Centro Protección Agrícola del Distrito de Salceda" con asiento en Buenos Aires, capital da República Argentina. Os seus fins son: axuda mutua aos seus asociados; fomentar o espíritu de unión entre os seus asociados por medio de actos recreativos, que serán organizados por medio da comisión directiva ou outras obras benéficas que a mesma decida. Nos anos 20 e 30 envían numerosas doazóns económicas ao seu concello natal destinados á propaganda agraria e galeguista. En 1976 aproban a súa fusión coas sociedades de emigrantes "Casa de Tuy", e coas asociacións de Chantada, Caldelas e Becerreá, formando a "Asociación Tuy-Salceda".

AE-AR-ACar · Corporate body · Non coñecemos a data exacta de creación pero existe en 1939. Desaparece en 1963.

Esta sociedade de axuda mutua e recreativa foi fundada nos anos 30 do pasado século polos naturais do concello de Carral. En xullo 1939 participou na homenaxe, que a colectividade galega de Bos Aires lle fai a Rosalía de Castro, con motivo do centenario do seu nacemento, celebrando un gran festival o día 24 de xullo no Teatro Avenida da capital porteña.
En 1947 publican como voceiro social a revista "Carral".
En setembro de 1963 os socios reunidos en asemblea xeral aproban a súa disolución para integrarse no Centro Coruñés de Buenos Aires.

AE-AR-ACaG · Corporate body · 1933-09-21 ata a actualidade.

O 20 de setembro de 1918 creouse unha entidade baixo o nome de "Casa de Galicia de Buenos Aires" coa finalidade de acadar solidariedade, cultura, arte e recreo para os seus socios, así como reivindicar e valorar a galeguidade na Arxentina.
Esta entidade sufriu unha escisión dun grupo de socios disconformes coa política da directiva no ano 1927, que pasan a crear unha nova sociedade chamada "Nueva Casa de Galicia".
Tras un periodo de crise, en 1933 hai unha refundación da entidade, baixo os auspicios de Manuel Rigueira Montero, primeiro presidente, Domingo González, Emilio Monelos e José Maceira entre outros.
Esta entidade centrase en fins culturais e recreativos. En agosto de 1935 sae o primeiro número do seu voceiro social, a revista "Casa de Galicia", que ten carácter mensual; en 1944 publican ademais a revista "Airiños".
No ano 1954 mercan un campo recreativo que chaman Airiños, para reunirse todos os socios e organizar festas. Finalmente en 1974 mercan un edificio na rúa San José, da capital porteña, que converten na súa sede social.

AE-AR-HosG · Corporate body · 1932-12-16 ata a actualidade

Foi creada no seo da colectividade galega residente en Bos Aires para facilitar a atención médica a todos os galegos que a precisaran.
Actualmente conta cun servicio de consultorios externos nas diferentes especialidades e a súa orientación fundamental pasa por un servicio de mediciña física e de rehabilitación.Teñen tamén consultorios na súa sede social, en propiedade, na rúa Belgrano.
A finais dos anos 40 do pasado século comezan a editar a revista "Lar. Revista Mensual de la Asociación Gallega de Beneficencia y Mutualidad" como voceiro social.

AE-AR-HMas · Corporate body · 1915-05-16, na actualidade non existe pero non coñecemos a data da súa disolución

Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes galegos, naturais do concello de Maside e residentes en Bos Aires. Un dos seus promotores e primeiro presidente foi Cándido Fernández. Foi creada con fins mutualistas e de axuda ao seu concello natal na medida das súas posibilidades.
Xa en 1924 os seus socios aprobaron a adquisición dun terreo en Maside co obxeto de que comenzasen os traballos para construír unha escola graduada; pero no ano seguinte, por problemas internos, aproban nunha asambleia a súa disolución e que os fondos sociais fosen doados ao seu concello natal para realizar melloras no seu pobo.
No ano 1928 aparece a noticia en varios xornais da refundación desta entidade e comézase a construción en Maside do primeiro pavillón-escola, financiado dende Arxentina.
En febreiro de 1934 fusiónase coa sociedade "Centro Cultural y Recreativo Masidense" e en outubro de 1935 nomea un delegado ante a "Comisión Pro-unión de los residentes del Partido de Carballino" para tratar unha posible fusión de todas as sociedades de emigrantes naturais deste partido xudicial, que fructificará en 1936 coa fundación dunha nova entidade co mesmo nome, integrada ademais pola "Sociedad del Distrito de Carballino", "Residentes de Lobanes y sus contornos" e o "Círculo Daconés".
Tras o estalido da guerra civil española, é unha das sociedades galegas que envían varias remesas de roupa e produtos alimentarios para os defensores da república española.
En 1959 publican a revista "Maside" como voceiro social.

AE-AR-RVig · Corporate body · 1918-10-12 ata a actualidade.

Esta sociedade de emigrantes naturais dos antigos concellos de Vigo e Lavadores, residentes en Bos Aires, foi fundada baixo a denominación de "Unión Residentes de los Ayuntamientos de Vigo y Lavadores en Buenos Aires", con fins mutualistas e de defensa da instrucción na súa terra natal. En 1951 pasou a denominarse Asociación mutualista Residentes de Vigo en Buenos Aires, nome co que se coñece na actualidade.
As súas finalidades están recollidas nos seus primeiros estatutos sociais (1918): fomentar a cultura entre os asociados e os seus familiares; crear ata onde os seus recursos o permitan axuda mutual entre os seus asociados; tratar de vincular dentro do posible aos residentes de Vigo en Bos Aires e demais xurisdicións da República Arxentina; organizar festas, funcións e toda clase de actos para un maior esparcimento e solaz entre os asociados; instalar no seu local social unha biblioteca o máis completa posible á que terán acceso todos os asociados; procurar aos seus socios canto medio de entretemento sexa posible en consonancia ós bos costumes; ofrecer aos asociados e familiares plans de turismo propios, realizar contratos con aquelas farmacias ubicadas donde a densidade demográfica dos socios sexa máis alta, obtendo rebaixas sobre as mediciñas que éstes necesiten; brindar asistencia médica aos socios a través dos profesionais contratados pola institución; dar asesoramento xurídico e notarial aos asociados mediante convenios a realizar con profesionais desas especialidades; en caso de morte do socio, esta sociedade abonará os gastos do enterro.
En 1965 a entidade merca a súa actual sede social na rúa Quintino Bocayuva: trátase dun edificio de dúas plantas, con vivenda, oficiñas, sala de reunións e salón de actos, salón de xogos, un gran patio onde está plantado un olivo, símbolo da cidade de Vigo. Conta cunha biblioteca, un gran salón de actos e un espazo onde se instalou unha taberna, usada polos socios como centro social e de esparcimento. Ten tamén un campo de recreo campestre en Punta Chica, onde se organizan festas e banquetes campestres.
Ata 1992 editaban un voceiro social para informar aos socios.
Organizan numerosas festas e banquetes con motivo de celebrar o Día da Reconquista de Vigo, o Día Mundial da Muller, Día de San Juan, etc. como unha maneira de vinculación entre os vigueses e os seus descendentes residentes na capital arxentina; realizan tamén ctividades deportivas e estivo adherida ao programa de radio "Argentina y España, su gente y su música".
Os socios continúan desfrutando dun servizo médico propio e dunha asesoría para consultas gratuítas de tipo xurídico (trámite de pensións a xubilados, asuntos civís, comerciais etc.). Organizan actos sociais na Taberna social, con cenas e banquetes.
Contaban cunha Masa coral integrada polos socios que actúan nas diversas festas da colectividade e coopera de xeito desinteresando apoiando económicamente ao "Hogar Gallego de Ancianos" de Domselaar.

AE-AR-UOu · Corporate body · 1910-12-04 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada en Bos Aires por un grupo de emigrantes do concello de Outes, con fins mutualistas e instrutivos.
A súa directiva fundacional estaba integrada como por José Caamaño, como presidente; vicepresidente, Manuel Suárez; secretario, Ramón Hermida; tesoureiro, Mariano Conde e vogais: Miguel Gómez, Manuel Vilariño, Miguel Cernadas, Angel Cantariño, Domingo Barreiro, A. Caamaño, Domingo Pazos, A. del Río, Domingo Lestón, M. Rodríguez, José Lestón e Manuel Barreiro.
Anos máis tarde noméase socio honorario da entidade, polo seu destacado labor durante máis de 59 anos, traballando en pro da asociación, a Pedro García. Foi un dos máis firmes promotores da construción pola entidade, dunha escola na parroquia de Cruceiro de Roo, que hoxe leva o nome de "Grupo Escolar Emilio de Navasgües".
No ano 1923, entre as súas actividades culturais organizan un festival conmemorando o 45º aniversario da morte de poeta galego, Francisco Añón, natural de Ordes. Co produto da festa, instálase unha placa conmemorativa na casa onde nacera o poeta, no lugar de Boel, parroquia de San Pedro de Outes, e reedítase un libro coa súa obra poética.
Actualmente rixen os estatutos sociais renovados no ano 1990, no que aparecen como fins da entidade a axuda mutua e protección entre os socios, ademais da organización de actividades culturais e recreativas: celebran o Día das Letras Galegas, o Día da Patria Galega, o aniversario fundacional da entidade, un xantar de fin de ano e o Día do Patrono de Outes, San Pedro. Organizan bailes, comidas, conferencias e excursións para fomentar o lecer e confraternidade entre os asociados.