Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Emigrados de Riotorto

  • AE-CU-ERio
  • Entidade colectiva
  • 1915-04 ata a actualidade

Sociedade fundada en abril de 1915 polos naturais dos concellos de Riotorto e A Pastoriza (Lugo) que residían na cidade da Habana. Creouse co nome de "Riotorto-Pastoriza" pero finalmente coñeceuse como "Sociedad de Recreo y Protección Emigrados de Riotorto" coa finalidade de estreitar as relacións entre as autoridades de Cuba e a representación en España e manter vivas as relacións coas sociedades afins; o seu obxectivo máis práctico era celebrar actividades recreativas e culturais para os seus socios. Tamén realizaron varias doazóns na súa terra como a dotación mobiliaria da escola da parroquia de Meilán, construída baixo os auspicios desta sociedade.
Foron presidentes da entidade Andrés Bargueiras no ano 1929 e Antonio Bouso en 1934.

El Valle de Oro. Sociedad de instrucción, protección y recreo

  • AE-CU-ValOro
  • Entidade colectiva
  • 1907-10-15 ata a actualidade

Esta sociedade instrutiva foi creada o 15 de outubro de 1907 polos naturais dos concellos lucenses de Valadouro e Alfoz, residentes na Habana. O seu obxectivo era fomentar a unión entre os seus connaturais e propender moral e materialmente ao maior auxe e prosperidade do seu concello natal. Esta entidade daralle preferencia á instrucción antes que a protección e o recreo, todos lema da entidade.
O consello de fundadores estaba constituído por: Valentín Nécega Rivas (presidente fundacional), Juan R. Álvarez, Angel Mandiá Reigosa, José F. Vidal, Antonio Vila Ares, Constantino Romero Cortiñas, Manuel Díaz Lestegás, José Mandiá Reigosa, Generoso Díaz Villar, Francisco Moscoso Febrero. A súa primeira directiva estivo formada por Francisco Janeiro, como presidente; vicepresidente, José M. Otero; secretario, José Mª Candia Nécega; vicesecretario, Juan Alvárez; tesoureiro, Juan López; vicetesoureiro, Manuel Hermida e 8 vocais. Presidentes de Honor: José Mª Candia Nécega e Andrés Canoura Palmeiro.
Para a millor inversión e canalización dos fondos que se remitían dende A Habana, creouse un Consello de Administración composto por sete veciños de Ferreira do Valadouro, o cal baixo a dirección da Xunta Directiva invertía os fondos recadados na capital cubana. Estes fondos eran adicados sobre todo á instrución das parroquias máis desfavorecidas. Xa en 1908 recadan numerosas doazóns para estabelecer unha escola para a xuventude de ambos sexos na vila de Ferreira e publican un manifesto solicitando a solidariedade dos seus connaturais na Arxentina e Madrid, co obxecto de fundar este colexio de primeira e segunda ensinanza, no que se impartirían leccións teóricas e prácticas de agricultura. En 1912 aproban a construción dun edificio para escola na parroquia de Santa María de Vilacampa e a contribución de 50.000 pesetas para montar un campo de experimentación no Valadouro. Ademáis tamén constrúen escolas en Cadramón e Bacoi; envían cartos ás escolas de Moucide, Santo Tomé e Santa Cruz para mercar mobles e libros.
Actualmente esta entidade traballa en pro dos seus asociados intentando axudar aos máis necesitados na medida das súas posibilidades, e organizan diversas actividades recreativas. Está presidida por Esperanza Uz Medín, unha das socias máis antigas, inscrita en 1946, ano no que se permitiu a entrada de mulleres na sociedade con plenos dereitos.

El Valle de Lemos, Sociedad de instrucción, protección y recreo

  • AE-CU-ValLem
  • Entidade colectiva
  • 1912-09-01 ata a actualidade

Esta entidade comarcal foi fundada o 1 de setembro de 1912 polos naturais do val lucense de Lemus residentes na Habana co obxectivo prioritario de socorrer as necesidades dos socios e fomentar a fraternidade entre eles; tamén desexaban procurar para a súa terra natal a creación de escolas, estradas, ferrocarrís, camiños veciñais e outras melloras.
Os socios fundadores, ademais de membos da primeira Xunta Directiva foron: Manuel Díaz y Díaz, José Vázquez, Manuel Losada Pérez, Camilo Somoza López, José González Fernández, José M. Rueda Rodríguez, Alfredo Rodríguez Rodríguez, José González Fernández, Reinaldo González Fernández, David Alvarado García, Salvador Novoa Rodríguez, Benigno Quiroga Dapena, Cándido Gómez Moure, e Antonio Boirán Martínez.
No ano 1918 forman parte do "Comité Pro-Valle de Lemus" que o día 5 de novembro convocou unha xuntanza para organizar unha gran festa-baile coa intención de recadar fondos para os damnificados no incendio que asolara esta comarca galega. Xa en 1922 acordan crear unha casa-escola en Monforte e 1923 aproban o envío de axuda económica que lles solicitaron os seus paisanos de Valverde, no concello de Monforte, para o sostemento dos gastos da escola que xa está a funcionar nesta aldea.
No ano 1935 construíron o seu propio Panteón Social no cemiterio Colón da cidade da Habana.
Dende o ano 1994 é presidente da entidade Eladio Manuel Vázquez Nieto, fillo e sobriño dos fundadores.

EIG

Resultados 1101 a 1120 de 1750