Showing 1783 results

Authority record
Centro Gallego de Marsella
AE-FR-CGMar · Corporate body · 1978-04-29 ata a actualidade

O Centro Galego de Marsella fundouse no ano 1978, pola iniciativa dun grupo de galegos, socios da Unión Deportiva y Cultural de la Emigración Española en Marsella (USCIEM), hoxe desaparecida, antigo Centro Catalán.

Os primeiros pasos do Centro deronse nos locais do USCIEM, onde tiveron todo tipo de facilidades para realizar as súas reunións. Pero os comezos non foron doados, así, no Boletín do Centro Galego de Marsella de outubro de 1996, contan que non se aceptou con facilidade a existencia dun Centro Galego en Marsella e que tiveron moitos problemas internos. En novembro de 1983 inauguraron a súa propia sede social ubicada no centro da cidade de Marsella. O local conta con sala de usos múltiples, bar, biblioteca, sala para festas e local para a xuventude.

Dende os seus inicios a institución mantén o firme e decidido compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os nosos socios, novas xeracións e público en xeral. A entidade adica unha especial atención aos xóvenes. De feito teñen creada unha Sección de Xuventude, con a lo menos dous delegados na Xunta Directiva para que organicen as actividades propias deste colectivo.

Segundo o seus estatutos os seus obxectivos son:

  • Facer máis levadeira a estancia dos galegos en Marsella.
  • Promover toda axuda social, cultural e recreativa entre os seus membros.
  • Dar a coñecer as costumes e tradicións de Galicia.
  • Practicar unha solidariedade moral e material entre os socios.

Esta sociedade, que colabora con todas as sociedades e organismos españois na emigración, ten acadado, no momento actual, unha representatividade importante dentro da colonia galega, conquerindo deste xeito unha grande consideración das autoridades españolas e francesas.

Obtivo o recoñecemento de galeguidade o 12 de novembro de 1987.

AE-SU-CaGaCha · Corporate body · 197? (Non existe na actualidade)

A asociación "Casa gallega de La Chaux-de-Fonds" aprobou os seus Estatutos o día 16/06/1972.

Neles indícase que a asociación ten por obxecto "reunir a todos los Gallegos y Españoles simpatizantes, sin distinción política ni religiosa" e que a dirección recaerá en galegos de orixe.

Trátase dunha sociedade apolítica e arrelixiosa cuxos fins son exclusivamente culturais e recreativos.

AE-SU-FaGaCe · Corporate body · 196? (Non existe na actualidade)

O Fato pra unha Galiza ceibe e socialista constituíuse en Xenebra para incorporar aos emigrantes galegos favorables ao dereito á autodeterminación dos pobos.

Os seus obxectivos son:

  • Preparar a emigración galega sobor dos problemas da súa terra e do seu pobo con miras a que o día que volten continúen a loita pola liberación do noso pobo.
  • Axudar de tódalas maneiras posibles á loita dos nosos compañeiros do interior.
  • Informar e traballar a opinión do mundo enteiro sobor da existencia do pobo galego, da Nación galega, da súa explotación polo centralismo e o feixismo, e da situación colonial na que o noso pobo atópase.
AE-SU-FSGS · Corporate body · 1980-11-29 ata a actualidade

A Federación de Sociedades Galegas na Suiza (FSGS) creouse na cidade suíza de Olten en novembro do ano 1980. O seu propósito era agrupar a maior cantidade posible de centros galegos e obter así a forza necesaria para unha mellor defensa dos “intereses que lles son propios”.

As 10 sociedades constituíntes foron:

  • A Nosa Galiza (Xenebra)
  • Centro Peña Galega (Lausanne)
  • Irmandade Galega na Suiza (Xenebra)
  • Peña Galega (Le Sentier)
  • Centro Galego (Sión)
  • Centro Galego (Val do Rhin)
  • Sociedade Galega Sementeira (Basilea)
  • Promoción da Cultura Galega (Zürich)
  • Casa de Galicia (Martigny)
  • A Nosa Casa Galiza (Berna)

A composición da FSGS sufriu variacións ó longo da súa existencia, xa que algúns centros desapareceron e tamén se produciron altas e baixas. Asimismo, formaron parte da Federación o: Centro Galego (Lausanne), Centro Galicia (Olten), Centro Galego (Lucerna), Grupo Galego (Aarau), Centro Galego A Nosa Terra (Zug), Centro Galego (Berna), Galicia Hoxe (Xenebra) e Promoción da Cultura Galega (Lausanne), entre outros.

Nos seus primeiros Estatutos, redactados en galego e aprobados o 26/05/1985, constituíron a sede social na rúa de la Servette, nº 91 da cidade de Xenebra. En 1989 e durante a celebración do IV Congreso da Federación modificaron os Estatutos iniciais logo das experiencias organizativas e de funcionamento verificadas desde a súa fundación. Unha modificación importante refírese precisamente á ubicación do domicilio que será no domicilio da sociedade que neses momentos lles corresponda á Secretaría da Federación.

Os obxectivos polos que foi creada a FSGS son:

  • Defende-los “valores históricos” de Galicia, a lingua, a cultura, o arte e o folclore.
  • Lograr un maior achegamento e unión de tódolos centros galegos da Suíza.
  • Reforzar as relacións coas demais asociacións galegas e non galegas.
  • Defender os dereitos do emigrante e tratar de mellorar as súas condicións de vida.

Segundo o art. 6 dos Estatutos, a FSGS realizará as seguintes actividades:

  • Estudios e publicacións sobre cuestións da cultura galega e do asociacionismo cultural.
  • Elaborar proxectos para a solución dos problemas plantexados polas entidades federadas.
  • Fomentar a creación de sociedades culturais.
  • Organizar congresos, seminarios, conferencias, coloquios, cursos...
  • Realizar e promover actividades culturais, deportivas e recreativas.

No ano 1993 publican o primeiro número da revista “Diáspora”, que recolle artigos culturais de interese así como un resumo das actividades previstas a desenvolver no seo da Federación. Tamén dá conta da incorporación á Federación do Centro Galego de Zug “A Nosa Terra” e especifican que nese momento eran 12 os centros asociados.

Cada ano organizan actos con motivo do Día das Letras Galegas e do Día da Patria Galega e unhas xornadas culturais no mes de outubro.

Lar Gallego de Caracas
AE-VEN-LG · Corporate body · 1945-04-15 ata o 1960-10-12

O Lar Gallego de Caracas foi unha asociación galega na emigración en Venezuela. Foi constituído en Caracas o 15 de abril de 1945, logo de que se autorizase a súa creación o 9 de febreiro dese mesmo ano. A idea de fundación deste centro xurdiu por mor da visita do secretario xeral do Centro Gallego de Bos Aires, Rodolfo Prado, a Caracas. Este, propuxo a idea a un grupo de galegos residentes na cidade, os cales tras diversas reunións acordaron a creación do mesmo. Na constitución do Lar Gallego participaron vinte e oito persoas, que decidiron quen ocuparían os cargos da primeira directiva, finalmente formada por José Mosqueira Manso (presidente), Silvio Santiago (vicepresidente), Díaz Villamil (secretario), Isolino López (vicesecretario) e Francisco Calviño (tesoureiro).

Foi unha das principais asociacións de galegos na emigración durante a etapa do franquismo. Lonxe dos seus fogares, os inmigrantes tentaron organizarse en diferentes grupos e asociacións, mais debido ao carácter político da maior parte delas, as autoridades puxéronlles trabas para que lograsen facelo legalmente debido á prohibición polas leis venezolanas de asociacións políticas de estranxeiros con carácter político, aínda que posteriormente foron autorizando a creación de varias asociacións.

Desde o primeiro momento e durante case toda a existencia do Lar, foron os exiliados políticos os que tiveron un papel máis destacando destro da asociación. Por iso, o Lar Gallego tivo un carácter marcadamente político, con predominio de persoas de ideoloxía de esquerdas, republicano-progresistas, que defendían principios galeguistas e antifranquistas.

Durante a súa existencia, o Lar desenvolveu importantes actividades sociais, culturais, recreativas, deportivas e, por suposto, políticas. Un dos seus obxectivos principais foi a asistencia social e a beneficencia, orientadas cara a colonia galega cunha situación económica aínda precaria e que non contaba cunha seguridade médico-asistencial.

O Lar contaba coa peña de xadrez "Alexandre Bóveda" e polos seus salóns pasaron os mellores xadrecistas mundiais da época. No aspecto cultural, organizaban periódicamente ciclos de conferencias e charlas culturais e publicaban un boletín mensual no que non só recollían noticias concernientes á sociedade e á comunidade galega en Venezuela senón que tamén informaban sobre temas de actualidade e de cultura galega a través da colaboración de escritores residentes en Galicia, Bos Aires, Cuba ou México. Tamén emitían un programa de radio dominical na emisora Radio Rumbos.

Dende 1951 celebraron todos os anos unha homenaxe a Daniel R. Castelao no aniversario da súa morte, algún deles organizado conxuntamente co Centro Gallego.

Produto do Lar foi a creación de diversos premios culturais que recoñecían a produción en galego ou de temática galega. Entre eles destacaron os premios Industrialización e Economía de Galiza Alexandre Bóveda, o premio Maside de pintura e o premio literario Ramón Otero Pedrayo.

Ao longo da historia desta organización podemos observar varios momento de crise que derivaron na separación desta, dividíndose en novas asociacións, algunhas das cales volveron a acordar a súa unión tempo despois. A escisión do Lar Galego nomeouse Centro Galego de Caracas (1948), do cal á súa vez xurdiu unha nova escisión: a Casa de Galicia (1956), que tivo unha vida moi curta.

Tras a caída da ditadura no ano 1959, a embaixada española perde influencia sobre o goberno e non logran impedir a creación da Junta de Acercamiento para estabelecer de novo negociacións entre os diversos grupos.

Debido á necesidade de crear unha asociación forte para aglutinar a todos os galegos emigrados, os dirixentes do Lar Gallego, do Centro Gallego e da Casa de Galicia lograron comezar a negociar ata formalizar a súa unión nunha reunión. Nela participaron representantes dos grupos anteriormente mencionados, que tamén invitaron á Asociación Civil de Amigos de Santiago, mais declinaron a oferta e continuaron a funcionar de forma independente.

O 10 de maio de 1960 os directivos das tres asociacións reuníronse nun cine da Candelaria e decidiron formalizar a unión, estabelecendo como data de inauguración da nova sociedade o día 12 de outubro do mesmo ano. Ese día celebrouse unha Asemblea Xeral na sede do Centro Gallego, no Paraíso, onde se aprobaron os novos estatutos ante a presenza duns 150 socios. A nova asociación nomeouse como Hermandad Gallega de Venezuela, cuxa dirección queda constituída pola directiva das tres entidades ata o 25 de xullo de 1961, data na que se convocan eleccións. Ángel Feijoo Fernández foi elixido como o primeiro presidente da entidade, que contaba con 800 socios nominais ou fundadores.

AE-AR-HVil · Corporate body · 1914-06-06 ata 1918

Fúndase en 1914 co nome de SOCIEDAD DE SOCORROS MUTUOS HIJOS DEL PARTIDO DE VILLALBA. Muda de nome en asamblea xeral o ano 1918 por CENTRO VILLALBÉS.

Esta asociación de emigrantes galegos naturais do partido xudicial de Vilalba, residentes en Bos Aires foi fundada o 6 de xuño de 1914 coa finalidade de socorrer aos seus socios en caso de enfermidade ou por falta de traballo, axudando na súa repatriación. É tamén unha sociedade recreativa donde os seus socios se reunían para recordar a súa terra e as súas romarías.
Coa chegada da República en España se declaran partidarios do novo sistema político e en 1937 tras o estoupido da guerra civil organizan unha agrupación de axuda ao goberno
español, cos seguintes fins: "propender al apoyo moral y material del gobierno legítimo de España, que defiende la libertad y soberanía del pueblo contra la invasión de las hordas fascistas, que pretenden convertirlo en una colonia italo-germana" ("Galicia", nº 523).

Corporate body · 1976-

Presentación pública a comezos de 1976

Integra mulleres independentes e tamén outras dobre militantes en partidos políticos de esquerda (Movemento Comunista, Liga Comunista Revolucionaria, Asamblea Nacional-Popular Galega...)

Primeiros temas de debate: autonomía do movemento, dupla militancia, despenalización do adulterio, anticonceptivos, divorcio, aborto, violencia, traballo, educación

Implicadas na creación da primeira época da revista Andaina en 1983 http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=2000&id=7050

A máis lonxeva de todas as AGM.

VÍNCULOS CON OUTRAS ORGANIZACIÓNS

  • Integrada en: Coordinadora Feminista Galega, Coordinadora de Organizacións Feministas do Estado Español.

  • Organizacións que apoian as súas actividades: Comisión da Muller da Asamblea Nacional-Popular Galega, Asociación Galega da Muller, Liga Comunista Revolucionaria, Movimento Comunista Galego, Unión do Pobo Galego, Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos, Sindicato de Traballadores do Ensino Galego, Colectivo Homosexual de Compostela, CGC, Grupos de Mulleres da Universidade, Grupo Feminista de Santiago.