Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Parroquias unidas del ayuntamiento de Rianjo

  • AE-AR-PaRia
  • Entidade colectiva
  • 1934-09-30 ata 1963, ano no que varias entidades de emigrantes do concello de Rianxo se fusionan dando lugar ao "Centro ayuntamiento de Rianjo"

Esta sociedade mutualista e cultural foi creada polos emigrantes naturais do concello de Rianxo e as súas parroquias, residentes en Arxentina. Entre os seus fundadores podemos citar a Vicente Otero Castro, primeiro presidente da entidade, Bonifacio Botana, Inocente Pérez, Isidoro Torrado, José Abuín, Jesús Abuín, Felipe Carou, Ernesto Fernández, Antonio Viana e José Rivas.
Os fins principais da sociedade están recollidos nos seus estatutos: "a) fomentar o espíritu de asociación e unión entre os fillos das parroquias de Araño, Asados, Rianxo, Taragoña, Leiro e Isorna; b) fomentar entre os asociados a arte musical e escénica; c) prestar axuda moral e económica aos asociados en caso de orfandade ou viuvez; d) organizarán conferencias, veladas científicas, artísticas, musicales, literarias, excursiones e visitas culturais; e) creación dunha biblioteca e sala de lectura; fomento da ensinanza e mellora do estado social do pobo de Rianxo, subvencionando bibliotecas públicas en cada unha das parroquias etc.".
Nos anos 40 edita como voceiro social a revista "Rianxo".
En 1963 varias sociedades de emigrantes naturais do concello de Rianxo deciden fusionarse e crean o "Centro ayuntamiento de Rianxo". En 1986 esta entidade fusiónase coa "Asociación del Partido Judicial de Noya", dando lugar a unha nova entidade: "Centro Noya - Rianjo", existente na actualidade.

Patronato da cultura galega de Montevideo

  • AE-UR-PaCulGa
  • Entidade colectiva
  • 1964 ata a actualidade

O Patronato da Cultura Galega foi fundado por iniciativa dun grupo de emigrantes galegos entre os que podemos citar a Manuel Meilán, José Cancela, Marcelino Martínez, Jesús Canabal, Manuel Canabal, Antón Crestar, Abelardo Cerdeira, Manuel Martínez, José Fernández, Albino García, Miguel Vázquez Valiño, Federico Docampo ou Carlos Zubillaga. Segundo os seus fundadores xurde como un xeito de resposta cultural á situación da colectividade galega no Uruguai.
A súa primeira directiva estaba formada por: José Cancela Freijó, como presidente; vicepresidente, Jesús Canabal; secretario, Miguel Vázquez Valiño; tesoureiro, Abelardo Cerdeira e vogal, Rogelio Cerdido.
Durante os seus primeiros anos, coincidindo cos últimos anos do franquismo en España, centrouse na defensa da cultura e a lingua galega coa publicación de varios libros en galego (algo impensable na Galicia do momento) de autores e temas prohibidos polo réxime. Pódese citar algúns libros como Versos para cantar en feiras e romaxes”: de Manuel María, “Los cruceiros del Montevideo antiguo” de Carlos Zubillaga Barrera, “Rosalía y su mundo poético” de Víctor Luis Molinari, “Historia de emigrantes” de Xosé Neira Vilas etc.
O lema social é "Sementar cultura e amor a nosa terra". Segundo os seus estatutos o Patronato creouse co propósito de traballar a favor do coñecemento de Galicia e dos valores universais que o pobo galego creou, así como para estimular o desenvolvemento das ciencias e as artes e de todo impulso que tenda ao perfeccionamento da cultura e da maneira de vivir dos galegos e dos seus descendentes, residentes tanto na súa terra de orixe como en calquer outro lugar. En particular tratará de destacar os valores de Galicia no Uruguai e de incrementar o estreitramento dos vínculos fraternais entre os dous pobos.
Este patronato foi creado pois, co obxectivo de “promover e espallar a cultura galega”, e, por iso unha das súas bandeiras foi sempre a defensa do idioma. Desde o comezo, reivindicar o galego lingua foi un obxectivo polo que se traballou e traballa sempre a través de distintas actividades desenvolvidas. Como exemplo, pódese citar a Misa en Galego, acto reivindicativo que anualmente, durante o mes de Galicia, e coincidindo co domingo máis próximo ao 25 de xullo, é celebrada na Catedral Metropolitana de Montevideo nun horario central. Hoxe en día, este feito xa non é tan relevante, pero cando se empezou a facer foi unha achega interesante á causa da recuperación.
De xeito permanente, a institución organiza as seguintes actividades:

  • Financia a audición radial “Sempre en Galicia”, fundada en 1950 -ano da morte de Castelao- como homenaxe a súa figura e a súa obra. Constitúe a audición máis antiga do mundo falada enteiramente en lingua galega, e pode escoitarse por CX12 Radio Oriental, e por www.oriental.com.uy, cada domingo ás 9 da mañá.
  • Edita dende 1965 a revista ”Guieiro”, voceiro oficial do Patronato, no que se recollen distintas expresións culturais de Galicia e a súa repercusión fóra de Galicia, así como producións propias dos galegos emigrados.
  • Imparte cursos regulares e obradoiros sempre sobre temática galega, que constitúen un interesante traballo de estudo e investigación para levar adiante as diversas actividades . Cursos como o de danza crioula, baile e música galegos, lingua galega, etc.
  • Grupos de viaxe dos socios, coa finalidade de percorrer Galicia, viaxes preparadas en conxunto, sobre a historia, xeografía e cultura de cada rincón do país, aos efectos de coñecer e amar Galicia conectando coas súas raíces.
  • Conmemoración con festas e banquetes de datas importantes como o aniversario de Castelao, o Día das Letras Galegas , o Día da Patria Galega ou o Día da poesía galega, unha celebración instituída polo Patronato, que se celebra todos os anos no mes de decembro, cunha doble finalidade: homenaxear a un poeta galego vivo, así como dar a coñecer aos novos autores, como un xeito de promovelos e poñer ao día á colectividade do quefacer cultural da Galicia actual.
  • Concede o premio “Vieira de Prata”, como o máximo galardón que outorga o Patronato anualmente, a aquela persoa ou institución que destaque polo seu aporte, ou servizo, á causa do Patronato ou de Galicia. Este premio entrégase nun acto público, no xantar aniversario de irmandade. Moitas figuras e institucións galegas foron distinguidas con este premio,como Luís Seoane, Antón Crestar, Antón Alonso Ríos, Isaac Díaz Pardo, Luis Tobío, Xosé Neira Vilas, a Fundación Castelao … No ano 2009, por exemplo, a Xunta Directiva do Patronato decidiu, por unanimidade, outorgar o galardón ao escritor e xornalista Manuel Rivas “polo seu aporte á nosa cultura e a súa defensa do ser galego e do seu propio idioma”.
  • Organiza ao longo de todo o ano, conferencias, exposicións, presentación de libros e moitos eventos máis, que fan desta institución un xermolo de galeguidade alén mar.
  • Cómpre dicir, tamén, que o Patronato da Cultura Galega conta cunha importante biblioteca de aproximadamente 10.000 exemplares -a maioría deles en galego- que son consultados na sala da institución, ou tamén polo servizo de préstamo a domicilio.
Resultados 1261 a 1280 de 1750