Amosando 537 resultados

Rexistro de autoridade
Entidade colectiva

Unión residentes del ayuntamiento de Carbia, hoy Vila de Cruces

  • AE-AR-SocCar
  • Entidade colectiva
  • 1936-05-24 ata a actualidade.

Esta sociedade recreativa e cultural foi creada por un grupo de emigrantes naturais do antigo concello de Carbia (hoxe chamado Vila de Cruces), residentes en Bos Aires.
A súa directiva fundacional estaba integrada por estes homes cos seguintes cargos: presidente, Ramiro Verde; vicepresidente, Ramón Chacón; secretario, José M. Lareo; tesoureiro, Manuel Chacón; e como vogais: Secundino Calveira, Manuel Vázquez, Benito Lorenzo, Perfecto Mazas, Antonio Salgueiro, Manuel Santander, Julio Brandariz e José Soto.
En 1970 aproba uns novos estatutos sociais no que especifica os seus fins: fomentar os vínculos de amizade e camaradería entre os socios; cultivar e difundir o espíritu da asociación; establecer relacións coas entidades que practican a axuda ao pobo galego ou se interesan polas diversas manifestacións da súa cultura; propender á cultura xeral, e preferentemente á divulgación do coñecemento da historia, a arte, a literatura, o comercio, a industria, e a economía de Galicia, en relación con eses mesmos temas de España en xeral; inculcar entre os seus asociados o amor ás institucións da nación arxentina, así como tamén o respecto ás súas leis, usos e costumes.
Como voceiro social edita unha revista denominada "Carbia".

Unión Trivesa

  • AE-CU-UTrives
  • Entidade colectiva
  • 1921-06-12 ata a actualidade

Esta sociedade comarcal foi fundada na Habana o 12 de xuño de 1921 polos naturais do concello de Pobra de Trives residentes alí coa finalidade de socorrer aos asociados que por enfermidade, accidente, inutilidade física para o traballo ou necesidade de repatriación o necesitasen, e fomentar por medio de festivais a confraternidade entre os naturais do Partido Xudicial de Pobra de Trives e todos os fillos de Cuba e España; establecer relacións coas sociedades afins, na forma que máis conviñese á defensa dos intereses sociais e, por último, organizar actos culturais e de recreo como conferencias, veladas, etc. para recabar fondos para o fondo social.

En 1938 estivo presidida por Orentino Diéguez.

En 1998 a Xunta de Galicia recoñeceulle a súa galeguidade.

Unión Villalbesa

  • AE-AR-UVill
  • Entidade colectiva
  • 1938 ata 1943, ano no que se fusiona co "Centro Lucense de Buenos Aires"

Esta sociedade recreativa e cultural foi fundada por un grupo de emigrantes vilalbeses, residentes en Arxentina.
En 1943 os seus socios aproban en asemblea a súa fusión con outras sociedades de emigrantes naturais da provincia de Lugo, para formar o "Centro Lucense de Buenos Aires".

Unión Villalbesa y su Comarca

  • AE-CU-UVill
  • Entidade colectiva
  • 1909-08-12 ata a actualidade

Esta sociedade foi fundada na Habana o 12 de agosto de 1909 polos naturais do partido xudicial de Vilalba residentes na illa de Cuba. Dende a súa creación tivo carácter benéfico, mutualista e instrutivo e xa no ano 1912 encabeza a iniciativa dunha suscrición para financiar o "Hospital de Villalba" con Agustín López Arias como principal impulsor do proxecto. No ano 1914 recadan fondos para honrar a memoria de Manuel Mato Vizoso, poñéndolle unha placa conmemorativa na rúa que leva o seu nome en Vilalba. No ano 1925, teñen o proxecto de construír un Hospital-asilo no concello de Vilalba, para o que recaudan fondos con distintas actividades recreativas e teñen aberta unha suscrición permanente para conseguir cartos. Tamén envían xiros en caso de necesidade á súa localidade natal.
A partires de 1936, tras a reforma do seu regulamento, a súa finalidade primordial foi o fomento da amizade entre todos os naturais do Partido Xudicial de Vilalba e prestarlles todos os auxilios morais e materiais ós seus socios.
O seu presidente actual, Antonio Tenreiro Roca, é fillo do anterior presidente, Antonio Tenreiro Rodríguez.

Vivero y su comarca

  • AE-CU-Viv
  • Entidade colectiva
  • 1910-12-10 ata a actualidade

A primeira directiva desta sociedade estivo constituída por Justo Taladrid Catá, como presidente; Amando Cora, vicepresidente; Jesús Fernández, tesoureiro; Antonio Pernas Corral, vicetesoureiro; Tomás Ramos Riguera, secretario; e como vogais, Silvestre López Veiga, Ramón García Mon, Pedro Pernas, Eusebio Balseiro, Francisco Rodríguez, Antonio Pedreira, Ramón López, Benito Lage, Perfecto Cao, Luis Martínez, Manuel Cabaleiro e Segundo M. Timiraos. Foron socios de honra: José Rubiños, Marino López Blanco, José Soto Reguera e José María Riguera Montero.
Existían delegacións da sociedade nas principais localidades cubanas, como Matanzas, Guanajay, Guanabacoa, Caribarien, Sagua La Grande, Cárdenas, Güira de Melena, Cienfuegos, Santa Clara, Veracruz, Rodas e Pinar del Río; incluso, en 1912, quedou constituída unha delegación desta en Madrid.
Dende a súa fundación tivo como prioridade a creación de escolas en todas as parroquias do partido xudicial de Viveiro, de onde eran naturais a maior parte dos seus socios. Como sociedade de instrución, destacou no conxunto das entidades de emigrantes polo grande apoio económico e social que prestou na súa zona de orixe: custeou os gastos de construción de numerosas escolas, da compra de material docente, dos arranxos de edificios xa existentes ou do mantemento económico dun total de 57 escolas nas 49 parroquias que compoñían o distrito xudicial.
Aínda que esta actividade pro-instrutiva foi prioritaria para a sociedade de 1910 a 1923, tamén tivo outros fins de carácter mutualista e recreativo, segundo consta nos seus estatutos do ano 1911: así, por exemplo, propulsar, fomentar e estreitar a amizade entre todos os viveirenses, os seus descendentes e os cubanos, e prestarlles os auxilios morais e materiais aos que o precisasen. Moitas das súas actividades recreativas servían, ademais de para reunirse e gozar nas festas, para recadar fondos para enviar á súa terra natal.
Xa no ano 1912, a revista «Pro-Galicia», publicada na Habana, informa de diversos envíos da entidade a Galicia para mellorar as infraestruturas da súa comarca natal coa construción e mantemento de obras públicas; ao longo dos anos contribuíron con cartos á construción de estradas como a de Ourol, San Cibrao, A Silvarosa e Río Barba; tamén a ponte de Candamil, os portos de Celeiro, San Cibrao e O Vicedo, etc.
Polo seu labor a prol da educación e do desenvolvemento da súa terra, o 30 de abril de 1919 o Goberno español concedeulle a Cruz de Beneficencia de primeira clase e a honra de pasar a denominarse como Ilustrísima Sociedad Vivero y su Comarca. En 1969 recibiu tamén a Medalla de Oro al Mérito en el Trabajo en España.
Destacou tamén o seu labor publicitario coas edicións das revistas «El Vivariense» e «Vivero en Cuba».
Actualmente esta sociedade segue funcionando, mais como unha entidade mutualista e como centro de reunión dos socios; conserva o seu Panteón social no Cemiterio Colón.

Xunta de Organizacións Galegas en Europa

  • AE-FR-XOGE
  • Entidade colectiva
  • 1981-11-29 ata a actualidade

Os días 2 e 3 de febreiro de 1980 reuníronse en Bruxelas representantes das asociacións de Holanda, Alemaña, Bélxica, Francia e Inglaterra e elaboraron un borrador de Estatutos da Xunta de Organizacións Galegas en Europa (XOGE). Nesta reunión inicial acordouse celebrar o Día de Galicia na emigración e preparar un Congreso de Emigración Galega en Santiago de Compostela. Os días 1 e 2 de marzo reuníronse de novo en París para seguir definindo a XOGE.

O día 29 de novembro de 1981 aproban por unanimidade os seus Estatutos e constitúen formalmente a asociación na sede de Lar Galego de Rotterdam.

Segundo o artigo nº 1 XOGE ten un carácter asistencial, cultural e benéfico-social e tal como indican os artigos 3º e 4º, respectivamente, a súa sede oficial é Santiago de Compostela e o seu idioma oficial o galego.

Xuntanza Nazionalista Galega D'Habana

  • AE-CU-XNG
  • Entidade colectiva
  • 1920

Esta entidade foi creada o ano 1920 na Habana, cun marcado carácter político, sendo os seus obxectivos principais: a loita polo engrandecemento de Galicia en todos os ordes (o seu lema social foi "todo por Galicia e para Galicia"); acadar unha amplia autonomía para Galicia; propagar a língua galega por todos os medios; a difusión da cultura científica, literaria e artística de Galicia; realizar labores políticas de propaganda e de acción e por último un amplio espíritu feminista, por entender que a muller en Galicia debe ter máis dereitos que os que as leis lles concedían.
Fan o seu programa de acción seguindo os manifestos do Partido Nazonalista Galego e ríxense polo regramento das "Irmandades da Fala" aprobado polo gobernador da Habana.
No ano 1922 o seu conselleiro mayor foi Andrés Rodríguez Orjales, como secretario, Cándido Navarro e no ano 1923 o seu presidente foi Vicente Rebollar.

Resultados 521 a 537 de 537