Real Academia Galega

Área de identidade

Tipo de entidade

Entidade colectiva

Forma(s) autorizada(s) do nome

Real Academia Galega

Forma(s) paralea(s) do nome

Forma(s) normalizada do nome, dacordo a outras regras

Outra(s) forma(s) de nome

Identificadores para institucións

Área de descrición

Datas de existencia

30/09/1906-

Historia

O 30 de setembro de 1906 inaugurase oficialmente, no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, a Real Academia Galega, que xa fora constituída o 4 de setembro de 1905. No acto conflúen os dous vieiros principais do galeguismo naquela altura. O primeiro deles, agrupado arredor de Manuel Murguía, representa a continuidade do programa do Rexurdimento e do Rexionalismo, mentres que o segundo proviña da vizosa comunidade de emigrantes galegos en Cuba onde naceu, en 1905, a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega. A Asociación Iniciadora foi a principal fornecedora das remesas precisas para acometer os gastos da fundación e sostemento da Academia e tivo por obxecto, segundo o seu propio regulamento: "darlle unidade ao idioma galego mediante a publicación dunha gramática e un dicionario". A figura senlleira do litógrafo de orixe ferrolá, Xosé Fontenla Leal, apadriñado polo prestixio intelectual de Curros Enríquez, foi fundamental na organización e bo resultado deste proxecto.
Os anos de Murguía, 1906-1923:
Baixo o gran prestixio persoal e intelectual de Manuel Murguía, a Academia vive a súa idade de ouro. Dá comezo unha intensa actividade organizando numerosos actos culturais e celebrando frecuentes plenarios por todo o País. É agora tamén cando se acordan as bases para a elaboración do dicionario que empeza a ser publicado por entregas entre 1912 e 1928, ou se conseguen ampliar as dependencias da Academia grazas ao seu traslado ata o edificio do Concello en María Pita. Pero, sobre todo, neste período encétase a publicación do Boletín da Real Academia Galega, do que se chegaron a editar 149 números en vida de Murguía. Coa súa morte o 1 de febreiro de 1923, aos noventa anos, o primeiro Presidente deixa como legado unha Academia forte, ben organizada e cun camiño ante si rigorosamente trazado.
Entre Murguía e a República, 1923-1936
Nesta segunda etapa, ocupan sucesivamente a presidencia Andrés Martínez Salazar (1923), Francisco Ponte Blanco (1923-1926), Eladio Rodríguez González (1926-1934) e Manuel Lugrís Freire (1934-1935). A inesperada e precoz morte do prestixioso investigador e editor Martínez Salazar, considerado o herdeiro natural de Murguía, supón un importante revés para a Academia, agravado pola suspensión das remesas procedentes de Cuba e a instauración da ditadura de Primo de Rivera. Aínda así, a incorporación de importantes persoeiros da nova xeración galeguista, como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao e Antón Villar Ponte, xunto coa axuda económica chegada da recentemente constituída Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega de Bos Aires, semellaba augurar un espléndido porvir para a nosa institución tronzado, traxicamente, polos sucesos de 1936.
Os anos escuros, 1942-1977:
Tras a Guerra Civil, a Academia entra nun estado de semiclandestinidade, moi próximo ao da súa desaparición definitiva. Sometendo a silencio, exilio ou morte á parte máis consciente do galeguismo republicano, o réxime franquista só tolera unha continuidade simbólica e testemuñal da Academia, que non volve constituírse formalmente ata o ano 1943, so a presidencia de Manuel Casás. Malia todo, a entrada na Academia de intelectuais procedentes do chamado "Grupo Galaxia" daralle un novo pulo á institución. Así, por iniciativa de Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo dá comezo en 1963, durante a presidencia de Sebastián Martínez-Risco, a celebración do Día das Letras Galegas. Desta maneira, e coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, inaugúrase a conmemoración máis importante da nosa cultura e de maior repercusión social.
Na democracia, 1977-1997:
Da longa presidencia de Domingo García-Sabell podemos destacar diversos feitos de importancia histórica, como o Acordo Ortográfico de 1982, o recoñecemento á RAG na Lei de Normalización Lingüística, a creación do Seminario de Lexicografía -no seo do cal se elaboraría o primeiro dicionario monolingüe da RAG- ou, máis tarde, do Seminario de Sociolingüística, que se encargaría da realización do Mapa Sociolingüístico de Galicia, entre outras achegas. É tamén neste tempo, en 1978, cando se completa o traslado da Academia desde as dependencias municipais ata a súa actual sede no número 11 da rúa Tabernas.
Cara á actualidade:
Os catro anos de presidencia de Francisco Fernández del Riego, entre 1997 e o 2001, supuxeron unha apertura sen precedentes na historia da Academia. Durante este período, ingresaron na institución intelectuais de prestixio procedentes dos diversos ámbitos culturais ou científicos, mais, sobre todo, renovouse a vontade de servizo ao País e de participación nos debates do seu tempo. Xa na presidencia de Xosé Ramón Barreiro, proseguiuse a liña de diálogo e asunción de responsabilidades marcada polo seu predecesor. O resultado deste compromiso concretouse en feitos como o Acordo Ortográfico de 2003. Unha vontade de compromiso e implicación na defensa da lingua e cultura de Galicia que pretende ser o constante propósito da Real Academia Galega para o século que comeza.

Lugares

A Coruña

Estatuto xurídico

Nesta ligazón poden descargar os Estatutos da Real Academia Galega https://academia.gal/documents/10157/124285/Estatutos+da+RAG.pdf

Funcións, ocupacións e actividades

Mandatos/fontes de autoridade

Estructura/xenealoxía interna

Órganos de goberno e as súas funcións
Pleno: Está constituído polos trinta membros de número e é o encargado de tomar as decisións últimas que afectan á Real Academia Galega.

Comisión Executiva: Está constituída polo presidente, o secretario, o tesoureiro, o arquiveiro-bibliotecario e o vicesecretario. Actúa por delegación do Pleno e encárgase de exercer o goberno da institución e de establecer a orde do día das Xuntas. A actual Comisión Executiva foi elixida o día 28 de marzo de 2017.

Presidente: Convoca e preside as reunións, ademais de representar a institución en toda clase de entidades. O actual presidente da institución é Víctor Fernández Freixanes.

Secretario: Encárgase de redactar a acta de cada sesión e da memoria anual da Academia, ocúpase da correspondencia e do seu rexistro, e substitúe o presidente na súa ausencia. O actual secretario da institución é Henrique Monteagudo Romero.

Tesoureira: Responsabilízase do patrimonio e da contabilidade da institución. A actual tesoureira da institución é Marilar Aleixandre.

Arquiveira-bibliotecaria: Encárgase de velar pola conservación e ordenación de libros, manuscritos e documentos da institución, así como de coordinar a adquisición de fondos bibliográficos e documentais. A actual arquiveira-bibliotecaria da institución é Fina Casalderrey.

Vicesecretario: Substitúe o secretario en ausencia deste e auxilíao en todas as funcións que este lle encomende. O actual vicesecretario da institución é Andrés Torres Queiruga.
Membros que compoñen a Academia:
De número: Os trinta membros de número que contempla o esquema organizativo da Real Academia Galega teñen a obriga de residir no territorio do dominio lingüístico galego, son elixidos polo Pleno e gozan de todos os dereitos e teñen todas as obrigas sinaladas nos Estatutos e no Regulamento.

De honra
O nomeamento de membro de honra recae naquelas persoas que teñan prestado relevantes servizos á nosa cultura nos campos dos que se ocupa a institución.
Ver listaxe de académicos de honra.
Correspondentes: O compromiso de residencia non afecta aos sesenta membros correspondentes que, elixidos polo Pleno, poden participar nas tarefas científicas e sociais da institución pero non nos seus órganos de goberno.

Contexto xeral

Área de relacións

Access points area

Materias

Lugares

Occupations

Área de control

Identificador do rexistro de autoridade

RAG

Identificador da institución

Regras e/ou convencións usadas

Estado de elaboración

Nivel de detalle

Datas de creación, revisión ou eliminación

Rexistro creado por Susana Guitar Novo o día 20/02/2019

Idioma(s)

  • galego

Escritura(s)

  • latino

Fontes

Notas de mantemento

  • Portapapeis

  • Exportar

  • EAC

Materias relacionadas

Lugares relacionados