Cesáreo Saco López, nado en Ousende (O Saviñao) o 9 de decembro de 1905 e finado en 1994, foi un avogado e político galego.
Ingresou canda o seu irmán Camilo no Seminario Menor de Monterroso. En 1919 pasaron ao Seminario Maior de Lugo onde fixeron catro anos de estudos eclesiásticos. Cara a 1923 deixan o Seminario e pasan a estudar o Bacharelato no Instituto de Lugo. En 1928 trasladouse a Ourense para traballar como profesor ao tempo que estudaba na Escola Normal, onde obtivo o título de mestre en 1933. Ingresou no Partido Galeguista en 1931. Aprobou as oposicións ao Maxisterio en 1934 e despois duns meses destinado en Palas de Rei, obtivo destino na escola de Ousende. Foi presidente das Mocedades Galeguistas e do PG de Monforte de Lemos. Durante a Guerra Civil foi encarcerado, xunto ao seu irmán Camilo, e desenvolveron un intenso labor pedagóxico entre os presos. En 1940 dedicouse ao ensino privado en Monforte de Lemos. En 1944 foi detido e confinado en Bóveda por un ano e en 1946 tivo que fuxir de Monforte debido a unha nova orde de detención, pero foi apresado en Madrid, xunto con Ramón Piñeiro, e encerrado no cárcere de Alcalá de Henares, no que permaneceu ata 1948. As clases de galego que deu aos presos en 1947, no cárcere de Yeserías, son as primeiras das que se ten constancia en toda a historia da lingua[1]. Despois da súa posta en liberdade, rematou a carreira de Dereito na Universidade de Oviedo e asentouse en Monforte como avogado. Participou na fundación do Partido Socialista Galego (1963) e na sociedade cultural Escola Aberta (1978). Nas municipais de 1979 encabezou a candidatura de Unidade Galega á alcaldía de Monforte e resultou elixido concelleiro. Recibiu o Pedrón de Ouro en 1986. REVISAR (Enciclopedia galega)
Valentín Paz-Andrade naceu en Pontevedra en 1898 e morreu en Vigo en 1987. Foi xurista economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista.
Participou na fundación do Partido Galeguista e colaborou na campaña polo Estatuto de Galicia en 1936 e tamén participará como senador durante a transición.
Como escritor, colaborou para importantes publicacións como A Nosa Terra, Grial, Faro de Vigo, La Vanguardia ou El País e chegou a dirixir o xornal Galicia. Diario de Vigo e a revista Industrias Pesqueras. Tamén escribiu ensaios, poesías e novelas, salientando obras como "Pranto Matricial" (1954), "Principios de economía pesquera" (1954), "Sementeira do Vento" (1968), "A galecidade de Guimarães Rosa" (1975), "Cen chaves de sombra" (1979) e "Castelao na luz e na sombra" (1982), algunhas delas traducidas ao castelán e ao portugués. Alén disto, tamén participou na Comissão Galega do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa.
Tamén exerceu unha grande influencia no eido empresarial e industrial, especialmente relacionados coa pesca, como a asesoría en asuntos fiscais e xurídicos da sociedade de armadores de Bouzas La Marítima, o seu ingreso na FAO en 1951 como asesor en materia de explotación de recursos pesqueiros ou a creación de Pescanova S.A. en 1960.
Entre outros recoñecementos, foi nomeado membro da Real Academia Galega (1964) e da Real Academia Galega de Ciencias (1985), e foi galardoado co Pedrón de Ouro (1975), a Medalla Castelao (1984) e o Premio Trasalba (1986). Foi homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2012. A "Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía", aprobada polo Parlamento de Galicia o 24 de marzo de 2014 a raíz dunha iniciativa popular, é coñecida popularmente como Lei Paz-Andrade, pola súa postura a prol da reaproximación entre as normas escritas galega e portuguesa. E tamén recibe o seu nome o Premio Valentín Paz-Andrade de investigación en economía de Galicia, convocado anualmente desde 2014 polo Consello Económico e Social de Galicia e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC.