Amosando 1750 resultados

Rexistro de autoridade

Centro español de Sada y sus contornos

  • AE-AR-Sada
  • Entidade colectiva
  • 1974 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada polos emigrantes naturais de Sada residentes na capital arxentina, como unha refundación da antiga sociedade de sadenses en Bos Aires, "Pro-escuelas unidos de Sada" (1919). Esta antiga sociedade fora creada coa finalidade principal de promover a instrución na súa vila natal, apoiando as actividades da sociedade irmá existente en Nova York "Sociedad de Sada y sus contornos".
Cando se inaugurou a escola, financiada pola sociedade de Norteaméica, esta entidade creou a Biblioteca República Argentina, que se instalou nas dependencias do edificio escolar "Sada y sus contornos". Moitos dos libros enviados dende Arxentina foron queimados durante a Guerra Civil. Hoxe só se conserva un dos armarios, co nome da biblioteca, e algúns libros.
En 1974, un grupo de sadenses decidiu crear unha nova entidade, seguindo os seus pasos.
Como directivos fundacionais podemos citar a: presidente, Delfín Núñez Seoane; secretario, Manuel Mosquera; tesoureiro, Manuel Couso; secretario de prensa, Juan Gestal; e como vogais: Jesús Paris, José Zapata, Eugenio Gómez, Ramiro Barbeito, Francisco Suárez, José Giménez. Un dos persoeiros vinculados coa entidade foi o sadense Ramón Suárez Picallo, a quen se lle organizou unha homenaxe.
A sociedade ten carácter recreativo e mutualista.

Centro Español de Costa Rica

  • AE-CR-CE
  • Entidade colectiva
  • Comezos do século XX. Non existe na actualidade.

A comezos do século XX un grupo de españois residentes en Costa Rica deciden fundar unha entidade recreativa e cultural para potenciar a unión entre a colectividade. Esta entidade estivo sempre moi vinculada coa Asociación Española de Beneficencia de Costa Rica, organizando conxuntamente numerosas actividades recreativas para conseguir fondos.
En 1908 públicase o “Correo de España. Semanario de la colonia española”, que terá a súa oficina de administración nas dependencias do Centro Español.
Temos noticias de que no ano 1909, baixo a presidencia de Mariano Álvarez Melgar, deciden construír unha sede social propia, que tamén serviría para ser usada pola Beneficencia.
As sociedades españolas recreativas existentes no país, pouco a pouco vanse fusionando para crear unha única entidade chamada “Unión Española”. Xuntas mercarían o Club Internacional, onde celebrarían as súas reunións. Ben avanzado o século XX, anos 70, acabarían integrándose na Asociación de Beneficencia.

Centro Espanhol e Repatriaçâo de Santos

  • AE-BR-CESan
  • Entidade colectiva
  • 1895-01-06 ata a actualidade

O Centro Espanhol de Santos é unha institución centenaria cunha historia que se confunde coa historia da cidade de Santos e a dos españois en Brasil.
Foi fundada na rúa Marqués de Herval. Alí tivo lugar unha reunión presidida por José V. Borjat, iniciador da idea, e con asistencia de José Pascual Gómez, Eduardo Bun Parada, Juan V. Borjat, Segundo Lobariñas Fernández e Evano Pérez Rodriguez, entre outros. Esta reunión tiña o obxectivo de fundar unha sociedade española que agrupase a todos os españois residentes en Santos e arredores. Xa dende o primeiro momento teñen a idea de mercar un solar onde edificar unha sede social da súa propiedade. Nun primeiro momento chaman a nova sociedade “Casino Espanhol de Santos”.
A súa primeira directiva estivo integrada por: Manuel Troncoso, como presidente; vicepresidente, Justino Flores Fernández; secretario, Geraldo Santiago Álvarez; vicesecretario, José V. Bojart; tesoureiro, Juan Estévez Martínez; contador, José María Molinos; procuradorees: Antonio Vázquez Quintela, Manuel Alonso Fernández, Felipe Vidal Ribas; vogais: Guillermo Linares, Eduardo Parada, Francisco Gimeno, José Rodríguez Pérez, Segundo Lobariñas, Juan V. Bojart, Francisco Gómez Fernández, José Fernández Domínguez,José Souto Domínguez, Rufino Fernández, Antonio Araújo e Juan Antonio Cividades; bibliotecario, José Pascual Gómez e síndicos: Antonio Alonso Fernández, Miguel García e Miguel Vázquez.
O 14 de marzo dese mesmo ano mercan un solar de 750m² situado na rúa Aguiar de Andrade, no barrio do Paquetá, onde pronto comezan a facer un gran palacete. Esta será a súa sede social ata o ano 1963. Nese ano tamén cambian o nome da entidade polo de Centro Espanhol de Santos.
Seguindo o seu exemplo, outro grupo de emigrantes, moitos socios da entidade, deciden crear unha nova asociación baixo o nome de “Sociedade Espanhola de Repatriaçâo de Santos”, co fin principal de dar axuda económica a aqueles asociados que tivesen que repatriarse ao terruño. Esta era unha das necesidades máis perentorias desa época entre a colectividade. En 1955 ambas as dúas entidades fusionánse e pasan a denominarse “Centro Espanhol e Repatriaçâo de Santos”.
Xa en 1971, a sociedade "Club e Juventud espanhola" se integra no Centro Espanhol para lograr unha maior presenza na colectividade e maiores logros na defensa dos seus intereses.
O Centro organiza numerosas actividades recreativas como bailes, banquetes, celebración de festas e datas festivas como o Día de Santiago Apóstol, a Festa da Hispanidade, San Xosé ou as chamadas "Noites galegas". Non esquece as actividades culturais como organizar ciclos de conferencias, etc.
Dende 1984, manteñen un colexio de ensinanza da lingua e cultura española chamado Alfonso X, el Sabio.
Conta cun grupo de baile e gaitas chamado "Semente Nova", formado polos fillos dos socios; e tamén un grupo folclórico "Caminos de España", con 6 músicos, 40 bailaríns e 7 membros do coro. Ambos grupos actúan en diversas festas da colectividade por todo Brasil e mesmo en Galicia.
Teñen tamén actividades deportivas como a práctica da natación, xinnasia, karate, escola de ping-pong, etc.
Non memos importantes son as numerosas accións asistenciais a favor dos socios: visitas a socios enfermos nas súas casas e hospitais; tramitar convenios e axudas para lograr descontos aos socios necesitados, en asistencia médica, en tendas ou supermercados, ópticas, librarías etc.
Como voceiro social editan o xornal "Hispanidad".

Centro Espanhol de Salvador de Bahia

  • AE-BR-CESal
  • Entidade colectiva
  • 1911 ata a actualidade

O nacemento desta sociedade está vencellado á unha reunión da "Real Sociedade Española de Beneficência" na Barra o día 5 de novembro de 1911 cando varios membros da colonia española se reuniron en asemblea xeral, que tivo como principal finalidade a fundación dunha sociedade artística que estreitara as relacións da colonia emigrada cos bahianos. Esta nova entidade creouse co nome de "Casino Espanhol de Bahia".
O 26 de marzo de 1946 a entidade liderada por un grupo de xoves idealistas, ao fronte dos cales estaba Luis Tomás Morena, merca uns terreos na Avenida Sete. O 24 de xullo de 1948 celebrouse a inauguración da nova sede cun baile de gala no que estaban presentes as máis altas autoridades da rexión.
En marzo de 1966 a directiva continuaba a loitar pola modernización do Clube, cuxas instalacións xa se volveran pequenas e anticuadas. A partir desta década o problema solucionouse coa construción dunha nova sede, no Morro do Cristo e para recadar cartos comenzaron a emitir bonos e títulos da sociedade. Grazas a isto reuniron a cifra de 400.000 cruzeiros de saída, aínda que posteriormente conseguiron 500 títulos patrimoniais, asegurando así a adquisición do solar. Pasouse entón a un concurso de proxectos no que venceron os arquitectos Jader Tavares, Fernando Frank e Oto Gomes. As obras comezaron o 20 de marzo de 1969 inaugurando a nova sede en 1975.
O "Centro Cultural e Recreativo Espanhol" pasou a denominarse nos anos 80 como "Centro Espanhol" e na actualidade continúa tendo unha clara finalidade recreativa e cultural.

Centro deportivo y social de bolos Valle Miñor

  • AE-UR-CValMi
  • Entidade colectiva
  • 1947-08-21 ata a actualidade

Este centro foi fundado por emigrados galegos procedentes dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, residentes no Uruguai coa finalidade primordial de xogar e difundir no país os bolos celtas; pronto comezaron a primar tamén os aspectos máis culturais como espallar os costumes, tradicións e a cultura galega e do Val Miñor, a súa terra natal coa que sempre mantiveron unha intensa relación.
Entre os seus fundadores podemos citar a Gonzalo Fajo Alonso (socio número 1), Antonio Revello Velasco, José Rial Rouco, Francisco Lorenzo Boade, Álvaro Alonso Valverde, Ramón Méndez Fajo e Manuel Salgueiro Alonso
Os seus primeiros estatutos datan de 1948, cando a entidade era eminentemente deportiva. En 1955 aprobáronse uns novos/reformados no que xa aparecen novas finalidades como:
“a) Fomentar preferentemente o xogo de bolos; b) fomento e xeneralización doutros deportes que sexan de conveniencia moral, física e social; c) tratar de elevar o nivel de cultura e manter un espíritu de harmonía e mutuo respecto entre os asociados; d) contribuír ao desenvolvemento das súas finalidades, organizando campionatos e festas, internas ou externas, si conveñen aos seus fins de expansión social e deportiva".
Conta cunha sede social en propiedade, situada nunha das mellores zonas de Montevideo, que consta dun gran salón de actos, biblioteca, cancha de bolos celtas, salón comedor, ximnasio pechado con tribuna para 200 persoas, dependencias para practicar outros deportes, etc.
A súa prioridade sempre foi e será a organización e promoción de actividades deportivas: conta con tres equipos de fútbol-sala, varios equipos de bolos celta con xogadores de varias idades, cinco equipos de patinaxe artístico feminino e 18 xogadores de tenis de mesa.
Ademais das actividades deportivas que patrocina, organiza diversas actividades culturais e sociais, como a celebración do Día das Letras Galegas, do Día Nacional de Galicia, festexan o aniversario fundacional da sociedade, etc. con festivais, comidas, ciclso de conferencias, actuacións dos seus grupos folclóricos, etc.
Ten unha escola de baile galego, con máis de 60 alumnos e unha coral social mixta con 20 voces. Tamén os seus socios montaron un ballet español con 75 integrantes. Na escola organízanse cursos de gaita, danza tradicional galega e percusión. Hai tamén cursos para os socios de artes plásticas, lingua galega e diversas actividades de animación xuvenil e técnicas ao aire libre, para os socios máis novos.
Patrocina dous espazos radiofónicos: un en Radio Fénix, e outro na Emisora da Cidade de Montevideo.
Nestes anos editou un boletín bimensual, gratuíto, que informaba sobre as actividades e a marcha da sociedade e actualmente publica anualmente unha revista-memoria social.
Esta entidade conta actualmente con 450 socios e é moi coñecida no país por ser a difusora dun deporte, os bolos celtas, descoñecido no país ata que eles o comezaron a practicar.

Centro del ayuntamiento de Samos

  • AE-AR-CASam
  • Entidade colectiva
  • 1927-02-10 ata 1943-01-09, ano no que se fusiona con outras entidades para crear o Centro Lucense de Buenos Aires

Esta sociedade foi creada polos naturais do concello lucense de Samos, residentes na capital arxentina, cunha finalidade instrutiva: a súa idea era fundar unha escola na súa terra natal. Para iso celebran varios banquetes e festas, co fin de recadar fondos. Finalmente non temos constancia de que acadaran este obxectivo.
Entre os seus fundadores pódese citar a Camilo Regueiro, que foi o primeiro presidente da entidade, José M. Fernández, Ramón Gómez, José Vilela, José Villanueva, Manuel L. Valladares entre outros.
Durante a súa existencia van primar as actividades recreativas e de axuda mutua entre os socios.
Finalmente en 1942 aproban en asemblea xeral a súa fusión con outras entidades de lucenses, para crear o centro provincial, Centro Lucense de Buenos Aires.

Centro del Ayuntamiento de El Grove

  • AE-AR-RGr
  • Entidade colectiva
  • 1934-09-23 ata a actualidade

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello do Grove, residentes en Avellaneda (Bos Aires). A súa finalidade era conseguir a reunión dos emigrantes grovenses para celebrar as festas tradicionais do seu pobo e outras afíns.
Entre as súas actividades recreativas podemos citar: a celebración das súas festas tradicionais, organización de festivais de carácter benéfico, con danzas e representacións teatrais do grupo teatral propio. Crearon varios programas de radio como: "Carmen de España" e "A Nosa Galicia Sempre" dende 1988.

Centro de Estudos Galegos de Salvador de Bahia

  • AE-BR-CEG
  • Entidade colectiva
  • 1976 ata a actualidade

O Centro de Estudos Galegos é unha institución cultural que ten por obxectivo estudar e divulgar a cultura galega na sociedade bahiana. Foi creado a instancias da profesora Rosario Suárez Albán e estivo sempre vinculada á Universidade Federal de Bahia.
Non só a integran galegos e descendentes de galegos senón tamén bahianos, académicos ou non, que estudan e admiran Galicia e a súa traxectoria histórico-cultural.
Entre as súas actividades pódese citar:

  • a organización de actos para conmemorar o Día das letras GAlegas
  • diversos actos de confraternización cultural entre galegos e descendentes e os brasileiros: actuacións musicais, exposicións, teatro, etc. para iso contan coa axuda do Centro recreativo Uniâo do Rio Tea, que lle ceden a súa sede para facer estes eventos.
  • organizar cursos de lingua e literatura galegas en colaboración coa Xunta de Galicia e a UFBA. Tamén cursos de gaita galega
  • axuda a Xunta de Galicia nos seus programas de divulgación da cultura galega en Salvador.
    En 1995, tamén no marco da Universidade Federal de Bahia, fundouse o CELGA, institución cultural que ten como obxectivos incentivar, promover e realizar accións tendentes a estimular o intercambio cultural entre Bahía e a Galicia, e organizar cursos e seminarios de lingua, literatura e cultura galegas. Esta institución supón unha continuación que levaba realizando o Centro.

Centro de estudios galegos no Ceará

  • AE-BR-CEstCea
  • Entidade colectiva
  • 1990. Non sabemos si existe actualmente.

Esta pequeno centro foi creado por un grupo de profesores e estudiosos da cultura galega, moi vinculados coa Universidade Estadual do Ceará. De feito reuníanse nun local cedido pola citada univerdidade.
Foi patrocinado pola Xunta de Galicia. O seu obxectivo principal era manter relación culturais entre Galicia e este estado brasileño, organizando cursos de lingua e cultura galega para os seus estudantes.
Sabemos das súas actividades durante os anos 90 do pasado século pero non temos constancia de que actualmente continúe existindo. Nos seus anos de actividade estaba moi relacionado coa "Sociedad cultural Caballeros de Santiago" de Salvador de Bahia.

Centro cultural y recreativo hijos de Galicia

  • AE-UR-CHGa
  • Entidade colectiva
  • 1943-10-27 ata a actualidade

Esta asociación foi creada por un grupo de emigrantes galegos residentes no Uruguai con obxectivos recreativos e culturais, tal como aparece especificado na súa denominación.
Nos seus estatutos de 1963, recóllese no artigo 2 as finalidades:
“Art. 2º - El Centro Cultural y Recreativo Hijos de Galicia tendrá los fines siguientes esenciales:
a) Contribuir con todos los medios a su alcance al estudio y conocimiento de la historia, costumbres y cultura de Galicia y de la República Oriental del Uruguai, difundiendo los principios de su constitución democrática, manteniendo el respeto por las instituciones que la rigen
b) será apolítico, y no se permitirá hacer política religiosa ni filosófica, dentro del local social
c) Organizar actos culturales, artísticos y recreativos para el mejor logro de los propósitos enunciados, colaborar en aquellos otros propiciados por entidades similares, siempre que no representen el menor menoscabo para la institución, ni renunciamiento a sus principios de fe democrática
d) auspiciar el ingreso a este centro de las sociedades que se rijan por los mismos principios y tengan los mismos fines que el Centro".
Esta entidade continúa hoxe en día co seu labor de difundir a cultura galega na sociedade uruguaia e mantendo unidos aos seus socios, organizando diversas festas e banquetes que manteñan a solidariedade entre eles.

Centro cultural y recreativo Brisas del Eume

  • AE-AR-CBri
  • Entidade colectiva
  • 1941-07-17 ata 1943, ano no que se fusiona con outras entidades lucenses para crear o Centro Lucense

En 1941 un grupo de emigrantes naturais da Terra Chá, e residentes en Bos Aires, deciden fundar unha entidade co obxectivo de "reunirse y protegerse mutuamente entre los amigos y conodios de hace muchos años, que por razones ajenas a su voluntad se encuentran distanciados y con el fin de materializar este propósito se crea esta sociedad".
Desaparece en 1943, ano no que se fusiona con outras sociedades de emigrantes da provincia de Lugo en Bos Aires, formando o Centro Lucense.

Centro cultural español de Medellín

  • AE-CO-CEMed
  • Entidade colectiva
  • 1962-08-01 ata a actualidade

Este centro foi creado por un grupo de emigrantes españois residentes na cidade colombiana de Medellín.
Como antecedente de esta sociedade, en 1960, con motivo da visita á cidade do embaixador español, constituíuse a Casa de España, que desapareceu en 1962. Como consecuencia da súa disolución, un grupo de españois deciden fundar o Centro Español, para seguir tendo un lugar no que reunirse e manter os seus costumes e recordos.
O primeiro presidente da entidade foi Eliseo Rodríguez. O período de maior vitalidade da sociedade tivo lugar coa presidencia de Jesús Arnau (1967-1974), cando se mercaron os terreos e se construíu a sede social. Pontenciáronse as actividades recretivas e deportivas (fútbol, mus, billar ou dominó). Nos anos 70-80 ampliaron as instalacións cun salón de actos, unha biblioteca e unha taberna.
A colectividade española da cidade reúnese habitualmente nas magníficas instalacións, funcionando actualmente como un club social e cultural.
Nos seus estatutos decláranse como unha asociación con finalidades sociais e culturais, cos seguintes obxectivos:
a) “propender por el acercamiento entre los españoles residentes en Colombia y en especial en esta ciudad y en el Departamento de Antioquía
b) procurar que los vínculos entre la colonia española y las autoridades y habitantes del país sean cada vez más estrechos
c) Velar por la protección de los intereses de los integrantes de la colonia y muy particularmente por prestarles ayuda y aistencia en los momentos difíciles
d) Divulgar por todos los medios la grandeza de la Patria y de sus numerosas realizaciones en los campos de la industria, la ciencia y la cultura
e) Organizar y patrocinar reuniones festivas para expansión de los asociados y contribuir en la medida de sus capacidades a la commemoración de las grandes efemérides de la hispanidad, especialmente el día de la Raza”.
En 1983 editan a “Revista Cultural”, voceiro do centro e da colectividade española en Colombia.

Centro cultural del partido de La Estrada

  • AE-AR-CPEst
  • Entidade colectiva
  • 1943-10-23 ata a actualidade

Esta entidade foi creada tras a fusión das sociedades de emigrantes de orixe estradense, "Federación Agraria de la Estrada" e "Unión Estrandese" en Bos Aires. A súa directiva fundacional estivo integrada por Francisco Porto, como presidente, Justo Tato, Manuel Quinteiro e José Mª Gosende.
Nos seus primeiros estatutos recolle no artigo 2 os seus obxectivos: "a) fomentar, propagar y estrechar los vínculos de unión entre los naturales del partido de La Estrada, constituida por los ayuntamientos de La Estrada, Cerdedo, Forcarei (provincia de Pontevedra) residentes en la República Argentina, y hacer obra de confraternidad con los países hispano-americanos, especialmente en la Argentina; b) crear para sus asociados y sus descendientes, un centro social de carácter educativo donde se organizarán ciclos de conferencias, concursos literarios, etc. y se propenderá mediante la instalación de una biblioteca y sala de lectura, a la mayor educación y cultura de sus socios; c) teniendo Galicia una vieja cultura, será atención preferente de la asociación hacerla conocer entre propios y extraños, difundiendo su lengua, su arte y su ciencia, no debiendo escatimar esfuerzos para difundirla y fomentarla en todo momento (...)".
Desde 1987 conta cun grupo de baile formado por 12-14 bailaríns, que se chama "La Estrada" e en 1998, crea o grupo folclórico "Meigas e Bruxos" dirixido por María Badín e Marta Parda, con 40 bailaríns que realiza numerosas actuacións nos diferentes actos recreativos que organiza esta entidade.

Centro Cultural Airiños da Nosa Galicia

  • AE-ES-CAi
  • Entidade colectiva
  • 1983-10 ata a actualidade

O Centro Cultural Airiños da Nosa Galicia é un Centro cultural de orixe e tradición galego asentado na cidade de Santa Coloma de Gramenet dende o ano 1983. Constitúese unha Xunta Directiva encabezada por Imerio Mato Mouriño como presidente e elabóranse os Estatutos polos cales se rixe a Entidade. Dende os inicios, a súa forma de traballar baseouse na divulgación da cultura galega, con talante de integración e participación nos diferentes medios e entidades que forman o texido sociocultural da cidade Santa Coloma de Gramenet. O obxetivo é promover a cultura entre os seus socios e simpatizantes.

AIRIÑOS fundouse no mes de outubro do ano 1983 pondo en práctica unha escola de música e danza con continuidade ata hoxe, sempre vinculadas coas facultades intelectuais e o cultivo do espírito humano das persoas que formaron e forman parte da nosa cultura dentro de Airiños. Ademais da escola de música e danza tradicionais de Galicia, desenvolven moita máis actividade cultural, conferencias, simposios, teatro, exposicións, gastronomía, cursos de pintura, informática, cursos de galego, etc.

Centro Coruñés de Buenos Aires

  • AE-AR-CCoru
  • Entidade colectiva
  • 1943 - 1979, ano no que se fusiona cos outros centros provinciais e crean o Centro Galicia, existente na actualidade

Este centro foi creado en 1943, pero nos seus estatutos sociais aparece como data fundacional o ano 1926, tomando como esta data da creación do primeiro "Centro Coruñés" xa desaparecido e que tivo varias refundacións durante estas dúas décadas. Finalmente o ano de 1943, baixo os auspicios de Julio Smith e Juan F. Longueira, foi fundado como un clube deportivo, co fin principal de practicar o fútbol.
En 1950 desaparece tras a súa fusión co "Círculo Provincial Coruñés", dando lugar a unha nova sociedade chamada "Centro Provincial Coruñés". En 1963 volve a fusionarse co "Lar Bergantiñán" e a "Sociedad del Ayuntamiento de Carral", pasando de novo a chamarse "Centro Coruñés". En 1974 fusiónase co "Centro Pontevedrés" para formar a "Asociación Gallega de Buenos Aires". Finalmente en 1979, xunto co "Centro Lucense" e o "Centro Orensano", constitúen o "Centro Galicia de Buenos Aires".

Centro Betanzos

  • AE-AR-CBet
  • Entidade colectiva
  • 1905-12-10 ata a actualidade

Xa a fins do século XIX moitos dos betanceiros residentes en Bos Aires reuníanse na zona do vello Palermo para celebrar as festas patronais de San Roque. Estes encontros impulsaron a necesidade de encauzar por medio dunha institución a solidariedade cara aos paisanos que quedaban na súa terra ou aos que emigraban cara estas terras totalmente desprotexidos. A súa fundación oficial data do 10 de decembro de 1905 e xa nos seus estatutos recollen como fin primordial estreitar os lazos de unión entre todos os nativos de Betanzos e o seu partido xudicial que residían na Arxentina, así como manter relacións de amizade coas sociedades galegas en Galicia e fóra dela.
Entre os seus obxectivos destacan ademais fomentar a axuda entre os socios, sexa proporcionando traballo ou outra ocupación, de acordo ás actividades de cada un e prestar toda axuda material e moral; atender, amparar, defender e repatriar aos betanceiros necesidos, cos recursos do centro; celebrar veladas literario-musicais, reunións sociais deportivas, festas campestres e toda clase de xogos lícitos, para a expansión dos socios e das súas familias; contribuír á maior cultura e instrución dos asociados, organizando conferencias instrutivas, creando unha biblioteca e salas de lectura de publicacións rexionais, nacionais e extranxeiras.
O seu lema foi "Por Betanzos, a cultura e a solidariedade entre os seus fillos".
Pouco despois da súa fundación comeza a editar unha revista social, titulada "Betanzos", cunha tirada de 11.000 exemplares e que aínda hoxe se segue a publicar. Tamén publica outras revistas como "Nueva Historia", editada pola subcomisión xuvenil do centro e colabora con outras institucións para a edición de "Nueva Galicia"; así como numerosos folletos e memorias sociais.
Esta entidade estivo tradicionalmente moi vinculada coas ideas de esquerdas e amosou sempre o seu apoio a IIª República española e ao nacionalismo galego, vinculándose a ela persoeiros destacados como Castelao (presidente honorario), Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Elpidio Villaverde, Andrés Beade Dopico, Osvaldo Dans Varela, etc.
En 1950 crea un grupo de baile e danza "César Quiroga", formado por 22 bailaríns e un corpo de gaitas "Sementeira" e en 1952 forman a coral "Os Rumorosos" e un conxunto de gaiteiros "Betanzos", que actuou con grande éxito nas festas da colectividade deses anos. No ano 1975 comeza a funcionar unha escola de danzas.
Moitas das súas actividades recreativas e culturais están centradas na celebración das súas festas de agosto, creando no ano 1970 a Iª Semana de Betanzos en Buenos Aires, con exposición de pinturas, mostras do libro galego, festivais folclóricos e a edición dun xornal.

Centro Bergondo y sus contornos

  • AE-AR-CBer
  • Entidade colectiva
  • 1929

En 1924 os emigrantes naturais de Bergondo que residían en Nova York fundan unha sociedade instrutiva co obxecto de construír no seu pobo natal un centro escolar que axudara á xuventude a prepararse para o camiño "tenebroso" da emigración, ao que, segundo eles, a maioría dos seus veciños estaban destinados.
No ano 1929, baixo o patrocinio da sociedade de Nova York, xúntanse os veciños residentes en Bos Aires e fundan esta entidade tamén cos mesmos fins.
A entidade arxentina achegará algunhas doazóns para facer realidade o sono dos emigrantes bergondenses en Estados Unidos. O 12 de xullo de 1936 inaugúrase un edificio escolar no lugar da Senra. Aos poucos días estala o conflito da guerra civil e o edificio foi expropiado e ocupado primeiro polo exército e despois pola SEU.
Desparecida esta entidade, a súa homónima americana, que nunca renunciara á súa titularidade, inicia en 1969 unha campaña, nos medios de comunicación e ante os organismos estatais, para recuperar o seu patrimonio. Despois de trinta anos de xestións infrutuosas, ceden a súa titularidade ao concello de Bergondo co compromiso de levar a cabo a súa reconstrución e de convertelo nun centro sociocultural a beneficio da vila de Bergondo. Finalmente, o edificio volve ser inaugurado o 28 de abril de 2007 como centro sociocultural.

Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada

  • AE-VEN-HPEst
  • Entidade colectiva
  • 1959-09-22 ata a actualidade

O 14 de decembro de 1958 cinco emigrantes en Venezuela orixinarios do partido xudicial de A Estrada acordaron crear unha Comisión Preparatoria, presidida por Manuel Coto Porto, que aprobou a constitución dunha sociedade e a elaboración dos estatutos societarios. O 22 de setembro de 1959 elixiron unha directiva presidida por Manuel Goldar e o 6 de decembro de 1960 foi inscrita de xeito oficial como asociación. Foi o primeiro centro benéfico galego creado en Venezuela con carácter local ou comarcal.

Tras un período de decadencia esta entidade reaparece de novo en 1971, conseguindo no ano 1979 uns 460 socios. Na actualidade conta 242 socios, todos eles galegos. Segundo os seus estatutos soamente admiten como socios aos nacidos no partido xudicial de A Estrada (concellos de A Estrada, Forcarei e Cerdedo), aos cónxuxes e aos seus fillos.

Trátase dunha asociación de carácter benéfico e cultural cuxos principais obxectivos son axuda mutua a todos os asociados, tanto benéfica como social, sobre todo en casos en que por enfermidade ou accidente algún socio quede incapacitado física ou mentalmente, defender os valores autóctonos de Galicia e realizar actividades culturais e recreativas.

Non teñen sede propia. Para a maioría das súas actividades empregan as instalacións da "Hermandad Gallega de Venezuela" en Caracas e en Valle Fresco.

Dende o ano 1982 publican o "Boletín Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada". Celebran a Festa de San Paio (patrón de A Estrada), a Festa da Richada e Romerías. Contan con tres equipos de fútbol sala en diferentes categorías. Teñen sepulturas no Cemiterio do Este en Caracas a disposición dos socios con menos recursos económicos.

Obtivo a condición de galeguidade o 28 de xaneiro de 1988 por Decreto 31/88 (DOG nº 28 do 11 de febreiro).

Centro Ayuntamiento de Rianjo

  • AE-AR-CRia
  • Entidade colectiva
  • 1963-07-13 ata a súa fusión coa Asociación del Partido Judicial de Noya en 1986.

Esta sociedade foi creada tras a fusión de todas as entidades parroquiais de Rianxo existentes en Bos Aires: Centro Cultural de Rianjo (1930), Parroquias Unidas de Rianjo (1934) e Centro Hijos del Distrito de Rianjo (1956).
A súa Directiva fundacional estaba integrada por: Angel Rodeiro, como presidente; vicepresidente, Juan M. Varela; secretario, José C. Fernández; prosecretario, José Fernández Tarrío; secretario de actas, Manuel Romero; tesoureiro, Oscar Birreta, prosecretario, Juan Rodríguez; e como vogais: Miguel Martínez, Ricardo Romero, Jesús Freiro, Manuel Lorenzo, Jesús Filgueira e José R. Regenjo.
Nos Estatutos da nova entidade aparecen reflexados os seus fins principais: este centro é unha entidade instructiva, cultural e recreativa, de amor a Galicia e de admiración e respecto á nobre nación arxentina. O seu lema é "Sempre en Galiza". A súa finalidade inmediata é: buscar por todos os medios ao seu alcance a unión da familia rianxeira e os seus descendentes; soster unha biblioteca social que se denominará "Arcos Moldes" o que ha de propender en todo momento á instrucción e esparcimento dos asociados; xestionar a defensa dos asociados en casos de necesidade e orientar ao emigrado do concello que veña dirixido á sociedade; organizar, programar e realizar actividades turísticas, non lucrativas, en beneficio de asociados e os seus familiares.
Organizan festas e banquetes sociais para conmemorar datas significativas como o Día de Galicia, Santiago Apóstol, o aniversario social; tamén realiza diversas actividades culturais como conferencias, recitais, cinematecas, etc.
Os socios integran unha escola de baile para nenos e adultos e se imparten clases de gaita e pandereta. A Comisión de Damas, "Amigas del Centro Gallego", tiñan ao seu cargo a distribución periódica de alimentos, roupa e xoguetes entre os fillos dos socios máis necesitados. Contempla tamén axudas benéficas como un servicio médico gratuíto de urxencias para os socios.
O ano 1986 fusiónase coa "Asociación del Partido Judicial de Noya" pasando a denominarse "Centro Noya-Rianjo" que segue funcionando na actualidade.

Resultados 1381 a 1400 de 1750