Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Comité Orensano Leal

  • AE-AR-ComiOr
  • Entidade colectiva
  • 1938-1941, ano no que se fusiona con outras entidades de Ourense para crear o "Centro Orensano" de Buenos Aires

Este comité foi creado en 1938 por diversas entidades de emigrantes ourensáns en Bos Aires, entre as que podemos citar: "Centro Nogueira de Ramuín", "Sociedad Cultural Nogueira de Ramuín", "Hijos del Ayuntamiento de Pereiro de Aguiar" e "Cultural y Recreativa del ayuntamiento de Esgos".
Todas estas entidades fusionaranse en 1941, e crean unha nova entidade de carácter provincial, o Centro Orensano de Buenos Aires.

Comité de sociedades galegas do Uruguai

  • AE-UR-ComiSG
  • Entidade colectiva
  • [1955]. Non existe na actualidade

Este comité foi creado por diversas entidades de emigrantes galegos no Uruguai, para que os seus membros se encargasen de organizar todos os actos culturais correspondentes ás Xornadas de cultura galega no Uruguai.
Este comité estaba integrado por representantes das seguintes sociedades: Casa de Galicia, Centro Gallego, Centro Orensano, Patronato Rosalía de Castro, Casa Compostelana, Centro Coruñés, Irmandade Galeguista, Hijos de Galicia, Alma Gallega, Hijos de Morgadanes, Centro Valle Miñor, Centro San Miguel de Oya, Hijos del Puerto del Son, Teatro Popular Gallego, Centro Pontevedrés e Centro Lucense.
En 1964 organizan as xornadas cunha homenaxe ao Padre Feijoó, no bicentenario do seu pasamento, e no que participou a intelectualidade galega no país.

Comité auxiliar de las sociedades de agricultores del distrito de Puenteareas en Buenos Aires

  • AE-AR-ComiPuent
  • Entidade colectiva
  • 1909 ata 1946, ano no que desaparece ao fusionarse co "Centro renovación de Puenteareas"

Esta sociedade foi fundada en 1909 por un grupo de emigrantes naturais do concello pontevedrés de Ponteareas, residentes en Bos Aires, co fin moi xeral de "dedicar sus actividades a todo lo que signifique progreso en Galicia".
Entre os seus fundadores están: Angel Martínez Castro, Francisco Ojea Aldir e Cándido Otero.
Basicamente trátase dunha sociedade agraria e mutualista, que envía cartos para a mellora da súa terra natal e dos seus paisanos, dedicados maioritariamente á agricultura. Como exemplo as decisións aprobadas en asemblea xeral de socios, de 1923: envío de 100 pesos para axudar a pagar unha multa de 4.000 pesetas impostas á sociedade agraria de Cristiñade; ou a doazón de 50 pesos para as familias dos mortos de Guillarei. Acordan tamén apoiar á cooperativa "El Hogar Obrero", co envío de 1.200 pesos.
Un dos seus proxectos era crear unha biblioteca pública no seu pobo natal.
Ata o estalido da guerra civil española tivo unha gran actividade apoiando a organización de asociacións agrarias no seu partido xudicial, e a creación de cooperativas de crédito, de produción e consumo. Construíron un edificio para a Sociedad Agraria de Cristiñade, que funcionou como lugar de reunión e escola; na parroquia de Guláns, axudou economicamente a creación duunha biblioteca. Tamén financiou a construcción do edificio da Sociedad Agraria de Padróns e axudou a edificar a "Casa del Pueblo" de Ponteareas.
En 1946 esta entidade desaparece ao fusionarse co "Centro Renovación de Puenteareas".

Comité autonomista gallego de Montevideo

  • AE-UR-ComiAut
  • Entidade colectiva
  • 1933 ata 1936. Non existe na actualidade

Este comité foi creado pola "Casa de Galicia de Montevideo” e outras entidades galegas, para, a través da súas activdades, apoiar e loitar desde Uruguai, pola autonomía galega. A nova institución estivo liderada varios anos polo xornalista, escritor e médico galego, Constantino Sánchez Mosquera.
Uns meses despois da súa creación edita o xornal "Raza Celta" (1934-1935), como voceiro das ideas do comité; nas súas páxinas publican numerosos defensores das ideas autonomistas e federais. Este xornal tamén foi dirixido por Sánchez Mosquera. No xornal proclámase un galeguismo pleno e radical, cun claro rexeitamento ao centralismo español e un apoio firme ao Partido Galeguista, non exento dalgunhas críticas; fai tamén un chamamento ao afastamento da política de partidos e ten unha actitude belixerante contras os republicanos e, en xeral, as formacións da esquerda política, antinacionalistas; apoio firme ao Partido Galeguista (non sen algunhas críticas) e se implican totalmente na tarefa de dar pulo á cultura galega e participar –informando, opinando– na vida política do país.
O comité organiza diversas actividades sociais para recadar cartos que mandar a Galicia para axudar a diversos organismos e entidades culturais e científicas como o Seminario de Estudos Galegos, a Real Academia Galega, a Universidade de Santiago, a Residencia de Estudantes da USC ou a mesma Biblioteca América. Segundo eles, o apoio ás citadas institucións representa a vía axeitada para a renovación do país e para a súa rexeneración e modernización.
Tras a guerra civil este comité practicamente desaparece.

Comisión Intersocietaria pro-conmemoración das datas patrióticas galegas

  • AE-AR-ComInter
  • Entidade colectiva
  • Creouse en 1948. Na actualidade non existe pero non temos constancia da data da súa disolución.

Esta comisión foi creada en 1948 coa finalidade de "manter ergueito o sentimento da Patria e honrar con verdadeiro senso galego as nosas datas nacionales". A súa función específica foi a de organizar os actos para celebrar o aniversario da morte de Castelao, da aprobación do Estatuto Galego e o Dia da dos Mártires, tres datas esenciais para os galegos.
Estivo integrada dende a súa creación polos seguintes centros: "Centro Coruñés", "Centro Lucense", "Centro Orensano", "Centro Pontevedrés", "Centro Betanzos", "A.B.C. de Hijos del Partido Judicial de Corcubión" e por "Irmandade Galega".

Resultados 1221 a 1240 de 1750