Amosando 1788 resultados

Rexistro de autoridade

Arquivo Sonoro de Galicia

  • Entidade colectiva
  • (1995-)

O Arquivo Sonoro de Galicia desenvólvese como un programa dentro do Consello da Cultura Galega, dun xeito continuado dende 1995 aínda que os seus primeiros traballos comezan en 1992. O labor esencial do Arquivo Sonoro de Galicia xira en torno á recuperación do patrimonio oral e musical galegos e xorde co propósito último de se converter ou, cando menos, sentar as bases para a creación e posta en funcionamento da necesaria e futura Fonoteca de Galicia.

Asamblea de Mulleres de Pontevedra

  • Entidade colectiva
  • 1976

A organización nace en 1976 como o núcleo de Pontevedra da Asociación Galega da Muller (AGM). Nos anos 1980 refúndase como Asamblea de Mulleres de Pontevedra.

Asociación Argentina de Hijos de Gallegos

  • AE-AR-AAHG
  • Entidade colectiva
  • Fundada en 1959. Non existe na actualidade pero non temos constancia da data de disolución.

Esta sociedade foi creada por un grupo de xóvenes, descendentes de emigrantes galegos, que desexaban potenciar a cultura e a realidade galega na terra de acollida dos seus pais. Foi creada na sede da editorial "Follas Novas", organización galega que desde Bos Aires difunde o libro galego en toda América. Entre os seus obxetivos pódese citar: os culturais coa edición de libros e organización de cursos sobre xeografía, historia, arte, literatura e economía galegas. Tamén queren crear un grupo de teatro vocacional con raigame galego.
Entre os seus membros estaban Antonio Pérez Prado (que foi presidente da entidade), José M. Reynoso e Alberto Abalo.
En 1960 organizan ciclos de estudos e debates sobre obras galegas como "Sempre en Galiza" e cursos de lingua galega, un deles impartido por Eduardo Blanco Amor.
En 1962 publican como voceiro social a revista Alen-Mar, que foi dirixida por P. López Romero.

Asociación Benéfica Hijos de Lalín

  • AE-VEN-HLal
  • Entidade colectiva
  • 1983-11-30 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa e cultural foi fundada o 30 de novembro de 1983 por un grupo emigrantes galegos orixinarios do partido xudicial de Lalín que residían en Caracas e que foran socios da "Hermandad Gallega de Venezuela". A primeira directiva fundacional estaba integrada por David Mato López, como presidente; vicepresidente, Jesús Fernández Ramos; secretario xeral, José Manuel Varela González; tesoureiro, Gonzalo González Rodríguez; secretariod de relacións públicas, Adolfo Vázquez Martínez; vocais: Celso Martínez Villamayor, Antonio Souto González.
Os obxetivos fundamentais da asociación, recollidos nos seus primeiros estatutos (1983), céntranse na promoción de todo tipo de actividades de índole social, cultural e recreativa: entre varios dos fins está promover e auspiciar o labor de axuda mutua entre os seus asociados, no campo médico, social, docente, asistencial, cultural; propiciar programas de divulgación do coñecemento de Galicia, promovendo actividades culturais e recreativas, dirixidas á mellora dos niveis cultural, social e económico das persoas integrantes da Asociación.

Asociación Benéfica Provincia de La Coruña

  • AE-VEN-ProCor
  • Entidade colectiva
  • 1984 ata a actualidade

Esta sociedade cultural e recreativa foi fundada o ano 1984 por un grupo de emigrantes galegos integrantes da "Peña Coruñesa" da Hermandad Gallega de Venezuela.

Nos seus inicios reuníanse na sede da HGV pero dende 1989 contan cunha oficina na zona da Candelaria, aínda que para realizar actividades recreativas, culturais ou deportivas continúan a empregar as instalacións da "Hermandad".

Entre os seus fundadores destacan Arturo Ces Chisca, primeiro presidente social, Antonio Corgo Casal, Julio Fernández Candamio, Juan José Vázquez Calviño, Salustiano Piñeiro Piñeiro, José Antonio Vázquez, Gerardo Blanco Paseiro, Genciano Silva, Juan Antonio Fernández, Francisco Regueiro e Celso Baleiro.

No Artigo 2 dos seus Estatutos sociais recollen que o obxectivo básico desta asociación é o seu carácter benéfico e de protección ou socorro mutuo entre todos os asociados. Para o seu cumprimento poderán promover, fomentar e desenvolver actividades de carácter cultural, deportivo, recreacional, coa finalidade de obter fondos para beneficios asistenciais, de previsión e axuda en xeral para os socios.

Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra

  • AE-VEN-ProPont
  • Entidade colectiva
  • 1988-01-08 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes de orixe pontevedresa foi creada en Caracas o 8 de xaneiro de 1988 durante unha reunión na sede da "Hermandad Gallega de Venezuela", segundo indican na súa Acta constitutiva: "A los ocho días del mes de enero de mil novecientos ochenta y ocho, reunidos en la sede social de la <Hermandad Gallega>, ubicada en la Avenida Principal Mariperez, de esta ciudad de Caracas y estando presentes (...) quienes hemos convenido en constituir, como en efecto constituímos en este acto, una asociación civil que se denominará <Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra>".

Destacan entre os seus fundadores: Santiago Oviaño Cerviño, Juan López Pita, Jaime Tosar Silva, Raimundo Toubes, José Manuel Díaz, Abelardo Rios Giraut, José Ramil Martínez, Eduardo Meilán Sánchez, Alberto Jesús García Hernández, Manuel Ramos López, José Manuel Carpintero, Ofelia Otero Fernández Sanmartín, José Sanmartín López, José Ferreira, Benigno Rossua Vasquez, Francisco González Otero, Maribel Muñiz Méndez, Ernesto Chao Pazos, Ana María Rodríguez, Ramiro Muñiz Martínez, Moisés Muñiz Méndez, José Rodríguez Sánchez e José Antonio Chao Louzao.

Trátase dunha asociación de carácter benéfico cuxo fin é promover actividades de previsión e socorro mutuo para os seus asociados. Segundo os seus Estatutos, o seu obxectivo fundamental é promover o achegamento dos fillos e amigos da provincia de Pontevedra; promover iniciativas de acción asistencial comunitaria; propiciar accións de carácter cultural autóctono e defender o carácter da provincia, así como iniciativas de carácter comunal, cooperativo, asistencial, etc. para a colectividade que asocia; fomentar e desenvolver actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda xeral para os membros da Asociación; propiciar programas de divulgación dos valores autóctonos galegos e en xeral ter un carácter benéfico e de socorro mutuo para os seus asociados.

Organizan actos, conferencias e charlas sobre cultura e historia de Galicia e celebran a Festa da Virxe da Peregrina (patrona de Pontevedra).

Asociación Casa Coirós, cultural y mutualista

  • AE-AR-ACoi
  • Entidade colectiva
  • 1906-10-14 ata a actualidade.

Esta asociación de emigrantes foi creada tras a fusión das sociedades "Hijos de Ois" e "Hijos de Coirós" co fin de xuntar esforzos para lograr os seus fins: dar protección e instrución aos seus veciños na terra natal.
Entre os seus fundadores podemos citar a Andrés Bugallo, Pedro Vázquez, quen foi o seu primeiro presidente tras a fusión, Pedro Vara ou Manuel Bugallo.
O lema da entidade foi "la instrucción es la base de la familia, del bienestar y la felicidad".
Os seus primeiros fins foron de carácter mutualista, pero a partir de 1912 cambiaron de obxectivos primando a idea de propagar a cultura e lograr unha maior preparación dos futuros emigrantes do seu pobo natal. A súa finalidade pasou pois a a ser instrutiva e cultural, aprobando en asemblea a creación no seu concello dunha escola que respondese á necesidade de alfabetizar e preparar aos nenos para o seu futuro.
Dende 1913 comezan a enviar regularmente cartos para a construcción dun edificio escolar no seu pobo. En 1919 mercan un local que foi usado como escola para os nenos da parroquia, que eles manterán económicamente.
No seguinte ano mercan unha casa no lugar de Chás (Coirós), no que se instala unha escola e vivenda para os mestres. Esta edificación está rodeada dun amplo terreo cunha superficie de 6.400 m2, que destinan a xardíns e canchas de xogos deportivos para a mellor educación física e moral dos alumnos. O colexio foi inaugurado en 1924. Dende Arxentina, a entidade crea un fondo de reserva para o funcionamento da escola.
Nas actas de 1925 recóllense os novos propósitos sociais como son a creación dunha Escola de Artes e Oficios e de preparación agrícola, e un campo deportivo.
Dende xaneiro de 1924 publican a revista "Nuestra Obra" como órgano oficial da sociedade.
En 1941, apróbase uns novos Estatutos sociais que seguen a rexir a sociedade na actualidade. Así pasa a ter unha novas finalidades centradas no mutualismo e nas actividades recreativas: socorrer aos asociados nos casos de morte ou necesidade, mediante a formación dun fondo común procedente das cotas sociais; fomentar e estreitar os lazos de unión e amizade entre todos os asociados, organizando a tal fin reunións sociais e actos culturais e soster relacións de amizade coas asociacións de igual índole.

Resultados 101 a 120 de 1788