Showing 1783 results

Authority record
Centro Gallego de Azul
AE-AR-CGAz · Corporate body · 1992-09-19 ata a actualidade

A idea da creación dun centro galego na cidade de Azul xorde tras unha reunión no local da Cruz Roja desta localidade. Na reunión participaou un grupo de galegos que decidiron constituír un centro onde se puidesen reunir os emigrantes galegos e tamén arxentinos, interesados en organizar actividades culturais e sociais. A súa fundación oficial efectuouse o 19 de setembro de 1992 sendo o seu primeiro presidente Manuela Carmen Alonso Méndez.
Xa dende os seus inicios deciden crear un grupo de baile e un programa de radio.
O centro carece de sede social propia, realizando os actos sociais en lugares ofrecidos por outras institucións; ten alugada un despacho/sala onde está instalada a súa biblioteca denominada "Dr. Leopoldo Laperta" e un salón onde ensaia o grupo folclórico.
Segundo os seus estatutos as súas finalidades son: realizar labor cultural, social, recreativo, deportivo e de apoio recíproco entre os seus asociados; exaltación de Galicia polos seus valores humanos, materiais e morais; promover, difundir e subvencionar a cultura galega e arxentina polos medios ao seu alcance; organizar conferencias, cursos e actos para o maior desenvolvemento cultural e educativo dos socios.

AE-AR-ComInter · Corporate body · Creouse en 1948. Na actualidade non existe pero non temos constancia da data da súa disolución.

Esta comisión foi creada en 1948 coa finalidade de "manter ergueito o sentimento da Patria e honrar con verdadeiro senso galego as nosas datas nacionales". A súa función específica foi a de organizar os actos para celebrar o aniversario da morte de Castelao, da aprobación do Estatuto Galego e o Dia da dos Mártires, tres datas esenciais para os galegos.
Estivo integrada dende a súa creación polos seguintes centros: "Centro Coruñés", "Centro Lucense", "Centro Orensano", "Centro Pontevedrés", "Centro Betanzos", "A.B.C. de Hijos del Partido Judicial de Corcubión" e por "Irmandade Galega".

AE-AR-AAHG · Corporate body · Fundada en 1959. Non existe na actualidade pero non temos constancia da data de disolución.

Esta sociedade foi creada por un grupo de xóvenes, descendentes de emigrantes galegos, que desexaban potenciar a cultura e a realidade galega na terra de acollida dos seus pais. Foi creada na sede da editorial "Follas Novas", organización galega que desde Bos Aires difunde o libro galego en toda América. Entre os seus obxetivos pódese citar: os culturais coa edición de libros e organización de cursos sobre xeografía, historia, arte, literatura e economía galegas. Tamén queren crear un grupo de teatro vocacional con raigame galego.
Entre os seus membros estaban Antonio Pérez Prado (que foi presidente da entidade), José M. Reynoso e Alberto Abalo.
En 1960 organizan ciclos de estudos e debates sobre obras galegas como "Sempre en Galiza" e cursos de lingua galega, un deles impartido por Eduardo Blanco Amor.
En 1962 publican como voceiro social a revista Alen-Mar, que foi dirixida por P. López Romero.

Ateneo Curros Enríquez
AE-AR-ATCur · Corporate body · 1931-04-14. Non coñecemos cando queda disolta.

Esta entidade é en realidade a sección cultural da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina. Foi creada en 1931 para xestionar e planificar todas as actividades culturais levadas a cabo por esta federación e polas sociedades que a integran.
Nos anos 50 crea unha biblioteca federal como centro de cultura para todos os socios federados, iniciando unha labor cultural cos seguintes puntos: "1º- lectura comentada con debates; 2º- cursos de preparación e formación para os socios; 3º- empréstimos de libros a domicilio; 4º- organizar conferencias sobre temas científicos e literarios".
Tamén crea unha escola de teatro para a colectividade emigrada.
Todos os anos conmemora o Día de Galicia, lembrando aos mártires galegos, e organizando un ciclo de conferencias, funcións de teatro, torneos deportivos etc.

Centro Betanzos
AE-AR-CBet · Corporate body · 1905-12-10 ata a actualidade

Xa a fins do século XIX moitos dos betanceiros residentes en Bos Aires reuníanse na zona do vello Palermo para celebrar as festas patronais de San Roque. Estes encontros impulsaron a necesidade de encauzar por medio dunha institución a solidariedade cara aos paisanos que quedaban na súa terra ou aos que emigraban cara estas terras totalmente desprotexidos. A súa fundación oficial data do 10 de decembro de 1905 e xa nos seus estatutos recollen como fin primordial estreitar os lazos de unión entre todos os nativos de Betanzos e o seu partido xudicial que residían na Arxentina, así como manter relacións de amizade coas sociedades galegas en Galicia e fóra dela.
Entre os seus obxectivos destacan ademais fomentar a axuda entre os socios, sexa proporcionando traballo ou outra ocupación, de acordo ás actividades de cada un e prestar toda axuda material e moral; atender, amparar, defender e repatriar aos betanceiros necesidos, cos recursos do centro; celebrar veladas literario-musicais, reunións sociais deportivas, festas campestres e toda clase de xogos lícitos, para a expansión dos socios e das súas familias; contribuír á maior cultura e instrución dos asociados, organizando conferencias instrutivas, creando unha biblioteca e salas de lectura de publicacións rexionais, nacionais e extranxeiras.
O seu lema foi "Por Betanzos, a cultura e a solidariedade entre os seus fillos".
Pouco despois da súa fundación comeza a editar unha revista social, titulada "Betanzos", cunha tirada de 11.000 exemplares e que aínda hoxe se segue a publicar. Tamén publica outras revistas como "Nueva Historia", editada pola subcomisión xuvenil do centro e colabora con outras institucións para a edición de "Nueva Galicia"; así como numerosos folletos e memorias sociais.
Esta entidade estivo tradicionalmente moi vinculada coas ideas de esquerdas e amosou sempre o seu apoio a IIª República española e ao nacionalismo galego, vinculándose a ela persoeiros destacados como Castelao (presidente honorario), Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Elpidio Villaverde, Andrés Beade Dopico, Osvaldo Dans Varela, etc.
En 1950 crea un grupo de baile e danza "César Quiroga", formado por 22 bailaríns e un corpo de gaitas "Sementeira" e en 1952 forman a coral "Os Rumorosos" e un conxunto de gaiteiros "Betanzos", que actuou con grande éxito nas festas da colectividade deses anos. No ano 1975 comeza a funcionar unha escola de danzas.
Moitas das súas actividades recreativas e culturais están centradas na celebración das súas festas de agosto, creando no ano 1970 a Iª Semana de Betanzos en Buenos Aires, con exposición de pinturas, mostras do libro galego, festivais folclóricos e a edición dun xornal.

Centro Friolense
AE-AR-CFri · Corporate body · 1932-04-00 ata 1943-01-09, ano no que se fusionou con outras entidades de emigrantes lucenses para crear o Centro Lucense de Buenos Aires

Este Centro foi creado como un medio de unión, expansión, instrución, e de axuda moral e material para os seus asociados, todos eles emigrantes naturais do concello lucense de Friol e residentes na Arxentina.
Entre os seus fundadores pódese citar a: Jesús Vigo (primeiro presidente da entidade), José Morandeira, Maximino López, José Varela, Ramiro Sanjurjo, Cipriano Vigo, Domingo Losada, Enrique Vigo, Antonio Boca, Antonio Arias, Celestino Vigo, Lino Ares, Angel Pereira, Manuel Duro e Rudecindo González
En 1936 esta sociedade aprobou por unanimidade en asemblea de socios conceder a cantidade de $500 a total beneficio da Cruz Roja Española para contribuír así "a mitigar el dolor de los miles de compatriotas que actualmente sufren las consecuencias del momento trágico por el que atraviesa la afligida patria".
Esta sociedade desparece tras a súa fusión co "Centro Lucense".