Amosando 535 resultados

Rexistro de autoridade
Entidade colectiva

Centro del Ayuntamiento de El Grove

  • AE-AR-RGr
  • Entidade colectiva
  • 1934-09-23 ata a actualidade

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello do Grove, residentes en Avellaneda (Bos Aires). A súa finalidade era conseguir a reunión dos emigrantes grovenses para celebrar as festas tradicionais do seu pobo e outras afíns.
Entre as súas actividades recreativas podemos citar: a celebración das súas festas tradicionais, organización de festivais de carácter benéfico, con danzas e representacións teatrais do grupo teatral propio. Crearon varios programas de radio como: "Carmen de España" e "A Nosa Galicia Sempre" dende 1988.

Hijos del Ayuntamiento de Puerto del Son

  • AE-AR-HAPSon
  • Entidade colectiva
  • 1918-04-6 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada a partir das reunións da Sociedad recreativa "Juventud Unida del ayuntamiento del Puerto del Son". O 6 de abril de 1918 un grupo de sonenses, liderados por Juan Pérez (primeiro presidente social), Joaquín Santos e Rafael Enríquez, residentes en Avellaneda, coa intención de fundar unha institución destiñada a unir e protexer ás familias dos seus asociados.
Creouse para poder desenvolver actividades sociais, culturais, recreativas e deportivas.
No ano 1925 mercan coa súa homónima de Montevideo, un terreo para construir un edificio que funcionará como escola financiada pola entidade. Tamén teñen en proxecto construir un cimeterio na vila de Porto do Son cun custo aproximado de 25.000 pesetas.

Centro Gallego de Avellaneda

  • AE-AR-CGAv
  • Entidade colectiva
  • 1899-10-22 ata a actualidade

O Centro Gallego de Avellaneda foi fundado o 22 de outubro de 1899 a instancias entre outros de Antonio Paredes Rey, Manuel Golán, Lino Pérez, Cándido Vallejo, Isidoro Alonso, Ramón Salgado, Modesto Pérez, Modesto Beyro, Isidro Alonso, Andrés de Paylos, Manuel Meaños, José Farina, Pastor González, Generoso Dávila, José Santos Boo, José Figueira, Manuel Dorrego "dando así una prueba más de muestra cultura y para conservar en nuestro corazón el cariñoso recuerdo de nuestra amada Galicia". En 1916 aproban ademais a mutualidade para axudar economicamente aos socios necesitados ou enfermos ou ás familias en caso de falecimento.
Xa nestas datas contan cunha prestixiosa orquestra, un coro, un conxunto teatral e un conservatorio de música, cunha actividade cultural moi destacada.
En 1919 contan cun Instituto Cultural para os socios e os seus fillos, donde imparten clases de solfeo, piano e violín; corte e confección; labores; aritmética razonada; instrucción primaria; caligrafía; debuxo natural, lineal e ornamental; francés; teneduría de libros.
Esta sociedade recreativa e cultural recolle nos seus estutos de 1939 os seus fins sociais: "o recreo, a instrucción civil e moral, a beneficencia e a protección mutua entre os seus asociados baixo o precepto "uno para todos, todos para uno".
Entre os anos 1919 e 1927 fan varias doazóns para subvencionar a Biblioteca América, a Real Academia Galega e para erixir unha estatua a Rosalía de Castro; tamén contribúen economicamente na campaña da edición do Libro Escolar Gallego (en 1929) e para o sanatorio antituberculoso da Lanzada.
Dende 1975 ata 1985 pasaron por graves problemas administrativos e económicos, que fixeron temer a súa desaparición. En 1999 cumpriron cen anos, convertíndose na entidade galega máis antiga existente en Arxentina.
Actualmente desenvolven actividades socioculturais e recreativas, cursos de capacitación profesional para os socios. Celebran as festas galegas como o Día do Apóstolo Santiago, cun tradicional xantar entre todos os socios; o Día das Letras Galegas, etc. Tamén realizan actividades deportivas e en 1991 inauguraron unha Escola de Psicoloxía Social, con asesoramento gratuíto para todos os galegos; tamén teñen un consultorio de asesoramento notarial e xurídico.
Contan cunha biblioteca con 1734 volumes que está aberta polas tardes ó público.

Centro Gallego de Azul

  • AE-AR-CGAz
  • Entidade colectiva
  • 1992-09-19 ata a actualidade

A idea da creación dun centro galego na cidade de Azul xorde tras unha reunión no local da Cruz Roja desta localidade. Na reunión participaou un grupo de galegos que decidiron constituír un centro onde se puidesen reunir os emigrantes galegos e tamén arxentinos, interesados en organizar actividades culturais e sociais. A súa fundación oficial efectuouse o 19 de setembro de 1992 sendo o seu primeiro presidente Manuela Carmen Alonso Méndez.
Xa dende os seus inicios deciden crear un grupo de baile e un programa de radio.
O centro carece de sede social propia, realizando os actos sociais en lugares ofrecidos por outras institucións; ten alugada un despacho/sala onde está instalada a súa biblioteca denominada "Dr. Leopoldo Laperta" e un salón onde ensaia o grupo folclórico.
Segundo os seus estatutos as súas finalidades son: realizar labor cultural, social, recreativo, deportivo e de apoio recíproco entre os seus asociados; exaltación de Galicia polos seus valores humanos, materiais e morais; promover, difundir e subvencionar a cultura galega e arxentina polos medios ao seu alcance; organizar conferencias, cursos e actos para o maior desenvolvemento cultural e educativo dos socios.

Comisión Intersocietaria pro-conmemoración das datas patrióticas galegas

  • AE-AR-ComInter
  • Entidade colectiva
  • Creouse en 1948. Na actualidade non existe pero non temos constancia da data da súa disolución.

Esta comisión foi creada en 1948 coa finalidade de "manter ergueito o sentimento da Patria e honrar con verdadeiro senso galego as nosas datas nacionales". A súa función específica foi a de organizar os actos para celebrar o aniversario da morte de Castelao, da aprobación do Estatuto Galego e o Dia da dos Mártires, tres datas esenciais para os galegos.
Estivo integrada dende a súa creación polos seguintes centros: "Centro Coruñés", "Centro Lucense", "Centro Orensano", "Centro Pontevedrés", "Centro Betanzos", "A.B.C. de Hijos del Partido Judicial de Corcubión" e por "Irmandade Galega".

Asociación Argentina de Hijos de Gallegos

  • AE-AR-AAHG
  • Entidade colectiva
  • Fundada en 1959. Non existe na actualidade pero non temos constancia da data de disolución.

Esta sociedade foi creada por un grupo de xóvenes, descendentes de emigrantes galegos, que desexaban potenciar a cultura e a realidade galega na terra de acollida dos seus pais. Foi creada na sede da editorial "Follas Novas", organización galega que desde Bos Aires difunde o libro galego en toda América. Entre os seus obxetivos pódese citar: os culturais coa edición de libros e organización de cursos sobre xeografía, historia, arte, literatura e economía galegas. Tamén queren crear un grupo de teatro vocacional con raigame galego.
Entre os seus membros estaban Antonio Pérez Prado (que foi presidente da entidade), José M. Reynoso e Alberto Abalo.
En 1960 organizan ciclos de estudos e debates sobre obras galegas como "Sempre en Galiza" e cursos de lingua galega, un deles impartido por Eduardo Blanco Amor.
En 1962 publican como voceiro social a revista Alen-Mar, que foi dirixida por P. López Romero.

Asociación Casa de Galicia de Buenos Aires

  • AE-AR-ACaG
  • Entidade colectiva
  • 1933-09-21 ata a actualidade.

O 20 de setembro de 1918 creouse unha entidade baixo o nome de "Casa de Galicia de Buenos Aires" coa finalidade de acadar solidariedade, cultura, arte e recreo para os seus socios, así como reivindicar e valorar a galeguidade na Arxentina.
Esta entidade sufriu unha escisión dun grupo de socios disconformes coa política da directiva no ano 1927, que pasan a crear unha nova sociedade chamada "Nueva Casa de Galicia".
Tras un periodo de crise, en 1933 hai unha refundación da entidade, baixo os auspicios de Manuel Rigueira Montero, primeiro presidente, Domingo González, Emilio Monelos e José Maceira entre outros.
Esta entidade centrase en fins culturais e recreativos. En agosto de 1935 sae o primeiro número do seu voceiro social, a revista "Casa de Galicia", que ten carácter mensual; en 1944 publican ademais a revista "Airiños".
No ano 1954 mercan un campo recreativo que chaman Airiños, para reunirse todos os socios e organizar festas. Finalmente en 1974 mercan un edificio na rúa San José, da capital porteña, que converten na súa sede social.

Chantada y su partido

  • AE-AR-Chant
  • Entidade colectiva
  • 1915-12

En decembro de 1915 un grupo de chantadinos residentes na capital arxentina reuníronse para fundar unha sociedade recreativa e de socorros mutuos. A súa primeira Xunta Directiva estivo integrada por algúns dos fundadores: como presidente, José Costa Figueiras; vicepresidente, Benigno San Martín; secretario, Rogelio González; prosecretario, Federico de Arce y Campo; tesoureiro, Jesús Fonte Besteiro; protesoureiro, Jesús Suárez Noguerol; contador, Manuel Costa López; e subcontador, Dionisio Méndez.
Ao ano seguinte xa teñen organizado un cadro escénico formado polos socios co que realizan numerosas representacións teatrais, que lles serven para recadar fondos para a organización doutras actividades sociais e de axuda mutua.
Xa en 1925 aparecen noticias dunha posible fusión das varias sociedades de emigrantes do partido xudicial de Chantada que existían nese momento en Arxentina: Monterroso y Antas de Ulla, Agraria de Palas de Rey, Monterroso y Antas de Ulla, El Despertar de Monterroso, Palas de Rey y Antas de Ulla, Residentes del Ayuntamiento de Antas de Ulla, Hijos del Ayuntamiento de Carballedo, Juventud de Chantada y su partido, e Asociación de Chantada y su Partido, pero finalmente non temos constancia de que se levase a cabo.
Nos anos 30 conseguen ter en propiedade a súa sede social situada na rúa Alsina.
Dende 1930 publican como voceiro social a revista "El Partido de Chantada" que serve para informar aos socios das súas actividades.
No seu 27º aniversario fundacional destacan que a finalidade básica da entidade é "construir, cooperar y fomentar la unión de los inmigrantes que un día por causas diversas tuvieron que abandonar su tierra". Centraron as súas actividades na recreación, coa organización de festivais e banquetes para a confraternidade dos socios.

Asociación de Oleiros, mutual, cultural y recreativa

  • AE-AR-Ole
  • Entidade colectiva
  • 1918-09-01 ata a actualidade

Esta asociación recreativa e de socorros mutuos, foi creada por un grupo de emigrantes, naturais do concello de Oleiros, residentes na Arxentina. Entre os seus fundadores podemos citar a Ramón Suárez, Antonio Portela, Juan Portela, José M. Souto, M. Sánchez, Francisco López, Joaquín Suárez, Jesús Suárez, Manuel Cajigal, José Portela, Francisco González, José Doldán, José Ares, José Breigo, Manuel Pita, Alejandro Ramón, Melchor Salinas, José Portos, Francisco Blanco, Juan Vázquez, Manuel Vázquez, Manuel Fuentes e José Fernández.
Foi fundada para protexer e repatriar, en caso necesario, aos seus asociados; tamén tiñan en mente crear escolas e fomentar o ensino no seu concello natal, ademais de cultivar e difundir o espíritu de asociación entre os conveciños residentes na república americana.
Actualmente manteñen unha vida social bastante intensa celebrando as festas tradicionais de Santa María de Oleiros, o Fin de ano ou o Día de Galicia. Teñen un programa de televisión, para divulgar a cultura galega na Arxentina. Priorizan a axuda entre os asociados: concesión de subsidios por falecemento, asistencia médica e farmacéutica.

Asociación española de socorros mutuos de Buenos Aires

  • AE-AR-SMEsp
  • Entidade colectiva
  • Creouse nos anos 20, non coñecemos a data exacta.

Esta asociación mutualista foi creada polos emigrantes españois residentes na capital arxentina con fins de axudarse en momentos de necesidade.

Sociedad Finisterre en América

  • AE-AR-SFis
  • Entidade colectiva
  • 1926-10-12 ata a actualidade

Esta asociación foi fundada por un grupo de emigrantes naturais do concello de Fisterra, residentes en Bos Aires, e que se separaron da sociedade ABC del Partido Judicial de Corcubión, disconformes con algunhas das decisións tomadas. Foron os seus fundadores Angel Lires, José Traba Calvo, Ramón López Castro, Ricardo Santamaría, Jesús M. Traba, Casto M. Insua e Valentín Castreje.
Dende a súa creación os fins da sociedade foron: ser nexo de información aos naturais de Fisterra radicados na Arxentina co seu pobo de orixe; socorrer a esas persoas en casos de verdadeira necesidade como enfermidades, invalidez, ou orfandade; lograr o melloramento intelectual e cultural dos seus asociados; soster unha revista como órgano oficial da sociedade e fundar unha biblioteca e un salón de lectura. Tamén contemplan a realización de festas, reunións, conferencias, etc. para fomentar a unión entre todos os fisterráns que viven na Arxentina.
Dende moi pronto contan con sede social propia, sita na rúa 12 de octubre, de Avellaneda. Consta de dúas plantas: na baixa hai un salón, oficiñas, cociña e depósitos; na planta alta, salón, bar, ximnasio e sala do caseiro. As festas e reunións sociais celébranse nun campo recreativo e cultural chamado "Ara Solis", situado en Florencio Varela, con quincho para 300 persoas, pista de baile, recreo arbolado, piscinas, cancha de tenis e volei, zona de estacionamento e cantina. Tamén contan con instalacións deportivas na Colonia "La Capilla".
En 1937 hai unha reorganización da sociedade que estivo a punto de desaparecer.
En 1928 comezan a publican unha revista mensual coa cabeceira de "Finisterre", que funciona como órgano oficial da entidade. En 1995, editan un boletín, "Mareaxe" que distribúen cunha periodicidade trimestral entre os asociados e tamén a revista "Faro de Finisterre".
Crean un grupo de danzas e música "Aires de Fisterra", con 12 bailaríns e músicos, que actúan nas súas festas.
No ano 1988, houbo disensións entre os socios, o que levou a creación de dúas sociedades cunha denominación similar.

Hospital Gallego, asociación gallega de beneficencia y mutualidad

  • AE-AR-HosG
  • Entidade colectiva
  • 1932-12-16 ata a actualidade

Foi creada no seo da colectividade galega residente en Bos Aires para facilitar a atención médica a todos os galegos que a precisaran.
Actualmente conta cun servicio de consultorios externos nas diferentes especialidades e a súa orientación fundamental pasa por un servicio de mediciña física e de rehabilitación.Teñen tamén consultorios na súa sede social, en propiedade, na rúa Belgrano.
A finais dos anos 40 do pasado século comezan a editar a revista "Lar. Revista Mensual de la Asociación Gallega de Beneficencia y Mutualidad" como voceiro social.

Asociación Hijos de Zas

  • AE-AR-HZas
  • Entidade colectiva
  • 1923-02-01 ata a actualidade

Esta sociedade integrada polos emigrantes naturais do concello de Zas, residentes na Arxentina, foi creada con fins mutualistas, para dar axudas económicas aos máis necesitados ou asistencia médica e tamén manter a cultura galega.
A súa directiva fundacional estivo formada por Francisco Miranda, como presidente; vicepresidente, José Mourelle; secretario, Manuel Mouro; tesoureiro, Ovidio Esmorís; e como vogais: José Mª Mouro, Constantino Amigo, Ramón Moreira, José Blanco Silva, Francisco Ferreiro, Manuel Mourelle, José Espasandín, Alejandro Ríos, Francisco Rojo, Francisco Mallón, Manuel Espasandín e Francisco Pose.
Nos anos 50 cambia as súas prioridades e pasa a ser unha asociación con fins recreativos e culturais recollidos no Artigo 1 dos seus Estatutos: "a) Servir de vínculo entre los residentes de Zas en la Argentina; b) ser instrumento de sociabilidad y cultura entre todas las personas que compartan su obra; c) fomentar la beneficencia, de acuerdo con las posibilidades de la asociación; d) organizar actos recreativos, culturales y deportivos".
Conta con sede social propia na rúa Suárez da capital bonaerense, inaugurada en 1997, onde se reúnen todos os socios e veciños: contan con salón de festas, sala de reunión, buffet e biblioteca. Ademais dispón dun campo recreativo en Quilmes, onde celebra as súas festas e demáis actividades recreativas como bailes, banquetes, etc.

Asociación Hijos del Ayuntamiento de Maside

  • AE-AR-HMas
  • Entidade colectiva
  • 1915-05-16, na actualidade non existe pero non coñecemos a data da súa disolución

Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes galegos, naturais do concello de Maside e residentes en Bos Aires. Un dos seus promotores e primeiro presidente foi Cándido Fernández. Foi creada con fins mutualistas e de axuda ao seu concello natal na medida das súas posibilidades.
Xa en 1924 os seus socios aprobaron a adquisición dun terreo en Maside co obxeto de que comenzasen os traballos para construír unha escola graduada; pero no ano seguinte, por problemas internos, aproban nunha asambleia a súa disolución e que os fondos sociais fosen doados ao seu concello natal para realizar melloras no seu pobo.
No ano 1928 aparece a noticia en varios xornais da refundación desta entidade e comézase a construción en Maside do primeiro pavillón-escola, financiado dende Arxentina.
En febreiro de 1934 fusiónase coa sociedade "Centro Cultural y Recreativo Masidense" e en outubro de 1935 nomea un delegado ante a "Comisión Pro-unión de los residentes del Partido de Carballino" para tratar unha posible fusión de todas as sociedades de emigrantes naturais deste partido xudicial, que fructificará en 1936 coa fundación dunha nova entidade co mesmo nome, integrada ademais pola "Sociedad del Distrito de Carballino", "Residentes de Lobanes y sus contornos" e o "Círculo Daconés".
Tras o estalido da guerra civil española, é unha das sociedades galegas que envían varias remesas de roupa e produtos alimentarios para os defensores da república española.
En 1959 publican a revista "Maside" como voceiro social.

Juventud de Viana, Trives y Valdeorras, asociación cultural, social y recreativa

  • AE-AR-JVia
  • Entidade colectiva
  • 1954-01-02 ata a actualidade

Esta asociación de emigrantes galegos foi fundada co obxectivo de agrupar aos veciños de Pobra de Trives, Viana do Bolo e Barco de Valdeorras, residentes en Arxentina. A súa finalidade principal segundo os seus estatutos é propender á maior vinculación dos galegos entre sí e cos arxentinos e realizar actos culturais e recreativos á maneira da súa terra natal.
A súa directiva fundacional estaba integrada por: Arsenio Rodríguez, como presidente; vicepresidente, Cayetano Castro; secretario, Carlos García Arias; prosecretario, Antonio Martínez; secretario de actas, José Domínguez; tesoureiro, Enrique Rodríguez; protesoureiro, Benigno Laneiro; contador, Justo Alonso; arquiveiro, Adelino Do Campo e os vogais: Ricardo Ciudad, Bonifacio Alonso, Juan Fernández, Guillermo Prieto, Isaac Blanco, Dativo Pérez e Aurelio Estévez.
Entre as súas actividades pódese citar: celebración de festas e banquetes con motivo do seu aniversario, festas de nadal, festa de Santiago e organización de torneos de naipes. Tamén xestiona actividades culturais como reunións de lectura e proxección de videos.

Asociación Residentes de Mos, de mutualidad, cultura y recreo

  • AE-AR-Rmos
  • Entidade colectiva
  • 1918-02-23 ata a actualidade.

Esta sociedade instrutiva foi creada en Bos Aires baixo o nome de "Hijos del Ayuntamiento de Mos", polos emigrantes naturais do concello de Mos nesta cidade. Entre os fundadores pódese citar a Antonio Alonso, presidente fundacional, Claudio Comesaña, José Represas e Teodoro Seijo.
O obxectivo principal cando foi creada era construír e soster escolas no seu concello natal; contemplan ademais financiar a repatriación dos socios enfermos e necesitados, otorgar empréstimos aos socios e axudalos na procura dun traballo se o necesitasen.
En 1918 comeza a editar unha revista anual, na que se recolle a memoria e balance social con carácter anual; e en 1931 publica o boletín social "La Voz de Mos".
En 1924 realiza as primeiras xestións para construír unha escola na parroquia de Tameiga, que foi inaugurada en decembro de 1928. Este edificio constaba dunha escola mixta de nenas e varóns con capacidade para 120 alumnos, e unha vivenda para os mestres.
O 13 de decembro de 1950 aproba os primeiros estatutos sociais, tras unha profunda crise da entidade que estivo a punto de desaparecer. Consideran que son herdeiros do legado dos fundadores da entidade e pasan a denominarse "Asociación Residentes de Mos, de Mutualidad, Cultura y Recreo".
Na actualidade organizan diversas actividades recreativas e conmemorativas como o Día de Galicia ou o aniversario social. Tamén conta cun grupo de baile galego que actúa nas diversas festas e celebracións da colectividade.

Resultados 1 a 20 de 535