Amosando 1785 resultados

Rexistro de autoridade

Hogar de Ribadumia, asociación de instrucción, cultura y recreo

  • AE-AR-HoRib
  • Entidade colectiva
  • 1922-04-30, ata a actualidade.

Un grupo de emigrantes naturais do concello de Ribadumia e residentes en Bos Aires, deciden crear unha sociedade de instrución baixo o nome de "Pro-Escuelas en el ayuntamiento de Rribadumia". Entre os seus fundadores podemos citar a Alberto Abal, primeiro presidente da nova entidade, Manuel Alfonsín Martínez, Manuel Varela Muñiz, Jesús Pérez, José Barral Martínez, Miguel Serantes, José R. Bouzas, Benito Peiteado Pombo, José Piñeiro e Antolín Núñez.
Dende un principio os seus obxectivos estaban centrados en apoiar a instrución entre os habitantes das distintas parroquias que formaban o concello, aglutinar a todos os seus paisanos emigrantes e desenvolver unha amplia actividade cultural e social entre os asociados e os seus descendentes.
No ano 1926 organiza un festival en honor dos doantes do solar para a construción do edificio da súa primeira escola en Ribadumia, escola que foi inaugurada en 1929. En 1934 aparece na prensa o seu proxecto de construír un novo edificio escolar cun presuposto total de 45.000 pesetas.
Tras unha etapa de crise interna, en 1938 a entidade foi refundada pasando a chamarse "Hogar de Ribadumia" e centrando as súas actividades na axuda mutua e na organización de actos recreativos e deportivos.

Hospital Gallego, asociación gallega de beneficencia y mutualidad

  • AE-AR-HosG
  • Entidade colectiva
  • 1932-12-16 ata a actualidade

Foi creada no seo da colectividade galega residente en Bos Aires para facilitar a atención médica a todos os galegos que a precisaran.
Actualmente conta cun servicio de consultorios externos nas diferentes especialidades e a súa orientación fundamental pasa por un servicio de mediciña física e de rehabilitación.Teñen tamén consultorios na súa sede social, en propiedade, na rúa Belgrano.
A finais dos anos 40 do pasado século comezan a editar a revista "Lar. Revista Mensual de la Asociación Gallega de Beneficencia y Mutualidad" como voceiro social.

Instituto Argentino de Cultura Gallega

  • AE-AR-IACG
  • Entidade colectiva
  • 1969 ata a actualidade

O Instituto Argentino de Cultura Gallega do Centro Gallego de Buenos Aires foi creado no ano 1969 como continuador da antiga Comisión de Cultura que existía para todo o relacionado coa difusión da cultura galega, funcionando como custodia e contralor dos elementos culturais da Institución.
Dende os seus comezos tivo ao seu cargo ese tipo de actividade, referente á organización, programación e posta en práctica de todo o relacionado coa cultura de Galicia e da República Arxentina.

Irmandade galega de Buenos Aires

  • AE-AR-IrGal
  • Entidade colectiva
  • Anos 40 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta sociedade de emigrantes galegos foi creada por un grupo de emigrantes, republicanos que defendían a idea de Galicia como nación. Estivo integrada por destacados persoeiros nacionalistas como Antón Fiz Fernández, Rodolfo Prada, Manoel Pedreira, Indalecio T. Covelo, Antón Gómez, Bieito Cupeiro, Moisés Da Presa, Xosé Lema Novo, Antón Suárez Dopazo, Valeriano Saco, Federico Zamora, Manoel Ucha, Lois Ares, Bernaldo Souto ou Fernando Iglesias "Tacholas".
Como medio de defensa dos seus ideais políticos publicaron varios xornais como "A Nosa Terra" ou "Adiante".
No ano 1946 temos constancia da existencia de tres filiais desta sociedade en La Plata, Rosario e Mendoza.

Irmandade nazonalista galega de Bos Aires

  • AE-AR-IrNaz
  • Entidade colectiva
  • Anos 20 e 30 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta sociedade política estaba integrada por emigrantes nacionalistas galegos residentes en Bos Aires como Eduardo Blanco Amor, Santiago G. Nolla, Ramiro Isla Couto, F. Lamas Barreiro e Xenaro F. Couto. Edita o boletín "Terra" donde ademais de informar sobre o seu iderio político, publica textos literarios e científicos de destacados intelectuais galegos.

Juventud de Viana, Trives y Valdeorras, asociación cultural, social y recreativa

  • AE-AR-JVia
  • Entidade colectiva
  • 1954-01-02 ata a actualidade

Esta asociación de emigrantes galegos foi fundada co obxectivo de agrupar aos veciños de Pobra de Trives, Viana do Bolo e Barco de Valdeorras, residentes en Arxentina. A súa finalidade principal segundo os seus estatutos é propender á maior vinculación dos galegos entre sí e cos arxentinos e realizar actos culturais e recreativos á maneira da súa terra natal.
A súa directiva fundacional estaba integrada por: Arsenio Rodríguez, como presidente; vicepresidente, Cayetano Castro; secretario, Carlos García Arias; prosecretario, Antonio Martínez; secretario de actas, José Domínguez; tesoureiro, Enrique Rodríguez; protesoureiro, Benigno Laneiro; contador, Justo Alonso; arquiveiro, Adelino Do Campo e os vogais: Ricardo Ciudad, Bonifacio Alonso, Juan Fernández, Guillermo Prieto, Isaac Blanco, Dativo Pérez e Aurelio Estévez.
Entre as súas actividades pódese citar: celebración de festas e banquetes con motivo do seu aniversario, festas de nadal, festa de Santiago e organización de torneos de naipes. Tamén xestiona actividades culturais como reunións de lectura e proxección de videos.

Lembranza d'Ultreya

  • AE-AR-Lem
  • Entidade colectiva
  • 1932-06-30. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi creada en Bos Aires por un grupo de entusiastas galeguistas entre os que podemos citar a: Aurora Pallares (presidenta fundacional), Xoaquina Villar Fernández, Celina e Teresa Berlandi, Piedad Souto, Xuana Prat, Claudino Pita, Manuel Prieto, Xuan Vila, Xuan Viqueiras, Antón Pallares, Antón Jeremías, Lois, Victoriano e Félix Martínez, Xosé Souto, Manoel Lorenzo, Xosé Rodríguez, Xesús Moreira, Esteban Iglesias, Alfonso Costela, Xerardo Mera, Manoel Castro, Ulpiano Bernárdez, Anxel Rodríguez, Antón Comesaña, Xesús Barral, Enrique González, Lois López, Máximo Docampo, Amadeo Pérez e Marcelino Mariño.
A súa finalidade primordial foi o espallamento da arte e da cultura galegas en Arxentina, sendo o lema da entidade "Galiza hai unha soa".
Participaron activamente na campaña a favor do Estatuto Galego e da autonomía durante a IIª república.

Lume novo

  • AE-AR-Lume
  • Entidade colectiva
  • anos 70 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta asociación foi creada para a defensa e a difusión da cultura galega na Arxentina.

Monterroso y Antas de Ulla

  • AE-AR-Mont
  • Entidade colectiva
  • 1918-08-15 ata 1943, en que se fusiona con outras entidades lucenses para crear o Centro Lucense de Buenos Aires

Esta sociedade de emigrantes galegos, residentes en Bos Aires e naturais dos concellos veciños de Monterroso e Antas de Ulla, foi fundada con fins culturais, agrarios e recreativos. En 1920 aparece como unha das entidades fundadoras da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales de la República Argentina. E xa no ano 1925 publícase na prensa da colectividade galega na Arxentina os intentos de fusión entre as diversas sociedades dos naturais do partido xudicial de Chantada.
Entre os seus socios máis coñecidos pódese citar a Jesús Iglesias, Manuel Garza, José Fente, Benigno Frade, Manuel Carballo, Fernando Derecho, Lisardo Vázquez, ou Dionisio Vázquez entre outros.
En 1920 editan “El Eco del Ulla”, voceiro social da entidade e defensor dos concellos do partido de Chantada, tal como aparece na súa cabeceira.
En 1943 desparece tras a súa fusión con outras sociedades de emigrantes da provincia de Lugo en Bos Aires, para forman o Centro Lucense.

Movimento galego de liberdade nacional

  • AE-AR-MovGal
  • Entidade colectiva
  • Anos 50 e 60 do pasado século. Non existe na actualidade

En 1959 publica un voceiro social baixo o título de "Loita", onde dan conta das súas ideas políticas nacionalistas e de indenpendencia de Galicia.

Organización republicana galega autónoma

  • AE-AR-ORGA
  • Entidade colectiva
  • 1930-04-22. Non existe na actualidade.

Esta organización política e galeguista foi fundada baixo o patrocionio de destacados galeguistas como Miguel C. Alvarez, Antonio Alonso Ríos, Eduardo Blanco Amor, Avelino Díaz, Pedro Campos, Antonio Iglesias, José Gamallo, José Liñares ou Luis Raña entre outros: "La O.R.G.A. de Buenos Aires, formada por emigrados gallegos que aman con fervor a su tierra y que anhelan y trabajan en pro de una España grande y de una Galicia libre, próspera y digna (...)"
Xa dende a súa creación loitan pola aprobación do Estatuto de Galicia, organizando diversas actividades para conseguir doazóns e apoios solidarios que enviarán a Galicia.

Asociación de Oleiros, mutual, cultural y recreativa

  • AE-AR-Ole
  • Entidade colectiva
  • 1918-09-01 ata a actualidade

Esta asociación recreativa e de socorros mutuos, foi creada por un grupo de emigrantes, naturais do concello de Oleiros, residentes na Arxentina. Entre os seus fundadores podemos citar a Ramón Suárez, Antonio Portela, Juan Portela, José M. Souto, M. Sánchez, Francisco López, Joaquín Suárez, Jesús Suárez, Manuel Cajigal, José Portela, Francisco González, José Doldán, José Ares, José Breigo, Manuel Pita, Alejandro Ramón, Melchor Salinas, José Portos, Francisco Blanco, Juan Vázquez, Manuel Vázquez, Manuel Fuentes e José Fernández.
Foi fundada para protexer e repatriar, en caso necesario, aos seus asociados; tamén tiñan en mente crear escolas e fomentar o ensino no seu concello natal, ademais de cultivar e difundir o espíritu de asociación entre os conveciños residentes na república americana.
Actualmente manteñen unha vida social bastante intensa celebrando as festas tradicionais de Santa María de Oleiros, o Fin de ano ou o Día de Galicia. Teñen un programa de televisión, para divulgar a cultura galega na Arxentina. Priorizan a axuda entre os asociados: concesión de subsidios por falecemento, asistencia médica e farmacéutica.

Sociedad artística y recreativa orfeón de Fonsagrada

  • AE-AR-OrfFon
  • Entidade colectiva
  • 1925-05-13 ata 1936-04-19, data na que se fusionou coa sociedade "Residentes del partido de Fonsagrada en Buenos Aires", dando lugar a unha nova entidade co nome de "Unidos de Fonsagrada y sus distritos"

Entidade artística e recreativa creada por un grupo de emigrantes naturais da Fonsagrada para realizar actuacións e actividades recreativas e culturais no seo da colectividade galega residente na Arxentina.
En 1936 aproba a súa fusión coa sociedade "Residentes del partido de Fonsagrada en Buenos Aires", dando lugar a unha nova entidade co nome de "Unidos de Fonsagrada y sus distritos".
En 1943 pasarán a formar parte do recén creado "Centro Lucense" de Bos Aires.

Orfeón gallego primitivo

  • AE-AR-OrfGal
  • Entidade colectiva
  • 1897-1918, ano no que se fusiona con outras entidades culturais para crear a nova sociedade Casa de Galicia de Buenos Aires

Esta asociación recreativa musical foi fundada por un grupo de emigrantes galegos, entre os que estaban Manuel Golpe, Juan Cao e Francisco Galván, en 1897 co propósito de reunirse e difundir a cultural musical galega na capital arxentina e entre os seus paisanos alí residentes.
Comeza chamándose "Orfeón Gallego", pero "con motivo de la fiesta organizada por la Asociación Patriótica Española el día 4 de enero de 1898 y a fin de diferenciarse de otra sociedad congénere del mismo nombre, la Comisión Directiva, en sesión celebrada el 31 de diciembre de 1897, acordó usar para concurrir a aquellas fiestas la denominación de Orfeón Gallego Primitivo, cuyo título siguió usando después".
Organiza funcións artísticas e festivais, como en 1908 que fan unha velada en honor de Curros Enríquez e que tivo gran éxito entre a colectividade galega residente en Buenos Aires. Moitas das súas actuación serven para recoller fondos para enviar a España como axuda en casos de catástrofes ou necesidade. Contaron na súa sede cunha biblioteca e un arquivo musical, ademais dunhas aulas donde se impartían clases para os fillos dos socios.
No ano 1918 desaparece tras a súa fusión coas entidades "A Terra", "Agrupación Artística Gallega" e "Sociedade Coral Gallega", creando unha nova sociedade baixo o nome de "Casa de Galicia de Buenos Aires".

Peña cultural galega Rosalía de Castro

  • AE-AR-PRos
  • Entidade colectiva
  • 1960. Non existe na actualidade

Asociación cultural galega fundada por un grupo de emigrantes galegos de Rosario para organizar actividades culturais entre a colectividade.

Parroquias unidas del ayuntamiento de Rianjo

  • AE-AR-PaRia
  • Entidade colectiva
  • 1934-09-30 ata 1963, ano no que varias entidades de emigrantes do concello de Rianxo se fusionan dando lugar ao "Centro ayuntamiento de Rianjo"

Esta sociedade mutualista e cultural foi creada polos emigrantes naturais do concello de Rianxo e as súas parroquias, residentes en Arxentina. Entre os seus fundadores podemos citar a Vicente Otero Castro, primeiro presidente da entidade, Bonifacio Botana, Inocente Pérez, Isidoro Torrado, José Abuín, Jesús Abuín, Felipe Carou, Ernesto Fernández, Antonio Viana e José Rivas.
Os fins principais da sociedade están recollidos nos seus estatutos: "a) fomentar o espíritu de asociación e unión entre os fillos das parroquias de Araño, Asados, Rianxo, Taragoña, Leiro e Isorna; b) fomentar entre os asociados a arte musical e escénica; c) prestar axuda moral e económica aos asociados en caso de orfandade ou viuvez; d) organizarán conferencias, veladas científicas, artísticas, musicales, literarias, excursiones e visitas culturais; e) creación dunha biblioteca e sala de lectura; fomento da ensinanza e mellora do estado social do pobo de Rianxo, subvencionando bibliotecas públicas en cada unha das parroquias etc.".
Nos anos 40 edita como voceiro social a revista "Rianxo".
En 1963 varias sociedades de emigrantes naturais do concello de Rianxo deciden fusionarse e crean o "Centro ayuntamiento de Rianxo". En 1986 esta entidade fusiónase coa "Asociación del Partido Judicial de Noya", dando lugar a unha nova entidade: "Centro Noya - Rianjo", existente na actualidade.

Sociedad cultural hijos de las tres parroquias de Dodro

  • AE-AR-ParDod
  • Entidade colectiva
  • 1913-05-18 ata 1940.

Os naturais de Dodro, emigrantes en Bos Aires, crearon esta sociedade agraria e mutualista, no país de acollida para axudar no funcionamento da Sociedade Agraria de San Julián de Laíño (parroquia do seu concello natal).
Entre os seus fundadores podemos citar a Tomás Viturro (primeiro presidente da entidade), Ramón Torrado, Perfecto Blanco, Manuel Reboiras ou Manuel Viturro, entre outros.
Con finalidades agraristas e instrutivas, os seus estatutos sociais recollen que entre as súas prioridades están apoiar a loita do sindicato agrario da súa parroquia contra o caciquismo local e axudar no desenvolvemento da instrución da xuventude da súa terra natal.
Ao pouco tempo da súa fundación, fan un envío de 6000 pesetas á sociedade de agricultores, para a construción en Tallós dun edificio, que debía funcionar como a súa sede e no que debían habilitar unhas aulas para escola dos nenos e nenas da parroquia.
En decembro de 1916, hai noticias do remate das obras e da inauguración do edificio social. Ademais do financiamento das obras, mandan cartos periodicamente destinados ao seu mantemento e ao pagamento do soldo do mestre, ata o ano 1956.
Esta entidade formou parte da Federación Agraria del Distrito de Padrón en Buenos Aires, entidade que tiña como voceiro a revista El Eco de Teo.
O nome fundacional desta sociedade fai referencia á orixe parroquial dos socios fundadores. En 1940, debido ao cambio de finalidades, prodúcense disensións que provocan a súa disolución.

Centro del Ayuntamiento de El Grove

  • AE-AR-RGr
  • Entidade colectiva
  • 1934-09-23 ata a actualidade

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello do Grove, residentes en Avellaneda (Bos Aires). A súa finalidade era conseguir a reunión dos emigrantes grovenses para celebrar as festas tradicionais do seu pobo e outras afíns.
Entre as súas actividades recreativas podemos citar: a celebración das súas festas tradicionais, organización de festivais de carácter benéfico, con danzas e representacións teatrais do grupo teatral propio. Crearon varios programas de radio como: "Carmen de España" e "A Nosa Galicia Sempre" dende 1988.

Asociación Residentes del Distrito de Rodeiro

  • AE-AR-RRod
  • Entidade colectiva
  • 1921-05-01 ata a actualidade

Esta entidade foi fundada en Bos Aires por un grupo de emigrantes residentes na cidade e naturais do concello pontevedrés de Rodeiro. Foi creada con fins de axuda mutua para os socios e para organizar actividades recreativas.
No ano 1924, un grupo dos seus socios, naturais da parroquia de San Xiao de Pedroso, organizan unha subscrición popular para conseguir cartos cos que construír unha escola na súa parroquia natal, apoiados totalmente pola directiva da entidade. Non temos constancia de que finalmente fose construída.

Resultados 101 a 120 de 1785