Showing 538 results

Authority record
Corporate body

Hogar gallego para ancianos

  • AE-AR-HoGAn
  • Corporate body
  • 1943-06-29 ata a actualidade.

En 1943 ante a noticia na prensa da morte dunha galega a causa do frío, por falta de recursos, un grupo de persoeiros da colectividade galega na Arxentina (como Jacobo André, Emilio André, Ramón Rey Baltar, Gumersindo Sánchez Guisande, Antonio Baltar, Luis Seoane, Miguel Salgués, Miguel Portela, Horacio Bermúdez, Manuel Roel, Arturo Cuadrado, Domingo Maza, Bernardo González Rey, Sergio Riveiro, Santiago González, Manuel Picón, Antonio Carballo e Francisco Blanco) decide crear unha asociación asistencial que se ocupase dos galegos maiores e desasistidos.
Segundo a acta fundacional: "En Buenos Aires a las quince hora del día veintinueve de junio de mil novecientos cuarenta y tres, (...) constitución de una Comisión provisional, que ha de dar normas para encauzar la idea de fundar un "Hogar Gallego para Ancianos".
Se consideraron las razones por las que resulta urgente la fundación de una institución de tal carácter, entre las que, se hizo patente el de evitar el triste cuadro diariamente repetido, de ver implorar la caridad pública a hombres y mujeres que, en la vida dura, en la lucha por la existencia el destino o la suerte, los sumergieron en la desesperanza, quedando vencidos por la vejez y la pobreza al borde del camino, sin hogar y sin amor (...). El Hogar Gallego será la residencia en la que se alberguen nuestros hermanos. Es nuestro propósito que sea alegre, tranquilo y acogedor, limpio y confortable: será la casa para los ancianos de hoy los ancianos de mañana. (...)".
Segundo os seus estatutos créase para proporcionar albergue digno ás persoas de ambos sexos que pola súa idade e estado físico non se atopen en condicións de facer fronte á vida sós; ademais de proporcionar aos beneficiarios aquelas distraccións que sexan compatibles co seu estado de saúde.
Cada ano publican unha revista social chamada "Hogar Gallego para Ancianos", que informa sobre a entidade; ademais edita anualmente unha Memoria-Balance sobre a marcha económica e social da entidade.
A maioría das sociedades galegas existentes na Arxentina organizan festivais benéficos para axudar no mantemento económico da entidade.
En 1994 recibiron a Medalla de Plata de Galicia concedida pola Xunta, polo seu gran labor en favor dos emigrantes galegos máis desfavorecidos.

Irmandade galega de Buenos Aires

  • AE-AR-IrGal
  • Corporate body
  • Anos 40 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta sociedade de emigrantes galegos foi creada por un grupo de emigrantes, republicanos que defendían a idea de Galicia como nación. Estivo integrada por destacados persoeiros nacionalistas como Antón Fiz Fernández, Rodolfo Prada, Manoel Pedreira, Indalecio T. Covelo, Antón Gómez, Bieito Cupeiro, Moisés Da Presa, Xosé Lema Novo, Antón Suárez Dopazo, Valeriano Saco, Federico Zamora, Manoel Ucha, Lois Ares, Bernaldo Souto ou Fernando Iglesias "Tacholas".
Como medio de defensa dos seus ideais políticos publicaron varios xornais como "A Nosa Terra" ou "Adiante".
No ano 1946 temos constancia da existencia de tres filiais desta sociedade en La Plata, Rosario e Mendoza.

Irmandade nazonalista galega de Bos Aires

  • AE-AR-IrNaz
  • Corporate body
  • Anos 20 e 30 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta sociedade política estaba integrada por emigrantes nacionalistas galegos residentes en Bos Aires como Eduardo Blanco Amor, Santiago G. Nolla, Ramiro Isla Couto, F. Lamas Barreiro e Xenaro F. Couto. Edita o boletín "Terra" donde ademais de informar sobre o seu iderio político, publica textos literarios e científicos de destacados intelectuais galegos.

Lembranza d'Ultreya

  • AE-AR-Lem
  • Corporate body
  • 1932-06-30. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi creada en Bos Aires por un grupo de entusiastas galeguistas entre os que podemos citar a: Aurora Pallares (presidenta fundacional), Xoaquina Villar Fernández, Celina e Teresa Berlandi, Piedad Souto, Xuana Prat, Claudino Pita, Manuel Prieto, Xuan Vila, Xuan Viqueiras, Antón Pallares, Antón Jeremías, Lois, Victoriano e Félix Martínez, Xosé Souto, Manoel Lorenzo, Xosé Rodríguez, Xesús Moreira, Esteban Iglesias, Alfonso Costela, Xerardo Mera, Manoel Castro, Ulpiano Bernárdez, Anxel Rodríguez, Antón Comesaña, Xesús Barral, Enrique González, Lois López, Máximo Docampo, Amadeo Pérez e Marcelino Mariño.
A súa finalidade primordial foi o espallamento da arte e da cultura galegas en Arxentina, sendo o lema da entidade "Galiza hai unha soa".
Participaron activamente na campaña a favor do Estatuto Galego e da autonomía durante a IIª república.

Lume novo

  • AE-AR-Lume
  • Corporate body
  • anos 70 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta asociación foi creada para a defensa e a difusión da cultura galega na Arxentina.

Movimento galego de liberdade nacional

  • AE-AR-MovGal
  • Corporate body
  • Anos 50 e 60 do pasado século. Non existe na actualidade

En 1959 publica un voceiro social baixo o título de "Loita", onde dan conta das súas ideas políticas nacionalistas e de indenpendencia de Galicia.

Organización republicana galega autónoma

  • AE-AR-ORGA
  • Corporate body
  • 1930-04-22. Non existe na actualidade.

Esta organización política e galeguista foi fundada baixo o patrocionio de destacados galeguistas como Miguel C. Alvarez, Antonio Alonso Ríos, Eduardo Blanco Amor, Avelino Díaz, Pedro Campos, Antonio Iglesias, José Gamallo, José Liñares ou Luis Raña entre outros: "La O.R.G.A. de Buenos Aires, formada por emigrados gallegos que aman con fervor a su tierra y que anhelan y trabajan en pro de una España grande y de una Galicia libre, próspera y digna (...)"
Xa dende a súa creación loitan pola aprobación do Estatuto de Galicia, organizando diversas actividades para conseguir doazóns e apoios solidarios que enviarán a Galicia.

Parroquias unidas del ayuntamiento de Rianjo

  • AE-AR-PaRia
  • Corporate body
  • 1934-09-30 ata 1963, ano no que varias entidades de emigrantes do concello de Rianxo se fusionan dando lugar ao "Centro ayuntamiento de Rianjo"

Esta sociedade mutualista e cultural foi creada polos emigrantes naturais do concello de Rianxo e as súas parroquias, residentes en Arxentina. Entre os seus fundadores podemos citar a Vicente Otero Castro, primeiro presidente da entidade, Bonifacio Botana, Inocente Pérez, Isidoro Torrado, José Abuín, Jesús Abuín, Felipe Carou, Ernesto Fernández, Antonio Viana e José Rivas.
Os fins principais da sociedade están recollidos nos seus estatutos: "a) fomentar o espíritu de asociación e unión entre os fillos das parroquias de Araño, Asados, Rianxo, Taragoña, Leiro e Isorna; b) fomentar entre os asociados a arte musical e escénica; c) prestar axuda moral e económica aos asociados en caso de orfandade ou viuvez; d) organizarán conferencias, veladas científicas, artísticas, musicales, literarias, excursiones e visitas culturais; e) creación dunha biblioteca e sala de lectura; fomento da ensinanza e mellora do estado social do pobo de Rianxo, subvencionando bibliotecas públicas en cada unha das parroquias etc.".
Nos anos 40 edita como voceiro social a revista "Rianxo".
En 1963 varias sociedades de emigrantes naturais do concello de Rianxo deciden fusionarse e crean o "Centro ayuntamiento de Rianxo". En 1986 esta entidade fusiónase coa "Asociación del Partido Judicial de Noya", dando lugar a unha nova entidade: "Centro Noya - Rianjo", existente na actualidade.

Residentes del municipio de Riobarba en la Argentina

  • AE-AR-ResRio
  • Corporate body
  • 1927-01-31. Non existe na actualidade.

En xaneiro de 1927 o "Centro Vivariense" de Bos Aires sofre unha escisión por disensións sobre a pertenza ou non da sociedade á "Federación de Sociedades Gallegas": os fillos deste partido pertencentes ao concello de Riobarba sepáranse da entidade e forman unha nova sociedade denominada "Sociedad Residentes del Municipio de Riobarba". Este grupo opoñíase a súa inclusión na Federación, sendo partidarios da fusión a calquer precio co "Centro Hijos del Partido de Vivero". Nunha reunión celebrada na rúa Moreno, nº 1015, foi escriturada a primeira acta fundacional, nomeándose a primeira comisión organizadora, formada por José Cobelo, Vicente Paz, Esteban Prieto, Modesto Ferreiro, José Rodríguez, Vicente Pena, José Pérez e Daniel Pego.
Esta sociedade cultural, de protección e recreo tiña como finalidade agrupar no seu seo a todos os residentes do concello de Riobarba que residisen na capital arxentina; difundir a solidariedade e o espíritu societario entre os seus asociados; contribuir ao fomento da cultura e a instrucción na súa terra natal, procurando que a ningunha parroquia ou aldea lle faltase escolas; fomentar a cultura entre os socios e o coñecemento de Galicia; socorrer moral e materialmente aos socios, en caso de enfermidade, desgracia ou falecimento e repatrialos, si fose necesario e carecesen de recursos; asumir a defensa dos coterráneos tanto na Arxentina como en Riobarba, que por calquer circunstancia, fosen víctimas dunha inxusticia; procurar amparo e dirección ao emigrado do municipio que chegase á Sociedade; neste caso as mulleres serán atendidas con preferencia; realizar polo menos dous festivais cada ano, co obxeto de esparcimento y de poñer en contacto aos connaturais.
No ano 1933 e coa súa axuda o pósito de pescadores do Vicedo consiguen crear unha escola nesta parroquia. Tamén contribuíron con numerosas subscricións abertas para casos de mellora do seu concello natal como por exemplo o envío de 100 pesetas anuais ao pósito de Vicedo, subvención suspendida tras a guerra civil.

Sociedad cultural de El Pino

  • AE-AR-SocPin
  • Corporate body
  • 1925 ata 1941, ano no que se fusiona con outras entidades del partido xudicial de Arzúa e pasan a chamarse "Asociación partido judicial de Arzúa y cultural de El Pino".

En maio de 1925 un grupo de emigrantes naturais do concello do Pino decide fundar unha nova sociedade da que formarán parte todos os veciños das parroquias do partido xudicial de Arzúa (Arca, Budiño, Castrofeito, Cebreiro, Cerceda, Ferreiros, Gonzar, Lardeiros, Meda, Pereira, Pino e Pastor), residentes na Arxentina. A súa creación foi patrocinada pola sociedade "Unión Galaico-Americana". Meses despois publica a súa intención de apoiar e organizar outra sociedade dos veciños do Pino residentes en Cuba, acordando imprimir e enviarlles notas impresas explicando a maneira máis convinte para realizar tal propósito.
Entre os socios fundadores podemos citar qa Bonifacio Botana, Manuel Gil, Luis Carreira, Manuel Fandiño, José Muiña, José Gómez Muiña, Andrés Fandiño, Manuel Suárez Seijo, Antonio Otero, José Pereiro, Ramón Cotón, José Blanco e Antonio Calvo, entre outros.
En 1925 organiza un festival artístico-literario e baile familiar a beneficio da escola civil "Cristóbal Colón", que funciona na parroquia de Gonzar (O Pino). Para a construción e mantemento da escola contaron tamén coa axuda dos seus veciños en Galicia. Está ademáis creando unha biblioteca ambulante, con máis de 200 volumes, que percorrerá todas as localidades do partido xudicial de Arzúa.
En 1926 inicia o proxecto de crear unha cooperativa de consumos e unha pequena granxa agrícola, sempre colaborando cos seus paisano sda illa de Cuba.
En 1941 sabemos da súa fusión coas sociedades do partido xudicial de Arzúa en Bos Aires, pasando a denominarse "Asociación partido judicial de Arzúa y cultural de El Pino".

Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira

  • AE-AR-SocBal
  • Corporate body
  • 1931-02-12 ata 1939/10/08, data da súa fusión con "Unidos de Fonsagrada y sus distritos", dando lugar a unha nova entidade chamada "Unidos de Fonsagrada y Baleira"

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello de Baleira residentes na capital arxentina. Dende os seus inicios ten como finalidades prioritarias a axuda mutua e apoio entre os socios e a realización de actividades recreativas para fomentar a unión entre os mesmos. Defende tamén postulados agraristas.
En 1938 aproba en asemblea a súa fusión coa sociedade "Unidos de Fonsagrada", pasando a constituírse nunha nova entidade co nome dos dous concellos lucenses. Finalmente esta entidade participará na creación do Centro Lucense de Buenos Aires en 1943.

Sociedad de Campo Lameiro, cultural y recreativa

  • AE-AR-SocCamp
  • Corporate body
  • 1935-06-01 ata a actualidade.

A entidade actual denominada "Sociedad de Campo Lameiro" recoñece como precedente da súa creación o ano 1911, cando por primeira vez un grupo de emigrantes deste concello se reuníu para formar unha asociación. Segundo a documentación existente no AEG, o ano fundacional da sociedade é 1935 a raíz dunha importante chegada de parroquianos deste concello a Bos Aires que decidiron unirse para axudarse mutuamente e realizar diversas actividades lúdicas e recreativas.
Nos seus Estatutos, renovados en 1975, recoñecen como os seus obxectivos:

  • reunir no seu seo a todos os naturais do concello de Campo Lameiro residentes na Arxentina e aos seus descendentes.
  • contribuír coa súa acción ao enaltecemento do bo nome de Galicia
  • orientar aos recén chegados de Campo Lameiro sobre as posibilidades e condicións de traballo nas diferentes localidades da República Arxentina.
  • fomentar o espíritu de asociación, de cooperación espiritual e económica entre os nativos de Campo Lameiro e os seus descendentes.
  • crear e soster unha biblioteca para a capacitación e desenvolvemento dos seus asociados e promover por todos os medios a divulgación de valores históricos, artísticos, culturais e tradicións de Galicia.
  • promover viaxes turísticas a diferentes sitios da República Arxentina e España, sen fins de lucro e co único obxecto de beneficiar aos asociados e familiares.
    Actualmente realiza diversas actividades culturais como a celebración do Día das Letras Galegas con conferencias, exposicións e ateneos. Continúa participando nas homenaxes anuais a Castelao. Organizar tamén cursos de galego e literatura.

Sociedad de fomento y educación hijos de Entienza

  • AE-AR-SocEnt
  • Corporate body
  • 1920-02-01. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi creada por un grupo de emigrantes naturais da parroquia Santos Xusto e Pastor de Entenza, do concello pontevedrés de Salceda de Caselas, residentes na República Arxentina.
Manuel Pérez Gándara e Salvador Estévez foron os promotores da fundación desta entidade e tiñan o propósito de que o pequeno colectivo dos seus veciños alí residentes estreitasen os seus vínculos baixo o lema «fomento, educación e axuda mutua». Ambos os dous foron presidentes sociais e ocuparon diversos cargos directivos.
Dende os seus inicios, unha das súas tarefas prioritarias foi conseguir fondos para a construción dun cemiterio na súa vila natal. Tras este logro, centrouse na defensa da instrución coa construción dun edificio escolar moderno para os nenos e as nenas da parroquia, que debía contar con vivendas para os mestres e un amplo salón onde instalar unha biblioteca para todos os veciños. A casa-escola foi inaugurada en 1932 e tivo un custo de 38.000 pesetas.
Unha das fórmulas para recadar fondos por parte da entidade foi a organización de festivais, que servían ademais para potenciar a sociabilidade dos socios. Non esqueceu tampouco a axuda mutua entre os socios con empréstitos e axudas económicas en caso de enfermidade, de repatriación ou para conseguir atención médica.
No ano 1935, organizou unha subscrición entre todos os socios para facer unha estrada «que llegue hasta la ermita y puedan ir los automóviles y toda clase de vehículos que pasan por la carretera cercana, pues creen éstos que de esta manera se beneficiaría más la parroquia...».
A partir dos anos 40, primou a axuda mutua e a organización de actividades recreativas para os socios.

Centro español de Sada y sus contornos

  • AE-AR-Sada
  • Corporate body
  • 1974 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada polos emigrantes naturais de Sada residentes na capital arxentina, como unha refundación da antiga sociedade de sadenses en Bos Aires, "Pro-escuelas unidos de Sada" (1919). Esta antiga sociedade fora creada coa finalidade principal de promover a instrución na súa vila natal, apoiando as actividades da sociedade irmá existente en Nova York "Sociedad de Sada y sus contornos".
Cando se inaugurou a escola, financiada pola sociedade de Norteaméica, esta entidade creou a Biblioteca República Argentina, que se instalou nas dependencias do edificio escolar "Sada y sus contornos". Moitos dos libros enviados dende Arxentina foron queimados durante a Guerra Civil. Hoxe só se conserva un dos armarios, co nome da biblioteca, e algúns libros.
En 1974, un grupo de sadenses decidiu crear unha nova entidade, seguindo os seus pasos.
Como directivos fundacionais podemos citar a: presidente, Delfín Núñez Seoane; secretario, Manuel Mosquera; tesoureiro, Manuel Couso; secretario de prensa, Juan Gestal; e como vogais: Jesús Paris, José Zapata, Eugenio Gómez, Ramiro Barbeito, Francisco Suárez, José Giménez. Un dos persoeiros vinculados coa entidade foi o sadense Ramón Suárez Picallo, a quen se lle organizou unha homenaxe.
A sociedade ten carácter recreativo e mutualista.

Sociedad española de beneficencia Hospital español

  • AE-AR-SocHos
  • Corporate body
  • 1852-09-05 ata a actualidade.

Esta entidade fundouse en Bos Aires baixo a denominación de "Sala Española de Comercio y Asilo de Beneficencia" promovida por D. Vicente Rosa y Carin, coa intención de crear unha casa de beneficencia para os españois indixentes.
Esta iniciativa recibiu o apoio de destacas personalidades da colectividade como Francisco Gómez Díez, Benito Hortelano, José Miguel Bravo e Vicente Casares, entre outros.
Tras unha época de crise foi refundada o 20 de novembro de 1857 como "Sociedad Española de Beneficencia" e baixo os seus auspicios o 8 de decembro de 1877 foi inaugurado o centro hospitalario que é coñecido como "Hospital Español". Dende ese momento e ata a actualidade ofrece asistencia sanitaria gratuíta aos seus socios e aos emigrantes españois máis necesitados. Conta ademais cunha farmacia social.

Sociedad hijos de Lestrove

  • AE-AR-SocLes
  • Corporate body
  • 1913. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi creada por un pequeno número de emigrantes naturais da parroquia de Lestrove (Dodro) residentes en Bos Aires e que decidiron non formar parte da sociedade "Hijos de las tres parroquias de Dodro", fundada tamén nese mesmo ano.
O mesmo ano da súa fundación, envía cartos á súa parroquia natal para que se continuasen coas obras de construción dunha praza pública.
En 1916, destina a recadación dun festival organizado pola entidade para o fondo social da "Federación Agraria del Distrito de Padrón" en Buenos Aires, sociedade que apoian na súa loita contra o caciquismo e a favor do desenvolvemento agrario da comarca.
Tamén apoia a publicación da revista "El Eco de Teo".

Sociedad hijos de Moreira residentes en Buenos Aires

  • AE-AR-SocMor
  • Corporate body
  • 1913. Non existe na actualidade.

Esta sociedade de emigrantes, naturais da parroquia de San Martiño de Moreira (do concello de Ponteareas), residentes na Arxentina. Un dos seus promotores foi Manuel Malga que aparece como secretario da entidade en 1922.
Foi unha entidade agrarista e de axuda mutua entre os seus socios.
En 1922, participa activamente na fundación dunha sociedade agraria no seu concello natal, enviando a cantidade de 480 pesetas para a súa organización.
Foi membro fundador "Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales de la República Argentina".

Sociedad hijos de Prevediños y sus contornos

  • AE-AR-SocPre
  • Corporate body
  • 1921-09-04 ata 1937

Esta sociedade foi creada tras a reunión dun grupo de emigrantes naturais da parroquia Santiago de Prevediños (Touro), residentes na Arxentina, que se propuxeron fundar unha entidade que tivera por único obxecto a fundación de escolas no seu partido xudicial. Nestes centros educativos os nenos da zona "debían acadar unha instrución brillante, que lles permitira desenvolverse na vida sen tropezos para ben propio, da súa patria e da humanidade". Ademais póñense a obriga de procurar ocupación aos paisanos recén chegados, o pago en caso de necesidade de axudas económicas aos socios enfermos ou de pagar a súa repatriación.
Entre os seus fundadores destacan Ramón Caneda e José Martínez Mato.
En decembro de 1927 un grupo de socios solicitan que a sociedade se retire da Federación de Sociedades Gallegas, por considerar que ésta supón máis un freo que unha axuda na súa labor instructiva. ("El Heraldo Gallego", nº 737).
En 1927 aproba os seus primeiros estatutos sociais no que recollen as súas aspiracións instrutivas:
"En Galicia fundar escuelas en el distrito a que pertenece con un sistema netamente laico donde los niños puedan estudiar arte y naturaleza. Aquí realiza la protección moral y pecuniaria a los socios en casos de enfermedad, repatriación y recreo según los estatutos.
Art. 2º: a) Fundar y sostener escuelas de instrucción primaria y artes y oficios con cátedra de geografía, historia y comercio de los países más importantes. b) ayudar moral y materialmente a sus asociados siempre que la situación de éstos sea crítica y la comisión directiva juzgue necesario, así como la repatriación en aquellos casos que, por prescripción médica u otras circunstancias así lo exigiesen o lo juzguen conveniente.
Art. 3º: cuando la sociedad disponga de recursos se procederá a la construcción de un edificio adecuado a los fines de que se trata debiendo el edificio reunir las disposiciones necesarias para anexar al mismo la escuela de artes y oficios; tanto la escuela de primera enseñanza como la de artes y oficios serán dotadas de material pedagógico moderno.
Art. 5º: para la primera escuela que funden se buscará el punto más adecuado. En esta escuela será establecida unha biblioteca y sala de lectura para adultos, donde serán remitidos periódicos de todas las naciones en que se hallan establecidas nuestras sociedades.
Art. 6º: los beneficios de las escuelas serán admitidos para todos los hijos de Prevediños y sus contornos sin distinción de ideas, siempre que respeten los reglamentos de la sociedad.
Art. 14º: si si un socio se encontrase enfermo y él lo deseare, la sociedad lo hará ingresar en un hospital y velará por su buena asistencia durante el tiempo que permanezca en el mismo.
Art. 15º: la sociedad en caso de fallecimiento de algún socio sufragará los gastos de su entierro o entregara a la familia del extinto $ 120 m/n si ella así lo deseara".
Esta sociedade queda inactiva en 1937 pola morte do seu presidente, Ramón Martínez. En 1943 un grupo de ex-socios intenta reorganizala baixo a denominación de "Hijos del ayuntamiento de Touro".

Sociedad hijos y descendientes del ayuntamiento de Buján en Buenos Aires

  • AE-AR-SocBuj
  • Corporate body
  • 1924-08-30 ata a actualidade.

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello de Val do Dubra (antigamente denominado Buján) que residían na Arxentina. Tiña finalidades agraristas e de apoio mutuo.
En 1932 aproba a reforma dalgúns artigos dos seus estatutos nos que aparecen explicitados os seus obxectivos: "Art. 2º: "proteger a sus asociados; repatriarlos en caso de enfermedad y faltos de recursos; ayudar a procurarles trabajo y prestarles alcance de la institución, como también orientar y servir de guía a los hijos de Buján que a su llegada a este país soliciten el amparo moral de esta sociedad. (...)"
Xa no ano 1936 abren unha colecta para a compra dun aparato de radio e teléfono para a sociedade agraria homónima do seu pobo natal, a que sempre apoian con axudas varias.
En 1939 entra a formar parte da "Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina".
Actualmente é unha entidade recreativa e mutualista.

Sociedad hijos de Silleda de protección mutua

  • AE-AR-SocSill
  • Corporate body
  • 1908-08-15 ata 1982-07-25, data na que se fusiona con outras entidades da comarca do Deza, creándose unha nova entidade chamada "Centro Lalín de Buenos Aires"

Esta sociedade foi creada por un grupo de emigrantes, naturais do concello de Silleda, residentes na Arxentina. Tiña como principal obxectivo restablecer entre os eles os vínculos de relación e amizade, primando a idea dun dos seus fundadores máis recoñecidos, o mestre Antonio Alonso Ríos, de fundar unha sociedade instrutiva que se centrase na creación de escolas no seu concello natal, para combatir e erradicar o analfabetismo imperante na zona.
A primeira escola construída pola entidade foi na parroquia de Freixeiro e que anos depois chamarán "Rosalía de Castro". A sociedade desexosa de que as escolas servisen de modelo non só no programa de ensinanza senon tamén nas condicións hixiénicas e de comodidade, proxecta e constrúe un segundo edificio escolar en Penadauga que se chamará "Bernardino Ribadavia" e subvencionan unha terceira na parroquia de Refoxos. A cuarta escola construída e subvencionada pola entidade será a de Marco, inaugurada en 1921 e denominada "Francisco Giner de los Ríos". Todos os colexios estiveron sempre provistos de material pedagóxico e dun programa educativo progresista e laico a conta da sociedade, polo que tiveron moitos problemas, sendo clausuradas nalgunha ocasión pola acusación de impartir “educación anarquista”.
Non só tivo unha ampla actividade educativa senón tamén anticaciquil, combatendo dende a súa fundación o caciquismo por medio de manifestos e xornais, nos que se publicitaba o movemento agrarista do concello de Silleda.
Esta entidade foi decana de todas as asociacións que fundaron a “Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales en la República Argentina".
No ano 1946 aproba unha reforma dos seus estatutos sociais, centrándose a partir de entonces, na axuda mutua e nas actividades recreativas.
En xullo de 1982, apróbase a fusión das sociedades da comarca do Deza "Hijos del Partido de Lalín", "Hijos de Silleda", "Unión del Partido de Lalín" e "Hijos del Ayuntamiento de Golada y sus contornos", creando unha unha nova entidade denominada "Centro Lalín de Buenos Aires" que agrupa a todos os emigrantes e descendentes de dezanos residentes na Arxentina.

Results 61 to 80 of 538