Amosando 1783 resultados

Rexistro de autoridade
AE-AR-TuiSal · Entidade colectiva · 1976-01-01 ata a actualidade.

Esta sociedade foi creada pola fusión das sociedades de emigrantes "Centro protección agrícola del distrito de Salceda" e "Casa de Tuy", auspiciada polos directivos Luis e Omar González e Alfredo Estévez (primeiro presidente da nova entidade). Nos meses seguintes integraránse as sociedades de "Hijos de Chantada", "Pontecaldelas", "Carral" e "Becerreá".
Nos seus estatutos sociais declárase como fins primordiais: "fomentar a unión e axuda recíproca entre os seus asociados para satisfacer as súas necesidades; prestar servicios funerarios; otorgar subsidios ou empréstimos aos asociados; proporcionar servizos de asistencia médica integral, farmacéuticos, de proveeduría, recreación, turismo, culturais, etc.; establecer un fondo compensatorio para a xubilación; etc.".
Na actualidade, as súas actividades céntranse case exclusivamente na axuda mutual e a realización de actos culturais e recreativos para os socios como excursións, festas campestres, conferencias ou cursos de danzas folclóricas galegas e de instrumentos típicos.

UDEGA
Entidade colectiva
Unidos de Fonsagrada y Baleira
AE-AR-UFonBal · Entidade colectiva · 1939-10-08 ata 1943, ano no que se integra no Centro Lucense de Buenos Aires.

Esta entidade foi creada pola fusión das sociedades "Unidos de Fonsagrada y sus distritos" e "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira".
Organiza diversos festivais para conseguir fondos para enviar a Galicia e axudar ás vítimas da guerra civil.
Finalmente esta entidade participará na creación do Centro Lucense de Buenos Aires en 1943.

Unidos de Fonsagrada y sus distritos
AE-AR-UFon · Entidade colectiva · 1936-04-19 ata 1939, ano no que se fusiona con "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira"

Esta entidade foi creada pola fusión das sociedades "Residentes del partido de Fonsagrada" con "Sociedad artística y recreativa orfeón Fonsagrada" no ano 1936 para xuntar esforzos cos que axudar ás vítimas da guerra civil que estaba asolando a súa terra natal.
En 1939 fusiónase coa sociedade irmá "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira" pasando a denominarse "Unidos de Fonsagrada y Baleira".
Finalmente no ano 1943 pasa a integrarse na sociedade provincial "Centro Lucense de Buenos Aires".

AE-AR-UAPor · Entidade colectiva · 1923 ata 1938-03-21

Esta sociedade fusiónase en 1938 coa sociedade "Fomento de Porriño y su distrito" e dan como resultado a "Sociedad residentes del municipio de Porriño".

Unión Barcalesa
AE-CU-UBar · Entidade colectiva · 1907-11-03 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada polos emigrantes naturais do Val de Barcala residentes en Cuba co obxectivo principal de «fundar una escuela en el punto más céntrico de Barcala, escuela en la que se proporcionará educación e instrucción a la niñez y juventud de ambos sexos», tal como se recolle na súa acta fundacional.
Foron socios fundacionais Romualdo Negreira Gosende —que sería nomeado presidente da nova entidade—, Manuel Pastoriza, Francisco Ferreiro, Aureliano Mouro, Ramón Negreira, José Negreira, Generoso Negreira, José M.ª Barbazán, Juan Suárez, Cipriano Casabiella, Segundo Negreira, Manuel Baña, José Leis, Manuel Negreira, José Negreira Gómez e Modesto Suárez.
Na súa andaina tivo outros presidentes como Juan Riveiro Barreiro (1910), Manuel Súarez (1911), Manuel Castiñeiras (1912), Juan Riveiro Barreiro (1914-1915), José Abelenda Riveiro (1918), Manuel Negreira Gosende (1927), Manuel Riveiro Barreiro (1929), Jesús Suárez Pastoriza (1931), Manuel Grille Tomé (1933), Juan Riveiro Barreiro (1934), Jesús Suárez Pastoriza (1935-1938), José María Pensado (1939), José Abelenda Riveiro (1940, 1950), José Manteiga Romarís (1953-1954), José Abelenda Riveiro (1955, 1958), Clemente Tuñas Suárez (1964, 1966, 1967) ou Rolando Pérez Palmero, que preside a sociedade desde 1969 ata a actualidade.
Xa nas primeiras reunións da directiva aproban a construción dunha escola no lugar de Campos (San Xián de Negreira). En 1909 viaxou unha comisión a Negreira para mercar o soar onde ía edificarse. Pero pronto as discrepancias dos socios sobre a elección do lugar onde ía ser construída a escola levarían a cambialo polo de Covas, no mesmo concello. Esta problemática na elección dos lugares onde se construirían as escolas provocou que moitos socios se desen de baixa, de 439 socios en 1908 pasouse a 227 en 1911. Finalmente, optouse polas parroquias con maior número de socios: San Vicenzo de Aro e San Xoán de Covas, do concello de Negreira, e no lugar de Seoane, na Baña.
Ata 1921 non comezaron as obras da primeira escola financiada pola sociedade, situada en Aro. Continuaron coa de Covas e xa na década dos 30 construíron a de Seoane. A todas elas acudían gratuitamente os alumnos «de clases pobres y menos acomodadas del Valle de Barcala y sus contornos, teniendo preferencia los familiares de los socios de la Unión Barcalesa».
Unha vez construídas as escolas, eran alugadas aos concellos, que as xestionaban. Tras a Guerra Civil, os edificios seguen a ser da súa propiedade, pero xestionados polo Estado como escolas unitarias.
Tamén tiñan o proxecto de construír un hospital comarcal, pero non o puideron levar a cabo por carecer de recursos financeiros. Durante os anos 20, participan activamente na vida local de Barcala, co apoio a diversas iniciativas, como a creación dun ferrocarril coa liña Bergantiños-Barcala-Santiago, a creación do xornal agrarista El Barcalés ou a campaña a prol da redención de foros do Directorio de Teis.
En 1930, inauguran no cemiterio Colón un panteón social.
En 1938, publican o seu primeiro regulamento social e cambian as súas finalidades, pasan a ser unha sociedade cultural e benéfica, sempre centrada na atención mutualista aos compatriotas residentes na Habana.
Esta sociedade segue a funcionar actualmente e mantén moi boas relacións co concello de Negreira e da Baña, berce dos seus fundadores, e coa sociedade barcalesa Alén Mar, que desde 1996 (ano da súa creación) traballa para conseguir fondos para as actividades da sociedade habaneira, axúdaos nos trámites coa Administración cubana e española, e manda, a través dos que se desprazan á illa, os medicamentos que dende alí máis solicitan.

Unión cultural de Monforte de Lemos
AE-AR-UMonf · Entidade colectiva · 1941-05-25 ata 1943, ano no que se integra no "Centro Lucense de Buenos Aires"

Esta asociación galega foi creada en maio de 1941 por un grupo de coterráneos dos distritos de Bóveda, Monforte, Pantón, Saviñao e Sober (provincia de Lugo) residentes na capital arxentina co fin prioritario de apoiarse mutuamente en caso de necesidade.
Entre os seus fundadores estaban Avelino Díaz, José Núñez Fernández e Julio Fernández (primeiro presidente social).
En outubro dese mesmo ano comezan a empregar a denominación "Unión cultural de la provincia de Lugo", cambio que foi aprobado polos seus socios en asemblea xeral do 15 de decembro.
O 7 de novembro de 1942 comezan as xestións para participar na creación dun novo centro de carácter provincial, o Centro Lucense (1943).