Showing 1783 results

Authority record
AE-USA-Sada · Corporate body · 1913-05-19 ata os anos 80 do pasado século

Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais do concello de Sada residentes na cidade de Nova York, coa finalidade principal de «crear escolas neutras e laicas en Sada».
Como fundadores desta nova entidade podemos citar a Ramón Mosteiro –que foi o seu primeiro presidente–, José M. Carregal, Juan A. López, José A. Roel, Juan Barreiro, Vicente Sánchez, Antonio Fernández Pita e Dionisio Vecino. Todos eles conseguiron implicar no proxecto ao pequeno colectivo de sadenses que alí vivían.
No seu primeiro regulamento social, con data de 1914, aparecían especificados os seus fins xerais: «Difundir y mejorar la enseñanza elemental en el referido término municipal así como también propagar y dar a conocer los fines y principios del raciocinio natural por medio de un sistema educativo y neutro, el cual estará basado en un plan de enseñanza moderno, verdadero y natural, libre de errores y prejuicios dogmáticos y sectaristas [...]. La Sociedad admitirá en sus planteles de enseñanza a todos los niños de ambos sexos que se justifique carecen de recursos pecuniarios, así como también a los que residan en los Ayuntamientos colindantes de Bergondo y Oleiros. Dotará de casa-escuela a la capital, parroquias y aldeas del Ayuntamiento de Sada».
En 1920, comezaron as xestións para a construción do edificio escolar, das cales se ocupou unha delegación da sociedade en Sada. Ese mesmo ano mercouse un soar na vila coas 1500 pesetas enviadas dende Estados Unidos.
Ao longo dos anos, a sociedade organizou numerosas actividades e festas co fin de recadar fondos para a construción do colexio e para a dotación deste de mobiliario e material educativo. Por exemplo, en 1925, aparece na prensa da colectividade a noticia de que as sociedades Sada y sus contornos e Club Coruña organizaran unha Fiesta de la Flor, coa que recadaron 1120 dólares, destinados a partes iguais ao Sanatorio Marítimo de Oza e ás obras do edificio escolar que se estaba a facer na vila de Sada. Ademais, fixeron outras doazóns de carácter solidario e benéfico coa súa localidade de orixe: en 1924 enviaron máis de 3000 pesetas para mercarlles víveres de primeira necesidade para os damnificados por un temporal e para os pobres do concello, e tamén deron axudas puntuais para casos de extrema necesidade.
En 1927, despois de numerosas trabas burocráticas, inaugurouse a escola, que dispoñía de catro aulas e dunha biblioteca doada pola sociedade arxentina Pro-Escuelas Unidos de Sada. Esta biblioteca denominouse República Argentina e contaba con abundantes fondos bibliográficos de literatura, teatro, historia e xeografía arxentinas. Ademais, a sociedade pagáballes aos alumnos máis pobres a roupa, o calzado e a comida; tamén custeaba o soldo dos mestres.
Coa Guerra Civil, o edificio escolar foi incautado e pechado.
Os poucos socios que tiña a entidade nos anos 40 e a imposibilidade de continuar co seu labor en Sada levaron a que se integrase nunha entidade maior que acollía a maioría dos galegos que vivían na cidade de Nova York: a Casa Galicia de Unidad Gallega, que tiña como finalidade principal darlles apoio mutuo e recreativo a todos os galegos residentes na cidade.
Os últimos socios reuníanse habitualmente no bar Castilla, propiedade de Ramón Castilla, quen foi o depositario dos fondos sociais.
Na década dos 80, xa practicamente sen socios, foi disolta como entidade e os seus fondos doados á Universidade de Columbia, onde se colocou unha placa de recoñecemento, lembrando este acto de xenerosidade.

AE-CU-HCorc · Corporate body · 1927

Esta sociedade foi fundada o 17 de xuño de 1927 na cidade da Habana polos emigrantes do partido xudicial de Corcubión residentes na illa para promocionar a instrución na súa terra natal, o recreo e a protección dos seus socios.
A Xunta Directiva fundacional estivo formada por: presidente, Manuel Castiñeiras Canosa; vicepresidente, Jesús Barros; secretario de actas, Ramón Pena Ríos; vicesecretario de actas, Juan Marcote; tesoureiro, Manuel Allones; vicetesoureiro, José León; secretario de correspondencia, Isidro Liñeiro; vicesecretario, José Blanco; vocais: José Blanco, Segundo Díaz, Ramón Carballo, Francisco Blanco, Baltasar Rodríguez, José Parga, Pedro Louzán, José Martínez, José Lema, Alejandro Pérez, José Pérez, José Muñiz, Sandalio Fernández, Manuel Fernández, Manuel Martínez, Ramón Marcote, José Atán, José Crego, Juan Costa e Ramón García.
Non se dedicaron a construír escolas, pois segundo eles xa había bastantes gracias o labor da "ABC de Corcubión" en Arxentina e dos indianos da zona (Fernando Blanco de Lema, en Cee e José Carrera y Fábregas de Corcubión), pero xestionan ante as autoridades escolares, o estabelecemento dun servizo de transporte para os alumnos das parroquias alonxadas.
Na actualidade esta sociedade ten como presidente a Antonio Castro.
Pertence á "Comisión Coordinadora de las Sociedades Gallegas de Cuba" (29/05/1992).
Forma parte da "Federación de Sociedades Españolas de Cuba" (7/04/1992).
Xa extinguida para a formar parte da sociedade "Hijos del Distrito de Sarria" (Data da fusión por confirmar)

AE-CU-Som · Corporate body · 1909-06-06 ata a actualidade

Como precedente da creación desta sociedade de instrución podemos remitirnos ao ano 1893, cando dentro do Centro Gallego da Habana formouse unha comisión composta por socios naturais da Somozas, para recadar fondos en pro dos agricultores afectados tras a mala climatoloxía dese ano. Esta comisión estaba formada por: Gervasio Fraga y Campos, Silverio Ramos López, Manuel Fraga Fernández, Juan Abella y Jarel, Angel Durán y Pillo, José López Fontán, Patricio Ramos Pena, Prudencio Fraga, M. Justo Prada Pila, Andrés Durán y Alonso y Bartolomé Formoso.
O 12 de novembro de 1908, un grupo de veciños naturais deste concello, entre os que se atopaban José Formoso (presidente fundacional), Manuel Prieto, Antonio López Méndez, Enrique Rivera Suárez e Luis Poraño Fernández, reúnense para fundar unha sociedade que defendese os seus intereses e a finalidade prioritaria de crear e soster planteis de ensinanza de nenos e nenas nas Somozas.
Será xa o ano seguinte cando financien a construción de catro edificios para escolas nas catro parroquias do concello (Somozas, Recemel, Seixas e Enchousas).
No seu Regulamento constan tamén como outros obxectivos: o socorro aos asociados carentes de recursos económicos, traballo, inutilidade física para o mesmo ou enfermidade e en último lugar fomentar por medio de festivais e outras festas de recreo a confraternidade entre os asociados desta institución.
No ano 1923 crean dúas delegacións, unha en Batabanó e outra en Somozas e xa en 1934 contaban con diversas propiedades: un edificio en Marianao e outro en Santos Suárez.
Esta sociedade foi tamén denominada ao longo da súa historia social como "La Aurora Moderna" e "La Aurora".
O seu actual presidente é Jorge Cienfuegos.

La Unión Mañonesa
AE-CU-UMañ · Corporate body · 1909. Non existe na actualidade

Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais do concello coruñés de Mañón residentes na cidade da Habana, liderados por Andrés Peña Castro, Francisco Penabad e Constantino Castro Vidal. Esta entidade era tamén coñecida como La Unión Escolar Mañonesa.
Dende a súa creación tiña como fin prioritario fomentar e difundir a instrución gratuíta na súa terra natal, tal e como se recollía nos seus primeiros estatutos, que datan de 1909: «1º. Fomentar y difundir la instrucción gratuita en Mañón (Galicia-España) y demás parroquias de su Ayuntamiento (...); 2º. Interesarse por los inmigrantes que de allá vengan a Cuba, con preferencia por aquellos que carezcan aquí de familiares, prestándoles toda la protección posible; estrechar los lazos de amistad entre todos los mañoneses (...); 3º. Cuidar de los intereses generales de la comarca mañonesa; proteger y mejorar su agricultura y ganadería e iniciar las industrias que se derivan de estos dos principales elementos de la riqueza de nuestro país natal.
Art. III. Para realizar practicamente los propósitos que sobre instrucción determina el artículo anterior, se procederá del siguiente modo:
1º. Construyendo un plantel de enseñanza elemental para ambos sexos, que reúna las mejores condiciones, en el lugar más céntrico de Mañón, plantel que sostendrá la Sociedad a la mayor altura pedagógica que se pueda, sin perjuicio de establecer antes la enseñanza en un local acondicionado para el caso y de crear y establecer tantos otros como la necesidad y la práctica aconsejen; 2º. Llevar estos mismos beneficios a las parroquias colindantes, dándose siempre preferencia a las que con mayor intensidad se deje sentir la necesidad de la enseñanza; 3º. Estableciendo y sosteniendo escuelas periódicas o ambulantes, sin perjuicio de subvencionar las ya establecidas con esta u otra organización, ya sean oficiales o particulares; 4º. Creando premios para alumnos y profesorado; 5º. Subvencionando y costeando a ser posible, estudios superiores a los alumnos que más se distingan, con preferencia siempre a los que tengan vocación por la enseñanza pedagógica o agrícola; 6º. Instalando y sosteniendo bibliotecas o salones de lecturas; organizando conferencias y veladas instructivas y todo cuanto se pueda realizar con tendencias de elevar el nivel cultural de nuestra patria».
A sociedade pronto contou con delegacións en diversas cidades cubanas como Regla, Casa Blanca, Guanabacoa, Puentes Grandes, Marianao, Pinos, Cañas, Güines, Matanzas, Colón, Unión de Reyes, Cruces, Cienfuegos, Sagua e Caibarién; e en cidades doutros países como en Nova York, Brooklyn ou Madrid. Coa colaboración de todos conseguiron fondos para levar a cabo os diversos proxectos sociais.
No mes de maio de 1911, constituíuse unha delegación en Mañón presidida por Andrés Pigueiro. Durante unha visita a Mañón, Andrés Peña Castro, alma da institución na Habana, mercou unha grande extensión de terreo no sitio coñecido como Cabeza de Muros para construír un edificio escolar.
En 1912, a sociedade aluga unha casa no lugar do Campo, na que instala provisionalmente unha escola para os nenos da parroquia, escola que foi dotada de mobiliario e material educativo, incluso a entidade se encargaba de pagarlle ao mestre.
Ese mesmo ano, merca unha casa na Habana, na rúa Jesús del Monte, co propósito de alugala. As rendas conseguidas estaban destinadas a sufragar os gastos das escolas da entidade. Na década dos anos 20 financia a construción de tres edificios escolares na parroquia de Santa María, nos lugares de Segade, Barreiros e A Panda. En 1925, merca unha casa, xa construída, no lugar da Casanova, que acondiciona como escola e vivenda do mestre.

Lousame y Noya
AE-CU-LouNo · Corporate body · 1924. Non existe na actualidade

Esta sociedade de instrución foi fundada arredor do ano 1924 na cidade da Habana polos emigrantes naturais de Lousame e Noia, co fin de promover a alfabetización nos seus concellos natais, construíndo un amplo edificio escolar, onde os nenos da súa comarca nativa recibisen instrución. A escola foi inaugurada o ano 1928 no lugar de Baiuca. Ademais da instrución fomentaban a amizade entre todos os connaturais residentes en Cuba.
Crearán unha delegación do mesmo nome e fins en Arxentina.

AE-UR-CPont · Corporate body · 1958-09-26 ata a actualidade

Un equipo de fútbol, integrado por emigrantes pontevedreses en Montevideo, foi o o xerme do que hoxe é o actual “Centro Pontevedrés de Montevideo”.
A iniciativa da creación dunha nova entidade foi liderada por Nemesio Carballo e Modesto Rial. Ambos os dous expandiron entre a colectividade a necesidade de crear un centro con finalidades deportivas e sociais.
A súa primeira directiva estaba formada por: Nemesio Carballo, como presidente; vicepresidente, Manuel Moldes; secretario, Modesto Rial; prosecretario, Eduardo Alonso; secretario de actas, Luis Villanueva; tesoureiro, Manuel Fiuza; protesoureiro, Celestino Pichel; bibliotecario, Olímpico Coruñago e como vogais titulares: Justo Penedo, José Parada, Albino Novas, José Méndez, Andrés Kapham-mel, Justo Piñeiro, Angel Tomé e Manuel Touriño.
Segundo o estatutos sociais, aprobados ese mesmo ano o Centro ten os seguintes obxectivos: “ a) Contribuír con todos os medios ao seu alcance ao estudo e coñecemento da historia, os costumes e cultura de Galicia e da República Oriental do Uruguai, difundindo os principios da súa constitución democrática, mantendo o respecto polas institucións que a rixen (…)
c) Organizar actos culturais, artísticos e recreativos para o mellor logro dos propósitos enunciados, colaborar naqueles outros propiciados por entidades similares, sempre que non representen o menor menoscabo para a institución, nin renuncia aos seus principios de fe democrática
d) Auspiciar o ingreso a este centro das sociedades pontevedresas que se rixan polos mesmos principios e teñan os mesmos fins que o Centro Pontevedrés de Montevideo".
Grazas á colaboración económica dos socios, en pouco tempo mercan un edificio para ser a súa sede social: o edificio conta con despachos, unha oficina, sala de reunióne, salón de xogos, bar e unha Biblioteca á que chamaron "Manuel Magariños", con importantes fondos literarios galegos.
Ademais das actividades deportivas, nas que sempre están a un gran nivel, (en 2015 deu a coñecer un novo equipo de balonmano, da entidade, en catro categorías e con 50 xogadores, que compiten na liga uruguaia), o centro ten un grupo de teatro e un grupo de baile e música galegos, que o representa nas festividades da colectividade galega no país. Organiza tamén numerosas actividades recreativas, festas e banquetes, para manter unidos aos socios (celebración da Festa da Peregrina, do aniversario social, do Día do Apóstolo, fin de ano e elección das raíñas da entidade).

Unión Trivesa
AE-CU-UTrives · Corporate body · 1921-06-12 ata a actualidade

Esta sociedade comarcal foi fundada na Habana o 12 de xuño de 1921 polos naturais do concello de Pobra de Trives residentes alí coa finalidade de socorrer aos asociados que por enfermidade, accidente, inutilidade física para o traballo ou necesidade de repatriación o necesitasen, e fomentar por medio de festivais a confraternidade entre os naturais do Partido Xudicial de Pobra de Trives e todos os fillos de Cuba e España; establecer relacións coas sociedades afins, na forma que máis conviñese á defensa dos intereses sociais e, por último, organizar actos culturais e de recreo como conferencias, veladas, etc. para recabar fondos para o fondo social.

En 1938 estivo presidida por Orentino Diéguez.

En 1998 a Xunta de Galicia recoñeceulle a súa galeguidade.

AE-UR-PaCulGa · Corporate body · 1964 ata a actualidade

O Patronato da Cultura Galega foi fundado por iniciativa dun grupo de emigrantes galegos entre os que podemos citar a Manuel Meilán, José Cancela, Marcelino Martínez, Jesús Canabal, Manuel Canabal, Antón Crestar, Abelardo Cerdeira, Manuel Martínez, José Fernández, Albino García, Miguel Vázquez Valiño, Federico Docampo ou Carlos Zubillaga. Segundo os seus fundadores xurde como un xeito de resposta cultural á situación da colectividade galega no Uruguai.
A súa primeira directiva estaba formada por: José Cancela Freijó, como presidente; vicepresidente, Jesús Canabal; secretario, Miguel Vázquez Valiño; tesoureiro, Abelardo Cerdeira e vogal, Rogelio Cerdido.
Durante os seus primeiros anos, coincidindo cos últimos anos do franquismo en España, centrouse na defensa da cultura e a lingua galega coa publicación de varios libros en galego (algo impensable na Galicia do momento) de autores e temas prohibidos polo réxime. Pódese citar algúns libros como Versos para cantar en feiras e romaxes”: de Manuel María, “Los cruceiros del Montevideo antiguo” de Carlos Zubillaga Barrera, “Rosalía y su mundo poético” de Víctor Luis Molinari, “Historia de emigrantes” de Xosé Neira Vilas etc.
O lema social é "Sementar cultura e amor a nosa terra". Segundo os seus estatutos o Patronato creouse co propósito de traballar a favor do coñecemento de Galicia e dos valores universais que o pobo galego creou, así como para estimular o desenvolvemento das ciencias e as artes e de todo impulso que tenda ao perfeccionamento da cultura e da maneira de vivir dos galegos e dos seus descendentes, residentes tanto na súa terra de orixe como en calquer outro lugar. En particular tratará de destacar os valores de Galicia no Uruguai e de incrementar o estreitramento dos vínculos fraternais entre os dous pobos.
Este patronato foi creado pois, co obxectivo de “promover e espallar a cultura galega”, e, por iso unha das súas bandeiras foi sempre a defensa do idioma. Desde o comezo, reivindicar o galego lingua foi un obxectivo polo que se traballou e traballa sempre a través de distintas actividades desenvolvidas. Como exemplo, pódese citar a Misa en Galego, acto reivindicativo que anualmente, durante o mes de Galicia, e coincidindo co domingo máis próximo ao 25 de xullo, é celebrada na Catedral Metropolitana de Montevideo nun horario central. Hoxe en día, este feito xa non é tan relevante, pero cando se empezou a facer foi unha achega interesante á causa da recuperación.
De xeito permanente, a institución organiza as seguintes actividades:

  • Financia a audición radial “Sempre en Galicia”, fundada en 1950 -ano da morte de Castelao- como homenaxe a súa figura e a súa obra. Constitúe a audición máis antiga do mundo falada enteiramente en lingua galega, e pode escoitarse por CX12 Radio Oriental, e por www.oriental.com.uy, cada domingo ás 9 da mañá.
  • Edita dende 1965 a revista ”Guieiro”, voceiro oficial do Patronato, no que se recollen distintas expresións culturais de Galicia e a súa repercusión fóra de Galicia, así como producións propias dos galegos emigrados.
  • Imparte cursos regulares e obradoiros sempre sobre temática galega, que constitúen un interesante traballo de estudo e investigación para levar adiante as diversas actividades . Cursos como o de danza crioula, baile e música galegos, lingua galega, etc.
  • Grupos de viaxe dos socios, coa finalidade de percorrer Galicia, viaxes preparadas en conxunto, sobre a historia, xeografía e cultura de cada rincón do país, aos efectos de coñecer e amar Galicia conectando coas súas raíces.
  • Conmemoración con festas e banquetes de datas importantes como o aniversario de Castelao, o Día das Letras Galegas , o Día da Patria Galega ou o Día da poesía galega, unha celebración instituída polo Patronato, que se celebra todos os anos no mes de decembro, cunha doble finalidade: homenaxear a un poeta galego vivo, así como dar a coñecer aos novos autores, como un xeito de promovelos e poñer ao día á colectividade do quefacer cultural da Galicia actual.
  • Concede o premio “Vieira de Prata”, como o máximo galardón que outorga o Patronato anualmente, a aquela persoa ou institución que destaque polo seu aporte, ou servizo, á causa do Patronato ou de Galicia. Este premio entrégase nun acto público, no xantar aniversario de irmandade. Moitas figuras e institucións galegas foron distinguidas con este premio,como Luís Seoane, Antón Crestar, Antón Alonso Ríos, Isaac Díaz Pardo, Luis Tobío, Xosé Neira Vilas, a Fundación Castelao … No ano 2009, por exemplo, a Xunta Directiva do Patronato decidiu, por unanimidade, outorgar o galardón ao escritor e xornalista Manuel Rivas “polo seu aporte á nosa cultura e a súa defensa do ser galego e do seu propio idioma”.
  • Organiza ao longo de todo o ano, conferencias, exposicións, presentación de libros e moitos eventos máis, que fan desta institución un xermolo de galeguidade alén mar.
  • Cómpre dicir, tamén, que o Patronato da Cultura Galega conta cunha importante biblioteca de aproximadamente 10.000 exemplares -a maioría deles en galego- que son consultados na sala da institución, ou tamén polo servizo de préstamo a domicilio.
AE-CU-NatOrt · Corporate body · 1928-06-24 ata a actualidade

Esta sociedade de beneficencia foi fundada na Habana o 24 de xuño de 1928, por un grupo de emigrantes da parroquia de San Adrián de Veiga do concello de Ortigueira. Un dos fundadores e promotor da súa fundación foi Antonio Couzo García, primeiro presidente da sociedade, quen tamén fundaría tras a súa marcha a Miami en 1971, a sociedade "Casa de Santa Marta de Ortigueira" como réplica da casa matriz da Habana. Outros socios fundadores foron: Daniel Rebollar Martínez, Manuel Casal Piñeiro, Manuel Díaz Ramil, Enrique Prieto Valcárcel, Manuel Piñón Rodríguez, Abelardo Piñón Rodríguez, Pedro López Salgueiro, e José Antonio Prieto Valcárcel.
Esta asociación foi creada co fin de realizar actividades mutualistas e asistenciais en pro dos seus asociados. No seu primer regulamento, de 1928, establecíase que a asociación tería por obxectivo prioritario prestar auxilio aos asociados necesitados de amparo cando por enfermidade, falta de traballo ou imposibilidade física para o mesmo, se viran precisados de axuda, así como naqueles casos de enfermidade ou indixencia que lles fixera necesario voltar á súa terra.
No ano 1929 organizan en Ortigueira unha campaña de propaganda para captar socios, dándolles a coñecer as vantaxes que lle reportaría inscribirse na sociedade e así cando emigrasen, podían dirixirse ao delegado social que lles facilitaría todos os requisitos que esixía a lei de Inmigración cubana, ademais de contar coa axuda da entidade a súa chegada.
En 1933 aproban a inclusión das mulleres como asociadas de pleno dereito e forman un comité de damas, para axudar a preservar a moral das fillas do concello de Ortigueira, procurando que estas non se atopen abandonadas nun país estrano. En outubro de 1934 aproban a construción do primeiro panteón que se inaugura o 8 de novembro de 1936; tras varias ampliacións, o 20 de xaneiro de 1952 constrúen o actual panteón, no Cemiterio de Colón da Habana, e no que teñen dereito a ser inhumados todos os socios con máis de 2 anos de inscrición e sen custos.
En febreiro de 1941 editan o primeiro número de "El Heraldo Ortigueirés" que se publicou ata 1959.
Esta sociedade conta cun edificio social da súa propiedade inaugurado o 28 de marzo de 1943, cunnha biblioteca que leva o nome de Ramón Armada Teijeiro e que contaba con máis de 1.200 volumes.
Dende os seus comezos contou con numerosos socios, chegando a ter en 1960 uns 21.000. Nos Estatutos renovados de 1978, os fins continuaban sendo benéficos e de axuda mutua entre os socios, ademais de organizar conferencias, veladas e calquera outra actividade recreativa en beneficio dos asociados.
Actualmente a súa actividade máis destacada é visitar aos socios enfermos e axudarlles con socorros en efectivo segundo o tempo que pertenceron á sociedade. Tamén organizan na súa sede cursos de terapia ocupacional e outras actividades recreativas e deportivas como festas, xogos de salón, campionatos de axedrez, billar e dominó etc.; celebran anualmente o aniversario da institución, o Día de Defuntos, e a festividade de Santa Marta de Ortigueira. Contan cunha escola de baile e conseguen financiación polas cotas sociais (contan con preto de 12.000 socios) e polos ingresos dun pequeño restaurante "Mesón Ortigueirés".
Dende o ano 2000 é presidente social, Rodolfo Valentino Blanco Estévez.

Unión de Baleira
AE-CU-UBal · Corporate body · 1937-02-16 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada o 16 de febreiro de 1937 polos emigrantes do concello de Baleira (Lugo) que emigraran á Habana. Foi creada por un grupo de socios de "Juventud de Baleira y su comarca" que, debido ao estalido da guerra civil española e as profundas diverxencias ideolóxicas que isto provocou, deciden marchar da entidade e crear unha nova baixo a denominación de "Unión de Baleira".
Os seus fins foron procurar por todos os medios ao seu alcance a protección moral e material dos seus asociados; establecer relación con outras similares, a fin de conseguir máis eficazmente os seus fins e tamén prestar auxilio aos asociados cando por necesidade ou enfermidade probada se vexan necesitados.
O seu presidente actual é Julio A. Gallo.

Unión Mugardesa
AE-CU-UMug · Corporate body · 1909-07-30 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada pola numerosa colonia de emigrantes mugardeses residentes na illa de Cuba coa finalidade de levar gratuitamente aos seus veciños «el codiciado pan de la enseñanza». A súa creación estivo promovida por Francisco Sabio Badía (primeiro presidente), Juan José Rabina Cañizo, Eliseo García, Esteban Deus Prados, Ferreol Lago, Jaime Villar Lago e José Gelpi Souto.
Segundo a acta de constitución, o obxecto principal da nova entidade era «fomentar y propagar la enseñanza gratuíta entre los naturales del término municipal de Mugardos, creando a ese fin, colegios de ambos sexos en cada una de las cuatro parroquias de que se compone dicho término, empezando por la de Mugardos y continuando en las demás...».
Unha vez constituída, a entidade comeza a organizar numerosas actividades para obter fondos para enviar á súa terra natal, ben a través da emisión de bonos, ou pagamento de cotas sociais, ben organizando festas e comidas que servían tamén para fomentar a unión dos mugardeses que vivían na illa.
O 19 de setembro de 1910 crea unha delegación en Mugardos, que foi dirixida por Jesús Fernández, quen se ocupa de xestionar todo canto se lle encargaba de Cuba e, principalmente, a construción do grupo escolar.
Contaba, tamén, coa axuda de grupos de mugardeses que residían noutros países como Estados Unidos: en Florida, o delegado era Joaquín Díaz Casal; en California, Juan Rodeiro, e en Boot Key, José Díaz Casal. En Bos Aires, Manuel Deus López; en México, Vicente López Badía; e, en Brasil, Antonio Lara Aneiros. Con todas as contribucións mandáronse, ao longo de varias décadas, cartos para o mantemento das escolas municipais e tamén para casos de necesidade da vila e dos seus habitantes, como por exemplo o envío, en 1912, de 1899 pesetas para repartirlles ás catro viúvas dos náufragos da lancha Pilar.
O 9 de abril de 1922 organízase un acto para festexar a colocación da primeira pedra do edificio escolar que levará o nome da sociedade. As obras comezan en 1923 e rematan en 1925, cun custo de 6500 pesetas. Pero non será inaugurado oficialmente ata o 3 de novembro de 1929, debido ás malas relacións entre os directivos da sociedade e o alcalde da vila.
Por este motivo, en 1925 a sociedade cedeu o edificio para que se impartisen as clases da escola unitaria dos Casás. En 1927, sen inaugurar, comezan as clases, que serán gratuítas e laicas, cun mestre pagado pola sociedade.
Nesta década realiza numerosos envíos de libros para as escolas do municipio.
En 1926 hai importantes disensións polo funcionamento da entidade entre os socios, o que desenvoca na escisión dun grupo, que acaba formando unha nova asociación chamada Juventud Mugardesa, con finalidade recreativa. En 1946, grazas ás xestións de Francisco Yáñez Badía, as dúas asociacións volven unirse. Pero os cambios políticos e sociais, tanto en España como en Cuba, provocan unha modificación nos seus obxectivos, benéficos e recreativos, pasando a chamarse Unión Mugardesa de Beneficencia y Recreo.
En 1951, a causa das dificultades económicas da sociedade, apróbase en asemblea xeral de socios a cesión do edificio escolar ao Concello.
Esta sociedade segue a existir na actualidade e é unha das poucas que conta coa súa propia sede social, sita na rúa Peñalver, 561 da capital cubana.

AE-CU-XNG · Corporate body · 1920

Esta entidade foi creada o ano 1920 na Habana, cun marcado carácter político, sendo os seus obxectivos principais: a loita polo engrandecemento de Galicia en todos os ordes (o seu lema social foi "todo por Galicia e para Galicia"); acadar unha amplia autonomía para Galicia; propagar a língua galega por todos os medios; a difusión da cultura científica, literaria e artística de Galicia; realizar labores políticas de propaganda e de acción e por último un amplio espíritu feminista, por entender que a muller en Galicia debe ter máis dereitos que os que as leis lles concedían.
Fan o seu programa de acción seguindo os manifestos do Partido Nazonalista Galego e ríxense polo regramento das "Irmandades da Fala" aprobado polo gobernador da Habana.
No ano 1922 o seu conselleiro mayor foi Andrés Rodríguez Orjales, como secretario, Cándido Navarro e no ano 1923 o seu presidente foi Vicente Rebollar.

Agrupación Galaica
AE-VEN-AgGal · Corporate body · 1977

A Agrupación Galaica promove o achegamento dos galegos en Venezuela e as iniciativas de acción asistencial comunitaria. Fomenta e desenvolve actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda. Órgano de opinión dentro de la Hermandad Gallega de Venezuela, concurrindo aos procesos electorales efectuados por dita entidade, e en xeral ten un carácter benéfico e de socorro mutuo.
Foi creada para "cumplir con el principio de defensa de los derechos de los socios de la Hermandad Gallega y de los gallegos en general"

AE-VEN-ProCor · Corporate body · 1984 ata a actualidade

Esta sociedade cultural e recreativa foi fundada o ano 1984 por un grupo de emigrantes galegos integrantes da "Peña Coruñesa" da Hermandad Gallega de Venezuela.

Nos seus inicios reuníanse na sede da HGV pero dende 1989 contan cunha oficina na zona da Candelaria, aínda que para realizar actividades recreativas, culturais ou deportivas continúan a empregar as instalacións da "Hermandad".

Entre os seus fundadores destacan Arturo Ces Chisca, primeiro presidente social, Antonio Corgo Casal, Julio Fernández Candamio, Juan José Vázquez Calviño, Salustiano Piñeiro Piñeiro, José Antonio Vázquez, Gerardo Blanco Paseiro, Genciano Silva, Juan Antonio Fernández, Francisco Regueiro e Celso Baleiro.

No Artigo 2 dos seus Estatutos sociais recollen que o obxectivo básico desta asociación é o seu carácter benéfico e de protección ou socorro mutuo entre todos os asociados. Para o seu cumprimento poderán promover, fomentar e desenvolver actividades de carácter cultural, deportivo, recreacional, coa finalidade de obter fondos para beneficios asistenciais, de previsión e axuda en xeral para os socios.

AE-VEN-ProPont · Corporate body · 1988-01-08 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes de orixe pontevedresa foi creada en Caracas o 8 de xaneiro de 1988 durante unha reunión na sede da "Hermandad Gallega de Venezuela", segundo indican na súa Acta constitutiva: "A los ocho días del mes de enero de mil novecientos ochenta y ocho, reunidos en la sede social de la <Hermandad Gallega>, ubicada en la Avenida Principal Mariperez, de esta ciudad de Caracas y estando presentes (...) quienes hemos convenido en constituir, como en efecto constituímos en este acto, una asociación civil que se denominará <Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra>".

Destacan entre os seus fundadores: Santiago Oviaño Cerviño, Juan López Pita, Jaime Tosar Silva, Raimundo Toubes, José Manuel Díaz, Abelardo Rios Giraut, José Ramil Martínez, Eduardo Meilán Sánchez, Alberto Jesús García Hernández, Manuel Ramos López, José Manuel Carpintero, Ofelia Otero Fernández Sanmartín, José Sanmartín López, José Ferreira, Benigno Rossua Vasquez, Francisco González Otero, Maribel Muñiz Méndez, Ernesto Chao Pazos, Ana María Rodríguez, Ramiro Muñiz Martínez, Moisés Muñiz Méndez, José Rodríguez Sánchez e José Antonio Chao Louzao.

Trátase dunha asociación de carácter benéfico cuxo fin é promover actividades de previsión e socorro mutuo para os seus asociados. Segundo os seus Estatutos, o seu obxectivo fundamental é promover o achegamento dos fillos e amigos da provincia de Pontevedra; promover iniciativas de acción asistencial comunitaria; propiciar accións de carácter cultural autóctono e defender o carácter da provincia, así como iniciativas de carácter comunal, cooperativo, asistencial, etc. para a colectividade que asocia; fomentar e desenvolver actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda xeral para os membros da Asociación; propiciar programas de divulgación dos valores autóctonos galegos e en xeral ter un carácter benéfico e de socorro mutuo para os seus asociados.

Organizan actos, conferencias e charlas sobre cultura e historia de Galicia e celebran a Festa da Virxe da Peregrina (patrona de Pontevedra).

AE-VEN-HPEst · Corporate body · 1959-09-22 ata a actualidade

O 14 de decembro de 1958 cinco emigrantes en Venezuela orixinarios do partido xudicial de A Estrada acordaron crear unha Comisión Preparatoria, presidida por Manuel Coto Porto, que aprobou a constitución dunha sociedade e a elaboración dos estatutos societarios. O 22 de setembro de 1959 elixiron unha directiva presidida por Manuel Goldar e o 6 de decembro de 1960 foi inscrita de xeito oficial como asociación. Foi o primeiro centro benéfico galego creado en Venezuela con carácter local ou comarcal.

Tras un período de decadencia esta entidade reaparece de novo en 1971, conseguindo no ano 1979 uns 460 socios. Na actualidade conta 242 socios, todos eles galegos. Segundo os seus estatutos soamente admiten como socios aos nacidos no partido xudicial de A Estrada (concellos de A Estrada, Forcarei e Cerdedo), aos cónxuxes e aos seus fillos.

Trátase dunha asociación de carácter benéfico e cultural cuxos principais obxectivos son axuda mutua a todos os asociados, tanto benéfica como social, sobre todo en casos en que por enfermidade ou accidente algún socio quede incapacitado física ou mentalmente, defender os valores autóctonos de Galicia e realizar actividades culturais e recreativas.

Non teñen sede propia. Para a maioría das súas actividades empregan as instalacións da "Hermandad Gallega de Venezuela" en Caracas e en Valle Fresco.

Dende o ano 1982 publican o "Boletín Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada". Celebran a Festa de San Paio (patrón de A Estrada), a Festa da Richada e Romerías. Contan con tres equipos de fútbol sala en diferentes categorías. Teñen sepulturas no Cemiterio do Este en Caracas a disposición dos socios con menos recursos económicos.

Obtivo a condición de galeguidade o 28 de xaneiro de 1988 por Decreto 31/88 (DOG nº 28 do 11 de febreiro).

AE-VEN-JovSN · Corporate body · 1989-03-20. Non existe na actualidade

A "Asociación de Jóvenes Savia Nueva" constituíuse na sede social da "Hermandad Gallega de Venezuela" en Caracas o 20 de marzo de 1989 por un pequeno grupo de mozos, na súa maioría galegos, coa idea de fomentar a participación xuvenil galega no novo marco da Galicia actual.

Segundo consta nos seus Estatutos o seu obxectivo principal é "fomentar la participación de la colectividad gallega y española en Venezuela para mantener los lazos sociales y culturales con Galicia, sus gentes y su historia, así como su lengua y cultura". Ademáis, perseguirá "unificar la acción de los jóvenes españoles en Venezuela, con la finalidad de que tenga alcance a nivel de toda la colectividad, iniciar y mantener contactos con otras asociaciones de ese tipo a nivel mundial y en España, crear instrumentos de difusión dirigidos a la colectividad española y divulgar los aspectos culturales, sociales, educativos, comunicacionales, etc., de España".

Dende xullo de 1989 publicaron o boletín "A Nosa Voz", dirixido pola súa primeira Presidenta, María del Carmen Tato Dacasa, no que informaban das súas actividades e de temas de interese para os emigrantes. Organizaban charlas, conferencias e proxeccións de vídeos sobre temas relacionados coa cultura galega e coa emigración, recitais de poesía, exposicións, talleres, concursos, representacións teatrais, etc.

Na sede da "Hermandad Gallega de Venezuela" celebraban o Día de Galicia e actividades recreativas. Organizaron campionatos de tenis de mesa e unha maratón.

Tivo unha corta existencia, desaparecendo a comezos dos anos 90 do século XX.

AE-VEN-HGV · Corporate body · 1960-10-12 ata a actualidade

A "Hermandad Gallega de Venezuela" creouse o 12 de outubro de 1960 tras a fusión das tres entidades galegas existentes en Caracas naquel momento, o "Centro Gallego" (1948), o "Lar Gallego" (1946) e a "Casa de Galicia" (1956), cun total de 800 socios fundacionais. A partir de 1962 esta sociedade experimentou un gran crecemento económico e social, coa compra do Banco Unión" e do antigo "Club Casablanca" en Maripérez donde queda instalada a súa sede.
Nos seus Estatutos recollen os obxectivos sociais:
a) Fins Culturais: fomentar, divulgar e defender o idioma e a cultura galegas, e os valores autóctonos de Galicia; promocionar a nosa cultura dentro de Venezuela e realizar intercambios culturais cos demais pobos iberoamericanos; crear centros de cultura, con especial dedicación a Galicia e Venezuela.
b) Fins Asistenciais: promover a creación de servicios médico-asistenciais, de previsión e axuda aos asociados galegos.
c) Fines Deportivo-recreativos: fomentar e desenvolver actividades deportivase e recreativas de carácter aficionado entre os asociados, promocionando a creación de agrupacións artísticas.
Na súa sede principal teñen instalados os servicios sociais e desenvolven a maior parte das súas actividades recreativas; no ano 1985 constrúen un novo edificio donde está instalada a biblioteca "Curros Enríquez" que conta cun fondo bibliográfico de 20.000 volumes.
Entre as moitas actividades de carácter cultural emiten un programa de radio dominical "Sempre en Galiza" de gran difusión en Venezuela e manteñen económicamente o Colexio "Castelao", fundado o 28 de xaneiro de 1965. Editan o boletín informativo "Irmandade" e, dende 1971 a 1976 publicaron a "Revista da Hermandad Gallega de Venezuela", con noticias sobre as actividades societarias, e dende novembro de 1987 editan a revista informativa "Punto de Unión".
Teñen tamén un hospital donde prestan servicios sanitarios asistenciais aos seus socios.
No ano 1992, ante a crise económica e para facer fronte ás débedas convirten a institución nunha "sociedad por accións".

ARGA · Corporate body · 1998-06-14

É creado o 14 de xuño de 1998 na Coruña ante a necesidade de articular nunha plataforma conxunta os traballos encamiñados a crear un foro de inquietudes humanas sen límites nin restricións. A súa actividade concéntrase en promover debates, tertulias, creacións e exposicións que propaguen e difundan os valores éticos da tradición liberal republicana. Diríxese a todos cantos comparten os ideais republicanos en permanente sintonía con respecto á plena dignidade da persoa humana e recoñecemento dos dereitos institucionais. Entre o seu patrimonio atópanse os fondos doados pola familia Alvajar, así como os fondos do Ateneo Curros Enríquez (A Coruña 1977-1998)

Centro Gallego de Madrid
AE-ES-CGMd · Corporate body · 1892-11 ata a actualidade

Este centro é un dos máis antigos existentes na Península; foi creado en 1892, sobre o antecedente das asociacións "Cofradía de naturales y originarios de Galicia" fundada en 1741 e de "Galicia Cultural" fundada en 1870 polo escritor galego Teodoro Vesteiro.
O acto fundacional estivo presidido por Manuel Becerra, Alfredo Vicetto, P. Carracido, Manuel Curros Enríquez, tendo como presidentes de honra a figuras destacadas como o Marqués de González Besada, a Condesa de Pardo Bazán, Ramón Suárez Picallo, Manuel Castro Gil, Constantino Lobo Romero, éste último presidente desde 1945 ata finais dos anos 60. Outros persoeiros que participaron activamente na devir do centro foron José Sánchez Anido, Manuel López Peña, Antonio Palacios, Basilio Álvarez, Francisco Llorens, Cesáreo González Rodríguez, Dionisio Gamallo, Pío Cabanillas, Feliciano Barrera ou Constantino Lobo Montero.
Nos seus Estatutos (os primeiros datan do 8 de maio de 1893) teñen como finalidade: promover a presencia e manter vivo o recordo de Galicia en Madrid a través de actos culturais, educativos, asistenciais, sociais, deportivos, artísticos, etc.; fomentar a solidariedade entre todos os galegos e simpatizantes; procurar a elevación do nivel social e cultural de todos os seus socios e familiares; prestar en canto sexa posible, asesoramento gratuito e asistencia intelectual, moral e material aos galegos necesitados, sexan ou non socios; fomentar e patrocinar a celebración de concursos, certámenes e exposicións especialmente de productos galegos e de artistas da rexión; celebrar conferencias e actos culturais en especial aqueles que se refiren aos valores galegos etc.
En 1894 a directiva asinou un contrato co Colexio de Isabel la Católica, para que nel poidesen recibir os seus socios unha instrucción completa. Tamén desde o primeiro día do mes de marzo deste ano rixe un servicio especial de beneficencia para os galegos e as súas familias co obxecto de socorrelos e asistilos nas súas enfermidades, establecendo un horario diario e consultas a domicilio. Ten ademais en estudio unha casa de saúde, un consultorio médico e unha botica central. Estableceuse tamén un consultorio xurídico para toda clase de asuntos civís, mercantís, criminais e administrativos.
Xa avanzando o século XX as actividades do Centro estarán cada vez máis centradas en actividades culturais e recreativas como a celebración do Día das Letras Galegas, e de romarías populares, organización de conferencias e exposicións, cursos gratuítos de ensinanza e perfeccionamento do galego, cursos de música galega, de gaitas, de percusión e de bailes, ofertados na súa escola creada en 1994. Non obvian a asistencia social aos galegos, aínda que non sexan socios: facilitando billetes de tren, axudas para dormir, comidas a transeúntes, visitas a hospitais etc.
Fundan en 1923 a Agrupación artística gallega "Rosalía de Castro", que na actualidade está desvinculada do Centro.
Editan un boletín "Galicia en Madrid", mensual e gratuito, como órgano de información ós socios; e as revistas "Mundo Gallego" que aparece por vez primeira en 1952, cun prezo de 6 pesetas e baixo a dirección de Manuel Fraga de Lis ata 1974. En 1996 volve a editarse baixo o mesmo nome e "Galicia en Madrid" creada o ano 1983 e que se segue a publicar na actualidade.