O Arquivo Sonoro de Galicia desenvólvese como un programa dentro do Consello da Cultura Galega, dun xeito continuado dende 1995 aínda que os seus primeiros traballos comezan en 1992. O labor esencial do Arquivo Sonoro de Galicia xira en torno á recuperación do patrimonio oral e musical galegos e xorde co propósito último de se converter ou, cando menos, sentar as bases para a creación e posta en funcionamento da necesaria e futura Fonoteca de Galicia.
Na década dos anos 1940-50 residía en Pamplona un pequeno grupo de galegos que, vendo que non existía ningunha organización oficial establecida na cidade, propuxéronse constituir a Casa de Galicia en Navarra que, máis tarde, denominaríase Lar Gallego.
Pronto comezaron a organizar festas en honor a Santiago e outro tipo de actividades (conferencias, charlas-coloquio, etc.). O día 18 de xaneiro de 1951 formalizouse o primeiro escrito no libro de Actas da sociedade no bar Olimpia. Aprobaron así o regulamento de Lar Gallego que, máis tarde, traduciríase nos seus Estatutos.
A sede societaria, coñecida como Lar Viejo, inaugurouse o 6 de xuño de 1976, e posuía bar-cafetaría, comedor, cociña, salón, biblioteca, sala de xogos, oficina e almacén. Máis adiante comprarían 212 metros cuadrados lindantes á sede para dispoñer de máis espacio para desenvolver actividades.
En 1986, os galegos emigrados en Córdoba, fundan a Casa de Galicia de Córdoba. O día 7 de febreiro reúnense no Hotel Oasis un grupo de galegos residentes en Córdoba e provincia para a celebración da Asemblea xeral constitutiva da Asociación CASA DE GALICIA EN CÓRDOBA. Nesta reunión actúan como Presidente en funcións Antonio Fariñas Mangana e como Secretaria Purificación Fernández Vázquez.
Nesa data nombran a primeira Xunta Directiva, composta por:
Presidente: Carlos Domínguez Conde
Vicepresidentes: Rosa María Outeiriño Otero y don Antonio Fariñas Mangana
Secretario: Ramón Castroagudín Torres
Vicesecretaria: Purificación Fernández Vázquez
Tesorero: Manuel Acasuso Martínez
Vocais: Francisco Bellido García, José Manuel de Bernardo Ares, Segundo Diéguez Failde, Isabel Fernández Carballo, José Ramón García Fernández, Antonio Jiménez Castro, Guillermo Linares Lostau e José Luis Miño Fugarolas.
A primeira sede estivo situada no Bar Airiños. Anos despois grazas ao apoio da Xunta de Galicia e á participación dos socios adquiriron a actual sede situada na Plaza de San Pedro, 1.
A Casa de Galicia en Córdoba é un referente cultural e social na cidade de Córdoba. Celebran diferentes actividades como eo Premio de Poesía Rosalía de Castro, a celebración do Día das Letras Galegas, ciclos de conferencias, ciclo de cine, etc. Na actualidade a sociedade é membro da "Federación de Centros Gallegos en Andalucía". Mantén unha estreita relación con entidades locais e rexionais como o Ayuntamiento de Córdoba e a Junta de Andalucía e está en permanente colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emigración e con diversas Consellerías como a de Cultura.
En 1918 existían na cidade dúas sociedades galegas; Casa de Galicia e Colonia Gallega. O 18 de febreiro de 1934 decidiuse realizar a fusión de ambas entidades, nacendo así o CENTRO GALLEGO DE SANTANDER. Durante os primeiros anos de vida a sociedade tivo a súa sede nun piso do Paseo de Pereda. Dende o principio contou con moita presencia e participación na vida da cidade, convertíndose no referente e modelo das casas rexionais de Santader e provincia. Baixo a presidencia de Emilio Otero Val en agosto de 1972 adquírese o entresuelo do nº 47 da rúa Hernán Cortés para convertirlo en Sede do Centro e, en decembro de 1980, cómpranse os baixos do edificio. Tras levar a cabo obras de acondicionamento e reforma pasará a ter salón de actos, biblioteca, bar-restaurante e sala de Bingo.
A sociedade ten recoñecida a súa galeguidade por Decreto 79/1988, de 3 de marzo.
A Casa de Galicia de Valladolid fundouse o 23 de novembro de 1954. Entre as súas finalidades destacan promover e dar a coñecer o patrimonio cultural galego, promover e colaborar en actividades benéficas e sociais e desenvolver actividades lúdicas.
A Casa conta cun local de tres plantas no centro da capital castellana, no nº 4 da Plaza Santa Cruz, que conta con sala de reunións, salón noble, salón de xogos, salón xuvenil, cafetaría, cociña e comedor. A súa biblioteca alberga máis de 2.500 exemplares.
O centro foi fundado en 1992 ao disolverse o antigo Centro Gallego de Ponferrada. Dende ese momento a institución mantén o compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os seus socios, novas xeracións e público en xeral.
Concedéuselle a condición de Galeguidade no Decreto 20/1995, do 20 de xaneiro.
Segundo os seus estatutos os seus fins son:
- A difusión da cultura galega en todas as suas manifestacións e o estreitamento dos vínculos entre Galicia e Ponferrada.
- Ser o cobixo de todos os galegos residentes na Comarca do Bierzo e vehículo de proxección da cultura galega cara os leoneses e nativos de outras provincias que pertezan á Sociedade.
- Ofrecer toda clase de servizos e actividades conducentes ao público coñecemento do Camiño de Santiago ou Ruta Xacobea pola xeografía hipana.
Realizan diferentes actividades, destacando as conferencias en torno ao Camiño de Santiago e a Romería Santiago Apóstol Cruz de Ferro, que celebran na Ermita na cruz de Ferro (Monte Irago), así como cenas de Fin de Ano e baile infantil de Reis. Contan coa banda de gaitas "Centro Galicia" e publican bianualmente a revista "Galicia Terra Única".
A Casa Gallega de Fuenlabrada foi fundada no ano 1988 e adquiriu o recoñecemento da galeguidade no ano 1990 (Decreto polo que se lle recoñece a geleguidade a Casa Gallega de Fuenlabrada. Publicado no: Diario Oficial de Galicia Nº 119, de mércores, 20 de xuño de 1990). Dende o ano 1988 mantén o compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os nosos socios, novas xeracións e público en xeral.
Os seus fins, segundo recollen os seus estatutos, son:
- Desenvolver actividades culturais, recreativas, artísticas e deportivas
- Fomentar e propagar por todos os medios legais, as costumes culturais, sociais, recreativas, deportivas e outras.
- O retorno, como fin último dos galegos emigrados, é un dos eixos sobre o que xiran as súas actividades e que así cando se retorne se veñan cunha imaxe actualizada en todos os
terreos.
O Centro de Fuenlabrada desenvolve actividades de tipo cultural, social, recreativas, deportivas, etc., recitais, exposicións, conferencias e concursos. As actividades desenvólvense con dous obxectivos:
- Dar a coñecer a Historia, o presente e futuro real de Galicia como pobo.
- Coñecer á súa vez a situación doutros pobos de España.
O seu programa anual é o seguinte:
-Febreiro: Desfile de Carnaval, cena de namorados.
-Primaveira: Excursión cultural.
-Maio: Semana cultural, Día das Letras Galegas.
-Xuño: Festividad de San Xoan, excursión cultural.
-Setembro: Participación nas Festas de Fuenlabrada.
-Outubro: Comezo das actividades na sede, excursión cultural.
-Novembro: Festa do Magosto.
-Decembro: Cea de Nadal.
A principios do verán do ano 2003 fóronlle cedidos por parte do concello de Fuenlabrada uns novos locais, cuxa inauguración tivo lugar o día 29 de novembro de 2003.
O Centro Gallego de Mallorca, nace como tal, en febreiro do ano 1986, como resultado dos desexos dun grupo de galegos reunidos nun coñecido restaurante galego de un dos seus fundadores.
En xaneiro de 1988 recoñecen a súa galeguidade co nº 028/ES/88. Aínda que comezan a súa traxectoria nun local alugado do Areal a finais de 1987 acordan a compra dun local na rúa Viñaza 12-A en Palma, gracias á colaboración dun grupo de socios. Inauguran o local con ocasión da Semana Cultural das Letras Galegas, en maio de 1988. Nestas mesmas datas debuta por primeira vez o grupo de baile e gaitas “Anaquiños” que, co traballo dalgunhas socias, se realizan os primeiros traxes de baile. Xa en 1991 será Miguel Abucide, profesional do baile e dos traxes galegos, quen deseñe os mantelos, dengues e tocas, chalecos, etc.
A finais de 1992 os socios e a directiva acometen o reto de acondicionar a primeira pranta do edificio do Hotel San Rafael, en Singladura, n. 2 de Ca’n Pastilla, para a sede social. Na semana cultural das Letras Galegas de maio de 1993 comezan a realizar as súas actividades na nova sede.
Segundo recollen os seus estatutos vixentes os fins da entidade son:
- Crear unha prolongación de Galicia en Mallorca, irmanando aos galegos desta illa.
- Facilitar os medios educativos e de recreo ós galegos sexan ou non socios.
- Prestar asistencia aos galegos necesitados sexan ou non socios.
- Dar a coñecer o folclore galego coa celebración de festas e espectáculos con este fin, etc.
Levan a cabo numerosas actividades socio-culturais e recreativas, entre as que destacan a celebración da Semana das Letras Galegas; nesa semana celébranse exposicións, concursos infantís, actuacións folclóricas internacionais, conferencias, mostras de encaixe de Camariñas (organizada polas palilleiras do centro), todo iso con unha ampla participación de residentes na Illa.
Contan co grupo folclórico “Anaquiños” e unha coral.
Centro fundado o 9 de novembro de 1995, data na que un grupo de galegos unidos por un mesmo ideal constituíron esta entidade e redactaron os seus estatutos. Nesta etapa fundacional destacan as figuras de María Carmen Rodríguez Suena e Emilio Rodríguez Castro, como primeiros impulsores e defensores do proxecto. Nunha segunda etapa, xa de consolidación, tivo lugar a inauguración do centro o día 21 de maio de 1999 polo ex secretario xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas. O local, en réxime de arrendamento, ten unha superficie de 204 m2, dos que 80 m2 están subarrendados como bar-restaurante. O resto do espazo está equipado para dar servizo de comedor, xogos, sala de conferencias e biblioteca.
Foille recoñecida a condición de galeguidade o 5 de xuño de 1997. Logo de moito esforzo e traballo por parte de todos os socios e simpatizantes, o centro conseguiu un prestixio moi merecido que continúa ata agora, pois alí onde se celebra un acto multitudinario ou simbólico realza a Galicia e a Burgos coa súa presenza. Pola súa sede pasaron figuras destacadas do mundo da política, da arte, da música e da danza, e moitos peregrinos que se encamiñan cara a Santiago de Compostela seguindo a rota do Camiño Francés.
Segundo os seus estatutos os fins da agrupación son:
- O recreo, para o que contan co grupo de baile “Aturuxo” e a súa banda de gaitas.
- A beneficencia e protección mutua entre os seus asociados, prestando axuda aos galegos que estivesen enfermos e sexan pobres de solemnidade.
Unido ao anterior, este centro a mediados do século pasado convertiuse nun referente, non só para a colectividade galega senón para toda a comunidade xa que alí se impartían clases de coro, gaitas e danzas galegas, ademais de contar cunha prestixiosa academia de secretariado.
As actividades que periódicamente se celebran neste centro son:
- Cursos de gaita e baile tradicional galego.
- Cursos de lingua, literatura e cultura galegas.
- Conferencias e charlas informativas.
- Campionatos sociais de mesa.
- Exposicións de escultura, pintura e debuxo.
- Xornadas gastronómicas.
- Taller de costura.
- Excursións de tipo cultural ou de ocio.
O centro implícase moi activamente nos actos e celebracións que se desenvolven en Burgos e así participa na Festa de Reis, Festa S. Lesmes (patrón de Burgos), Festa de Carnavais, etc. Organizan o Día das Letras Galegas, a Festividade de Santiago Apóstolo, Magosto, San Xoán, Día de Galicia en Castilla-León, etc., e manteñen relacións coas Peñas e Casas Rexionais asentadas na cidade.
No ano 2001 crearon a coral “Sinxelos” e editaron por primeira vez a revista “O Camiño”, ademais de manter vivo e activo un equipo de fútbol sala.
O Coro Universitario Galego de Barcelona (CUGAB) foi un coro e asociación coral que desenvolveu a súa actividade dende 1992 até 2004, na Universidade de Barcelona (UB). Fundárono o músico, e quen foi primeiro director do coro (1992-2001), César del Caño e mais Camilo Fernández, profesor da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa, entidade esta que, xunto co Vicerrectorat d'Activitats Culturals da mesma Universidade, lle proporcionou respaldo institucional entre 1992 e 2001.
A súa presentación pública tivo lugar no Paraninf da Universitat de Barcelona e en 1995 acadou personalidade xurídica propia.
O ideario fundacional que inspira o proxecto céntrase no compromiso co idioma galego e coa linguaxe musical de Galicia consonte ó espírito universitario que insta a afirmar a universalidade das culturas a través do mutuo coñecemento.
Son directrices da agrupación coral:
- A investigación sobre o folclore galego
- O estudo e proxección de pezas cultas de compositores autóctonos
- Aprofundar na procura do máximo rigor musicolóxico dun repertorio tradicional e polifónico no que se inclúan mostras líricas de diversas culturas, entre elas as de expresión portuguesa e catalana dos países de pertenza dos seus cantores membros, así como pezas de propia creación.
O CUGAB é un colectivo musical políglota e multinacional, aberto a toda a comunidade universitaria catalana e á comunidade galega residente en Barcelona. Un grupo con vontade de servizo cultural e intercambio musical entre Galicia e Cataluña.
En abril de 2006 fúndase Galeuzcamerata, coro continuador do proxecto polifónico galego na UB, que desenvolveu a súa actividade na universidade ata 2016.
O Centro Gallego de Tarragona fúndase no ano 1976. A súa primeira sede estaba situada na rúa Apodaca e, tras varios cambios de sede, actualmente está situada no Paseig Torroja. Dende os seus inicios mantén o compromiso coa divulgación de Galicia e o galego, desenvolvendo diversas actividades relacionadas coa música, o folclore, a cultura e a gastronomía galega.
Dispón de grupos de baile e de gaita e de coro polifónico, organizan conferencias no Día das Letras Galegas e sobre temas históricos e actuais. Ademáis imparten actividades formativas, organizan excursións a Galicia e promocionan a gastronomía e os productos galegos no propio Centro e nas festas populares, sendo unha tradición a súa “queimada da Rambla”.
Antonio Rodríguez e Euloxio Fernández Díaz empezan a dar os primeiros pasos para poñer en marcha unha asociación na cidade de Terrassa. O 28 de agosto do ano 1982 consiguen reunir a máis de vinte persoas no bar Hórreo. O 4 de setembro deciden o nome da asociación e o 23 de outubro convocan a tódolos galegos e galegas residentes na cidade a asistir á conferencia sobre emigración galega impartida por Iolanda Díaz Gallego. Como resultado constitúese a primeira xunta directiva.
Pouco despóis comezaron os traballos de adecentamento da pranta baixa dunha antiga fábrica para utilizala como local social, cuxa presentación oficial tivo lugar o 23 de abril de 1983.
Ao pouco tempo de conformarse a asociación crearon un grupo de gaitas, percusión e danza e empezaron a celebrar o Día de Galiza en Terrassa e o Día das Letras Galegas, entre outras festividades.
Os seus fins son dar a coñecer a cultura galega, colaborar coa cidade e manterse unidos a tódolos centros e irmandades galegas de Cataluña.
O Centro Cultural Airiños da Nosa Galicia é un Centro cultural de orixe e tradición galego asentado na cidade de Santa Coloma de Gramenet dende o ano 1983. Constitúese unha Xunta Directiva encabezada por Imerio Mato Mouriño como presidente e elabóranse os Estatutos polos cales se rixe a Entidade. Dende os inicios, a súa forma de traballar baseouse na divulgación da cultura galega, con talante de integración e participación nos diferentes medios e entidades que forman o texido sociocultural da cidade Santa Coloma de Gramenet. O obxetivo é promover a cultura entre os seus socios e simpatizantes.
AIRIÑOS fundouse no mes de outubro do ano 1983 pondo en práctica unha escola de música e danza con continuidade ata hoxe, sempre vinculadas coas facultades intelectuais e o cultivo do espírito humano das persoas que formaron e forman parte da nosa cultura dentro de Airiños. Ademais da escola de música e danza tradicionais de Galicia, desenvolven moita máis actividade cultural, conferencias, simposios, teatro, exposicións, gastronomía, cursos de pintura, informática, cursos de galego, etc.
A Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà foi creada en 1980 en Cornellà de Llobregat, Barcelona, coa finalidade de promover a cultura galega en Cataluña e desde a súa fundación esa foi a súa principal función dentro do tecido asociativo da cidade. A entidade organiza a Festa Galega no parque de Can Mercader, coincidindo co Corpus, festa maior da cidade. Durante tres días levan a cabo actividades de exaltación da cultura popular e tradicional, con actuacións de grupos de danza e música popular de Galicia e de Cataluña, así como de outras comunidades autonómicas, ademáis de outras actividades de carácter social, solidario, cultural, lúdico e de interés público.
Dende a súa fundación en 1989, AEGA-CAT tivo o obxectivo fundamental de aglutinar a todos os empresarios galegos afincados en Cataluña, aos que despóis uníronse os residentes en Andorra, para servir como plataforma de expansión dos seus negocios e promover e apoiar a creación de novas actividades empresariais. Os seus fins fundamentais son fomentar a solidariedade e a cooperación entre os asociados, velar polo respeto dos valores éticos e de solvencia moral no desempeño dos negocios, facilitar a relación dos empresarios coas distintas administracións, institucións e entidades, transmitir as raíces históricas e culturais da galeguidade e potenciar un foro libre que constitúa un centro promotor de negocios. A Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña é multisectorial e está integrada por aproximadamente 300 compañías punteras, moitas delas multinacionais, pertencentes aos sectores da industria, o turismo, a comunicación, os servizos, a construcción, a biotecnoloxía, o audiovisual e a restauración, entre outros. Asociación empresarial pioneira no seu momento, logrou consolidarse como entidade de referencia tanto pola súa traxectoria como polo seu espíritu integrador.
Dende a súa fundación a Asociación apoia sen fisuras aquelas iniciativas que demostren unha sensibilidade especial con Galicia, organiza actividades orientadas a favorecer contactos e relacións entre os seus asociados, intermedia entre as empresas que o soliciten e diferentes institucións ou entidades e serve de canle de acceso aos servizos prestados por outras organizacións.
O programa de actividades organizadas por AEGA-CAT é unha das súas columnas vertebrais. A partir de él foméntase o coñecemento mutuo entre os asociados, o contacto directo cos líderes de opinión máis destacados do momento, a confianza necesaria para o establecemento de novos negocios e o aproveitamento de sinerxias. Os Encontros AEGA-CAT, as Axendas Empresariais, o Ágora XXV, os Títulos de Excelencia Galega entregados durante a Cea de Gala institucional, son iniciativas, nacidas e desenvolvidas no seno da asociación.
En 2004 naceu a súa revista Feitos, de periodicidade anual, como publicación que recolle as actividades relacionadas, ben pola súa organización ou porla súa participación, coa Asociación, ademáis de entrevistas e reportaxes tanto de empresarios como de compañías galegas ubicadas en Cataluña y fora do seu ámbito xeográfico. A inclusión, en todos os seus números, do Directorio de Empresas Asociadas converteuna, ademáis, nunha ferramenta imprescindible para darse a coñecer ao tecido empresarial galego tanto nacional como internacionalmente, facilitando así as oportunidades de negocio de ámbito multisectorial.
Os primeiros contactos entre a colonia galega en Llodio foron promovidos por Eduardo Pérez Ferrer, que convocou unha xuntanza para o día 23 de marzo de 1969 no salón de sesións do concello. Na asemblea do día 4 de maio elixiron a primeira xunta constituínte para a posta en marcha da sociedade. No mes de xuño mercaron o local social, que lles permitiu levar a cabo diversas actividades, entre elas un Bingo, como fonte principal de ingresos durante os anos 70.
O centro galego creouse co ánimo de aglutinar a tódolos galegos desta comarca, e ter así onde reunirse e poder conservar os aspectos máis importantes dos seus costumes.
Segundo o artigo 2 dos seus Estatutos, “los fines de esta asociación son:
- Mantener una prolongación de Galicia en Euskadi, hermanando a los Gallegos y no Gallegos residentes en la Comunidad Autónoma Vasca.
- Desarrollar el entendimiento y conocimiento de todas las Nacionalidades y regiones del Estado Español con Galicia y de ésta con aquellas, prestando atención preferentemente a las relaciones con Euskadi, al ser ésta comunidad Autónoma su ámbito territorial.
- Mantener lazos culturales y sociales con Galicia, sus gentes, su historia, su cultura y su idioma el Gallego, el cual será empleado en cualquier tipo de comunicación oral o escrita en la Asociación y en las Relaciones escritas con personas, Instituciones y Organismos del exterior..."
Entre as actividades culturais que organizan destaca a celebración do Día das Letras Galegas, do Festival Cultural dos Pobos e do Día de Galicia en Euskadi e o seu Grupo Folclórico Centro Galego ESPALLADOIRO. En 1990 comezaron a editar a revista "Espalladoiro : voceiro do Centro Galego de Llodio".
Esta sociedade de emigrantes galegos foi fundada o 4 de maio de 1952 polos galegos residentes en Sestao baixo a denominación "Sociedad Cultural Recreativa Agrupación de Hijos de Galicia", coa finalidade de "Crear na rexión vasca unha continuación espiritual de Galicia, irmanando aos galegos no culto a España e no recordo vivo de Galicia, dando a coñecer a ésta no seu dobre aspecto espiritual e material, velando polo benestar dos seus fillos e estudiando á vez os costumes, a historia e a cultura peculiar do pobo no que vivimos".
Na súa sede social, que teñen en propiedade dende 1969, imparten clases de baile e música galegos. Alí desenvolven todo tipo de actuacións culturais e actividades recreativas.
Celebran a "Semana Cultural de Galicia", con diversas actividades para difundir a nosa cultura, con actuacións do seu grupo folclórico "Hijos de Galicia". Celebran o Día de Santiago Apóstolo e o Día das Letras Galegas e participan activamente nos actos que organiza a Irmandade de Centros Galegos no País Vasco co gallo do Dia de Galicia nesta comunidade.
Foille recoñecida a condición de galeguidade en novembro do ano 1987.
A Casa Cultural de Galicia de Eibar foi fundada en 1984 por un grupo de galegos, encabezado por Antonio Alonso, e un vasco, Josu Arcocha, fillo de pescadores vascos que estivera vivindo moito tempo en Ferrol e sentíase plenamente identificado cos galegos. A primeira reunión, na que se xestou a entidade, realizouse o 28 de febreiro e a súa inauguración oficial non se celebrou ata o 20 de maio dese ano 84, que fixeron coincidir coa celebración do Día das Letras Galegas. Ó acto asistiron, entre outras personalidades, o consejero do Goberno Vasco, Castor Garate, en representación do Lehendakari e o alcalde de Eibar xunto con varios concelleiros.
O primeiro obxectivo, nos seus inicios, foi acadar un local en propiedade onde desenvolver as súas actividades; logro que se fixo realidade o 2 de marzo do ano 1984, despois de mercar un local con aportacións dos socios e un préstamo hipotecario, realizando parte do seu acondicionamento por eles mesmos en horas libres. O local conta con: oficina, comedor, sala de xuntas, cociña, biblioteca e bar especializado en comidas galegas.
O obxectivo único da entidade é promover e difundir a cultura galega, como consta no artigo 3º dos Estatutos: “La Entidad tiene carácter cultural y Folklórico, y su objeto fundamental es promover y difundir la cultura en general, muy particularmente la cultura gallega, y en consecuencia agrupar a todos los gallegos amigos de la cultura y simpatizantes residentes en Eibar y sus alrededores, por lo tanto su campo de acción se circunscribe a la provincia de Guipuzcoa”.
Foille concedida a personalidade xurídica o 21 de maio de 1984 e ostenta a condición de galeguidade dende o 12 de xaneiro de 1989.
Participa en numerosos actos de irmandamento coa comunidade vasca así como con outros centros galegos do País Vasco. De feito, forma parte da “Irmandade de Centros Galegos en Euskadi”, da “Federación de Casas Rexionais en Guipúzcoa” e do País Vasco. Participa na organización do Día de Galicia en Euskadi e das Casas Regionales en Guipúzcoa. Conta cun grupo de danza e gaita, "Os Galaicos", publican anualmente o programa do "Día das Letras Galegas", conta cun equipo de fútbol benxamín, celebran o magosto e concursos infantís.
É de destacar a súa labor solidaria, axudando a persoas transeuntes ou afincadas na comarca, que lles solicitan axuda tanto económica como social, así como en momentos especialmente dificiles, como foi a súa aportación desinteresada coas víctimas da catástrofe producida polo huracán Mitch, en Centroamérica.
A acta fundacional desta asociación de emigrantes galegos retornados e dos seus fillos e descendentes data do 8 de decembro de 1990, data na que se reuniron varios vecinos de A Coruña coa intención de constituir unha asociación co obxectivo de desenvolver e propagar a cultura galega e venezolana en todas as súas formas.
A sociedade constituíuse formalmente o 20 de decembro de 1990 coa finalidade de reunirse e sociabilizarse, lembrando os costumes venezolanos. Tamén informan aos seus socios das políticas de axudas para a súa integración, cursillos organizados dende o concello e outras institucións galegas.
Como consta no artigo nº 2 dos seus Estatutos, os seus fins son a difusión da cultura e a arte galaico venezolano.
A Casa de Galicia de Bruselas ten a súa orixe na escisión dun grupo de membros do Centro Galego de Bruselas. A diferencia de criterios coa directiva e algúns membros do Centro orixinou a separación de ámbos grupos. A Casa de Galicia iniciou as súas actividades nun bar propiedade dun galego. Neste primeiro momento a asociación estaba case que exclusivamente composta pola directiva e as súas familias. Pouco a pouco a sociedade experimentou un crecemento continuado, as “rencillas” olvidaronse e hoxe semella que hai un bo entendemento entre as dúas asociacións galegas en Bruxelas.
A Casa de Galicia é unha asociación de tipo cultural, sen fins de lucro, cuxos obxectivos principais son, como consta no artigo nº 2 dos seus Estatutos, “el cultivo y la expansión de la cultura gallega”. Neste sentido tratan de dar a coñecer a lingua, a cultura e as costumes galegas en Bélxica (e incluso en países como en Holanda, Francia e Alemania por medio do seu grupo folclórico, onde é bastante coñecido e actúa con regularidade.
Os seus primeiros estatutos foron reformados en Asemblea Xeral o 5 de decembro de 1982. A partires desa data a sociedade pasou de ter unha “directiva coordinadora” a unha “directiva presidencial”.
Contan cun grupo folclórico homónimo co que participan en festivais, publican semestralmente o "Voceiro da Casa de Galicia", imparten cursos de informática, música, costura e francés, organizan exposicións e conferencias e celebran o Día das Letras Galegas, a festa de Santiago Apóstolo, o Magosto e o Entroido, así como a Festa da Hermandade e
a Festa da Emigración. Contan cunha escola de danzas e gaitas para nenos e con varios equipos deportivos: de fútbol e de ximnasia rítmica, entre outros.