Amosando 1791 resultados

Rexistro de autoridade

Tuy - Salceda, asociación mutua, cultural y recreativa

  • AE-AR-TuiSal
  • Entidade colectiva
  • 1976-01-01 ata a actualidade.

Esta sociedade foi creada pola fusión das sociedades de emigrantes "Centro protección agrícola del distrito de Salceda" e "Casa de Tuy", auspiciada polos directivos Luis e Omar González e Alfredo Estévez (primeiro presidente da nova entidade). Nos meses seguintes integraránse as sociedades de "Hijos de Chantada", "Pontecaldelas", "Carral" e "Becerreá".
Nos seus estatutos sociais declárase como fins primordiais: "fomentar a unión e axuda recíproca entre os seus asociados para satisfacer as súas necesidades; prestar servicios funerarios; otorgar subsidios ou empréstimos aos asociados; proporcionar servizos de asistencia médica integral, farmacéuticos, de proveeduría, recreación, turismo, culturais, etc.; establecer un fondo compensatorio para a xubilación; etc.".
Na actualidade, as súas actividades céntranse case exclusivamente na axuda mutual e a realización de actos culturais e recreativos para os socios como excursións, festas campestres, conferencias ou cursos de danzas folclóricas galegas e de instrumentos típicos.

Unidos de Fonsagrada y Baleira

  • AE-AR-UFonBal
  • Entidade colectiva
  • 1939-10-08 ata 1943, ano no que se integra no Centro Lucense de Buenos Aires.

Esta entidade foi creada pola fusión das sociedades "Unidos de Fonsagrada y sus distritos" e "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira".
Organiza diversos festivais para conseguir fondos para enviar a Galicia e axudar ás vítimas da guerra civil.
Finalmente esta entidade participará na creación do Centro Lucense de Buenos Aires en 1943.

Unidos de Fonsagrada y sus distritos

  • AE-AR-UFon
  • Entidade colectiva
  • 1936-04-19 ata 1939, ano no que se fusiona con "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira"

Esta entidade foi creada pola fusión das sociedades "Residentes del partido de Fonsagrada" con "Sociedad artística y recreativa orfeón Fonsagrada" no ano 1936 para xuntar esforzos cos que axudar ás vítimas da guerra civil que estaba asolando a súa terra natal.
En 1939 fusiónase coa sociedade irmá "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira" pasando a denominarse "Unidos de Fonsagrada y Baleira".
Finalmente no ano 1943 pasa a integrarse na sociedade provincial "Centro Lucense de Buenos Aires".

Unión agraria parroquias unidas del distrito de Porriño

  • AE-AR-UAPor
  • Entidade colectiva
  • 1923 ata 1938-03-21

Esta sociedade fusiónase en 1938 coa sociedade "Fomento de Porriño y su distrito" e dan como resultado a "Sociedad residentes del municipio de Porriño".

Unión Barcalesa

  • AE-CU-UBar
  • Entidade colectiva
  • 1907-11-03 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada polos emigrantes naturais do Val de Barcala residentes en Cuba co obxectivo principal de «fundar una escuela en el punto más céntrico de Barcala, escuela en la que se proporcionará educación e instrucción a la niñez y juventud de ambos sexos», tal como se recolle na súa acta fundacional.
Foron socios fundacionais Romualdo Negreira Gosende —que sería nomeado presidente da nova entidade—, Manuel Pastoriza, Francisco Ferreiro, Aureliano Mouro, Ramón Negreira, José Negreira, Generoso Negreira, José M.ª Barbazán, Juan Suárez, Cipriano Casabiella, Segundo Negreira, Manuel Baña, José Leis, Manuel Negreira, José Negreira Gómez e Modesto Suárez.
Na súa andaina tivo outros presidentes como Juan Riveiro Barreiro (1910), Manuel Súarez (1911), Manuel Castiñeiras (1912), Juan Riveiro Barreiro (1914-1915), José Abelenda Riveiro (1918), Manuel Negreira Gosende (1927), Manuel Riveiro Barreiro (1929), Jesús Suárez Pastoriza (1931), Manuel Grille Tomé (1933), Juan Riveiro Barreiro (1934), Jesús Suárez Pastoriza (1935-1938), José María Pensado (1939), José Abelenda Riveiro (1940, 1950), José Manteiga Romarís (1953-1954), José Abelenda Riveiro (1955, 1958), Clemente Tuñas Suárez (1964, 1966, 1967) ou Rolando Pérez Palmero, que preside a sociedade desde 1969 ata a actualidade.
Xa nas primeiras reunións da directiva aproban a construción dunha escola no lugar de Campos (San Xián de Negreira). En 1909 viaxou unha comisión a Negreira para mercar o soar onde ía edificarse. Pero pronto as discrepancias dos socios sobre a elección do lugar onde ía ser construída a escola levarían a cambialo polo de Covas, no mesmo concello. Esta problemática na elección dos lugares onde se construirían as escolas provocou que moitos socios se desen de baixa, de 439 socios en 1908 pasouse a 227 en 1911. Finalmente, optouse polas parroquias con maior número de socios: San Vicenzo de Aro e San Xoán de Covas, do concello de Negreira, e no lugar de Seoane, na Baña.
Ata 1921 non comezaron as obras da primeira escola financiada pola sociedade, situada en Aro. Continuaron coa de Covas e xa na década dos 30 construíron a de Seoane. A todas elas acudían gratuitamente os alumnos «de clases pobres y menos acomodadas del Valle de Barcala y sus contornos, teniendo preferencia los familiares de los socios de la Unión Barcalesa».
Unha vez construídas as escolas, eran alugadas aos concellos, que as xestionaban. Tras a Guerra Civil, os edificios seguen a ser da súa propiedade, pero xestionados polo Estado como escolas unitarias.
Tamén tiñan o proxecto de construír un hospital comarcal, pero non o puideron levar a cabo por carecer de recursos financeiros. Durante os anos 20, participan activamente na vida local de Barcala, co apoio a diversas iniciativas, como a creación dun ferrocarril coa liña Bergantiños-Barcala-Santiago, a creación do xornal agrarista El Barcalés ou a campaña a prol da redención de foros do Directorio de Teis.
En 1930, inauguran no cemiterio Colón un panteón social.
En 1938, publican o seu primeiro regulamento social e cambian as súas finalidades, pasan a ser unha sociedade cultural e benéfica, sempre centrada na atención mutualista aos compatriotas residentes na Habana.
Esta sociedade segue a funcionar actualmente e mantén moi boas relacións co concello de Negreira e da Baña, berce dos seus fundadores, e coa sociedade barcalesa Alén Mar, que desde 1996 (ano da súa creación) traballa para conseguir fondos para as actividades da sociedade habaneira, axúdaos nos trámites coa Administración cubana e española, e manda, a través dos que se desprazan á illa, os medicamentos que dende alí máis solicitan.

Unión cultural de Monforte de Lemos

  • AE-AR-UMonf
  • Entidade colectiva
  • 1941-05-25 ata 1943, ano no que se integra no "Centro Lucense de Buenos Aires"

Esta asociación galega foi creada en maio de 1941 por un grupo de coterráneos dos distritos de Bóveda, Monforte, Pantón, Saviñao e Sober (provincia de Lugo) residentes na capital arxentina co fin prioritario de apoiarse mutuamente en caso de necesidade.
Entre os seus fundadores estaban Avelino Díaz, José Núñez Fernández e Julio Fernández (primeiro presidente social).
En outubro dese mesmo ano comezan a empregar a denominación "Unión cultural de la provincia de Lugo", cambio que foi aprobado polos seus socios en asemblea xeral do 15 de decembro.
O 7 de novembro de 1942 comezan as xestións para participar na creación dun novo centro de carácter provincial, o Centro Lucense (1943).

Unión cultural de Villamarín

  • AE-AR-UVill
  • Entidade colectiva
  • 1910 ata 1932, ano no que se fusiona coa "Sociedad de ayuda mutua residentes de Villamarín"

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello ourensán de Vilamarín residentes na Arxentina. Tiña finalidades culturais e instrutivas, sendo a súa intención a defensa da instrución na súa terra natal.
En 1932 os socios desta sociedade aproban en asemblea xeral a súa fusión coa "Sociedad de ayuda mutua residentes de Villamarín", creándose unha nova entidade denominada "Centro Villamarín", xa con finalidades mutualistas e recreativas.

Unión de asociaciones gallegas de la República Argentina

  • AE-AR-UAsoc
  • Entidade colectiva
  • 1988-10-19 ata a actualidade

A fundación desta federación orixinouse con motivo de que aalgunhas asociacións galegas na Arxentina non se sentían representadas pola "Federación Gallega de la República Argentina" a quen acusaban de mala administración e dunha ideoloxía partidista. Ademais a FSGA uníronse entidades que non estaban federadas e reclamaban a creación dunha entidade de segundo grao que as representara e loitara polos seus dereitos e necesidades. Tendo en conta que a colectividade galega é moi numerosa pero está moi fragmentada, pensouse na necesidade dunha nova federación que a aglutinara en sí mesma.
Entre as sociedades que forman parte desta entidade están: "Círculo Valle Miñor", "A.B.C. de Corcubión", "Asociación de Carbia", "Hijos del Ayuntamiento de Puerto del Son", "Centro Noia-Rianxo", "Asociación Finisterre en América", "Hijos de Arantes", "Centro Villamarín Perojano", "Residentes de Mos", "Asociación Tuy - Salceda", "Centro Gallego de Avellaneda", "Centro Partido de Carballino", "Unión Residentes de Outes", "Unión Residentes de Dodro", "Asociación Parroquial de Vedra", "Centro Arzuano Mellidense", "Asociación del Ayuntamiento de Palas de Rey", "Asociación de Campo Lameiro", "Hijos del Ayuntamiento de Boiro", "Centro Lalín de Buenos Aires", "Asociación Hogar de Ribadumia", "Casa de Galicia", "Asociación de Ordenes", entre outras.
A súa directiva fundacional estaba integrada por Manuel Quiroga, como presidente; vicepresidente, Albino Táboas Figueroa; secretario, Eduardo García Chorén; prosecretario, Teodoro García; secretario de actas, José Carlos Panteón; tesoureiro, Baltasar González Ares; protesoureiro, Sergio Lorenzo e como vogais: José Creo, Laureano Rodríguez, Generoso Rodríguez e Marcial Sánchez.
Nos seus primeiros estatutos sociais (1988) declaran os seguintes fins como entidade:
"a) propugnar e realizar todas as actividades necesarias para o agrupamento de todas as institucións galegas na Arxentina; b) estimular, fomentar e manter relación de todo orde coa República Arxentina, Galicia e España; c) difundir entre os asociados que a integran toda información que competa a cada un deles como acordos, tratados ou convenios cos gobernos arxentino, español ou galego; d) establecer e manter no país ou no exterior delegacións ou representantes; e) aceptar fondos, bolsas, subvencións e facilidades que proveñan da Xunta; f) patrocinar toda manifestación que exalte os valores da cultura galega e arxentina; g) promover a idea de unidade entre todas as asociacións que a conforman; h) publicar un órgano de difusión que leve a información, reportaxe, nota ou artigo que teña que ver cos seus fins; i) celebrar anualmente o aniversario da fundación e a festividade do Día das Letras Galegas; k) difundir, promover e colaborar en todos os actos que as asociacións integrantes realicen; l) organizar congresos, conferencias, simposios, reunións, xornadas, debates, cursos relacionados coa cultura galega, a emigración ou a inserción; m) promover a creación dunha escola na Arxentina co seu nome; n) labores asistenciais a persoas necesitadas, tamén labores educacionais e de contido cultural; ñ) dar orientación laboral aos emigrantes".
Esta sociedade non só se dedica a facer reunións senon tamén traballa intensamente brindando asesoramento e realizando xestións sobre cidadanía española, informes consulares, pensións, e xubilacións, tramitación de diversa documentación, informar sobre bolsas, programas de axudas, campamentos xuvenís, viaxes, reencontros, etc. e asesoramento previsional.
Realiza ao longo do ano diversas actividades culturais e recreativas: cursos de lingua galega dictados nas diversas entidades que a integran, e tamén ten varios programas radiais. Organiza conferencias e debates coa participación de distinguidas personalidades a cultura de Galicia e da comunidade galega en Arxentina. Organiza tamén exposicións de arte, festexos etc., compartindo as diversas romarías tradicionais nos recreos sociais das institucións federadas.
Ten tamén actividades deportivas, comos torneos de distintas disciplinas deportivas nas sedes sociais das asociacións federadas.

Unión de Baleira

  • AE-CU-UBal
  • Entidade colectiva
  • 1937-02-16 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada o 16 de febreiro de 1937 polos emigrantes do concello de Baleira (Lugo) que emigraran á Habana. Foi creada por un grupo de socios de "Juventud de Baleira y su comarca" que, debido ao estalido da guerra civil española e as profundas diverxencias ideolóxicas que isto provocou, deciden marchar da entidade e crear unha nova baixo a denominación de "Unión de Baleira".
Os seus fins foron procurar por todos os medios ao seu alcance a protección moral e material dos seus asociados; establecer relación con outras similares, a fin de conseguir máis eficazmente os seus fins e tamén prestar auxilio aos asociados cando por necesidade ou enfermidade probada se vexan necesitados.
O seu presidente actual é Julio A. Gallo.

Resultados 1661 a 1680 de 1791