Amosando 1783 resultados

Rexistro de autoridade
AE-ES-CUGAB · Entidade colectiva · 1992 - 2004

O Coro Universitario Galego de Barcelona (CUGAB) foi un coro e asociación coral que desenvolveu a súa actividade dende 1992 até 2004, na Universidade de Barcelona (UB). Fundárono o músico, e quen foi primeiro director do coro (1992-2001), César del Caño e mais Camilo Fernández, profesor da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa, entidade esta que, xunto co Vicerrectorat d'Activitats Culturals da mesma Universidade, lle proporcionou respaldo institucional entre 1992 e 2001.

A súa presentación pública tivo lugar no Paraninf da Universitat de Barcelona e en 1995 acadou personalidade xurídica propia.

O ideario fundacional que inspira o proxecto céntrase no compromiso co idioma galego e coa linguaxe musical de Galicia consonte ó espírito universitario que insta a afirmar a universalidade das culturas a través do mutuo coñecemento.

Son directrices da agrupación coral:

  • A investigación sobre o folclore galego
  • O estudo e proxección de pezas cultas de compositores autóctonos
  • Aprofundar na procura do máximo rigor musicolóxico dun repertorio tradicional e polifónico no que se inclúan mostras líricas de diversas culturas, entre elas as de expresión portuguesa e catalana dos países de pertenza dos seus cantores membros, así como pezas de propia creación.

O CUGAB é un colectivo musical políglota e multinacional, aberto a toda a comunidade universitaria catalana e á comunidade galega residente en Barcelona. Un grupo con vontade de servizo cultural e intercambio musical entre Galicia e Cataluña.

En abril de 2006 fúndase Galeuzcamerata, coro continuador do proxecto polifónico galego na UB, que desenvolveu a súa actividade na universidade ata 2016.

Coro galego Brétemas e Raiolas
AE-AR-CorBre · Entidade colectiva · 1953-06-09. Non existe na actualidade.

Esta asociación cultural e artística foi fundada por un grupo de mozos galegos, emigrados na Arxentina, "empurrados pola saudade e polo amor á Terra-Nai con afinidade vocacional polo folclore galego".
Creado este coro de música galega dedicábase fundamentalmente a actuar nos diversos actos recreativos e culturais organizados polas entidades galegas asentadas na Arxentina, na radio e noutras asociacións de emigrantes.
Este grupo folclórico tivo a súa sede durante moitos anos nas instalacións do "Centro Betanzos" de Buenos Aires.
Un dos seus máis destacados socios e secretario xeral foi, durante moitos anos, Xoán Santos.

Coral Terra a Nosa
AE-AR-CorTer · Entidade colectiva · 1946-11-01. Non existe na actualidade.

Este grupo coral foi creado en novembro de 1946 polo "Centro Orensano de Buenos Aires" coa intención de defender e espallar a cultura e a música galega na Arxentina, participando coas súas actuacións nas festas da coletividade galega.

Coral galega Os Rumorosos
AE-AR-CorRu · Entidade colectiva · 1933-00-00. Non existe na actualidade

Esta agrupación artística foi creada por emigrantes galegos residentes na capital arxentina. Reúnense para ensaiar e organizar actuacións de música popular galega.
En xullo 1939 destaca pola súa actuación no festival na homenaxe que a colectividade galega de Bos Aires lle fai a Rosalía de Castro, con motivo do centenario do seu nacimento, no Teatro Avenida.
Esta entidade edita nos anos 30 a revista "Alalá", voceiro social.