Showing 1788 results

Authority record

Unión Hijos de Morgadanes residentes en el Plata

  • AE-UR-UHMor
  • Corporate body
  • 1918-08-14 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada polos naturais do concello de Gondomar, residentes no Uruguai, que anteriormente formaran parte da delegación uruguaia da sociedade “Unión Hispano Americana Valle Miñor”, da que marcharon por disensións no seu funcionamento. Juan Rodríguez Rial e Juan Rodríguez López lideraron o grupo de fundadores da nova entidade. Ao pouco de constituírse, fixeron unha campaña na prensa arxentina para que os veciños da parroquia de Morgadáns, de Chaín e Peitieiros fundasen unha filial da sociedade e colaborasen na consecución de fondos para levar a cabo os fins sociais. Ese mesmo ano creouse a sección arxentina, presidida por Domingo Alonso Pérez.
Na súa acta fundacional establecen como finalidade prioritaria a construción e sostemento na parroquia de Morgadáns dunha escola, «que prepare eficientemente los elementos que se dirijan al Plata. La enseñanza será completamente gratuita y se regirá por los preceptos más modernos de la Pedagogía», tal como se recolleu despois no artigo 2 dos seus estatutos. Outros fins eran a protección mutua a todos os asociados e naturais de Morgadáns que chegasen ao Prata; a creación en Montevideo e Bos Aires de asilos para acoller os fillos de Morgadáns que tivesen unha mala situación económica ou con problemas de saúde; estreitar os vínculos de solidariedade hispano-americana, patrocinando e apoiando iniciativas nese senso; envío de axuda económica para a conservación do cemiterio civil construído na súa parroquia natal, etc.
Pronto contactan con familiares e veciños na súa parroquia para que comecen as xestións da busca dun edificio para crear a escola. En 1922, comezan a enviar cartos para a fundación desta, que foi instalada nunha casa alugada a D. José Cabanelas, industrial residente na cidade de Mercedes (Arxentina). Esta escola era privada, gratuíta e laica, seguindo o modelo do sistema uruguaio de educación. Todos os gastos que xeraba a escola eran pagados polos promotores. En 1924, o edificio de Cabanelas púxose en venda; aínda que a comisión de Morgadáns desexaba mercalo, desde Montevideo opuxéronse pois pensaban que era moi caro.
Comezaron as xestións para a compra dun terreo, que estivese situado estratexicamente, e en novembro de 1925 foi mercado un soar no lugar de Guillufe. Mentres non se construíu o edificio a escola é recolocada en 1926 nunha propiedade alugada.
No financiamento da construción do edificio escolar tamén colaboraron un grupo de veciños da parroquia residentes en Sevilla, que achegaron 227 pesetas.
Unha vez rematada a planta baixa, instálanse nesta as aulas e comeza o curso escolar, en setembro de 1927. Uns meses máis tarde, rematan todas as obras e o edificio é inaugurado en 1928. En outubro de 1929, créase unha biblioteca escolar, con compra e envíos de libros dende América.
Posta xa a escola en funcionamento, a delegación de Morgadáns centrará os seus esforzos na construción dunha casa de socorro para a parroquia.
En 1934, debido a graves problemas económicos, cédenlle o edificio á Entidade Menor de Morgadáns, que se ocuparía do seu mantemento.
A partir dos anos 40 cambian os fins da entidade, que pasa a ser mutualista e recreativa: “a) protección mutua a todos os asociados e aos oriundos de Morgadanes que arriben ao Plata; b) creación en Montevideo e Buenos Aires de asilos para recoller os fillos de Morgadáns que polas súas condicións físicas e pecuniarias non poidan continuar sendo elementos de traballo; c) estreitar os vínculos de soliedaridade hispanoamericanos e patrocinar cantas iniciativas persigan esta finalidade; d) conservación do cemiterio civil construído en Morgadáns por los naturais desa localidade residentes no Plata".
Actualmente teñen unha sede social en propiedade na calle General San Martín, onde realizan numerosas actividades recreativas para os socios, que contan tamén cun centro recreativo “El Pinar”, cunha superficie de 4.500 m2 e unha amplia infraestrutura que inclúe parrilleros individuais e un salón para 400 personas.

Casa de Galicia

  • AE-CU-CaG
  • Corporate body
  • 1993-05-08

Esta entidade foi fundada o 8 de maio de 1993 na cidade de Santiago de Cuba (provincia de Santiago de Cuba) baixo a denominación de "Asociación Gallega de Santiago de Cuba" por un pequeño grupo de descendentes de galegos, liderados por Carlos Fernández Rodríguez quen constituíu un comité xestor manténdose el no cargo de tesoureiro.
A súa sede social está situada na Rúa Bravo Correoso, 205 Bajos, esqu. 7 e 8 e contaba no ano 2000 con 50 familias asociadas.
Actualmente coñécese como Asociación Amistad Cubano-Gallega. Casa de Galicia". Os seus obxectivos son benéficos e culturais, dedicándose á atención dos galegos dos municipios de toda a provincia de Santiago de Cuba, non só da cidade.

Asociación Benéfica Hijos de Lalín

  • AE-VEN-HLal
  • Corporate body
  • 1983-11-30 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa e cultural foi fundada o 30 de novembro de 1983 por un grupo emigrantes galegos orixinarios do partido xudicial de Lalín que residían en Caracas e que foran socios da "Hermandad Gallega de Venezuela". A primeira directiva fundacional estaba integrada por David Mato López, como presidente; vicepresidente, Jesús Fernández Ramos; secretario xeral, José Manuel Varela González; tesoureiro, Gonzalo González Rodríguez; secretariod de relacións públicas, Adolfo Vázquez Martínez; vocais: Celso Martínez Villamayor, Antonio Souto González.
Os obxetivos fundamentais da asociación, recollidos nos seus primeiros estatutos (1983), céntranse na promoción de todo tipo de actividades de índole social, cultural e recreativa: entre varios dos fins está promover e auspiciar o labor de axuda mutua entre os seus asociados, no campo médico, social, docente, asistencial, cultural; propiciar programas de divulgación do coñecemento de Galicia, promovendo actividades culturais e recreativas, dirixidas á mellora dos niveis cultural, social e económico das persoas integrantes da Asociación.

Asociación Benéfica Provincia de La Coruña

  • AE-VEN-ProCor
  • Corporate body
  • 1984 ata a actualidade

Esta sociedade cultural e recreativa foi fundada o ano 1984 por un grupo de emigrantes galegos integrantes da "Peña Coruñesa" da Hermandad Gallega de Venezuela.

Nos seus inicios reuníanse na sede da HGV pero dende 1989 contan cunha oficina na zona da Candelaria, aínda que para realizar actividades recreativas, culturais ou deportivas continúan a empregar as instalacións da "Hermandad".

Entre os seus fundadores destacan Arturo Ces Chisca, primeiro presidente social, Antonio Corgo Casal, Julio Fernández Candamio, Juan José Vázquez Calviño, Salustiano Piñeiro Piñeiro, José Antonio Vázquez, Gerardo Blanco Paseiro, Genciano Silva, Juan Antonio Fernández, Francisco Regueiro e Celso Baleiro.

No Artigo 2 dos seus Estatutos sociais recollen que o obxectivo básico desta asociación é o seu carácter benéfico e de protección ou socorro mutuo entre todos os asociados. Para o seu cumprimento poderán promover, fomentar e desenvolver actividades de carácter cultural, deportivo, recreacional, coa finalidade de obter fondos para beneficios asistenciais, de previsión e axuda en xeral para os socios.

Federación de Centros Españoles de Venezuela

  • AE-VEN-FECEVE
  • Corporate body
  • 1974-10-25 ata a actualidade

Definida como "único órgano social privado, con personería jurídica propia, que se dedicaría a solicitar y defender los intereses y beneficios que por ley corresponden a todos los españoles en Venezuela" (Félix Barbero Alonso, presidente de FECEVE).

A Feceve fundouse o 25 de outubro de 1974, representa ao colectivo organizado en torno a centros, asociacións, entidades e fundacións, provinte das distintas comunidades autónomas españolas e, dentro do posible, ao non organizado, residente en Venezuela ante gobernos, organizacións e organismos públicos e privados de España, Europa e Venezuela.

Ten entre os seus obxectivos a loita polo benestar social da comunidade española en Venezuela, a través da labor social e cultural, así como manter a unidade da comunidade e defender os seus intereses.

Results 161 to 180 of 1788