Este comité creouse o 25 de marzo de 1909 na cidade da Habana para apoiar, potenciar e organizar o labor das numerosas sociedades galegas parroquiais e municipais con fins instructivos existentes en Cuba no primeiro tercio do século XX, loitando todas elas pola expansión da ensinanza e da cultura en toda Galicia. Estaba formada entre outras polas seguintes sociedades de instrucción radicadas na Habana: "Centro de Benquerencia", "Unión Rinlega", "El Valle de Oro", "San Adrián", "La Devesana", "Liga Santaballesa", "Hijos de San Miguel y Reinante", "Unión Barcalesa", "Alianza de Villamarín", "Unión de Rubín" e "Aurora de Somozas". No ano 1922 o comité propón crear na súa secretaría unha sección informativa acerca de construcións escolares, e recabar para todas as escolas que se construísen en Galicia por iniciativa dos galegos residentes en América, as correspondentes subvencións do Estado Español. Tivo tamén o proxecto de crear compañías anónimas para anticipar aos campesiños de cada comarca os cartos precisos para reconstruír as súas casas.
O seu primeiro presidente foi Narciso Rocha en 1909 e outros presidentes da entidade foron: Manuel Posada (1910), Luis Villarmeá (1912), Freire Montero (1922), Rouco Cortiñas (1924) e en 1928, Jesús Pérez Cabo. Desaparece no ano 1936.
Este comité foi creado en 1938 por diversas entidades de emigrantes ourensáns en Bos Aires, entre as que podemos citar: "Centro Nogueira de Ramuín", "Sociedad Cultural Nogueira de Ramuín", "Hijos del Ayuntamiento de Pereiro de Aguiar" e "Cultural y Recreativa del ayuntamiento de Esgos".
Todas estas entidades fusionaranse en 1941, e crean unha nova entidade de carácter provincial, o Centro Orensano de Buenos Aires.
Este comité foi creado por diversas entidades de emigrantes galegos no Uruguai, para que os seus membros se encargasen de organizar todos os actos culturais correspondentes ás Xornadas de cultura galega no Uruguai.
Este comité estaba integrado por representantes das seguintes sociedades: Casa de Galicia, Centro Gallego, Centro Orensano, Patronato Rosalía de Castro, Casa Compostelana, Centro Coruñés, Irmandade Galeguista, Hijos de Galicia, Alma Gallega, Hijos de Morgadanes, Centro Valle Miñor, Centro San Miguel de Oya, Hijos del Puerto del Son, Teatro Popular Gallego, Centro Pontevedrés e Centro Lucense.
En 1964 organizan as xornadas cunha homenaxe ao Padre Feijoó, no bicentenario do seu pasamento, e no que participou a intelectualidade galega no país.