Mostrando 1783 resultados

Registro de autoridad
Centro Gallego de Campana
AE-AR-CGCamp · Entidad colectiva · 1912-07-05 ata a actualidade

Este centro foi creado o 25 de xullo de 1912 por membros da colectividade galega residente en Campana coa finalidade de ter un lugar propio no que reunirse e axudarse mutuamente.
A súa directiva fundacional estivo integrada por: Edelmiro Madernas, como presidente; vicepresidente, Rosendo González; secretario José Losada; tesoureiro, Manuel Rumbo; e como vogais: Nicasio Alvarez, Baldomero Boquete, Ernesto Fernández, Manuel Seoane, Enrique Calvo, José Riveira, Fidel Nogueiras, Cándido Urisi, Andrés Rumbo, José Vázquez, Manuel Figueiras, Francisco Calvo.
Nos primeiros anos da sociedade predominaron as actividades recreativas: bailes, paseos, romarías, obras teatrais, etc. para recadar fondos e conseguir a propiedade da súa sede social.
Actualmente domina a súa faceta mutual: atención á saúde dos asociados, á que adican o 99% dos fondos, contando dende 1917 coa cobertura sanitaria do Hospital Español da cidade.

AE-AR-ESMCom · Entidad colectiva · 1910-09-11 ata a actualidade

En 1910 un grupo de 128 españoles residentes en Comodoro Rivadavia, liderados por D. Vicente Gómez, fundan unha institución civil con fins solidarios baixo a denominación de "Asociación Española de Socorros Mutuos de Comodoro Rivadavia", da que foi o primeiro presidente D. Toribio Larrea.
Esta sociedade recreativa e cultural nun primeiro momento, foi recoñecida legalmente o 26 de febreiro de 1914, centrando os seus esforzos en conseguir un servicio sanitario gratuíto para os asociados, pero non será ata o ano 1954 cando inauguren as obras do sanatorio da entidade.
No ano 1974 crean un departamento de aforro e empréstimo coa finalidade de crear un fondo de axuda mutua.
Na actualidade contan cun moderno sanatorio onde reciben atención todos os seus asociados e demais persoas da cidade de Comodoro Rivadavia, ademais de seguir organizando numerosas actividades culturais e recreativas.

Centro Gallego de Córdoba
AE-AR-CGCord · Entidad colectiva · 1918-07-12. Non temos constancia de que exista na actualidade

Este centro foi creado por un grupo de emigrantes galegos residentes na cidade arxentina de Córdoba, seguindo os pasos do Centro Gallego de Buenos Aires.
Entre os seus promotores podemos citar a Juan Pérez de Santiago e Carlos C. Quiroga, que ocuparon diversos postos nas primeiras directivas da entidade.
En 1922 aproban os seus estatutos sociais nos que describen o centro como: "una sociedad de carácter regional, cuyos fines son: cultura, recreo, sport, arte y protección mutua, para lo cual procurará:
a) propender en grado superlativo a fortalecer los vínculos de confraternidad hispano-argentina; b) defender a sus asociados cuando sus derechos fueren vulnerados; c) difundir por todos los medios que se consideren eficaces, el conocimiento de Galicia y todo lo que a ella enaltezca; d) organizar festivales, reuniones familiares, bailes, deportes y toda clase de juegos para distracción de los socios y sus familias; e) fomentar las bellas artes en general (con preferencia las de carácter regional) instituyendo cuando fuere menester premios con este objeto; f) propagar, valiéndose de todos los medios que se juzguen convenientes, los fines que la asociación persigue; g) facilitar trabajo, a aquel socio que sin tacha fuere despedido por causas ajenas al cumplimiento de su deber, y a aquellos que, por otro motivo lo necesitasen, siempre que demuestren competencia y conducta ejemplar; h) establecer clases de enseñanza en general; i) proporcionar asistencia médica y cuando fuere menester (siempre que los fondos lo permitan) medicamentos, subsidios y repatriación a todo socio falto de recursos que de ello necesitare; k) crear un fondo de beneficencia para socorrer a los asociados y a todo gallego que por razones no previstas en estes estatutos necesitasen amparo".
En 1920 comeza a editar como voceiro social a revista "A Terra", para "llevar al hogar de los estimables consocios una publicación de carácter regional, que reproduzca fielmente el sentir de la vida en el terruño, en todos sus aspectos y que, teniendo lazos de amistad fraternal entre todos aquellos que nos acompañen sirva a la vez de portavoz de las sanas ideas que auspicie nuestra Sociedad, representativa de altiva y noble raza gallega".
En 1922 aparecen noticias na prensa de que organizan veladas literario-musicais, banquetes de fraternidade, festivais musicais, xantares, etc. Conta cunha academia de música a precios "módicos" para os socios e os seus fillos; e un orfeón coral baixo a dirección do pianista Segundo Pagés Rosés.
Ademais dispón dunha oficiña de traballo para axudar aos socios e dun servizo médico.
Ten unha sección de deportes, cun equipo de corredores.
Realiza ao longo dos anos diversos envíos de cartos á Cruz Roja Española, cunha postulación anual no seu local social e tamén están subscritos á "Biblioteca América".

AE-AR-CGSar · Entidad colectiva · 1993-01-15 ata a actualidade

Este centro foi creado polos galegos residentes en José C. Paz, localidade arxentina pertencente á provincia de Bos Aires, baixo o patrocinio de Francisco Pazos González e Ramón Luis Rúa, emigrantes galegos asentados alí.
A súa finalide está recollida na acta constitutiva da entidade: "agrupar a todos os galegos e simpatizantes residentes na Arxentina; fomentar as bellas artes e organizar reunións e festas sociais, deportes e xogos lícitos; propender á maior vinculación posible dos galegos entre sí e establecer vínculos de confraternidade cos arxentinos; crear unha biblioteca pública; organizar excursións por Arxentina e o extranxeiro".
É unha asociación eminentemente recreativa que celebra todos os anos o Día de Galicia e as festas patronais galegas e arxentinas, con ceas e bailes para os socios.
Edita dende 1994 como órgano social a "Revista Galicia".

Centro Espanhol de Salvador de Bahia
AE-BR-CESal · Entidad colectiva · 1911 ata a actualidade

O nacemento desta sociedade está vencellado á unha reunión da "Real Sociedade Española de Beneficência" na Barra o día 5 de novembro de 1911 cando varios membros da colonia española se reuniron en asemblea xeral, que tivo como principal finalidade a fundación dunha sociedade artística que estreitara as relacións da colonia emigrada cos bahianos. Esta nova entidade creouse co nome de "Casino Espanhol de Bahia".
O 26 de marzo de 1946 a entidade liderada por un grupo de xoves idealistas, ao fronte dos cales estaba Luis Tomás Morena, merca uns terreos na Avenida Sete. O 24 de xullo de 1948 celebrouse a inauguración da nova sede cun baile de gala no que estaban presentes as máis altas autoridades da rexión.
En marzo de 1966 a directiva continuaba a loitar pola modernización do Clube, cuxas instalacións xa se volveran pequenas e anticuadas. A partir desta década o problema solucionouse coa construción dunha nova sede, no Morro do Cristo e para recadar cartos comenzaron a emitir bonos e títulos da sociedade. Grazas a isto reuniron a cifra de 400.000 cruzeiros de saída, aínda que posteriormente conseguiron 500 títulos patrimoniais, asegurando así a adquisición do solar. Pasouse entón a un concurso de proxectos no que venceron os arquitectos Jader Tavares, Fernando Frank e Oto Gomes. As obras comezaron o 20 de marzo de 1969 inaugurando a nova sede en 1975.
O "Centro Cultural e Recreativo Espanhol" pasou a denominarse nos anos 80 como "Centro Espanhol" e na actualidade continúa tendo unha clara finalidade recreativa e cultural.

AE-CU-CaloV · Entidad colectiva · 1920-11-06 ata a actualidade

Esta sociedade comezou a súa andadura o 28 de agosto de 1920 co nome de "Hijos de Calo y Viduido". A súa directiva fundacional estaba composta por: presidente, Manuel Castro Juncal; vicepresidente, Ramón Seage; secretario, Manuel Martínez Seoane; vicesecretario, Domingo Framil Barreiro; tesoureiro, Vicente Viqueira Castro; vicetesoureiro, Manuel Chávez. Máis tarde foron Presidentes de Honra Manuel Castro Juncal e Miguel Recarey Soneira.
No seu regulamento de 1926 o seu fin prioritario era a ensinanza de nenos e adultos, creando para iso escolas nas parroquias de San Xoán de Calo e Santa María de Viduído. Segundo a acta nº 119 da reunión da xunta directiva da sociedade, teñen rematada a construción dos edificios onde se ían instalar as escolas
O 1 de xaneiro de 1968 entra a formar parte da "Federación de Sociedades Españolas de Cuba". Nese mesmo ano o 29 de maio participa na constitución "Comisión Coordinadora de las Sociedades Gallegas de Cuba".
En 1985, na Xunta Xeral Extraordinaria do día 17 de abril de 1985 debatiron a fusión coa "Unión Orensana", e o 25 de maio de 1985 pasan a denominarse "Unión Orensana, Calo y Viduido". A fusión durou unha década. En marzo de 1995 o Comité Xestor tramita a súa separación.
Na actualidade contan con preto de 70 socios, sendo o seu presidente Carlos Cabanelas Rodríguez.

Instituto español de Montreal
AE-CA-IEMon · Entidad colectiva · 1972 ata a actualidade

O Instituto Español de Montreal foi fundado en 1972 co nome de “Centro de Estudios Españoles de Montreal”. Iniciouse como unha escola de ensino complementario para fillos de hispanofalantes, que estando escolarizados en niveis non universitarios no sistema educativo de Québec, manifestan interese por manter e cultivar os seus vínculos culturais e lingüísticos coa súa lingua materna que é o español. Dende hai uns anos, debido á grande demanda de aprender español, o IEM ofrece tamén cursos a nenos que desexan aprendelo, aínda que non vivan nun entorno onde se fala español.
O I.E.M. é unha escola privada, que conta con subvencións da Embaixada de España, pero o 80% está financiada grazas o labor da dirección da escola, a asociación de pais e as familias da escola. Acolle uns 150 alumnos, con idades entre os 3 e os 17 anos; tamén imparte cursos para adultos. Os seus estudos son recoñecidos polo Ministerio de Educación de Quebec.
Ademais das clases realiza outras actividades como concursos para os alumnos, festas de nadal e espectáculo de primaveira e campañas de financiamento da AMPA: venta de chocolates, cestas de nadal e pascua, lotería de nadal, fundscript, etc. que serven para reunir e incentivar relacións de amizade entre os membros da colectividade española na cidade.

Círculo Habanero de La Devesa
AE-CU-CirDev · Entidad colectiva · 1911-12-31 ata a actualidade

Esta sociedade parroquial creouse o 31 de decembro de 1911 na cidade da Habana polos emigrantes da parroquia de Santalla da Devesa. As súas orixes remóntanse a 1898, cando o 31 de decembro, fúndase nesta parroquia de Ribadeo unha sociedade co mesmo nome, aínda que na práctica son sociedades independentes.
Foi fundada por emigrantes da zona e outros compatriotas que traballaban en Tampa (Florida, Estados Unidos) e que se trasladaron a Cuba en 1911. A súa finalidade foi recreativa e instructiva. En 1919 inauguran unha escola na súa terra natal que funcionará para os nenos da Devesa, Rinlo e Vilaframil. A ensinanza será gratuíta para os alumnos de ambos sexos pertencentes ás citadas parroquias e nese mesmo ano, mercaron uns terreos para facer unha nova escola.
Na Habana celebraban festas de confratenidade e outras actividades de lecer co fin de conseguir fondos ademais de potenciar a unión entre os socios.
En 1913 a Xunta Directiva deste centro estaba composta por: presidente xeral, José Antonio Acevedo Martínez; vicepresidente, Ramón Murias e secretario, Ramón Alonso.
Na actualidade é un sociedade recreativa presidida por Susana Jaqueline Vilaboy Barreras, neta de galegos.

Club Chantada
AE-CU-ClubCh · Entidad colectiva · 1923 ata a actualidade

Sociedade recreativa e benéfica fundada na Habana en 1923 polos emigrantes do concello de Chantada. Avelino Abeledo foi o seu presidente fundacional e ao ano seguinte estaba presidida por Francisco García Calvo.
Esta entidade desenvolveu na emigración diversas actividades culturais: teñen un grupo de teatro chamado "Vieira", organizan cursos de galego, inglés, e de danza infantil galega e cubana.
O 7 de abril de 1992 entra a formar parte da "Federación de Sociedades Españolas de Cuba" e a partir do 29 de maio dese ano pertence á "Comisión Coordinadora de las Sociedades Gallegas de Cuba". O seu actual presidente é Jorge Policarpo Castro Baliño.

AE-USA-CaUG · Entidad colectiva · 1940-09-27 ata a actualidade

Nos anos 20 existiu un Centro Gallego de Nova York que chegou a ter un edificio en propiedade, situado en Union Square que, naquel tempo, era o orgullo da comunidade galega, e no que se instalaron outras sociedades españolas. Pero a gran depresión económica que azotaba o país acabou coa institución. Moitos dos socios pasaron a formar parte doutras sociedades hispanas como a “Sociedad Benéfica Española”, “La Nacional” e durante a Guerra Civil, polo “Frente Popular Antifascista Gallego”.
Acabada á guerra, durante a visita de Castelao a Nova York, o Frente Popular Antifascista Gallego transformouse en “Unity Gallega of the United States”, mellor coñecida como “Casa Galicia”. Nas primeiras reunións dos fundadores falouse da necesidade de ter un lugar propio onde os galegos se poideran reunir e satisfacer o anhelo de conservar a lingua, folklore, música e valores culturais.
No regulamento societario recóllese unha Declaración de Principios na que se manifesta o seu propósito de agrupar a todos os galegos de Estados Unidos, para así ter unha única representación ante as demáis colectividades do país e velar polo bo nome de Galicia. As finalidades da entidade aparecen recollidas nos Estatutos: “protección e axuda mutua aos asociados; instrución, cultura e recreo nos seus conceptos; cultivo das relacións fraternais coas demáis sociedades de fala española, institucións e pobos do país no que vivimos, inculcando nos seus membros o respeto e a obediencia as súas leis; cooperación coas demáis sociedades rexionais, donde queira que se atopen, na xestión do progreso social e económico da nosa rexión, no que sexa compatible coa declaración de principios”.
Uns anos máis tarde, en 1946, acabada de rematar a guerra mundial, Alfonso R. Castelao volveu a Nova York e foi nomeado o “primer socio honorario”. Dende 1951, a Casa Galicia honra a súa memoria anualmente.
Ao longo dos anos esta sociedade tivo un impacto positivo na colectividade hispana de Estados Unidos, sendo unha asociación de referencia na defensa da cultura e dos valores hispanos. En setembro de 1940, conseguiuse mercar unha sede social, que un ano despois foi destruída polo lume. Co seguro de incendios e a aportación financieira dos socios, fíxose con outra sede nun piso do nº. 105 Oeste da Calle 63, pero co crecemento da sociedade foi necesario mercar un edificio propio, no 113 Oeste da Calle 59. O edificio era vello e precisaba de moitos arranxos, e os socios prestaron toda a súa colaboración, tanto traballando como achegando cartos propios.
Foi nesta Casa Galicia da Calle 59 onde se crearon os primeiros grupos artísticos (baile,gaitas, rondalla, ect.) e se inició toda clase de actividade cultural, e a organización de festivais para recadar fondos co fin de sufragar os gastos da entidade. Entre as actividades da asociación son as actuacións dos grupos folclóricos as máis destacadas, que lle dan ademais unha identidade propia. Actúan ante os socios pero tamén participan anualmente no desfile do Día da Raza pola Quinta Avenida, noutros desfiles, na televisión, en universidades e noutras actuacións en Estados Unidos, España e Porto Rico.
Ademais das actividades culturais e sociais, en beneficio da comunidade galega, española e hispana de Nova York, tamén se interesou en fortalecer as relacións con Galicia: patrocinou moitas festas para a recadación de fondos co obxecto de beneficiar á Real Academia Gallega, á Cociña Económica, ao Sanatorio Marítimo de Oza, á Fundación Penzol de Vigo, ao Asilo de Ancianos de Lugo e outras institucións, nos anos máis difíciles que atravesou Galicia; enviou axudas económicas para as vítimas de naufraxios nos mares galegos, as inundacións de Valencia en 1959, o furacán de Porto Rico ou os terremotos de Chile (1960) e Perú (1970). Tamén enviou doazóns para as escolas de Castro Caldelas, Cecebre, Bañobre, etc. Unha das actividades máis destacadas da colonia española en Nova York foi iniciada por Casa Galicia, unha homenaxe a Severo Ochoa, gañador do premio Nobel en 1959, en medicina e fisioloxía.
Debido á construción do Coliseum, o concello de Nova York expropiou a sede da entidade e o edificio foi destruído. Mudouse entonces para o número 153 da Calle 64. Nembargantes, este edificio tamén foi expropiado en 1958, para darlle paso ao Lincoln Center. Esta vez mercou un novo edificio na Calle 41 e Novena Avenida. Pero de novo o concello expropiouno para a expansión do Port Authority Bus Terminal. En 1969, mercou o Wedster Hall, no 119 da Calle 11, entre as avenidas Tercera e Cuarta, esta vez pagando ao contado por un edificio, cun salón principal con capacidade para unhas 3.000 persoas. As numerosas expropiacións sempre resultaron favorabéis dende un punto de vista económico para a Casa Galicia.
O crecemento das capacidades físicas nesta nova sede, levou á expansión das actividades culturais e recreativas. En 1993, tendo en conta que un gran número dos socios residían en Queens, mercouse unha segunda sede, no 39-22 da Calle 30, en Long Island City, pero en diciembre del 1994 se inauguró finalmente el local actual situado en 37-09 31st Avenue, Astoria, Queens. A propiedad de Manhattan está alugada.
Entre as súas actividades recreativo-culturais destaca o seu grupo de baile con músicos (creado nos anos 40), un coro e un grupo de gaitas; en 1972 funda un grupo de gaitas chamado "Terra a Nosa" e o ballet galego "Lembranzas galegas". Tamén contan co Coro "Airiños" e unha rondalla.
Un dos directivos máis senlleiros da institución foi Emilio Flórez (presidente nos anos 1944-47, 1951-52, 1959-60, 1965-72 e 1974-76).
Na actualidade están nun momento de "impasse" tanto por problemas económicos de mala xestión como pola avanzada idade dos seus socios.

AE-CU-FSEC · Entidad colectiva · 1956-10-05 ata a actualidade

Esta sociedade fundouse o 5 de outubro de 1956 na cidade da Habana. Ten como tarefa principal a coordinación das relacións das sociedades españolas, membros da federación co Estado Español. Na súa fundación estiveron presentes moitas sociedades galegas que aínda existen en Cuba como "El Valle de Lemus", "Hijos del Ayuntamiento de la Estrada", "Hijos del Ayuntamiento de Buján", "Hijos del Ayuntamiento de la Golada", "Hijos del Ayuntamiento de Cerdido", "Antes y Pila Ancha", "Unión Mañonesa", "Partido Judicial de Arzúa", "Juventud de Baleira y su comarca", "Hijos del Ayuntamiento de Abadín", "Emigrados de Riotorto", "Hijos del Ayuntamiento de Capela", "Vivero y su comarca", "Unión Villalbesa y su comarca", "El Valle de Oro", "Monterroso y Antas de Ulla", "Rosalía de Castro", "Club Chantada y su partido", "Hijos del ayuntamiento de Cospeito", "La Aurora de Somozas", "Sociedad San Claudio", "Roupar y Losada", "Valdeorras y Viana", "Agrupación Artística Gallega", "Chantada, Carballedo y sus comarcas", "Unión Orensana, Calo y Viduido", "Hijos del Ayuntamiento de Cedeira", "Liga Santaballesa", "Progreso de Coles", "Hijos del Valle del Ulla", "Unión Mugardesa", "Unión Barcalesa", "Hijos del Ayuntamiento de Pastoriza", "Ferrol y su comarca", "Unión Trivesa", "Hijos del Partido de Lalín", "Hijos del Partido Judicial de Corcubión"e "Sociedad Concepción Arenal".

Hijos de Roupar
AE-CU-HRou · Entidad colectiva · 1913-06-12 ata 1957-07-08

Sociedade fundada o 12 de xuño de 1913 na cidade da Habana, polos emigrados do parroquia de San Pedro Fiz, da parroquia de Roupar (Xermade-Lugo). Os socios fundadores foron Andrés Fernández e José María Rodríguez, que ocuparían os cargos de presidente e secretario respectivamente na primeira Xunta Directiva. O seu obxectivo prioritario era a construción dunha casa-escola en Roupar que foi inaugurada en 1921, que contaba cunha biblioteca e a que mandaban remesas de cartos anuais para o seu mantemento. Como complemento crearán un centro de solaz e esparcimento para as persoas mais vellas do pobo, onde se pronunciarán conferencias.
Na Xunta Xeral extraordinaria do 8 de xullo de 1957, sendo presidente Antonio Villafuerte, aproban a fusión coa entidade "El Progreso de Lousada", constituíndose nunha nova sociedade chamada "Roupar e Lousada. Sociedade de Recreo y Beneficencia". No ano 2002, creouse na parroquia de Roupar unha asociación cultural que leva o seu mesmo nome e que se encargou de restaurar o edificio escolar, recoñecendo o grande labor realizado polos seus emigrantes en prol da instrución do seu pobo.

Hijos del Ayuntamiento de Abadín
AE-CU-HAbad · Entidad colectiva · 1922-01-06 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada na Habana polos naturais do concello de Abadín (Lugo) residentes na capital cubana, durante unha reunión que mantiveron o 23 de outubro de 1921 na casa dun conveciño, Bernardo Aguiar, na rúa Campanario, número 80. Nesta reunión quedou nomeada unha comisión organizadora da nova entidade que sería constituída oficialmente o 6 de xaneiro de 1922.

No momento da súa fundación tiñan previsto denominala como "Hijos de Abeledo, Corvite, Baroncelle y sus comarcas", por pertencer a ditas parroquias a maior parte dos socios fundadores; finalmente foi coñecida como "Hijos del Ayuntamiento de Abadín". A primeira directiva da sociedade estaba formada por Perfecto López Vidal, como presidente; José Díaz Pardiño, vicepresidente; secretario, Saturnino Regueira y Oseira, delegados polas parroquias que compoñen o concello: Jesús Ferreiro Díaz por Labrada, Manuel Leal Otero por Romariz, Antonio Díaz Pardiño por Fanoi, Magín Castiñeira Oseira por Abadín, José Cabado González por Goás, Perfecto López Vidal por Candia, Bernardo Aguiar por Aldixe, Generoso Anido por Abeledo, José Val por Corvite, Aparicio Portela por Baroncelle, Generoso Hermida por Moncelos, Ramón Fraga por Castromaior, e José Portela por A Graña de Vilarente.

A súa finalidade era construír escolas no seu lugar de orixe, atendendo primeiro ás parroquias máis abandoadas e necesitadas, como Cándia e Goás. Tamén contemplan nos seus estatutos obxectivos benéficos e recreativos: fomentar e estreitar a amizade entre todos os seus asociados e prestar auxilios morais e materiais aos socios que o precisaran.

En 1932 consiguen inaugurar no Cemiterio Colón un Panteón Social onde son soterrados os seus socios.

Nos anos 40 pasa a ser unha sociedade recreativa e benéfica.

AE-CUHSar · Entidad colectiva · 1917-02-01 ata a actualidade

Esta sociedade instrutiva e mutualista foi creada na Habana polos naturais do concello de Sarria o 1 de febreiro de 1917. Un dos promotores da súa fundación e primeiro presidente foi Eliseo Pallarés Pérez.
O ano 1921 comenzan as xestións para a construción dunha escola na vila de Sarria; contan tamén cun servizo de beneficencia e asistencia para o auxilio dos socios presos, socorro aos enfermos ademáis de financiación para repatriacións.
A partir de 10 de febrero de 1944, pasou a ser "Sociedad de Beneficencia e Protección Mutua Hijos del Distrito de Sarria".
No ano 1956 cambian o regulamento que recolle os seguintes obxectivos: prestar auxilio aos asociados no caso de enfermidade, carencia de traballo, inutilidade física ou repatriación dacordo co que dispoñen estes estatutos; fomentar a unión entre os sarrianos e en particular os socios co fin de que poidesen prestar mutua protección e por último, organizar e efectuar conferencias, bailes e calquera outro acto para recabar fondos para a sociedade a beneficio dos asociados.

Peña Gallega del C.E.O.C
AE-USA-CEOC · Entidad colectiva · 1989-10-27. Non temos constancia de que exista na actualidade.

Esta peña foi creadea polos socios, de orixe galega, do Círculo Español de Orange County (California) para defender e difundir a cultura e os costumes galegos dentro da entidade. Entre os seus fundadores pódese destacar a José Mazaira, Victoria Morán e Angel Vázquez Boedo, presidente fundacional.
Nos seus Estatutos sociais (en español) de 1990 especifican como finalidade da entidade “promover e fomentar o coñecemento, a amizade, axuda e convivencia dos galegos e as súas familias; manter viva a identidade galega mediante todos os medios ao seu alcance e actividades conducente á intercomunicación de todos os galegos residentes en California; difundir e fomentar as expresións culturais galegas entre os fillos de galegos e a sociedade californiana; desenvoaver ao máximo a capacidade creativa dos galegos como suxeitos activos de difusión cultural; levar a cabo actos culturais e actividades típicas galegas folclóricas, e recreativas coa participación de todos os socios; facer acreedores a todos os galegos residentes en California dos beneficios e dereitos establecidos polas leis españolas”.
Esta peña funciona como un clube social que organiza numerosas actividades para os seus socios como bailes, comidas, ciclos de conferencias, etc.; celebran reunións mensuais para os socios, ademais do Día do Socio, con carácter anual. Celebran todos os anos unha gran festa no Día de Galicia. Desta a súa banda de músicos e gaitas chamada “Anduriña xove” coa que participan en numerosos eventos e realiza cursos de baile galego para os socios.
Seguen mantendo unha relación moi fluída co Círculo español, ao que pertencen, asistindo e colaborando con eles en numerosos actos conxuntos.
En 1991 edita unha revista trimestral chamada "Anduriña” que funciona como voceiro social.

AE-MEX-AEBen · Entidad colectiva · 1842-10-09 ata a actualidade

A Sociedad de Beneficencia Española de México, foi creada o 9 de outubro de 1842, como unha institución benéfica para axudar aos membros da colectividade española asentada no país. Fundada por Don Francisco Preto y Neto (primeiro Cónsul General de España en México) para, segundo os estatutos, socorrer aos españois "verdaderamente necesitados", viuse axiña na necesidade de asistir e atender tamén aos enfermos.
Nos primeiros anos non tiña hospital propio, polo que tivo que recurrir aos existentes na capital, como Hospital de San Juan de Dios. En 1860, a directiva da entidade alugou unha sala con seis camas no Hospital de San Pablo, á que chamaron "Sala Española". Uns anos despois consegue unha sala maior, no mesmo hospital, na que instalan 15 camas, ata que en 1873 se trasladan ao Hospital de San Cosme, atendido pola orde relixiosa francesa, Hermanas de la Caridad. Foi este o xerme do sanatorio da Beneficencia Española.
En 1877 teñen que abandonar o hospital por falta de espazo e atopan unha vella casona na rúa Niño onde instalan o seu primeiro hospital propio ao que chaman "Casa de Salud Asilo Español". A necesidade de ter máis espazo para crear salas de especialidades, servizos e demais dependencias, levounos a mercar solares e casas veciñas para expandirse. En 1932 inaugura o Sanatorio Español, construído na Colonia del Bosque.
Este sanatorio, actual Hospital Español, converteuse nun dos hospitais máis modernos do país, e conta cun "Centro de Enseñanza e Investigación Dr. Ángel Matute Vidal", con 6 aulas, dotadas coa máis alta tecnoloxía. Pero ademais do que un hospital debe ter, equipo, aparatos, médicos, enfermeras, practicantes, residentes (o Español ten 174), conta tamén con 8 residencias para anciáns xubilados, cuxa poboación está formada por un 85% de mexicanos, esposa e fillos de españois; unha axencia de viaxes, outra de seguros, farmacia, un banco, dúas florarías, unha tenda de roupa para bebé, pastalería con venda de libros e revistas, caixeiros automáticos, unha capela, oficina do Rexistro Civil no pavillón Pabellón Mundet de Maternidad, facilitando así aos pais os trámites administrativos; zonas verdes, xardíns, etc.
A política da directiva da Beneficencia continúa a ser a expansión, e así en 2004 inaugura "El Hospitalito", un centro sanitario pedriático de primeiro nivel. E en 2006, contrúe un “Centro Médico” no que se fusiona un centro de congresos e asembleas, un auditorio, locais comerciais, amplos estacionamentos, un salón de multifuncional, etc. e o "Complejo Médico Antonino Fernández Rodríguez", con dez pisos de consultorios médicos e o "Centro de Convenciones Cinia González Diez" cun auditorio para 508 personas, cafetería e parking.
A Junta Española de Covandonga, é un apéndice da Sociedad de Beneficencia Española, encargada de recadar fondos, con visitas aos benfeitores e a través da organización de actos sociais e artísticos para soster o labor dos asilos da Institución. Entre as súas actividades destacan:

  1. Emisión de recibos de doazóns, deducibles de impostos.
  2. Durante todo o ano, os directivos realizan visitas aos posibles benfeitores para recadar fondos.
  3. Organiza e coordina o Festival de Música, Coros y Danzas Españolas coa participación dos cadros artísticos dos Centros hispanos da capital, que se celebra no Palacio de Bellas Artes, dende hai maís de medio século.
  4. Dende fai anos organiza e coordina o Festival Infantil de Música, Coros y Danzas Españolas cos cadros artísticos infantís das sociedades de emigrantes.
  5. Organiza anualmente a Romaría de Covadonga, no mes de setembro.
  6. Selecciona a Madriña, que se encarga de representar á Sociedade nos diferentes eventos culturais e sociais cos demais Centros Españoles.
  7. Organiza actividades sociais nos asilos da terceira idade, encamiñados a dar entretemento aos asilados nas diferentes festividades como o Día de Reis, Día da Candelaria, Día da nai e do pai, Día da Virxe de Covadonga etc. e mensualmente festexan os aniversarios e santos dos asilados
  8. Organiza diferentes eventos, para lograr fondos destinados á Sociedad de Beneficencia Española, como desfiles de moda, concertos, etc.
Centro Gallego de México, A. C.
AE-MEX-CG · Entidad colectiva · 1911-09-24 ata a actualidade

Xa no ano 1908, os galegos residentes en México comezan a organizarse para crear un centro propio, sen pretender o desmembramento da colonia representada polo “Casino Español”, senon que se perseguía robustecer a un dos seus membros para maior esplendor e fortaleza da colonia española residente no país.
Liderados por Andrés de la Fuente, Adolfo Blanco e Rogelio Domínguez, crean unha nova entidade no ano 1911, tras unha reunión no comercio “La ciudad de Buenos Aires”, propiedade de galegos. Alí aprobouse a creación dunha masa coral para “recordar a la patria chica, dentro siempre del respeto y la obligación a la patria grande”. Alí mesmo nomeouse a José González y González como presidente fundacional da nova entidade, que se denomina “Orfeón Gallego de México”.
Alugan un local na rúa 5 de febrero, nº 40, onde se reunían os socios. En decembro dese ano, baixo a presidencia de Don José Guisande y Verea aproban os primeiros estatutos. En marzo de 1912, o Orfeón Gallego participa por primera vez nunha actividade oficial da colonia española establecida en México: a cea de recepción que se ofreceu a un ministro do goberno español de visital oficial na cidade.
O Orfeón Gallego, presidido por Antonio Ávila, cambia de nombre polo de “Centro Gallego de México” en 1917 e a xunta directiva aproba a prohibición da entrada aos non socios.
En 1936, tras o estalido da guerra civil, o centro decide suspender as súas actividades e pechar as súas portas ata o fin da guerra. A asociación, presidida por Darío Milagros Gonzalez, reanuda entonces as súas actividades recreativas nunha nova sede (na rúa 16 de Septiembre n° 37 altos) e pasa a denominarse “Unión Cultural Gallega.”
En 1948, nos novos estatutos cambian o nome que manteñen ata hoxe, “Centro Gallego de México, A.C.”, e aparecen como finalidades principais: a organización de toda clase de actividades culturais, sociais e deportivas así como manter os lazos de unión entre todos os galegos residentes no país.
En 1951, baixo a presidencia de José Neira Roibás, mercan unha casona situada na rúa de Colima 194 e alí instalan a súa sede definitiva.
En 1957 comeza a editar a revista "Anduriña", que se converte no seu voceiro social, recollendo imáxenes e feitos da vida social, cultural e deportiva da comunidade galega en México.
Nos anos 70 crea un Club Deportivo, que axuda a unión e incremento dos socios: conta con piscinas, pistas de tenis e campo de futbol e un gran salón de eventos con capacidade para máis de 2000 personas.
Durante a década de 1980 reformaron os seus estatutos, incidindo nas súas actividades culturais e sociais e recollendo a celebración de reunións periódicas lírico-literarios que sirvan de expansión e estímulo científico aos asociados, e por último, prestar atención aos compatriotas emigrados que pola súa conduta sexan acreedores a ela, xa sexa proporcionándolles ocupación ou asistencia médica, xa os medios necesarios para o retorno á súa patria. Contan cunhas magníficas instalacións donde celebran todos os anos diversas actividades recreativas e festivais tradicionais galegos.
Dende os seus inicios o Centro deu especial importancia as súas actividades artísticas, creando un cadro artístico co obxectivo fundamental de preservar as raíces galegas a través da música e o baile. Os seus membros son formados por profesores da entidade e actúan en todo tipo de actos culturais na capital mexicana.
O 31 de xaneiro de 1988 crea unha Fundación co fin de poder subvencionar diversas actividades como exposicións de pintura, unha escola de arte e fotografía, concertos, concesión de bolsas de estudo para os fillos de socios, etc.
Entre as numerosas actividades dos socios pódese citar: clases de baile, gaita, pandereta, tambor; reunións e fiestas infantís e de adultos nas que a música e o baile galego son referente; clases e torneos de fútbol, voleibol e tenis; torneos de dominó e billar, entre outras moitas, que converten a esta asociación nunha das máis importantes dentro da colectividade española en México.

Padroado da cultura galega en México
AE-MEX-PaCulGa · Entidad colectiva · 1953-06-29. Non existe na actualidade

O Padroado da Cultura Galega en México foi creado en 1953, no hotel Majestic de México D. F. A súa primeira directiva estivo presidida polo violinista Xesús Dopico Barreiro e con Roxelio Rodríguez de Bretaña como secretario xeral.
A súa influencia na colectividade exiliada no país foi importante e nun ano pasaría de 44 a ter 300 asocaidos. Como dí un dos seus membros máis recoñecido, Elixio Rodríguez “nesa época, o Padroado gozaba dun ben merecido prestixio e da simpatía de todo o ámbito galeguista”. Inspirados nos mesmos principios, nesa época tamén se crearon os padroados de Bos Aires e Montevideo.
Entre as primeiras actividades do Padroado figura a posta en marcha dun programa de radio en galego titulado “Hora da cultura galega” que pasaría axiña a chamarse “Hora de Galicia”. Xa neste primeiro ano de vida consegue publicar “Presencia de Galicia en México”, que recolle as intervencións no programa radiofónico, cunha coidada edición de Arturo Souto.
Foi responsabilidade do Padroado a creación de “Irmandade da Fala” que acubillaba unha escola de lingua galega, unha masa coral, bandas de gaiteiros, equipos deportivos, etc. celebrando todos os anos o Día de Galicia, cunha festa conmemorativa e unha ofrenda floral no momumento á independencia mexicana.
En 1956 envía varios dos seus membros ao I Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires, e que tiveron un papel destacado.
En 1959 edita baixo a dirección de Luís Soto, Carlos Velo e Florencio Delgado Gurriarán a revista “Vieiros”. En 1968 sairá o seu último número. As disensións políticas e persoais entre os seus membros máis destacados provoca que a saída de cada número sexa un auténtico problema, pois a revista servía para dar voz aos pensamentos dos directivos, non sempre dacordo.
No nadal de1966 comeza a editar o “Boletín de Información” no que dan a coñecer aos seus socios as distintas actividades culturais que levan a cabo. Tamén, xa no número 1, manifesta o seu ideario de loita política: “A nosa entidade que se constituíu como a sociedade piloto da galeguidade, na proieción sobor da Galicia, afincou relaciós cordiales de amistade e de labouras, coa entidades máis importantes do mundo galaico e por enriba de todo mantén a irmandade coas xentes da propia terra que consideran o Padroad como espello i exempro de virtudes patrianas e de loita imperecedeira pola liberdade i autodeterminación da nosa nacionalidade diferenciada, o cal non siñifica separatismo pois anceiamos o avencelllamento cos demais pobos das Hespañas e do mundo progresista”.
En 1971 Luís Soto, en representación do Padroado, participará no Congreso Regional de la Emigración Gallega, celebrado na Coruña, e na que defenderon posturas similares ás do congreso de 1956.

Hijos del Valle del Ulla y su Comarca
AE-CU-HUlla · Entidad colectiva · 1928-12-10 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada na Habana o 10 de decembro de 1928 polos naturais das parroquias de Arnois, San Miguel de Castro, Cira, Dornelas, Orazo, Loymil, Oca, Agar, Remesar, Santo Tomás de Ancorados, Riobo e Berres, dos concellos de A Estrada e Silleda, residentes na capital cubana.
A súa primeira directiva estaba formada por: Ramón Reymóndez, socio nº 1, presidente; Pedro Quinteiro, vicepresidente; José Pereiras, secretario; José Bahamonde, vicesecretario; Antonio Calveiro, tesoureiro; Manuel Villar, vicetesoureiro; e vocais: Isolino Louzao, Ramón Mosquera, Germán Gómez, José García, José Brey, Antonio Andrade, José Requeijo, José Fernández Barcalá, Antonio Brey, Evaristo Rey, Crescencio Valladares, Generoso Calveiro, Aquilino Quintero, José Abelleiro, Andrés Calvo, Constantino Nogueira, Gumersindo Otero, Alfonso Paredes, Albino Gañete, Maximino Reymondez, Ramón Souto e Valentín Cotovade.
Foi unha entidade benéfica e instrutiva, coa finalidade prioritaria de "fomentar y divulgar la enseñanza".
No ano 1935 inauguran o seu Panteón social no Cemiterio Colón.
A partir de 1956 pasa a ser mutualista: dispensa protección e amparo aos seus asociados como o pago da pasaxe a España e outras axudas económicas a socios en situación precaria.

AE-PAN-SEB · Entidad colectiva · 1885 ata a actualidade

A Sociedad Española de Beneficencia de Panamá foi creada en 1885, nunha reunión doa colectividade española residente na cidade, e baixo a presidentcia José Mª Fernández. Foi a sociedade de emigrantes máis antiga no país, aínda cando Panamá formaba parte de Colombia e tivo unha grande influencia e foi referente para todas as entidades de emigrantes creadas despois.
O seu obxectivo principal foi sempre a beneficencia, o socorro e auxilio a todos os seus socios. Naceu como unha institución sen ánimo de lucro que tiña como fin último fomentar a unión entre os españois e os seus descendentes. Isto foi o que conseguíu en todos os anos de existencia: converteuse nun aglutinador que favorecía o proceso de integración dos emigrantes no novo país de acollida.
Nos primeiros anos de existencia houbo un debate entre os socios sobre si primar o aspecto benéfico e mutualista e outros que querían destacar os fins recreativos. Produto destas disensión foi a primeira escisión de socios que crearon o Centro Español de Panamá. Anos máis tarde, coa guerra civil, tamén houbo enfrontamentos enre partidarios da República e os franquistas, que derivarían na fundación doutro centro ao marxe da sociedae que se pasaría a chamar, “Club Deportivo Unión Española” (1962).
A sociedade durante os seus primeiros 27 anos de vida foi eminentemente benéfica, actividade ao que co tempo se foron unindo actividades culturais e recreativas. Así aparece no seu primeiro regulamento, no artigo 2: “ El objero de la sociedad es:

  1. Socorrer a todo individuo que forme parte de ella y que hallándose enfermo, sin recursos, reclame sus auxilios para curarse, atendiendo a los gastos de su entierro, si falleciera, sin dejar con qué hacerlo.
  2. Favorecer en cuanto sea posible a todo español que habiendo pertenecido a la sociedad, mientras se lo permitieron sus recursos, se hallase sin medios de subsistencia e imposibilitado de procurársela por el mal estado de salud.
  3. Socorrer a las viudad y huérfanos de los españoles que hayan pertenecido a la sociedad, siempre que carezcan de recursos para su sustento diario
  4. Auxiliar a los españoles, no socios, residentes o transeúntes, siempre que comprueben estar necesitados.
    De 1885 ata 1912 a SEB estivo situada en locais alugados do barrio de Santa Ana, da capital panameña pero nese ano se instala na Avenida Central, nun edificio da súa propiedade. En 1960 trasládase á Vía España onde estaría ata 1975, ano no que se ubican na urbanización La Loma, na zona de Hato Pintado.
    A partir de 1965, tras anos convulsos por disensións entre varias faccións dos socios, a institución se estabiliza e deriva as súas actividades máis ao recreo que á beneficencia, perdendo a súa identidade inicial. O cambio social e económico tanto do país como da colectividade emigrante, provoca que a beneficencia sexa un aspecto residual, destinada ás doazóns ao Asilo de anciáns e á Escuela España de Natá de los Caballeros. En febreiro de 1975 aproba uns novos estatutos nos que aparecen as finalidades principais:
  5. Fomentar a unión entre os españois e os seus descendentes residentes no territorio da república
  6. Estreitar os vínculos de amizade entre panameños e españois
  7. Impulsar a cultura en xeral ampliando e extendendo as súas actividades e enaltecendo os seus valores fundamentais
  8. O recreo, estimulando toda clase de diversións e entretementos
  9. A beneficencia, que se exercerá nos seus aspectos pertinentes