Amosando 1791 resultados

Rexistro de autoridade

Walter, Nora (1923-2001)

  • Persoa
  • (1923-2001)

Nacida en Alemaña en 1923, viviu en Dinamarca e Inglaterra ata o seu regreso en 1947. Entre 1961 e 1983 foi consultora na Friedrich-Ebert-Stiftung (FES), unha institución cultural privada sen ánimo de lucro fundada en 1925 como legado político do socialdemócrata Friedrich Ebert, primeiro presidente alemán elexido democraticamente. Dende 1968 participou nos seminarios socráticos organizados por Gustav Heckmann. Dedicou unha parte importante da súa vida á industria editorial, exercendo como coeditora da serie Sokratisches Philosophieren. De 1982 a 2001 foi vicepresidenta da Philosophisch Politischen Akademie. Finou en 2001.

Vivero y su comarca

  • AE-CU-Viv
  • Entidade colectiva
  • 1910-12-10 ata a actualidade

A primeira directiva desta sociedade estivo constituída por Justo Taladrid Catá, como presidente; Amando Cora, vicepresidente; Jesús Fernández, tesoureiro; Antonio Pernas Corral, vicetesoureiro; Tomás Ramos Riguera, secretario; e como vogais, Silvestre López Veiga, Ramón García Mon, Pedro Pernas, Eusebio Balseiro, Francisco Rodríguez, Antonio Pedreira, Ramón López, Benito Lage, Perfecto Cao, Luis Martínez, Manuel Cabaleiro e Segundo M. Timiraos. Foron socios de honra: José Rubiños, Marino López Blanco, José Soto Reguera e José María Riguera Montero.
Existían delegacións da sociedade nas principais localidades cubanas, como Matanzas, Guanajay, Guanabacoa, Caribarien, Sagua La Grande, Cárdenas, Güira de Melena, Cienfuegos, Santa Clara, Veracruz, Rodas e Pinar del Río; incluso, en 1912, quedou constituída unha delegación desta en Madrid.
Dende a súa fundación tivo como prioridade a creación de escolas en todas as parroquias do partido xudicial de Viveiro, de onde eran naturais a maior parte dos seus socios. Como sociedade de instrución, destacou no conxunto das entidades de emigrantes polo grande apoio económico e social que prestou na súa zona de orixe: custeou os gastos de construción de numerosas escolas, da compra de material docente, dos arranxos de edificios xa existentes ou do mantemento económico dun total de 57 escolas nas 49 parroquias que compoñían o distrito xudicial.
Aínda que esta actividade pro-instrutiva foi prioritaria para a sociedade de 1910 a 1923, tamén tivo outros fins de carácter mutualista e recreativo, segundo consta nos seus estatutos do ano 1911: así, por exemplo, propulsar, fomentar e estreitar a amizade entre todos os viveirenses, os seus descendentes e os cubanos, e prestarlles os auxilios morais e materiais aos que o precisasen. Moitas das súas actividades recreativas servían, ademais de para reunirse e gozar nas festas, para recadar fondos para enviar á súa terra natal.
Xa no ano 1912, a revista «Pro-Galicia», publicada na Habana, informa de diversos envíos da entidade a Galicia para mellorar as infraestruturas da súa comarca natal coa construción e mantemento de obras públicas; ao longo dos anos contribuíron con cartos á construción de estradas como a de Ourol, San Cibrao, A Silvarosa e Río Barba; tamén a ponte de Candamil, os portos de Celeiro, San Cibrao e O Vicedo, etc.
Polo seu labor a prol da educación e do desenvolvemento da súa terra, o 30 de abril de 1919 o Goberno español concedeulle a Cruz de Beneficencia de primeira clase e a honra de pasar a denominarse como Ilustrísima Sociedad Vivero y su Comarca. En 1969 recibiu tamén a Medalla de Oro al Mérito en el Trabajo en España.
Destacou tamén o seu labor publicitario coas edicións das revistas «El Vivariense» e «Vivero en Cuba».
Actualmente esta sociedade segue funcionando, mais como unha entidade mutualista e como centro de reunión dos socios; conserva o seu Panteón social no Cemiterio Colón.

Resultados 21 a 40 de 1791