Amosando 1790 resultados

Rexistro de autoridade

Federación de Sociedades Galegas na Suiza

  • AE-SU-FSGS
  • Entidade colectiva
  • 1980-11-29 ata a actualidade

A Federación de Sociedades Galegas na Suiza (FSGS) creouse na cidade suíza de Olten en novembro do ano 1980. O seu propósito era agrupar a maior cantidade posible de centros galegos e obter así a forza necesaria para unha mellor defensa dos “intereses que lles son propios”.

As 10 sociedades constituíntes foron:

  • A Nosa Galiza (Xenebra)
  • Centro Peña Galega (Lausanne)
  • Irmandade Galega na Suiza (Xenebra)
  • Peña Galega (Le Sentier)
  • Centro Galego (Sión)
  • Centro Galego (Val do Rhin)
  • Sociedade Galega Sementeira (Basilea)
  • Promoción da Cultura Galega (Zürich)
  • Casa de Galicia (Martigny)
  • A Nosa Casa Galiza (Berna)

A composición da FSGS sufriu variacións ó longo da súa existencia, xa que algúns centros desapareceron e tamén se produciron altas e baixas. Asimismo, formaron parte da Federación o: Centro Galego (Lausanne), Centro Galicia (Olten), Centro Galego (Lucerna), Grupo Galego (Aarau), Centro Galego A Nosa Terra (Zug), Centro Galego (Berna), Galicia Hoxe (Xenebra) e Promoción da Cultura Galega (Lausanne), entre outros.

Nos seus primeiros Estatutos, redactados en galego e aprobados o 26/05/1985, constituíron a sede social na rúa de la Servette, nº 91 da cidade de Xenebra. En 1989 e durante a celebración do IV Congreso da Federación modificaron os Estatutos iniciais logo das experiencias organizativas e de funcionamento verificadas desde a súa fundación. Unha modificación importante refírese precisamente á ubicación do domicilio que será no domicilio da sociedade que neses momentos lles corresponda á Secretaría da Federación.

Os obxectivos polos que foi creada a FSGS son:

  • Defende-los “valores históricos” de Galicia, a lingua, a cultura, o arte e o folclore.
  • Lograr un maior achegamento e unión de tódolos centros galegos da Suíza.
  • Reforzar as relacións coas demais asociacións galegas e non galegas.
  • Defender os dereitos do emigrante e tratar de mellorar as súas condicións de vida.

Segundo o art. 6 dos Estatutos, a FSGS realizará as seguintes actividades:

  • Estudios e publicacións sobre cuestións da cultura galega e do asociacionismo cultural.
  • Elaborar proxectos para a solución dos problemas plantexados polas entidades federadas.
  • Fomentar a creación de sociedades culturais.
  • Organizar congresos, seminarios, conferencias, coloquios, cursos...
  • Realizar e promover actividades culturais, deportivas e recreativas.

No ano 1993 publican o primeiro número da revista “Diáspora”, que recolle artigos culturais de interese así como un resumo das actividades previstas a desenvolver no seo da Federación. Tamén dá conta da incorporación á Federación do Centro Galego de Zug “A Nosa Terra” e especifican que nese momento eran 12 os centros asociados.

Cada ano organizan actos con motivo do Día das Letras Galegas e do Día da Patria Galega e unhas xornadas culturais no mes de outubro.

Casa Gallega de La Chaux-de-Fonds

  • AE-SU-CaGaCha
  • Entidade colectiva
  • 197? (Non existe na actualidade)

A asociación "Casa gallega de La Chaux-de-Fonds" aprobou os seus Estatutos o día 16/06/1972.

Neles indícase que a asociación ten por obxecto "reunir a todos los Gallegos y Españoles simpatizantes, sin distinción política ni religiosa" e que a dirección recaerá en galegos de orixe.

Trátase dunha sociedade apolítica e arrelixiosa cuxos fins son exclusivamente culturais e recreativos.

Centro Galicia de Olten

  • AE-SU-CGalOl
  • Entidade colectiva
  • 1969-05 ata a actualidade

A Sociedade foi creada en maio do 1969 na cidade de Olten, situada na zona noroeste de Suíza, co desexo de acoller tódolos emigrantes galegos da zona.

Os seus primeiros Estatutos, redactados en castelán, foron aprobados en 1969.

Os seus obxectivos son:

  • Realizar toda clase de actividades: deportivas, recreativas e culturais.
  • Conservar e espallar a cultura, as costumes e as tradicións galegas.

Dende 1974 contaron cun local, alugado, onde poder xuntarse. O edificio conta con: oficina, salón de actos, biblioteca e bar. Nel realizan a maioría das actividades recreativas, culturais,
sociais..., ademais de ser o punto de encontro para os galegos de Olten e aredores. Publican o boletín "Centro Galicia Olten" para informar aos socios sobre as súas actividades e proxectos.

No 1988 crearon o grupo folclórico "Aires e Follas da terra", onde a participación dos nenos é moi importante. Celebran o Día das letras Galegas, o Día de Galicia e o Entroido e contan cun equipo de fútbol, "Centro Galicia".

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Centro Galego de Zug “A Nosa Terra”

  • AE-SU-CGZug
  • Entidade colectiva
  • 1991 ata a actualidade

O Centro galego de Zug “ A Nosa Terra” foi fundado no ano 1991. Naceu da necesidade de ter un espazo que os achegara á nosa terra a pesar da distancia física, un lugar común onde poder desenvolver as súas actividades sociais e culturais.

Ata o ano 1995 non dispuxeron dun local propio, mais isto non supuxo impedimento para crear o grupo folclórico “A Nosa Terra”, así como tamén un equipo de fútbol, co mesmo nome.

O 15 de Xuño do ano 1996 inaugúrase o local de Sumpfstrasse, Steinhausen, grazas a xenerosa participación económica e os traballos realizados polos socios. No ano 2000 cambiaron a un local en Cham, onde estiveron ata o 2007. E foi nese mesmo ano no que tornamos a Steinhausen, nun local novo, amplo e axeitado para as súas necesidades.

Impartiron cursos de galego, alemán, informática, cociña… e conferencias de diversos temas, aínda que sempre relacionado co mundo da emigración, o retorno, a vellez, etc. Celebran o Día Das Letras Galegas, o Magosto e romarías.

O Centro ten como finalidades primordiais:

- Desenvolver todos os medios posibles, no sentido da afirmación da lingua, da arte e da cultura do pobo galego, así como dos seus valores nacionais.
- Fomentar, promocionar e divulgar as actividades culturais e deportivas entre os membros da entidade.
- Apoiar e prestar axuda, moral e social, ós galegos da zona de Zug, nos problemas con que se poidan atopar dada a súa condición de emigrantes, contando sempre coa axuda da Xunta de Galicia.
- Fomentar a práctica do deporte, como elemento integrador da xuventude.
- Ser un punto de encontro para os galegos falantes e demais linguas cooficiales españolas.

Dende 1992 publican o Boletín Informativo "A Nosa Terra”.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Centro Gallego de Winterthur

  • AE-SU-CGWin
  • Entidade colectiva
  • 1973-04-01 ata a actualidade

No ano 1973 fundouse o Centro Galego coa idea de reunir a tódolos galegos residentes en Winterthur. Estaban abertos a todas aquelas persoas que simpatizaran coa cultura galega e que estiveran dispostas a colaborar cos seus obxectivos:

  • Honrar a Galicia
  • Desenvolver actividades culturais, sociais e recreativas

No seu local en propiedade, inaugurado o día 9 de outubro de 1992, dispoñen de oficinas, despacho, sala de reunións, biblioteca, sala de xogos, bar e almacén.

Organizan cursos de lingua galega e alemán, clases de danza e gaita, conferencias, proxección de vídeos, mesas redondas... Dende 1990 contan co grupo de danzas e gaitas "A Xesta" e dende 1992 publican o boletín "Xuntanza". Contan tamén con varios equipos de fútbol cos que participan en diversos campionatos.

Os seus Estatutos, redactados en castelán, indican que os cargos de presidente e vicepresidente están reservados a galegos (artigo 17b).

Centro Galego Val do Rhin

  • AE-SU-CGVal
  • Entidade colectiva
  • 1979-04 ata a actualidade

O Centro foi inaugurado en abril do ano 1979 por 36 personas de orixe galega, que sentían a necesidade de ter un lugar de reunión, onde poder falar e entenderse na súa lingua, “así como para conocernos más entre nosotros mismos. Para que nuestros hijos puedan conocerse entre ellos, para que todos juntos podamos hacer más fuerte el gallego en la Suiza”, segundo as súas propias palabras.

Sociedade cultural e recreativa, nos seus Estatutos, redactados en galego, reflicte os seus obxectivos:

  • Fomenta-lo acercamento de tódolos galegos.
  • Defende-la lingua galega.
  • Desenrolo de actividades encamiñadas a difusión da cultura galega.
  • Desenrolo de actividades recreativas.
  • Intentar inculcar as novas xeracións que non deben esquecerse de que son galegos.
  • Prestar axuda a tódolos españois, sexan ou non socios.

Contan con un local social, alugado, con sala de reunións, oficina, bar, terraza, cociña e biblioteca.

En 1983 fundan o grupo folclórico Aires da Terra. Celebran o Día das Letras Galegas e o Día de Galicia en Suíza, organizan conferencias, mesas redondas, concursos de poesía e pintura e cursos de baile galego.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Centro Gallego de Sion

  • AE-SU-CGSion
  • Entidade colectiva
  • 1971 ata a actualidade

O Centro foi fundado no ano 1971 co desexo de desenvolver actividades culturais, sociais e deportivas e os Estatutos, redactados en castelán, foron aprobados nunha Asemblea Xeral Extraordinaria que tivo lugar o día 26 de novembro do mesmo ano, no Café Arlequín de Sion.

O Centro organiza diversas actividades, como proxección de películas ou ciclos de conferencias, celebran o Entroido e participan na Liga Corporativa de fútbol.

Dende a reforma dos seus Estatutos levada a cabo o 17 de decembro de 1976, os socios non galegos pasaron a ter voz e voto na sociedade, en iguais condicións que os socios galegos.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS).

Centro Gallego de St. Gallen

  • AE-SU-CGSa
  • Entidade colectiva
  • 1971-10 ata a actualidade

O centro fundouse a primeiros de outubro de 1971. O seu fundador foi Antón Couceiro Beade, mestre chegado no mes de setembro para impartir clases de Lingua e Literatura Españolas aos fillos dos emigrantes. Couceiro decátase axiña de que a maioría dos emigrantes procedentes do Estado español en St. Gallen e bisbarra son galegos, polo que poñéndose á cabeza dun grupo deles, deciden fundar unha sociedade galega.

Os comezos da sociedade foron díficiles. Couceiro, de ideas nacionalistas, foi acusado de comunista por outros socios, porque a circular que enviou para a convocatoria dunha Asemblea estaba escrita en galego, polo que viuse obrigado a pedi-lo seu traslado a España. A sociedade estivo a piques de desaparecer cando no ano 1975, debido a que algúns dos seus membros fundadores decidiron o pasamento do Centro. Pero nese intre fixose cargo da sociedade Nicolau Torea, que con grande esforzo conseguiu sacala da súa maior crise.

No ano 1996, na conmemoración do XXV aniversario da sociedade, dos máis de douscentos socios fundacionais só quedaban tres: Felicindo Barbazán, Domingo García e Nicolau Torea.

O Centro Galego naceu coa idea de ser o aglutinador dos galegos de St. Gallen e a súa bisbarra, e o mesmo tempo desenvolver todo tipo actividades a prol da cultura e da lingua galega. Os seus Estatutos, redactados en galego, sinalan ademais:

  • Desenrolar actividades culturais, artísticas e conferencias sobre temas preferentemente galegos.
  • Facilitar medios educativos e de recreo os socios
  • Prestar asistencia moral e material aos galegos que o necesiten (sexan ou non socios).

A súa sede social conta cun local destinado a bar e tamén para “xoga-la partida”, sala de xuntas (que fai tamén a función de comedor para banquetes nalgunha efeméride da sociedade), cociña con despensa, secretaría, biblioteca e outras dúas dependencias menores para almacén e trasteiro. Ademais, a sociedade aluga para as grandes actividades
pavillóns de deportes e salas de grande capacidade en hoteis.

Conta co grupo folclórico "Lembranzas", organizan recitais de poesía galega, conferencias, celebran o Día das Letras Galegas e unha romería polo Día de Galicia e organizan torneos de fútbol.

Centro Gallego de Le Locle

  • AE-SU-CGLoc
  • Entidade colectiva
  • 1976-10-10 ata a actualidade

O Centro Galego de Le Locle foi creado o 10 de outubro do 1976 para agrupar a tódolos galegos da cidade de Le Locle (en Neuchatel) e arredores.

Iniciouse cun equipo de fútbol e un grupo folclórico, que xorde da necesidade de dar a coñecer a música e o folclore galego.

Segundo o artigo nº 1 dos Estatutos, aprobados o 11/12/1976 e redactados en castelán, trátase dun centro “fundamentalmente regional” cuxos fins son: “culturales, morales, sociales, recreativos y deportivos”.

Contan co grupo folclórico "Brétemas e Raiolas", equipo de fútbol e escola de música e danzas galegas para nenos e celebran o Entroido.

Centro Gallego de Berna

  • AE-SU-CGBer
  • Entidade colectiva
  • 1969-05 ata a actualidade

No ano 1969, un grupo de galegos residentes en Berna, xuntouse para xogar o fútbol e crearon o Club Galicia de Berna. Con este nome participaron en diversos torneos e campionatos suízos de fútbol. Montaron un local social para consolidar os equipos e foise creando unha sociedade deportiva e, o mesmo tempo, social.

Os seus primeiros Estatutos, redactados en castelán, datan de maio de 1969. Nunha Asemblea Extraordinaria celebrada o 31 de maio de 1973 aprobaron uns novos Estatutos e acordaron pasar a denominarse Centro Gallego de Berna.

A asociación creouse cos seguintes obxectivos:

  • Xuntar a colectividade galega do cantón de Berna e arredores, para non perder a propia imaxe, lingua, cultura, e achegarse máis a Galicia.
  • Realizar actividades culturais, deportivas e recreativas.
  • Axudar aos socios necesitados.
  • Fomentar a amizade entre españois.

Imparten cursos de lingua galega, emiten o programa de radio "Rollo semanal" e, no ano 1985, fundan o grupo folclórico "Brétemas e Raiolas", que dende 1993 pasará a chamarse "Raíces". Mensualmente publican "Follas informativas". Contan con dous equipos de fútbol e un equipo de esquí.

Formou parte da Federación de Sociedades Galegas na Suíza (FSGS), participando nos seus actos culturais.

Asociación de Trabajadores Españoles Emigrantes en Suiza

  • AE-SU-ATEE
  • Entidade colectiva
  • 1968 ata a actualidade

Asociación fundada por emigrantes españois, traballadores en Suíza para poder establecer vínculos de apoio mutuo en caso de necesidade e tamén con fins eminentemente recreativos.

Dende a súa creación a finais dos anos sesenta, esta asociación desenvolveu unha grande actividade en todos os sentidos dirixida á emigración. A cultura, o retorno, os dereitos sociais e económicos para o traballador e emigrante son as súas preocupacións máis destacadas. A ATEES xorde como a máis importante asociación de españois en Suiza, a partir de sendas asembleas celebradas nas localidades de Zurich e Renens, cidade industrial de Lausana; nestas asembleas participaron varios centenares de traballadores españolis, e en decembro de 1968 aparece xa establecida como unha organización legal.

Ó longo dos dous anos seguintes ten lugar un importante esforzo para desenvolver a ATEES nunha estructura federativa ó longo de todo o terriorio suizo, a partir dos núcleos locais de españois, para o que se levan a cabo numerosas asembleas de información nas comunidades e cantóns, e nas que se adhiren numerosos simpatizantes e se crean comisións provisionais.

Casa de España en Santo Domingo

  • AE-RD-CaEs
  • Entidade colectiva
  • 1917-07-01 ata a actualidade

Co obxectivo de reunir á comunidade española residente no país e incentivar a cultura e as tradicións hispana, un grupo de españois residentes en Santo Domingo, entre os cales podemos destacar a Américo Lugo, Santiago Bustamante e Joaquín Fernández de Gamboa, entre outros, deciden reunirse para facer unha entidade que lles servira de referencia coa súa patria.
Con este ideal, reúnense por primeira vez o 12 de xuño de 1917, na casa de Luis Baquero Alonso. Unha semana despois, volven xuntarse no colexio “Divina Pastora” dos Padres Capuchinos e quedou designada unha comisión xestora para a creación dos estatutos da Casa de España.
O 1 de xullo de 1917 celebran unha terceira sesión, na que se constitúe oficialmente a nova entidade, que terá como obxectivos:
difundir o espíritu español; estreitar os lazos entre españois, dominicanos e outras colectividades estranxeiras no país; desenvolver os intereses materiais da colonia; fomentar a cultura en todos os aspectos; beneficencia, e auxilio para os socios; e organizar actividades recreativas.
A primeira directiva estivo presidida por Domingo Hernández, como vicepresidente, Jesús Cobián, Bnejamín Portela Álvarez como secretario e luis Baquero Alonso como tesoureiro; como vogais: José Lebrón Álvrez, Francisco González Flores, Perfecto Quintillá, Santiago Bustamante e Antonio Fernández.
Crea unha biblioteca “Cervantes” a través da que organiza numerosos actos de divulgación cultural como conferencias, certámenes literarios, exposicións de artes plásticas, representacións de bailes folclóricos, así como a celebración de festas rexionais e o fomento de actividades deportivas, coas que a Casa de España logrou na súa historia manter vivos os lazos de unión con España. Tamén patrocinou diversoso programas de saúde e de beneficencia, brindando asistencia a toda a sociedade dominicana.
Esta entidade é na actualidade un club social privado dedicado a promover a gastronomía e costumes españois na República Dominicana. O seu obxectivo principal é acoller e ser centro das reunións para españois e os seus descendentes, así como dominicanos identificados coa cultura de España.
Contan con modernas instalacións deportivas, áreas de esparcimento, un restaurante e unha taberna onde se pode degustar aas delicias da mellor cociña española.

Centro Gallego de Puerto Rico, Inc.

  • AE-PR-CG
  • Entidade colectiva
  • 1974 ata a actualidade

O Centro Gallego de Porto Rico foi creado en 1974 polos membros da colectividade española, de orixe galega, residentes no país centroamericano. Liderados por Enrique Álvarez Granada, a súa esposa Concepción e Alejandro Beitía, deciden crear un centro que aglutinase aos emigrantes galegos, os seus descendentes e simpatizantes con Galicia. Foi fundado como unha sociedade de beneficencia e axuda mutua que pouco a pouco foi derivando nunha sociedade recreativa e cultural (eles mesmos, actualmente se denominan “casa cultural”) que se reúnen en banquetes con comida tradicional galega, romarías, etc.
Aos poucos anos conseguiron entre todos os socios mercar unha finca na zona de Cupey, onde se construíu a súa sede social e se instalou un campo recreativo e deportivo. Conta tamén cunha capela onde os socios celebran misas, vodas, bautizos e festividades relixiosas. Nas súas festas actúan grupos de baile e música galegos, integrados polos fillos e netos dos socios. É famosa unha festa gastronómica onde coiñan unha gran paella para todos os socios e os seus convidados.
Actualmente é unha das entidades de emigrantes máis recoñecidas do país. Entre os seus presidentes máis destacados podemos mencionar a: Enrique A. Granada (fundador e primeiro presidente), Joaquín Quiñoy, Herminio Castro, José Quiñoy, Jesús Alcalde, José Gómez Vilacoba, Manuel Santiago ou José Gómez.
En 2010 inauguraron, con presenza do anterior secretario xeral de emigración da Xunta, o Santiago Camba, unha nova sede social en Ocean Park, no centro da capital, preto dunhas grandes instalacións deportivas (canchas de tenis e baloncesto, campos de futbol, etc.), propiedade do goberno portorriqueño pero que os socios poderán utilizar como sociedade sen ánimo de lucro.

Centro Gallego del Perú

  • AE-PE-CG
  • Entidade colectiva
  • [2003] ata a actualidade

En 1993 créase a "Asociación Gallega del Perú" que a partir do ano 2000 parece quedar disolta. Pero o xerme da unión entre a pequena colectividade galega residente en Lima permanece e de novo en 2003 volve impoñerse a idea de darlle pulo a unha nova entidade que os reunifique.
Como a anterior a súa creación segue vinculada co Centro Español de Perú, e manteñen alugado un local na súa sede na Avda. Salaverry.
A súa primeira directiva estaba integrada por: presidente, Víctor Manuel Ramírez Pardo; vicepresidente, Eugenio Francisco Prieto Bernárdez; secretario de actas, Alicia Flores García; secretario de economía e finanzas, Miriam Luz Ginés Novas; secretario de cultura, recreación e deportes, José Guillermo Babío Ramírez; secretario de benestar social, Violeta Cárdenas de Rey; secratrio de relacións exteriores, Manuel Cobas Corrales, e como vogais: Consuelo Novas Loira e Julio Martínez Villavicencio.
Como a súa antecesora trátase dunha sociedade recreativa, defensora da cultura e tradicións galegas no país andino.
En 2004 comeza a editar o boletín societario co nome da entidade.
Entre as súas actividades están a organización de conferencias, visionado de películas, recitais de poesía, organización de cursos de galego e baile tradicional etc. Colabora tamén coa difusión do país en Galicia, intentando establecerse como ponte para o asentamento de empresas e particulares galegos nos sectores económicos peruanos.

Asociación gallega del Perú

  • AE-PE-AGa
  • Entidade colectiva
  • 1993-09-24. Sabemos da súa existencia no ano 2000. Non existe na actualidade

Este centro foi creado por un pequeno grupo de galegos, membros do Centro Español de Perú, para manter unidos aos galegos e os seus descendentes residentes no país andino.
A iniciativa partiu dun histórico desta colectividade, Francisco Vázquez Candamo, que se constituiría no seu primeiro presidente e poucos meses despois pasou a ser Presidente Honorario. A directiva fundacional estaba tamén integrada por: vicepresidente, Mª del Carmen López de Leturia; secretario, José Luis López Acuña e tesoureiro, Germán Torres.
Esta entidade está fortemente vinculada ao Centro Español, de feito aparece como "sección autonómica del Centro Español".
Nos seus estatutos renovados (1997) especifican os seus obxectivos e finalidades: "difundir e fomentar a vixencia das tradicións e os valores da cultura galega a través das súas diferentes manifestacións; fomentar e propiciar a unión e solidariedade entre os seus asociados; manter relacións permanentes coas autonomías rexionais españolas no Perú, o Centro Diurno, o Centro Español de Perú, etc."
Trátase dunha sociedade recreativa, defensora da cultura e tradicións galegas no país andino.
En 1994 comeza a editar o boletín societario "Nosas Follas".
Entre as súas actividades están a organización de conferencias, visionado de películas, recitais de poesía, etc. Asistencia como organismo na Feria Internacional del Libro de Lima. Dende 1996, organiza coa axuda da Xunta cursos de galego para os socios. Celebra a Semana Gallega en Perú, con mostras gastronómicas, talleres de creación literaria, etc., tamén colabora na creación dun curso de galego na Universidade limeña de San Marcos. Celebra o Día de Santiago, a Festa de San Xoán, o Nadal, etc. con comidas e bailes para os socios.Promociona tamén actividades deportivas, como a creación dun equipo de voleibol e de baloncesto integrado polos socios. En canto a actividades asistenciais, xestiona a concesión de axudas económicas para os socios máis necesitados, así como colabora con asilos coa recolleita de roupa e víveres para donalos aos máis necesitados.

Sociedad española de beneficencia de Panamá

  • AE-PAN-SEB
  • Entidade colectiva
  • 1885 ata a actualidade

A Sociedad Española de Beneficencia de Panamá foi creada en 1885, nunha reunión doa colectividade española residente na cidade, e baixo a presidentcia José Mª Fernández. Foi a sociedade de emigrantes máis antiga no país, aínda cando Panamá formaba parte de Colombia e tivo unha grande influencia e foi referente para todas as entidades de emigrantes creadas despois.
O seu obxectivo principal foi sempre a beneficencia, o socorro e auxilio a todos os seus socios. Naceu como unha institución sen ánimo de lucro que tiña como fin último fomentar a unión entre os españois e os seus descendentes. Isto foi o que conseguíu en todos os anos de existencia: converteuse nun aglutinador que favorecía o proceso de integración dos emigrantes no novo país de acollida.
Nos primeiros anos de existencia houbo un debate entre os socios sobre si primar o aspecto benéfico e mutualista e outros que querían destacar os fins recreativos. Produto destas disensión foi a primeira escisión de socios que crearon o Centro Español de Panamá. Anos máis tarde, coa guerra civil, tamén houbo enfrontamentos enre partidarios da República e os franquistas, que derivarían na fundación doutro centro ao marxe da sociedae que se pasaría a chamar, “Club Deportivo Unión Española” (1962).
A sociedade durante os seus primeiros 27 anos de vida foi eminentemente benéfica, actividade ao que co tempo se foron unindo actividades culturais e recreativas. Así aparece no seu primeiro regulamento, no artigo 2: “ El objero de la sociedad es:

  1. Socorrer a todo individuo que forme parte de ella y que hallándose enfermo, sin recursos, reclame sus auxilios para curarse, atendiendo a los gastos de su entierro, si falleciera, sin dejar con qué hacerlo.
  2. Favorecer en cuanto sea posible a todo español que habiendo pertenecido a la sociedad, mientras se lo permitieron sus recursos, se hallase sin medios de subsistencia e imposibilitado de procurársela por el mal estado de salud.
  3. Socorrer a las viudad y huérfanos de los españoles que hayan pertenecido a la sociedad, siempre que carezcan de recursos para su sustento diario
  4. Auxiliar a los españoles, no socios, residentes o transeúntes, siempre que comprueben estar necesitados.
    De 1885 ata 1912 a SEB estivo situada en locais alugados do barrio de Santa Ana, da capital panameña pero nese ano se instala na Avenida Central, nun edificio da súa propiedade. En 1960 trasládase á Vía España onde estaría ata 1975, ano no que se ubican na urbanización La Loma, na zona de Hato Pintado.
    A partir de 1965, tras anos convulsos por disensións entre varias faccións dos socios, a institución se estabiliza e deriva as súas actividades máis ao recreo que á beneficencia, perdendo a súa identidade inicial. O cambio social e económico tanto do país como da colectividade emigrante, provoca que a beneficencia sexa un aspecto residual, destinada ás doazóns ao Asilo de anciáns e á Escuela España de Natá de los Caballeros. En febreiro de 1975 aproba uns novos estatutos nos que aparecen as finalidades principais:
  5. Fomentar a unión entre os españois e os seus descendentes residentes no territorio da república
  6. Estreitar os vínculos de amizade entre panameños e españois
  7. Impulsar a cultura en xeral ampliando e extendendo as súas actividades e enaltecendo os seus valores fundamentais
  8. O recreo, estimulando toda clase de diversións e entretementos
  9. A beneficencia, que se exercerá nos seus aspectos pertinentes

Centro recreativo y social español de Azuero

  • AE-PAN-CEsAz
  • Entidade colectiva
  • 1966-11-25 ata a actualidade

Este centro foi fundado polos españois, maioritariamente galegos, residentes na cidade panameña de Chitré (provincia de Herrera, antigua Azuero) a mediados dos anos 60, xusto cando aumenta tanxencialmente o número de estranxeiros de orixe española na zona (sobre todo orixinarios da área de Boborás). Teñen como símbolo representativo no seu escudo societario unha cruz de Santiago e unha vieira, claramente imaxes galaicas.
Segundo os seus estatutos que datan de 1975 os fins do centro recreativo son:

  • Promover entre todos os españois e descendentes de españois a unidade e sano esparcimento
  • Estreitar os vínculos de amizade entre os españois e panameños
  • Impulsar a cultura, enaltecendo os valores cívicos e humanos
    Teñen unha sede social en propiedade, con amplios xardíns e terreos onde os socios practican deportes e participan nas festas que serven de unión e fraternidade. Contan cunha cafetería e un amplio salón, que tamén se aluga para diversos eventos.

Padroado da cultura galega en México

  • AE-MEX-PaCulGa
  • Entidade colectiva
  • 1953-06-29. Non existe na actualidade

O Padroado da Cultura Galega en México foi creado en 1953, no hotel Majestic de México D. F. A súa primeira directiva estivo presidida polo violinista Xesús Dopico Barreiro e con Roxelio Rodríguez de Bretaña como secretario xeral.
A súa influencia na colectividade exiliada no país foi importante e nun ano pasaría de 44 a ter 300 asocaidos. Como dí un dos seus membros máis recoñecido, Elixio Rodríguez “nesa época, o Padroado gozaba dun ben merecido prestixio e da simpatía de todo o ámbito galeguista”. Inspirados nos mesmos principios, nesa época tamén se crearon os padroados de Bos Aires e Montevideo.
Entre as primeiras actividades do Padroado figura a posta en marcha dun programa de radio en galego titulado “Hora da cultura galega” que pasaría axiña a chamarse “Hora de Galicia”. Xa neste primeiro ano de vida consegue publicar “Presencia de Galicia en México”, que recolle as intervencións no programa radiofónico, cunha coidada edición de Arturo Souto.
Foi responsabilidade do Padroado a creación de “Irmandade da Fala” que acubillaba unha escola de lingua galega, unha masa coral, bandas de gaiteiros, equipos deportivos, etc. celebrando todos os anos o Día de Galicia, cunha festa conmemorativa e unha ofrenda floral no momumento á independencia mexicana.
En 1956 envía varios dos seus membros ao I Congreso da Emigración Galega celebrado en Bos Aires, e que tiveron un papel destacado.
En 1959 edita baixo a dirección de Luís Soto, Carlos Velo e Florencio Delgado Gurriarán a revista “Vieiros”. En 1968 sairá o seu último número. As disensións políticas e persoais entre os seus membros máis destacados provoca que a saída de cada número sexa un auténtico problema, pois a revista servía para dar voz aos pensamentos dos directivos, non sempre dacordo.
No nadal de1966 comeza a editar o “Boletín de Información” no que dan a coñecer aos seus socios as distintas actividades culturais que levan a cabo. Tamén, xa no número 1, manifesta o seu ideario de loita política: “A nosa entidade que se constituíu como a sociedade piloto da galeguidade, na proieción sobor da Galicia, afincou relaciós cordiales de amistade e de labouras, coa entidades máis importantes do mundo galaico e por enriba de todo mantén a irmandade coas xentes da propia terra que consideran o Padroad como espello i exempro de virtudes patrianas e de loita imperecedeira pola liberdade i autodeterminación da nosa nacionalidade diferenciada, o cal non siñifica separatismo pois anceiamos o avencelllamento cos demais pobos das Hespañas e do mundo progresista”.
En 1971 Luís Soto, en representación do Padroado, participará no Congreso Regional de la Emigración Gallega, celebrado na Coruña, e na que defenderon posturas similares ás do congreso de 1956.

Círculo Español de Puebla

  • AE-MEX-CirEs
  • Entidade colectiva
  • 1910-04-04 ata a actualidade

Esta entidade foi creada a comezos do século XX pola pequena colectividade de españois que residía na cidade mexicana de Puebla para manter a unión de todos os españois e axudar aos máis necesitados, priorizando sempre as actividades recreativas e culturais.

Centro Gallego de México, A. C.

  • AE-MEX-CG
  • Entidade colectiva
  • 1911-09-24 ata a actualidade

Xa no ano 1908, os galegos residentes en México comezan a organizarse para crear un centro propio, sen pretender o desmembramento da colonia representada polo “Casino Español”, senon que se perseguía robustecer a un dos seus membros para maior esplendor e fortaleza da colonia española residente no país.
Liderados por Andrés de la Fuente, Adolfo Blanco e Rogelio Domínguez, crean unha nova entidade no ano 1911, tras unha reunión no comercio “La ciudad de Buenos Aires”, propiedade de galegos. Alí aprobouse a creación dunha masa coral para “recordar a la patria chica, dentro siempre del respeto y la obligación a la patria grande”. Alí mesmo nomeouse a José González y González como presidente fundacional da nova entidade, que se denomina “Orfeón Gallego de México”.
Alugan un local na rúa 5 de febrero, nº 40, onde se reunían os socios. En decembro dese ano, baixo a presidencia de Don José Guisande y Verea aproban os primeiros estatutos. En marzo de 1912, o Orfeón Gallego participa por primera vez nunha actividade oficial da colonia española establecida en México: a cea de recepción que se ofreceu a un ministro do goberno español de visital oficial na cidade.
O Orfeón Gallego, presidido por Antonio Ávila, cambia de nombre polo de “Centro Gallego de México” en 1917 e a xunta directiva aproba a prohibición da entrada aos non socios.
En 1936, tras o estalido da guerra civil, o centro decide suspender as súas actividades e pechar as súas portas ata o fin da guerra. A asociación, presidida por Darío Milagros Gonzalez, reanuda entonces as súas actividades recreativas nunha nova sede (na rúa 16 de Septiembre n° 37 altos) e pasa a denominarse “Unión Cultural Gallega.”
En 1948, nos novos estatutos cambian o nome que manteñen ata hoxe, “Centro Gallego de México, A.C.”, e aparecen como finalidades principais: a organización de toda clase de actividades culturais, sociais e deportivas así como manter os lazos de unión entre todos os galegos residentes no país.
En 1951, baixo a presidencia de José Neira Roibás, mercan unha casona situada na rúa de Colima 194 e alí instalan a súa sede definitiva.
En 1957 comeza a editar a revista "Anduriña", que se converte no seu voceiro social, recollendo imáxenes e feitos da vida social, cultural e deportiva da comunidade galega en México.
Nos anos 70 crea un Club Deportivo, que axuda a unión e incremento dos socios: conta con piscinas, pistas de tenis e campo de futbol e un gran salón de eventos con capacidade para máis de 2000 personas.
Durante a década de 1980 reformaron os seus estatutos, incidindo nas súas actividades culturais e sociais e recollendo a celebración de reunións periódicas lírico-literarios que sirvan de expansión e estímulo científico aos asociados, e por último, prestar atención aos compatriotas emigrados que pola súa conduta sexan acreedores a ela, xa sexa proporcionándolles ocupación ou asistencia médica, xa os medios necesarios para o retorno á súa patria. Contan cunhas magníficas instalacións donde celebran todos os anos diversas actividades recreativas e festivais tradicionais galegos.
Dende os seus inicios o Centro deu especial importancia as súas actividades artísticas, creando un cadro artístico co obxectivo fundamental de preservar as raíces galegas a través da música e o baile. Os seus membros son formados por profesores da entidade e actúan en todo tipo de actos culturais na capital mexicana.
O 31 de xaneiro de 1988 crea unha Fundación co fin de poder subvencionar diversas actividades como exposicións de pintura, unha escola de arte e fotografía, concertos, concesión de bolsas de estudo para os fillos de socios, etc.
Entre as numerosas actividades dos socios pódese citar: clases de baile, gaita, pandereta, tambor; reunións e fiestas infantís e de adultos nas que a música e o baile galego son referente; clases e torneos de fútbol, voleibol e tenis; torneos de dominó e billar, entre outras moitas, que converten a esta asociación nunha das máis importantes dentro da colectividade española en México.

Resultados 61 a 80 de 1790