Amosando 537 resultados

Rexistro de autoridade
Entidade colectiva

Asamblea de Mulleres de Pontevedra

  • Entidade colectiva
  • 1976

A organización nace en 1976 como o núcleo de Pontevedra da Asociación Galega da Muller (AGM). Nos anos 1980 refúndase como Asamblea de Mulleres de Pontevedra.

Asociación Argentina de Hijos de Gallegos

  • AE-AR-AAHG
  • Entidade colectiva
  • Fundada en 1959. Non existe na actualidade pero non temos constancia da data de disolución.

Esta sociedade foi creada por un grupo de xóvenes, descendentes de emigrantes galegos, que desexaban potenciar a cultura e a realidade galega na terra de acollida dos seus pais. Foi creada na sede da editorial "Follas Novas", organización galega que desde Bos Aires difunde o libro galego en toda América. Entre os seus obxetivos pódese citar: os culturais coa edición de libros e organización de cursos sobre xeografía, historia, arte, literatura e economía galegas. Tamén queren crear un grupo de teatro vocacional con raigame galego.
Entre os seus membros estaban Antonio Pérez Prado (que foi presidente da entidade), José M. Reynoso e Alberto Abalo.
En 1960 organizan ciclos de estudos e debates sobre obras galegas como "Sempre en Galiza" e cursos de lingua galega, un deles impartido por Eduardo Blanco Amor.
En 1962 publican como voceiro social a revista Alen-Mar, que foi dirixida por P. López Romero.

Asociación Benéfica Hijos de Lalín

  • AE-VEN-HLal
  • Entidade colectiva
  • 1983-11-30 ata a actualidade

Esta sociedade recreativa e cultural foi fundada o 30 de novembro de 1983 por un grupo emigrantes galegos orixinarios do partido xudicial de Lalín que residían en Caracas e que foran socios da "Hermandad Gallega de Venezuela". A primeira directiva fundacional estaba integrada por David Mato López, como presidente; vicepresidente, Jesús Fernández Ramos; secretario xeral, José Manuel Varela González; tesoureiro, Gonzalo González Rodríguez; secretariod de relacións públicas, Adolfo Vázquez Martínez; vocais: Celso Martínez Villamayor, Antonio Souto González.
Os obxetivos fundamentais da asociación, recollidos nos seus primeiros estatutos (1983), céntranse na promoción de todo tipo de actividades de índole social, cultural e recreativa: entre varios dos fins está promover e auspiciar o labor de axuda mutua entre os seus asociados, no campo médico, social, docente, asistencial, cultural; propiciar programas de divulgación do coñecemento de Galicia, promovendo actividades culturais e recreativas, dirixidas á mellora dos niveis cultural, social e económico das persoas integrantes da Asociación.

Asociación Benéfica Provincia de La Coruña

  • AE-VEN-ProCor
  • Entidade colectiva
  • 1984 ata a actualidade

Esta sociedade cultural e recreativa foi fundada o ano 1984 por un grupo de emigrantes galegos integrantes da "Peña Coruñesa" da Hermandad Gallega de Venezuela.

Nos seus inicios reuníanse na sede da HGV pero dende 1989 contan cunha oficina na zona da Candelaria, aínda que para realizar actividades recreativas, culturais ou deportivas continúan a empregar as instalacións da "Hermandad".

Entre os seus fundadores destacan Arturo Ces Chisca, primeiro presidente social, Antonio Corgo Casal, Julio Fernández Candamio, Juan José Vázquez Calviño, Salustiano Piñeiro Piñeiro, José Antonio Vázquez, Gerardo Blanco Paseiro, Genciano Silva, Juan Antonio Fernández, Francisco Regueiro e Celso Baleiro.

No Artigo 2 dos seus Estatutos sociais recollen que o obxectivo básico desta asociación é o seu carácter benéfico e de protección ou socorro mutuo entre todos os asociados. Para o seu cumprimento poderán promover, fomentar e desenvolver actividades de carácter cultural, deportivo, recreacional, coa finalidade de obter fondos para beneficios asistenciais, de previsión e axuda en xeral para os socios.

Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra

  • AE-VEN-ProPont
  • Entidade colectiva
  • 1988-01-08 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes de orixe pontevedresa foi creada en Caracas o 8 de xaneiro de 1988 durante unha reunión na sede da "Hermandad Gallega de Venezuela", segundo indican na súa Acta constitutiva: "A los ocho días del mes de enero de mil novecientos ochenta y ocho, reunidos en la sede social de la <Hermandad Gallega>, ubicada en la Avenida Principal Mariperez, de esta ciudad de Caracas y estando presentes (...) quienes hemos convenido en constituir, como en efecto constituímos en este acto, una asociación civil que se denominará <Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra>".

Destacan entre os seus fundadores: Santiago Oviaño Cerviño, Juan López Pita, Jaime Tosar Silva, Raimundo Toubes, José Manuel Díaz, Abelardo Rios Giraut, José Ramil Martínez, Eduardo Meilán Sánchez, Alberto Jesús García Hernández, Manuel Ramos López, José Manuel Carpintero, Ofelia Otero Fernández Sanmartín, José Sanmartín López, José Ferreira, Benigno Rossua Vasquez, Francisco González Otero, Maribel Muñiz Méndez, Ernesto Chao Pazos, Ana María Rodríguez, Ramiro Muñiz Martínez, Moisés Muñiz Méndez, José Rodríguez Sánchez e José Antonio Chao Louzao.

Trátase dunha asociación de carácter benéfico cuxo fin é promover actividades de previsión e socorro mutuo para os seus asociados. Segundo os seus Estatutos, o seu obxectivo fundamental é promover o achegamento dos fillos e amigos da provincia de Pontevedra; promover iniciativas de acción asistencial comunitaria; propiciar accións de carácter cultural autóctono e defender o carácter da provincia, así como iniciativas de carácter comunal, cooperativo, asistencial, etc. para a colectividade que asocia; fomentar e desenvolver actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda xeral para os membros da Asociación; propiciar programas de divulgación dos valores autóctonos galegos e en xeral ter un carácter benéfico e de socorro mutuo para os seus asociados.

Organizan actos, conferencias e charlas sobre cultura e historia de Galicia e celebran a Festa da Virxe da Peregrina (patrona de Pontevedra).

Asociación Casa Coirós, cultural y mutualista

  • AE-AR-ACoi
  • Entidade colectiva
  • 1906-10-14 ata a actualidade.

Esta asociación de emigrantes foi creada tras a fusión das sociedades "Hijos de Ois" e "Hijos de Coirós" co fin de xuntar esforzos para lograr os seus fins: dar protección e instrución aos seus veciños na terra natal.
Entre os seus fundadores podemos citar a Andrés Bugallo, Pedro Vázquez, quen foi o seu primeiro presidente tras a fusión, Pedro Vara ou Manuel Bugallo.
O lema da entidade foi "la instrucción es la base de la familia, del bienestar y la felicidad".
Os seus primeiros fins foron de carácter mutualista, pero a partir de 1912 cambiaron de obxectivos primando a idea de propagar a cultura e lograr unha maior preparación dos futuros emigrantes do seu pobo natal. A súa finalidade pasou pois a a ser instrutiva e cultural, aprobando en asemblea a creación no seu concello dunha escola que respondese á necesidade de alfabetizar e preparar aos nenos para o seu futuro.
Dende 1913 comezan a enviar regularmente cartos para a construcción dun edificio escolar no seu pobo. En 1919 mercan un local que foi usado como escola para os nenos da parroquia, que eles manterán económicamente.
No seguinte ano mercan unha casa no lugar de Chás (Coirós), no que se instala unha escola e vivenda para os mestres. Esta edificación está rodeada dun amplo terreo cunha superficie de 6.400 m2, que destinan a xardíns e canchas de xogos deportivos para a mellor educación física e moral dos alumnos. O colexio foi inaugurado en 1924. Dende Arxentina, a entidade crea un fondo de reserva para o funcionamento da escola.
Nas actas de 1925 recóllense os novos propósitos sociais como son a creación dunha Escola de Artes e Oficios e de preparación agrícola, e un campo deportivo.
Dende xaneiro de 1924 publican a revista "Nuestra Obra" como órgano oficial da sociedade.
En 1941, apróbase uns novos Estatutos sociais que seguen a rexir a sociedade na actualidade. Así pasa a ter unha novas finalidades centradas no mutualismo e nas actividades recreativas: socorrer aos asociados nos casos de morte ou necesidade, mediante a formación dun fondo común procedente das cotas sociais; fomentar e estreitar os lazos de unión e amizade entre todos os asociados, organizando a tal fin reunións sociais e actos culturais e soster relacións de amizade coas asociacións de igual índole.

Asociación Casa de Galicia de Buenos Aires

  • AE-AR-ACaG
  • Entidade colectiva
  • 1933-09-21 ata a actualidade.

O 20 de setembro de 1918 creouse unha entidade baixo o nome de "Casa de Galicia de Buenos Aires" coa finalidade de acadar solidariedade, cultura, arte e recreo para os seus socios, así como reivindicar e valorar a galeguidade na Arxentina.
Esta entidade sufriu unha escisión dun grupo de socios disconformes coa política da directiva no ano 1927, que pasan a crear unha nova sociedade chamada "Nueva Casa de Galicia".
Tras un periodo de crise, en 1933 hai unha refundación da entidade, baixo os auspicios de Manuel Rigueira Montero, primeiro presidente, Domingo González, Emilio Monelos e José Maceira entre outros.
Esta entidade centrase en fins culturais e recreativos. En agosto de 1935 sae o primeiro número do seu voceiro social, a revista "Casa de Galicia", que ten carácter mensual; en 1944 publican ademais a revista "Airiños".
No ano 1954 mercan un campo recreativo que chaman Airiños, para reunirse todos os socios e organizar festas. Finalmente en 1974 mercan un edificio na rúa San José, da capital porteña, que converten na súa sede social.

Asociación Civil Fillos da Provincia de Lugo

  • AE-VEN-ProLug
  • Entidade colectiva
  • 1997 ata a actualidade

Asociación civil con personalidade xurídica, de servizos á comunidade e de carácter apartidario que da cabida a todos os nacidos na Provincia de Lugo, así como aos seus ascendentes e descendentes.

Nos seus Estatutos queda constancia das súas finalidades básicas:
"A) Protección o socorro mutuo y prestar apoyo moral, social y jurídico a cada uno de sus asociados, según lo exija el caso, y en lo posible a todos los hijos de la provincia de Lugo en general.
B) Prestar servicios a la comunidad y/o a la propia Asociación Fillos da Provincia de Lugo, promoviendo o realizando obras benéficas asistenciales cooperativas, deportivas-recreativas, culturales, etc.
C) Para el cumplimiento de estos objetivos, la Asociación podrá promover, fomentar y desarrollar actividades de carácter cultural, recreacional o cualquier otro evento con la finalidad de recabar fondos para la realización de estos objetivos".

Asociación Civil Fillos de Ourense

  • AE-VEN-FilOur
  • Entidade colectiva
  • 1983-01-27 ata a actualidade

Esta sociedade de emigrantes galegos naturais de Ourense e residentes en Caracas foi creada o 27 de xaneiro de 1983 por un grupo de socios de "Hermandad Gallega de Venezuela", coa idea de reunir aos naturais da provincia de Ourense residentes en Caracas para así poder realizar algunhas prestacións específicas que non podían ser obtidas a través da "Hermandad Gallega". O número de socios fundacionais foi de 60.

A finalidade da asociación é “esencialmente benéfica, de asistencia social, cultural y deportiva” e sen fins de lucro. Neste sentido prestan apoio moral, social e xurídico aos seus asociados. Tamén proporcionan axuda monetaria en casos de enfermidade grave ou accidente que supoñan incapacidade física parcial ou total. Entre os seus fins destaca o de promover o achegamento dos ourensanos en Venezuela, ademais de crear iniciativas de asistencia comunitaria e propiciar accións de carácter cultural autóctono; tamén queren fomentar e desenvolver actividades de carácter deportivo, recreacional, de previsión e axuda para todos os membros da asociación.

No aspecto cultural tratan de “preservar y difundir” o idioma galego e os “valores culturales autóctonos de Galicia”. Publican un boletín con carácter trimestral dende 1996 chamado Reporte Ourensán, que distribúen de maneira gratuita entre os socios. Dende o ano 1997 emiten, con periodicidade semanal, un programa de radio, chamado Xuntanza Fillos de Ourense, pola emisora Radio Uno 1340, de Caracas. E contan coa Banda de Gaitas Xuntanza Fillos de Ourense, fundada e dirixida por Jonathan Casal Montesinos.

Celebran a Festa do Magosto (San Martín, patrón de Ourense), Feria do pulpo (mes de abril), Feria dos callos. Para estas celebracións e para as súas actividades ordinarias, utilizan as instalacións da HGV, tanto na súa sede de Maripérez, como na de Valle Fresco. No aspecto deportivo contan con 15 equipos de fútbol sala e con 1 equipo de fútbol.

Asociación Cultural Casa de Galicia

  • AE-AN-CaGa
  • Entidade colectiva
  • 1994-04-29 ata a actualidade

Esta asociación foi creada por emigrantes galegos que residen en Andorra no ano 1994 baixo os auspicios de Manuel Fernández Boán.

Os seus fins están recollidos nos seus primeiros Estatutos, do mesmo ano:

  • Promover contactos e actividades destiñadas a fomentar o coñecemento da cultura e do folclore dentro do Principado
  • Facilitar a comunicación e contactos culturais entre todos os galegos residentes en Andorra
  • Enriquecer culturalmente á comunidade galega abrindo a súa propia cultura á do Principado sen discriminación de ningunha clase para fomentar a solidariedade cultural entre todos os pobos
  • Ensinar, facilitar e fomentar o coñecemento do folclore e a cultura galegos a través das diferentes actividades que se leven a cabo
  • Fomentar actividades deportivas, recreativas e benéficas que teñan por obxeto a convivencia entre todos os galegos
  • Prestar apoio e orientación ós galegos que, pola súa condición de emigrantes, o necesiten.

O 12 de outubro de 1994 concedéuselles a personalidade xurídica.

Publican a revista "Bolboreta" e organizan diversas actividades de carácter cultural como a celebracións do Día das Letras Galegas, o Antroido, Magostos ou o Día de Galicia; actos festivos como romarías e actuacións folclóricas e culturais e actividades deportivas como a práctica do futbol-sala.

Asociación Cultural Cova da Serpe

  • AE-ES-ACova
  • Entidade colectiva
  • 1985-10-25 ata a actualidade

Asociación cultural que foi fundada o 20 de outubro de 1985 por un grupo de galegos residentes no Distrito de Sant Martí (Barcelona) coa finalidade de manter contactos entre eles e manter a identidade cultural e sociolóxica das súas raíces tradicionais".
Dende a súa fundación levan a cabo unha intensa labor recreativa, organizando festivais, conferencias, coloquios, concertos, exposicións de libros e traxes, instrumentos, etc. Crean tamén unha escola de gaitas e danzas galegas.
Entre as súas celebracións destaca a "Semana Gallega de Cultura" e o aniversario fundacional, cun festival de música galega. En 1990 presentan o seu primeiro traballo discográfico coa gravación dun LP composto por melodías da nosa música tradicional e popular.
Editan un boletín mensual "Info-Arxela" desde 1995 e, dende 2014, a revista societaria "Galicia en Catalunya", froito do traballo en común realizado polas comunidades galegas en Cataluña para fornecer a Galeguidade.

Asociación Cultural Gallega O Pote

  • AE-HO-APote
  • Entidade colectiva
  • 1979-08-10 ata a actualidade

Esta asociación cultural constituíuse o 10 de agosto de 1979 en Helmond, unha pequena cidade próxima a Eindhoven, en Holanda.

Contan cun grupo de baile, Saudades da Terra, celebran o Día das Letras Galegas, organizan cursos de idiomas, soldadura, salón de peiteado de señoras e conferencias de tema galego. Dende 1979 publican o boletín "O Pote".

Tamén contan cun equipo de fútbol e, dende o ano 1992, organizan o Torneo de fútbol "Xunta de Galicia".

Asociación Cultural Gallega O Toxo

  • AE-FR-AToxo
  • Entidade colectiva
  • 1975 ata a actualidade

O Toxo fundouse en 1975 como asociación cultural para espallar entre os galegos o estudo e manifestacións da cultura e do pobo galego. Desenvole a súa actividade en París, onde organiza conferencias, exposicións, proxecciós cinematográficas, etc., participando en tódolos actos culturais de interés que se celebran na cidade.

Naceu como elemento aglutinador de tódolos galegos que queren dar a coñecer Galicia, loitan pola súa cultura e participan no seu desenvolvemento histórico. Os seus membros consideran que é necesario revitalizar a lingua galega, polo que o cultivo da lingua galega e a súa defensa constitúe un dos meirandes obxectivos perseguidos pola asociación.

Quere ser o lar onde o galego atope o sentimento ceibe de Galicia, manifeste a súa personalidade e xunte o seu esforzo aos homes que teñan os seus mesmos principios de xustiza e liberdade. Así, O Toxo e os seus membros participan no desenvolvemento histórico do pobo galego.

Asociación Cultural Gallega Rosalía de Castro

  • AE-ES-ARosa
  • Entidade colectiva
  • 1980-07-25 ata a actualidade

A Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà foi creada en 1980 en Cornellà de Llobregat, Barcelona, coa finalidade de promover a cultura galega en Cataluña e desde a súa fundación esa foi a súa principal función dentro do tecido asociativo da cidade. A entidade organiza a Festa Galega no parque de Can Mercader, coincidindo co Corpus, festa maior da cidade. Durante tres días levan a cabo actividades de exaltación da cultura popular e tradicional, con actuacións de grupos de danza e música popular de Galicia e de Cataluña, así como de outras comunidades autonómicas, ademáis de outras actividades de carácter social, solidario, cultural, lúdico e de interés público.

Resultados 21 a 40 de 537