Showing 540 results

Authority record
Corporate body

Irmandade Galega O Pote

  • AE-SU-IrGaPo
  • Corporate body
  • 1979-04-24 ata a actualidade

En 1979 créase a Irmandade Galega O Pote co obxectivo de incorporar a galegos, así como a cónxuxes e fillos de galegos residentes en Zûrich.

O 12 de maio de 1979 aprobáronse os seus Estatutos, redactados en galego.

No artigo nº 2 sinálanse as finalidades da sociedade:

  • "Desenrolar e propagar a Lingua, o Arte, a Hestoria, a Literatura, a Economía, o Folclore, e todo o que estea en estreito contato con Galicia e o pobo galego, asín como os seus valores nacionaes.
  • Axuda, apoio moral e social na resolución dos problemas que atopen os galegos na emigración.
  • Desenrolo de aitividades de folguedo entre os galegos emigrantes.
  • Percurar as relacións e a colabouración con calisqueira entidades de ouxetivos semellantes".

Federación de Sociedades Galegas na Suiza

  • AE-SU-FSGS
  • Corporate body
  • 1980-11-29 ata a actualidade

A Federación de Sociedades Galegas na Suiza (FSGS) creouse na cidade suíza de Olten en novembro do ano 1980. O seu propósito era agrupar a maior cantidade posible de centros galegos e obter así a forza necesaria para unha mellor defensa dos “intereses que lles son propios”.

As 10 sociedades constituíntes foron:

  • A Nosa Galiza (Xenebra)
  • Centro Peña Galega (Lausanne)
  • Irmandade Galega na Suiza (Xenebra)
  • Peña Galega (Le Sentier)
  • Centro Galego (Sión)
  • Centro Galego (Val do Rhin)
  • Sociedade Galega Sementeira (Basilea)
  • Promoción da Cultura Galega (Zürich)
  • Casa de Galicia (Martigny)
  • A Nosa Casa Galiza (Berna)

A composición da FSGS sufriu variacións ó longo da súa existencia, xa que algúns centros desapareceron e tamén se produciron altas e baixas. Asimismo, formaron parte da Federación o: Centro Galego (Lausanne), Centro Galicia (Olten), Centro Galego (Lucerna), Grupo Galego (Aarau), Centro Galego A Nosa Terra (Zug), Centro Galego (Berna), Galicia Hoxe (Xenebra) e Promoción da Cultura Galega (Lausanne), entre outros.

Nos seus primeiros Estatutos, redactados en galego e aprobados o 26/05/1985, constituíron a sede social na rúa de la Servette, nº 91 da cidade de Xenebra. En 1989 e durante a celebración do IV Congreso da Federación modificaron os Estatutos iniciais logo das experiencias organizativas e de funcionamento verificadas desde a súa fundación. Unha modificación importante refírese precisamente á ubicación do domicilio que será no domicilio da sociedade que neses momentos lles corresponda á Secretaría da Federación.

Os obxectivos polos que foi creada a FSGS son:

  • Defende-los “valores históricos” de Galicia, a lingua, a cultura, o arte e o folclore.
  • Lograr un maior achegamento e unión de tódolos centros galegos da Suíza.
  • Reforzar as relacións coas demais asociacións galegas e non galegas.
  • Defender os dereitos do emigrante e tratar de mellorar as súas condicións de vida.

Segundo o art. 6 dos Estatutos, a FSGS realizará as seguintes actividades:

  • Estudios e publicacións sobre cuestións da cultura galega e do asociacionismo cultural.
  • Elaborar proxectos para a solución dos problemas plantexados polas entidades federadas.
  • Fomentar a creación de sociedades culturais.
  • Organizar congresos, seminarios, conferencias, coloquios, cursos...
  • Realizar e promover actividades culturais, deportivas e recreativas.

No ano 1993 publican o primeiro número da revista “Diáspora”, que recolle artigos culturais de interese así como un resumo das actividades previstas a desenvolver no seo da Federación. Tamén dá conta da incorporación á Federación do Centro Galego de Zug “A Nosa Terra” e especifican que nese momento eran 12 os centros asociados.

Cada ano organizan actos con motivo do Día das Letras Galegas e do Día da Patria Galega e unhas xornadas culturais no mes de outubro.

Lar Gallego de Caracas

  • AE-VEN-LG
  • Corporate body
  • 1945-04-15 ata o 1960-10-12

O Lar Gallego de Caracas foi unha asociación galega na emigración en Venezuela. Foi constituído en Caracas o 15 de abril de 1945, logo de que se autorizase a súa creación o 9 de febreiro dese mesmo ano. A idea de fundación deste centro xurdiu por mor da visita do secretario xeral do Centro Gallego de Bos Aires, Rodolfo Prado, a Caracas. Este, propuxo a idea a un grupo de galegos residentes na cidade, os cales tras diversas reunións acordaron a creación do mesmo. Na constitución do Lar Gallego participaron vinte e oito persoas, que decidiron quen ocuparían os cargos da primeira directiva, finalmente formada por José Mosqueira Manso (presidente), Silvio Santiago (vicepresidente), Díaz Villamil (secretario), Isolino López (vicesecretario) e Francisco Calviño (tesoureiro).

Foi unha das principais asociacións de galegos na emigración durante a etapa do franquismo. Lonxe dos seus fogares, os inmigrantes tentaron organizarse en diferentes grupos e asociacións, mais debido ao carácter político da maior parte delas, as autoridades puxéronlles trabas para que lograsen facelo legalmente debido á prohibición polas leis venezolanas de asociacións políticas de estranxeiros con carácter político, aínda que posteriormente foron autorizando a creación de varias asociacións.

Desde o primeiro momento e durante case toda a existencia do Lar, foron os exiliados políticos os que tiveron un papel máis destacando destro da asociación. Por iso, o Lar Gallego tivo un carácter marcadamente político, con predominio de persoas de ideoloxía de esquerdas, republicano-progresistas, que defendían principios galeguistas e antifranquistas.

Durante a súa existencia, o Lar desenvolveu importantes actividades sociais, culturais, recreativas, deportivas e, por suposto, políticas. Un dos seus obxectivos principais foi a asistencia social e a beneficencia, orientadas cara a colonia galega cunha situación económica aínda precaria e que non contaba cunha seguridade médico-asistencial.

O Lar contaba coa peña de xadrez "Alexandre Bóveda" e polos seus salóns pasaron os mellores xadrecistas mundiais da época. No aspecto cultural, organizaban periódicamente ciclos de conferencias e charlas culturais e publicaban un boletín mensual no que non só recollían noticias concernientes á sociedade e á comunidade galega en Venezuela senón que tamén informaban sobre temas de actualidade e de cultura galega a través da colaboración de escritores residentes en Galicia, Bos Aires, Cuba ou México. Tamén emitían un programa de radio dominical na emisora Radio Rumbos.

Dende 1951 celebraron todos os anos unha homenaxe a Daniel R. Castelao no aniversario da súa morte, algún deles organizado conxuntamente co Centro Gallego.

Produto do Lar foi a creación de diversos premios culturais que recoñecían a produción en galego ou de temática galega. Entre eles destacaron os premios Industrialización e Economía de Galiza Alexandre Bóveda, o premio Maside de pintura e o premio literario Ramón Otero Pedrayo.

Ao longo da historia desta organización podemos observar varios momento de crise que derivaron na separación desta, dividíndose en novas asociacións, algunhas das cales volveron a acordar a súa unión tempo despois. A escisión do Lar Galego nomeouse Centro Galego de Caracas (1948), do cal á súa vez xurdiu unha nova escisión: a Casa de Galicia (1956), que tivo unha vida moi curta.

Tras a caída da ditadura no ano 1959, a embaixada española perde influencia sobre o goberno e non logran impedir a creación da Junta de Acercamiento para estabelecer de novo negociacións entre os diversos grupos.

Debido á necesidade de crear unha asociación forte para aglutinar a todos os galegos emigrados, os dirixentes do Lar Gallego, do Centro Gallego e da Casa de Galicia lograron comezar a negociar ata formalizar a súa unión nunha reunión. Nela participaron representantes dos grupos anteriormente mencionados, que tamén invitaron á Asociación Civil de Amigos de Santiago, mais declinaron a oferta e continuaron a funcionar de forma independente.

O 10 de maio de 1960 os directivos das tres asociacións reuníronse nun cine da Candelaria e decidiron formalizar a unión, estabelecendo como data de inauguración da nova sociedade o día 12 de outubro do mesmo ano. Ese día celebrouse unha Asemblea Xeral na sede do Centro Gallego, no Paraíso, onde se aprobaron os novos estatutos ante a presenza duns 150 socios. A nova asociación nomeouse como Hermandad Gallega de Venezuela, cuxa dirección queda constituída pola directiva das tres entidades ata o 25 de xullo de 1961, data na que se convocan eleccións. Ángel Feijoo Fernández foi elixido como o primeiro presidente da entidade, que contaba con 800 socios nominais ou fundadores.

Asociación Galega da Muller

  • Corporate body
  • 1976-1995?

Presentación pública a comezos de 1976 con núcleos de mulleres de Vigo, Santiago e A Coruña, en poucos meses súmanse a estes núcleos de Lugo, Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía e Ourense.

Integra mulleres independentes e tamén outras dobre militantes en partidos políticos de esquerda (Movemento Comunista, Liga Comunista Revolucionaria, Asamblea Nacional-Popular Galega...)

Organización considerada como a grande parideira de grupos e colectivos que co tempo son o xermolo de diferentes feminismos organizados (diferenza, socialista, reformista, radical, lesbiano...). As primeiras asembleas chegan a contar coa participación de entre 500 e 800 mulleres.

Primeiros temas de debate: autonomía do movemento, dupla militancia, despenalización do adulterio, anticonceptivos, divorcio, aborto, violencia, traballo, educación

Implicadas na creación da primeira época da revista Andaina en 1983 http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=2000&id=7050

Xa desde 1978, pero á sobre todo na década de oitenta cando pasa por máis escisións e rupturas. A mediados de noventa o único núcleo AGM activo é o de Compostela

Da ruptura de 1978 xurden as Feministas Independentes Galegas. Escíndense os grupos de Lugo e A Coruña

No 1979 as de Vigo participan da creación da Coordinadora Feminista de Vigo e unha parte das de Compostela xunto coas da extinta Asociación Democrática da Muller Galega forman o Grupo Feminista. As unidades existentes funcionan cada vez con máis autonomía, se ben a comezos de oitenta hai correntes de reunificación mediante a activación da Coordinadora Feminista Galega. A revista Andaina, concretamente a primeira época, é unha mostra desto

VÍNCULOS CON OUTRAS ORGANIZACIÓNS

  • Integrada en: Coordinadora Feminista Galega, Coordinadora de Organizacións Feministas do Estado Español.

  • Organizacións que apoian as súas actividades: Comisión da Muller da Asamblea Nacional-Popular Galega, Asociación Galega da Muller, Liga Comunista Revolucionaria, Movemento Comunista Galego, Unión do Pobo Galego, Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos.

Asociación Galega da Muller de Ourense

  • Corporate body
  • 1976-1983?

Organización que nace do núcleo de Asociación Galega da Muller en Ourense.

VÍNCULOS CON OUTRAS ORGANIZACIÓNS

  • Integrada en: Coordinadora Feminista Galega

  • Organizacións que colaboran nas súas actividades Comisión da Muller da Asemblea Nacional-Popular Galega, Asociación Galega da Muller, Liga Comunista Revolucionaria, Movimento Comunista Galego, Unión do Pobo Galego, Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos, Sindicato Galego de Traballadores do Ensino, Comisións Obreiras, Unión Xeral de Traballadores, Partido Socialista Obreiro Español.

Asociación Galega da Muller Santiago de Compostela

  • Corporate body
  • 1976-

Presentación pública a comezos de 1976

Integra mulleres independentes e tamén outras dobre militantes en partidos políticos de esquerda (Movemento Comunista, Liga Comunista Revolucionaria, Asamblea Nacional-Popular Galega...)

Primeiros temas de debate: autonomía do movemento, dupla militancia, despenalización do adulterio, anticonceptivos, divorcio, aborto, violencia, traballo, educación

Implicadas na creación da primeira época da revista Andaina en 1983 http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=2000&id=7050

A máis lonxeva de todas as AGM.

VÍNCULOS CON OUTRAS ORGANIZACIÓNS

  • Integrada en: Coordinadora Feminista Galega, Coordinadora de Organizacións Feministas do Estado Español.

  • Organizacións que apoian as súas actividades: Comisión da Muller da Asamblea Nacional-Popular Galega, Asociación Galega da Muller, Liga Comunista Revolucionaria, Movimento Comunista Galego, Unión do Pobo Galego, Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos, Sindicato de Traballadores do Ensino Galego, Colectivo Homosexual de Compostela, CGC, Grupos de Mulleres da Universidade, Grupo Feminista de Santiago.

Results 401 to 420 of 540