Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Centro Gallego de Alicante

  • AE-ES-CGAli
  • Entidade colectiva
  • 1977-05-27 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes galegos residentes en Alacante foi constituida e recoñecida legalmente o 22 de maio 1977, pero comezou a funcionar de maneira continuada, organizando actividades e cunha sede social propia no ano 1986. Son presidentes de honra desta entidade Enrique Penedo Domínguez e José Luís Iglesias Sequeiros.
Entre os fins da sociedade destacan: "Fomentar entre todos os asociados de Galicia en Alacante, o amor á Patria a través do amor a Galicia; procurar o nivel cultural de todos os socios, e facilitarlles no posíbel os medios educativos e de recreo, prestando asistencia moral e material aos máis necesitados, sexan ou non socios".
Organizan e celebran o Día de Santiago e o Día das Letras Galegas. En 1991 crearon un grupo folclórico de baile galego e coro. En 1990 editan por vez primeira unha revista social como voceiro das actividades que organiza a entidade.

Centro Gallego de Avellaneda

  • AE-AR-CGAv
  • Entidade colectiva
  • 1899-10-22 ata a actualidade

O Centro Gallego de Avellaneda foi fundado o 22 de outubro de 1899 a instancias entre outros de Antonio Paredes Rey, Manuel Golán, Lino Pérez, Cándido Vallejo, Isidoro Alonso, Ramón Salgado, Modesto Pérez, Modesto Beyro, Isidro Alonso, Andrés de Paylos, Manuel Meaños, José Farina, Pastor González, Generoso Dávila, José Santos Boo, José Figueira, Manuel Dorrego "dando así una prueba más de muestra cultura y para conservar en nuestro corazón el cariñoso recuerdo de nuestra amada Galicia". En 1916 aproban ademais a mutualidade para axudar economicamente aos socios necesitados ou enfermos ou ás familias en caso de falecimento.
Xa nestas datas contan cunha prestixiosa orquestra, un coro, un conxunto teatral e un conservatorio de música, cunha actividade cultural moi destacada.
En 1919 contan cun Instituto Cultural para os socios e os seus fillos, donde imparten clases de solfeo, piano e violín; corte e confección; labores; aritmética razonada; instrucción primaria; caligrafía; debuxo natural, lineal e ornamental; francés; teneduría de libros.
Esta sociedade recreativa e cultural recolle nos seus estutos de 1939 os seus fins sociais: "o recreo, a instrucción civil e moral, a beneficencia e a protección mutua entre os seus asociados baixo o precepto "uno para todos, todos para uno".
Entre os anos 1919 e 1927 fan varias doazóns para subvencionar a Biblioteca América, a Real Academia Galega e para erixir unha estatua a Rosalía de Castro; tamén contribúen economicamente na campaña da edición do Libro Escolar Gallego (en 1929) e para o sanatorio antituberculoso da Lanzada.
Dende 1975 ata 1985 pasaron por graves problemas administrativos e económicos, que fixeron temer a súa desaparición. En 1999 cumpriron cen anos, convertíndose na entidade galega máis antiga existente en Arxentina.
Actualmente desenvolven actividades socioculturais e recreativas, cursos de capacitación profesional para os socios. Celebran as festas galegas como o Día do Apóstolo Santiago, cun tradicional xantar entre todos os socios; o Día das Letras Galegas, etc. Tamén realizan actividades deportivas e en 1991 inauguraron unha Escola de Psicoloxía Social, con asesoramento gratuíto para todos os galegos; tamén teñen un consultorio de asesoramento notarial e xurídico.
Contan cunha biblioteca con 1734 volumes que está aberta polas tardes ó público.

Centro Gallego de Azul

  • AE-AR-CGAz
  • Entidade colectiva
  • 1992-09-19 ata a actualidade

A idea da creación dun centro galego na cidade de Azul xorde tras unha reunión no local da Cruz Roja desta localidade. Na reunión participaou un grupo de galegos que decidiron constituír un centro onde se puidesen reunir os emigrantes galegos e tamén arxentinos, interesados en organizar actividades culturais e sociais. A súa fundación oficial efectuouse o 19 de setembro de 1992 sendo o seu primeiro presidente Manuela Carmen Alonso Méndez.
Xa dende os seus inicios deciden crear un grupo de baile e un programa de radio.
O centro carece de sede social propia, realizando os actos sociais en lugares ofrecidos por outras institucións; ten alugada un despacho/sala onde está instalada a súa biblioteca denominada "Dr. Leopoldo Laperta" e un salón onde ensaia o grupo folclórico.
Segundo os seus estatutos as súas finalidades son: realizar labor cultural, social, recreativo, deportivo e de apoio recíproco entre os seus asociados; exaltación de Galicia polos seus valores humanos, materiais e morais; promover, difundir e subvencionar a cultura galega e arxentina polos medios ao seu alcance; organizar conferencias, cursos e actos para o maior desenvolvemento cultural e educativo dos socios.

Centro Gallego de Barcelona

  • AE-ES-CGB
  • Entidade colectiva
  • 1892 ata a actualidade

As orixes do Centro Galego de Barcelona remóntanse a 1892, pero no es hasta el 1923 que un grupo de emigrantes galegos deciden darlle forma legal á entidade. Foi inaugurado o ano 1923, como unha entidade de carácter recreativo, producíndose pronto problemas internos como a escisión no ano 31 dun grupo de socios que fundarían o "Centro Cultural Galego". Ambas entidades desapareceron a causa da guerra civil.
O 30 de xullo de 1946, como continuación da Peña Galega "A Casa da Troia" constituíuse a "Casa de Galicia", sendo o seu primeiro presidente Santiago Guisán Pardo. En maio de 1947 aproban os estatutos da sociedade artística "Cantigas e Aturuxos" e o 25 de xaneiro de 1948, en asembleia extraordinaria apróbase a fusión de ambalas dúas entidades creando o actual "Centro Gallego de Barcelona".
Ese mesmo ano aproban os estatutos donde aparecen os fins da nova entidade: crear e manter Centros e Seccións especiais de ensino e capacitación técnica en beneficio dos asociados; fomentar a divulgación das Artes entre todos os socios e simpatizantes, promovendo e protexendo a celebración de exposicións, conferencias, visitas, museos e coleccións, así como a formación de tertulias e demais actividades análogas; socorrer, dentro das súas posibilidades, a cantos galegos, transeúntes ou residentes en Barcelona o solicitasen; ofrecer previsión e mutua protección entre os socios, para o que se crean seccións de Montepío, Bolsa de Traballo; abrir un consultorio médico para dar asistencia clínica aos socios e crear un economato e outros similares.
En 1934 crean a Coral "Lonxe da Terra" baixo a batuta do mestre Castells e que sería refundada en 1989. O 4 de marzo de 1948 sae a luz o primeiro número de "Alborada", órgano oficial da entidade e que se segue a publicar hoxe en día.
Fundan baixo a dirección de Xosé Luís Foxo Rivas o ano 1977, unha escola de gaitas e danzas chamada "Toxos e Xestas" de gran repercusión cultural e artística en toda Cataluña e contan cun grupo de teatro "Lonxe da Terra".
O centro ten a súa sede nas Ramblas, Caputxins 35-37, que pasa a ser da súa propiedade no ano 1992. Alí está a biblioteca "Otero Pedrayo", inaugurada en 1979, cuns importantes fondos en literatura galega.
Actualmente organizan actividades recreativas e culturais como bailes, conferencias, exposicións; ofertan cursos de lingua galega e convocan un Premio de narrativa "Manuel Casado Nieto". Ademais, colabora na posta en marcha de emisoras de radio como "Radio Amistad", clausurada en xuño de 1985 e "Radio Celta", inaugurada en abril de 1985.

Centro Gallego de Barquisimeto

  • AE-VEN-CGBar
  • Entidade colectiva
  • 1963-11-26 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa e benéfica foi creada por un grupo de emigrantes galegos residentes na cidade venezolana de Barquisimeto para defender e divulgar os valores autóctonos, espirituais e históricos de Galicia; a irmandade e protección de todos os seus fillos, ademais de estabelecer relacións cordiais e intercambios culturais coas demais asociacións galegas.
O centro celebra anualmente a "Feira do Pulpo", o Día de Santiago Apóstolo, o Día da Raza, Fin de ano e Reis. Organizan actividades deportivas e asistenciais, coa recollida de fondos para axudar aos anciáns galegos que queran retornar a Galicia.
Teñen sede propia e contan cun grupo de danzas e gaitas chamado "Carballeira" formado por 6 gaiteiros e un corpo de baile, "Semente da Terra", integrado por 15 membros.

Centro Gallego de Berna

  • AE-SU-CGBer
  • Entidade colectiva
  • 1969-05 ata a actualidade

No ano 1969, un grupo de galegos residentes en Berna, xuntouse para xogar o fútbol e crearon o Club Galicia de Berna. Con este nome participaron en diversos torneos e campionatos suízos de fútbol. Montaron un local social para consolidar os equipos e foise creando unha sociedade deportiva e, o mesmo tempo, social.

Os seus primeiros Estatutos, redactados en castelán, datan de maio de 1969. Nunha Asemblea Extraordinaria celebrada o 31 de maio de 1973 aprobaron uns novos Estatutos e acordaron pasar a denominarse Centro Gallego de Berna.

A asociación creouse cos seguintes obxectivos:

  • Xuntar a colectividade galega do cantón de Berna e arredores, para non perder a propia imaxe, lingua, cultura, e achegarse máis a Galicia.
  • Realizar actividades culturais, deportivas e recreativas.
  • Axudar aos socios necesitados.
  • Fomentar a amizade entre españois.

Imparten cursos de lingua galega, emiten o programa de radio "Rollo semanal" e, no ano 1985, fundan o grupo folclórico "Brétemas e Raiolas", que dende 1993 pasará a chamarse "Raíces". Mensualmente publican "Follas informativas". Contan con dous equipos de fútbol e un equipo de esquí.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS), participando nos seus actos culturais.

Centro Gallego de Bruselas

  • AE-BE-CG
  • Entidade colectiva
  • 1979-01 ata a actualidade

En xaneiro de 1979 un grupo de emigrantes galegos residentes en Bélxica decidiron fundar esta entidade co propósito de promover e defender a cultura e o folclore galegos e desenvolver o contacto entre os galegos que alí traballaban. Tamén manifestan a súa intención de loitar polo intercambio e a solidaridade entre os galegos e fomentar os lazos entre Galicia e os outros centros galegos no estranxeiro, ademais de desenvolver lazos de amistade coa poboación belga.

Xa nese ano, en outubro, fundan un grupo folclórico, integrado por vinte gaiteiros e un corpo de danza de sesenta e cinco compoñentes, que se convertiría no motor principal da entidade, participando en diversos festivais en Alemaña, Francia, Benelux e Galicia.

No ano 1981, o centro contaba con douscentos socios, pero problemas internos provocaron unha escisión; o grupo que marchou funda a "Casa de Galicia de Bruselas". No ano seguinte crearon unha coral e en 1985 contaban xa con mil socios e unha sede social cedida polas autoridades belgas. No ano 1986 comezan a publicar a revista "A Nosa Voz", voceiro da entidade.

Os seus obxectivos societarios son a promoción e a defensa da cultura e o folclore galegos en Bélxica, así como fomentar a solidariedade entre os galegos, ademais de buscar a cooperación cos outros centros galegos no extranxeiro.

Centro Gallego de Buenos Aires

  • AE-AR-CGBA
  • Entidade colectiva
  • 1907-05-02 ata a actualidade

Esta institución foi creada por un grupo de emigrantes galegos co fin primordial de brindar protección médica e social aos seus coterráneos. Tras unha homenaxe feita en honor ao finado compositor Pascual Veiga na cidade de Bos Aires o 31 de outubro de 1906, a prensa da colectividade lanza a idea de fundar un centro similar ao da Habana ou Madrid, para que axudase a todos os galegos necesitados da Arxentina. Uns días despois o "Centro Vigués" lidera esa proposta e coa axuda do "Orfeón Coruñés", "Orfeón Mindoniense" e "Orfeón Gallego Primitivo", apróbase a creación dun "Centro Gallego". Encabezada por Antonio Varela Gómez e Julio de la Cuesta, créase unha comisión que o 21 de xullo aproba os primeiros estatutos da nova entidade, con sede nun pequeno local alugado, sito na rúa Estados Unidos, no que se instala un consultorio médico e onde se impartían clases nocturnas de alfabetización.
No ano 1911 acometeu a reforma dos estatutos, quedando dende entonces implantada a mutualidade; con este cambio nos fins sociais aumenta de maneira considerable o número de socios. Conxuntamente estabelece os servizos fúnebres, de asesoramento xurídico e a farmacia social. O crecemento da entidade levou a buscar un edificio maior e en 1917 mercan por subscrición popular dos socios, un edificio na avenida Belgrano, un palacete que aínda hoxe é a súa sede social.
O 9 de decembro de 1933 manifesta publicamente o seu apoio á autonomía galega, apoio que reitera en xuño de 1936: "... teniendo en cuenta que la Autonomía de Galicia no es un asunto político, sino eminentemente patriótico; consecuente con la posición fijada al respecto y fiel al precepto estatutario que dispone: "secundar eficazmente toda acción progresista que se inicie en bien de Galicia".
No ano 1969, crea o "Instituto Argentino de Cultura Gallega", a través do cal se realiza unha intensa actividade coa publicación de libros que en Galicia estaban prohibidos, organización de conferencias e diversos actos a prol da lingua e da cultura galegas.
Na actualidade esta institución con máis de 30.000 asociados pasa por unha grave crise económica, debido tanto a precariedade da economía arxentina como a mala xestión dos fondos da entidade. A grande maioría dos seus socios son xente de avanzada idade, que precisan atención médica constante e que coas súas cotas (moitas das cales non poden pagar) non poden manter as actividades sanitarias, primordiais na actualidade. As axudas das institucións galegas como a Xunta só serven para paliar o grave déficit do centro e parecen non poder salvar a institución da endémica situación de crise que vive dende os anos 90 do pasado século.

Centro Gallego de Campana

  • AE-AR-CGCamp
  • Entidade colectiva
  • 1912-07-05 ata a actualidade

Este centro foi creado o 25 de xullo de 1912 por membros da colectividade galega residente en Campana coa finalidade de ter un lugar propio no que reunirse e axudarse mutuamente.
A súa directiva fundacional estivo integrada por: Edelmiro Madernas, como presidente; vicepresidente, Rosendo González; secretario José Losada; tesoureiro, Manuel Rumbo; e como vogais: Nicasio Alvarez, Baldomero Boquete, Ernesto Fernández, Manuel Seoane, Enrique Calvo, José Riveira, Fidel Nogueiras, Cándido Urisi, Andrés Rumbo, José Vázquez, Manuel Figueiras, Francisco Calvo.
Nos primeiros anos da sociedade predominaron as actividades recreativas: bailes, paseos, romarías, obras teatrais, etc. para recadar fondos e conseguir a propiedade da súa sede social.
Actualmente domina a súa faceta mutual: atención á saúde dos asociados, á que adican o 99% dos fondos, contando dende 1917 coa cobertura sanitaria do Hospital Español da cidade.

Centro Gallego de Caracas

  • AE-VEN-CGCar
  • Entidade colectiva
  • 1948 ata 1960

O Centro Gallego de Caracas foi fundado en 1948 por mor da escisión dun grupo de socios do Lar Galego, liderado por Silvio Santiago, en desacordo coa liña política seguida pola sociedade.

Entre os obxectivos do Centro Galego estaban a beneficencia, o socorro mutuo e a asistencia ao inmigrante acabado de chegar, normalmente sen familia nin recursos económicos. Este mutualismo constituía unha maneira efectiva de suplir a insuficiencia da asistencia pública. Así, o Centro subvencionaba aos seus socios servizos médicos e odontolóxicos.

No plano cultural editaron a revista "Galicia", na que colaboraron intelectuais galegos da emigración en América e de Galicia. Publicaron dez números entre xulo de 1952 e xullo de 1954, prestando especial atención a cuestións de tipo cultural, social e deportivo. Emitían un programa de radio chamado "Ecos de Galicia" na emisora Radio Caracas Radio e organizaban conferencias, charlas, concertos, etc. Contaban cunha agrupación cultural chamada "Coro Castelao".

No plano deportivo, contaron con equipos de fútbol, baloncesto e voleibol, así como cunha peña de xadrez chamada "José Raúl Capablanca", en honor do campeón cubano.

No aspecto recreativo, realizaban bailes as fins de semana amenizados por orquestas e romerías de maneira periódica.

Aínda que o 25 de marzo de 1956 aprobaron os Estatutos e a acta constitutiva da sociedade "Lar y Centro Gallego" a unidade non se fixo efectiva ata o ano 1960.

Centro Gallego de Córdoba

  • AE-AR-CGCord
  • Entidade colectiva
  • 1918-07-12. Non temos constancia de que exista na actualidade

Este centro foi creado por un grupo de emigrantes galegos residentes na cidade arxentina de Córdoba, seguindo os pasos do Centro Gallego de Buenos Aires.
Entre os seus promotores podemos citar a Juan Pérez de Santiago e Carlos C. Quiroga, que ocuparon diversos postos nas primeiras directivas da entidade.
En 1922 aproban os seus estatutos sociais nos que describen o centro como: "una sociedad de carácter regional, cuyos fines son: cultura, recreo, sport, arte y protección mutua, para lo cual procurará:
a) propender en grado superlativo a fortalecer los vínculos de confraternidad hispano-argentina; b) defender a sus asociados cuando sus derechos fueren vulnerados; c) difundir por todos los medios que se consideren eficaces, el conocimiento de Galicia y todo lo que a ella enaltezca; d) organizar festivales, reuniones familiares, bailes, deportes y toda clase de juegos para distracción de los socios y sus familias; e) fomentar las bellas artes en general (con preferencia las de carácter regional) instituyendo cuando fuere menester premios con este objeto; f) propagar, valiéndose de todos los medios que se juzguen convenientes, los fines que la asociación persigue; g) facilitar trabajo, a aquel socio que sin tacha fuere despedido por causas ajenas al cumplimiento de su deber, y a aquellos que, por otro motivo lo necesitasen, siempre que demuestren competencia y conducta ejemplar; h) establecer clases de enseñanza en general; i) proporcionar asistencia médica y cuando fuere menester (siempre que los fondos lo permitan) medicamentos, subsidios y repatriación a todo socio falto de recursos que de ello necesitare; k) crear un fondo de beneficencia para socorrer a los asociados y a todo gallego que por razones no previstas en estes estatutos necesitasen amparo".
En 1920 comeza a editar como voceiro social a revista "A Terra", para "llevar al hogar de los estimables consocios una publicación de carácter regional, que reproduzca fielmente el sentir de la vida en el terruño, en todos sus aspectos y que, teniendo lazos de amistad fraternal entre todos aquellos que nos acompañen sirva a la vez de portavoz de las sanas ideas que auspicie nuestra Sociedad, representativa de altiva y noble raza gallega".
En 1922 aparecen noticias na prensa de que organizan veladas literario-musicais, banquetes de fraternidade, festivais musicais, xantares, etc. Conta cunha academia de música a precios "módicos" para os socios e os seus fillos; e un orfeón coral baixo a dirección do pianista Segundo Pagés Rosés.
Ademais dispón dunha oficiña de traballo para axudar aos socios e dun servizo médico.
Ten unha sección de deportes, cun equipo de corredores.
Realiza ao longo dos anos diversos envíos de cartos á Cruz Roja Española, cunha postulación anual no seu local social e tamén están subscritos á "Biblioteca América".

Centro Gallego de Ermua

  • AE-ES-CGErm
  • Entidade colectiva
  • 1968-06-03 ata a actualidade

O 3 de xuño de 1968 constituíuse en Ermua o primeiro centro rexional gracias a 25 ermuarras provenientes de Galicia que quixeron combatir a súa morriña creando o Centro Galego de Ermua. Os seus obxectivos primordiais son crear unha prolongación de Galicia en Euskadi, hermanando aos galegos e non galegos residentes na Comunidade Autónoma Vasca, desenvolver a compenetración de todas as nacionalidades e rexións do Estado Español con Galicia e de ésta con aquélas, prestando atención preferente ás relacións con Euskadi ó ser esta comunidade autónoma o seu ámbito territorial, manter lazos culturais e sociais con Galicia, as súas xentes, a súa historia, a súa cultura e o seu idioma, o galego, o cal será empregado en calquera tipo de comunicación oral ou escrita na asociación e nas relacións escritas coas persoas, institucións e organismos do exterior, xuntamento co castelán e/ou o euskara cando a situación lingüística así o recomende ou esixa. No caso dos comunicados por parte da asociación aos socios, estos serán redactados en galego e/ou castelán..

Entre outros fins este centro rexional ermuarra segue tratando de “ofrecer un domicilio común a todos los asociados gallegos y simpatizantes en el que se desarrollan las funciones de intensificación de relaciones de fraternidad, cooperación y mutuo auxilio entre sus asociados”, segundo consta nos seus Estatutos.

Tras as primeras reunións na igrexa parroquial ermuarra, adquiriron o seu local da rúa San Isidro, dende a que se organizan os numerosos eventos e celebracións, tales como as tradicionais Xornadas das Letras Galegas, o Día da Empanada e os magostos, entre outros.

Centro Gallego de Gijón

  • AE-ES-CGGi
  • Entidade colectiva
  • 1916-10-15 ata a actualidade

O Centro Gallego de Gijón foi constituido o 15 de outubro de 1916 por un grupo de 60 galegos residentes en Xixón, sendo elexido Gilberto Trapote Legerén como primeiro Presidente. Desde o seu nacemento, traballan en prol da divulgación da cultura galega, desenvolvendo diversos actos no eido cultural. Entre as efemérides máis importantes da entidade cabe destacar o cruceiro que construiron nunha praza do parque "Isabel La Católica" no ano 1962 e a homenaxe que o centro rindeu a Rosalía de Castro, adicándoselle a construcción dun busto nunha das rúas da cidade. Foi no ano 1991 e trátase dunha praca en bronce colocada polo centro na rúa Rosalía de Castro, obra do escultor Juan Zaratiegui.

A galeguidade foille concedida a través do Decreto 9/1991 do 11 de xaneiro. Hoxe en día forman parte da entidade un total de 272 familias, das que 225 son galegas.

Na actualidade a entidade conta cun local social duns 500 m en propiedade, integrado por: biblioteca, sala de xogos, sala de audiovisuais, sala de usos múltiples, escola de gaitas e bar-restaurante.

Centro Gallego de Hannover

  • AE-AL-CGHan
  • Entidade colectiva
  • 1978 ata a actualidade

Dende o ano 1978 o Centro mantén o firme e decidido compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os nosos socios, novas xeracións e público en xeral.

Esta entidade constituíuse en 1981 pola iniciativa dos emigrantes galegos residentes en Hannover coa finalidade, recollida nos seus Estatutos, de "o cultivo da lingua, o recordo das tradicións, a arte e a cultura de Galicia co obxectivo de contribuir o enriquecimento da presencia cultural de España no estranxeiro, en espírito de amistade, entendemento e solidariedade cos outros pobos e rexións da Península Ibérica e de todo o mundo. A Asociación aspirará tamén ó máximo entendemento co pobo alemán...".

O idioma oficial do Centro e o galego aínda que os seus Estatutos están redactados en castelán.

No caso de disolución da sociedade, unha vez pagadas as débedas, se houbera beneficios, estes serían doados a unha corporación que “tenga como finalidad promocionar el entendimiento mutuo entre los pueblos” (art. 38).

Conta cunha agrupación formada por 10 gaiteiros e un corpo de baile con 40 compoñentes. Outras das súas actividades recreativas consisten na celebración de festividades como Reis, Antroido ou Fin de ano e a organización de campionatos de xogos de cartas, xadrez e outros xogos de salón. Conta tamén con equipos de fútbol e tenis de mesa. Entre as súas actividades culturais destacan a organización de conferencias sobre Galicia e a celebración do Día das Letras Galegas, do Día do Socio (unha
vez ao mes) e do Día da Patria Galega, entre outras.

Dende 1981 publican como voceiro do centro "Fogar de Breogán", onde informan das diferentes actividades organizadas pola entidade e aparecen escritos sobre a arte, cultura e tradicións galegas.

Centro Gallego de Jubilados y Pensionados de la República Argentina

  • AE-AR-CGJub
  • Entidade colectiva
  • 1992-03-18 ata a actualidade

Esta asociación foi creada por emigrantes galegos cunha finalidade eminentemente asistencial para os connaturais de maior idade que poidesen precisar de axudas económicas ou médicas.
Entre os seus fundadores destacan Ramón Valcarce (primeiro presidente social), Perfecto Marcote, Beatriz Ferreira, Manuel Gerpe, Florentino Brión, Ana M. Espada, Blas Pin, Ernestina Estévez, Guillermina Espada, Francisco Marcote, Ramón Domínguez, Victor Insua, Juan Lires, Delmira Pereira, Carmen Castro e Francisco Canosa.
Segundo os seus Estatutos a súa finalidade é agrupar a jubilados e pensionados para propender a millora na súa calidade de vida. Entre as súas actividades destaca a axuda asistencial aos galegos xubilados que non teñen recursos, e dar información e asesoramento sobre todo tipo de trámites relacionados coas axudas e pensións que conceden o goberno español e a Xunta de Galicia.
Tamén realizan diversas actividades culturais e recreativas coa celebración de dous bailes anuais, encontros de camaradería, "con usos e costumes galegos".

Centro Gallego de La Habana. Delegación en Santiago de Cuba

  • AE-CU-CGStgo
  • Entidade colectiva
  • 1909-01-14

Esta entidade, delegación do "Centro Gallego" da Habana, creouse o 14 de xaneiro de 1909. Os seus fundadores foron: Camilo González Míguez, Joaquín Vales Leira, Manuel Sánchez López. A súa finalidade foi recreativa e mutual, ofrecendo asistencia sanitaria aos seus socios no sanatorio "Concepción Arenal" de Santiago de Cuba. No 1919 o seu presidente foi José Cao López, e vicepresidente, José Mª Rodríguez Ayán. Como socios destacados figuran en 1920: Arturo García Ron e Gumersindo Gago.

Centro Gallego de La Habana. Sociedad de instrucción, recreo y asistencia sanitaria

  • AE-CU-CGH
  • Entidade colectiva
  • 1879 ata 1962

No ano 1879 o xornalista Waldo Alvarez Insua dirixía o xornal "El Eco de Galicia" e nun artigo publicado no mes de outubro lanzou a idea de fundar un "Ateneo Gallego", iniciativa moi ben acollida pola numerosa colonia galega da Habana. Esta idea foi extendéndose, pois aínda que existían na Habana dúas sociedades como "Beneficencia de Naturales de Galicia" e a coral "Ecos de Galicia", non había unha casa común para todos os galegos e esta foi a que se propuxeron fundar un grupo de homes galegos residentes na Habana. O 23 de novembro de 1879 aprobaron a constitución do centro e o 12 de decembro os Estatutos.
No Libro "Para Gloria del Terruño" aparece outra versión da súa creación: Segundo eles a idea da creación dun centro galego de recreo xa se fixera coa creación da sociedade "La Festival" establecida nos altos de Marte y Belona, de carácter galego exclusivamente. A orixe da creación de centro gallego está nun manifesto asinado por uns cantos operarios da fábrica de tabacos de Caruncho, incitando aos galegos a unirse. Parece que a estes operarios dáballes clase un profesor galego nos momentos de ocio e nunha desas clases decidiron xuntarse para ter unha sede onde facer esas clases. Entre eles citan a Ildefonso Mugía, que redactou o manifesto e Miguel Troche, que mandou imprimilo e repartilo.
O centro foi instalado nun local alugado na C/ Prado esquina Dragones, onde se instalaron as aulas nas que recibirían instrución os xóvenes emigrantes, ata poñelos aptos para traballar no comercio. En 1885 decídese a creación do servizo sanitario, servizo que sería dado polas cinco clínicas chamadas Quintas, que existían na Habana, pero non contentos cos servizos prestados, un dos directivos do centro, Femín Piñón compra a clínica "La Benéfica" e donaa para a sociedade. Finalizado 1905, e cunha situación económica boiante, tanto no país como no Centro, deciden mercar a través de bonos, o Teatro "Tacón" e o resto da manzá de edificios onde se construirán o gran palacio social e o Teatro "Nacional". A sede social comezou a construirse en 1907 e remataron as obras en 1914. A finais da década dos 20 hai unha etapa de crise pola mala xestión dalgúns directivos e acusacións de desfalcos, débedas etc. polo que disminúe o número de socios. (Revista "Galicia", nº 8, marzo 1933).
En 1933 aparece unha corrente de opinión dentro da masa societaria da entidade que aboga por permitir a entrada ás mulleres emigrantes na sociedade e que éstas poidan ser asistidas na súa casa de saúde.
Esta sociedade mutualista é un modelo para o resto das sociedades galegas en América, pois daba aos seus socios unha ampla gama de servizos por unha módica cuota mensual: asistencia sanitaria, instrución elemental e secundaria, cultura artística, festas, bailables e escénicas, e albergue á vellez desvalida.
"El Eco de Galicia" de Buenos Aires, nº 586, 30/01/1908 dedícalle 3 páxinas, incluída a portada á historia do centro e á inuauguración do seu palacio social e do Teatro Tacón (fotocopias).
En xullo de 1962 aparece a noticia da desaparición deste Centro a causa do réxime político que manda en Cuba.

Centro Gallego de La Plata

  • AE-AR-CGPla
  • Entidade colectiva
  • 1949-08-10 ata a actualidade

Este centro foi creado por un grupo de tranviarios de orixe galega residentes en La Plata, Berisso e Ensenada, nacendo esta idea nun tranvía da líña 4, entre o seu conductor Serafín Rodríguez e o garda Gumersindo Domínguez, ambos nados en Ourense.
Nos seus primeiros estatutos de 1956 recoñecen como finalidade principal da institución organizar actividades culturais (conferencias, recitais, cine, etc.), deportivas e recreativas, como a celebración do Día de Galicia ou o aniversario social.
Conta cunha escola de baile para nenos e xóvenes, que ademais reciben clases de gaita e pandereta; os socios crearon un grupo de baile e música tradicional chamado "Xeito Novo" e cun grupo folk-celta chamado da mesma maneira. Tamén creou un grupo de "danzas españolas, folclore argentino y gallego", composto de 25 persoas.
Ten tamén unha finalidade benéfica, coa creación dun servizo de urxencia médico gratuíto para os socios.

Centro Gallego de Le Locle

  • AE-SU-CGLoc
  • Entidade colectiva
  • 1976-10-10 ata a actualidade

O Centro Galego de Le Locle foi creado o 10 de outubro do 1976 para agrupar a tódolos galegos da cidade de Le Locle (en Neuchatel) e arredores.

Iniciouse cun equipo de fútbol e un grupo folclórico, que xorde da necesidade de dar a coñecer a música e o folclore galego.

Segundo o artigo nº 1 dos Estatutos, aprobados o 11/12/1976 e redactados en castelán, trátase dun centro “fundamentalmente regional” cuxos fins son: “culturales, morales, sociales, recreativos y deportivos”.

Contan co grupo folclórico "Brétemas e Raiolas", equipo de fútbol e escola de música e danzas galegas para nenos e celebran o Entroido.

Centro Gallego de Llodio

  • AE-ES-CGLlo
  • Entidade colectiva
  • 1969-05-04 ata a actualidade

Os primeiros contactos entre a colonia galega en Llodio foron promovidos por Eduardo Pérez Ferrer, que convocou unha xuntanza para o día 23 de marzo de 1969 no salón de sesións do concello. Na asemblea do día 4 de maio elixiron a primeira xunta constituínte para a posta en marcha da sociedade. No mes de xuño mercaron o local social, que lles permitiu levar a cabo diversas actividades, entre elas un Bingo, como fonte principal de ingresos durante os anos 70.

O centro galego creouse co ánimo de aglutinar a tódolos galegos desta comarca, e ter así onde reunirse e poder conservar os aspectos máis importantes dos seus costumes.

Segundo o artigo 2 dos seus Estatutos, “los fines de esta asociación son:

  • Mantener una prolongación de Galicia en Euskadi, hermanando a los Gallegos y no Gallegos residentes en la Comunidad Autónoma Vasca.
  • Desarrollar el entendimiento y conocimiento de todas las Nacionalidades y regiones del Estado Español con Galicia y de ésta con aquellas, prestando atención preferentemente a las relaciones con Euskadi, al ser ésta comunidad Autónoma su ámbito territorial.
  • Mantener lazos culturales y sociales con Galicia, sus gentes, su historia, su cultura y su idioma el Gallego, el cual será empleado en cualquier tipo de comunicación oral o escrita en la Asociación y en las Relaciones escritas con personas, Instituciones y Organismos del exterior..."

Entre as actividades culturais que organizan destaca a celebración do Día das Letras Galegas, do Festival Cultural dos Pobos e do Día de Galicia en Euskadi e o seu Grupo Folclórico Centro Galego ESPALLADOIRO. En 1990 comezaron a editar a revista "Espalladoiro : voceiro do Centro Galego de Llodio".

Resultados 381 a 400 de 1750