Showing 1788 results

Authority record

Unión progresista del distrito de Covelo

  • AE-AR-UCov
  • Corporate body
  • 1927-08-27

Esta sociedade foi creada pola fusión das sociedades "Progreso del Distrito de Covelo" (1926) e "Unión Covelense" (1923), ambas as dúas integradas por emigrantes do concello pontevedrés do Covelo residentes en Arxentina.
A súa primeira directiva estaba formada por Casiano Domínguez, como presidente; vicepresidente, Santiago García; secretario xeral, José Fontán; prosecretario, Avelino Mosquera; tesoureiro, José M. Bello; protesoureiro, Severo Pascual; secretario de actas, Miguel García; prosecretario de actas, Herminio Martínez
En 1932 envía un donativo á subscrición "Pro-Estatuto de Galicia" auspiciado pola O.R.G.A.

Unidos de Fonsagrada y sus distritos

  • AE-AR-UFon
  • Corporate body
  • 1936-04-19 ata 1939, ano no que se fusiona con "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira"

Esta entidade foi creada pola fusión das sociedades "Residentes del partido de Fonsagrada" con "Sociedad artística y recreativa orfeón Fonsagrada" no ano 1936 para xuntar esforzos cos que axudar ás vítimas da guerra civil que estaba asolando a súa terra natal.
En 1939 fusiónase coa sociedade irmá "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira" pasando a denominarse "Unidos de Fonsagrada y Baleira".
Finalmente no ano 1943 pasa a integrarse na sociedade provincial "Centro Lucense de Buenos Aires".

Unidos de Fonsagrada y Baleira

  • AE-AR-UFonBal
  • Corporate body
  • 1939-10-08 ata 1943, ano no que se integra no Centro Lucense de Buenos Aires.

Esta entidade foi creada pola fusión das sociedades "Unidos de Fonsagrada y sus distritos" e "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira".
Organiza diversos festivais para conseguir fondos para enviar a Galicia e axudar ás vítimas da guerra civil.
Finalmente esta entidade participará na creación do Centro Lucense de Buenos Aires en 1943.

Unión cultural de Monforte de Lemos

  • AE-AR-UMonf
  • Corporate body
  • 1941-05-25 ata 1943, ano no que se integra no "Centro Lucense de Buenos Aires"

Esta asociación galega foi creada en maio de 1941 por un grupo de coterráneos dos distritos de Bóveda, Monforte, Pantón, Saviñao e Sober (provincia de Lugo) residentes na capital arxentina co fin prioritario de apoiarse mutuamente en caso de necesidade.
Entre os seus fundadores estaban Avelino Díaz, José Núñez Fernández e Julio Fernández (primeiro presidente social).
En outubro dese mesmo ano comezan a empregar a denominación "Unión cultural de la provincia de Lugo", cambio que foi aprobado polos seus socios en asemblea xeral do 15 de decembro.
O 7 de novembro de 1942 comezan as xestións para participar na creación dun novo centro de carácter provincial, o Centro Lucense (1943).

Asociación Unión del Partido Judicial de Órdenes

  • AE-AR-UOrd
  • Corporate body
  • 1922 ata a actualidade

No ano 1918 fundouse na cidade bonaerense a primeira sociedade do partido de Ordes co nome de "Pro-Escuelas Laicas" pero, como non tivo moito eco entre os seus paisanos despois de catro anos de loita, imperou a idea de crear unha nova entidade coa denominación de "partido xudicial". En abril de 1922 xorde á vida societaria a "Sociedad de Residentes del Partido Judicial de Ordenes", que foi fundada polo patrocinio da "Federación de Sociedades Agrarias y Culturales de la Provincia de la Coruña".
Aínda que non abandonou a súa loita pola instrución na terra natal, centrouse máis nas actividades de axuda mutua e recreativas para manter a unión entre os socios.
No ano 1944 produciuse a fusión de todas as sociedades que crearan os emigrantes ordenses residentes en Bos Aires e mantívose a denominación da máis antiga, que é a que pervive na actualidade.

Unión provincial orensana

  • AE-AR-UOre
  • Corporate body
  • 1913-03-09 ata 1941, ano no que se fusiona no "Centro orensano de Buenos Aires"

No ano 1913 un pequeno grupo de emigrantes galegos naturais da provincia de Ourense deciden crear unha subscrición entre os seus coterráneos residentes en Bos Aires para auxiliar á Escuela Laica Neutral establecida en Ourense. A partir das primeiras xuntanzas deciden constituírse nunha sociedade de emigrantes co nome de "Obreros orensanos 5 de julio de 1895".
Entre sus promotores podemos mencionar a Eulogio Vázquez, Adolfo Pérez, Quirino R. Martínez e Francisco Lamas.
O seu principal fin era achegar recursos para manter economicamente a Escuela Laica Neutral da cidade de Ourense, e a Casa del Pueblo de Orense. Parellamente aparece establecida no seu regulamento unha axuda aos asociados que teñan extrema necesidade.
Como entidade denomínanse "institución de carácter izquierdista".
En novembro de 1922 aparece a noticia de que a Escuela Laica que viña sostendo esta sociedade, foi desaloxada do seu local social, polo que a comisión directiva inicia unha subscrición para alugar un novo local e que continúe coas súas tarefas educativas. Nos anos seguintes loitan por conseguir fondos para construír un edificio propio para dita entidade.
No seu labor benéfico e de axuda coa súa cidade natal mandan diversos fondos en 1928 para axudar á biblioteca de Ourense, tras un incendio.
En 1932 envía un donativo á subscrición "Pro-Estatuto de Galicia" auspiciado pola O.R.G.A.
En plena guerra civil, en 1937, organiza o chamado "Comité Lister", de axuda aos damnificados pola guerra.
En todos estes anos organiza festivais artísticos, cuestacións e rifas nos que conseguen cartos para financiar o seu labor benéfico.
En marzo de 1941 aproban a súa fusión co "Centro Orensano de Buenos Aires".

Asociación Unión Residentes de Outes

  • AE-AR-UOu
  • Corporate body
  • 1910-12-04 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada en Bos Aires por un grupo de emigrantes do concello de Outes, con fins mutualistas e instrutivos.
A súa directiva fundacional estaba integrada como por José Caamaño, como presidente; vicepresidente, Manuel Suárez; secretario, Ramón Hermida; tesoureiro, Mariano Conde e vogais: Miguel Gómez, Manuel Vilariño, Miguel Cernadas, Angel Cantariño, Domingo Barreiro, A. Caamaño, Domingo Pazos, A. del Río, Domingo Lestón, M. Rodríguez, José Lestón e Manuel Barreiro.
Anos máis tarde noméase socio honorario da entidade, polo seu destacado labor durante máis de 59 anos, traballando en pro da asociación, a Pedro García. Foi un dos máis firmes promotores da construción pola entidade, dunha escola na parroquia de Cruceiro de Roo, que hoxe leva o nome de "Grupo Escolar Emilio de Navasgües".
No ano 1923, entre as súas actividades culturais organizan un festival conmemorando o 45º aniversario da morte de poeta galego, Francisco Añón, natural de Ordes. Co produto da festa, instálase unha placa conmemorativa na casa onde nacera o poeta, no lugar de Boel, parroquia de San Pedro de Outes, e reedítase un libro coa súa obra poética.
Actualmente rixen os estatutos sociais renovados no ano 1990, no que aparecen como fins da entidade a axuda mutua e protección entre os socios, ademais da organización de actividades culturais e recreativas: celebran o Día das Letras Galegas, o Día da Patria Galega, o aniversario fundacional da entidade, un xantar de fin de ano e o Día do Patrono de Outes, San Pedro. Organizan bailes, comidas, conferencias e excursións para fomentar o lecer e confraternidade entre os asociados.

Unión del partido de Lalín en Buenos Aires

  • AE-AR-UParLal
  • Corporate body
  • 1921-01-30 ata 1982-07-25, ano no que se fusiona con outras entidades da comarca do Deza para crear o "Centro Lalín de Buenos Aires"

En xaneiro de 1921 aparece no "Correo de Galicia" un chamamento para os veciños das parroquias de Lalín co fin de reunirse no local da "Federación Agraria de la Estrada" para tratar da constitución dunha sociedade auxiliar dos agricultores que existen neste concello e ao mesmo tempo fomentar a actuación das mesmas no partido de Lalín. O 30 de xaneiro do ano 1921 tivo lugar a reunión da que saíu creado o "Comité auxiliar de las sociedades agrícolas y culturales del Partido de Lalín en Buenos Aires". Entre os seus promotores da idea destacaban Avelino González, Victorino González, Antonio Castro Santomé (primeiro presidente), Jesús Blanco, José Parada, Francisco Cacheda e Ramón González Vijide.
Como lema da entidade está o de "auxiliar y de fomento de sociedades agrarias y culturales en el partido". Esta declaración de principios fixa a súa orientación agrarista e progresista.
Entre os seus fins está a creación de escolas, tantas como lles sexa posibles e tamén auxiliar economicamente ás xa existentes; ademáis contemplan axudar moral e materialmente aos campesiños galegos e auxiliar aos seus asociados.
En febreiro de 1922, en asamblea votan a creación de tres escolas: en Gresande (inaugurada ese mesmo ano con 116 alumnos), en Dousión e en Silleda e aproban un regulamento para o seu funcionamento, implantando as seguintes materias: lingua castelán, lectura, escritura e gramática, aritmética, xeografía e historia, historia natural, nocións de xeometría, de ciencias químicas e naturais, de historia e fisioloxía humana, moral, debuxo, traballos manuais, agricultura, exercicios corporais e principios de dereito e instrucción cívica.
A finais de 1923 inaugura unh escola na parroquia de Prado, chamada "Curros Enríquez", á que concurriron 89 alumnos de ambos sexos aos que facilitan gratuitamente todo o material escolar.
A escola de Gresande chamouse "Ramón González Vigide", un dos promotores da fundación da entidade.
Nestas escolas impartíanse clases nocturnas para adultos que deron moi bos resultados.
En 1924 envía cartos para o sostemento da escola da parroquia de Bendoiro.
En 1936 toma posición polo Goberno republicano a través de numerosos manifestos e envía fondos de axuda para as vítimas da guerra e as súas familias.Tras o triunfo franquista denuncia, a través do xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Galegas, a represión do novo réxime e fai un chamamento á colaboración de todos os emigrantes demócratas para axudar os perseguidos.
Nos anos 50 e 60, a súa influencia na colectividade vai mudando e defende posturas máis moderadas politicamente.
O 25 de xullo de 1982 lévase a cabo a fusión das sociedades da comarca do Deza en Bos Aires: "Hijos del Partido de Lalín", "Hijos de Silleda", "Unión del Partido de Lalín" e "Hijos del Ayuntamiento de Golada y sus contornos", creando unha unha nova entidade denominada "Centro Lalín de Buenos Aires".

Unión progresista del distrito de Salvatierra de Miño

  • AE-AR-USalv
  • Corporate body
  • 1921-08-14 ata a actualidade

Esta sociedade agraria e instrutiva foi creada por iniciativa dun grupo de emigrantes naturais da comarca de Salvaterra residentes na República Arxentina. Entre eles podemos citar a Clemente López, Laureano Puente, Manuel Puente e Francisco Ojea Aldir, que defendían ideais socialistas e laicos.
Deciden crear a sociedade para acoller os veciños alí residentes e proporcionarlles socorros e axudas para os máis necesitados, ademais de fomentar a construción de centros educativos e de progreso no seu distrito natal, tal como se recolle nos seus primeiros estatutos: «Art. 2º: socorrer moral y materialmente a sus asociados, en casos de enfermedad, muerte y repatriarlos si quedaran inútiles; Art. 3º: propender al progreso del distrito y bienestar de sus habitantes elevando su capacidad intelectual y dignificación moral, por medio de la escuela, de la organización social y de la cooperación colectiva».
En 1926, organizaron un gran festival artístico a beneficio do seu proxecto para construír un edificio social na súa localidade. Neste edificio tamén debía funcionar unha cooperativa agrícola, de créditos e consumos; e ser a sede dos sindicatos agrícolas da comarca. Así mesmo, habilitaron varias dependencias como aulas para impartirlles clases aos nenos e nenas da zona. Cos cartos obtidos mercaron, ao ano seguinte, un soar valorado en 2487 pesos.
O 15 de xullo de 1928, inaugurouse o edificio da Casa do Pobo, no que se instala, ademais da escola, unha cooperativa como apoio aos labregos da comarca, para que conseguisen abaratar os prezos dos produtos e da maquinaria agrícolas.
Esta sociedade tivo un forte ideario agrarista e progresista e colaborou activamente na defensa deste movemento na súa comarca con doazóns pero tamén co seu apoio solidario a calquera tipo de reivindicación dos campesiños: axudou á Sociedade Agraria de Cristiñade, que fora multada por soster unha escola rural, ou aos afectados pola traxedia de Guillarei.
En 1936, fusionouse coa entidade "Hijos de Fornelos y anexos" e pasou a denominarse "Asociación de Residentes de Salvatierra de Miño en la República Argentina", que hoxe segue a funcionar.
En 1940, tivo un cambio nas súas finalidade e centrouse na axuda mutua e na organización de actividades recreativas e culturais, tal como se recolle no regulamento social: «nuestros Estatutos han sido reformados y ha quedado abolida toda clase de política, como así el envío de dinero a España, salvo que alguna familia solicitara ayuda, en cuyo caso la resolución se haría en asamblea. Se comenzará a reunir dinero para comprar un campo para recreo y esparcimiento de nuestros hermanos en la Argentina».

Unión residentes de Santiago de Compostela

  • AE-AR-UStgo
  • Corporate body
  • 1929-01-01. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi fundada por emigrantes naturais da comarca de Santiago residentes en Arxentina a comezos do ano 1929, con fins de axuda mutua, instrución e organización de actividades de recreo para os socios.
En xullo de 1939 participa na homenaxe que a colectividade galega de Bos Aires lle fai a Rosalía de Castro, con motivo do centenario do seu nacimento, celebrando un gran festival o día 24 de xullo no Teatro Avenida.
Ese mesmo ano editan a Revista "Compostela" como órgano social.

Unión cultural de Villamarín

  • AE-AR-UVill
  • Corporate body
  • 1910 ata 1932, ano no que se fusiona coa "Sociedad de ayuda mutua residentes de Villamarín"

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello ourensán de Vilamarín residentes na Arxentina. Tiña finalidades culturais e instrutivas, sendo a súa intención a defensa da instrución na súa terra natal.
En 1932 os socios desta sociedade aproban en asemblea xeral a súa fusión coa "Sociedad de ayuda mutua residentes de Villamarín", creándose unha nova entidade denominada "Centro Villamarín", xa con finalidades mutualistas e recreativas.

Unión Villalbesa

  • AE-AR-UVill
  • Corporate body
  • 1938 ata 1943, ano no que se fusiona co "Centro Lucense de Buenos Aires"

Esta sociedade recreativa e cultural foi fundada por un grupo de emigrantes vilalbeses, residentes en Arxentina.
En 1943 os seus socios aproban en asemblea a súa fusión con outras sociedades de emigrantes naturais da provincia de Lugo, para formar o "Centro Lucense de Buenos Aires".

Centro Gallego de Bruselas

  • AE-BE-CG
  • Corporate body
  • 1979-01 ata a actualidade

En xaneiro de 1979 un grupo de emigrantes galegos residentes en Bélxica decidiron fundar esta entidade co propósito de promover e defender a cultura e o folclore galegos e desenvolver o contacto entre os galegos que alí traballaban. Tamén manifestan a súa intención de loitar polo intercambio e a solidaridade entre os galegos e fomentar os lazos entre Galicia e os outros centros galegos no estranxeiro, ademais de desenvolver lazos de amistade coa poboación belga.

Xa nese ano, en outubro, fundan un grupo folclórico, integrado por vinte gaiteiros e un corpo de danza de sesenta e cinco compoñentes, que se convertiría no motor principal da entidade, participando en diversos festivais en Alemaña, Francia, Benelux e Galicia.

No ano 1981, o centro contaba con douscentos socios, pero problemas internos provocaron unha escisión; o grupo que marchou funda a "Casa de Galicia de Bruselas". No ano seguinte crearon unha coral e en 1985 contaban xa con mil socios e unha sede social cedida polas autoridades belgas. No ano 1986 comezan a publicar a revista "A Nosa Voz", voceiro da entidade.

Os seus obxectivos societarios son a promoción e a defensa da cultura e o folclore galegos en Bélxica, así como fomentar a solidariedade entre os galegos, ademais de buscar a cooperación cos outros centros galegos no extranxeiro.

Casa de Galicia de Bruselas

  • AE-BE-CaGa
  • Corporate body
  • 1981-02-21 ata a actualidade

A Casa de Galicia de Bruselas ten a súa orixe na escisión dun grupo de membros do Centro Galego de Bruselas. A diferencia de criterios coa directiva e algúns membros do Centro orixinou a separación de ámbos grupos. A Casa de Galicia iniciou as súas actividades nun bar propiedade dun galego. Neste primeiro momento a asociación estaba case que exclusivamente composta pola directiva e as súas familias. Pouco a pouco a sociedade experimentou un crecemento continuado, as “rencillas” olvidaronse e hoxe semella que hai un bo entendemento entre as dúas asociacións galegas en Bruxelas.

A Casa de Galicia é unha asociación de tipo cultural, sen fins de lucro, cuxos obxectivos principais son, como consta no artigo nº 2 dos seus Estatutos, “el cultivo y la expansión de la cultura gallega”. Neste sentido tratan de dar a coñecer a lingua, a cultura e as costumes galegas en Bélxica (e incluso en países como en Holanda, Francia e Alemania por medio do seu grupo folclórico, onde é bastante coñecido e actúa con regularidade.

Os seus primeiros estatutos foron reformados en Asemblea Xeral o 5 de decembro de 1982. A partires desa data a sociedade pasou de ter unha “directiva coordinadora” a unha “directiva presidencial”.

Contan cun grupo folclórico homónimo co que participan en festivais, publican semestralmente o "Voceiro da Casa de Galicia", imparten cursos de informática, música, costura e francés, organizan exposicións e conferencias e celebran o Día das Letras Galegas, a festa de Santiago Apóstolo, o Magosto e o Entroido, así como a Festa da Hermandade e
a Festa da Emigración. Contan cunha escola de danzas e gaitas para nenos e con varios equipos deportivos: de fútbol e de ximnasia rítmica, entre outros.

Centro de Estudos Galegos de Salvador de Bahia

  • AE-BR-CEG
  • Corporate body
  • 1976 ata a actualidade

O Centro de Estudos Galegos é unha institución cultural que ten por obxectivo estudar e divulgar a cultura galega na sociedade bahiana. Foi creado a instancias da profesora Rosario Suárez Albán e estivo sempre vinculada á Universidade Federal de Bahia.
Non só a integran galegos e descendentes de galegos senón tamén bahianos, académicos ou non, que estudan e admiran Galicia e a súa traxectoria histórico-cultural.
Entre as súas actividades pódese citar:

  • a organización de actos para conmemorar o Día das letras GAlegas
  • diversos actos de confraternización cultural entre galegos e descendentes e os brasileiros: actuacións musicais, exposicións, teatro, etc. para iso contan coa axuda do Centro recreativo Uniâo do Rio Tea, que lle ceden a súa sede para facer estes eventos.
  • organizar cursos de lingua e literatura galegas en colaboración coa Xunta de Galicia e a UFBA. Tamén cursos de gaita galega
  • axuda a Xunta de Galicia nos seus programas de divulgación da cultura galega en Salvador.
    En 1995, tamén no marco da Universidade Federal de Bahia, fundouse o CELGA, institución cultural que ten como obxectivos incentivar, promover e realizar accións tendentes a estimular o intercambio cultural entre Bahía e a Galicia, e organizar cursos e seminarios de lingua, literatura e cultura galegas. Esta institución supón unha continuación que levaba realizando o Centro.

Centro Espanhol de Salvador de Bahia

  • AE-BR-CESal
  • Corporate body
  • 1911 ata a actualidade

O nacemento desta sociedade está vencellado á unha reunión da "Real Sociedade Española de Beneficência" na Barra o día 5 de novembro de 1911 cando varios membros da colonia española se reuniron en asemblea xeral, que tivo como principal finalidade a fundación dunha sociedade artística que estreitara as relacións da colonia emigrada cos bahianos. Esta nova entidade creouse co nome de "Casino Espanhol de Bahia".
O 26 de marzo de 1946 a entidade liderada por un grupo de xoves idealistas, ao fronte dos cales estaba Luis Tomás Morena, merca uns terreos na Avenida Sete. O 24 de xullo de 1948 celebrouse a inauguración da nova sede cun baile de gala no que estaban presentes as máis altas autoridades da rexión.
En marzo de 1966 a directiva continuaba a loitar pola modernización do Clube, cuxas instalacións xa se volveran pequenas e anticuadas. A partir desta década o problema solucionouse coa construción dunha nova sede, no Morro do Cristo e para recadar cartos comenzaron a emitir bonos e títulos da sociedade. Grazas a isto reuniron a cifra de 400.000 cruzeiros de saída, aínda que posteriormente conseguiron 500 títulos patrimoniais, asegurando así a adquisición do solar. Pasouse entón a un concurso de proxectos no que venceron os arquitectos Jader Tavares, Fernando Frank e Oto Gomes. As obras comezaron o 20 de marzo de 1969 inaugurando a nova sede en 1975.
O "Centro Cultural e Recreativo Espanhol" pasou a denominarse nos anos 80 como "Centro Espanhol" e na actualidade continúa tendo unha clara finalidade recreativa e cultural.

Centro Espanhol e Repatriaçâo de Santos

  • AE-BR-CESan
  • Corporate body
  • 1895-01-06 ata a actualidade

O Centro Espanhol de Santos é unha institución centenaria cunha historia que se confunde coa historia da cidade de Santos e a dos españois en Brasil.
Foi fundada na rúa Marqués de Herval. Alí tivo lugar unha reunión presidida por José V. Borjat, iniciador da idea, e con asistencia de José Pascual Gómez, Eduardo Bun Parada, Juan V. Borjat, Segundo Lobariñas Fernández e Evano Pérez Rodriguez, entre outros. Esta reunión tiña o obxectivo de fundar unha sociedade española que agrupase a todos os españois residentes en Santos e arredores. Xa dende o primeiro momento teñen a idea de mercar un solar onde edificar unha sede social da súa propiedade. Nun primeiro momento chaman a nova sociedade “Casino Espanhol de Santos”.
A súa primeira directiva estivo integrada por: Manuel Troncoso, como presidente; vicepresidente, Justino Flores Fernández; secretario, Geraldo Santiago Álvarez; vicesecretario, José V. Bojart; tesoureiro, Juan Estévez Martínez; contador, José María Molinos; procuradorees: Antonio Vázquez Quintela, Manuel Alonso Fernández, Felipe Vidal Ribas; vogais: Guillermo Linares, Eduardo Parada, Francisco Gimeno, José Rodríguez Pérez, Segundo Lobariñas, Juan V. Bojart, Francisco Gómez Fernández, José Fernández Domínguez,José Souto Domínguez, Rufino Fernández, Antonio Araújo e Juan Antonio Cividades; bibliotecario, José Pascual Gómez e síndicos: Antonio Alonso Fernández, Miguel García e Miguel Vázquez.
O 14 de marzo dese mesmo ano mercan un solar de 750m² situado na rúa Aguiar de Andrade, no barrio do Paquetá, onde pronto comezan a facer un gran palacete. Esta será a súa sede social ata o ano 1963. Nese ano tamén cambian o nome da entidade polo de Centro Espanhol de Santos.
Seguindo o seu exemplo, outro grupo de emigrantes, moitos socios da entidade, deciden crear unha nova asociación baixo o nome de “Sociedade Espanhola de Repatriaçâo de Santos”, co fin principal de dar axuda económica a aqueles asociados que tivesen que repatriarse ao terruño. Esta era unha das necesidades máis perentorias desa época entre a colectividade. En 1955 ambas as dúas entidades fusionánse e pasan a denominarse “Centro Espanhol e Repatriaçâo de Santos”.
Xa en 1971, a sociedade "Club e Juventud espanhola" se integra no Centro Espanhol para lograr unha maior presenza na colectividade e maiores logros na defensa dos seus intereses.
O Centro organiza numerosas actividades recreativas como bailes, banquetes, celebración de festas e datas festivas como o Día de Santiago Apóstol, a Festa da Hispanidade, San Xosé ou as chamadas "Noites galegas". Non esquece as actividades culturais como organizar ciclos de conferencias, etc.
Dende 1984, manteñen un colexio de ensinanza da lingua e cultura española chamado Alfonso X, el Sabio.
Conta cun grupo de baile e gaitas chamado "Semente Nova", formado polos fillos dos socios; e tamén un grupo folclórico "Caminos de España", con 6 músicos, 40 bailaríns e 7 membros do coro. Ambos grupos actúan en diversas festas da colectividade por todo Brasil e mesmo en Galicia.
Teñen tamén actividades deportivas como a práctica da natación, xinnasia, karate, escola de ping-pong, etc.
Non memos importantes son as numerosas accións asistenciais a favor dos socios: visitas a socios enfermos nas súas casas e hospitais; tramitar convenios e axudas para lograr descontos aos socios necesitados, en asistencia médica, en tendas ou supermercados, ópticas, librarías etc.
Como voceiro social editan o xornal "Hispanidad".

Centro de estudios galegos no Ceará

  • AE-BR-CEstCea
  • Corporate body
  • 1990. Non sabemos si existe actualmente.

Esta pequeno centro foi creado por un grupo de profesores e estudiosos da cultura galega, moi vinculados coa Universidade Estadual do Ceará. De feito reuníanse nun local cedido pola citada univerdidade.
Foi patrocinado pola Xunta de Galicia. O seu obxectivo principal era manter relación culturais entre Galicia e este estado brasileño, organizando cursos de lingua e cultura galega para os seus estudantes.
Sabemos das súas actividades durante os anos 90 do pasado século pero non temos constancia de que actualmente continúe existindo. Nos seus anos de actividade estaba moi relacionado coa "Sociedad cultural Caballeros de Santiago" de Salvador de Bahia.

Results 181 to 200 of 1788