Amosando 1786 resultados

Rexistro de autoridade

Unión estradense

  • AE-AR-SocEst
  • Entidade colectiva
  • 1926-05-09 ata 1943, ano no que se fusiona coa "Federación agraria residentes del distrito de la Estrada", creando unha nova entidade chamada "Centro cultural del partido de la Estrada"

Esta sociedade de instrución, fomento e cooperación foi fundada por un grupo de estradenses residentes na Arxentina, liderados por José Pereiras Rey, Lisardo Vicente, Genaro Fernández Couto, Benito López, Manuel Carbia, José Vidal, Ramón Vázquez Rosende, Manuel Fernández Couto e Manuel Tato.
Nos seus primeiros estatutos aprecen as súas principais finalidades: "Nuestros propósitos más inmediatos consisten en prestar ayuda a las parroquias que tienen concedidas escuelas y que están en peligro de perderlas por falta de local adecuado para su funcionamiento; cooperar financieramente a toda obra de progreso rural que se nos pida colectivamente por medio de nuestro representante en la Estrada; propiciar la creación de una cooperativa de producción, crédito y consumo que oriente a nuestros paisanos en medios de economía progresista, obra ésta de gran trascendencia y muy factible su realización; reclamar del estado la implantación de una escuela de artes y oficios en un lugar adecuado para todo Ayuntamiento y propiciar toda obra progresista que redunde en beneficio del pueblo agricultor estradense".
En xuño de 1926 fusiónase coa "Sociedad Naturales de Berres" que pasa a formar parte da nova entidade. A finais deste ano financian unha escola na parroquia de Berres.
Dende esta entidade realizan varios envíos de cartos para axudar na edificación das escolas da comarca ou para dotalas de mobiliario e material escolar. Así, en 1927, inauguran, na parroquia de San Miguel de Castro, un grupo escolar financiado polas sociedades estradenses de Bos Aires e da Habana. En 1931, aproban o envío de 1500 pesetas para o remate do edificio escolar de Tabeirós.
Colaboran con numerosas actividades a prol da autonomía e do desenvolvemento agrario en Galicia. Grazas ao seu apoio, créase unha cooperativa agraria de produción, aforro, crédito e consumo na Estrada. Fan tamén unha doazón de 500 pesetas para o remate do cemiterio da parroquia de Cora. En 1933, acordan contribuír con 100 pesos á subscrición que organizou a ORGA de Bos Aires e mandan 1000 pesetas para o monumento que se vai erixir na Estrada en homenaxe ao mariscal Pedro Pardo de Cela. En xaneiro de 1934, a xunta directiva considera a necesidade de axudar a Galicia con motivo da tan desexada autonomía e xira 300 pesetas para a propaganda e a organización dun mitin.
En 1943 os socios desta entidade aproban en asemblea a súa fusión coa "Federación agraria residentes del distrito de la Estrada", e crease unha nova entidade chamada "Centro cultural del partido de la Estrada", xa con fins mutualistas, culturais e recreativos e que segue a funcionar na actualidade.

Unión del partido de Lalín en Buenos Aires

  • AE-AR-UParLal
  • Entidade colectiva
  • 1921-01-30 ata 1982-07-25, ano no que se fusiona con outras entidades da comarca do Deza para crear o "Centro Lalín de Buenos Aires"

En xaneiro de 1921 aparece no "Correo de Galicia" un chamamento para os veciños das parroquias de Lalín co fin de reunirse no local da "Federación Agraria de la Estrada" para tratar da constitución dunha sociedade auxiliar dos agricultores que existen neste concello e ao mesmo tempo fomentar a actuación das mesmas no partido de Lalín. O 30 de xaneiro do ano 1921 tivo lugar a reunión da que saíu creado o "Comité auxiliar de las sociedades agrícolas y culturales del Partido de Lalín en Buenos Aires". Entre os seus promotores da idea destacaban Avelino González, Victorino González, Antonio Castro Santomé (primeiro presidente), Jesús Blanco, José Parada, Francisco Cacheda e Ramón González Vijide.
Como lema da entidade está o de "auxiliar y de fomento de sociedades agrarias y culturales en el partido". Esta declaración de principios fixa a súa orientación agrarista e progresista.
Entre os seus fins está a creación de escolas, tantas como lles sexa posibles e tamén auxiliar economicamente ás xa existentes; ademáis contemplan axudar moral e materialmente aos campesiños galegos e auxiliar aos seus asociados.
En febreiro de 1922, en asamblea votan a creación de tres escolas: en Gresande (inaugurada ese mesmo ano con 116 alumnos), en Dousión e en Silleda e aproban un regulamento para o seu funcionamento, implantando as seguintes materias: lingua castelán, lectura, escritura e gramática, aritmética, xeografía e historia, historia natural, nocións de xeometría, de ciencias químicas e naturais, de historia e fisioloxía humana, moral, debuxo, traballos manuais, agricultura, exercicios corporais e principios de dereito e instrucción cívica.
A finais de 1923 inaugura unh escola na parroquia de Prado, chamada "Curros Enríquez", á que concurriron 89 alumnos de ambos sexos aos que facilitan gratuitamente todo o material escolar.
A escola de Gresande chamouse "Ramón González Vigide", un dos promotores da fundación da entidade.
Nestas escolas impartíanse clases nocturnas para adultos que deron moi bos resultados.
En 1924 envía cartos para o sostemento da escola da parroquia de Bendoiro.
En 1936 toma posición polo Goberno republicano a través de numerosos manifestos e envía fondos de axuda para as vítimas da guerra e as súas familias.Tras o triunfo franquista denuncia, a través do xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Galegas, a represión do novo réxime e fai un chamamento á colaboración de todos os emigrantes demócratas para axudar os perseguidos.
Nos anos 50 e 60, a súa influencia na colectividade vai mudando e defende posturas máis moderadas politicamente.
O 25 de xullo de 1982 lévase a cabo a fusión das sociedades da comarca do Deza en Bos Aires: "Hijos del Partido de Lalín", "Hijos de Silleda", "Unión del Partido de Lalín" e "Hijos del Ayuntamiento de Golada y sus contornos", creando unha unha nova entidade denominada "Centro Lalín de Buenos Aires".

Unión de Villameá y Villaodrid

  • AE-CU-UVillam
  • Entidade colectiva
  • 1914-05-03 - 1968-08-11

O 3 de maio de 1914 reuníronse na cidade da Habana os veciños da parroquia de Vilameá emigrantes en Cuba, nunha xuntaza para constituir unha sociedade co obxeto de fundar un ou varios colexios no seu concello natal. Entre os fundadores da "Sociedad de Instrucción Centro Villameiense" destacan Antonio Villaamil, Juan Ginzo, Francisco García, Antonio Ginzo, Enrique García, Abelardo González, Bernardo López, Florentino Regueiro, y Francisco Trevín. A primeira xunta directiva da nova sociedade quedou así constituída: o presidente, Antonio Villamil Colmenares; vicepresidente, Salustiano Rocha Díaz; secretario, Francisco García Martínez; vicesecretario, José García Díaz; tesoureiro, Juan Ginzo Lombardero; vicetesoureiro, Venancio Estúa Bermúdez e vocais: Abelardo González Villamil, Antonio Ginzo Díaz, Enrique García Díaz, Bernardo López, Florentino Sequeiro, Francisco Trevín, Gerardo Díaz Díaz, José González Ginzo, Nicanor González, Alejandro González Villamil; Vocales suplentes: Antonio González Ginzo, Tomás Fernández, Antonio Calvo, Balbino Galdo.
O 11 de agosto de 1915 aproban en asembleia de socios o cambio de nome social pasando a chamarse "Centro Villamiense. Sociedad de Instrucción de La Habana”.
Durante os seguintes anos traballan en pro da creación dunha escola en Vilameá, realizando diversas xestións no seu pobo e xirando os primeiros cartos para sufragar os primeiros gastos. O 24 de xuño de 1917 aproban o plan en pro da instrucción no solar patrio, comenzando por soster os colexios exitentes nos lugares de Liñeiras, Santalla, San Esteban, Vilaodriz, Foxas e Pontenova, xirando un soldo para cada profesor de 50 pesetas mensuais.
No ano 1919 deixan de reunirse e de ter vida societaria e non será ata o 6 de abril de 1924 que un grupo dos antigos socios decidan volver a reorganizar a sociedade baixo a presidencia de Salustiano Rocha. O 19 de setembro deste ano fusiónanse cos naturais de Vilaodriz e acordan un cambio de nome, que será aprobado no novo regulamento que data do 8 de febreiro de 1925. Pasan a denominarse “Unión de Villameá y Villaodrid”, cuns fins de instruccción, recreo e protección ao asociado.
O 11 de agosto de 1968, tras un período longo de escasa actividade societaria e con moi poucos socios de idade moi avanzada aproban a súa fusión coa Sociedad "Monterroso y Antas de Ulla".

Unión de sociedades gallegas del Uruguay

  • AE-UR-USGa
  • Entidade colectiva
  • 1984 ata a actualidade

Esta federación de sociedades de emigrantes galegos residentes no Uruguai nace nun momento en que se intenta propiciar a coordinación de esforzos e a integración das institucións de emigrantes para acadar os seus obxectivos e facilitar a solución dos seus problemas. Trátase dunha federación constituída por asociacións civís, con personalidade xurídica que representan á colectividade galega no país.
Un dos seus máximos promotores foi Manuel Vázquez Valiño, secreatrio fundacional.
Dende a súa creación esta institución mantén o compromiso de difundir a identidade galega, desenvolvendo actividades de divulgación da idiosincrasia, cultura e costumes galegos entre os socios, os seus descendentes e o pobo uruguaio. Segundo o xornal “Galicia” nº 1465: “El cometido principal de la Unión es celebrar en forma conjunta los actos culturales y patrióticos gallegos, así como emprender toda clase de iniciativas en torno a la problemática económica, social y política de Galicia, defendiendo a ésta en los caso, como en los momentos actuales, en que es pisoteada y discriminada por el gobierno central. Realizará a su vez, la flamante institución excursiones de conjunto a la tierra natal de sus asociados".
Os estatutos sociais foron aprobados o 3 de xaneiro de 1992, aínda que ata outubro de 1993 non tivo a personalidade xurídica. Alí consta como fin principal “coordinar as accións que realizan as institucións que a integran”. Ademais entre os seus obxectivos están: "a) servir de nexo entre as asociacións integrantes; b) representar á comunidade galega ante o goberno da República Oriental del Uruguay, ao reino de España, ao autónomo de Galicia así como ante toda clase de organismos e institucións nacionais e internacionais, en toda xestión de interese para a comunidade galega e as súas asociacións, sen interferir nas facultades que ten cada unha das asociacións federadas; c) propender á unificación das asociacións galegas radicadas no Uruguai; d) coordinar actos e festexos dos mesmos; e) manter lazos culturais e sociais con Galicia, as súas xentes, a súa lingua, a súa cultura e a súa historia, así como con asociacións similares de calquer parte do mundo; f) participar da vida social e cultural do pobo galego en xeral, colaborando na difusión da cultura, historia, costumes, folclore e lingua de Galicia e España, usando os medios máis eficaces ao seu alcance; g) colaborar, en todo momento, coa Escuela Galicia ou outro instituto que participe nas súas tarefas; h) honrar a todos os galegos que en Galicia ou en calquera parte do mundo, se distinguiran polo seu talento ou virtudes, así como tamén aos non galegos que de maneira especial honren a Galicia".
Os centros que forman parte na actualidade esta federación son: Casa de Galicia de Montevideo, Centro Cultural y Recreativo Alma Gallega, Centro Social y Cultural Bergantiños, Centro cultural y Recreativo Hijos de Galicia, Centro Gallego de Montevideo, Centro Orensano, Centro Pontevedrés Social y Deportivo, Centro Social, Cultural y Deportivo de Bolos Valle Miñor, Hijos del Ayuntamiento de Puerto del Son, Patronato da Cultura Galega, Unión Hijos de Morgadanes e Sociedad de Campo Lameiro del Uruguay Cultural y Recreativa.
En canto ás instalacións, cabe sinalar que ata xullo de 2003 a súa sede social estaba nunha casa alugada da calle Colonia, nº 1473. Logo trasladouse á sede da sociedade “Hijos de Galicia”. Pasou polo “Centro Orensano de Montevideo” e o “Centro Pontevedrés”. Actualmente e dende2009, ubícase na Calle 18 de Julio nº 1471b, lugar cedido pola “Casa de Galicia de Montevideo”. Nestas instalacións ademais da Oficina de Información, tamén se atopa a Oficina Sociolaboral sobre Políticas de Emprego e Retorno da Xunta de Galicia, onde se poden realizar todos os trámites dos distintos programas que a Xunta de Galicia pon a disposición dos emigrantes e os seus descendientes. Desta maneira esta institución reforza aínda máis os seus lazos coa colectividade galega afincada no país, sendo un nexo entre a colectividade e a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Tamén en 2012 creou unha Sala de Estudios de Informáticos, chamada “Galicia”, onde ofertan clases de computación para todos os galegos e os seus descendentes.
Entre as actividades que ofertan aos socios están: cursos de lingua, literatura, historia e cultura galega; cursos de danza, música e confección de traxes tradicionais; cursos de formación ocupacional/empresarial; cursos de baile galego; cursos de pandeireta e canto; cursos de cociña galega; cursos de relacións públicas e protocolo; cursos de informática etc.
Dende 2012 organiza o Festival de danza e música galega, onde os alumnos dos corpos de baile e dos conxuntos de música de todas as institucións preparan os seus números musicais para homenaxear á terra dos seus antepasados.
Todos os anos organiza diversas actividades como parte dos festexos do Mes de Galicia entre as que destacan un desfile de modas galego-uruguaio, que tivo como peche un desfile de traxes típicos galegos, confeccionados polos alumnos do “Curso de Confección de Trajes Típicos”, impartido por mestres enviados pola Xunta de Galicia.

Unión de San Simón y Saramugo

  • AE-CU-USimon
  • Entidade colectiva
  • 1913-03-31 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada na cidade da Habana por naturais das parroquias de San Simón e Samarugo, do concello lucense de Vilalba. A súa finalidade prioritaria, recollida nos estatutos sociais, era «a protección mutua, material y moral entre todos los emigrados de ambas parroquias y la creación de una casa-escuela con todos los adelantos modernos en el punto más céntrico y más conveniente de las citadas parroquias, Samarugo y San Simón».
A primeira xunta directiva estaba formada por Jesús Rouco Cortiñas, como presidente; Jesús Otero, vicepresidente; José M.ª Fraga, secretario; Antonio López Graña, vicesecretario; Santiago Prieto, tesoureiro; Jesús Cillero Camba, vicetesoureiro; e José M.ª Seijo Lafuente, Jesús Cuba Restrebada, Antonio Yáñez Fraga, José Gacio García, José Antonio López Ramudo, Avelino Yáñez Castro, Jesús González Cortiñas, Ramón Díaz Funcasta, Manuel García Trastoy e Ramón Barro Polo, como vogais.
Outros presidentes destacados da entidade foron Jesús Riva (1914), Eulogio Coira Rodríguez (1915), Jesús Cuba Restrevada (1919), José María Yáñez (1929) e Antonio Román Cuba (1938).
No ano 1915 aproban en asemblea o financiamento por parte da entidade dun edificio en San Simón para destinalo a escola dos nenos/as da parroquia: «El fin que perseguimos de fundar una escuela en San Simón y dotar de maestro a la actual de Samarugo (...)».
A escola de San Simón da Costa foi inaugurada en 1921, pero ata 1929 non funcionou como tal.
A partir de 1928 mantén economicamente unha escola na parroquia de Samarugo nun local alugado. Nos anos 40 aproba a construción dunha casa-escola nesta parroquia.
En asemblea social no ano 1948, ante as dificultades coas que se atopan para levar a bo fin a construción desta casa-escola, aproba a cesión das dúas escolas ás parroquias respectivas, coa condición de que debían ser administradas por medio duns padroados (en Costa e en Samarugo) e que debían ser dedicadas a escolas e colexios. Outra condición era que o Concello colocase en ambos os edificios unha placa de bronce, na fronte da fachada, coa seguinte inscrición: «Esta casa-escuela ha sido construida por la Sociedad "Unión de San Simón y Samarugo" radicada en La Habana en el año 1913». Finalmente, esta cesión fíxose efectiva o 27 de novembro de 1950.
A sociedade a partir de entón cambia a súa finalidade principal e céntrase na beneficencia e o apoio mutuo aos asociados.

Unión de Baleira

  • AE-CU-UBal
  • Entidade colectiva
  • 1937-02-16 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada o 16 de febreiro de 1937 polos emigrantes do concello de Baleira (Lugo) que emigraran á Habana. Foi creada por un grupo de socios de "Juventud de Baleira y su comarca" que, debido ao estalido da guerra civil española e as profundas diverxencias ideolóxicas que isto provocou, deciden marchar da entidade e crear unha nova baixo a denominación de "Unión de Baleira".
Os seus fins foron procurar por todos os medios ao seu alcance a protección moral e material dos seus asociados; establecer relación con outras similares, a fin de conseguir máis eficazmente os seus fins e tamén prestar auxilio aos asociados cando por necesidade ou enfermidade probada se vexan necesitados.
O seu presidente actual é Julio A. Gallo.

Unión de asociaciones gallegas de la República Argentina

  • AE-AR-UAsoc
  • Entidade colectiva
  • 1988-10-19 ata a actualidade

A fundación desta federación orixinouse con motivo de que aalgunhas asociacións galegas na Arxentina non se sentían representadas pola "Federación Gallega de la República Argentina" a quen acusaban de mala administración e dunha ideoloxía partidista. Ademais a FSGA uníronse entidades que non estaban federadas e reclamaban a creación dunha entidade de segundo grao que as representara e loitara polos seus dereitos e necesidades. Tendo en conta que a colectividade galega é moi numerosa pero está moi fragmentada, pensouse na necesidade dunha nova federación que a aglutinara en sí mesma.
Entre as sociedades que forman parte desta entidade están: "Círculo Valle Miñor", "A.B.C. de Corcubión", "Asociación de Carbia", "Hijos del Ayuntamiento de Puerto del Son", "Centro Noia-Rianxo", "Asociación Finisterre en América", "Hijos de Arantes", "Centro Villamarín Perojano", "Residentes de Mos", "Asociación Tuy - Salceda", "Centro Gallego de Avellaneda", "Centro Partido de Carballino", "Unión Residentes de Outes", "Unión Residentes de Dodro", "Asociación Parroquial de Vedra", "Centro Arzuano Mellidense", "Asociación del Ayuntamiento de Palas de Rey", "Asociación de Campo Lameiro", "Hijos del Ayuntamiento de Boiro", "Centro Lalín de Buenos Aires", "Asociación Hogar de Ribadumia", "Casa de Galicia", "Asociación de Ordenes", entre outras.
A súa directiva fundacional estaba integrada por Manuel Quiroga, como presidente; vicepresidente, Albino Táboas Figueroa; secretario, Eduardo García Chorén; prosecretario, Teodoro García; secretario de actas, José Carlos Panteón; tesoureiro, Baltasar González Ares; protesoureiro, Sergio Lorenzo e como vogais: José Creo, Laureano Rodríguez, Generoso Rodríguez e Marcial Sánchez.
Nos seus primeiros estatutos sociais (1988) declaran os seguintes fins como entidade:
"a) propugnar e realizar todas as actividades necesarias para o agrupamento de todas as institucións galegas na Arxentina; b) estimular, fomentar e manter relación de todo orde coa República Arxentina, Galicia e España; c) difundir entre os asociados que a integran toda información que competa a cada un deles como acordos, tratados ou convenios cos gobernos arxentino, español ou galego; d) establecer e manter no país ou no exterior delegacións ou representantes; e) aceptar fondos, bolsas, subvencións e facilidades que proveñan da Xunta; f) patrocinar toda manifestación que exalte os valores da cultura galega e arxentina; g) promover a idea de unidade entre todas as asociacións que a conforman; h) publicar un órgano de difusión que leve a información, reportaxe, nota ou artigo que teña que ver cos seus fins; i) celebrar anualmente o aniversario da fundación e a festividade do Día das Letras Galegas; k) difundir, promover e colaborar en todos os actos que as asociacións integrantes realicen; l) organizar congresos, conferencias, simposios, reunións, xornadas, debates, cursos relacionados coa cultura galega, a emigración ou a inserción; m) promover a creación dunha escola na Arxentina co seu nome; n) labores asistenciais a persoas necesitadas, tamén labores educacionais e de contido cultural; ñ) dar orientación laboral aos emigrantes".
Esta sociedade non só se dedica a facer reunións senon tamén traballa intensamente brindando asesoramento e realizando xestións sobre cidadanía española, informes consulares, pensións, e xubilacións, tramitación de diversa documentación, informar sobre bolsas, programas de axudas, campamentos xuvenís, viaxes, reencontros, etc. e asesoramento previsional.
Realiza ao longo do ano diversas actividades culturais e recreativas: cursos de lingua galega dictados nas diversas entidades que a integran, e tamén ten varios programas radiais. Organiza conferencias e debates coa participación de distinguidas personalidades a cultura de Galicia e da comunidade galega en Arxentina. Organiza tamén exposicións de arte, festexos etc., compartindo as diversas romarías tradicionais nos recreos sociais das institucións federadas.
Ten tamén actividades deportivas, comos torneos de distintas disciplinas deportivas nas sedes sociais das asociacións federadas.

Unión cultural de Villamarín

  • AE-AR-UVill
  • Entidade colectiva
  • 1910 ata 1932, ano no que se fusiona coa "Sociedad de ayuda mutua residentes de Villamarín"

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello ourensán de Vilamarín residentes na Arxentina. Tiña finalidades culturais e instrutivas, sendo a súa intención a defensa da instrución na súa terra natal.
En 1932 os socios desta sociedade aproban en asemblea xeral a súa fusión coa "Sociedad de ayuda mutua residentes de Villamarín", creándose unha nova entidade denominada "Centro Villamarín", xa con finalidades mutualistas e recreativas.

Unión cultural de Monforte de Lemos

  • AE-AR-UMonf
  • Entidade colectiva
  • 1941-05-25 ata 1943, ano no que se integra no "Centro Lucense de Buenos Aires"

Esta asociación galega foi creada en maio de 1941 por un grupo de coterráneos dos distritos de Bóveda, Monforte, Pantón, Saviñao e Sober (provincia de Lugo) residentes na capital arxentina co fin prioritario de apoiarse mutuamente en caso de necesidade.
Entre os seus fundadores estaban Avelino Díaz, José Núñez Fernández e Julio Fernández (primeiro presidente social).
En outubro dese mesmo ano comezan a empregar a denominación "Unión cultural de la provincia de Lugo", cambio que foi aprobado polos seus socios en asemblea xeral do 15 de decembro.
O 7 de novembro de 1942 comezan as xestións para participar na creación dun novo centro de carácter provincial, o Centro Lucense (1943).

Unión Barcalesa

  • AE-CU-UBar
  • Entidade colectiva
  • 1907-11-03 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada polos emigrantes naturais do Val de Barcala residentes en Cuba co obxectivo principal de «fundar una escuela en el punto más céntrico de Barcala, escuela en la que se proporcionará educación e instrucción a la niñez y juventud de ambos sexos», tal como se recolle na súa acta fundacional.
Foron socios fundacionais Romualdo Negreira Gosende —que sería nomeado presidente da nova entidade—, Manuel Pastoriza, Francisco Ferreiro, Aureliano Mouro, Ramón Negreira, José Negreira, Generoso Negreira, José M.ª Barbazán, Juan Suárez, Cipriano Casabiella, Segundo Negreira, Manuel Baña, José Leis, Manuel Negreira, José Negreira Gómez e Modesto Suárez.
Na súa andaina tivo outros presidentes como Juan Riveiro Barreiro (1910), Manuel Súarez (1911), Manuel Castiñeiras (1912), Juan Riveiro Barreiro (1914-1915), José Abelenda Riveiro (1918), Manuel Negreira Gosende (1927), Manuel Riveiro Barreiro (1929), Jesús Suárez Pastoriza (1931), Manuel Grille Tomé (1933), Juan Riveiro Barreiro (1934), Jesús Suárez Pastoriza (1935-1938), José María Pensado (1939), José Abelenda Riveiro (1940, 1950), José Manteiga Romarís (1953-1954), José Abelenda Riveiro (1955, 1958), Clemente Tuñas Suárez (1964, 1966, 1967) ou Rolando Pérez Palmero, que preside a sociedade desde 1969 ata a actualidade.
Xa nas primeiras reunións da directiva aproban a construción dunha escola no lugar de Campos (San Xián de Negreira). En 1909 viaxou unha comisión a Negreira para mercar o soar onde ía edificarse. Pero pronto as discrepancias dos socios sobre a elección do lugar onde ía ser construída a escola levarían a cambialo polo de Covas, no mesmo concello. Esta problemática na elección dos lugares onde se construirían as escolas provocou que moitos socios se desen de baixa, de 439 socios en 1908 pasouse a 227 en 1911. Finalmente, optouse polas parroquias con maior número de socios: San Vicenzo de Aro e San Xoán de Covas, do concello de Negreira, e no lugar de Seoane, na Baña.
Ata 1921 non comezaron as obras da primeira escola financiada pola sociedade, situada en Aro. Continuaron coa de Covas e xa na década dos 30 construíron a de Seoane. A todas elas acudían gratuitamente os alumnos «de clases pobres y menos acomodadas del Valle de Barcala y sus contornos, teniendo preferencia los familiares de los socios de la Unión Barcalesa».
Unha vez construídas as escolas, eran alugadas aos concellos, que as xestionaban. Tras a Guerra Civil, os edificios seguen a ser da súa propiedade, pero xestionados polo Estado como escolas unitarias.
Tamén tiñan o proxecto de construír un hospital comarcal, pero non o puideron levar a cabo por carecer de recursos financeiros. Durante os anos 20, participan activamente na vida local de Barcala, co apoio a diversas iniciativas, como a creación dun ferrocarril coa liña Bergantiños-Barcala-Santiago, a creación do xornal agrarista El Barcalés ou a campaña a prol da redención de foros do Directorio de Teis.
En 1930, inauguran no cemiterio Colón un panteón social.
En 1938, publican o seu primeiro regulamento social e cambian as súas finalidades, pasan a ser unha sociedade cultural e benéfica, sempre centrada na atención mutualista aos compatriotas residentes na Habana.
Esta sociedade segue a funcionar actualmente e mantén moi boas relacións co concello de Negreira e da Baña, berce dos seus fundadores, e coa sociedade barcalesa Alén Mar, que desde 1996 (ano da súa creación) traballa para conseguir fondos para as actividades da sociedade habaneira, axúdaos nos trámites coa Administración cubana e española, e manda, a través dos que se desprazan á illa, os medicamentos que dende alí máis solicitan.

Unión agraria parroquias unidas del distrito de Porriño

  • AE-AR-UAPor
  • Entidade colectiva
  • 1923 ata 1938-03-21

Esta sociedade fusiónase en 1938 coa sociedade "Fomento de Porriño y su distrito" e dan como resultado a "Sociedad residentes del municipio de Porriño".

Unidos de Fonsagrada y sus distritos

  • AE-AR-UFon
  • Entidade colectiva
  • 1936-04-19 ata 1939, ano no que se fusiona con "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira"

Esta entidade foi creada pola fusión das sociedades "Residentes del partido de Fonsagrada" con "Sociedad artística y recreativa orfeón Fonsagrada" no ano 1936 para xuntar esforzos cos que axudar ás vítimas da guerra civil que estaba asolando a súa terra natal.
En 1939 fusiónase coa sociedade irmá "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira" pasando a denominarse "Unidos de Fonsagrada y Baleira".
Finalmente no ano 1943 pasa a integrarse na sociedade provincial "Centro Lucense de Buenos Aires".

Unidos de Fonsagrada y Baleira

  • AE-AR-UFonBal
  • Entidade colectiva
  • 1939-10-08 ata 1943, ano no que se integra no Centro Lucense de Buenos Aires.

Esta entidade foi creada pola fusión das sociedades "Unidos de Fonsagrada y sus distritos" e "Sociedad de ayuda mutua y recreativa del ayuntamiento de Baleira".
Organiza diversos festivais para conseguir fondos para enviar a Galicia e axudar ás vítimas da guerra civil.
Finalmente esta entidade participará na creación do Centro Lucense de Buenos Aires en 1943.

Tuy - Salceda, asociación mutua, cultural y recreativa

  • AE-AR-TuiSal
  • Entidade colectiva
  • 1976-01-01 ata a actualidade.

Esta sociedade foi creada pola fusión das sociedades de emigrantes "Centro protección agrícola del distrito de Salceda" e "Casa de Tuy", auspiciada polos directivos Luis e Omar González e Alfredo Estévez (primeiro presidente da nova entidade). Nos meses seguintes integraránse as sociedades de "Hijos de Chantada", "Pontecaldelas", "Carral" e "Becerreá".
Nos seus estatutos sociais declárase como fins primordiais: "fomentar a unión e axuda recíproca entre os seus asociados para satisfacer as súas necesidades; prestar servicios funerarios; otorgar subsidios ou empréstimos aos asociados; proporcionar servizos de asistencia médica integral, farmacéuticos, de proveeduría, recreación, turismo, culturais, etc.; establecer un fondo compensatorio para a xubilación; etc.".
Na actualidade, as súas actividades céntranse case exclusivamente na axuda mutual e a realización de actos culturais e recreativos para os socios como excursións, festas campestres, conferencias ou cursos de danzas folclóricas galegas e de instrumentos típicos.

Resultados 101 a 120 de 1786