Amosando 1783 resultados

Rexistro de autoridade
Progreso de Lousada
AE-CU-PrLou · Entidade colectiva · 1916-01-30 ata 1957-07-08

Sociedade fundada na cidade da Habana por emigrantes da parroquia de Santo André de Lousada, concello de Xermade (Lugo). O seu primeiro presidente foi José García Castro.
Dende a súa fundación terá como principal obxectivo fomentar e soster a instrución gratuíta na súa parroquia natal. Para levar adiante esta finalidade, a entidade patrocinaría unha escola de ensino primario para ambos os sexos; a sociedade non descartaba ampliar os seus obxectivos cara ao ensino secundario se as circunstancias o esixían. Os seus esforzos víronse coroados pola construción da escola do Pazo, que se inaugurou en 1918.
Ademais, a sociedade dotou aos agricultores da parroquia de Lousada de moderna maquinaria debulladora de cereais.
A renovación dos seus estatutos en 1931 supón que os seus obxectivos e o seu nome cambien, pasará a chamarse Progreso de Lousada. Sociedad Cultural y de Socorros Mutuos, e terá como principal finalidade fomentar a cultura e o progreso moral e material entre os habitantes da parroquia de Lousada; non se esquece dos seus fins instrutivos e especifica que coidará do ensino primario no seu distrito, ademais de implantar novos métodos na agricultura en xeral en Xermade. Foron obxectivos tamén establecer un fondo de socorros mutuos entre os asociados e emprestar protección aos naturais daquela localidade que cheguen á illa de Cuba como emigrantes, auxiliándoos en todo o posible.
Colabora en numerosas melloras para a súa vila, contribuíndo con importantes cantidades de cartos para a construción dunha estrada ou o tendido de electricidade e de teléfono do concello.
A súa andaina remata o 29 de maio de 1957, data en que aproba por unanimidade a súa fusión coa de Hijos de Roupar, que tiña os mesmos fins. Pasa a ser unha nova sociedade que recibe o nome de Roupar y Losada, que continúa a existir na actualidade.

Promoción da Cultura Galega
AE-SU-PCGal · Entidade colectiva · 1975-01-01 ata a actualidade

Foi creada no 1975 por unha ducia de socios.

Tratase dunha asociación sen fins de lucro, cuxos obxectivos aparecen reflexados nos seus Estatutos, aprobados en maio de 1985 e redactados en galego:

  • Xuntar a os galegos de Zürich e comarca.
  • Desenrolar actividades culturais, deportivas, folclóricas e de recreo.
  • Divulgar as costumes e a cultura galegas.

No ano 1980 puxeron en marcha o Grupo de Danzas e Gaitas “Retrincos”. En 1983 fundaron un grupo vocal de cantigas enxebres e a “Charanga Fiadeiro”. En 1987 crearon o grupo de teatro galego "Compañía de Teatro Cultura Galega" e tamén un conxunto de música-moderna, chamado “Galegos”. En 1988 o equipo de fútbol Celta de Zürich integrouse na sociedade.

Publican o Boletín "Promoción de Cultura Galega de Zürich", celebran o Día das Letras Galegas, o Entroido e o Día da Patria Galega, organizan torneos de fútbol e maratóns.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Promoción de la Cultura Gallega
AE-SU-PrCG · Entidade colectiva · 1987-09-21 ata a actualidade

Nunha reunion celebrada na Casa de España de Lausanne o 21 de setembro do 1987, formada por dez persoas (todas de orixe galego) “amantes de la cultura histórica y folclórica de Galicia”, acordaron constituír unha asociación cultural galega a que denominaron Promoción da Cultura Galega. Neste primeiro momento, e ata ter confeccionados os seus Estatutos, acordaron adoptar os da sociedade “A Nosa Galiza de Xenevra” coas as modificacións oportunas.

Os seus obxectivos e finalidade están reflectidos nos seus Estatutos, redactados en castelán:

  • "Promover a unión dos galegos en torno os ideais e valores propios de Galicia.
  • Defender e desenrolar o idioma galego.
  • Desenrolar actividades culturais, artísticas e recreativas.
  • Promover as relacións con outros centros e asociacións da Suíza e de outros países".

Desde finais de 1988 contan con local propio.

Organizan cursos de galego. Contan co grupo de danzas, coral e grupo de gaitas "Promoción da Cultura Galega" e grupo de teatro, editan o boletín "Amanecer" e organizan conferencias e concursos.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).