Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

La Aurora del Somozas, Asociación de Beneficencia y Recreo

  • AE-CU-Som
  • Entidade colectiva
  • 1909-06-06 ata a actualidade

Como precedente da creación desta sociedade de instrución podemos remitirnos ao ano 1893, cando dentro do Centro Gallego da Habana formouse unha comisión composta por socios naturais da Somozas, para recadar fondos en pro dos agricultores afectados tras a mala climatoloxía dese ano. Esta comisión estaba formada por: Gervasio Fraga y Campos, Silverio Ramos López, Manuel Fraga Fernández, Juan Abella y Jarel, Angel Durán y Pillo, José López Fontán, Patricio Ramos Pena, Prudencio Fraga, M. Justo Prada Pila, Andrés Durán y Alonso y Bartolomé Formoso.
O 12 de novembro de 1908, un grupo de veciños naturais deste concello, entre os que se atopaban José Formoso (presidente fundacional), Manuel Prieto, Antonio López Méndez, Enrique Rivera Suárez e Luis Poraño Fernández, reúnense para fundar unha sociedade que defendese os seus intereses e a finalidade prioritaria de crear e soster planteis de ensinanza de nenos e nenas nas Somozas.
Será xa o ano seguinte cando financien a construción de catro edificios para escolas nas catro parroquias do concello (Somozas, Recemel, Seixas e Enchousas).
No seu Regulamento constan tamén como outros obxectivos: o socorro aos asociados carentes de recursos económicos, traballo, inutilidade física para o mesmo ou enfermidade e en último lugar fomentar por medio de festivais e outras festas de recreo a confraternidade entre os asociados desta institución.
No ano 1923 crean dúas delegacións, unha en Batabanó e outra en Somozas e xa en 1934 contaban con diversas propiedades: un edificio en Marianao e outro en Santos Suárez.
Esta sociedade foi tamén denominada ao longo da súa historia social como "La Aurora Moderna" e "La Aurora".
O seu actual presidente é Jorge Cienfuegos.

La Baña y su Comarca, Sociedad de Instrucción, Cultural y Benéfica

  • AE-CU-Baña
  • Entidade colectiva
  • 1915-01-03 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais do concello coruñés da Baña residentes na Habana. A súa directiva fundacional estivo formada por Jacinto Rodríguez Recarey, presidente; José Suárez Ramos, vicepresidente; José Vilas Recarey, como secretario; Manuel Mallón, vicesecretario; Manuel Agra Rodríguez, tesoureiro e Manuel Cardeso Rey, vicetesoureiro, entre outros.
No seu primeiro regulamento social de 1916 figuran como fins prioritarios da sociedade: «fomentar la amistad entre todos los hijos de la comarca, aumentar y propagar la enseñanza, construyendo a este efecto una casa-escuela para ser dedicada a la instrucción elemental superior y de comercio, artes y oficios y, por último, implantar y fomentar las industrias rurales y granjas agrícolas».
Financian a construción dunha casa-escola na parroquia de San Vicente da Baña, escola que chamarían «Colegio Cuba» en homenaxe ao seu país de acollida. Non coñecemos o ano da súa inauguración pero sabemos da súa existencia o ano 1921, cando ten lugar un ciclo de conferencias, unha delas impartida polo xornalista José Baña Pose, tamén emigrante en Cuba. En agosto de 1931, nun pleno do concello da Baña, dáse lectura dun escrito desta entidade que ofrece o arrendamento do edificio escolar ao non poder soportar os gastos ocasionados polo sostemento do dito colexio. En 1933, o colexio Cuba pasa a ser unha escola nacional sostida polo concello.
As actividades da sociedade centraríanse a partir dos anos 30 nas finalidades benéficas e de axuda mutua entre os seus socios. En 1954, en acta da xunta directiva, informan do agradecemento do secretario do concello da Baña pola cesión gratuíta duns terreos, propiedade da entidade habaneira, e que debían servir para construír alí a casa consistorial, un grupo escolar e un centro primario de hixiene rural. Pero este proxecto, que saibamos, non chegou a bo fin.

La Unión Mañonesa

  • AE-CU-UMañ
  • Entidade colectiva
  • 1909. Non existe na actualidade

Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais do concello coruñés de Mañón residentes na cidade da Habana, liderados por Andrés Peña Castro, Francisco Penabad e Constantino Castro Vidal. Esta entidade era tamén coñecida como La Unión Escolar Mañonesa.
Dende a súa creación tiña como fin prioritario fomentar e difundir a instrución gratuíta na súa terra natal, tal e como se recollía nos seus primeiros estatutos, que datan de 1909: «1º. Fomentar y difundir la instrucción gratuita en Mañón (Galicia-España) y demás parroquias de su Ayuntamiento (...); 2º. Interesarse por los inmigrantes que de allá vengan a Cuba, con preferencia por aquellos que carezcan aquí de familiares, prestándoles toda la protección posible; estrechar los lazos de amistad entre todos los mañoneses (...); 3º. Cuidar de los intereses generales de la comarca mañonesa; proteger y mejorar su agricultura y ganadería e iniciar las industrias que se derivan de estos dos principales elementos de la riqueza de nuestro país natal.
Art. III. Para realizar practicamente los propósitos que sobre instrucción determina el artículo anterior, se procederá del siguiente modo:
1º. Construyendo un plantel de enseñanza elemental para ambos sexos, que reúna las mejores condiciones, en el lugar más céntrico de Mañón, plantel que sostendrá la Sociedad a la mayor altura pedagógica que se pueda, sin perjuicio de establecer antes la enseñanza en un local acondicionado para el caso y de crear y establecer tantos otros como la necesidad y la práctica aconsejen; 2º. Llevar estos mismos beneficios a las parroquias colindantes, dándose siempre preferencia a las que con mayor intensidad se deje sentir la necesidad de la enseñanza; 3º. Estableciendo y sosteniendo escuelas periódicas o ambulantes, sin perjuicio de subvencionar las ya establecidas con esta u otra organización, ya sean oficiales o particulares; 4º. Creando premios para alumnos y profesorado; 5º. Subvencionando y costeando a ser posible, estudios superiores a los alumnos que más se distingan, con preferencia siempre a los que tengan vocación por la enseñanza pedagógica o agrícola; 6º. Instalando y sosteniendo bibliotecas o salones de lecturas; organizando conferencias y veladas instructivas y todo cuanto se pueda realizar con tendencias de elevar el nivel cultural de nuestra patria».
A sociedade pronto contou con delegacións en diversas cidades cubanas como Regla, Casa Blanca, Guanabacoa, Puentes Grandes, Marianao, Pinos, Cañas, Güines, Matanzas, Colón, Unión de Reyes, Cruces, Cienfuegos, Sagua e Caibarién; e en cidades doutros países como en Nova York, Brooklyn ou Madrid. Coa colaboración de todos conseguiron fondos para levar a cabo os diversos proxectos sociais.
No mes de maio de 1911, constituíuse unha delegación en Mañón presidida por Andrés Pigueiro. Durante unha visita a Mañón, Andrés Peña Castro, alma da institución na Habana, mercou unha grande extensión de terreo no sitio coñecido como Cabeza de Muros para construír un edificio escolar.
En 1912, a sociedade aluga unha casa no lugar do Campo, na que instala provisionalmente unha escola para os nenos da parroquia, escola que foi dotada de mobiliario e material educativo, incluso a entidade se encargaba de pagarlle ao mestre.
Ese mesmo ano, merca unha casa na Habana, na rúa Jesús del Monte, co propósito de alugala. As rendas conseguidas estaban destinadas a sufragar os gastos das escolas da entidade. Na década dos anos 20 financia a construción de tres edificios escolares na parroquia de Santa María, nos lugares de Segade, Barreiros e A Panda. En 1925, merca unha casa, xa construída, no lugar da Casanova, que acondiciona como escola e vivenda do mestre.

Lar Gallego de Caracas

  • AE-VEN-LG
  • Entidade colectiva
  • 1945-04-15 ata o 1960-10-12

O Lar Gallego de Caracas foi unha asociación galega na emigración en Venezuela. Foi constituído en Caracas o 15 de abril de 1945, logo de que se autorizase a súa creación o 9 de febreiro dese mesmo ano. A idea de fundación deste centro xurdiu por mor da visita do secretario xeral do Centro Gallego de Bos Aires, Rodolfo Prado, a Caracas. Este, propuxo a idea a un grupo de galegos residentes na cidade, os cales tras diversas reunións acordaron a creación do mesmo. Na constitución do Lar Gallego participaron vinte e oito persoas, que decidiron quen ocuparían os cargos da primeira directiva, finalmente formada por José Mosqueira Manso (presidente), Silvio Santiago (vicepresidente), Díaz Villamil (secretario), Isolino López (vicesecretario) e Francisco Calviño (tesoureiro).

Foi unha das principais asociacións de galegos na emigración durante a etapa do franquismo. Lonxe dos seus fogares, os inmigrantes tentaron organizarse en diferentes grupos e asociacións, mais debido ao carácter político da maior parte delas, as autoridades puxéronlles trabas para que lograsen facelo legalmente debido á prohibición polas leis venezolanas de asociacións políticas de estranxeiros con carácter político, aínda que posteriormente foron autorizando a creación de varias asociacións.

Desde o primeiro momento e durante case toda a existencia do Lar, foron os exiliados políticos os que tiveron un papel máis destacando destro da asociación. Por iso, o Lar Gallego tivo un carácter marcadamente político, con predominio de persoas de ideoloxía de esquerdas, republicano-progresistas, que defendían principios galeguistas e antifranquistas.

Durante a súa existencia, o Lar desenvolveu importantes actividades sociais, culturais, recreativas, deportivas e, por suposto, políticas. Un dos seus obxectivos principais foi a asistencia social e a beneficencia, orientadas cara a colonia galega cunha situación económica aínda precaria e que non contaba cunha seguridade médico-asistencial.

O Lar contaba coa peña de xadrez "Alexandre Bóveda" e polos seus salóns pasaron os mellores xadrecistas mundiais da época. No aspecto cultural, organizaban periódicamente ciclos de conferencias e charlas culturais e publicaban un boletín mensual no que non só recollían noticias concernientes á sociedade e á comunidade galega en Venezuela senón que tamén informaban sobre temas de actualidade e de cultura galega a través da colaboración de escritores residentes en Galicia, Bos Aires, Cuba ou México. Tamén emitían un programa de radio dominical na emisora Radio Rumbos.

Dende 1951 celebraron todos os anos unha homenaxe a Daniel R. Castelao no aniversario da súa morte, algún deles organizado conxuntamente co Centro Gallego.

Produto do Lar foi a creación de diversos premios culturais que recoñecían a produción en galego ou de temática galega. Entre eles destacaron os premios Industrialización e Economía de Galiza Alexandre Bóveda, o premio Maside de pintura e o premio literario Ramón Otero Pedrayo.

Ao longo da historia desta organización podemos observar varios momento de crise que derivaron na separación desta, dividíndose en novas asociacións, algunhas das cales volveron a acordar a súa unión tempo despois. A escisión do Lar Galego nomeouse Centro Galego de Caracas (1948), do cal á súa vez xurdiu unha nova escisión: a Casa de Galicia (1956), que tivo unha vida moi curta.

Tras a caída da ditadura no ano 1959, a embaixada española perde influencia sobre o goberno e non logran impedir a creación da Junta de Acercamiento para estabelecer de novo negociacións entre os diversos grupos.

Debido á necesidade de crear unha asociación forte para aglutinar a todos os galegos emigrados, os dirixentes do Lar Gallego, do Centro Gallego e da Casa de Galicia lograron comezar a negociar ata formalizar a súa unión nunha reunión. Nela participaron representantes dos grupos anteriormente mencionados, que tamén invitaron á Asociación Civil de Amigos de Santiago, mais declinaron a oferta e continuaron a funcionar de forma independente.

O 10 de maio de 1960 os directivos das tres asociacións reuníronse nun cine da Candelaria e decidiron formalizar a unión, estabelecendo como data de inauguración da nova sociedade o día 12 de outubro do mesmo ano. Ese día celebrouse unha Asemblea Xeral na sede do Centro Gallego, no Paraíso, onde se aprobaron os novos estatutos ante a presenza duns 150 socios. A nova asociación nomeouse como Hermandad Gallega de Venezuela, cuxa dirección queda constituída pola directiva das tres entidades ata o 25 de xullo de 1961, data na que se convocan eleccións. Ángel Feijoo Fernández foi elixido como o primeiro presidente da entidade, que contaba con 800 socios nominais ou fundadores.

Lar Gallego de Chile

  • AE-CH-LG
  • Entidade colectiva
  • 1967-04-01 ata a actualidade.

Os precedentes da existencia desta entidade están situados arredor de 1915, ano no que un grupo de galegos residentes en Santiago de Chile comezan a reunirse para celebrar as súas festas. Polo seu escaso número non se deciden a crear unha asociación. A sociedade “Unión Española” permítelles xuntarse nas súas instalacións. Non será ata o ano 1967 cando finalmente se constitúan en asociación cultural sen fins de lucro, que tería como principal obxectivo fomentar a galeguidade e hispanidade en todos os aspectos que fose posible.
Ata 2006 seguirán usando as instalacións da “Unión Española”, pero debido ao peche desta por motivos económicos, pasan a funcionar de maneira activa no “Estadio Español de Las Condes”, lugar de reunión de moitas das corporacións españolas que existen no país.
Como fundadores desta sociedade galega podemos citar a: José Domínguez Diéguez, Demetrio Álvarez Nieto, Antonio Pérez González, Manuel González Fernández, Antonio Dávila, Francisco Bouzo Pavón, Arturo González Novoa, César Cifuentes Sánchez, Manuel Losada Diéguez e Leopoldo Fernández Vilches. Destacado foi o papel de José Bouzo Pavón, socio e directivo en varias ocasións, que douou un solar en San Bernardo para que a sociedade crease un campo recreativo.
Como valores da entidade, ésta destaca o seu amor á terra, o respecto polas tradicións, o concepto de familia como núcleo insustituible na formación do ser humano, a ensinanza dos costumes e modos de vida herdados e a difusión entre os descendentes do idioma galego como unha das nosas maiores ríquezas histórico-culturais.
Nos seus primeiros estatutos sociais aparecen os principais fins da entidade: “estreitar na mellor forma os vínculos de amistade entre os españois residentes en Chile; asociarse a toda iniciativa que tende a prestixiar o nome de España e dos seus homes máis eminentes; difundir en Chile, polos medios que se consideren máis eficaces, o coñecemento de Galicia; propender ao benestar da colectividade galega; secundar eficazmente toda acción que se inicie en ben de Galicia e a tal efecto se procurará manter relacións directas coas sociedades rexionais establecidas ou por establecerse en Galicia ou fóra dela; crear unha sección pro-cultura galega que sosterán os galegos residentes en Chile e os seus fondos serán destiñados ao fomento da institución; manter un centro social que sirva de solaz e entretenimento aos seus asociados a cuio efecto se deberá instalar unha sala para biblioteca, cos libros, diarios, e revistas, dando preferencia aos da rexión galega; instalar unha sala de billares e de mesas para xogos diversos, quedando estrictamente prohibido todo xogo de azar; fomentar o deporte, creando as ramas que sexan necesarias”.
Ao longo destes anos destaca o labor social que realiza a sociedade colaborando co “Hogar Español” de Santiago de Chile. Tamén é coñecida polas numerosas actividades culturais: organización de charlas e exposicións, mostras culturais, etc., dirixíu un programa de radio bisemanal en Radio Universal de Chile, para difundir a música galega e outras expresións da cultura galega. Organizou un grupo de danza e música galegas, integrado por 80 socios. Edita tamén un voceiro social denominado “Revista de la Juventud”, de carácter anual e gratuíta para os socios e a revista “Lonxe da Terriña”. Tamén teñen actividades deportivas.

Resultados 1001 a 1020 de 1750