O Centro Gallego de Caracas foi fundado en 1948 por mor da escisión dun grupo de socios do Lar Galego, liderado por Silvio Santiago, en desacordo coa liña política seguida pola sociedade.
Entre os obxectivos do Centro Galego estaban a beneficencia, o socorro mutuo e a asistencia ao inmigrante acabado de chegar, normalmente sen familia nin recursos económicos. Este mutualismo constituía unha maneira efectiva de suplir a insuficiencia da asistencia pública. Así, o Centro subvencionaba aos seus socios servizos médicos e odontolóxicos.
No plano cultural editaron a revista "Galicia", na que colaboraron intelectuais galegos da emigración en América e de Galicia. Publicaron dez números entre xulo de 1952 e xullo de 1954, prestando especial atención a cuestións de tipo cultural, social e deportivo. Emitían un programa de radio chamado "Ecos de Galicia" na emisora Radio Caracas Radio e organizaban conferencias, charlas, concertos, etc. Contaban cunha agrupación cultural chamada "Coro Castelao".
No plano deportivo, contaron con equipos de fútbol, baloncesto e voleibol, así como cunha peña de xadrez chamada "José Raúl Capablanca", en honor do campeón cubano.
No aspecto recreativo, realizaban bailes as fins de semana amenizados por orquestas e romerías de maneira periódica.
Aínda que o 25 de marzo de 1956 aprobaron os Estatutos e a acta constitutiva da sociedade "Lar y Centro Gallego" a unidade non se fixo efectiva ata o ano 1960.