Showing 1783 results

Authority record
AE-AR-CLal · Corporate body · 1982-07-25 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada pola fusión das entidades dos emigrantes residentes na Arxentina, orixinarios da comarca do Deza: "Hijos del Partido de Lalín" (1908), "Hijos de Silleda" (1922), "Unión del Partido de Lalín" (1921) e "Sociedad de beneficencia y recreativa hijos de Golada y afines" (1930).
A súa fundación tivo como finalidade principal agrupar nun so Centro ás distintas sociedades do partido xudicial de Lalín debido ao descenso de socios que xa nos 70 e 80 viñan rexistrando; desexan manter os mesmos fins de axuda mutua, cultura e recreación das entidades fusionadas, tal como recollen os seus estatutos (1982): "Art. 2º - Son sus propósitos: a) fomentar los vínculos de amistad y camaradería entre sus asociados; b) cultivar y difundir el espíritu de asociación; c) establecer relaciones con las entidades que practiquen la ayuda al pueblo gallego o se interesen por las distintas manifestaciones de su cultura; d) propender a la cultura general y preferentemente a la divulgación del conocimiento de la historia, el arte, la literatura, el comercio, la industria y la economía de Galicia, en relación con esos mesmos temas de España en general; e) inculcar entre sus asociados el amor a las instituciones de la nación argentina, así como también el respeto a sus leyes, usos y costumbres.
Para cumplir los fines expuestos en el artículo anterior la asociación "Centro Lalín de Buenos Aires, social, cultural y recreativo" pondrá en práctica a medida que las circunstancias lo permitan:
1º ) salones de reunión y recreo para sus asociados; 2º ) campo de deportes, educación física y recreo al aire libre; 3º ) fiestas sociales, bibliotecas, cursos de cultura gallega y argentina; 4º ) fondos para el desarrollo, intercambio y fomento artístico argentino-galaico, así como para la creación y sostenimiento de un salón de exposiciones".
A directiva fundacional estaba constituída por: presidente, Luis López Garra; vicepresidente, Marcelino Villaverde; secretario, Casiano Vidueiras; tesoureiro, Marcial Sánchez; prosecretario, Jesús Manuel; vogais: Isaac Lalín, José Couto Villamayor, José L. Fernández, Florentino López Abelendo, Manuel Sánchez, Salvador Villa de Rancos, Arturo Framinán, José Elías Taboada, Alfonso Castro, Daniel Camba, José Furiños, Manuel Montero e José Lois
Dende a súa creación organizan numerosas actividades culturais e recreativas para os socios, mantendo o seu lema social de unir a todas as familias lalinenses en Buenos Aires e procurar o seu benestar e recreación.
Ten un conxunto de danzas gallegas "Lembranzas del Centro Lalín" e un conxunto de gaitas, integrados polos socios e que actúan nas numerosas festas organizadas pola entidade e pola colectividade galega en Bos Aires.
Dende 1984 publican unha revista, co nome da entidade, que serve como voceiro oficial da mesma.

AE-AR-CASam · Corporate body · 1927-02-10 ata 1943-01-09, ano no que se fusiona con outras entidades para crear o Centro Lucense de Buenos Aires

Esta sociedade foi creada polos naturais do concello lucense de Samos, residentes na capital arxentina, cunha finalidade instrutiva: a súa idea era fundar unha escola na súa terra natal. Para iso celebran varios banquetes e festas, co fin de recadar fondos. Finalmente non temos constancia de que acadaran este obxectivo.
Entre os seus fundadores pódese citar a Camilo Regueiro, que foi o primeiro presidente da entidade, José M. Fernández, Ramón Gómez, José Vilela, José Villanueva, Manuel L. Valladares entre outros.
Durante a súa existencia van primar as actividades recreativas e de axuda mutua entre os socios.
Finalmente en 1942 aproban en asemblea xeral a súa fusión con outras entidades de lucenses, para crear o centro provincial, Centro Lucense de Buenos Aires.

Centro republicano español
AE-AR-CREs · Corporate body · 1904

Sociedade que defendía dende Bos Aires os intereses dos exiliados republicanos españois, primeiro da Iª República, e tras o estalido da guerra civil española (1936), dos exiliados que chegaban á Arxentina.
Estaba integrada polas asociacións de emigrantes que defendían á república e os seus ideais e loitaban contra o franquismo. Non só apoiaban aos que chegaban fuxindo da guerra senón que tamén enviaban cartos e medicamentos as zonas que estaban no bando republicano.
Como voceiro social publicaban o xornal "España Republicana".

AE-AR-CStgo · Corporate body · 1926-08-01 ata 1974, ano no que se fusiona coas entidades coruñesas na Agrupación Gallega de Buenos Aires

Sociedade fundada polos emigrantes galegos da comarca de Santiago residentes en Arxentina.

AE-AR-HACar · Corporate body · 1934-09-01 ata 1953, ano no que se integran en "Unión Muradana"

Esta sociedade, recreativa e mutualista, foi fundada por un grupo de emigrantes galegos, naturais do concello de Carnota, residentes na Arxentina. Fernando Siaba, foi un dos seus fundadores.
Nos anos 40 edita como voceiro social a publicación "Vida Carnotana".
No ano 1953 integránse na "Unión Muradana", da que forman parte todas as sociedades de residentes do partido xudicial de Muros en Bos Aires.

Centro Villalbés
AE-AR-CVill · Corporate body · 1914-06-06 ata 1938, ano no que se fusiona con "Sociedad residentes del ayuntamiento de Cospeito" pasando a denominarse "Centro Villalbés - Cospeito"

Esta entidade foi creada en 1914 polos emigrantes naturais do partido xudicial de Vilalba, residentes en Bos Aires. En 1918, os socios aproban en asemblea xeral o cambio de nome, pasando a chamarse "Centro Villalbés, de protección, cultura y recreo".
Un dos promotores da fundación desta entidade, foi Tomás Barro, quen ocupou o cargo de presidente durante moitos anos.
En 1915, apróbase os primeiros estatutos sociais, onde aprecen claramente reflectidos so fin de protección, cultura e recreo aos que aspiraban: "Art. 1. Servir de vínculo entre los hijos del Partido de Villalba y sus asociados; art. 2. Proporcionar a sus asociados en casod e enfermedad y de acuerdo con estos estatutos: asistencia médica a domicilio, en sanatorio propio o no, medicamentos, subsidios y repatriación; art. 3. Amparar a sus asociados en la vindicación de sus derechos civiles o de otro orden cuando les fueran mermados injustificadamente; art. 4. Crear un fondo de beneficencia para socorrer a sus asociados en los casos no previstos por estos estatutos; art. 5. Proteger y vigilar la emigración a este país que venga dirigida a sus asociados".
Durante os anos 20 ten o proxecto de construír un hospital-asilo no concello de Vilalba, para o que recaudan fondos con distintas actividades recreativas e abre unha subscrición permanente para este fin. Con esta finalidade crean un "comité pro-asilo" en Vilalba ao que en 1925 envían 5.000 pesetas. Parellamente realiza varios xiros de cartos para paliar casos de necesidade puntuais na súa localidade natal, como por exemplo a doazón de 2.500 pesetas para axuda dos máis necesitados.
En 1926, o Sr. Rábade, ex-presidente da entidade, ofrécelles unha casa da súa propiedade de dous pisos con dúas fanegas de terra e un prado, para que instalasen alí un escola e os terreos fosen empregados como complemento do soldo polo mestre, con carácter de usufruto; a sociedade debía encargarse de arranxar o edificio. En novembro organiza unha función artística e baile familiar a beneficio da escola que van crear en Tamboga (Cospeito). Nembargantes non temos constancia de que finalmente esta escola fose construída.
En 1932 a directiva mantén conversacións coa sociedade de Cospeito. Esta sociedade foi creada por un grupo de e socios que se separaron do "Centro Villalbés" en 1926. Finalmente en agosto de 1938 fusiónanse ambas as dúas e a nova entidade pasa a denominarse Centro Villalbés - Cospeito.

AE-AR-HAraVP · Corporate body · 1990-06-13 ata a actualidade.

Esta sociedade é froito da fusión das sociedades "Hijos de Arantey en Buenos Aires", fundada en 1952, e o "Centro Villamarín Perojano", creado en 1940.
Esta sociedade ten obxectivos mutuais, culturais e recreativos. Una das súas finalidades, recollidas nos estatutos, é o desenvolvemento da cultura galega a través da divulgación das súas tradicións e o folclore.
A directiva fundacional estaba formada polos seguintes membros: presidente, Alfredo Carlos Peña; vicepresidente, José Díaz; secretario, José Fernández; prosecretario, Adelino Viloria; tesoureiro, Manuel González; protesoureiro, Jesús Alvarez; secretario de actas, Francisco Fontaiña e vogais: José Blanco, Angel Souto, Arturo Blanco e José Sestelo.
Organiza actividades culturais como a organización de cursos de gaita e percusión, cursos de computación, debuxo etc. e actividades recreativas coa celebración de festas de camaradería, as festas patronais de San Roque, ou o Día de Galicia.

Hijos de Arantey
AE-AR-SocAra · Corporate body · 1952-12-13 ata 1990, ano no que se fusiona co Centro Villamarín Perojano, dando lugar a unha nova entidade chamada "Hijos de Arantey y Centro Villamarín Perojano, mutual, cultural y recreativa"

Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes naturais da parroquia de San Pedro de Arantei (Salvaterra de Miño, Pontevedra) residentes en Bos Aires.
Entre os seus fundadores pódese citar a Domingo Estévez Núñez, primeiro presidente da entidade, Antonio Núñez Saa, Manuel Peña Troncoso, Antonio Domínguez Sestelo, Diego Núñez Castro, Amadeo Valije Castro, Jose Peña Troncoso e Santos Raimundo Besada, entre outros.
A súa finalidade principal foi claramente cultural e recreativa.
En 1990 apróbase en asemblea xeral a súa unión co "Centro Villamarín Perojano".

Comité Orensano Leal
AE-AR-ComiOr · Corporate body · 1938-1941, ano no que se fusiona con outras entidades de Ourense para crear o "Centro Orensano" de Buenos Aires

Este comité foi creado en 1938 por diversas entidades de emigrantes ourensáns en Bos Aires, entre as que podemos citar: "Centro Nogueira de Ramuín", "Sociedad Cultural Nogueira de Ramuín", "Hijos del Ayuntamiento de Pereiro de Aguiar" e "Cultural y Recreativa del ayuntamiento de Esgos".
Todas estas entidades fusionaranse en 1941, e crean unha nova entidade de carácter provincial, o Centro Orensano de Buenos Aires.

AE-AR-FRE · Corporate body · 1906. Non existe na actualidade

Esta federación foi creada para coordinar os centros republicanos españois existentes en Arxentina, Uruguai, Paraguai, Porto Rico, Chile e Cuba.
Tiña como voceiro social un xornal titulado "El Republicano Español"

Hijos de Ois de ayuda mutua
AE-AR-HOis · Corporate body · 1914-12-20. Actualmente está integrada na Asociación Casa Coirós

Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes naturais da parroquia de Santa María de Ois, do concello de Coirós, que residían en Bos Aires.
En 1906 uníranse con outros conveciños para fundar a sociedade “Hijos del Ayuntamiento de Coirós residentes en Buenos Aires”.
Por disensións no funcionamento da entidade, o grupo de socios naturais da citada parroquia decide separarse e fundar unha nova, en decembro de 1914, coa finalidade principal de crear escolas na súa terra natal e a axuda mutua entre os socios.
Entre os seus fundadores podemos citar a Matías García, un dos principais promotores da sociedade, Antonio López, primeiro presidente da entidade, Antonio Rodríguez, José Santos Brañas, Manuel Pérez, Juan Pato Rodríguez, Benito Gen, Andrés Barral, Salvador González, Pedro Guerra, José Valiño, José Carro, Manuel Tomé, Ramón Carro, José Rivera Valiño, José Figueroa, Francisco Barrós, Domingo Pato e Juan María Rodríguez.
En 1920, fanlles un chamamento na prensa aos veciños de Ois para que colaboren na construción das dúas escolas de ensino primario que querían implantar alí, que desexaban que estivesen provistas do material pedagóxico máis moderno. Crean unha delegación na súa vila natal que se encargaría das xestións necesarias para levar a cabo o proxecto.
Teñen como lema social «la instrucción es la base de la familia, del bienestar y la felicidad».
En 1933, inauguran o edificio escolar no lugar de Fontelo. Este edificio será alugado ao concello e, cos cartos conseguidos, financian o seu mantemento.

AE-AR-HAPe · Corporate body · 1919-12-28 ata 1940, ano no que se fusiona co "Centro Villamarín", constituíndo unha nova entidade baixo o nome de "Centro Villamarín - Perojano"

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello ourensán da Peroxa residentes en Bos Aires. Entre os seus fins destaca a fundación dunha escola laica na Peroxa "para que reciban democrática instrucción los hijos de nuestros hermanos", axudar na protección aos recén chegados e dar cobertura e axuda económica aos socios necesitados.
A súa directiva fundacional estaba constituída polos seguintes membros: presidente, Antonio Montouto; vicepresidente, Isabelino Varela; secretario, Delfín Vázquez; prosecretario, Francisco Rodríguez; tesoureiro, Camilo Moure; protesoureiro, Enrique Fernández; contador, Manuel R. López; subcontadores, Frnacisco Rodríguez e 6 vogais.
En 1922 organiza un gran festival artístico e un baile familiar a beneficio da esola laica que desexan fundar na Peroxa pero da que non temos noticias sobre a súa creación.
En 1928 mandan unha doazón de 1.000 pesos para a continuación dunha estrada no seu concello natal.
En 1940, os socios aproban en asemblea xeral a fusión deste centro co "Centro Villamarín", formando unha nova entidade chamada "Centro Villamarín-Perojano".

AE-AR-HoRib · Corporate body · 1922-04-30, ata a actualidade.

Un grupo de emigrantes naturais do concello de Ribadumia e residentes en Bos Aires, deciden crear unha sociedade de instrución baixo o nome de "Pro-Escuelas en el ayuntamiento de Rribadumia". Entre os seus fundadores podemos citar a Alberto Abal, primeiro presidente da nova entidade, Manuel Alfonsín Martínez, Manuel Varela Muñiz, Jesús Pérez, José Barral Martínez, Miguel Serantes, José R. Bouzas, Benito Peiteado Pombo, José Piñeiro e Antolín Núñez.
Dende un principio os seus obxectivos estaban centrados en apoiar a instrución entre os habitantes das distintas parroquias que formaban o concello, aglutinar a todos os seus paisanos emigrantes e desenvolver unha amplia actividade cultural e social entre os asociados e os seus descendentes.
No ano 1926 organiza un festival en honor dos doantes do solar para a construción do edificio da súa primeira escola en Ribadumia, escola que foi inaugurada en 1929. En 1934 aparece na prensa o seu proxecto de construír un novo edificio escolar cun presuposto total de 45.000 pesetas.
Tras unha etapa de crise interna, en 1938 a entidade foi refundada pasando a chamarse "Hogar de Ribadumia" e centrando as súas actividades na axuda mutua e na organización de actos recreativos e deportivos.

AE-AR-IrNaz · Corporate body · Anos 20 e 30 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta sociedade política estaba integrada por emigrantes nacionalistas galegos residentes en Bos Aires como Eduardo Blanco Amor, Santiago G. Nolla, Ramiro Isla Couto, F. Lamas Barreiro e Xenaro F. Couto. Edita o boletín "Terra" donde ademais de informar sobre o seu iderio político, publica textos literarios e científicos de destacados intelectuais galegos.

Lembranza d'Ultreya
AE-AR-Lem · Corporate body · 1932-06-30. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi creada en Bos Aires por un grupo de entusiastas galeguistas entre os que podemos citar a: Aurora Pallares (presidenta fundacional), Xoaquina Villar Fernández, Celina e Teresa Berlandi, Piedad Souto, Xuana Prat, Claudino Pita, Manuel Prieto, Xuan Vila, Xuan Viqueiras, Antón Pallares, Antón Jeremías, Lois, Victoriano e Félix Martínez, Xosé Souto, Manoel Lorenzo, Xosé Rodríguez, Xesús Moreira, Esteban Iglesias, Alfonso Costela, Xerardo Mera, Manoel Castro, Ulpiano Bernárdez, Anxel Rodríguez, Antón Comesaña, Xesús Barral, Enrique González, Lois López, Máximo Docampo, Amadeo Pérez e Marcelino Mariño.
A súa finalidade primordial foi o espallamento da arte e da cultura galegas en Arxentina, sendo o lema da entidade "Galiza hai unha soa".
Participaron activamente na campaña a favor do Estatuto Galego e da autonomía durante a IIª república.

AE-AR-MovGal · Corporate body · Anos 50 e 60 do pasado século. Non existe na actualidade

En 1959 publica un voceiro social baixo o título de "Loita", onde dan conta das súas ideas políticas nacionalistas e de indenpendencia de Galicia.

AE-AR-ORGA · Corporate body · 1930-04-22. Non existe na actualidade.

Esta organización política e galeguista foi fundada baixo o patrocionio de destacados galeguistas como Miguel C. Alvarez, Antonio Alonso Ríos, Eduardo Blanco Amor, Avelino Díaz, Pedro Campos, Antonio Iglesias, José Gamallo, José Liñares ou Luis Raña entre outros: "La O.R.G.A. de Buenos Aires, formada por emigrados gallegos que aman con fervor a su tierra y que anhelan y trabajan en pro de una España grande y de una Galicia libre, próspera y digna (...)"
Xa dende a súa creación loitan pola aprobación do Estatuto de Galicia, organizando diversas actividades para conseguir doazóns e apoios solidarios que enviarán a Galicia.

AE-AR-ResFor · Corporate body · 1922-10-22. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais do concello de Forcarei residentes na Arxentina, coa finalidade de «ver desterrado de Galicia ese resto de vergüenza que se llama analfabetismo».
Nos seus primeiros estatutos defínese como unha asociación laica que ten como obxecto a fundación de escolas no seu concello natal, que dotaría con mobiliario e material educativo. Contemplan a súa colaboración económica para a construción de camiños e pontes nas parroquias do concello e de edificios que funcionasen como cooperativas agrícolas. Outra das súas finalidades foi a loita pola modernización e progreso da súa terra, co fomento da industria, a construción de fábricas de electricidade e forza motriz para usos industriais, de muíños modernos e de granxas agropecuarias, de canles de rego ou de cemiterios civís. Hai tamén unha defensa da saúde dos seus veciños, con envíos de cartos para a creación de sociedades de socorros mutuos que ofertasen servizos médicos e de farmacia.
Entre os seus fundadores podemos citar a Manuel Campos Couceiro, presidente da entidade en varias ocasións, Manuel Muras ou Enrique Chamosa.
En 1923, edita un voceiro social, con carácter mensual, baixo o título de "Umia y Lérez", que foi dirixido por Pedro Campos Couceiro e Manuel Pichel.
En 1927, co envío de 15.000 pesetas e dos planos arquitectónicos, comezan as obras do seu edificio escolar no lugar de Levoso (parroquia de Quintillán), nun soar cedido polos veciños. Esta escola de ensino primario foi inaugurada a finais de 1928.
En 1932, fai un donativo á subscrición Pro-Estatuto de Galicia auspiciada pola O.R.G.A.

AE-AR-SocRiaTa · Corporate body · 1946 ata 1986, ano no que se fusionan coa "Asociación del partido judicial de Noya", dando lugar a unha nova entidade "Centro Noya Rianxo, asociación civil"

O 24 de setembro de 1922 un grupo de emigrantes naturais da parroquia de Taragoña (concello de Rianxo) fundan na capital arxentina unha sociedade de instrución denominada "Residentes de Taragoña", que tras un breve período de crise, será refundada como "Hijos de Taragoña en la República Argentina" o 20 de xuño de 1923.
En 1924 leva a cabo unha campaña para conseguir máis recursos económicos para construír unha casa-escola nun terreo xa mercado por esta sociedade. O edificio se inaugura en 1929 e será dedicado a escola de nenos e nenas da parroquia.
No ano 1947 desaparece tras a súa fusión coas outras sociedades de emigrantes naturais do concello de Rianxo, convertíndose nunha sociedade recreativa e mutualista.
En 1948 a nova entidade edita a revista "Rianxo", voceiro social moi interesante, con notas gráficas, referencias históricas e interesantes colaboracións.

AE-AR-SocNog · Corporate body · 1932 ata 1941, ano no que se fusiona con outras entidades da provincia de Ourense e crean o Centro Orensano de Buenos Aires

Esta sociedade foi creada a comezos de 1932, tras a fusión da "Sociedad cultural de la Carballeira", creada no ano 1917, e a "Sociedad de Nogueira de Ramuín", creada o 4 de xullo de 1931. Esta última fora fundada pola separación dun grupo de socios do Centro Nogueira de Ramuín, que xa existía en Bos Aires dende 1918; estes socios, comandados por Antonio Alonso, Enrique Soto Fernández, Claudio Fernández, Luis Guede, Angel R. Barbato, Antonio Devito, José Soto Fernández, entre outros, eran contrarios á política da entidade con respecto á Federación de Sociedades Gallegas.
Unha das condicións da fusión de ambas as entidades, creadas polos emigrantes do concello ourensán de Nogueira de Ramuín residentes en Arxentina, foi que se mantivese como unha das súas finalidades a construción da casa-escola na Carballeira. Ademais tiñan obxectivos mutualistas e culturais.
En 1934 organizan unha velada musical a total beneficio desta edificación escolar e en 1935 un dos membros da directiva, Claudio Fernández, foi enviado a Galicia para axilizar as obras.
Esta sociedade manifestouse totalmente favorable ao bando republicano. Creou o Comité de Nogueira de Ramuín de Ayuda al Frente Popular Español e enviou varias doazóns económicas para a República.
Tras o triunfo franquista, a idea imperante na Federación e na colectividade galega residente en Arxentina era a unión entre as sociedades afíns, para conseguir maiores logros sociais e superar o microasociacionismo existente. Tras numerosas reunións, o 25 de xaneiro de 1941 prodúcese a fusión das sociedades ourensás de Bos Aires, Centro Nogueira de Ramuín, Sociedad Cultural Nogueira de Ramuín (unificada con Carballeira), Hijos del Ayuntamiento de Pereiro de Aguiar e Sociedad Cultural y Recreativa del Ayuntamiento de Esgos. Constituirase unha nova entidade baixo o nome de Centro Orensano de Buenos Aires.