Mostrando 1783 resultados

Registro de autoridad
AE-AR-ACoi · Entidad colectiva · 1906-10-14 ata a actualidade.

Esta asociación de emigrantes foi creada tras a fusión das sociedades "Hijos de Ois" e "Hijos de Coirós" co fin de xuntar esforzos para lograr os seus fins: dar protección e instrución aos seus veciños na terra natal.
Entre os seus fundadores podemos citar a Andrés Bugallo, Pedro Vázquez, quen foi o seu primeiro presidente tras a fusión, Pedro Vara ou Manuel Bugallo.
O lema da entidade foi "la instrucción es la base de la familia, del bienestar y la felicidad".
Os seus primeiros fins foron de carácter mutualista, pero a partir de 1912 cambiaron de obxectivos primando a idea de propagar a cultura e lograr unha maior preparación dos futuros emigrantes do seu pobo natal. A súa finalidade pasou pois a a ser instrutiva e cultural, aprobando en asemblea a creación no seu concello dunha escola que respondese á necesidade de alfabetizar e preparar aos nenos para o seu futuro.
Dende 1913 comezan a enviar regularmente cartos para a construcción dun edificio escolar no seu pobo. En 1919 mercan un local que foi usado como escola para os nenos da parroquia, que eles manterán económicamente.
No seguinte ano mercan unha casa no lugar de Chás (Coirós), no que se instala unha escola e vivenda para os mestres. Esta edificación está rodeada dun amplo terreo cunha superficie de 6.400 m2, que destinan a xardíns e canchas de xogos deportivos para a mellor educación física e moral dos alumnos. O colexio foi inaugurado en 1924. Dende Arxentina, a entidade crea un fondo de reserva para o funcionamento da escola.
Nas actas de 1925 recóllense os novos propósitos sociais como son a creación dunha Escola de Artes e Oficios e de preparación agrícola, e un campo deportivo.
Dende xaneiro de 1924 publican a revista "Nuestra Obra" como órgano oficial da sociedade.
En 1941, apróbase uns novos Estatutos sociais que seguen a rexir a sociedade na actualidade. Así pasa a ter unha novas finalidades centradas no mutualismo e nas actividades recreativas: socorrer aos asociados nos casos de morte ou necesidade, mediante a formación dun fondo común procedente das cotas sociais; fomentar e estreitar os lazos de unión e amizade entre todos os asociados, organizando a tal fin reunións sociais e actos culturais e soster relacións de amizade coas asociacións de igual índole.

AE-AR-Ole · Entidad colectiva · 1918-09-01 ata a actualidade

Esta asociación recreativa e de socorros mutuos, foi creada por un grupo de emigrantes, naturais do concello de Oleiros, residentes na Arxentina. Entre os seus fundadores podemos citar a Ramón Suárez, Antonio Portela, Juan Portela, José M. Souto, M. Sánchez, Francisco López, Joaquín Suárez, Jesús Suárez, Manuel Cajigal, José Portela, Francisco González, José Doldán, José Ares, José Breigo, Manuel Pita, Alejandro Ramón, Melchor Salinas, José Portos, Francisco Blanco, Juan Vázquez, Manuel Vázquez, Manuel Fuentes e José Fernández.
Foi fundada para protexer e repatriar, en caso necesario, aos seus asociados; tamén tiñan en mente crear escolas e fomentar o ensino no seu concello natal, ademais de cultivar e difundir o espíritu de asociación entre os conveciños residentes na república americana.
Actualmente manteñen unha vida social bastante intensa celebrando as festas tradicionais de Santa María de Oleiros, o Fin de ano ou o Día de Galicia. Teñen un programa de televisión, para divulgar a cultura galega na Arxentina. Priorizan a axuda entre os asociados: concesión de subsidios por falecemento, asistencia médica e farmacéutica.

AE-AR-SMEsp · Entidad colectiva · Creouse nos anos 20, non coñecemos a data exacta.

Esta asociación mutualista foi creada polos emigrantes españois residentes na capital arxentina con fins de axudarse en momentos de necesidade.

Monterroso y Antas de Ulla
AE-AR-Mont · Entidad colectiva · 1918-08-15 ata 1943, en que se fusiona con outras entidades lucenses para crear o Centro Lucense de Buenos Aires

Esta sociedade de emigrantes galegos, residentes en Bos Aires e naturais dos concellos veciños de Monterroso e Antas de Ulla, foi fundada con fins culturais, agrarios e recreativos. En 1920 aparece como unha das entidades fundadoras da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales de la República Argentina. E xa no ano 1925 publícase na prensa da colectividade galega na Arxentina os intentos de fusión entre as diversas sociedades dos naturais do partido xudicial de Chantada.
Entre os seus socios máis coñecidos pódese citar a Jesús Iglesias, Manuel Garza, José Fente, Benigno Frade, Manuel Carballo, Fernando Derecho, Lisardo Vázquez, ou Dionisio Vázquez entre outros.
En 1920 editan “El Eco del Ulla”, voceiro social da entidade e defensor dos concellos do partido de Chantada, tal como aparece na súa cabeceira.
En 1943 desparece tras a súa fusión con outras sociedades de emigrantes da provincia de Lugo en Bos Aires, para forman o Centro Lucense.

AE-AR-RRod · Entidad colectiva · 1921-05-01 ata a actualidade

Esta entidade foi fundada en Bos Aires por un grupo de emigrantes residentes na cidade e naturais do concello pontevedrés de Rodeiro. Foi creada con fins de axuda mutua para os socios e para organizar actividades recreativas.
No ano 1924, un grupo dos seus socios, naturais da parroquia de San Xiao de Pedroso, organizan unha subscrición popular para conseguir cartos cos que construír unha escola na súa parroquia natal, apoiados totalmente pola directiva da entidade. Non temos constancia de que finalmente fose construída.

AE-AR-UOrd · Entidad colectiva · 1922 ata a actualidade

No ano 1918 fundouse na cidade bonaerense a primeira sociedade do partido de Ordes co nome de "Pro-Escuelas Laicas" pero, como non tivo moito eco entre os seus paisanos despois de catro anos de loita, imperou a idea de crear unha nova entidade coa denominación de "partido xudicial". En abril de 1922 xorde á vida societaria a "Sociedad de Residentes del Partido Judicial de Ordenes", que foi fundada polo patrocinio da "Federación de Sociedades Agrarias y Culturales de la Provincia de la Coruña".
Aínda que non abandonou a súa loita pola instrución na terra natal, centrouse máis nas actividades de axuda mutua e recreativas para manter a unión entre os socios.
No ano 1944 produciuse a fusión de todas as sociedades que crearan os emigrantes ordenses residentes en Bos Aires e mantívose a denominación da máis antiga, que é a que pervive na actualidade.

Centro Noya - Rianxo, asociación civil
AE-AR-CNoia · Entidad colectiva · 1986-05-25 ata a actualidade

Este Centro foi creado tras a fusión "Asociación del Partido Judicial de Noya" e o "Centro del Ayuntamiento de Rianjo" para que os seus socios, e tamén os arxentinos e os seus descendentes, contribúan ao maior realce do nome "gallego" en América.
A directiva fundacional da nova entidade estaba presidida por David Otero; outros dos seus membros foron Alfonso Cascallar, Francisco Rodríguez Gey, Miguel Allario, Isabel Liñayo e Manuel Moares Tubío.
Nos seus primeiros Estatutos (1988) están os seus obxectivos principais: fomentar e estreitar lazos de unión e fraternidade entre os naturais do Partido xudicial de Noia e do concello de Rianxo; fomentar a cultura e o recreo; soster unha biblioteca e salón de lectura e publicar un boletín social.
En 1991 sae o primeiro número da revista "Rías Baixas", voceiro oficial da sociedade. En 1992 editaron tamén o boletín social "Centro Noia - Rianxo".
Entre as súas actividades recreativas e culturais están a celebración do Día das Letras Galegas con homenaxes as figuras senlleiras da cultura galega, organización de conferencias, exposicións, e actuacións do seu coro "Rías Baixas" e do grupo teatral da entidade.
Tamén celebran a festividade de San Marcos, patrón de Noia, da Virxe de Guadalupe, patrona de Rianxo, festa fin de ano e numerosas ceas de confraternidade.

Centro Bergondo y sus contornos
AE-AR-CBer · Entidad colectiva · 1929

En 1924 os emigrantes naturais de Bergondo que residían en Nova York fundan unha sociedade instrutiva co obxecto de construír no seu pobo natal un centro escolar que axudara á xuventude a prepararse para o camiño "tenebroso" da emigración, ao que, segundo eles, a maioría dos seus veciños estaban destinados.
No ano 1929, baixo o patrocinio da sociedade de Nova York, xúntanse os veciños residentes en Bos Aires e fundan esta entidade tamén cos mesmos fins.
A entidade arxentina achegará algunhas doazóns para facer realidade o sono dos emigrantes bergondenses en Estados Unidos. O 12 de xullo de 1936 inaugúrase un edificio escolar no lugar da Senra. Aos poucos días estala o conflito da guerra civil e o edificio foi expropiado e ocupado primeiro polo exército e despois pola SEU.
Desparecida esta entidade, a súa homónima americana, que nunca renunciara á súa titularidade, inicia en 1969 unha campaña, nos medios de comunicación e ante os organismos estatais, para recuperar o seu patrimonio. Despois de trinta anos de xestións infrutuosas, ceden a súa titularidade ao concello de Bergondo co compromiso de levar a cabo a súa reconstrución e de convertelo nun centro sociocultural a beneficio da vila de Bergondo. Finalmente, o edificio volve ser inaugurado o 28 de abril de 2007 como centro sociocultural.

Centro Coruñés de Buenos Aires
AE-AR-CCoru · Entidad colectiva · 1943 - 1979, ano no que se fusiona cos outros centros provinciais e crean o Centro Galicia, existente na actualidade

Este centro foi creado en 1943, pero nos seus estatutos sociais aparece como data fundacional o ano 1926, tomando como esta data da creación do primeiro "Centro Coruñés" xa desaparecido e que tivo varias refundacións durante estas dúas décadas. Finalmente o ano de 1943, baixo os auspicios de Julio Smith e Juan F. Longueira, foi fundado como un clube deportivo, co fin principal de practicar o fútbol.
En 1950 desaparece tras a súa fusión co "Círculo Provincial Coruñés", dando lugar a unha nova sociedade chamada "Centro Provincial Coruñés". En 1963 volve a fusionarse co "Lar Bergantiñán" e a "Sociedad del Ayuntamiento de Carral", pasando de novo a chamarse "Centro Coruñés". En 1974 fusiónase co "Centro Pontevedrés" para formar a "Asociación Gallega de Buenos Aires". Finalmente en 1979, xunto co "Centro Lucense" e o "Centro Orensano", constitúen o "Centro Galicia de Buenos Aires".

AE-AR-CPEst · Entidad colectiva · 1943-10-23 ata a actualidade

Esta entidade foi creada tras a fusión das sociedades de emigrantes de orixe estradense, "Federación Agraria de la Estrada" e "Unión Estrandese" en Bos Aires. A súa directiva fundacional estivo integrada por Francisco Porto, como presidente, Justo Tato, Manuel Quinteiro e José Mª Gosende.
Nos seus primeiros estatutos recolle no artigo 2 os seus obxectivos: "a) fomentar, propagar y estrechar los vínculos de unión entre los naturales del partido de La Estrada, constituida por los ayuntamientos de La Estrada, Cerdedo, Forcarei (provincia de Pontevedra) residentes en la República Argentina, y hacer obra de confraternidad con los países hispano-americanos, especialmente en la Argentina; b) crear para sus asociados y sus descendientes, un centro social de carácter educativo donde se organizarán ciclos de conferencias, concursos literarios, etc. y se propenderá mediante la instalación de una biblioteca y sala de lectura, a la mayor educación y cultura de sus socios; c) teniendo Galicia una vieja cultura, será atención preferente de la asociación hacerla conocer entre propios y extraños, difundiendo su lengua, su arte y su ciencia, no debiendo escatimar esfuerzos para difundirla y fomentarla en todo momento (...)".
Desde 1987 conta cun grupo de baile formado por 12-14 bailaríns, que se chama "La Estrada" e en 1998, crea o grupo folclórico "Meigas e Bruxos" dirixido por María Badín e Marta Parda, con 40 bailaríns que realiza numerosas actuacións nos diferentes actos recreativos que organiza esta entidade.

Centro Galicia de Buenos Aires
AE-AR-CGal · Entidad colectiva · 1979-07-25 ata a actualidade.

Este centro xurde tras a fusión do "Centro Lucense", "Centro Orensano", "Centro Coruñés" e "Centro Pontevedrés". No mes de decembro de 1978, reuníronse na sede do "Centro Lucense" representantes do "Centro Orensano" e da "Asociación Gallega de Buenos Aires", para eleborar un proxecto de creación dunha nova institución con basamento nas catro entidades provinciais galegas de maior arraigo na cidade. O seu obxectivo principal que os unía era preservar para o futuro da comunidade galega os patrimonios físicos, humanos e culturais que posuía cada entidade. Cabe dicir que "Asociación Gallega" era unha nacente entidade, formada polos "Centro Coruñés" e "Pontevedrés", aínda que sempre aparecen estas entidades como co-fundadoras do Centro Galicia de Buenos Aires.
Despois de varios meses de deliberacións aproban oficialmente a fusión o 25 de xullo de 1979, sendo Darío Lamazares, primeiro presidente e impulsor da fusión dos diversos centros.
A Comisión plenaria pro-fusión estaba integrada polos seguintes directivos: presidente, Darío Lamazares (Centro Lucense); vicepresidente, Antonio Gómez (Centro Orensano); secretario, Luis A. Fontoira (Asociación Gallega); prosecretario, Vicente Velasco (Asociación Gallega); secretario de Actas, Benito Fernández Cid (Centro Orensano); prosecretario de actas, Arturo Naval (Centro Orensano); vogais: Alvaro Campos Alonso (Asociación Gallega), José Caneda (Asociación Gallega), Gabriel López Penelo (Centro Lucense), José López Pin (Centro Lucense), Manuel Martínez Lamela (Centro Lucense), José Mª Vila Alen (Centro Lucense), Reinaldo Pelayo Soto (Centro Orensano), Rafael Gil Malvido (Centro Orensano) e Antonio Rodiño (Asociación Gallega).
A cuestión do nome da nova entidade foi un novo problema; nun primeiro momento se decidira chamala "Club Gallego de Buenos Aires, cultural, social e deportivo", pero finalmente a comisión plenaria aprobou por unanimidade a denominación de Centro Galicia.
Nos seus primeiros Estatutos (1980) aparecen especificados os seus fins: "a) propiciar e facilitar o coñecemento da historia, costumes e cultura da República, difundir os principios da súa constitución, manter e acrecentar o seu sano patriotismo e amor á nacionalidade e o respecto polas institucións que a rexen; b) contribuír ao estudo, coñecemento e difusión da historia, da cultura e dos costumes de Galicia e dos demais elementos esenciais que fan a vida do seu pobo, espiritual e etnicamente diferenciado; c) crear e soster un centro de estudos que na súa amplitude abrangue a maior cantidade de disciplinas e actividades desde a etapa infantil ata alcanzar o nivel universitario, impulsando o estudio de todo o que teña que ver co mellor coñecemento de Galicia, en todos os seus aspectos dentro do contexto do acervo cultural e espiritual dos pobos ibéricos; d) realizar actos culturais, artísticos, recreativos e de calquera outra índole para o logros dos fins mencionados; e) crear unha biblioteca, editar unha publicación periódica informativa e de divulgación cultural; f) manter permanentemente vivo o recordo dos costumes e tradicións que forman parte do acervo cultural da Arxentina e de Galicia, cultivandoas e facéndoas coñecer a traves de conxuntos folclóricos e costumbristas; g) fomentar o turismo ao interior e exterior do país, organizando todo tipo de excursións; h) crear e manter un departamento deportivo, para que contribuíse ao melloramento físico e espiritual, realizar concursos e torneos, dende xogos de salón ata os da actividade ao aire libre, sen carácter profesional; i) outorgar premios, acordar bolsas nos diferentes aspectos que contempla o seu facer xeral; k) dispoñer a súa axuda, orientación ou consello aos galegos emigrantes, propender a que se integren dentro do seo da nosa colectividade e procurar que se adapten ao medio social arxentino no que deberán actuar e convivir; l) xestionar e facilitar o ingreso a este centro das entidades galegas que sexan solidarias cos seus principios e persigan os mesmos fins".
Esta asociación celebra habitualmente as festividades tradicionais galegas ademais de numerosos actos culturais como ciclos de conferencias, representacións teatrais, exposicións, concertos, seminarios e cursos. Conta ademais cunha escola de baile folclórico gallego e español, e de música, gaita e guitarra. Ten un coro integrado polos seus socios denominado "Rosalía de Castro".
Teñen tamén grande importancia as actividades deportivo-recreativas pois defenden "o uso do deporte como vehículo de integración e unión de todos os galegos" cun destacado labor educativo con escolas de tenis, patin-show, bowling, natación, baloncesto, balonbolea, futbol, bolo celta, ioga, etc. Organiza colonias de vacacións durante o verán para os nenos de 4 a 14 anos no seu campo deportivo "Los Olivos".
A comisión de cultura da entidade colabora coa emisión de diversos programas de radio para promocionar Galicia e a súa cultura: "Recorrendo España" en Radio Splendid; "Galicia Hoxe" en Radio Colonia; "La Oreja" en Radio Ribadavia; "La Voz Española" en Radio Argentina. Radio interna "Pentagrama informativo".
Edita a revista "Mundo Gallego" como órgano de información da sociedade, cunha tirada de 25.000 exemplares de distribución gratuíta cada dous meses; e unha guía de actividades do centro, mensual, con información xeral para todos os socios.

Centro Gallego de Buenos Aires
AE-AR-CGBA · Entidad colectiva · 1907-05-02 ata a actualidade

Esta institución foi creada por un grupo de emigrantes galegos co fin primordial de brindar protección médica e social aos seus coterráneos. Tras unha homenaxe feita en honor ao finado compositor Pascual Veiga na cidade de Bos Aires o 31 de outubro de 1906, a prensa da colectividade lanza a idea de fundar un centro similar ao da Habana ou Madrid, para que axudase a todos os galegos necesitados da Arxentina. Uns días despois o "Centro Vigués" lidera esa proposta e coa axuda do "Orfeón Coruñés", "Orfeón Mindoniense" e "Orfeón Gallego Primitivo", apróbase a creación dun "Centro Gallego". Encabezada por Antonio Varela Gómez e Julio de la Cuesta, créase unha comisión que o 21 de xullo aproba os primeiros estatutos da nova entidade, con sede nun pequeno local alugado, sito na rúa Estados Unidos, no que se instala un consultorio médico e onde se impartían clases nocturnas de alfabetización.
No ano 1911 acometeu a reforma dos estatutos, quedando dende entonces implantada a mutualidade; con este cambio nos fins sociais aumenta de maneira considerable o número de socios. Conxuntamente estabelece os servizos fúnebres, de asesoramento xurídico e a farmacia social. O crecemento da entidade levou a buscar un edificio maior e en 1917 mercan por subscrición popular dos socios, un edificio na avenida Belgrano, un palacete que aínda hoxe é a súa sede social.
O 9 de decembro de 1933 manifesta publicamente o seu apoio á autonomía galega, apoio que reitera en xuño de 1936: "... teniendo en cuenta que la Autonomía de Galicia no es un asunto político, sino eminentemente patriótico; consecuente con la posición fijada al respecto y fiel al precepto estatutario que dispone: "secundar eficazmente toda acción progresista que se inicie en bien de Galicia".
No ano 1969, crea o "Instituto Argentino de Cultura Gallega", a través do cal se realiza unha intensa actividade coa publicación de libros que en Galicia estaban prohibidos, organización de conferencias e diversos actos a prol da lingua e da cultura galegas.
Na actualidade esta institución con máis de 30.000 asociados pasa por unha grave crise económica, debido tanto a precariedade da economía arxentina como a mala xestión dos fondos da entidade. A grande maioría dos seus socios son xente de avanzada idade, que precisan atención médica constante e que coas súas cotas (moitas das cales non poden pagar) non poden manter as actividades sanitarias, primordiais na actualidade. As axudas das institucións galegas como a Xunta só serven para paliar o grave déficit do centro e parecen non poder salvar a institución da endémica situación de crise que vive dende os anos 90 do pasado século.

Centro Lucense de Buenos Aires
AE-AR-CLuc · Entidad colectiva · 1943-01-09 ata 1979-07-25, data da fusión dos centros provinciais nunha nova entidade chamada Centro Galicia de Buenos Aires

O Centro Lucense foi fundado pola fusión de varias sociedades de emigrantes galegos naturais da provincia de Lugo e que formaban parte da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, nunha política de unión das diversas sociedades afins, para así dispoñer de maiores posibilidades para lograr os seus obxectivos.
Para a súa creación fusionáronse as seguintes sociedades: "Fonsagrada y Baleira", "Alianza de Céltigos, Incio y Corbelle", "Brisas del Eume", "Sociedad vecinal de Cervantes", "Fonsagrada y sus distritos", "Unión Cultural de Lugo", "Monterroso y Antas de Ulla", "Sociedad del Ayuntamiento de Meira", "Unión Quiroguesa y sus distritos", "Centro del Ayuntamiento de Samos", "Pro-Escuelas unidos de Sarria", "Sociedad del Ayuntamiento de Trasparga", "Sociedad de Vicedo", e "Centro Vivariense". Máis tarde se lle uniron: "Parroquias Unidas del Corgo", "Centro Unión Villalbesa" e "Centro Friolense".
Dende a súa creación ten como tarefa principal a difusión da cultura galega e arxentina e a realización de reunións sociais e recreativas, así como a práctica de deportes. Segundo o seu presidente F. Insua en 1952 o seu fin prioritario era a unificación da colectividade galega nunha soa entidade cultural (cultura física e intelectual) e recreativa.
Na súa tarefa cultural, da que durante uns anos foi asesor, Eduardo Blanco Amor, fundan a Banda Lucense, coa que impartiu concertos e grabaron discos; en 1957 inaugura unha galería de arte, onde se expoñía a obra de grandes pintores galegos e arxentinos; estas exposicións foron doadas ao Museo de Lugo, que creou para acollelas a Sala América.
Ademais organizou na súa sede numerosas conferencias, seminarios etc., editou libros en galego e en 1943 edita un xornal que convertiron no seu voceiro oficial, "Lugo". En 1959 organiza unha escola de teatro que dirixe Roberto Villanueva e no ano 1962 crea unha cátedra de cultura.
No ano 1979 desaparece como tal, tras a fusión co "Centro Coruñés", "Centro Orensano" e "Centro Pontevedrés" créase unha nova entidade baixo o nome de "Centro Galicia de Buenos Aires".

Centro Villamarín
AE-AR-CVilla · Entidad colectiva · 1932-09-25 ata 1940, ano no que se fusionan co Centro Perojano, dando lugar a unha nova entidade, Centro Villamarín - Perojano.

Esta sociedade, mutualista e recreativa, foi fundada tras a fusión das sociedades "Unión Cultural de Villamarín" e "Ayuda Mutua Residentes de Villamarín".
Entre os seus fundadores pódese citar a Gumersindo Guzmán, que ocupou o cargo de presidente da entidade; José Barriro Pereira, Edelmiro Rodríguez, Ramón González, Manuel Álvarez, Vicente González e José Pulido Rego, entre outros.
No ano 1940, os socios aproban unha nova fusión co "Centro Perojano", para intentar sumar socios e forzas coas que levar a cabo as súas actividades; fórmase unha nova sociedade denominada "Centro Villamarín Perojano"
En 1990, hai unha nova fusión, esta vez coa entidade "Hijos de Arantey", pasando a chamarse "Hijos de Arantey y Centro Villamarín Perojano", que segue a traballar a prol dos seus socios na actualidade.

AE-AR-CViPe · Entidad colectiva · 1940-12-08 ata 1990, ano no que se fusionan coa sociedade "Hijos de Arantey". Continúan existindo na actualidade baixo o nome de "Hijos de Arantey y Centro Villamarín Perojano".

Este centro foi creado en 1940, tras a fusión do "Centro Villamarín" e o "Centro Perojano", ambos sociedades mutualistas e recreativas.
Como iniciadores da idea da fusión e principais cargos da primeira directiva pódese citar a : Ramón Rey, como presidente; secretario, Juan Fernández e tesoureiro, Ramón Pérez.
En 1990, esta entidade decide fusionarse coa sociedade "Hijos de Arantey". Froito desta fusión existe na actualidade co nome de "Hijos de Arantey y Centro Villamarín Perojano".

Centro Vivariense
AE-AR-CViv · Entidad colectiva · 1908-10-25 ata 1943, ano no que se integra no Centro Lucense de Buenos Aires

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do partido xudicial de Viveiro, residentes en Bos Aires, con finalidades mutuais e culturais. Nos seus estatutos recolle que se darán axudas aos socios que estean enfermos ou necesitados, tamén se contempla o pago dos billetes en caso de repatriación. Para recadar fondos organiza festivais, que ademais serven para potenciar os lazos de unión entre todos os vivarienses residentes na capital arxentina, e tamén co resto da colectividade.
Foron presidentes da entidade: Antonio Díaz (1909), Francisco Rebolo (1910), Antonio Bas (1923 e 1928), Pedro Alvariño Chao (1924-1925), Jesús Lois (1926) ou Jesús Rivera (1927). Xa nos seus inicios foi nomeado presidente honorario, José Mª Cao.
Hai constancia de que en 1925, organiza unha subscrición para construír un monumento en homenaxe ao doutor Ramón Díaz Freijo, gran benefactor do seu pobo natal, que foi inaugurado poco despois en Viveiro (Lugo).
Ao ano seguinte mercaron un mausoleo para colocar os restos do literato de Viveiro, Nicomedes Pastor Díaz.
En 1943, fusiónase con outras sociedades de emigrantes da provincia de Lugo en Bos Aires, e forman o Centro Lucense.

Círculo social Valle Miñor
AE-AR-CirValMi · Entidad colectiva · 1928-03-11 ata a actualidade

En 1928, durante unha visita a Arxentina do alcalde de Baiona, José Rodríguez de Vicente, nunha reunión cun grupo de paisanos residentes en Bos Aires, deciden fundar unha entidade que os representase. Creáse así o "Centro del ayuntamiento de Bayona", sendo un dos promotores da idea Laureano Pérez Rouco, socio moi destacado da colectividade na capital arxentina. El foi presidente da entidade e director da revista social.
A directiva fundacional estido integrada polos seguintes socios fundadores: como presidente fundador, José Rodríguez de Vicente; presidente, Melchor Puga; vicepresidente, Esmeraldo Solla; secretario, Bernabé Pereira; tesoureiro, Antonio González; prosecretario, Herminio Leyenda; vogais: Luis Alvarez, Francisco Marcote, Manuel Rodríguez, Antonio Alonso, José González, Pablo González e Severino Granja.
Esta entidade mutualista e recreativa cambia a súa denominación o ano 1933, sendo coñecida como "Círculo del Valle Miñor de los municipios de Bayona, Gondomar y Nigrán".
En 1952, aproban os seus primeiros estatutos nos que se recollen os obxectivos da entidade: "a) reunir no seu seo a todos os residentes do Val Miñor en Bos Aires, así como aos seus descendentes; b) propender por todos os medios á cultura, recreo e protección dos asociados, así como á exaltación da personalidade de Galicia e dos seus valores morais e materiais; c) contribuir a elevar a moral, a sensibilidade, o nivel cultural, artístico e físico dos seus asociados; d) procurar a repatriación dos socios nacidos no Val Miñor, que enfermos e faltos de recursos o soliciten; e) protexer e amparar aos naturais do Val Miñor, que chegaren ao país orfos de recomendacións, proporcionándolles traballo inmediato ou a axuda necesaria para conseguilo".
Para iso o centro dispón de salóns de reunión e recreo para os seus asociados, campo de deportes e recreo ao aire libre, biblioteca e salas onde impartir cursos de cultura xeral.
Na actualidade destacan entre as súas actividades as recreativas: organización de festas polo seu aniversario, reunións familiares e de confraternidade con carácter mensual, festival infantil de danzas, etc.; as culturais: organización de diversos actos commemorando o Día de Galicia, ciclos de conferencias, de cine e vídeo, etc. Ten unha coral social que actúa nos diversos actos festivos da colectividade. Organiza diversos cursos para os socios, por exemplo de confección de traxes típicos, música, gaita e danzas galegas e de animadores socio-xuvenís; actividades deportivas: cun equipo de bolos celta co que participa en campionatos como a "Copa de la amistad miñorana".
Dende 1988 edita un boletín informativo da sociedade, "Xuntos". Tamén publica a revista "Miñor", voceiro de prensa da asociación, que foi creada en 1933 ata 1982; e que volven a reeditar en 1986. Os socios integran o grupo de baile "Miñor".

AE-AR-CorRo · Entidad colectiva · 1939-03-30 ata 1963, ano no que se integra no "Centro Pontevedrés" de Buenos Aires.

Esta sociedade cultural e artística foi creada por emigrantes galegos na Arxentina, para participar na homenaxe que a colectividade galega de Bos Aires lle fixo nese ano a Rosalía de Castro, con motivo do centenario do seu nacimento, celebrando un gran festival o día 24 de xullo no Teatro Avenida.
Esta asociación continúa no seu labor en defensa da cultura e a arte galega ata xaneiro de 1963 en que aproba a súa integración no "Centro Pontevedrés".

Cruzados de Santiago Apóstol
AE-AR-Cruz · Entidad colectiva · anos 30 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta entidade cultural e relixiosa, ten como fin primordial difundir a tradición española do culto ao Apóstolo Santiago, así como a súa influencia na historia de España e de Galicia.