Esta sociedade de emigrantes naturais de Baleira (Lugo) e residentes na Habana foi fundada o 24 de setembro de 1926. O seu primeiro presidente foi Antonio Barreira Pereira.
Segundo o seu regulamento os seus obxectivos eran procurar por todos os medios ao seu alcance, a protección moral e material dos seus asociados e contribuír ao desenvolvemento cultural dos mesmos, propoñendo recreo e distracción. En 1928 organizan festas para recadar fondos para a construción dun Panteón social.
No ano 1940 editan un Boletín Oficial para manter informados aos socios das súas actividades sociais.
Na actualidade o seu presidente é Angel Fernández Pérez.
Este centro foi creado por un pequeno grupo de galegos, membros do Centro Español de Perú, para manter unidos aos galegos e os seus descendentes residentes no país andino.
A iniciativa partiu dun histórico desta colectividade, Francisco Vázquez Candamo, que se constituiría no seu primeiro presidente e poucos meses despois pasou a ser Presidente Honorario. A directiva fundacional estaba tamén integrada por: vicepresidente, Mª del Carmen López de Leturia; secretario, José Luis López Acuña e tesoureiro, Germán Torres.
Esta entidade está fortemente vinculada ao Centro Español, de feito aparece como "sección autonómica del Centro Español".
Nos seus estatutos renovados (1997) especifican os seus obxectivos e finalidades: "difundir e fomentar a vixencia das tradicións e os valores da cultura galega a través das súas diferentes manifestacións; fomentar e propiciar a unión e solidariedade entre os seus asociados; manter relacións permanentes coas autonomías rexionais españolas no Perú, o Centro Diurno, o Centro Español de Perú, etc."
Trátase dunha sociedade recreativa, defensora da cultura e tradicións galegas no país andino.
En 1994 comeza a editar o boletín societario "Nosas Follas".
Entre as súas actividades están a organización de conferencias, visionado de películas, recitais de poesía, etc. Asistencia como organismo na Feria Internacional del Libro de Lima. Dende 1996, organiza coa axuda da Xunta cursos de galego para os socios. Celebra a Semana Gallega en Perú, con mostras gastronómicas, talleres de creación literaria, etc., tamén colabora na creación dun curso de galego na Universidade limeña de San Marcos. Celebra o Día de Santiago, a Festa de San Xoán, o Nadal, etc. con comidas e bailes para os socios.Promociona tamén actividades deportivas, como a creación dun equipo de voleibol e de baloncesto integrado polos socios. En canto a actividades asistenciais, xestiona a concesión de axudas económicas para os socios máis necesitados, así como colabora con asilos coa recolleita de roupa e víveres para donalos aos máis necesitados.
En 1993 créase a "Asociación Gallega del Perú" que a partir do ano 2000 parece quedar disolta. Pero o xerme da unión entre a pequena colectividade galega residente en Lima permanece e de novo en 2003 volve impoñerse a idea de darlle pulo a unha nova entidade que os reunifique.
Como a anterior a súa creación segue vinculada co Centro Español de Perú, e manteñen alugado un local na súa sede na Avda. Salaverry.
A súa primeira directiva estaba integrada por: presidente, Víctor Manuel Ramírez Pardo; vicepresidente, Eugenio Francisco Prieto Bernárdez; secretario de actas, Alicia Flores García; secretario de economía e finanzas, Miriam Luz Ginés Novas; secretario de cultura, recreación e deportes, José Guillermo Babío Ramírez; secretario de benestar social, Violeta Cárdenas de Rey; secratrio de relacións exteriores, Manuel Cobas Corrales, e como vogais: Consuelo Novas Loira e Julio Martínez Villavicencio.
Como a súa antecesora trátase dunha sociedade recreativa, defensora da cultura e tradicións galegas no país andino.
En 2004 comeza a editar o boletín societario co nome da entidade.
Entre as súas actividades están a organización de conferencias, visionado de películas, recitais de poesía, organización de cursos de galego e baile tradicional etc. Colabora tamén coa difusión do país en Galicia, intentando establecerse como ponte para o asentamento de empresas e particulares galegos nos sectores económicos peruanos.
Sociedade fundada na Habana por naturais dos concellos veciños de Monterroso, Antas de Ulla e Palas de Rei baixo o nome de Sociedad de Instrucción de Monterroso, Antas y Palas de Rey, coa finalidade de construír escolas nos citados municipios.
Tras numerosos desacordos, os socios procedentes de Palas de Rei deciden deixar a sociedade e crear unha independente. Esta escisión aparece recollida na acta da xunta xeral de socios do 3 de marzo de 1922 e provocou un preito que se resolvería o 27 de xaneiro de 1925.
Todo isto provoca unha diminución do número de socios e a adopción dun novo nome social, aínda que manteñen os seus fins prioritarios de instrución, tal e como recolle o novo regulamento social do ano 1922: «propagar y fomentar la enseñanza gratuíta contribuyendo a la unión de los socios».
Xa no regulamento de 1932 engaden uns artigos sobre o panteón social (teñen dous no Cementerio Colón) e pasan a ser unha sociedade de protección e recreo.
En 1955 mercan unha propiedade na rúa 10 de Octubre, núm. 807, Ciudad Lawton, na Habana, onde instalan a súa sede social. É unha das poucas entidades galegas que teñen sede propia en Cuba na actualidade.
Esta sociedade financiou a construción de cinco escolas na súa terra: escola de San Miguel de Penas e escola de Pol (no concello de Monterroso) e escolas de Santa Cristina de Areas, San Lourenzo de Peibás e Gradoi (no concello de Antas de Ulla). Estas escolas foron cedidas en documento notarial aos concellos respectivos o 10 de outubro de 1955, coa condición de que seguisen funcionando como centros docentes.
O 26 de setembro de 1968 aproban a incorporación dos poucos socios de Unión de Villameá y Villaodriz, que desaparece como entidade.
Actualmente é unha sociedade de beneficencia e cultura, que destaca polo número dos seus asociados (1500 aproximadamente) e pola súa escola de danza, con máis de 120 alumnos, que ofrece veladas artísticas. Conta tamén cun grupo folclórico chamado Pontepedriña.
Esta sociedade foi fundada o 19 de xuño de 1945 como unha entidade para realizar actividades de tipo cultural e recreativo: escola de baile, grupos folclóricos, etc.
No ano 1990 fundaron o grupo folclórico "Aires Galegos da Habana e Escola de bailes" que con motivo do aniversario da súa fundación actúan en diversos lugares e participan en festivais por América. Tamén é deste ano a creación do grupo de baile e música "Aires Galegos da Habana".
Teñen a súa propia sede social nun antigo edificio que data de 1877. Ademais do salón de baile que funciona como teatro, conta cun salón para actividades recreativas (billar, tenis de mesa, dominó e axedrez) e un restaurante con comida tradicional galega e criolla e unha cafetería.
Pertence á "Comisión Coordinadora de las Sociedades Gallegas de Cuba" (29/05/1992) e forma parte da "Federación de Sociedades Españolas en Cuba" (7/04/1992).
Na actualidade, e dende o ano 2000, o seu presidente é Sergio Manuel Toledo Bueno.
Respondendo á iniciativa de José Mª Barreiro, e cunha intensa campaña previa na súa revista "Tierra Gallega", un grupo de galegos residentes na capital uruguaia reuníronse nunha asemblea o día 4 de agosto de 1917. Todos eles desexaban "buscar o rexurdemento da colectividade e a unión de todos os galegos". Este foi o acto precursor da "Casa de Galicia".
Esta entidade naceu como unha sociedade de instrución, recreo, beneficencia, sanidade e protección ao traballo dos galegos que residían no país, seguindo un pouco o exemplo da creación do Centro Gallego da Habana.
A súa primeira xunta directiva estaba integrada por: presidente, Marcial Yáñez; vicepresidentes, Severino Barcala e Pablo García; tesoureiro, Casiano Estévez San Román; vicetesoureiro, Antonio Caamaño; secretario, José María Barreiro e vicesecretario, Jesús Alonso.
Segundo os sesus estatutos o obxectivo da nova entidade foi: "Art. 1º.- (...) una sociedad eminentemente gallega y tiene por objeto: a) fomentar la unión entre gallegos y sus descendientes; b) porporcionar a sus asociados beneficencia, instrucción, fiestas, trabajo y asistencia médica, a domicilio dentro del Departamento de Montevideo o en sus dependencias sociales, y en el interior del país de acuerdo con lo dispuesto en el Artículo 148, dentro de los límites y alcances que fijen las Leyes y disposiciones reglamentarias vigentes.
Art. 2º .- Además de los fines que quedan expresados, "Casa de Galicia", por la razón de su nombre y de los elementos que la forman propenderá, dentro de los recursos y los ingresos especiales o extraordinarios que la Junta Directiva allegue con tal propósito, a lo siguiente: a) honrar a Galicia y fomentar su conocimiento en este país, por los medios que crea más convenientes; b) subvencionar la cultura gallega, promoviéndola entre propios y extraños; c) enaltecer a todas las personas, gallegas o no, que de una forma eminente hayan prestado algún servicio a Galicia; d) procurar el mayor bienestar de la colectividad y defenderla cuando fuere necesario; e) apoyar eficazmente toda acción de progreso que se emprenda a favor de Galicia; f) la sociedad sostendrá relaciones con las entidades regionales establecidas en Galicia o fuera de ella".
Xa no ano da súa fundación inauguran a súa sede social que conta con amplios salóns e fundan o grupo folclórico da entidade, que actuará en todas as reunións festivas da colectividade. O edificio está situado na Avenida 18 de Julio, e conta con amplios salóns, onde se reúnen os socios para as súas actividades sociais e recreativas, secretaría, biblioteca, aulas onde se impartían e imparten cursos de diversa índole a todos os socios. Dispón de catro plantas onde teñen instalados un bar, un restaurante, varios salóns e unha biblioteca "Alfonso R. Castelao", con máis de 7.500 volúmenes de carácter xeral, pero ademáis posúe unha biblioteca técnico-médica "Manuel Albo", con máis de 30.000 volúmenes. Tamén colecciona casetes con voces de personalidades da historia, a arte e a política de España, cos seus correspondentes estudos de grabación e reprodución.
A sección de instrucción destacou sempre pola importancia do seu cometido, representado no pasado pola escola nocturna á que podían concurrir os socios e os seus fillos. Cos anos chegou a ter un instituto de ensinanza na cuarta planta do edificio social, chamado "Manuel Curros Enríquez", con sete profesores en nómina e 300 alumnos, que podían recibir clases de contabilidade, mecanografía, taquigrafía, inglés ou corte e confección.
A beneficencia foi practicada intensamente por esta entidade: moitos paisanos desvalidos, enfermos e sen recursos atoparon na institución o socorro e axudas necesarias e tamén o pago das pasaxes de retorno se o precisaban.
Os servizos sanitarios sempre foron unha prioridade para as directivas do centro: ademais de centros sanitarios e consultorios de saúde, tamén atendían a domicilio aos socios que o precisaban. En 1918 José Mª Barreiro, presidente da entidade, ofreceu ao Dr. M. Albo a direción da Quinta de saúde ou sanatorio de "Casa de Galicia". Este centro sanitario-hospitalario foi medrando e incorporando progresivamente servizos; en 1929, inaugúrase unha policlínica e un pavillón de repouso para mulleres e no ano 1935 constrúen un Sanatorio con todas as modalidades. Hoxe en día toda a atención sanitaria e hospitalaria está integrada no sistema de saúde uruguaio, tratándose dun dos hospitais máis modernos do país, tal como se pode ver na súa páxina web (http://www.casadegalicia.org.uy/) onde aparecen todas os servizos e especialidades ás que poden optar os seus socios.
A sección mutualista da entidade ofrece numerosos beneficios para os socios.
Esta sociedade tivo dous precedentes: o "Centre Catalá" (fundado na década dos 40) e unha sociedade galega que baixo a advocación do Apóstolo Santiago se creara na Habana en 1804. Foi fundada o 31 de decembro de 1871 na cidade da Habana. O 28 de xaneiro de 1872 tivo lugar a primeira reunión dos socios no Teatro Tacón, onde se elexíu a primeira directiva integrada por: presidente, Ambrosio Tomati; secretario, Pedro de Lago; tesoureiro, José García Barbón; consiliarios: Juan Baldonedo, José Pla Monge, José Carreras, Manuel Misa, Juan Mendizábal, Hipólito Varela, Francisco Lamigueiro, Adolfo Gasset, Fernando Blanco, Juan A. Paz, Nicolás Vázquez de la Torre, Camilo Feijoo Sotomayor. No 1872 foron nomeados socios de honra: Virginia F. Auber e Rosalía de Castro.
Nos seus primeiros estatutos de 1872 esta asociación ten como obxecto principal protexer aos seus asociados e ás súas familias e socorrer aos que non sendo socios sexan oriundos de Galicia e precisen auxilio, sempre que residan na Habana e se comprobe a súa necesidade.
A Institución, dende a fundación do Centro Gallego da Habana, a principios de século, estivo totalmente ligada a dito centro, instalándose nunha das súas oficiñas a partires de 1922.
No ano 1949 reforma os seus estatutos nos que destaca ademáis do labor de auxilio e socorro aos asociados, a axuda para a repatriación dos socios que teñen que retornar a Galicia e que non que teñen medios para pagar a pasaxe. Recollen tamén a idea de publicar periodicamente unha revista titulada "La vida gallega en Cuba", que sería o órgano oficial da sociedade e que será de distribución gratuíta.
Tras a revolución castrista, a institución viuse moi limitada, debido tanto a crise do país como a expropiación de moitas das súas propiedades. Seguen a prestar servizos aos socios sobre todo polo magnífico Panteón Social que posúen no Cemiterio Colón.
Actualmente o seu presidente é Alfredo Gómez Gómez.
Esta asociación foi creada por un grupo de emigrantes galegos residentes no Uruguai con obxectivos recreativos e culturais, tal como aparece especificado na súa denominación.
Nos seus estatutos de 1963, recóllese no artigo 2 as finalidades:
“Art. 2º - El Centro Cultural y Recreativo Hijos de Galicia tendrá los fines siguientes esenciales:
a) Contribuir con todos los medios a su alcance al estudio y conocimiento de la historia, costumbres y cultura de Galicia y de la República Oriental del Uruguai, difundiendo los principios de su constitución democrática, manteniendo el respeto por las instituciones que la rigen
b) será apolítico, y no se permitirá hacer política religiosa ni filosófica, dentro del local social
c) Organizar actos culturales, artísticos y recreativos para el mejor logro de los propósitos enunciados, colaborar en aquellos otros propiciados por entidades similares, siempre que no representen el menor menoscabo para la institución, ni renunciamiento a sus principios de fe democrática
d) auspiciar el ingreso a este centro de las sociedades que se rijan por los mismos principios y tengan los mismos fines que el Centro".
Esta entidade continúa hoxe en día co seu labor de difundir a cultura galega na sociedade uruguaia e mantendo unidos aos seus socios, organizando diversas festas e banquetes que manteñan a solidariedade entre eles.
Esta Federación de asociacións de emigrantes españois no Uruguai foi creada no ano 1967 para reunir e coordinar as actividades destas institucións que non tiñan un organismo común que as agrupara. Traballa pois pola unidade destas asociacións, difundindo e promovendo a cultura e os costumes españois entre os socios, como tamén entre aqueles descendentes que residen no Uruguai, co obxectivo de manter vivas as súas creenzas e tradicións.
Entre os seus fitos máis relevantes a nivel internacional cabe destacar a organización do Primer Congreso de Instituciones Españolas del Cono Sur; tamén a concesión do Premio Colón, prestixioso galardón co que anualmente se distingue a unha persoa ou institución con méritos na súa traxectoria a favor da colectividade española. Este trofeo entrégase o Día da Hispanidade, conmemoración que tamén comprende a organización e presenza nos actos oficiais que se celebran neste día.
Un dos seus retos actuais é acadar a reintegración de institucións que por diferentes motivos xa non están federadas, creándose un pequeño cisma que deberá ser superado para volver a ter unha institución que aglutine a todos os clubes españois do Uruguai, xa que é a única federación da colectividade que integra aos dezanove departamentos da República.
Ante a elevada idade dos emigrantes españois residentes no país, xa na década dos anos 60 do pasado século, xurdiu no seo da colectividade española de Uruguai, a idea cada vez máis necesaria de crear unha residencia para os emigrantes de idade avanzada que non tiñan familia ou posibilidades de que ésta os cuidara. Esta iniciativa concretouse en 1964 coa fundación do “Hogar Español”. As súas orixes tiveron lugar nunha gran casona da rúa Millán, na zona de Sayago, cedida por entonces polo Consejo del Niño do goberno da capital uruguaia.
O Hogar é unha asociación civil de beneficencia, sin fins de lucro, que ten como obxectivo prioritario aloxar e cuidar españois con máis de 65 anos que carezan de medios económicos suficientes e/ou protección familiar para ter unha vellez digna.
En 1973 o Hogar trasládase a súa actual sede, na Avda. de las Instrucciones 981. Dos seus 12.600 m2 de extensión, a casona conta con 1.948 m2 edificados. A través de sucesivas ampliacións e remodelacións en 1982 e 1991 chega a 4.376m2 edificados en tres pisos e sótano, reciclado de baños e habitacións, con calefacción e todas as modernidades. Unha segunda ampliación, realizada en 2006 e 2007 leva a área edificada a 9.033 m2, con capacidade para 216 residentes en habitacións de dúas persoas, catro baños xeriátricos, dous ascensores adicionais, piscina para hidroterapia e outras melloras.
O Hogar recibe apoio económico do goberno de España a través de diversas axudas e dos gobernos autonómicos de Galicia, Valencia, Illas Canarias e Illas Baleares; tamén reciben moitas axudas das asociacións de emigrantes españois no país: Asociación Española de Socorros Mutuos, Casa de Galicia, Centro Gallego, Asociación Comunidad Valenciana, Club Español ou a Asociación de Empresarios Gallegos del Uruguay. Todas estas institucións organizan festas, funcións teatrais, conferencias, festivais e banquetes cos que recadan fondos para financiar a institucións, ademais de doazóns varias.
Segundo os estatutos da sociedade (1980) ten as seguintes finalidades específicas:
“ARTIGO 4°. Os fins do Hogar Español fundamentalmente son os seguintes: A) Asilar ancianos españois de ambos sexos, non menores de 65 anos, imposibilitados para o traballo, carentes de medios de subsistencia e de parentes obrigados que poidan mantelos. Salvo casos excepcionais, interpretación do Consejo Directivo e da Comisión Fiscal. B) Resolver os problemas da senectude entre os españois nativos coa contemplación, orientación e tolerancia que as circunstancias requiran, dacordo coa xerontoloxía e xeriatría. C) Prestar todos os servizos necesarios como son: 1) visitas aos internados, preferentemente por parte dos co-provincianos xubilados e de comisións de damas, a modo de familiares; 2) Organización de actos de orientación, culturais e recreativos. 3) Ocuparse das xestións e tramitacións que necesiten, así como velar porque no sexan privados indebidamente dos seus intereses; 4) Ocuparse da obtención de xubilacións, pensións e subsidiar aos que teñan dereito, prestándolle desde xa toda a axuda posible; 5) Tender a facilitarlles fogares de co-provincianos ou outros españois que lles poidan ter, atende e comprender de modo familiar, verificando as condicións nas que se atopen por comisións visitadoras; 6) Procurar mellorar a “Colonia Hogar Español” con vistas a levar presentes e futuras necesidades colectivas dos españois, na forma máis adecuada e moderna posible, incluso con terras de cultivo, parque de recreo (para realizar excursiones, romerías, campos de deportes, etc. ) artes e oficios, sala de actos, sala de lectura con diarios españois e uruguaios, bibliotecas, sala de xogos e estar, etc.; 7) Tender a crear o Instituto de Previsión y Seguro Económico Social Español, cooperativa de subsistencias, empréstitos e pensións aos carentes de recursos (españois e nativos) especialmente enfermos e anciáns cos intereses dun capital subsidiario, formado a ese fin, e ao que non se poderá dar outro destino; 8) Realizar todos os actos e feitos necesarios, para cumprir as finalidades enumeradas”.
En suma, o Hogar Español comezou como unha residencia para adultos maiores autoválidos. Debido ao envellecemento natural, a poboación actual de 210 residentes, está constituída nun 50% por dependentes totais e nun 25% por semidependentes. Conta cunha Dirección técnico médica xeral que supervisa e evalúa todas as actividades técnicas, asistenciais e sociais dirixidas aos residentes. Ten como meta fundamental manter e aumentar a calidade de vida e autonomía dos residentes a través dun programa de intervención integral dirixido á súa promoción, prevención , asistencia e rehabilitación. Ademais busca solución aos problemas sociais e familiares dos residentes, e participa na avaliación de cada solicitude de ingreso e tamén se xestiona os trámites necesarios para as pensións dos residentes que correspondan.
En novembro de 2005, inaugurouse un Centro de Día, destinado a atender a internación diurna de adultos maiores e semidependentes de luns a venres, como unha axuda ás familias traballadoras. Este Centro bríndalles a oportunidade de pasar o día xunto a persoas da súa idade, desenvolvendo actividades e paseos que os motivan e estimulan, mantendo ao mesmo tempo unha relación estable co seu entorno familiar. Foi inaugurado pola Deputación da Coruña, co apoio do Principado de Asturias e financiado pola Fundación Galicia Emigración en convenio co Hogar Español.
Esta sociedade foi creada polos emigrantes naturais do Val de Barcala residentes en Cuba co obxectivo principal de «fundar una escuela en el punto más céntrico de Barcala, escuela en la que se proporcionará educación e instrucción a la niñez y juventud de ambos sexos», tal como se recolle na súa acta fundacional.
Foron socios fundacionais Romualdo Negreira Gosende —que sería nomeado presidente da nova entidade—, Manuel Pastoriza, Francisco Ferreiro, Aureliano Mouro, Ramón Negreira, José Negreira, Generoso Negreira, José M.ª Barbazán, Juan Suárez, Cipriano Casabiella, Segundo Negreira, Manuel Baña, José Leis, Manuel Negreira, José Negreira Gómez e Modesto Suárez.
Na súa andaina tivo outros presidentes como Juan Riveiro Barreiro (1910), Manuel Súarez (1911), Manuel Castiñeiras (1912), Juan Riveiro Barreiro (1914-1915), José Abelenda Riveiro (1918), Manuel Negreira Gosende (1927), Manuel Riveiro Barreiro (1929), Jesús Suárez Pastoriza (1931), Manuel Grille Tomé (1933), Juan Riveiro Barreiro (1934), Jesús Suárez Pastoriza (1935-1938), José María Pensado (1939), José Abelenda Riveiro (1940, 1950), José Manteiga Romarís (1953-1954), José Abelenda Riveiro (1955, 1958), Clemente Tuñas Suárez (1964, 1966, 1967) ou Rolando Pérez Palmero, que preside a sociedade desde 1969 ata a actualidade.
Xa nas primeiras reunións da directiva aproban a construción dunha escola no lugar de Campos (San Xián de Negreira). En 1909 viaxou unha comisión a Negreira para mercar o soar onde ía edificarse. Pero pronto as discrepancias dos socios sobre a elección do lugar onde ía ser construída a escola levarían a cambialo polo de Covas, no mesmo concello. Esta problemática na elección dos lugares onde se construirían as escolas provocou que moitos socios se desen de baixa, de 439 socios en 1908 pasouse a 227 en 1911. Finalmente, optouse polas parroquias con maior número de socios: San Vicenzo de Aro e San Xoán de Covas, do concello de Negreira, e no lugar de Seoane, na Baña.
Ata 1921 non comezaron as obras da primeira escola financiada pola sociedade, situada en Aro. Continuaron coa de Covas e xa na década dos 30 construíron a de Seoane. A todas elas acudían gratuitamente os alumnos «de clases pobres y menos acomodadas del Valle de Barcala y sus contornos, teniendo preferencia los familiares de los socios de la Unión Barcalesa».
Unha vez construídas as escolas, eran alugadas aos concellos, que as xestionaban. Tras a Guerra Civil, os edificios seguen a ser da súa propiedade, pero xestionados polo Estado como escolas unitarias.
Tamén tiñan o proxecto de construír un hospital comarcal, pero non o puideron levar a cabo por carecer de recursos financeiros. Durante os anos 20, participan activamente na vida local de Barcala, co apoio a diversas iniciativas, como a creación dun ferrocarril coa liña Bergantiños-Barcala-Santiago, a creación do xornal agrarista El Barcalés ou a campaña a prol da redención de foros do Directorio de Teis.
En 1930, inauguran no cemiterio Colón un panteón social.
En 1938, publican o seu primeiro regulamento social e cambian as súas finalidades, pasan a ser unha sociedade cultural e benéfica, sempre centrada na atención mutualista aos compatriotas residentes na Habana.
Esta sociedade segue a funcionar actualmente e mantén moi boas relacións co concello de Negreira e da Baña, berce dos seus fundadores, e coa sociedade barcalesa Alén Mar, que desde 1996 (ano da súa creación) traballa para conseguir fondos para as actividades da sociedade habaneira, axúdaos nos trámites coa Administración cubana e española, e manda, a través dos que se desprazan á illa, os medicamentos que dende alí máis solicitan.
A primeira directiva desta sociedade estivo constituída por Justo Taladrid Catá, como presidente; Amando Cora, vicepresidente; Jesús Fernández, tesoureiro; Antonio Pernas Corral, vicetesoureiro; Tomás Ramos Riguera, secretario; e como vogais, Silvestre López Veiga, Ramón García Mon, Pedro Pernas, Eusebio Balseiro, Francisco Rodríguez, Antonio Pedreira, Ramón López, Benito Lage, Perfecto Cao, Luis Martínez, Manuel Cabaleiro e Segundo M. Timiraos. Foron socios de honra: José Rubiños, Marino López Blanco, José Soto Reguera e José María Riguera Montero.
Existían delegacións da sociedade nas principais localidades cubanas, como Matanzas, Guanajay, Guanabacoa, Caribarien, Sagua La Grande, Cárdenas, Güira de Melena, Cienfuegos, Santa Clara, Veracruz, Rodas e Pinar del Río; incluso, en 1912, quedou constituída unha delegación desta en Madrid.
Dende a súa fundación tivo como prioridade a creación de escolas en todas as parroquias do partido xudicial de Viveiro, de onde eran naturais a maior parte dos seus socios. Como sociedade de instrución, destacou no conxunto das entidades de emigrantes polo grande apoio económico e social que prestou na súa zona de orixe: custeou os gastos de construción de numerosas escolas, da compra de material docente, dos arranxos de edificios xa existentes ou do mantemento económico dun total de 57 escolas nas 49 parroquias que compoñían o distrito xudicial.
Aínda que esta actividade pro-instrutiva foi prioritaria para a sociedade de 1910 a 1923, tamén tivo outros fins de carácter mutualista e recreativo, segundo consta nos seus estatutos do ano 1911: así, por exemplo, propulsar, fomentar e estreitar a amizade entre todos os viveirenses, os seus descendentes e os cubanos, e prestarlles os auxilios morais e materiais aos que o precisasen. Moitas das súas actividades recreativas servían, ademais de para reunirse e gozar nas festas, para recadar fondos para enviar á súa terra natal.
Xa no ano 1912, a revista «Pro-Galicia», publicada na Habana, informa de diversos envíos da entidade a Galicia para mellorar as infraestruturas da súa comarca natal coa construción e mantemento de obras públicas; ao longo dos anos contribuíron con cartos á construción de estradas como a de Ourol, San Cibrao, A Silvarosa e Río Barba; tamén a ponte de Candamil, os portos de Celeiro, San Cibrao e O Vicedo, etc.
Polo seu labor a prol da educación e do desenvolvemento da súa terra, o 30 de abril de 1919 o Goberno español concedeulle a Cruz de Beneficencia de primeira clase e a honra de pasar a denominarse como Ilustrísima Sociedad Vivero y su Comarca. En 1969 recibiu tamén a Medalla de Oro al Mérito en el Trabajo en España.
Destacou tamén o seu labor publicitario coas edicións das revistas «El Vivariense» e «Vivero en Cuba».
Actualmente esta sociedade segue funcionando, mais como unha entidade mutualista e como centro de reunión dos socios; conserva o seu Panteón social no Cemiterio Colón.
Esta entidade foi fundada o 8 de maio de 1993 na cidade de Santiago de Cuba (provincia de Santiago de Cuba) baixo a denominación de "Asociación Gallega de Santiago de Cuba" por un pequeño grupo de descendentes de galegos, liderados por Carlos Fernández Rodríguez quen constituíu un comité xestor manténdose el no cargo de tesoureiro.
A súa sede social está situada na Rúa Bravo Correoso, 205 Bajos, esqu. 7 e 8 e contaba no ano 2000 con 50 familias asociadas.
Actualmente coñécese como Asociación Amistad Cubano-Gallega. Casa de Galicia". Os seus obxectivos son benéficos e culturais, dedicándose á atención dos galegos dos municipios de toda a provincia de Santiago de Cuba, non só da cidade.
Esta entidade, delegación do "Centro Gallego" da Habana, creouse o 14 de xaneiro de 1909. Os seus fundadores foron: Camilo González Míguez, Joaquín Vales Leira, Manuel Sánchez López. A súa finalidade foi recreativa e mutual, ofrecendo asistencia sanitaria aos seus socios no sanatorio "Concepción Arenal" de Santiago de Cuba. No 1919 o seu presidente foi José Cao López, e vicepresidente, José Mª Rodríguez Ayán. Como socios destacados figuran en 1920: Arturo García Ron e Gumersindo Gago.
Esta sociedade recreativa e cultural foi fundada o 30 de novembro de 1983 por un grupo emigrantes galegos orixinarios do partido xudicial de Lalín que residían en Caracas e que foran socios da "Hermandad Gallega de Venezuela". A primeira directiva fundacional estaba integrada por David Mato López, como presidente; vicepresidente, Jesús Fernández Ramos; secretario xeral, José Manuel Varela González; tesoureiro, Gonzalo González Rodríguez; secretariod de relacións públicas, Adolfo Vázquez Martínez; vocais: Celso Martínez Villamayor, Antonio Souto González.
Os obxetivos fundamentais da asociación, recollidos nos seus primeiros estatutos (1983), céntranse na promoción de todo tipo de actividades de índole social, cultural e recreativa: entre varios dos fins está promover e auspiciar o labor de axuda mutua entre os seus asociados, no campo médico, social, docente, asistencial, cultural; propiciar programas de divulgación do coñecemento de Galicia, promovendo actividades culturais e recreativas, dirixidas á mellora dos niveis cultural, social e económico das persoas integrantes da Asociación.
Esta sociedade de emigrantes galegos naturais de Ourense e residentes en Caracas foi creada o 27 de xaneiro de 1983 por un grupo de socios de "Hermandad Gallega de Venezuela", coa idea de reunir aos naturais da provincia de Ourense residentes en Caracas para así poder realizar algunhas prestacións específicas que non podían ser obtidas a través da "Hermandad Gallega". O número de socios fundacionais foi de 60.
A finalidade da asociación é “esencialmente benéfica, de asistencia social, cultural y deportiva” e sen fins de lucro. Neste sentido prestan apoio moral, social e xurídico aos seus asociados. Tamén proporcionan axuda monetaria en casos de enfermidade grave ou accidente que supoñan incapacidade física parcial ou total. Entre os seus fins destaca o de promover o achegamento dos ourensanos en Venezuela, ademais de crear iniciativas de asistencia comunitaria e propiciar accións de carácter cultural autóctono; tamén queren fomentar e desenvolver actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda para todos os membros da asociación.
No aspecto cultural tratan de “preservar y difundir” o idioma galego e os “valores culturales autóctonos de Galicia”. Publican un boletín con carácter trimestral dende 1996 chamado Reporte Ourensán, que distribúen de maneira gratuita entre os socios. Dende o ano 1997 emiten, con periodicidade semanal, un programa de radio, chamado Xuntanza Fillos de Ourense, pola emisora Radio Uno 1340, de Caracas. E contan coa Banda de Gaitas Xuntanza Fillos de Ourense, fundada e dirixida por Jonathan Casal Montesinos.
Celebran a Festa do Magosto (San Martín, patrón de Ourense), Feria do pulpo (mes de abril), Feria dos callos. Para estas celebracións e para as súas actividades ordinarias, utilizan as instalacións da HGV, tanto na súa sede de Maripérez, como na de Valle Fresco. No aspecto deportivo contan con 15 equipos de fútbol sala e con 1 equipo de fútbol.
O Instituto Argentino de Cultura Gallega do Centro Gallego de Buenos Aires foi creado no ano 1969 como continuador da antiga Comisión de Cultura que existía para todo o relacionado coa difusión da cultura galega, funcionando como custodia e contralor dos elementos culturais da Institución.
Dende os seus comezos tivo ao seu cargo ese tipo de actividade, referente á organización, programación e posta en práctica de todo o relacionado coa cultura de Galicia e da República Arxentina.
A comisión provisoria constituiuse o 21 de agosto de 1927, e a primeira Asamblea Xeral Extraordinaria celebrouse o 27 de novembro dese mesmo ano. Nela acordaron realizar actividades de asistencia e obra social para aqueles socios con menos recursos.
No rexistro histórico de actas das reunións da Comisión directiva, consta que unha considerable porcentaxe do recadado en bailes, festas e festivais fora destinado ás asociacións intermedias: Sociedad de Beneficencia e Bomberos Voluntarios del Boxing Club.
A súa sede social, en propiedade, dispón de dous salóns para festas (o histórico de 400 m2) e un salón auxiliar para facer por separado as actividades que teñen lugar no centro, ademais dunha biblioteca e oficinas.
Esta entidade é centro colaborador da Xunta de Galicia desde o 1 de setembro de 2003.
Esta institución mantén o firme e decidido compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os seus socios, novas xeracións e público en xeral.
A mediados do século XX un grupo de paisanos galegos reuníronse e aunaron forzas para crear "El Lar Gallego de Sevilla", un centro onde rememorar a súa terra nai, deleitarse ca súa arte e cultura, na súa propia lingua, e degustar os pratos típicos. Un rincón onde combatir a morriña.
O día 21 de setembro de 1956, este grupo de galegos residentes en Sevilla, reuníronse no Bar Puerto, sito na rúa Betis, e acordaron dar por concluidas unha serie de conversacións encaminadas a fundar a Casa de Galicia. Desta reunión saíu a primeira Xunta fundacional, nacendo neste momento Lar Gallego de Sevilla.
Nos anos 1995 e 1998 adquiríronse parte dos locais sociais actuais.
Na actualidade dispón de axuda por parte da Secretaría Xeral para as Relacións Coas Comunidades Galegas.
Esta sociedade ofrece un amplo abano de actividades dirixidas á preservación da súa cultura e tradición, tales como visitas culturais, exposicións, un Certame anual de relatos cortos, o Día das Letras Galegas, contacontos en galego e en castelán, concertos da súa Coral e do seu grupo de gaitas, unha Romería Galega, etc. Entre semana imparten clases de pandeireta, gaitas e sevillanas.
Trátase dunha fusión galaico – andaluza que potencia a convivencia e a interculturalidade.