Showing 1783 results

Authority record
AE-VEN-FECEVE · Corporate body · 1974-10-25 ata a actualidade

Definida como "único órgano social privado, con personería jurídica propia, que se dedicaría a solicitar y defender los intereses y beneficios que por ley corresponden a todos los españoles en Venezuela" (Félix Barbero Alonso, presidente de FECEVE).

A Feceve fundouse o 25 de outubro de 1974, representa ao colectivo organizado en torno a centros, asociacións, entidades e fundacións, provinte das distintas comunidades autónomas españolas e, dentro do posible, ao non organizado, residente en Venezuela ante gobernos, organizacións e organismos públicos e privados de España, Europa e Venezuela.

Ten entre os seus obxectivos a loita polo benestar social da comunidade española en Venezuela, a través da labor social e cultural, así como manter a unidade da comunidade e defender os seus intereses.

Real Academia Galega
RAG · Corporate body · 30/09/1906-

O 30 de setembro de 1906 inaugurase oficialmente, no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, a Real Academia Galega, que xa fora constituída o 4 de setembro de 1905. No acto conflúen os dous vieiros principais do galeguismo naquela altura. O primeiro deles, agrupado arredor de Manuel Murguía, representa a continuidade do programa do Rexurdimento e do Rexionalismo, mentres que o segundo proviña da vizosa comunidade de emigrantes galegos en Cuba onde naceu, en 1905, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega. A Asociación Iniciadora foi a principal fornecedora das remesas precisas para acometer os gastos da fundación e sostemento da Academia e tivo por obxecto, segundo o seu propio regulamento: "darlle unidade ao idioma galego mediante a publicación dunha gramática e un dicionario". A figura senlleira do litógrafo de orixe ferrolá, Xosé Fontenla Leal, apadriñado polo prestixio intelectual de Curros Enríquez, foi fundamental na organización e bo resultado deste proxecto.
Os anos de Murguía, 1906-1923:
Baixo o gran prestixio persoal e intelectual de Manuel Murguía, a Academia vive a súa idade de ouro. Dá comezo unha intensa actividade organizando numerosos actos culturais e celebrando frecuentes plenarios por todo o País. É agora tamén cando se acordan as bases para a elaboración do dicionario que empeza a ser publicado por entregas entre 1912 e 1928, ou se conseguen ampliar as dependencias da Academia grazas ao seu traslado ata o edificio do Concello en María Pita. Pero, sobre todo, neste período encétase a publicación do Boletín da Real Academia Galega, do que se chegaron a editar 149 números en vida de Murguía. Coa súa morte o 1 de febreiro de 1923, aos noventa anos, o primeiro Presidente deixa como legado unha Academia forte, ben organizada e cun camiño ante si rigorosamente trazado.
Entre Murguía e a República, 1923-1936
Nesta segunda etapa, ocupan sucesivamente a presidencia Andrés Martínez Salazar (1923), Francisco Ponte Blanco (1923-1926), Eladio Rodríguez González (1926-1934) e Manuel Lugrís Freire (1934-1935). A inesperada e precoz morte do prestixioso investigador e editor Martínez Salazar, considerado o herdeiro natural de Murguía, supón un importante revés para a Academia, agravado pola suspensión das remesas procedentes de Cuba e a instauración da ditadura de Primo de Rivera. Aínda así, a incorporación de importantes persoeiros da nova xeración galeguista, como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao e Antón Villar Ponte, xunto coa axuda económica chegada da recentemente constituída Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega de Bos Aires, semellaba augurar un espléndido porvir para a nosa institución tronzado, traxicamente, polos sucesos de 1936.
Os anos escuros, 1942-1977:
Tras a Guerra Civil, a Academia entra nun estado de semiclandestinidade, moi próximo ao da súa desaparición definitiva. Sometendo a silencio, exilio ou morte á parte máis consciente do galeguismo republicano, o réxime franquista só tolera unha continuidade simbólica e testemuñal da Academia, que non volve constituírse formalmente ata o ano 1943, so a presidencia de Manuel Casás. Malia todo, a entrada na Academia de intelectuais procedentes do chamado "Grupo Galaxia" daralle un novo pulo á institución. Así, por iniciativa de Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo dá comezo en 1963, durante a presidencia de Sebastián Martínez-Risco, a celebración do Día das Letras Galegas. Desta maneira, e coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, inaugúrase a conmemoración máis importante da nosa cultura e de maior repercusión social.
Na democracia, 1977-1997:
Da longa presidencia de Domingo García-Sabell podemos destacar diversos feitos de importancia histórica, como o Acordo Ortográfico de 1982, o recoñecemento á RAG na Lei de Normalización Lingüística, a creación do Seminario de Lexicografía -no seo do cal se elaboraría o primeiro dicionario monolingüe da RAG- ou, máis tarde, do Seminario de Sociolingüística, que se encargaría da realización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, entre outras achegas. É tamén neste tempo, en 1978, cando se completa o traslado da Academia desde as dependencias municipais ata a súa actual sede no número 11 da rúa Tabernas.
Cara á actualidade:
Os catro anos de presidencia de Francisco Fernández del Riego, entre 1997 e o 2001, supuxeron unha apertura sen precedentes na historia da Academia. Durante este período, ingresaron na institución intelectuais de prestixio procedentes dos diversos ámbitos culturais ou científicos, mais, sobre todo, renovouse a vontade de servizo ao País e de participación nos debates do seu tempo. Xa na presidencia de Xosé Ramón Barreiro, proseguiuse a liña de diálogo e asunción de responsabilidades marcada polo seu predecesor. O resultado deste compromiso concretouse en feitos como o Acordo Ortográfico de 2003. Unha vontade de compromiso e implicación na defensa da lingua e cultura de Galicia que pretende ser o constante propósito da Real Academia Galega para o século que comeza.

Federación Progresista
Corporate body · (1984-1988)

A Federación Progresista foi unpartido político español fundado en decembro de 1984 por Ramón Tamames, tras a súa saída del PCE. De ideoloxía ecoloxista e de esquerdas, formóou parte da fundación de Izquierda Unida en 1986. Desintegrouse en 1988.

AE-ES-GRUGALMA · Corporate body · 1983-04-02 ata a actualidade

Constituíuse legalmente como asociación en 1983 coa finalidade de dar a coñecer a cultura galega con maiúscula, máis alá dos tópicos. Dende os primeiros momentos esta asociación contou co apoio de boa parte da intelectualidade galega, de entre os que destaca Filgueira Valverde.

A sociedade organiza anualmente dúas actividades culturais; unhas xornadas de cultura monográficas que se celebran primeiro en Madrid (en xuño) e logo na Coruña (en xullo) e a edición da Revista "Galicia en Madrid", de periodicidade irregular e que sufriu cambios na súa liña editorial desde a súa aparición. Comezou sendo informativa porque nos primeiros momentos non había prensa galega. Sen embargo, coa aparición de novas revistas e periódicos de corte informativa, decidiron facela monográfica, aproveitando as liñas temáticas das xornadas culturais.

A finalidade da sociedade é promover actos e estudos sobre a cultura galega.

AE-ES-CGTCan · Corporate body · 2000 ata a actualidade

Este grupo de galegos residentes en Tres Cantos reuníuse a comezos do ano 2000 para falar da posibilidade de formar un Centro Galego. A partir de ahí comezou a andadura do centro que ten por fins agrupar a cantas persoas estean vinculadas a Galicia por nacemento, natureza, ascendencia familiar, arraigo ou simpatía, así como promover e cultivar os valores, o patrimonio cultural -histórico, artístico, folclórico e gastronónimo- de Galicia dentro do ámbito tricantino. Eduardo García Díaz foi un dos seus socios fundadores e antigo Presidente.
Actualmente o centro está asociado á Xunta de Galicia e pertence á "Federación de Asociaciones Gallegas de Madrid". Organiza cursos e actividades de toda índole -culturais, deportivos e gastronómicos- de maneira regular.

AE-ES-CaGaCad · Corporate body · 2001 ata a actualidade

Foi fundada en marzo de 2001, cunha invitación ao Presidente da Xunta no seu acto inaugural, tendo como obxectivos de natureza filantrópica, social, cultural e de formación con Galicia. Dende a súa fundación mantén o firme e decidido compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os socios, novas xeracións e público en xeral.

O 26 de outubro dese ano inaguran o local alugado para a súa sede local. Obtuvo o recoñecemento de Centro colaborador da Secretaria Xeral de Emigración da Xunta de Galicia o 23 de maio de 2003 e conta na actualidade con 101 socios a maioría deles galegos.

AE-ES-FCRYP · Corporate body · 197? ata a actualidade

A "Federación española de casas regionales y provinciales" foi creada na década dos anos 70 do século XX co obxectivo de promover a actividade e fins das distintas federacións territoriais. A Federación Nacional e as distintas Casas Rexionais e Provinciais xurdiron co obxectivo fundamental de agrupar a persoas naturais, orixinarias, vencelladas ou simpatizantes dunha provincia, rexión ou comunidade autónoma, con fins convivenciais, socioculturais, formativos, benéficos e recreativos.

Nos anos 80 comezaron unha nota etapa na federación e temos noticia de que no ano 1984 o presidente da federación era Ignacio Buqueras y Bach e de que xa en 1989 foi nomeado como presidente nacional o economista José Luis Casas Villanueva.

A comezos da década de 1990 foi creada a "Confederación Española de Casas Regionales y Provinciales (CECRYP)", que representa a máis de 800 casas rexionais a través das diferentes federacións autonómicas e provinciais.

AE-ES-FMSG · Corporate body · 1968-04-20 ata a actualidade

Esta asociación foi creada o 20 de abril como unha entidade federativa formada polas entidades máis destacadas da colectividade galega espallada polo mundo.
No seu Regulamento social deixan constancia da que fundan unha sociedade de carácter asistencial, cultural e benéfico-social, cos seguintes fins: estudar os problemas de tipo xeral que poidan plantexarse a todas as sociedades, centros e entidades, de calquera clase, que agrupen a galegos residentes fóra de Galicia; elaborar plans máis convintes encamiñados á solución dos seus problemas; promoción e fomento de relaciones cordiais de todas as sociedades, centros e entidades galegas, entre sí e cos organismos e entidades, públicos o privados, de calqueira rango ou xurisdicción; promoción e orientación na creación e funcionamento de novas sociedades galegas nas localidades donde se consideren de interese polo número de galegos alí residentes; convocatoria de Congresos para o estudo dos problemas que plantexe a nosa emigración; organización de seminarios técnicos, publicacións, simposios, concursos, etc.; organización e promoción de grupos folklóriocs, masas corais, grupos teatrais, visitas de conferenciantes, exposicións de arte dos propios emigrados, actuacións culturais, etc. entre os galegos de fóra de Galicia, facilitando o intercambio con outras actividades de igual tipo; participación -e organización de cursos de orientación, formación dirixidos aos emigrantes; relacionarse a nivel institucional cos organismos pertinentes para o cumprimento dos fins desta Federación; información ás sociedades, centros e entidades galegas sobre:

  • evolución industrial, comercial e postos de traballo e outros aspectos de Galicia, en relación cos fins asistenciais, culturais ou benéfico-sociais propios da Federación
  • particularidades da lexislación, como son: contratos de traballo, convenios de seguridade social, bolsas, intercambio cultural, campamentos xuvenís etc.
  • beneficios aos que o emigrante poida acollerse e xestión, no seu caso, de todos aqueles que foran consecuencia de canto dispón o "Patronato de Protección al Trabajo" ou organismos similares.
    Son fundadores desta entidade: Dende Arxentina: Fausto Álvarez y Álvarez, pola "Casa de Galicia" de Bos Aires; Eduardo Blanco-Amor e Francisco Fernández del Riego polo "Centro Gallego de Buenos Aires"; Eugenio López y López por "Hijos del Ayuntamiento de Maside"; Manuel Esperón Landín por "Hogar Gallego para Ancianos"; dende Brasil: Pascual Núñez Arca por "Casa de Galicia de Sâo Paulo"; dende Cuba: Juan Lado y Lado por "Hijos del Ayuntamiento de Sarria"; Luis Fernández Rodríguez por "Naturales de Ortigueira"; Antonio Alvarez y Alvarez e José Rodríguez Vázquez por "Sociedad Cultural Rosalía de Castro"; dende Chile: José Domínguez Diéguez e Leopoldo Fernández pola colectividade galega de Santiago de Chile; dende España: Matías González Chas, José Manuel Liaño Flores, polo concello da Coruña; Francisco Rodríguez Jijirey polo concello de Santiago; Miguel Pérez Fernández-Simán, pola "Casa de Galicia de Valladolid" e o "Centro Gallego de Salamanca"; Manuel R. García Martínez polo "Centro Gallego de Barcelona"; Antonio Vázquez Guillén, Fausto García Rodríguez, Alfonso Varela Canido polo "Centro Gallego de Madrid"; José Antonio López Martínez polo "Centro Gallego de Ponferrada"; Venancio Novo García, José Manuel Liaño Flores, Isabel Martínez Barbeito, Luis Sánchez Mosquera, Manuel García Berenguer, Logita Ponte Patiño, Ricardo Castro Caruncho, Manuel Figueirido Feal, Rodrigo Gómez Fernández; dende México: Vinicio Vilares Andión polo "Centro Gallego de México"; José Luís Méndez Ferrín e Jesús Alonso Montero polo "Padroado da Cultura Galega"; dende Uruguai: Rafael Castro Marrozos por "Alma Gallega de Montevideo"; José Torres Hermida e José Guerrero Misa pola "Casa de Galicia de Montevideo"; Rafael Castro Marrozos e Luís Sánchez Mosquera polo "Centro Gallego de Montevideo"; dende Venezuela: Jesús Cornide Pérez de "Hermandad Gallega de Caracas".
Centro Gallego de Alicante
AE-ES-CGAli · Corporate body · 1977-05-27 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes galegos residentes en Alacante foi constituida e recoñecida legalmente o 22 de maio 1977, pero comezou a funcionar de maneira continuada, organizando actividades e cunha sede social propia no ano 1986. Son presidentes de honra desta entidade Enrique Penedo Domínguez e José Luís Iglesias Sequeiros.
Entre os fins da sociedade destacan: "Fomentar entre todos os asociados de Galicia en Alacante, o amor á Patria a través do amor a Galicia; procurar o nivel cultural de todos os socios, e facilitarlles no posíbel os medios educativos e de recreo, prestando asistencia moral e material aos máis necesitados, sexan ou non socios".
Organizan e celebran o Día de Santiago e o Día das Letras Galegas. En 1991 crearon un grupo folclórico de baile galego e coro. En 1990 editan por vez primeira unha revista social como voceiro das actividades que organiza a entidade.

Centro Gallego de Salamanca
AE-ES-CGSal · Corporate body · 1957-05-27 ata a actualidade

O Centro Gallego de Salamanca foi fundado o 27 de maio de 1957. A institución xurdiu pola inquietude dun numeroso grupo de estudantes galegos que recibiron o apoio e o respaldo de distintas autoridades locais, de orixe galega, que neses momentos desempeñaban os seus cargos en Salamanca, como era o caso de José Luís Taboada García, quen exercía de gobernador civil da provincia por aquela época. As primeiras reunións para concretar a formación da entidade fixéronse nos baixos dunha cafetería e a elas acudían unha trentena de galegos. O concello facilitoulles o enderezo dos galegos residentes na cidade (que non chegaban ao millar), a partir dunha petición dos membros destas primeiras asambleas.

A primeira Asamblea Xeral, á que acudiron prensa e radio locais, fíxose nos locais da Sociedad Musical Filarmónica, con cuxa directiva acordaron o traspaso do local, que a partir dese momento pasou a ser a nova sede social do Centro Gallego. Desde o primeiro momento existiu unha gran sintonía entre os membros da institución e a cidadanía, xa que gran parte dos socios estaban moi implicados na vida social da cidade. Por outra parte, ó crearse unha sección de socios simpatizantes, eran moitos os salmantinos que formaban parte desta sociedade. En consecuencia, ao Centro Gallego, sempre se lle considerou en Salamanca como unha institución galega enormemente ligada ás actividades sociais da mesma.

Nos primeiros anos organizaban moitos bailes con orquestra (bisemanais), cobrando aos non socios unha pequena cantidade; tamén facían distintas rifas nas que participaban os socios, pero coa instalación dun bingo, fonte principal de financiamento do centro, a súa situación económica melloraría considerablemente permitíndolle mercar unhas instalacións máis completas. No ano 1982, coincidindo co seu 25º aniversario, adquiriron unha parcela chamada Finca “El Juncal” situada a 4 kilómetos de Salamanca, no lugar de Villamayor de la Armuña co obxectivo de destinala a zona deportiva e así atraer á xuventude ao centro. A extensión aproximada é duns 18.000 m2, na que se conta cun edificio e unha zona de arborado. Dende 1990 teñen local social en propiedade no que dispoñen de restaurante, salóns de usos múltiples para exposicións e conferencias, bar de socios, sala de xogos (para cartas, axedrez, dominó, etc), gran salón, sala de prensa e unha importante biblioteca con máis de 4.000 volumes.

A este centro foille recoñecida a condición de galeguidade o 3 de marzo de 1988. A entidade é membro da Federación de Centros Gallegos de Castilla y León.

O Penedo Fogar Galego
AE-ES-Pene · Corporate body · 1983-05-03 ata 2009

Esta asociación cultural foi creada no ano 1983 por un grupo de galegos residentes na cidade condal, liderados por Yolanda Díaz Gallego, a súa primeira presidenta e membro da directiva dende entón; destaca tamén outro dos seus directivos Antón Gómez Reino no seu gran labor en pro da asociación.
Nos seus primeiros estatutos aparecen os obxectivos prioritarios: Promover e difundir todos os valores de Galicia, da súa arte, da súa lingua e da súa cultura, así como as súas tradicións e costumes populares; realizar actos de axuda ou beneficencia a persoas que poidan necesitalo xustificadamente; servir de encontro aos seus socios, establecendo e fomentando entre eles relacións de amizade e cordialidade.
Organizan conferencias, concursos literarios, ceas-festa, bailes infantís, exposicións de pintura, etc.
Teñen un grupo folk de música celta "Mesuñanza", formado por 6 membros, editan unha "Carta-boletín", que sae o primerio venres de cada mes, co gallo da cea-xuntanza de todos os socios, e o boletín anual "O Mencer".

AE-ES-AGAlbo · Corporate body · 1992-05-02 ata a actualidade

Esta entidade cultural galega en Cataluña foi fundada por un grupo de emigrantes galegos residentes na localidade barcelonesa de La Llagosta o 2 de maio de 1992. Entre as súas finalidades (recollidas no seus Estatutos sociais de 1994) destacan: conservar e protexer a cultura galega dende os seus orixes e facilitar a comunicación e o contacto cultural entre os galegos residentes en Catalunya; ensinar, facilitar e fomentar o coñecemento do folclore galega a través de cursos monográficos; fomentar as actividades deportivas, recreativas e benéficas que teñan por obxecto a convivencia e a unión entre todos os galegos.
Organizan diversas actividades culturais e recreativas como a "Festa Galega" na honra de Santiago Apóstol que levan a cabo dende 1998 e da que editan un folleto no que aparece o programa festivo, con conferencias, representacións teatrais, actuacións de grupos folclóricos galegos, etc.

AE-ES-Toxos · Corporate body · 1977 ata a actualidade

Esta asociación cultural e artística foi creada por iniciativa de Xosé Lois Foxo no ano 1977 como unha escola coa filosofía de ensinar, difundir e prestixiar a música, a danza e a lingua galegas. Un grupo de estudiantes galegos na capital catalana reuníronse no restaurante "Sporting" propiedade dos irmáns Pedro e Xosé Luís López Fraga, que cederon gratuitamente o seu salón para crear esta entidade a favor da gaita e baile galegos. Foi tal o seu éxito que tiveron que deixar de reunirse no restaurante do barrio de Grácia e buscar un local máis espacioso. O 26 de marzo de 1983 constituíuse como Asociación Cultural Amigos da Gaita ‘Toxos e Xestas’ nun local en Fonrt-Trobada, cos seguintes obxectivos: "la promoción y difusión de la música y danzas gallegas, así como la organización de actividades artístico-culturales. Organizará cursillos de enseñanza de música y danza gallega, conferencias, sesiones de trabajo, proyecciones, concursos y actos de carácter análogo ..." (Estatutos, 1983).
Anos despois pasou a compartir dependencias co Ballet Contemporani de Barcelona no barrio de Sants.
Ao longo dos seus anos de existencia foron moitas as obras desenvolvidas por esta institución a prol da nosa cultura, patentes especialmente no ensino da música e bailes galegos, destacando a formación de gaiteiros. Constitúe un modelo a imitar a outras moitas agrupacións que xurdiron en Catalunya, Galicia e outras partes do mundo ...
Organizan concursos de composicións musicais para gaita galega: certame que marca un fito na historia da gaita galega, especialmente como base de protección social do instumento nacional de Galicia como instrumento de masas. Pola súa escola pasaron máis de 15.000 alumnos.
Contan cunha banda de gaitas da Escola de Gaitas e danzas galegas Toxos e Xestas, formada por 48 músicos, con actuacións en Cataluña e Galicia e numerosos premios no seu haber. O grupo de baile está composto de 5 subgrupos cun total de 67 compoñentes. O grupo de "Pandereteiras" está formado por 15 alumnos.

AE-ES-CGBiz · Corporate body · 1901-06-24 ata a actualidade

Esta sociedade creada o 24 de xuño de 1901 por un grupo de galegos residentes en Barakaldo naceu como unha entidade de protección aos socios, creando unha caixa de socorros que servían para paliar as necesidades dos enfermos e parados. Entre os seus fundadores destacan Ricardo Alvárez, como primeiro presidente social; José Quiroga, Tomás Villamil, Silverio Escobar, Ramiro Vieira Durán, Antonio López López, Manuel Fernández Rodríguez.
Pouco a pouco e nos anos 40 empezaron a primar as actividades culturais e recreativas ata a actualidade que seguen unha política de priorizar a participación dos socios máis novos da entidade.
En xullo de 1962 crean o grupo de danza e músuca galega "Doces Lembranzas".
Entre as diversas actividades celebran o Día da Patria Galega e a Semana das Letras Galegas, o Antroido e o Magosto. Organizan a "Mostra do Libro, Disco e Cerámica Galega". Convocan o premio literario "Breogán" e organizan cursos de lingua galega e euskera. Na súa sede social imparten conferencias e exposicións.
Manteñen algunhas actividades de tipo benéfico, como axudas económicas a galegos, sexan socios ou non, que estén necesitados, e para iso teñen unha comisión investigadora para avaliar cada caso concreto.
Dende 1981 editan a revista social "Vagalume"; como boletín da xente máis nova da entidade publican en 1989 "A Catrapola" e en 1987 comezan a editar "O Xistral".

AE-ES-IrCGEus · Corporate body · 1985-12-08 ata a actualidade

Este centro foi creado o 8 de decembro de 1985 por varias entidades de emigrantes galegos residentes en Euskadi: "Centro Gallego de Vizcaya" de Baracaldo; "Centro Gallego de Eibar"; "Centro Gallego de Ermua"; "Centro Gallego de Llodio"; "Centro Gallego de Victoria"; "Casa Cultural de Galiza" de Elgoibar; "Casa de Galicia" de Ondárroa; "Casa de Galicia" de San Sebastián; "Casa de Galicia" de Santurce; "Agrupación Hijos de Galicia" de Sestao; "Sociedad Cultural Carballeira de Zarauz"; "Casa de Galicia" de Bilbao.
Nos seus estatutos declaran como obxectivo prioritario a promoción e establecemento de nexos de unión e cooperación entre estas sociedades; salvagardar os intereses de todos e cada un dos compoñentes, colaborando colectivamente na resolución dos problemas; promover o coñecemento de Galicia (lingua, cultura, historia, xeografía, folclore, gastronomía, costumes e demáis pecualiaridades).
Conxuntamente celebran cada ano o Día de Galicia en Euskadi, organizando diversos actos culturais e festivos que serven de unión entre a colectividade galega.

Centro Gallego en Álava
AE-ES-CGAla · Corporate body · 1955-09-23 ata a actualidade

Este Centro Galego constituise o 23 de setembro de 1955 por un grupo de galegos residentes en Áraba coa finalidade de "crear na capital alavesa unha continuación espiritual e irmanamento dos galegos no culto a España e ao recordo vivo a Galicia; dar a coñecer Galicia na súa dobre versión espiritual e material, velar polo benestar dos seus fillos e estudiar, á vez os costumes e a cultura peculiar do pobo no que vivimos, ao que debemos hospitalidade, para a mellor harmonía co mesmo".

Dende 1985 o centro forma parte da "Irmandade de Centros Galegos en Euskadi".

Esta asociación celebra festividades galegas como o Día do Apóstolo ou o Día das Letras Galegas e festas relacionadas coa presencia galega no País Vasco como o "Día de Galicia en Euskadi" e o "Día de las Casas Regionales en Álava".

Contan cun grupo folclórico galego creado en 1946, e formado por 31 músicos. Organiza bailes, reunións de irmandade de centros, conferencias, comidas e diversos actos culturais nos que interveñen os seus grupos de teatro e folclóricos.

AE-ES-SCarb · Corporate body · 1979-01-06 ata a actualidade

A iniciativa de crear un centro galego en Zarautz xorde dun grupo de galegos que quedaban os venres para cenar.

Segundo o artigo nº 2 dos seus Estatutos de 27 de novembro de 1980 o seu único obxectivo é proporcionar aos socios un lugar de reunión e contar con medios de instrucción adecuados, como lectura de prensa, obras literarias, etc. No artigo nº 3 especifican o resto de actividades que se permitirán: toda clase de xogos que sexan lícitos, así como todo xénero de distraccións que non atenten contra a urbanidade, o decoro, educación e respecto ás propias persoas.

No seu local social contan con dous comedores, cociña, bodega, oficina, etc. Contan cun grupo folclórico, celebran o Día das Letras Galegas e unha festa societaria o día do Apóstolo Santiago e colaboran con outros centros ou sociedades para recadar fondos con carácter benéfico.

AE-ES-CofQ · Corporate body · 1992-06-24 ata a actualidade

Durante unha cea na Casa de Galicia, o José Antonio Vilavoa e unha ducia de galegos decidíronse a crear unha confraría, que na actualidade está formada por políticos, médicos, cociñeiros, etc.

É unha asociación de tipo gastronómico, de clara inspiración Jacobea y peregrina, que pretende difundir a gastronomía galega. Tamén ten carácter recreativo e cultural. Segundo o artigo nº 2 dos seus Estatutos, aprobados o 25 de xullo de 1992, trata de promover:

  • O coñecemento de Galicia, a súa lingua e cultura, a gastronomía, a historia, costumes e demais peculiaridades xenuínas.
  • Dar a coñecer a Queimada, ensinar a preparala e promover concursos, festas e actos, tanto literarios como musicais que realcen os costumes xenuínos de Galicia.
  • Promover e establecer nexos de unión entre os galegos afincados en Euskadi.
  • Impulsar e favorecer o mutuo coñecemento, respecto, comprensión e colaboración entre as Autonomías de Euskadi e Galicia.
  • Apoiar toda actividade a prol de Galicia sempre que a súa finalidade sexa acorde co espírito desta Asociación.

Fan un “Capítulo Anual”, o 1º domingo de decembro, onde nomean confrades a 6 ou 7 persoas destacadas. Nesta celebración destacan unha serie de actos:

  • Desfile de Confrades.
  • Misa-ofrenda, con actuación do grupo de Gaitas.
  • Procesión vestidos de confrades.
  • Visita do alcalde de San Sebastián.
  • Investidura de confrades.
  • Actuación Coral e clausura do Capítulo.
  • Capítulo Gastronómico con productos galegos e Gran Queimada.

Asisten a tódolos “capítulos” das outras confrarías e están afiliados á "Cofradia Gastronómica do País Vasco" e asociados á Federación Cofradías Gastronómicas (FECOGA).