Showing 1750 results

Authority record

Asociación Villagarcía de Arosa

  • AE-AR-AsVillag
  • Corporate body
  • 1933-07-09 ata a actualidade.

Esta sociedade mutualista e recreativa foi creada por un grupo de emigrantes naturais do concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, residentes na Arxentina e fundada baixo o nome de CÍRCULO DE VILLAGARCÍA DE AROSA, o 9 de xullo de 1933. Entre os seus fundadores destacan Domingo Antonio Ramos e Julio Quiteiro. O seu obxectivo principal era manter a unión entre os seus paisanos e conceder axudas aos socios máis necesitados. Teñen tamén actividades recreativas e de esparcimento.

No ano 1943 os socios votan polo cambio de denominación da entidade pasando a chamarse SOCIEDAD DEL AYUNTAMIENTO DE VILLAGARCÍA DE AROSA que integra a todas os emigrantes naturais desa comarca. Dende 1944 ata 1952 non temos noticia de que teña actividade. Xa no 1952 no libro de Asambleas de Socios aparece especificado que se produce unha segunda época constando como unha refundación da mesma baixo a comisión directiva presidida por Domingo Antonio Ramos e Julio Quinteiro.

En asemblea xeral ordinaria do 14 de setembro de 1991 se decide o cambio de denominación da sociedade, que pasará a denominarse ASOCIACIÓN VILLAGARCÍA DE AROSA e a funcionar con carácter de personería xurídica dende o 2 de febreiro de 1993.

Sociedad española de beneficencia Hospital español

  • AE-AR-SocHos
  • Corporate body
  • 1852-09-05 ata a actualidade.

Esta entidade fundouse en Bos Aires baixo a denominación de "Sala Española de Comercio y Asilo de Beneficencia" promovida por D. Vicente Rosa y Carin, coa intención de crear unha casa de beneficencia para os españois indixentes.
Esta iniciativa recibiu o apoio de destacas personalidades da colectividade como Francisco Gómez Díez, Benito Hortelano, José Miguel Bravo e Vicente Casares, entre outros.
Tras unha época de crise foi refundada o 20 de novembro de 1857 como "Sociedad Española de Beneficencia" e baixo os seus auspicios o 8 de decembro de 1877 foi inaugurado o centro hospitalario que é coñecido como "Hospital Español". Dende ese momento e ata a actualidade ofrece asistencia sanitaria gratuíta aos seus socios e aos emigrantes españois máis necesitados. Conta ademais cunha farmacia social.

Sociedad fomento de Porriño y su distrito

  • AE-AR-SocPor
  • Corporate body
  • 1916 ata 1938, ano no que as sociedades de emigrantes de Porriño se fusionaron para crear unha nova entidade denominada "Sociedad residentes del municipio de Porriño"

Esta entidade foi creada en 1916 polos emigrantes porriñeses residentes en Bos Aires.
A súa primeira Comisión Directiva estivo integrada por Marcelino Sequeiros, como presidente; vicepresidente, Pedro F. García; secretario, Carlos Fornos; prosecretario, Ignacio Paz; tesoureiro, Ricardo Saavedra; protesoureiro, Emilio Coto; contador, Emilio Rodríguez Leirós; bibliotecario, David Pereiro; vocais: Maximino Pereiro, Jesús Pérez, Verisimo Pérez, Juan Carrera Valverde, Manuel R. Fernández, Eleazar Pereiro, José Leiras, Evaristo I. Catalán, J. Domínguez, M. Afaro, E. Rodríguez, J. Saavedra, Antonio Casalmorto, J. González, F. Oya.
Os fins recollidos nos Estatutos son: "a unión dos naturais de Porriño e aportar desde América alentos e apoios morais e materiais en pro da cultura e da redención do caciquismo ó que está sometido o pobo galego". Entre outros obxectivos está a fundación e lograr o sostén económico de escolas gratuítas para nenos e nenas no seu concello natal, e salientan a importancia da educación física no programa escolar e as clases nocturnas. Tamén desexa fundar bibliotecas en todo o distrito para o público en xeral e axudar no desenvolvemento comercial da súa terra natal, cooperando na construción e conservación dos camiños comunais e veciñais. Outro aspecto sería a loita pola derogación de determinados impostos municipais que pesan sobre os artigos e produtos de primeira necesidade. Pide ás autoridades a creación dun corpo de bombeiros para toda a comarca".
En decembro de 1923 un grupo de socios descontentos da actuación da xunta directiva decide separarse e crear outra sociedade que se denominará "Unión Agraria Parroquias Unidas del Distrito de Porriño"; esta sociedade quince anos despois, en 1938 apoiará a idea de fusión das sociedades de porriñeses existentes en Bos Aires e crean a actual "Sociedad residentes del municipio de Porriño".

Sociedad residentes del municipio de Porriño

  • AE-AR-SocResPor
  • Corporate body
  • 1938-06-12 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada pola fusión das sociedades de emigrantes porriñeses residentes na Arxentina, concretamente de "Fomento de Porriño y su distrito" e "Unión Agraria Parroquias Unidas del Distrito de Porriño".
Actualmente ten finalidade recreativa e mutualista.

Sociedad hijos de Prevediños y sus contornos

  • AE-AR-SocPre
  • Corporate body
  • 1921-09-04 ata 1937

Esta sociedade foi creada tras a reunión dun grupo de emigrantes naturais da parroquia Santiago de Prevediños (Touro), residentes na Arxentina, que se propuxeron fundar unha entidade que tivera por único obxecto a fundación de escolas no seu partido xudicial. Nestes centros educativos os nenos da zona "debían acadar unha instrución brillante, que lles permitira desenvolverse na vida sen tropezos para ben propio, da súa patria e da humanidade". Ademais póñense a obriga de procurar ocupación aos paisanos recén chegados, o pago en caso de necesidade de axudas económicas aos socios enfermos ou de pagar a súa repatriación.
Entre os seus fundadores destacan Ramón Caneda e José Martínez Mato.
En decembro de 1927 un grupo de socios solicitan que a sociedade se retire da Federación de Sociedades Gallegas, por considerar que ésta supón máis un freo que unha axuda na súa labor instructiva. ("El Heraldo Gallego", nº 737).
En 1927 aproba os seus primeiros estatutos sociais no que recollen as súas aspiracións instrutivas:
"En Galicia fundar escuelas en el distrito a que pertenece con un sistema netamente laico donde los niños puedan estudiar arte y naturaleza. Aquí realiza la protección moral y pecuniaria a los socios en casos de enfermedad, repatriación y recreo según los estatutos.
Art. 2º: a) Fundar y sostener escuelas de instrucción primaria y artes y oficios con cátedra de geografía, historia y comercio de los países más importantes. b) ayudar moral y materialmente a sus asociados siempre que la situación de éstos sea crítica y la comisión directiva juzgue necesario, así como la repatriación en aquellos casos que, por prescripción médica u otras circunstancias así lo exigiesen o lo juzguen conveniente.
Art. 3º: cuando la sociedad disponga de recursos se procederá a la construcción de un edificio adecuado a los fines de que se trata debiendo el edificio reunir las disposiciones necesarias para anexar al mismo la escuela de artes y oficios; tanto la escuela de primera enseñanza como la de artes y oficios serán dotadas de material pedagógico moderno.
Art. 5º: para la primera escuela que funden se buscará el punto más adecuado. En esta escuela será establecida unha biblioteca y sala de lectura para adultos, donde serán remitidos periódicos de todas las naciones en que se hallan establecidas nuestras sociedades.
Art. 6º: los beneficios de las escuelas serán admitidos para todos los hijos de Prevediños y sus contornos sin distinción de ideas, siempre que respeten los reglamentos de la sociedad.
Art. 14º: si si un socio se encontrase enfermo y él lo deseare, la sociedad lo hará ingresar en un hospital y velará por su buena asistencia durante el tiempo que permanezca en el mismo.
Art. 15º: la sociedad en caso de fallecimiento de algún socio sufragará los gastos de su entierro o entregara a la familia del extinto $ 120 m/n si ella así lo deseara".
Esta sociedade queda inactiva en 1937 pola morte do seu presidente, Ramón Martínez. En 1943 un grupo de ex-socios intenta reorganizala baixo a denominación de "Hijos del ayuntamiento de Touro".

Sociedad instructiva hijos del ayuntamiento de Trasparga

  • AE-AR-SocTras
  • Corporate body
  • 1924-12-07 ata 1943, ano no que se fusiona coas sociedades lucenses e creáse unha nova entidade co nome de "Centro Lucense de Buenos Aires"

Esta sociedade foi creada polos emigrantes da parroquia de San Brexome de Parga (Guitiriz) residentes na capital arxentina. Foi fundada co nome de "Hijos de San Bréjome".
Como socios fundadores podemos citar a Constantino Espiñeira, Carmelo Lodeiro, Antonio López, José Paderne, José Sanjiao, María Roca, Jesús Lodeiro, Ana L. Sierra, Concepción Losada, Manuel Pérez, José Currás, Francisca García, José López, Manuel Otero, Manuel Prieto, José M. López, Serafín Fernández, Vicente Rodríguez, José M. Fernández, Remedios Carreira, Francisco Vázquez, Remigio Roca, Domingo Grandío, Josefa Grandío, Juan Torres, José Sanjiao, Manuel Pereira, José M. Fernández, Antonio Teyjido, Manuel Comba, Cayetano García, Juan A. Cordeiro, Angel Pereyra, Cándido Castro, Manuel Lodeiro, Francisco Vázquez, Jesús Ares e José Pereira.
A súa idea inicial era organizar unha subscrición para construír un edificio escolar na súa parroquia natal. Conseguen recadar 837dólares da época.O éxito da convocatoria foi moi grande e deciden organizarse en asociación de emigrantes con outros obxectivos pasando a denominarse "Sociedad del ayuntamiento de Trasparga mutua e instructiva", representando asía a todo o concello.
Nos estatutos están os seus obxectivos que consisten basicamente en apoiar en Arxentina aos seus asociados e facer un labor que teña repercusión benéfica para Galicia: "1º - fundar escolas de instrución libre e gratuítas no concello de Trasparga; 2º - fomentar no mesmo concello o desenvolvemento dos métodos modernos na agricultura, gandería e demais industrias rurais; 3º - contribuír a facer efectivas as melloras e reformas que reporten maiores beneficios para os asociados e veciños de Trasparga e facilitar ós mesmos todos os datos e informes que lles poidan ser de práctica utilidade; 4º - repatriar e protexer aos socios que se atopen imposibilitados para o traballo e que carezan de recursos e en caso de morte, sufragar os gastos de enterro e servicio fúnebre
En 1934, aproba en asemblea social aproba os novos estatutos onde aparece o cambio de finalidades e de nome polo de Centro ayuntamiento de Guitiriz -Villa de Parga y sus contornos, cultural, mutual y agrario".
En 1943 é unha das entiddaes lucenses que se fusionan para crear o "Centro Lucense de Buenos Aires".

Sociedad de Mondoñedo y sus distritos

  • AE-AR-SocMond
  • Corporate body
  • 1920-11-01. Non existe na actualidade

Tras a desaparición das dúas sociedades representativas de Mondoñedo na capital arxentina "Los Mindonienses en la Argentina" e "Orfeón Mindoniense", un grupo de naturais deste concello fundan no ano 1920 a sociedade "Mondoñedo y Distritos" para o fomento da cultura, protección, arte e recreo dos seus asociados. Entre os seus fundadores pódese citar a Alfredo Parga, Ricardo Veiga, Valentín González, Nicanor Flores, Manuel López, Victor Domenech, Ladislao Coldeira, Juan García, Lisardo García e José Fraga.
Esta entidade realizou tras a súa creación numerosos actos culturais e benéficos, desenvolvendo un labor intenso e solidario a prol da súa vila natal e da numerosa colectividade mindoniense residente no país. Ademáis tiña por obxecto a repatriación por enfermidade e procurar traballo para os socios.
En 1922 esta sociedade decide instalar unha cruz na memoria do cura de Mourense na súa vila natal, no lugar coñecido como Pimpín, onde fóra fusilado en 1808. Sabemos tamén do envío de numerosas doazóns para a xente necesitada ou para os orfos dalgúns dos seus socios máis necesitados.
En Bos Aires ese mesmo ano organiza un festival artístico en honor do seu distinguido compatriota Fernando Lorenzo Rico e a beneficio exclusivo da publicación das obras poéticas do malogrado vate mindoniense, Manuel Leiras Pulpeiro. En 1923 publican un album artístico-literario baixo o título "Do Noso Lar" para difundir as belezas da súa terra.
En 1925 comeza a construír un edificio que será empregado como escola, para o que iniciaron unha subscrición por todos os países onde houbese emigrantes naturais desta zona luguesa. Envían en agosto dese ano 1.500 pesetas ao seu representante en Mondoñedo, José Polo Folgueira, como axuda na construción das "Escuelas Graduadas de Mondoñedo".
En 1927 doa 500 pesetas para o hospital de San Pablo de Mondoñedo, e fixa unha cuota anual de 300 pesetas para a conservación e mellora da vitrina e instrumental de cirurxía, doada anos atrás polos mindonienses residentes en Buenos Aires.

Sociedad parroquias unidas del Corgo

  • AE-AR-SocCorg
  • Corporate body
  • 1933-07-15 ata 1943, ano no que se integra no Centro Lucense de Buenos Aires

Esta sociedade mutualista e recreativa foi fundada polos emigrantes naturais do concello do Corgo residentes na Arxentina.
Entre os seus fundadores pódese citar a Bautista Teijeiro, Andrés Naveira, Rogelio Rey, Angel Teijeiro, José Pérez, Antonio Pérez, Jesús Pérez Fernández, Segundo Sánchez, Antonio Padorno, Manuel González, quen foi o seu primeiro presidente, Pedro Alvarez, Moisés Ríos, Juan Fernández e Manuel Teijeiro.
Esta entidade desaparece en 1943, ano no que se fusiona con outras sociedades de emigrantes da provincia de Lugo en Bos Aires, e forman o Centro Lucense.

Sociedad residentes de Lousame y sus contornos

  • AE-AR-SocLou
  • Corporate body
  • 1919. Non existe na actualidade

Esta sociedade foi creada polos emigrantes naturais do concello de Lousame residentes na República Arxentina.
Entre as súas finalidades destaca a construción dunha escola na súa vila e a axuda mutua entre os socios, ademais de organizar festas e comidas para manter o contacto e a unión, á vez que consegue fondos para levar a cabo os seus proxectos.
En 1925, organiza unha festa a beneficio da escola que están a construír na parroquia de San Martiño de Fruíme. Colabora activamente cos veciños da parroquia «porque nuestros rapaciños sin nuestra ayuda tendrán que emigrar mañana sin saber el silabario». Esta escola foi inaugurada en 1927.
En xullo de 1939, participa na homenaxe polo centenario do nacemento de Rosalía de Castro que a colectividade galega organiza no Teatro Avenida da capital arxentina.

Sociedad unión de los hijos del ayuntamiento de la Cañiza

  • AE-AR-SocCañ
  • Corporate body
  • 1932-06-16

Esta entidade foi creada por un grupo de ex-socios da "Sociedad Unión Hijos del Partido Judicial de la Cañiza" (1913), capitaneados por José B. Vázquez.
No ano 1913 un grupo de veciños do partido xudicial da Cañiza, residentes en Bos Aires, decidiron fundar unha sociedade con fins agraristas, coa idea de fomentar a agricultura e gandería na súa terra natal.
Cunha actividade bastante convulsa polas disensións entre os socios, en 1924 reorganízase a sociedade co nome de "Sindicato Agrícola la Unión del Partido Judicial de la Cañiza", mantendo o seu ideario agrarista e progresista e en 1926 crea seccións nas parroquias do seu partido xudicial: en Arbo, Cabeiras, Covelo, Parada, A Cañiza e Hachas. Anos despois ante a idea de crear unha federación de entidades dos concellos pertencentes ao citado partido xudicial, un grupo de socios, orixinarios da Cañiza deciden desligarse e crear unha nova entidade con fins mutualistas e recreativos, onde se reunisen todos os naturais do concello da Cañiza.

Agrupación de Valdeorras y Viana

  • AE-CU-AGVald
  • Corporate body
  • 1928-01-23 ata a actualidade

Sociedade vencellada aos concellos de Viana e Valdeorras na provincia de Ourense, fundouse na Habana o 23 de xaneiro de 1928 como "Agrupación Valdeorresa". Aínda que no seu nome orixinal non aparecía Viana nas reunións trataban asuntos do Distrito xudicial de Valdeorras e Viana do Bolo; no mes de xullo de 1929 aproban o cambio de nome e pasan a denominarse "Agrupación de Valdeorras e Viana".
A súa directiva fundacional estaba composta: presidente, Mario Prada; secretario, José Rodríguez; tesoureiro, Augusto Fernández; vocais: César López, José Núñez, Paz López, Elvira Sánchez, Carlos Salgado, José Gómez, Francisco Maseda.
Tivo como fin prioritario a instrución pública, exemplificada na construción de escolas no seu lugar de orixe. Nos seus primeiros meses colaborou coa Sociedade Unión Orensana para facer unha biblioteca e crearon unha comisión "Pro-carretera Barco-Viana". Esta sociedade centrouse na beneficencia aos seus asociados máis necesitados.
Dende o 2003 é presidente desta sociedade, José Ramón Marín Castro.

Unión residentes del ayuntamiento de Carbia, hoy Vila de Cruces

  • AE-AR-SocCar
  • Corporate body
  • 1936-05-24 ata a actualidade.

Esta sociedade recreativa e cultural foi creada por un grupo de emigrantes naturais do antigo concello de Carbia (hoxe chamado Vila de Cruces), residentes en Bos Aires.
A súa directiva fundacional estaba integrada por estes homes cos seguintes cargos: presidente, Ramiro Verde; vicepresidente, Ramón Chacón; secretario, José M. Lareo; tesoureiro, Manuel Chacón; e como vogais: Secundino Calveira, Manuel Vázquez, Benito Lorenzo, Perfecto Mazas, Antonio Salgueiro, Manuel Santander, Julio Brandariz e José Soto.
En 1970 aproba uns novos estatutos sociais no que especifica os seus fins: fomentar os vínculos de amizade e camaradería entre os socios; cultivar e difundir o espíritu da asociación; establecer relacións coas entidades que practican a axuda ao pobo galego ou se interesan polas diversas manifestacións da súa cultura; propender á cultura xeral, e preferentemente á divulgación do coñecemento da historia, a arte, a literatura, o comercio, a industria, e a economía de Galicia, en relación con eses mesmos temas de España en xeral; inculcar entre os seus asociados o amor ás institucións da nación arxentina, así como tamén o respecto ás súas leis, usos e costumes.
Como voceiro social edita unha revista denominada "Carbia".

Sociedad hijos del ayuntamiento de Buján

  • AE-AR-SocBuj
  • Corporate body
  • 1924-08-30 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada por un grupo de emigrantes naturais do concello de Buján (actualmente denominado Val do Dubra), residentes en Bos Aires. Tiña como finalidade principal o mutualismo entre os seus socios.
En 1932 aproba os estatutos polos que vanse rexir, nos que aparecen as súas finalidades: "Art. 2º: proteger a sus asociados; repatiarlos en caso de enfermedad y faltos de recursos; ayudar a procurarles trabajo y prestarles alcance de la institución, como también orientar y servir de guía a los hijos de Buján que a su llegada a este país soliciten el amparo moral de esta sociedad".
En 1937 pasa a denominarse "Sociedad Hijos de Buján" e en 1964 "Sociedad del Valle del Dubra".

Sociedades unidas del partido judicial de Muros

  • AE-AR-SocParMur
  • Corporate body
  • Anos 40 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta sociedade de emigrantes é resultado da fusión de varias entidades de emigrantes naturais do partido xudicial de Muros, residentes na Arxentina foi creada en Bos Aires.
Edita como voceiro social o xornal "Monte Louro".
Foi membro da "Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina".

Unión del partido de Lalín en Buenos Aires

  • AE-AR-UParLal
  • Corporate body
  • 1921-01-30 ata 1982-07-25, ano no que se fusiona con outras entidades da comarca do Deza para crear o "Centro Lalín de Buenos Aires"

En xaneiro de 1921 aparece no "Correo de Galicia" un chamamento para os veciños das parroquias de Lalín co fin de reunirse no local da "Federación Agraria de la Estrada" para tratar da constitución dunha sociedade auxiliar dos agricultores que existen neste concello e ao mesmo tempo fomentar a actuación das mesmas no partido de Lalín. O 30 de xaneiro do ano 1921 tivo lugar a reunión da que saíu creado o "Comité auxiliar de las sociedades agrícolas y culturales del Partido de Lalín en Buenos Aires". Entre os seus promotores da idea destacaban Avelino González, Victorino González, Antonio Castro Santomé (primeiro presidente), Jesús Blanco, José Parada, Francisco Cacheda e Ramón González Vijide.
Como lema da entidade está o de "auxiliar y de fomento de sociedades agrarias y culturales en el partido". Esta declaración de principios fixa a súa orientación agrarista e progresista.
Entre os seus fins está a creación de escolas, tantas como lles sexa posibles e tamén auxiliar economicamente ás xa existentes; ademáis contemplan axudar moral e materialmente aos campesiños galegos e auxiliar aos seus asociados.
En febreiro de 1922, en asamblea votan a creación de tres escolas: en Gresande (inaugurada ese mesmo ano con 116 alumnos), en Dousión e en Silleda e aproban un regulamento para o seu funcionamento, implantando as seguintes materias: lingua castelán, lectura, escritura e gramática, aritmética, xeografía e historia, historia natural, nocións de xeometría, de ciencias químicas e naturais, de historia e fisioloxía humana, moral, debuxo, traballos manuais, agricultura, exercicios corporais e principios de dereito e instrucción cívica.
A finais de 1923 inaugura unh escola na parroquia de Prado, chamada "Curros Enríquez", á que concurriron 89 alumnos de ambos sexos aos que facilitan gratuitamente todo o material escolar.
A escola de Gresande chamouse "Ramón González Vigide", un dos promotores da fundación da entidade.
Nestas escolas impartíanse clases nocturnas para adultos que deron moi bos resultados.
En 1924 envía cartos para o sostemento da escola da parroquia de Bendoiro.
En 1936 toma posición polo Goberno republicano a través de numerosos manifestos e envía fondos de axuda para as vítimas da guerra e as súas familias.Tras o triunfo franquista denuncia, a través do xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Galegas, a represión do novo réxime e fai un chamamento á colaboración de todos os emigrantes demócratas para axudar os perseguidos.
Nos anos 50 e 60, a súa influencia na colectividade vai mudando e defende posturas máis moderadas politicamente.
O 25 de xullo de 1982 lévase a cabo a fusión das sociedades da comarca do Deza en Bos Aires: "Hijos del Partido de Lalín", "Hijos de Silleda", "Unión del Partido de Lalín" e "Hijos del Ayuntamiento de Golada y sus contornos", creando unha unha nova entidade denominada "Centro Lalín de Buenos Aires".

Agrupación cultural y recreativa residentes de Galicia en Lanús

  • AE-AR-ResLan
  • Corporate body
  • 1944-04-01. Non existe na actualidade

Na década dos 40 do pasado século, dentro da "Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina" primou a idea de agrupar ás sociedades de naturais dunha mesma comarca ou da mesma provincia, ou tamén de reunir baixo unha única entidade a todos os galegos residentes nun mesmo territorio fóra da gran Buenos Aires. Pretendían así superar o localismo de moitas das microsociedades existentes, para así lograr máis forza e apoios na defensa dos seus idearios. Así no número 4 do xornal "Acción Gallega", voceiro da FSGA, se lanza un chamamento " (...) respondiendo a los principios de nuestra Federación, para que agrupen en forma organizada a un extrarodinario número de coterráneos que viven en los pueblos suburbanos de esta capital y que todavía no están federados ... Esta sociedad representa a los gallegos residentes en Lanús".
Nace así esta entidade cuxa comisión fundacional estaba integrada por membros destacados da colectividade asentada en Lanús como Lisardo Castro, quen foi o seu primeiro presidente, Eugenio Rodríguez, Antonio Pousa, Santiago Suárez, José Valladares, Melchor Vigueira, Hermenegildo Cambados, Odulio Gallego, Lisardo Martínez e Manuel Lodeira.
Foi unha sociedade con fins culturais e recreativos.

Centro Gallego de Mar del Plata, cultural, social, recreativo y deportivo

  • AE-AR-CGMar
  • Corporate body
  • 1952-07-01 ata a actualidade.

Este centro foi fundado na cidade arxentina de Mar del Plata, por un grupo de galegos residentes na cidade, liderados por Manuel Rego, socio número un da nova entidade e primeiro presidente social.
Un das súas tarefas máis importante foi construír unha sede social propia, edificio que inauguran en 1973.
Na actualidade este centro conta con preto de 2500 socios e ademais das actividades recreativas e mutualistas para os asociados, colabora co "Instituto Argentino de Cultura Gallega" na organización de diversas actividades culturais para fomento e difusión da cultura galega en Mar del Plata.
Dispón dunha nutrida biblioteca social chamada "Rosalía de Castro" e conta cunha escola de gaitas e de baile infantil e xuvenil e un conxunto de baile galego que actúan nas diversas celebracións da colectividade.

Centro Gallego de Rosario, asociación mutual

  • AE-AR-CGRos
  • Corporate body
  • 1956-11-05 ata a actualidade

O actual Centro Gallego de Rosario foi fundado pola fusión en 1956 do antigo "Centro Gallego" e a "Asociación de Saviñao y sus contornos", a outra entidade galega da cidade, para formar así unha entidade máis grande e con máis posibilidades para facer actividades recreativas e de axuda mutua para os socios.
Durante uns anos chámase "Centro Gallego y Saviñao", pero finalmente é coñecido como "Centro Gallego de Rosario".
Os promotores da fusión foron entre outros José Seoane Nogueira (primeiro presidente social), Monseñor Atilano Vidal Núñez, Darío Cano, Hilario Manso, Luis Salgado, José M. Fontela e Luis Rúa.
Entre os seus fins (aprobados nos seus estatutos sociais de 1987) destacan: "fomentar a axuda mutua entre os asociados; prestar servicios funerarios; otorgar subsidios e empréstimos aos asociados; proporcionar servicios de asistencia médica integral e farmacéutica; realizar actividades recreativas e culturais; contratar seguros; establecer un fondo compensatorio para a xubilación, etc.".
Dende 1994 editan a revista "Galicia en Rosario" como voceiro da entidade.

Peña cultural galega Rosalía de Castro

  • AE-AR-PRos
  • Corporate body
  • 1960. Non existe na actualidade

Asociación cultural galega fundada por un grupo de emigrantes galegos de Rosario para organizar actividades culturais entre a colectividade.

Grêmio espanhol de socorros mútuos e instrução

  • AE-BR-GEBel
  • Corporate body
  • 1911-02-26 ata a actualidade

Esta entidade foi creada pola colectividade española residente en Belo Horizonte (estado de Minas Gerais), froito da solidariedade e para prestar asistencia sanitaria e benéfica aos españois que alí residían. Tamén desexaban reunirse e manter a unión de toda a colectividade organizando reunións, festas e banquetes que lles lembrasen as súas raíces.
O funcionamento da sociedade ríxese por uns estatutos sociais nos que aparecen as súas finalidades prioritarias: “Promover reunións de caráter cultural, cívico, filantrópico, recreativo e deportivo; incrementar o espírito de unión, cooperación e fraternidade entre os seus asociados e visitantes; servir como instrumento de aproximación entre brasileiros e españois, perpetuando, aí, un dos obxectivos principais de seus fundadores; constituír e/ou manter intercambio socio-cultural coas autonomías que forman España; constituír e/ou manter lazos culturais e/ou sociais con Galicia, o seu povo, a sua historia, a súa lingua e a súa cultura”.
Tal e como se reflicte nos seus estatutos gran parte dos seus asociados son galegos ou de orixe galega.

Results 61 to 80 of 1750