Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Centro Gallego de Londres

  • AE-GB-CGLon
  • Entidade colectiva
  • 1967-03 ata a actualidade

O Centro foi fundado por Marcial Folgueiras en marzo de 1967. A súa idea, nas súas propias verbas, era : “...bañar el espiritu y refrescar la mente en las aguas saludables de la enseñanza común, formando bibliotecas; [para ello] vamos a reunirnos en un templo donde el joven como el anciano, el sabio como el de modestos alcances, el proletario como el hacendita vivan la existencia expansiva de la armonía y la comunicación, y el mismo celo patriotico; que el Centro no sea nunca indiferente a las angustias de Galicia”.

A idea foi ben acollida na comunidade. O Centro galego de Londres foi creado coas finalidades seguintes:

  • Espallar a cultura galega.
  • Servir de punto de contacto con Galicia.
  • Facer unha laboura de axuda asitencial entre a comunidade galega de Inglaterra.

O primeiro local estaba nun primeiro andar dun bar público (pagaban de aluguer) onde se reunían e onde actuaba a Orquestra Galicia (creada por socios do Centro). Nestes primeiros anos, as maiores ambicións estaban postas no desenrolo dun centro que puidese acoller aos galegos que chegaban a Londres por vez primeira e na adquisición dun local propio. Este Centro é o único con sede propia de tódalas asociacións de emigrantes españois no Reino Unido. Esta sede social foi inaugurada en setembro do ano 1987, nun soto de Woodfield Place. Conta con oficinas, salón de xogos, bar, biblioteca, sala de reunións...

O Centro levou unha vida activa e a súa influencia dentro da comunidade foi incrementandose ata os derradeiros anos setenta, no que comezou un proceso de decaimento que duraría ata 1983, ano no que unha nova directiva encabezada por Antonio Abalo foi quen de recuperar socios, logrando pasar de 60 socios no momento da súa chegada a 630 só cinco anos despois.

Contan cun grupo de danzas e baile, dan cursos de galego e inglés e publican as revistas "Emigrante" e "Galicia en Londres". Celebran o Día das Letras Galegas e o Día da Patria Galega e organizan festivais de música e danza. Intentan recuperar a ruta xacobea británica. Contan con tres equipos de fútbol denominados "Deportivo Galicia F.C."

Centro Gallego de Madrid

  • AE-ES-CGMd
  • Entidade colectiva
  • 1892-11 ata a actualidade

Este centro é un dos máis antigos existentes na Península; foi creado en 1892, sobre o antecedente das asociacións "Cofradía de naturales y originarios de Galicia" fundada en 1741 e de "Galicia Cultural" fundada en 1870 polo escritor galego Teodoro Vesteiro.
O acto fundacional estivo presidido por Manuel Becerra, Alfredo Vicetto, P. Carracido, Manuel Curros Enríquez, tendo como presidentes de honra a figuras destacadas como o Marqués de González Besada, a Condesa de Pardo Bazán, Ramón Suárez Picallo, Manuel Castro Gil, Constantino Lobo Romero, éste último presidente desde 1945 ata finais dos anos 60. Outros persoeiros que participaron activamente na devir do centro foron José Sánchez Anido, Manuel López Peña, Antonio Palacios, Basilio Álvarez, Francisco Llorens, Cesáreo González Rodríguez, Dionisio Gamallo, Pío Cabanillas, Feliciano Barrera ou Constantino Lobo Montero.
Nos seus Estatutos (os primeiros datan do 8 de maio de 1893) teñen como finalidade: promover a presencia e manter vivo o recordo de Galicia en Madrid a través de actos culturais, educativos, asistenciais, sociais, deportivos, artísticos, etc.; fomentar a solidariedade entre todos os galegos e simpatizantes; procurar a elevación do nivel social e cultural de todos os seus socios e familiares; prestar en canto sexa posible, asesoramento gratuito e asistencia intelectual, moral e material aos galegos necesitados, sexan ou non socios; fomentar e patrocinar a celebración de concursos, certámenes e exposicións especialmente de productos galegos e de artistas da rexión; celebrar conferencias e actos culturais en especial aqueles que se refiren aos valores galegos etc.
En 1894 a directiva asinou un contrato co Colexio de Isabel la Católica, para que nel poidesen recibir os seus socios unha instrucción completa. Tamén desde o primeiro día do mes de marzo deste ano rixe un servicio especial de beneficencia para os galegos e as súas familias co obxecto de socorrelos e asistilos nas súas enfermidades, establecendo un horario diario e consultas a domicilio. Ten ademais en estudio unha casa de saúde, un consultorio médico e unha botica central. Estableceuse tamén un consultorio xurídico para toda clase de asuntos civís, mercantís, criminais e administrativos.
Xa avanzando o século XX as actividades do Centro estarán cada vez máis centradas en actividades culturais e recreativas como a celebración do Día das Letras Galegas, e de romarías populares, organización de conferencias e exposicións, cursos gratuítos de ensinanza e perfeccionamento do galego, cursos de música galega, de gaitas, de percusión e de bailes, ofertados na súa escola creada en 1994. Non obvian a asistencia social aos galegos, aínda que non sexan socios: facilitando billetes de tren, axudas para dormir, comidas a transeúntes, visitas a hospitais etc.
Fundan en 1923 a Agrupación artística gallega "Rosalía de Castro", que na actualidade está desvinculada do Centro.
Editan un boletín "Galicia en Madrid", mensual e gratuito, como órgano de información ós socios; e as revistas "Mundo Gallego" que aparece por vez primeira en 1952, cun prezo de 6 pesetas e baixo a dirección de Manuel Fraga de Lis ata 1974. En 1996 volve a editarse baixo o mesmo nome e "Galicia en Madrid" creada o ano 1983 e que se segue a publicar na actualidade.

Centro Gallego de Mallorca Playa de Palma

  • AE-ES-CGMall
  • Entidade colectiva
  • 1986 ata a actualidade

O Centro Gallego de Mallorca, nace como tal, en febreiro do ano 1986, como resultado dos desexos dun grupo de galegos reunidos nun coñecido restaurante galego de un dos seus fundadores.

En xaneiro de 1988 recoñecen a súa galeguidade co nº 028/ES/88. Aínda que comezan a súa traxectoria nun local alugado do Areal a finais de 1987 acordan a compra dun local na rúa Viñaza 12-A en Palma, gracias á colaboración dun grupo de socios. Inauguran o local con ocasión da Semana Cultural das Letras Galegas, en maio de 1988. Nestas mesmas datas debuta por primeira vez o grupo de baile e gaitas “Anaquiños” que, co traballo dalgunhas socias, se realizan os primeiros traxes de baile. Xa en 1991 será Miguel Abucide, profesional do baile e dos traxes galegos, quen deseñe os mantelos, dengues e tocas, chalecos, etc.

A finais de 1992 os socios e a directiva acometen o reto de acondicionar a primeira pranta do edificio do Hotel San Rafael, en Singladura, n. 2 de Ca’n Pastilla, para a sede social. Na semana cultural das Letras Galegas de maio de 1993 comezan a realizar as súas actividades na nova sede.

Segundo recollen os seus estatutos vixentes os fins da entidade son:

- Crear unha prolongación de Galicia en Mallorca, irmanando aos galegos desta illa.
- Facilitar os medios educativos e de recreo ós galegos sexan ou non socios.
- Prestar asistencia aos galegos necesitados sexan ou non socios.
- Dar a coñecer o folclore galego coa celebración de festas e espectáculos con este fin, etc.

Levan a cabo numerosas actividades socio-culturais e recreativas, entre as que destacan a celebración da Semana das Letras Galegas; nesa semana celébranse exposicións, concursos infantís, actuacións folclóricas internacionais, conferencias, mostras de encaixe de Camariñas (organizada polas palilleiras do centro), todo iso con unha ampla participación de residentes na Illa.

Contan co grupo folclórico “Anaquiños” e unha coral.

Centro Gallego de Mar del Plata, cultural, social, recreativo y deportivo

  • AE-AR-CGMar
  • Entidade colectiva
  • 1952-07-01 ata a actualidade.

Este centro foi fundado na cidade arxentina de Mar del Plata, por un grupo de galegos residentes na cidade, liderados por Manuel Rego, socio número un da nova entidade e primeiro presidente social.
Un das súas tarefas máis importante foi construír unha sede social propia, edificio que inauguran en 1973.
Na actualidade este centro conta con preto de 2500 socios e ademais das actividades recreativas e mutualistas para os asociados, colabora co "Instituto Argentino de Cultura Gallega" na organización de diversas actividades culturais para fomento e difusión da cultura galega en Mar del Plata.
Dispón dunha nutrida biblioteca social chamada "Rosalía de Castro" e conta cunha escola de gaitas e de baile infantil e xuvenil e un conxunto de baile galego que actúan nas diversas celebracións da colectividade.

Centro Gallego de Maracaibo

  • AE-VEN-CGMar
  • Entidade colectiva
  • 1962-05-16 ata a actualidade

O "Centro Gallego de Maracaibo" fundouse o 16 de maio de 1962 por un grupo de emigrantes galegos, coa visión de crear unha institución que albergara a todos os emigrantes e nela fomentar a cultura e as tradicións galegas. A súa primeira sede foi unha casa alugada na Avenida El Milagro, a orillas do lago. En 1970, debido á crise económica que atravesaba a asociación, convertíronse nunha sociedade por accións que quedou integrada por cincocentos socios propietarios. En 1972 puxeron a primeira pedra que daría inicio á construción dunha nova sede, máis moderna e funcional, que sería inaugurada o 12 de maio de 1974. En 1977 adquiriron novos terreos e realizaron importantes obras.

Nesta sociedade, ó contrario que na maioría de centros galegos, os membros da directiva son "electos entre los miembros propietarios" sen ter en conta o seu lugar de nacemento.

O C.G.M. é unha asociación civil con carácter social e deportivo e os seus obxectivos principais, recollidos nos seus Estatutos, son procurar o desenvolvermento das relacións sociais, deportivas e culturais entre os seus membros, así como defender e divulgar os valores autóctonos, espirituais e históricos de España e de Galicia en particular.

En 1974 comezaron a transmitir un programa de radio chamado "A voz de Galicia" na emisora local Radio Catatumbo Internacional, no que informan do que acontece no Centro e da actualidade e historia de Galicia e de España. Dende o 1 de maio dese mesmo ano publican a revista mensual "Alborada", na que informan das súas actividades sociais, culturais e deportivas e tratan temas de cultura galega. O ano seguinte fundaron o Grupo de Danzas "Alborada", no que contan co Grupo de Gaitas Galegas "Cachafeiro". Tamén contan cun grupo de armónicas, co "Orfeón Santiago", cun grupo de teatro e co Grupo de Pandereteiras "Anduriñas". Imparten cursos de danza e gaita, organizan festivais folclóricos e exposicións de pintura, escultura e artesanía. Celebran o Entroido, o Día do Apóstolo Santiago, a Festa da Hispanidade e organizan romerías populares, torneos de cartas, etc.

O deporte ten un papel moi destacado no Centro. Organizan torneos internos e participan nos de outras entidades. Contan con equipos de fútbol, de fútbol sala, balonceso masculino e femenino, natación, kárate, frontón, tenis e tenis de mesa. Dispoñen de consultorio médico e odontolóxico. A súa meta é por en marcha unha asistencia médica integral para todos os socios e beneficiarios do Centro. Desenvolven diversas actividades benéficas e realizan colectas recadatorias.

Centro Gallego de Marsella

  • AE-FR-CGMar
  • Entidade colectiva
  • 1978-04-29 ata a actualidade

O Centro Galego de Marsella fundouse no ano 1978, pola iniciativa dun grupo de galegos, socios da Unión Deportiva y Cultural de la Emigración Española en Marsella (USCIEM), hoxe desaparecida, antigo Centro Catalán.

Os primeiros pasos do Centro deronse nos locais do USCIEM, onde tiveron todo tipo de facilidades para realizar as súas reunións. Pero os comezos non foron doados, así, no Boletín do Centro Galego de Marsella de outubro de 1996, contan que non se aceptou con facilidade a existencia dun Centro Galego en Marsella e que tiveron moitos problemas internos. En novembro de 1983 inauguraron a súa propia sede social ubicada no centro da cidade de Marsella. O local conta con sala de usos múltiples, bar, biblioteca, sala para festas e local para a xuventude.

Dende os seus inicios a institución mantén o firme e decidido compromiso de divulgar a orixe e identidade galegas, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegas entre os nosos socios, novas xeracións e público en xeral. A entidade adica unha especial atención aos xóvenes. De feito teñen creada unha Sección de Xuventude, con a lo menos dous delegados na Xunta Directiva para que organicen as actividades propias deste colectivo.

Segundo o seus estatutos os seus obxectivos son:

  • Facer máis levadeira a estancia dos galegos en Marsella.
  • Promover toda axuda social, cultural e recreativa entre os seus membros.
  • Dar a coñecer as costumes e tradicións de Galicia.
  • Practicar unha solidariedade moral e material entre os socios.

Esta sociedade, que colabora con todas as sociedades e organismos españois na emigración, ten acadado, no momento actual, unha representatividade importante dentro da colonia galega, conquerindo deste xeito unha grande consideración das autoridades españolas e francesas.

Obtivo o recoñecemento de galeguidade o 12 de novembro de 1987.

Centro Gallego de México, A. C.

  • AE-MEX-CG
  • Entidade colectiva
  • 1911-09-24 ata a actualidade

Xa no ano 1908, os galegos residentes en México comezan a organizarse para crear un centro propio, sen pretender o desmembramento da colonia representada polo “Casino Español”, senon que se perseguía robustecer a un dos seus membros para maior esplendor e fortaleza da colonia española residente no país.
Liderados por Andrés de la Fuente, Adolfo Blanco e Rogelio Domínguez, crean unha nova entidade no ano 1911, tras unha reunión no comercio “La ciudad de Buenos Aires”, propiedade de galegos. Alí aprobouse a creación dunha masa coral para “recordar a la patria chica, dentro siempre del respeto y la obligación a la patria grande”. Alí mesmo nomeouse a José González y González como presidente fundacional da nova entidade, que se denomina “Orfeón Gallego de México”.
Alugan un local na rúa 5 de febrero, nº 40, onde se reunían os socios. En decembro dese ano, baixo a presidencia de Don José Guisande y Verea aproban os primeiros estatutos. En marzo de 1912, o Orfeón Gallego participa por primera vez nunha actividade oficial da colonia española establecida en México: a cea de recepción que se ofreceu a un ministro do goberno español de visital oficial na cidade.
O Orfeón Gallego, presidido por Antonio Ávila, cambia de nombre polo de “Centro Gallego de México” en 1917 e a xunta directiva aproba a prohibición da entrada aos non socios.
En 1936, tras o estalido da guerra civil, o centro decide suspender as súas actividades e pechar as súas portas ata o fin da guerra. A asociación, presidida por Darío Milagros Gonzalez, reanuda entonces as súas actividades recreativas nunha nova sede (na rúa 16 de Septiembre n° 37 altos) e pasa a denominarse “Unión Cultural Gallega.”
En 1948, nos novos estatutos cambian o nome que manteñen ata hoxe, “Centro Gallego de México, A.C.”, e aparecen como finalidades principais: a organización de toda clase de actividades culturais, sociais e deportivas así como manter os lazos de unión entre todos os galegos residentes no país.
En 1951, baixo a presidencia de José Neira Roibás, mercan unha casona situada na rúa de Colima 194 e alí instalan a súa sede definitiva.
En 1957 comeza a editar a revista "Anduriña", que se converte no seu voceiro social, recollendo imáxenes e feitos da vida social, cultural e deportiva da comunidade galega en México.
Nos anos 70 crea un Club Deportivo, que axuda a unión e incremento dos socios: conta con piscinas, pistas de tenis e campo de futbol e un gran salón de eventos con capacidade para máis de 2000 personas.
Durante a década de 1980 reformaron os seus estatutos, incidindo nas súas actividades culturais e sociais e recollendo a celebración de reunións periódicas lírico-literarios que sirvan de expansión e estímulo científico aos asociados, e por último, prestar atención aos compatriotas emigrados que pola súa conduta sexan acreedores a ela, xa sexa proporcionándolles ocupación ou asistencia médica, xa os medios necesarios para o retorno á súa patria. Contan cunhas magníficas instalacións donde celebran todos os anos diversas actividades recreativas e festivais tradicionais galegos.
Dende os seus inicios o Centro deu especial importancia as súas actividades artísticas, creando un cadro artístico co obxectivo fundamental de preservar as raíces galegas a través da música e o baile. Os seus membros son formados por profesores da entidade e actúan en todo tipo de actos culturais na capital mexicana.
O 31 de xaneiro de 1988 crea unha Fundación co fin de poder subvencionar diversas actividades como exposicións de pintura, unha escola de arte e fotografía, concertos, concesión de bolsas de estudo para os fillos de socios, etc.
Entre as numerosas actividades dos socios pódese citar: clases de baile, gaita, pandereta, tambor; reunións e fiestas infantís e de adultos nas que a música e o baile galego son referente; clases e torneos de fútbol, voleibol e tenis; torneos de dominó e billar, entre outras moitas, que converten a esta asociación nunha das máis importantes dentro da colectividade española en México.

Centro Gallego de Montevideo

  • AE-UR-CG
  • Entidade colectiva
  • 1879-08-30 ata a actualidade

Este centro foi creado en 1879, polo que é a sociedade de emigrantes galegos máis antiga que segue funcionando no mundo. Foi fundada como un centro asistencial, cultural e recreativo por iniciativa de diversos persoeiros da crecente colectividade galega residente no país, como: Antonio Varela Stolles (primeiro presidente fundacional da nova entidade), Francisco Vázquez Cores, José Mª Quintiana, José Fariña, Jesús Martínez, José Mosteiro, Jesús Rey, Evaristo Novoa, Benigno Salgado y Vázquez, Genaro J. Calvo e Tomás Salgado y Vázquez.
A institución naceu inspirada no ideal de unificación da colonia galega, co fin de que os seus membros contaran cun lugar propio para lembrar, practicar, compartir e difundir os seus costumes e tradicións.
Tal como aparece reflexado na súa acta de instalación: “En Montevideo a los trienta días del mes de Agosto de mil ochocientos setenta y nueve, previa invitación hecha en algunos periódicos de esta capital por los señores Benigno Salgado y Vázquez y Tomás Salgado y Vázquez se reunieron en la casa habitación del Sr. José Mª Quintana gran número de hijos de Galicia, cuyos nombres constan en el libro correspondiente. Los iniciadores de esta reunión significan que el objeto de la convocatoria era proponer la fundación de una sociedad que se intitulará "Centro Gallego".
A inauguración oficial deste centro, con grandes festas, ás que asistiron o máis importante da sociedade uruguaia e da colonia española, celebrouse o 13 de xuño de 1880.
No regulamento do Centro Gallego de 1885 aparecen especificados os seus obxectivos e aspiracións: “Art. 4:
1º- proteger a los gallegos, sean o no socios, en especial a los que residen en la República.
2º - proporcionar a los asociados la instrucción que sea posible; pero, en particular, la primaria que se precisa para ser miembro útil de la humanidad
3º - promover entre los asociados, y entre todos los Gallegos, el espíritu y amor de paisanaje y españolismo, por medio del buen trato y la leal y franca comunicación
4º - celebrar los grande shechos de la humanidad, las glorias de España y principalmente las de Galicia, con solemnidades y demostraciones especiales
5º - enaltecer el nombre de nuestra Patria, honrar a sus hijos beneméritos y demostrar, a los que no la conocen, la honradez, ilustración, amor patrio y elevados pensamientos que generalmente distinguen a los hijos de las provincias gallegas
6º - propender a la prosperidad de la República Oriental del Uruguay
7º - fundar una sección, con reglamentación especial, para proteger al inmigrante gallego, y a los comprovincianos residentes en la República
8º - establecer escuelas nocturnas de adultos; y, cuando los fondos de la sociedad lo permitan, una o más diarias, para los hijos de los socios y para todos aquellos que le sea posible, las cuales serán gratuias
9º - dar conferencias que abracen todos los ramos del saber humano en general; pero muy especialmente, pondrá su empeño en difundir los conocimientos más necesarios en la práctica de la vida diaria social y doméstica
10º - facilitar a los asociados todo género de diversiones que se armonicen con las buenas costumbres
11º - proteger a todos los gallegos y demás asociados, contra todo género de arbitrariedades e injusticias que con ellos se cometían, y aconsejarles en todo, en aquellos trances en que pueda peligrar su honor, su vida o sus intereses
12º - figurar colectivamente como sociedad española que es, en todo acto patriótico que tienda a honrar el nombre de España”.
Xa dende os seus inicios este centro tivo unha grande aceptación entre a colectividade e o número de socios creceu cada ano. Converteuse en poucos anos nunha das sociedades de emigrantes máis importantes do país e mesmo de América. Destacaba pola atención aos socios a nivel instrutivo e asistencial, pero sobre todo polas grandes festas e banquetes, convertíndose nun dos lugares de reunión de máis resonancia da capital.
O Centro Gallego prestou fundamental atención, durante os seus primeiros anos de existencia a dous tipos de actividades: a educacional e a de protección. A instrutiva a través de clases que se dictaban na institución e de veladas literario-musicais que foron o antecedente mediato da traxectoria cultural iniciada pola entidade. En relación coa protección era atendido por unha dependencia especial do Centro, denominada "Oficina Central de Protección” que como publicaba nun anuncio na prensa local "esta oficina recibe y hace conocer todas las demandas de socorros, auxilios, trabajo y trabajadores. Facilita a todos los gallegos, en primer término a los socios, cuantos datos y conocimientos es posible, tanto referentes a la capital como a la campaña. Gestiona activamente todos aquellos asuntos que lo merezcan. Facilita recomendaciones, siempre que puede, para toda clase de personas y corporaciones: pone a disposición de los socios cuantos datos económicos, geográficos y estadísticos puedan darse, para cuyo efecto hace uso de la Biblioteca y archivo del centro".
Nos anos 20 teñen como prioridade conseguir unha sede social que estivese en consonancia coa imaxe de prestixio que se pretendía dar ante a colectividade e tamén ante a sociedade uruguaia. En 1928 inauguran un palacete na rúa San José, nº 870, que a día de hoxe continúa a ser a súa sede, deseñado e construído polo arquitecto Alfredo R. Campos. O edificio constitúe unha verdadeira xoia arquitectónica, e é un dos palacios máis fermosos da capital; nel atopamos a a Sala "Valle Inclán", a Sala de Honra "Rosalía de Castro, a Biblioteca "Concepción Arenal", a Sala de Lectura "Castelao", un magnífico restaurante, varias salas de Reunións, aulas, sala de teatro con capacidade para 500 espectadores, etc. que ofertan un amplo servizo e comodidades, para os seus socios. Este valor arquitectónico e cultural do Centro, así como o seu bo estado de conservación (foi restaurado nos anos 80 con axudas da Xunta de Galicia), o converten nun elemento referencial na arquitectura urbana de Montevideo (en 2004 foi declarado Monumento Histórico).
Conta tamén cunha extensión de 28.000 metros cuadrados, na zona de Carrasco, na que está edificado un parque social e complejo polideportivo dirixido, sobre todo, aos socios máis xóvenes, descendentes de galegos, a través das súas actividades deportivas, sociais e culturais. En 1928 é unha das entidades promotoras da creación da “Asociación Protectora de la Cultura Gallega".
En 1930 iniciou unha campaña para financiar a construción dunha residencia de estudiantes na Universidade de Santiago de Compostela.
Xa nas últimas décadas prestan servizos sociais aos socios, pero sobre todo destacan polas súas actividades culturais e recreativas. Conta cunha escola de baile rexional galego, con 120 alumnos, unha escola de danza española con 80 alumnos e clases de gaita e guitarra. O grupo de baile galego "Alborada", con 30 compoñentes, actúa nas festas do centro e da colectividade, como tamén o coro infantil, 130 voces blancas, formado polos fillos e netos dos socios.
Tamén ten unha escola de ballet clásico.
Durante os seus anos de historia editou diversas revistas, boletíns como voceiros do seu labor societario, sempre co título de "Galicia" (no período 1925-30 a revista "Galicia" foi dirixida polo escritor galego Julio Sigüenza) ou "Breogán".
Hai que destacar o gran número de personalidades que acudiron ao Centro ao longo destes anos, nomes propios da cultura galega, uruguaia e española como: Gregorio Marañón, Rafael Alberti, Alfonso R. Castelao, Ramón Otero Predayo, Eduardo Blanco Amor, Juan Zorrilla de San Martín, Carlos Zubillaga Barrera, etc.
Actualmente os estatutos sociais foron reformados e adaptados á nova situación da colectividade, destacando novas finalidades ao servizo dos emigrantes galegos:
"1.-Fomentar y estrechar mediante agradable y conveniente comunicación y trato continuos, los fraternales vínculos que deben unir a todos los gallegos residentes en esta república y a éstos con sus descendientes.
2.- Difundir, valiéndose de los medios que considere más eficaces, el conocimiento de Galicia, y de todo lo que enaltezca, honrando a los gallegos que, en la región o fuera de ella, se hayan distinguido y se distingan por sus talenteos o virtudes; así como ensalzar el nombre de España, rindiendo el honor debido a sus glorias e hijos más preclaros.
3.- Secundar en la medida de lo posible, toda acción progresista que se inicie en bien de Galicia, manteniendo con este propósito, relaciones directas con las sociedades regionales establecidas, o que se establezcan, tanto en sus cuatro provincias como fuera de ellas.
5.- Facilitar a los asociados todo género de distracciones y esparcimientos compatibles con las buenas costumbres, y fomentar la instrucción musical, literaria artística y que permita organizar funciones teatrales, certámenes, conciertos y otras manifestaciones de cultura social que recreen e instruyan.
6.- Crear un fondo especial de beneficencia, con los recursos que se obtengan de veladas literarias, musicales, rifas, bazares, donativos, suscripciones y fiestas que se dediquen a tal propósito para socorrer a los gallegos sin recursos aquí residentes, especialmente cuando se hallen enfermos.
7.- Contribuir a vigorizar las relaciones entre españoles y rurguayos, de manera que en toda ocasión solemne para éstos, se evidencien los leales sentimientos de aquéllos.
8.- Y promover, en cuanto lo sea posible, el bienestar moral y material de los asociados y de la colectividad gallega establecida en este país".

Centro Gallego de Montreal

  • AE-CA-CGMon
  • Entidade colectiva
  • 1969 ata a actualidade

Este centro foi fundado polos emigrantes galegos residentes na cidade canadiana de Montreal, liderados por Julio Garabatos, Arsenio Fernández e Manuel Betanzos, como un centro de difusión da cultura galega no Canadá.
A súa primeira directiva estaba formada por: Manuel Rodríguez, como presidente; Herminio Trincado, vicepresidente; Teresa Puente, secretaria; Francisco López, tesoureiro; Pedro Pérez e Juan Martínez, como vogais.
Dende os seus inicios tivo ao seu cargo ese tipo de actividade, refererida á organización, programación e posta en práctica de todo o relacionado coa cultura de Galicia, tal como aparece nos seus estatutos sociais: "La sociedad constituída con el nombre de CENTRO GALLEGO DE MONTREAL, con personalidad jurídica, tiene por objeto agrupar a todos los gallegos del Canadá, sin distinción de sexo, para obtener una conjunta personalidad y representación ante las demás colonias del Canadá y velar por el buen nombre de nuestra región.
Fomentará y estimulará el desarrollo de toda clase de actividades culturales y recreativas, proporcionando a sus socios las comodidades y distracciones de los centros de reunión de su clase.
Será ajena a todo partido político, social o religioso determinado. En su seno caben todos los gallegos, cualquiera que sea su ideología y los que, sin serlo, apoyen sus fines".
Organiza numerosas actividades sociais e culturais, para dar a coñecer a cultura galega e os costumes da nosa terra e a súa gastronomía. Celebra a Festa de Santiago Apóstol, a Festa do socio e o aniversario do centro, o Antroido, o Día das Letras Galegas, os Reis Magos etc., con bailes e banquetes, que serven para xuntar aos galegos que alí residen. Ten tamén actividades deportivas: fútbol e ciclismo, karate, etc.
Contempla tamén a axuda material aos socios máis necesitados.
Os socios crearon un grupo de teatro chamado "Alvaro Cunqueiro", o grupo de flamenco "Manuel de Falla" e un grupo de música e baile galegos "Follas novas", cos que actúan nas diversas festas da entidade.
Desde 1972 publica un boletín informativo, de carácter mensual e cunha tirada de 500 exemplares. En 1986 editou unha revista deportiva con periodicidad anual e tirada de 2.000 exemplares
Actualmente o Centro xestiona un restaurante e un bar que serven para obter fondos e sobre todo para espazo de reunión dos seus socios.

Centro Gallego de París

  • AE-FR-CGPar
  • Entidade colectiva
  • 196? Non existe na actualidade

O Centro Galego é unha agrupación galega fundada por un antigo membro da Casa de Galicia en París, que ten como finalidade contribuir á satisfacción das necesidades recreativas, culturais e sociais dos emigrantes galegos. Segundo rezan os seus Estatutos, o Centro defende o dereito de Galicia a un verdadeiro progreso social, ao auxe da súa propia cultura e ó pleno recoñecemento da súa personalidade, apoiando moral e materialmente aos que comparten este sentimento.

Centro Gallego de Puerto Rico, Inc.

  • AE-PR-CG
  • Entidade colectiva
  • 1974 ata a actualidade

O Centro Gallego de Porto Rico foi creado en 1974 polos membros da colectividade española, de orixe galega, residentes no país centroamericano. Liderados por Enrique Álvarez Granada, a súa esposa Concepción e Alejandro Beitía, deciden crear un centro que aglutinase aos emigrantes galegos, os seus descendentes e simpatizantes con Galicia. Foi fundado como unha sociedade de beneficencia e axuda mutua que pouco a pouco foi derivando nunha sociedade recreativa e cultural (eles mesmos, actualmente se denominan “casa cultural”) que se reúnen en banquetes con comida tradicional galega, romarías, etc.
Aos poucos anos conseguiron entre todos os socios mercar unha finca na zona de Cupey, onde se construíu a súa sede social e se instalou un campo recreativo e deportivo. Conta tamén cunha capela onde os socios celebran misas, vodas, bautizos e festividades relixiosas. Nas súas festas actúan grupos de baile e música galegos, integrados polos fillos e netos dos socios. É famosa unha festa gastronómica onde coiñan unha gran paella para todos os socios e os seus convidados.
Actualmente é unha das entidades de emigrantes máis recoñecidas do país. Entre os seus presidentes máis destacados podemos mencionar a: Enrique A. Granada (fundador e primeiro presidente), Joaquín Quiñoy, Herminio Castro, José Quiñoy, Jesús Alcalde, José Gómez Vilacoba, Manuel Santiago ou José Gómez.
En 2010 inauguraron, con presenza do anterior secretario xeral de emigración da Xunta, o Santiago Camba, unha nova sede social en Ocean Park, no centro da capital, preto dunhas grandes instalacións deportivas (canchas de tenis e baloncesto, campos de futbol, etc.), propiedade do goberno portorriqueño pero que os socios poderán utilizar como sociedade sen ánimo de lucro.

Centro Gallego de Rio de Janeiro

  • AE-BR-CGRio
  • Entidade colectiva
  • 1900-01-01. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi fundada pola colectividade galega residente en Rio de Janeiro co obxecto de servir de vínculo entre os galegos, proporcionando aos seus asociados asistencia médica, medicinas e subsidios para a repatriación, esparcimento, instrución e amparo legal contra as arbitrariedades e inxusticias que no seu perxuicio se poidesen cometer.
A súa primeira directiva estaba integrada polos seguintes persoeiros: como presidente honorario, Matías Fernández Murias; presidente, José Blanco Ameijeiras; vicepresidente, Fernando Bondad; secretario, Manuel Suárez y Jorge; vicesecretario, Domingo Campos; tesoureiro, Avelino Núñez Gregorio; vicetesoureiro, Laureano Acuña; e como vogais: Manuel Franco Piñón, Manuel Núñez Martínez, José Fernández, Manuel Suárez Vila, Maximino Alvárez, José Luis Diz, Graciano Pousa, Angel Pérez, José F. Rodríguez e Andrés Mouriño.
Nos seus primeiros estatutos, aprobados en 1901, recóllense os fins da entidade:
"Art. 2º: si bien independiente, desde su fundación se considera confederada con las sociedades hermanas existentes y con las que se instalen en lo sucesivo, así como también con las Ligas Gallegas, establecidas en Galicia, cuyos fines este Centro abraza y hace suyos (...).
Art. 3º: a más de lo expuesto en el artículo anterior, procurará el Centro: 1º - proporcionar a los asociados la instrucción que sea posible, pero en particular la primaria que se precisa para ser miembro útil de la sociedad; 2º - celebrar las glorias de España y principalmente las de Galicia, con solemnidad y demostraciones especiales; 3º - enaltecer el nombre de la pequeña Patria, honrar a sus hijos beneméritos y demostrar a los que no la conocen la honradez, ilustración, amor patrio y elevados pensamientos que generalmente distinguen a los hijos de la región galaica; 4º - fundar una sección con reglametación especial para proteger al inmigrante gallego y a los coterráneos residentes en la República brasileña; 5º - establecer escuelas nocturnas, a las que podrán ingresar los socios, los hijos y parientes de éstos siempre que sean mayores de 12 años y cuando los fondos de la Sociedad lo permitan, una o más diurnas para los hijos y parientes de los socios y para todos aquellos que le sea posible, las cuales serán o no gratuitas. Las clases nocturnas serán gratuitas; 6º - dar conferencias que abracen todos los ramos del saber humano en general, pero muy especialmente pondrá su empeño en difundir los conocimientos necesarios en la práctica de la vida diaria, social y doméstica; no se tratará en ellas ni política ni religión; 7º - facilitar a los asociados a todo género de diversiones que se armonicen con las buenas costumbres; 8º - proteger a los asociados contra todo género de arbitrariedades e injusticias que con ellos se cometan; 9º - figurar colectivamente, como sociedad española que es, en todo acto patriótico que tienda a honrar el nombre de España".
En 1927 xa conta cun edificio da súa propiedade como sede social que está valorado en 22.000.000 de reis, e que foi construído por medio de obrigacións e empréstimos.

Centro Gallego de Río Gallegos

  • AE-AR-CGRío
  • Entidade colectiva
  • 1927-08-21 ata a actualidade

Dende a década de 1910, os galegos residentes nesta zona reuníanse cada 25 de xullo para conmemorar a festividade do apóstolo Santiago cunha cea de fraternidade. Será en 1927 cando se deciden a crear unha asociación galega que os agrupase. Nomean unha comisión provisoria formada por destacados membros da colectividade, entre os que destacaban Benigno Lago Estévez (primeiro presidente social), Salvador Lago, Manuel Lires, Juan A. Méndez, José Lorenzo Sierra, Benigno Carro García, Pedro Villar, Fernando Tanarro, Hermenegildo Cea, entre outros
Segundo os seus estatutos a entidade ten por obxecto principal crear un fondo común destiñado a socorrer aos socios necesitados, con asistencia médica e farmacia. Tamén organiza diversas actividades sociais como bailes, comidas, reunións familiares, conferencias, etc.

Centro Gallego de Rosario, asociación mutual

  • AE-AR-CGRos
  • Entidade colectiva
  • 1956-11-05 ata a actualidade

O actual Centro Gallego de Rosario foi fundado pola fusión en 1956 do antigo "Centro Gallego" e a "Asociación de Saviñao y sus contornos", a outra entidade galega da cidade, para formar así unha entidade máis grande e con máis posibilidades para facer actividades recreativas e de axuda mutua para os socios.
Durante uns anos chámase "Centro Gallego y Saviñao", pero finalmente é coñecido como "Centro Gallego de Rosario".
Os promotores da fusión foron entre outros José Seoane Nogueira (primeiro presidente social), Monseñor Atilano Vidal Núñez, Darío Cano, Hilario Manso, Luis Salgado, José M. Fontela e Luis Rúa.
Entre os seus fins (aprobados nos seus estatutos sociais de 1987) destacan: "fomentar a axuda mutua entre os asociados; prestar servicios funerarios; otorgar subsidios e empréstimos aos asociados; proporcionar servicios de asistencia médica integral e farmacéutica; realizar actividades recreativas e culturais; contratar seguros; establecer un fondo compensatorio para a xubilación, etc.".
Dende 1994 editan a revista "Galicia en Rosario" como voceiro da entidade.

Centro Gallego de Salamanca

  • AE-ES-CGSal
  • Entidade colectiva
  • 1957-05-27 ata a actualidade

O Centro Gallego de Salamanca foi fundado o 27 de maio de 1957. A institución xurdiu pola inquietude dun numeroso grupo de estudantes galegos que recibiron o apoio e o respaldo de distintas autoridades locais, de orixe galega, que neses momentos desempeñaban os seus cargos en Salamanca, como era o caso de José Luís Taboada García, quen exercía de gobernador civil da provincia por aquela época. As primeiras reunións para concretar a formación da entidade fixéronse nos baixos dunha cafetería e a elas acudían unha trentena de galegos. O concello facilitoulles o enderezo dos galegos residentes na cidade (que non chegaban ao millar), a partir dunha petición dos membros destas primeiras asambleas.

A primeira Asamblea Xeral, á que acudiron prensa e radio locais, fíxose nos locais da Sociedad Musical Filarmónica, con cuxa directiva acordaron o traspaso do local, que a partir dese momento pasou a ser a nova sede social do Centro Gallego. Desde o primeiro momento existiu unha gran sintonía entre os membros da institución e a cidadanía, xa que gran parte dos socios estaban moi implicados na vida social da cidade. Por outra parte, ó crearse unha sección de socios simpatizantes, eran moitos os salmantinos que formaban parte desta sociedade. En consecuencia, ao Centro Gallego, sempre se lle considerou en Salamanca como unha institución galega enormemente ligada ás actividades sociais da mesma.

Nos primeiros anos organizaban moitos bailes con orquestra (bisemanais), cobrando aos non socios unha pequena cantidade; tamén facían distintas rifas nas que participaban os socios, pero coa instalación dun bingo, fonte principal de financiamento do centro, a súa situación económica melloraría considerablemente permitíndolle mercar unhas instalacións máis completas. No ano 1982, coincidindo co seu 25º aniversario, adquiriron unha parcela chamada Finca “El Juncal” situada a 4 kilómetos de Salamanca, no lugar de Villamayor de la Armuña co obxectivo de destinala a zona deportiva e así atraer á xuventude ao centro. A extensión aproximada é duns 18.000 m2, na que se conta cun edificio e unha zona de arborado. Dende 1990 teñen local social en propiedade no que dispoñen de restaurante, salóns de usos múltiples para exposicións e conferencias, bar de socios, sala de xogos (para cartas, axedrez, dominó, etc), gran salón, sala de prensa e unha importante biblioteca con máis de 4.000 volumes.

A este centro foille recoñecida a condición de galeguidade o 3 de marzo de 1988. A entidade é membro da Federación de Centros Gallegos de Castilla y León.

Centro Gallego de Santa Fé

  • AE-AR-CGFe
  • Entidade colectiva
  • 1919-10-05 ata a actualidade

Este centro foi creado por un grupo de galegos residentes en Santa Fé (Arxentina), na casa de Gerardo e José Pérez, co fin de reunirse e axudarse mutuamente. Primeiramente tiveron a súa sede no barrio de Candioti Sur, pero grazas aos esforzos dos socios conseguiron construír unha sede social da súa propiedade na Avenida Galicia nº 1357.
Centra as súas actividades na celebración do Día da Galicia e do seu aniversario social, a organziación de reunións mensuais de camaradería, con bailes e banquetes, etc.; tamén realiza actividades deportivas. En 1987 crearon un grupo de gaitas e máis tarde un conxunto de baile tradicional chamado "Andoriñas".
Esta entidade tivo unha crise institucional, pola elevada idade dos seus socios e a falta de novas incorporacións, que fixo que en 2010 parase a súa actividade societaria e o edificio quedase abandonado.
En 2012 un grupo de descendientes e naturais de Galicia, reuníronse para iniciar o proceso de normalización da entidade e proxectar a recuperación do edificio. Para iso contaron co apoio da municipalidade de Santa Fé e tamén da Xunta de Galicia.
Hoxe en día volven a reunirse na súa sede social para realizar actividades recreativas e culturais.

Centro Gallego de Santander

  • AE-ES-CGSan
  • Entidade colectiva
  • 1934-02-18 ata a actualidade

En 1918 existían na cidade dúas sociedades galegas; Casa de Galicia e Colonia Gallega. O 18 de febreiro de 1934 decidiuse realizar a fusión de ambas entidades, nacendo así o CENTRO GALLEGO DE SANTANDER. Durante os primeiros anos de vida a sociedade tivo a súa sede nun piso do Paseo de Pereda. Dende o principio contou con moita presencia e participación na vida da cidade, convertíndose no referente e modelo das casas rexionais de Santader e provincia. Baixo a presidencia de Emilio Otero Val en agosto de 1972 adquírese o entresuelo do nº 47 da rúa Hernán Cortés para convertirlo en Sede do Centro e, en decembro de 1980, cómpranse os baixos do edificio. Tras levar a cabo obras de acondicionamento e reforma pasará a ter salón de actos, biblioteca, bar-restaurante e sala de Bingo.

A sociedade ten recoñecida a súa galeguidade por Decreto 79/1988, de 3 de marzo.

Centro Gallego de Sion

  • AE-SU-CGSion
  • Entidade colectiva
  • 1971 ata a actualidade

O Centro foi fundado no ano 1971 co desexo de desenvolver actividades culturais, sociais e deportivas e os Estatutos, redactados en castelán, foron aprobados nunha Asemblea Xeral Extraordinaria que tivo lugar o día 26 de novembro do mesmo ano, no Café Arlequín de Sion.

O Centro organiza diversas actividades, como proxección de películas ou ciclos de conferencias, celebran o Entroido e participan na Liga Corporativa de fútbol.

Dende a reforma dos seus Estatutos levada a cabo o 17 de decembro de 1976, os socios non galegos pasaron a ter voz e voto na sociedade, en iguais condicións que os socios galegos.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Centro Gallego de socorros mutuos de Comodoro Rivadavia

  • AE-AR-CGSMCom
  • Entidade colectiva
  • 1923-07-22 ata a actualidade.

Esta entidade foi fundada por un grupo de galegos residentes na cidade de Comodoro Rivadavia, liderados por Francisco Arturo Lastres, que se converteu no seu primeiro presidente.
Trátase dunha entidade recreativa e cultural onde se reunían os emigrantes galegos para confraternizar e axudarse en casos de necesidade.
Na actualidade realizan numerosas actividades recreativas, celebrando festas e banquetes para afianzar a unión dos galegos e dos seus descendentes; contan cun coro galego, unha rondalla e un grupo de música e baile tradicional galegos.

Centro Gallego de St. Gallen

  • AE-SU-CGSa
  • Entidade colectiva
  • 1971-10 ata a actualidade

O centro fundouse a primeiros de outubro de 1971. O seu fundador foi Antón Couceiro Beade, mestre chegado no mes de setembro para impartir clases de Lingua e Literatura Españolas aos fillos dos emigrantes. Couceiro decátase axiña de que a maioría dos emigrantes procedentes do Estado español en St. Gallen e bisbarra son galegos, polo que poñéndose á cabeza dun grupo deles, deciden fundar unha sociedade galega.

Os comezos da sociedade foron díficiles. Couceiro, de ideas nacionalistas, foi acusado de comunista por outros socios, porque a circular que enviou para a convocatoria dunha Asemblea estaba escrita en galego, polo que viuse obrigado a pedi-lo seu traslado a España. A sociedade estivo a piques de desaparecer cando no ano 1975, debido a que algúns dos seus membros fundadores decidiron o pasamento do Centro. Pero nese intre fixose cargo da sociedade Nicolau Torea, que con grande esforzo conseguiu sacala da súa maior crise.

No ano 1996, na conmemoración do XXV aniversario da sociedade, dos máis de douscentos socios fundacionais só quedaban tres: Felicindo Barbazán, Domingo García e Nicolau Torea.

O Centro Galego naceu coa idea de ser o aglutinador dos galegos de St. Gallen e a súa bisbarra, e o mesmo tempo desenvolver todo tipo actividades a prol da cultura e da lingua galega. Os seus Estatutos, redactados en galego, sinalan ademais:

  • Desenrolar actividades culturais, artísticas e conferencias sobre temas preferentemente galegos.
  • Facilitar medios educativos e de recreo os socios
  • Prestar asistencia moral e material aos galegos que o necesiten (sexan ou non socios).

A súa sede social conta cun local destinado a bar e tamén para “xoga-la partida”, sala de xuntas (que fai tamén a función de comedor para banquetes nalgunha efeméride da sociedade), cociña con despensa, secretaría, biblioteca e outras dúas dependencias menores para almacén e trasteiro. Ademais, a sociedade aluga para as grandes actividades
pavillóns de deportes e salas de grande capacidade en hoteis.

Conta co grupo folclórico "Lembranzas", organizan recitais de poesía galega, conferencias, celebran o Día das Letras Galegas e unha romería polo Día de Galicia e organizan torneos de fútbol.

Resultados 401 a 420 de 1750