Showing 1783 results

Authority record
AE-AN-CaGa · Corporate body · 1994-04-29 ata a actualidade

Esta asociación foi creada por emigrantes galegos que residen en Andorra no ano 1994 baixo os auspicios de Manuel Fernández Boán.

Os seus fins están recollidos nos seus primeiros Estatutos, do mesmo ano:

  • Promover contactos e actividades destiñadas a fomentar o coñecemento da cultura e do folclore dentro do Principado
  • Facilitar a comunicación e contactos culturais entre todos os galegos residentes en Andorra
  • Enriquecer culturalmente á comunidade galega abrindo a súa propia cultura á do Principado sen discriminación de ningunha clase para fomentar a solidariedade cultural entre todos os pobos
  • Ensinar, facilitar e fomentar o coñecemento do folclore e a cultura galegos a través das diferentes actividades que se leven a cabo
  • Fomentar actividades deportivas, recreativas e benéficas que teñan por obxeto a convivencia entre todos os galegos
  • Prestar apoio e orientación ós galegos que, pola súa condición de emigrantes, o necesiten.

O 12 de outubro de 1994 concedéuselles a personalidade xurídica.

Publican a revista "Bolboreta" e organizan diversas actividades de carácter cultural como a celebracións do Día das Letras Galegas, o Antroido, Magostos ou o Día de Galicia; actos festivos como romarías e actuacións folclóricas e culturais e actividades deportivas como a práctica do futbol-sala.

AE-HO-GAiri · Corporate body · 1983-10-09 ata a actualidade

A asociación foi creada en outubro de 1983 por un grupo de galegos residentes en Rotterdam. A idea orixinal era a de agrupar nela a tódolos galegos, españois e “simpatizantes” das costumes, cultura e folclore galego. A inauguración oficial tivo lugar o 16 de xuño de 1984.

Os seus primeiros Estatutos, redactados en castelán, datan do 20/12/1983. No artigo nº 2 indica que ten como finalidades:

  • Organizar excursións, charlas informativas, coloquios e lecturas.
  • Proxectar películas e diapositivas de carácter informativo.
  • Promover a formación de grupos teatrais e folclóricos.
  • Organizar toda crase de actividades e acontecementos para os seus socios.

Conta cun grupo de danzas, Airiños da Terra, e cun grupo de gaitas, Irmáns Bellón, fundados en 1984. Imparten clases de música e gaita e organizan conferencias e lecturas de temática galega.

O idioma oficial da asociación é o galego “sin perjuicio que toda aquella persona que no hable esta lengua, pueda hacerlo en la suya propia” (art. 3).

AE-FR-ClubDOE · Corporate body · Década 1960 ata a actualidade

Esta asociación foi creada por un grupo de emigrantes galegos e españois residentes na localidade francesa de Annecy a finais dos anos 60.

Fundada coa finalidade de que os seus descendentes puideran practicar fútbol nas mellores condicións e participar nas competicións oficiais o clube foi ampliando o campo de actividades co paso do tempo con dous preocupacións fundamentais: preservar e fomentar a cultura de orixe e a lingua materna, e seguir de cerca os principais eventos e a evolución de España.

Forma parte da "Federación de Asociaciones y Centros de Españoles Emigrantes en Francia" (FACEEF).

AE-SU-CGZug · Corporate body · 1991 ata a actualidade

O Centro galego de Zug “ A Nosa Terra” foi fundado no ano 1991. Naceu da necesidade de ter un espazo que os achegara á nosa terra a pesar da distancia física, un lugar común onde poder desenvolver as súas actividades sociais e culturais.

Ata o ano 1995 non dispuxeron dun local propio, mais isto non supuxo impedimento para crear o grupo folclórico “A Nosa Terra”, así como tamén un equipo de fútbol, co mesmo nome.

O 15 de Xuño do ano 1996 inaugúrase o local de Sumpfstrasse, Steinhausen, grazas a xenerosa participación económica e os traballos realizados polos socios. No ano 2000 cambiaron a un local en Cham, onde estiveron ata o 2007. E foi nese mesmo ano no que tornamos a Steinhausen, nun local novo, amplo e axeitado para as súas necesidades.

Impartiron cursos de galego, alemán, informática, cociña… e conferencias de diversos temas, aínda que sempre relacionado co mundo da emigración, o retorno, a vellez, etc. Celebran o Día Das Letras Galegas, o Magosto e romarías.

O Centro ten como finalidades primordiais:

- Desenvolver todos os medios posibles, no sentido da afirmación da lingua, da arte e da cultura do pobo galego, así como dos seus valores nacionais.
- Fomentar, promocionar e divulgar as actividades culturais e deportivas entre os membros da entidade.
- Apoiar e prestar axuda, moral e social, ós galegos da zona de Zug, nos problemas con que se poidan atopar dada a súa condición de emigrantes, contando sempre coa axuda da Xunta de Galicia.
- Fomentar a práctica do deporte, como elemento integrador da xuventude.
- Ser un punto de encontro para os galegos falantes e demais linguas cooficiales españolas.

Dende 1992 publican o Boletín Informativo "A Nosa Terra”.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Centro Gallego de Winterthur
AE-SU-CGWin · Corporate body · 1973-04-01 ata a actualidade

No ano 1973 fundouse o Centro Galego coa idea de reunir a tódolos galegos residentes en Winterthur. Estaban abertos a todas aquelas persoas que simpatizaran coa cultura galega e que estiveran dispostas a colaborar cos seus obxectivos:

  • Honrar a Galicia
  • Desenvolver actividades culturais, sociais e recreativas

No seu local en propiedade, inaugurado o día 9 de outubro de 1992, dispoñen de oficinas, despacho, sala de reunións, biblioteca, sala de xogos, bar e almacén.

Organizan cursos de lingua galega e alemán, clases de danza e gaita, conferencias, proxección de vídeos, mesas redondas... Dende 1990 contan co grupo de danzas e gaitas "A Xesta" e dende 1992 publican o boletín "Xuntanza". Contan tamén con varios equipos de fútbol cos que participan en diversos campionatos.

Os seus Estatutos, redactados en castelán, indican que os cargos de presidente e vicepresidente están reservados a galegos (artigo 17b).

Centro Gallego de St. Gallen
AE-SU-CGSa · Corporate body · 1971-10 ata a actualidade

O centro fundouse a primeiros de outubro de 1971. O seu fundador foi Antón Couceiro Beade, mestre chegado no mes de setembro para impartir clases de Lingua e Literatura Españolas aos fillos dos emigrantes. Couceiro decátase axiña de que a maioría dos emigrantes procedentes do Estado español en St. Gallen e bisbarra son galegos, polo que poñéndose á cabeza dun grupo deles, deciden fundar unha sociedade galega.

Os comezos da sociedade foron díficiles. Couceiro, de ideas nacionalistas, foi acusado de comunista por outros socios, porque a circular que enviou para a convocatoria dunha Asemblea estaba escrita en galego, polo que viuse obrigado a pedi-lo seu traslado a España. A sociedade estivo a piques de desaparecer cando no ano 1975, debido a que algúns dos seus membros fundadores decidiron o pasamento do Centro. Pero nese intre fixose cargo da sociedade Nicolau Torea, que con grande esforzo conseguiu sacala da súa maior crise.

No ano 1996, na conmemoración do XXV aniversario da sociedade, dos máis de douscentos socios fundacionais só quedaban tres: Felicindo Barbazán, Domingo García e Nicolau Torea.

O Centro Galego naceu coa idea de ser o aglutinador dos galegos de St. Gallen e a súa bisbarra, e o mesmo tempo desenvolver todo tipo actividades a prol da cultura e da lingua galega. Os seus Estatutos, redactados en galego, sinalan ademais:

  • Desenrolar actividades culturais, artísticas e conferencias sobre temas preferentemente galegos.
  • Facilitar medios educativos e de recreo os socios
  • Prestar asistencia moral e material aos galegos que o necesiten (sexan ou non socios).

A súa sede social conta cun local destinado a bar e tamén para “xoga-la partida”, sala de xuntas (que fai tamén a función de comedor para banquetes nalgunha efeméride da sociedade), cociña con despensa, secretaría, biblioteca e outras dúas dependencias menores para almacén e trasteiro. Ademais, a sociedade aluga para as grandes actividades
pavillóns de deportes e salas de grande capacidade en hoteis.

Conta co grupo folclórico "Lembranzas", organizan recitais de poesía galega, conferencias, celebran o Día das Letras Galegas e unha romería polo Día de Galicia e organizan torneos de fútbol.

Promoción da Cultura Galega
AE-SU-PCGal · Corporate body · 1975-01-01 ata a actualidade

Foi creada no 1975 por unha ducia de socios.

Tratase dunha asociación sen fins de lucro, cuxos obxectivos aparecen reflexados nos seus Estatutos, aprobados en maio de 1985 e redactados en galego:

  • Xuntar a os galegos de Zürich e comarca.
  • Desenrolar actividades culturais, deportivas, folclóricas e de recreo.
  • Divulgar as costumes e a cultura galegas.

No ano 1980 puxeron en marcha o Grupo de Danzas e Gaitas “Retrincos”. En 1983 fundaron un grupo vocal de cantigas enxebres e a “Charanga Fiadeiro”. En 1987 crearon o grupo de teatro galego "Compañía de Teatro Cultura Galega" e tamén un conxunto de música-moderna, chamado “Galegos”. En 1988 o equipo de fútbol Celta de Zürich integrouse na sociedade.

Publican o Boletín "Promoción de Cultura Galega de Zürich", celebran o Día das Letras Galegas, o Entroido e o Día da Patria Galega, organizan torneos de fútbol e maratóns.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Sociedade "A Nosa Galiza"
AE-SU-NGal · Corporate body · 1967-01 ata a actualidade

Durante o ano 1966 un pequeno grupo de galegos reuníanse todos os domingos no "Foyer Cervantes" baixo o nome de "Centro Galego de Xenebra", aínda que a súa idea era crear un centro diferente aos que xa existían noutras cidades suízas. En xaneiro de 1967 fundan unha entidade con este nome, coa pretensión de crear unha asociación que dignificara e revalorizara o galego. A sociedade queda entonces constituída con setenta socios.

Nos seus Estatutos, aprobados en xuño de 1973 e redactados en galego, aparecen recollidos os obxectivos sociais: Teimar o achegamento de todos os galegos e mais o seu desenrolo no vindeiro encol dos ideais, e arnaxes propios de Galicia; defensa e espallamento da lingua galega; desenvolvemento de todas as actividades de orde cultural, artístico ou de folguedo, a prol dos obxectivos desta sociedade; promoción das relacións e posibles traballos en común con outras sociedades da Suíza ou doutros países, cuxos obxectivos non sexan contrarios ós de A Nosa Galiza.

Entre as actividades culturais que organizan está o programa de radio "Galicia Sempre" creado o 15 de decembro de 1985 na emisora de radio Geneve Informations e dirixido por Carlos Díaz. Ademais sosteñen unha escola de gaitas e percusión, donde ensaia o seu grupo folclórico "A nosa Galicia" creado en 1981 e tamén contan cun grupo musical de "Xóvenes A Nosa Galiza" con rondalla e grupo de gaitas; así como un grupo de teatro formado polos socios. Organizan ciclos de conferencias e coloquios, representacións teatrais, campeonatos de axedrez e futbol, excursións e bailes, todos eles enmarcados nas celebracións da Quincena Cultural Galega, do Día das Letras Galegas e do Día de Galicia. Editan dende a súa fundación o boletín social "Semente".

A Sociedade “A Nosa Galiza” manten unha intensa actividade social e cultural en beneficio da colonia galega en Xenebra. Proba diso é a súa participación activa en diferentes organismos, como a Federación mundial de Sociedades Galegas (FMSG), a Federación de Sociedades Galegas na Suiza (FSGS), da que actualmente non forma parte pero da que antaño asumíu a Secretaría Xeral e a Secretaría de Cultura.

AE-VEN-CGBar · Corporate body · 1963-11-26 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa e benéfica foi creada por un grupo de emigrantes galegos residentes na cidade venezolana de Barquisimeto para defender e divulgar os valores autóctonos, espirituais e históricos de Galicia; a irmandade e protección de todos os seus fillos, ademais de estabelecer relacións cordiais e intercambios culturais coas demais asociacións galegas.
O centro celebra anualmente a "Feira do Pulpo", o Día de Santiago Apóstolo, o Día da Raza, Fin de ano e Reis. Organizan actividades deportivas e asistenciais, coa recollida de fondos para axudar aos anciáns galegos que queran retornar a Galicia.
Teñen sede propia e contan cun grupo de danzas e gaitas chamado "Carballeira" formado por 6 gaiteiros e un corpo de baile, "Semente da Terra", integrado por 15 membros.

Andaina
Corporate body · 1995-

A revista "Andaina" inicia a súa publicación en 1983 mais a Asociación Cultural Andaina de Mulleres inicia a súa actividade en 1995.