Showing 1783 results

Authority record
AE-AR-TuiSal · Corporate body · 1976-01-01 ata a actualidade.

Esta sociedade foi creada pola fusión das sociedades de emigrantes "Centro protección agrícola del distrito de Salceda" e "Casa de Tuy", auspiciada polos directivos Luis e Omar González e Alfredo Estévez (primeiro presidente da nova entidade). Nos meses seguintes integraránse as sociedades de "Hijos de Chantada", "Pontecaldelas", "Carral" e "Becerreá".
Nos seus estatutos sociais declárase como fins primordiais: "fomentar a unión e axuda recíproca entre os seus asociados para satisfacer as súas necesidades; prestar servicios funerarios; otorgar subsidios ou empréstimos aos asociados; proporcionar servizos de asistencia médica integral, farmacéuticos, de proveeduría, recreación, turismo, culturais, etc.; establecer un fondo compensatorio para a xubilación; etc.".
Na actualidade, as súas actividades céntranse case exclusivamente na axuda mutual e a realización de actos culturais e recreativos para os socios como excursións, festas campestres, conferencias ou cursos de danzas folclóricas galegas e de instrumentos típicos.

AE-AR-CGSMCom · Corporate body · 1923-07-22 ata a actualidade.

Esta entidade foi fundada por un grupo de galegos residentes na cidade de Comodoro Rivadavia, liderados por Francisco Arturo Lastres, que se converteu no seu primeiro presidente.
Trátase dunha entidade recreativa e cultural onde se reunían os emigrantes galegos para confraternizar e axudarse en casos de necesidade.
Na actualidade realizan numerosas actividades recreativas, celebrando festas e banquetes para afianzar a unión dos galegos e dos seus descendentes; contan cun coro galego, unha rondalla e un grupo de música e baile tradicional galegos.

AE-AR-ResLan · Corporate body · 1944-04-01. Non existe na actualidade

Na década dos 40 do pasado século, dentro da "Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina" primou a idea de agrupar ás sociedades de naturais dunha mesma comarca ou da mesma provincia, ou tamén de reunir baixo unha única entidade a todos os galegos residentes nun mesmo territorio fóra da gran Buenos Aires. Pretendían así superar o localismo de moitas das microsociedades existentes, para así lograr máis forza e apoios na defensa dos seus idearios. Así no número 4 do xornal "Acción Gallega", voceiro da FSGA, se lanza un chamamento " (...) respondiendo a los principios de nuestra Federación, para que agrupen en forma organizada a un extrarodinario número de coterráneos que viven en los pueblos suburbanos de esta capital y que todavía no están federados ... Esta sociedad representa a los gallegos residentes en Lanús".
Nace así esta entidade cuxa comisión fundacional estaba integrada por membros destacados da colectividade asentada en Lanús como Lisardo Castro, quen foi o seu primeiro presidente, Eugenio Rodríguez, Antonio Pousa, Santiago Suárez, José Valladares, Melchor Vigueira, Hermenegildo Cambados, Odulio Gallego, Lisardo Martínez e Manuel Lodeira.
Foi unha sociedade con fins culturais e recreativos.

AE-AR-SSav · Corporate body · 1928. Non existe na actualidade.

Esta entidade foi fundada polos emigrantes naturais do concello de Saviñao residentes na Arxentina, cunha finalidade cultural e recrativa. Xa dende os seus inicios crean unha comisión para construír unha torre cun reloxo na vila de Escairón.
No ano 1944, axudan aos seus veciños residentes na cidade de Rosario para que eles tamén crearan unha sociedade co mesmo nome e coa que estiveron moi vinculados nas súas diversas actividades.

AE-AR-HEMen · Corporate body · [1923] ata a actualidade.

En 1918 a "Sociedad española de socorros mutuos de Mendoza" defendeu a idea, ante a colectividade española residente na cidade, da necesidade de crear un hospital para atender a todos os emigrantes españois enfermos que residiran na zona.
Creouse entonces unha "Comisión pro-hospital" integrada polos presidentes y secretarios de todas as asociación españolas de Mendoza, e presidida por Rito Baquero, presidente da sociedade de socorros mutuos. Esta comisión foi o xerme da creación en 1923 da "Sociedad española de beneficencia y mutualidad" que tiña como finalidade prioritaria a construción do sanatorio.
Uns meses despois, Balbino Arizu, rico bodeguero español instalado alí, consegue, coa axuda doutros comerciantes españois a cantidade de 125.000 pesos destinados á construción do hospital. O Sr. Escorihuela, tamén bodegueiro español, doou o terreno onde se erixiu o centro médico.
A colectividade participou activamente na consecución dos fondos precisos e en 1939 foi inaugurado o Hospital español, que aínda hoxe segue funcionando como centro hospitalario e médico.

AE-BR-GEBel · Corporate body · 1911-02-26 ata a actualidade

Esta entidade foi creada pola colectividade española residente en Belo Horizonte (estado de Minas Gerais), froito da solidariedade e para prestar asistencia sanitaria e benéfica aos españois que alí residían. Tamén desexaban reunirse e manter a unión de toda a colectividade organizando reunións, festas e banquetes que lles lembrasen as súas raíces.
O funcionamento da sociedade ríxese por uns estatutos sociais nos que aparecen as súas finalidades prioritarias: “Promover reunións de caráter cultural, cívico, filantrópico, recreativo e deportivo; incrementar o espírito de unión, cooperación e fraternidade entre os seus asociados e visitantes; servir como instrumento de aproximación entre brasileiros e españois, perpetuando, aí, un dos obxectivos principais de seus fundadores; constituír e/ou manter intercambio socio-cultural coas autonomías que forman España; constituír e/ou manter lazos culturais e/ou sociais con Galicia, o seu povo, a sua historia, a súa lingua e a súa cultura”.
Tal e como se reflicte nos seus estatutos gran parte dos seus asociados son galegos ou de orixe galega.

AE-BR-SEPor · Corporate body · 1893-08-01 ata 1994, ano no que se fusiona coa "Casa de Espanha de Porto Alegre", dando lugar a unha nova entidade chamada "Centro Espanhol de Porto Alegre"

Esta entidade foi creada a finais do século XIX por un grupo de españois que lideraron a idea de fundar unha asociación mutualista que dese asistencia á crecente colectividade española asentada en Porto Alegre. Entre os 47 socios fundadores da nosa sociedade pódese citar a: Agapito González, primeiro presidente social; Vicente Sánchez, secretario; Antonio Peralta, Gabriel Franco, José Calzada, José Cortés, Andrés Serramo, Juan Pajarón, Manuel Gutiérrez, Juan Fernández, entre outros.
Como principal obxectivo da sociedade aparece o de crear un fondo común destinado a socorrer aos asociados en casos de enfermidade ou necesidade. Trátase pois dunha entidade mutualista, apolítica e sen un credo relixioso determinado.
O seu bo facer fixo que moi pronto se incrementase o número de asociados tanto españois como brasileiros, polo que o seu carácter hispano quedou un tanto diluído.
En 1923 apróbase unha reforma dos seus estatutos sociais, ampliando as coberturas aos socios cunha sección de seguros de vida e invalidez, outra de protección, outra de cultura e tamén de recreo.
Tras varios anos de proxectos e obras, en 1929 inaugura un palacete como sede social propia, obra do arquitector e escultor Fernando Corona, cunha magnífica fachada barroca que dá magnificencia ao conxunto. Contaba con amplios salóns para realizar reunións sociais e banquetes, un restaurante, un bar social e unha gran biblioteca.
O peso cada vez maior das actividades recreativas en detrimento da acción mutualista e ademais nas directivas de socios hai cada vez maior peso de socios de orixe brasileira, todo isto provoca descenda o número de socios.
A finais de 1935 prima a idea de crear e manter un consultorio médico propio, que comeza a funcionar na propia sede social. Esta policlínica foi doada por José Barreras Escalona, presidente da entidade, para que nela fosen atendidos todos os socios enfermos da entidade.
Nese ano inauguran tamén un consultorio xurídico.
Na década dos 50 un grupo de socios abandonan a entidade, contrarios a opción política da directiva e a marcha da mesma, e fundan a "Casa de Espanha de Porto Alegre".
En 1994 aproban a súa fusión coa entidade antes mencionada, creando o actual "Centro Espanhol de Porto Alegre".

AE-BR-CaERio · Corporate body · 1983-03-27 ata a actualidade

Esta sociedade é o resultado da fusión do “Club Espanhol de Rio de Janeiro” (fundado en 1951, baixo o nome de “Centro Espanhol de Rio de Janeiro”) coa “Casa de Galicia” (fundada en 1947).
Trátase dunha entidade sociocultural e deportiva que conta con sede social propia e amplias instalacións (restaurante, salóns de actos, zona deportiva, … ) para realizar as súas numerosas actividades recreativas, a disposición dos seus socios, dos cales a gran maioría son galegos, que de feito están unidos na chamada “Peña Gallega”, integrada nesta sociedade.
Entre os seus obxectivos pódese destacar: “Servir de vínculo entre os membros da coletividade española, co fin de manter os costumes, cultura, idioma, arte, folclore e tradiçións españolas; promover reunións sociais, culturais e recreativo-deportivas entre seus asociados e aproximar as relacións entre españois e brasileiros; promover actividades de caráter asistencial, educacional e filantrópico; promover e incentivar actividades culturais, como: institutos de cultura, cine, videoclube, cursos de idiomas, de música, de danza e outros que axuden ao desenvolvemento cultural”.

AE-BR-CHBC · Corporate body · 1972 ata a actualidade

Esta entidade foi creada cunha finalidade instrutiva, para formar aos descendentes de emigrantes pero tamén a todos os brasileiros na cultura española. Conta con varios centros de formación nos que se imparten clases de primaria e secundaria. Teñén recoñecido a convalidación cos estudos españois polo Ministerio de Educación de España.

AE-BR-SMSPau · Corporate body · 1898-03-13 ata a actualidade

Este centro foi creado polos membros máis destacados e concienciados da colectividade española, que residía en Sâo Paulo, a finais do século XIX. Entre os seus promotores e fundadores pódese citar a Joaquín Aparicio Mayol, primeiro presidente da entidade, José Aparicio Martí, José Valentín de Diego, Manuel Rodríguez, José Eirós, Higinio Bisbal ou José Roldán Rocoy.
Fundado co nome de “Sociedade española de socorros mutuos e instrucción”, a súa principal finalidade era proporcionar saúde a todos os emigrantes enfermos e sen recursos, ademais de proporcionar socorros e axudas económicas en casos de necesidade puntual; contemplan también dar instrución básica aos nenos, fillos de emigrantes, que a necesitaran, tal e como quedan reflexados nos seus primeiros estatutos sociais: “tiene por objeto: a) atender el restablecimiento de la salud, proporcionando a los enfermos socorros médico-farmacéuticos y pecuniarios; b) propender, por medio de la cooperación moral y material, al fomento de la cultura, al esparcimiento del espíritu y al bienestar social; c) interponer toda su influencia moral para la defensa de sus asociados, en casos de manifiesta e ilegal persecución, por parte de cualesquiera poderes o entidades; d) intervenir en los asuntos de la colonia española que guarde relación con su progreso y buen nombre; e) contribuir a la disminución de los daños producidos por grandes calamidades públicas”.
En 1900 inaugura la Farmacia social para facilitar de manera gratuíta los medicamentos a sus socios. En 1902 creou a Caixa de Fondos para la repatriación de aqueles socios que por enfermidade non estiveran en condicións de traballar e quixeran voltar á patria. Meses despois tamén funda a Caixa de fondos para axudar economicamente ás viúvas e orfos necesitados de todos os membros da colectividade.
En 1919 fusionouse coa “Sociedade de Beneficencia Española” que tiña uns fins moi similares.
Para conseguir fondos cos que realizar as súas numerosas actividades organiza romarías e festas, e coas cotas sociais, van levando a cabo o seu labor benéfico.
A partir de 1921 comeza unha campaña para a adquisición dunha sede social propia, onde instalar todos os servizos médico-farmacéuticos e tamén dous amplios salóns, que cando non empregaba eran alugados a outras institucións da cidade. En 1938 consegue rematar de pagar a sede que aínda hoxe é súa. A partir de aí comeza a xuntar cartos para construír o soñado Hospital, organizando festivais, campañas de captación de fondos etc.
Debido ás leis brasileiras, en 1942 pasan a denominarse “Sociedade brasileira de socorros mútuos” e aproba uns novos estatutos nos que se seguía dando prioridade á axuda benéfica aos seus asociados e á colectividade. Será en 1948, baixo a presidencia de Rafael Coca, cando a sociedade pase a denominarse como a coñecemos actualmente.
Tras unha época de crise económica da entidade, que incluso perdeu o solar que chegara a mercar para construír o ansiado hospital, a directiva deu unha viraxe nas súas finalidades, adaptándose aos novos tempos que estaba a vivir a colectividade. Aproba así abandonar a construción do hospital, pois agora xa o mesmo estado brasileño tiña implantado un sistema sanitario para a poboación, e decide construír instalacións deportivas e sociais para convertilo nun clube moderno e así atraer ás novas xeracións (en 1965, tivo lugar a inauguración das piscinas olímpicas, e creouse un restaurante e un bar ao que puideran acudir todos os socios e demais veciños de Sâo Paulo; neses anos tamén se instalou unha biblioteca e pistas para realizar atletismo, campos de futbol etc). todo sen esquecer a súa vertente hispana.
Comeza unha nova etapa centrada nas actividades recreativas e deportivas.
Nos anos 70 moitas das entidades españolas que había en Sâo Paulo, deciden integrarse nesta sociedade debido ao descenso de socios e que a idea da unión facilitaría o logro das súas reivindicacións. É o caso de “Casa de Espanha”, “Centro Espanhol”, “Centro Gallego” e “Centro Democrático Español”. Por outra banda, a “Casa de Galicia – Hogar Espanhol”, o “Instituto regional Valenciano”, o “Círculo Cervantino” e o “Centro Asturiano”, deciden unirse e crean unha nova entidade chamada “Centro Espanhol de Sâo Paulo”, coa idea de crear un club moderno. Pero como a marcha da “Sociedade hispano brasileira de socorros mútuos, instruçâo e recreio” era xa un éxito, acaban por integrarse nela en 1976.
Edita como voceiro social a revista “Alborada” que se distribúe gratuítamente entre os socios.
Hoxe en día esta sociedade é un centro cultural e social que representa a España e a súa cultura ante a sociedade paulista e brasileira.

AE-CH-EECon · Corporate body · 1950-10-12 ata a actualidade.

O Estadio Español de Las Condes, de Santiago de Chile, é unha institución deportiva, social e cultural, fundada por un grupo de emigrantes españois residentes na capital chilena.
Os obxectivos principais da institución son o coñecemento, a conservación e o desenvolvemento dos valores da cultura hispánica e a súa difusión na sociedade chilena, proporcionando ademais os medios necesarios para realizar actividades deportivas, sociais e culturais que favorecesen a unión e a convivencia da familia hispánica, dando a coñecer as diferentes culturas e tradicións españolas.
Os seus recintos están situados na rúa Nevería 4855, no barrio de Las Condes. Son unhas instalacións modernas e amplias onde os socios e entidades españoles poden realizar actividades deportivas (bolera asturiana, campo de futbol, de golf, canchas de tenis, piscinas, pista de patinaxe, sala de masaxes, etc.), sociais (salóns de baile, restaurante e bar) e culturais (biblioteca, sala de teatro, etc.); conta tamén cun xardín de infancia, unha capela e varios xinmasios.
Como voceiro social edita a revista “Nevería”.

AE-CO-CEMed · Corporate body · 1962-08-01 ata a actualidade

Este centro foi creado por un grupo de emigrantes españois residentes na cidade colombiana de Medellín.
Como antecedente de esta sociedade, en 1960, con motivo da visita á cidade do embaixador español, constituíuse a Casa de España, que desapareceu en 1962. Como consecuencia da súa disolución, un grupo de españois deciden fundar o Centro Español, para seguir tendo un lugar no que reunirse e manter os seus costumes e recordos.
O primeiro presidente da entidade foi Eliseo Rodríguez. O período de maior vitalidade da sociedade tivo lugar coa presidencia de Jesús Arnau (1967-1974), cando se mercaron os terreos e se construíu a sede social. Pontenciáronse as actividades recretivas e deportivas (fútbol, mus, billar ou dominó). Nos anos 70-80 ampliaron as instalacións cun salón de actos, unha biblioteca e unha taberna.
A colectividade española da cidade reúnese habitualmente nas magníficas instalacións, funcionando actualmente como un club social e cultural.
Nos seus estatutos decláranse como unha asociación con finalidades sociais e culturais, cos seguintes obxectivos:
a) “propender por el acercamiento entre los españoles residentes en Colombia y en especial en esta ciudad y en el Departamento de Antioquía
b) procurar que los vínculos entre la colonia española y las autoridades y habitantes del país sean cada vez más estrechos
c) Velar por la protección de los intereses de los integrantes de la colonia y muy particularmente por prestarles ayuda y aistencia en los momentos difíciles
d) Divulgar por todos los medios la grandeza de la Patria y de sus numerosas realizaciones en los campos de la industria, la ciencia y la cultura
e) Organizar y patrocinar reuniones festivas para expansión de los asociados y contribuir en la medida de sus capacidades a la commemoración de las grandes efemérides de la hispanidad, especialmente el día de la Raza”.
En 1983 editan a “Revista Cultural”, voceiro do centro e da colectividade española en Colombia.

AE-CU-ComSGI · Corporate body · 1909-03-25. Non existe na actualidade

Este comité creouse o 25 de marzo de 1909 na cidade da Habana para apoiar, potenciar e organizar o labor das numerosas sociedades galegas parroquiais e municipais con fins instructivos existentes en Cuba no primeiro tercio do século XX, loitando todas elas pola expansión da ensinanza e da cultura en toda Galicia. Estaba formada entre outras polas seguintes sociedades de instrucción radicadas na Habana: "Centro de Benquerencia", "Unión Rinlega", "El Valle de Oro", "San Adrián", "La Devesana", "Liga Santaballesa", "Hijos de San Miguel y Reinante", "Unión Barcalesa", "Alianza de Villamarín", "Unión de Rubín" e "Aurora de Somozas". No ano 1922 o comité propón crear na súa secretaría unha sección informativa acerca de construcións escolares, e recabar para todas as escolas que se construísen en Galicia por iniciativa dos galegos residentes en América, as correspondentes subvencións do Estado Español. Tivo tamén o proxecto de crear compañías anónimas para anticipar aos campesiños de cada comarca os cartos precisos para reconstruír as súas casas.
O seu primeiro presidente foi Narciso Rocha en 1909 e outros presidentes da entidade foron: Manuel Posada (1910), Luis Villarmeá (1912), Freire Montero (1922), Rouco Cortiñas (1924) e en 1928, Jesús Pérez Cabo. Desaparece no ano 1936.

AE-CR-AEBen · Corporate body · 1886-09-24 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada por membros da colectividade española emigrante en Costa Rica, liderados por Gaspar Ortuño y Ors (quen foi o seu primeiro presidente), secundado por José Ventura Espinach, Martín Echeverría e Bartolomé Calsamiglia. O seu propósito era socorrer a todo español, desprovisto de recursos ou enfermo, residente no país.
En 1880 conseguíu a a personería xurídica co fin de alcanzar os seus obxectivos.
A Asociación Española de Beneficencia é unha das máis antigas organizacións de beneficencia do país, con importantes logros para a colonia española, sempre fiel ao seu espíritu filantrópico e caritativo, e rexida pola tolerancia e a diversidade. Dacordo cos seus estatutos só poden ser socios da entidade os españois por nacemento ou dereito, fillos e netos de españois.
Nos seus estatutos recóllense as súas finalidades: “1. Practicar la beneficencia en favor de los españoles y españolas por nacimiento o por derecho, sean asociados o no, que se encuentren en necesidad comprobada; 2. Socorrer a sus asociados necesitados en caso de enfermedad y proporcionarles digna sepultura en su fallecimiento; 3. Facilitar esparcimiento y solaz a sus asociados, mediante el fomento de actividades recreativas, culturales y deportivas; 4. Contribuir a una mayor compenetración de la colonia española con la sociedad costarricense, desarrollando actividades culturales, artísticas, deportivas y recreativas, así como fomentar y conservar las costumbres españolas y costarricenses; 5. Contribuir, en la medida de sus posibilidades, al bienestar de los habitantes del país colaborando con el Estado en la atención de quienes tienen menos recursos; 6. Propiciar el intercambio educativo y cultural entre Costa Rica y España a través de instituciones y organismos, tanto oficiales como privados, de los dos países en beneficio de los ciudadanos de ambas nacionalidades”.
Para levar a cabo estes fins conta cos seguintes activos e institucións:

  • A chamada “Casa de España”, un fermoso edificio situado no barrio da Sabana Norte, en San José, que se comezou a construír en 1991, e inaugurouse en 1992. Conta cun gran salón multiusos, varios consultorios médicos para a atención gratuíta dos asociados que o necesiten, un “Patio Andaluz” como centro recreativo e que se emprega, principalmente, para a implementación dun programa diurno do Adulto Maior que se pretende sexa similar aos do IMSERSO, unha biblioteca para a lectura e préstamo de libros aos asociados, cafetería e bar, dous salones adicionais, e outros espazos para a recreación e promoción da arte e a cultura.
  • A “Residencia de Ancianos José Pujol Martí”, na Ribera de Belén, que se comezou a construír en 1986 nun terreo, doado por José Pujol Martí, e da que foi impulsor Narciso Garabito Fernández. A súa inauguración foi en 1988. En 2008 construíuse un novo módulo de 31 apartamentos ao estilo de residencia veraniega.
  • O “Club Campestre Español” do que a Asociación posúe o 40% da propiedade e polo que os socios da entidade teñen dereito a pertencer e desfrutar das súas instalacións.
  • Unha capela privada, feita nun solar entre o Club Campestre e a Residencia, coa colaboración económica da familia Raventós López. Está para servizo dos residentes, dos socios do Clube e dos veciños, en xeral.
  • Un mausoleo no Cemiterio de San José, que se inaugurou en 1914, deseñado polo arquitecto catalán Lluís Llach.
    A Asociación conta con numerosas propiedades inmobiliarias que lle permiten ter sostenibilidade financieiro-económica, ademais do pago das cotas dos socios e dos intereses que xeneran as súas inversións. Tamén conta con axudas do goberno español.
AE-CR-CE · Corporate body · Comezos do século XX. Non existe na actualidade.

A comezos do século XX un grupo de españois residentes en Costa Rica deciden fundar unha entidade recreativa e cultural para potenciar a unión entre a colectividade. Esta entidade estivo sempre moi vinculada coa Asociación Española de Beneficencia de Costa Rica, organizando conxuntamente numerosas actividades recreativas para conseguir fondos.
En 1908 públicase o “Correo de España. Semanario de la colonia española”, que terá a súa oficina de administración nas dependencias do Centro Español.
Temos noticias de que no ano 1909, baixo a presidencia de Mariano Álvarez Melgar, deciden construír unha sede social propia, que tamén serviría para ser usada pola Beneficencia.
As sociedades españolas recreativas existentes no país, pouco a pouco vanse fusionando para crear unha única entidade chamada “Unión Española”. Xuntas mercarían o Club Internacional, onde celebrarían as súas reunións. Ben avanzado o século XX, anos 70, acabarían integrándose na Asociación de Beneficencia.

AE-CU-HGal · Corporate body · 1917-01-18. En 1960 foi nacionalizada polo Goberno cubano

Esta sociedade ten como precedente a entidade "Solidaridad Pontevedresa", creada o 16 de xuño de 1912 por un grupo de pontevedreses comandados por José Berridy, Ramiro García, Emilio Abal, José Méndez, Justo Calvo, Juan Casal, Rufino Meis, Manuel Vicente Otero, Francisco Carracedo, Benito Rey Doce, Adolfo Méndez, José Pensado, Ignacio Vila, Gumersindo Piay e Manuel Vidal, entre outros.
O 11 de xaneiro de 1914, baixo a presidencia de Jesús Rodríguez Bautista, decide a creación dun Sanatorio para as mulleres galegas residentes en Cuba, debido ao crecente número de emigrantes solteiras que no primeiro tercio do século XX estaban chegando á illa, pois non existía ningunha asociación que prestase axuda médica e servizos sanitarios a estas mulleres. Esta idea foi promovida polos directivos Albino Matalobos, Rufino Meis, Ramiro García, Jesús de la Fuente e Manuel Vicente. Conseguiron asinar o 6 de agosto de 1915 un contrato co Dr. Ferrán, propietario do "Sanatorio Cuba", no que este se comprometía a atender e asistir ás asociadas.
A sociedade entra nuns anos de estancamento, nos que non se celebran eleccións por falta de interese dos socios; ata que o 18 de xaneiro de 1917, reúnense en Xunta Xeral cincoenta socios e acordan reformar os Estatutos, cambiar o nome da sociedade e elexir unha nova Xunta Directiva. Pasa así a denominarse "Hijas de Galicia" e a partir de entonces, centra as súas actividades na protección e en dar asistencia sanitaria ás emigrantes galegas.
A primeira Directiva tras a súa refundación estaba integrada por: Avelino Pérez Vilanova, presidente; Manuel Vicente Otero, vicepresidente; Manuel Táboas, tesoureiro; Julián Graña, vicetesoureiro; Ramiro García, secretario-contador; José Méndez Parada, presidente de la Comisión de Sanidad;y vocales: Rufino Meis, Emilio Abal, Benito Rey Doce, José Berridy, Gumersindo Piay, Antonio Fernández, Perfecto Porto, José Saborido, Albino Matalobos, Manuel Iglesias, Manuel Otero Cores, Amado Vila, Constantino Insúa, Miguel Fernández, Gumersindo Rey e Nuño Blanco. Nas eleccións de 22 de decembro de 1919 entran as mulleres a formar parte do goberno da sociedade, participando directamente nas responsabilidades da administración. Os novos estatutos estabelecen que o cargo de vicepresidenta debía ser ocupado por unha asociada. A primeira en ocupar este cargo será a señora Andrea López, viuda de Ares.
De 1920 a 1924 a sociedade vai adquirindo maior notoriedade e proxección na sociedade cubana e aumenta o seu número de asociadas. Coa ampliación dos servizos acaban mercando en 1924 unha clínica que funcionará como sanatorio da entidade en exclusiva, baixo o nome de "Concepción Arenal". Esta clínica será engrandecida coa construción de varios pavillóns segundo as crecentes necesidades e en 1937 constrúe un Balneario para ofertar aos socios, baños de mar e descanso, como medida terapéutica.

AE-CU-HCap · Corporate body · 1928-08-12 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada o 12 de agosto de 1928 na Habana polos naturais das parroquias de Pedrodeume, Bermui e Faeira, do concello de A Capela residentes na illa de Cuba. A iniciativa xurdíu de tres destes emigrantes: Manuel Anca Grueiro, Alejandro Hermida Grueiro e Juan López Formoso.
Os seus obxectivos foron o fomento da instrución na súa terra natal e a mutualidade para os seus socios.
En 1930 apoian unha campaña ante a Deputación da Coruña a favor da construción da estrada de Ribadeume a Permui. Na cidade da Habana destacaron as súas actividades de carácter social: auxilios económicos por enfermidade e visitas aoss socios enfermos ademáis de actividades recreativas: organización de festivais para conseguir fondos e arranxar panteóns sociais.
Ao longo da súa historia esta sociedade estivo presidida por: Francisco Grueiro Rivera, Baltasar Antón Tenreiro, Andrés Fernández Moré, Antonio Barro Cabarcos, Danivel Vázquez Gayoso, Rosendo Caveiro Meizoso, Fermín Corral Adega, Antonio Carballo Fernández, Manuel Anca Grueiro, Armando Mon López; desde 1988 é presidente da entidade Oscar Olimpo Machado Naranjo.

AE-CU-HEst · Corporate body · 1915-07-04 ata a actualidade

Esta sociedade municipal foi fundada na Habana o 4 de xullo de 1915 por un grupo de emigrantes do concello da Estrada. Os seus fundadores foron: Francisco Márquez, Manuel Vicente, Jesús Bascuas, Manuel Fernández, Albino Matalobos, Manuel Collazo, Marcelino Coto, Albino Valcárcel, Florentino Fraga, José Villaverde Bra, Enrique Puente, José Caramés, Faustino Matalobos, Juan Iglesias, José Fernández, Manuel Muñiz, José Giandanes e Jesús Silva. O seu primer presidente foi José Brea.
Entre as finalidades recollidas nos seus estatutos destacan as recreativas, coa celebración de festas e festivais; de instrución, coa construción de escolas na súa terra natal; políticas e tamén de carácter asistencial benéfico.
No ano 1922 crean unha comisión permanente de instrución na vila da Estrada, encargada de xestionar a construción de escolas de ensinanza en cada unha das parroquias que integran o concello. En 1928 eran propietarios do edificio donde radicada a "Casa do Emigrado" no seu concello natal, e xestionan a compra dos fondos necesarios para a creación dunha biblioteca.
Na cidade da Habana teñen un amplo programa de reivindicación contra o caciquismo rural que azotaba o seu concello, criticando a falla de escolas e a necesidade de melloras; as súas denuncias e proclamas publícanse no xornal "El Emigrado", de tirada semanal, editado na Estrada, gracias a súa financiación.
No ano 1950 cambian os obxectivos sociais pasando a ser unha sociedade mutualista e recreativa, co fin de prestar auxilio e protección aos asociados e a celebración de actos culturais, festivais de confraternidade social, etc. e continúan financiando publicacións na Estrada ou na Habana, pero xa cun carácter menos reivindicativo que no pasado, obviando os temas de carácter relixioso ou político.

AE-CU-HPast · Corporate body · 1915-04-30 ata a actualidade

Sociedade fundada polos naturais do concello de A Pastoriza coa finalidade de protección mutua e recreo. As súas actividades estaban dirixidas a cumprir ambos obxetivos: crearon unha comisión para visitar aos socios enfermos, intentando axudalos económicamente en casos de necesidade; organizaban actividades de lecer para os socios, como un banquete anual onde celebraban o seu aniversario social, ou merendas e bailes para manter a unión e a fraternidade entre os asociados. Dous presidentes destacados foron José María Paz e Manuel Muniello.
O seu presidente actual é Antonio Sabas Martínez Seco. Na actualide seguen centrados na atención e axuda aos seus socios máis necesitados na medida das súas posibilidades.