Showing 1750 results

Authority record

Grupo Nós de Bos Aires

  • AE-AR-GNos
  • Corporate body
  • 1945 ata a actualidade.

Esta sociedade cultural e cun marcado carácter galeguista, foi fundada por destacados membros da colectividade galega asentada en Bos Aires como Manuel Puente, presidente fundacional, Valentín Fernández, Perfecto López, Valeriano Saco, Alfonso Fernández Prol, Daniel Calzado, José S. Rodríguez, Antonio Alvarez, José Reboreda, Santos Blanco, Antonio Baltar, Benito Cupeiro, Emilio Pita, Rodolfo Prada, Luis Guede, José Iglesias, Daniel Nogueira, Moisés Da Presa, Manuel Martínez Lamela, Eduardo Sánchez Millares, Jesús Varela Sánchez e Segundo Pampillón.
Os principios que deron orixe á súa fundación foron a defensa do acervo histórico, lingüístico, patriótico, social e autonómico de Galicia na Arxentina. Declaran que a única ideoloxía concreta é a prosperidade e benestar de Galicia e dos seus fillos.
Os postulados que proclaman en 1981 (ratificados en 1992) son: "1. defensa da lingua galega coa opción do bilingüismo en castelán; 2. propiciar o coñecemento profundo da realidade autonómica e colaborar na solución de todo o referente á súa problemática social, económica, política e cultural; 3. acción coordinada para influir nos órganos de poder de cara a promover solucións permanentes e de fondo no problema migratorio; 4. contribuir a espertar unha conciencia viva da ciudadanía galega e dun espírito activo, crítico e de participación de todos os estamentos da estructura política, socioeconómica e cultural do país; 5. apoiar ós que en Galicia, coa súa acción, cumpran con estes principios".
En 1996 comeza a editar o xornal "Correo de Galicia. Del "Grupo Nós" de Buenos Aires", voceiro da colectividade e desta entidade.

Lembranza d'Ultreya

  • AE-AR-Lem
  • Corporate body
  • 1932-06-30. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi creada en Bos Aires por un grupo de entusiastas galeguistas entre os que podemos citar a: Aurora Pallares (presidenta fundacional), Xoaquina Villar Fernández, Celina e Teresa Berlandi, Piedad Souto, Xuana Prat, Claudino Pita, Manuel Prieto, Xuan Vila, Xuan Viqueiras, Antón Pallares, Antón Jeremías, Lois, Victoriano e Félix Martínez, Xosé Souto, Manoel Lorenzo, Xosé Rodríguez, Xesús Moreira, Esteban Iglesias, Alfonso Costela, Xerardo Mera, Manoel Castro, Ulpiano Bernárdez, Anxel Rodríguez, Antón Comesaña, Xesús Barral, Enrique González, Lois López, Máximo Docampo, Amadeo Pérez e Marcelino Mariño.
A súa finalidade primordial foi o espallamento da arte e da cultura galegas en Arxentina, sendo o lema da entidade "Galiza hai unha soa".
Participaron activamente na campaña a favor do Estatuto Galego e da autonomía durante a IIª república.

Lume novo

  • AE-AR-Lume
  • Corporate body
  • anos 70 do pasado século. Non existe na actualidade.

Esta asociación foi creada para a defensa e a difusión da cultura galega na Arxentina.

Residentes del partido de Fonsagrada en Buenos Aires

  • AE-AR-ResFon
  • Corporate body
  • 1925-05-16 ata o 1936-04-19, data na que se fusiona co "Orfeón Fonsagrada", dando lugar a unha nova entidade chamada "Unidos de Fonsagrada y sus distritos"

Esta sociedade foi creada polos emigrantes da Fonsagrada residentes nesta capital a fin de crear vínculos de fraternidade, compañerismo, ilustración, mutualismo, recreo e canto fose de conveniencia aos seus asociados e ao chan patrio: "... crear un centro que nos sirva, además de la expansión lícita y honesta de protección, guía y ayuda mutua en todos los ordenes de la vida" ("Correo de Galicia", nº 1013).
Foron fundadores desta entidade: Bernardino López Pardo, primeiro presidente social, Leonardo Linares, Baldomero Álvarez, Antonio Álvarez, Manuel López Fernández, José María López, Manuel Álvarez e Marcelino Lastra.
Ao pouco de ser fundada esta entidade pasa unha etapa de crise e de parón social. En 1928 nega mediante un comunicado noticias referentes a súa disolución e manifesta que coa chegada de novos socios está nunha etapa de reorganización e florecimento social, que se consolida en 1929.
En 1930, organiza un pic-nic a total beneficio da creación dunha sala de hospital no seu partido xudicial.
En 1931 durante a celebración do seu 6º aniversario social e nos discursos durante a festa celebrada os seus directivos fan fincapé na existencia de dúas sociedades co mesmo nome, fundadas e sostidas ambas as dúas por coterráneos e cos mesmos fins, abogando finalmente pola fusión de ambas.
En outubro de 1935 por iniciativa da Sociedad de Castroverde e conxuntamente coas de Baleira, Pol e Salvaterra de Miño, organizan unha velada artística e danzante co obxeto de estreitar vínculos e propender nesa forma ao achegamento das sociedades rexionais sitas na capital.
En 1936, fusiónase co "Orfeón Fonsagrada" e pasa a denominarse "Unidos de Fonsagrada y sus distritos".
En xaneiro de 1938 nomean un Comité para tratar a unificación das sociedades de Baleira, Castroverde e Fonsagrada.
En 1943, pasarán a integrar o Centro Lucense de Buenos Aires.

Sociedad agrícola, cultural y recreativa del municipio de Vedra en Buenos Aires

  • AE-AR-SocVed
  • Corporate body
  • 1910-10-01 ata a actualidade.

En 1910 un grupo de conveciños de Vedra, residentes en Buenos Aires, teñen a iniciativa de formar unha entidade que agrupara no seu seo aos conveciños das doce parroquias que compoñen o seu concello natal, coa finalidade de "apoiar moral e materialmente os esforzos dos homes que no lonxano terruño loitaban por emanciparse do prepotente caciquismo reinante".
A reunión tivo lugar na casa dun dos seus máis entusiastas propulsores, Manuel Fernández Castelao, apoiado por José Collazo (primeiro presidente da sociedade), José Cepeda, Manuel Pereiras, Manuel Fernández, José Estévez, Andrés Mosquera, Clemente Fandiño e Andrés López.
O lema desta sociedade agraria, instrutiva e cultural foi "Unión, Protección e Apoio ao Progreso".
Por iniciativa dos socios, a Comisión Directiva resolveu nunha reunión do 13 de outubro de 1911, mercar un terreo na parroquia de Vedra para levantar unha Casa Social, remitindo aos veciños a suma de 600 pesetas para adquirir o solar. Xa estabelecida a sociedade matriz en Vedra, colaboran activamente co sindicato agrario de Vedra, enviando cartos para a compra de abonos, semillas, prantas, sulfatos, azufres e doazóns destinadas a premios para os escolares das parroquias para lograr "o estímulo e elevación cultural del labriego unas veces y para contribuir a mitigar necesidades materiales y humanitarias otras".
En novembro de 1919 comezan unha subscrición para a edificación das pontes de Bazar e Pedreta na parroquia de San Andrés de Trobe e en agosto de 1926, celebran un festival a total beneficio da construción dunha casa-escola en Trobe. Ademais colaboran na construción de varios edificios escolares nas parroquias de San Pedro de Sarandón, Ponte Ulla e San Miguel.
Leva a cabo tamén un importante labor asistencial, dando axudas económicas aos socios, facilitando pasaxes para emigrar sin pago de intereses e tamén para a repatriación en caso de enfermidade.
Polo seu devir como entidade houbo disensións que provocaron o desmembramento da sociedade por parte de grupos de socios naturais dunha determinada parroquia ou tamén de grupos de socios descontentos como os que crearon o "Comité Auxiliar de Agricultores de Vedra" ou posteriormente a "Mutua y Auxiliar de Agricultores de Vedra".

Sociedad artística y recreativa orfeón de Fonsagrada

  • AE-AR-OrfFon
  • Corporate body
  • 1925-05-13 ata 1936-04-19, data na que se fusionou coa sociedade "Residentes del partido de Fonsagrada en Buenos Aires", dando lugar a unha nova entidade co nome de "Unidos de Fonsagrada y sus distritos"

Entidade artística e recreativa creada por un grupo de emigrantes naturais da Fonsagrada para realizar actuacións e actividades recreativas e culturais no seo da colectividade galega residente na Arxentina.
En 1936 aproba a súa fusión coa sociedade "Residentes del partido de Fonsagrada en Buenos Aires", dando lugar a unha nova entidade co nome de "Unidos de Fonsagrada y sus distritos".
En 1943 pasarán a formar parte do recén creado "Centro Lucense" de Bos Aires.

Sociedad de beneficencia y recreativa hijos de Golada y afines

  • AE-AR-SocGol
  • Corporate body
  • 1930-07-20 ata 1982, ano no que se fusiona con outras entidades da comarca do Deza, dando lugar ao "Centro Lalín de Buenos Aires".

O 20 de xullo de 1930 un grupo de emigrantes naturais do concello pontevedrés da Golada e da súa bisbarra, residentes na Arxentina, crea unha sociedade con fins de mutualidad, cultura e recreo para os seus socios.
No ano 1982 en asemblea xeral apróbase a fusión das sociedades dezanas existentes na capital arxentina, "Hijos del Partido de Lalín", "Hijos de Silleda", "Unión del Partido de Lalín" e "Hijos del Ayuntamiento de Golada y sus contornos", desaparecendo como tales e creando unha unha nova entidade denominada "Centro Lalín de Buenos Aires", co propósito de facer unha entidade máis forte que permitise entre todos a extender a axuda mutua para os socios maiores e máis necesitados, e a organización de actividades recreativas e culturais.

Sociedad de fomento y educación hijos de Entienza

  • AE-AR-SocEnt
  • Corporate body
  • 1920-02-01. Non existe na actualidade.

Esta sociedade foi creada por un grupo de emigrantes naturais da parroquia Santos Xusto e Pastor de Entenza, do concello pontevedrés de Salceda de Caselas, residentes na República Arxentina.
Manuel Pérez Gándara e Salvador Estévez foron os promotores da fundación desta entidade e tiñan o propósito de que o pequeno colectivo dos seus veciños alí residentes estreitasen os seus vínculos baixo o lema «fomento, educación e axuda mutua». Ambos os dous foron presidentes sociais e ocuparon diversos cargos directivos.
Dende os seus inicios, unha das súas tarefas prioritarias foi conseguir fondos para a construción dun cemiterio na súa vila natal. Tras este logro, centrouse na defensa da instrución coa construción dun edificio escolar moderno para os nenos e as nenas da parroquia, que debía contar con vivendas para os mestres e un amplo salón onde instalar unha biblioteca para todos os veciños. A casa-escola foi inaugurada en 1932 e tivo un custo de 38.000 pesetas.
Unha das fórmulas para recadar fondos por parte da entidade foi a organización de festivais, que servían ademais para potenciar a sociabilidade dos socios. Non esqueceu tampouco a axuda mutua entre os socios con empréstitos e axudas económicas en caso de enfermidade, de repatriación ou para conseguir atención médica.
No ano 1935, organizou unha subscrición entre todos os socios para facer unha estrada «que llegue hasta la ermita y puedan ir los automóviles y toda clase de vehículos que pasan por la carretera cercana, pues creen éstos que de esta manera se beneficiaría más la parroquia...».
A partir dos anos 40, primou a axuda mutua e a organización de actividades recreativas para os socios.

Sociedad de instrucción hijos de Vicedo

  • AE-AR-SocVic
  • Corporate body
  • 1930-10-20 ata 1943, ano no que se fusiona con outras entidades lucenses para crear o "Centro Lucense" de Buenos Aires.

Esta entidade foi fundada por un grupo de emigrantes naturais do concello lucense do Vicedo. Aínda que tiña finalidades instrutivas, non consta que lograra acadar o seu obxectivo de construír unha escola no seu concello natal.
En 1942 comeza a xestionar con outras sociedades lucenses a creación dunha macrosociedade de carácter provincial, o Centro Lucense de Buenos Aires, fundado en 1943.

Centro español de Sada y sus contornos

  • AE-AR-Sada
  • Corporate body
  • 1974 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada polos emigrantes naturais de Sada residentes na capital arxentina, como unha refundación da antiga sociedade de sadenses en Bos Aires, "Pro-escuelas unidos de Sada" (1919). Esta antiga sociedade fora creada coa finalidade principal de promover a instrución na súa vila natal, apoiando as actividades da sociedade irmá existente en Nova York "Sociedad de Sada y sus contornos".
Cando se inaugurou a escola, financiada pola sociedade de Norteaméica, esta entidade creou a Biblioteca República Argentina, que se instalou nas dependencias do edificio escolar "Sada y sus contornos". Moitos dos libros enviados dende Arxentina foron queimados durante a Guerra Civil. Hoxe só se conserva un dos armarios, co nome da biblioteca, e algúns libros.
En 1974, un grupo de sadenses decidiu crear unha nova entidade, seguindo os seus pasos.
Como directivos fundacionais podemos citar a: presidente, Delfín Núñez Seoane; secretario, Manuel Mosquera; tesoureiro, Manuel Couso; secretario de prensa, Juan Gestal; e como vogais: Jesús Paris, José Zapata, Eugenio Gómez, Ramiro Barbeito, Francisco Suárez, José Giménez. Un dos persoeiros vinculados coa entidade foi o sadense Ramón Suárez Picallo, a quen se lle organizou unha homenaxe.
A sociedade ten carácter recreativo e mutualista.

Sociedad hijos de Moreira residentes en Buenos Aires

  • AE-AR-SocMor
  • Corporate body
  • 1913. Non existe na actualidade.

Esta sociedade de emigrantes, naturais da parroquia de San Martiño de Moreira (do concello de Ponteareas), residentes na Arxentina. Un dos seus promotores foi Manuel Malga que aparece como secretario da entidade en 1922.
Foi unha entidade agrarista e de axuda mutua entre os seus socios.
En 1922, participa activamente na fundación dunha sociedade agraria no seu concello natal, enviando a cantidade de 480 pesetas para a súa organización.
Foi membro fundador "Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales de la República Argentina".

Sociedad hijos y descendientes del ayuntamiento de Buján en Buenos Aires

  • AE-AR-SocBuj
  • Corporate body
  • 1924-08-30 ata a actualidade.

Esta entidade foi creada polos emigrantes naturais do concello de Val do Dubra (antigamente denominado Buján) que residían na Arxentina. Tiña finalidades agraristas e de apoio mutuo.
En 1932 aproba a reforma dalgúns artigos dos seus estatutos nos que aparecen explicitados os seus obxectivos: "Art. 2º: "proteger a sus asociados; repatriarlos en caso de enfermedad y faltos de recursos; ayudar a procurarles trabajo y prestarles alcance de la institución, como también orientar y servir de guía a los hijos de Buján que a su llegada a este país soliciten el amparo moral de esta sociedad. (...)"
Xa no ano 1936 abren unha colecta para a compra dun aparato de radio e teléfono para a sociedade agraria homónima do seu pobo natal, a que sempre apoian con axudas varias.
En 1939 entra a formar parte da "Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina".
Actualmente é unha entidade recreativa e mutualista.

Sociedad municipios unidos de Órdenes

  • AE-AR-SocOrd
  • Corporate body
  • 1944 ata a actualidade

Esta sociedade foi creada en 1944 tras a fusión das distintas sociedades de emigrantes naturais do partido xudicial de Ordes residentes na Arxentina.
No ano 1918 foi fundouse en Bos Aires a primeira sociedade do partido de Ordes co nome de "Pro-Escuelas Laicas no Partido Xudicial de Órdenes", pero non tivo moita aceptación entre os seus paisanos. Despois de catro anos de loita, cobrou arraigo a idea de crear e soster unha sociedade que ostentase o nome do partido xudicial e en abril de 1922 xorde á vida societaria a "Sociedad de Residentes del Partido Judicial de Órdenes", que foi fundada baixo o patrocinio da "Federación de Sociedades Agrarias y Culturales de la Provincia de la Coruña". Anos máis tarde tamén se promociou a creación das Sociedades integradas por emigrantes naturais de Trazo, Frades e Mesía. Todas eles sostiveron unha activa campaña en pro da instrución primaria, a fundación de bibliotecas públicas nos seus concellos, a loita polo desenvolvemento agrícola e o cooperativismo e o envío de axudas a súa terra natal.
Na actualidade esta sociedade está centrada en actividades recreativas e de axuda mutua entre os seus asociados.

Sociedad mutua y auxiliar de agricultores del municipio de Vedra

  • AE-AR-SocMutVed
  • Corporate body
  • 1920-03-17 ata 1932, ano de fusión coa Sociedad agrícola de residentes del municipio de Vedra en Sudamérica

Esta sociedade, mutualista e agraria, foi fundada por un grupo de emigrantes naturais de Vedra, co obxectivo de auxiliar ao sindicato de agricultores de Vedra, que neste concello loitaba polo mellora moral e material dos seus paisanos, ademais de abogar pola boa xestión municipal e polo auxilio daqueles dos seus asociados máis necesitados, segundo aparecía recollido nos seus estatutos.
Os fundadores desta sociedade eran socios integrados na Sociedad agrícola, cultural y recreativa del municipio de Vedra (1910) que, contrarios coas decisións da directiva, decidiron separarse e crear unha nova entidade; nas súas directivas estiveron destacados sindicalistas como Antonio Cao, José Betelos ou Manuel Requejo entre outros.
Nos anos 20 do pasado século organiza varios festivais a beneficio das casas-escola que se estaban a construír nas parroquias de Trobe, San Pedro de Sarandón e Merín, financiadas por esta sociedade. En 1927, inaugúrase o edificio social do sindicato agrícola de Vedra, financiado pola entidade quen tamén apoia economicamente as súas actividades, así como a creación de cooperativas e seguros de gando, ou a adquisición de semillas para repartir entre os socios.
O 9 de abril de 1932 os socios aproban en asemblea xeral a súa fusión coa sociedade nai, para conseguir levar a cabo máis proxectos a prol da súa terra natal.

Sociedad de mutualidad y cultura muradana

  • AE-AR-SocMur
  • Corporate body
  • 1913-12-01

Esta sociedade mutualista e instrutiva foi fundada en Bos Aires por un grupo de emigrantes naturais do concello de Muros, residentes na capital. Os seus fins, declarados nos estatutos sociais, son a protección dos asociados e a construción de escolas nos distritos do seu partido xudicial, así como atender as diversas necesidades que se poidesen presentar no seu pobo natal.
Entre os seus fundadores pódese citar a José Lamela, , Amado Louro ou Manuel Dou.
O ano 1922 esta sociedade realizou un xiro por valor de 560 pesetas para que fosen distribuídas entre os pobres do asilo, o día do patrón do pobo, San Pedro; igualmente envíou 250 pesetas á parroquia de San Juan de Serres, para seren repartidas entre os pobres o día da súa festa patronal.
En 1928 os socios aprobaron en asemblea xeral o anteproxecto de construción dunha Casa de Socorros ou Hospitalillo en Muros, co fin de dotar á localidade dun fogar onde puidesen recibir hospedaxe e asistencia médica gratuíta os enfermos menesterosos de todo o distrito. Este proxecto nembargantes nunca chegou a ser realizado.

Sociedad parroquial de Vedra de mutualidad y cultura

  • AE-AR-SocParVed
  • Corporate body
  • 1910-09-25 ata a actualidade

Esta sociedade mutualista e recreativa foi creada por un grupo de emigrantes naturais do concello de Vedra e residentes na capital arxentina.
O primeiro obxetivo perseguido polos seus fundadores, entre os que destacan José M. Cutrín, Manuel Caneda, e Manuel Vilar Bermúdez, destacado dirixente agrarista, era o de brindar protección e axuda aos emigrantes de Vedra que chegaban a Buenos Aires.
En 1926 celebra un festival artístico e danzante en conmemoración do seu dezaséis aniversario fundacional a beneficio da biblioteca popular que creara no seu concello natal, e ao longo dos anos realizou numerosos envíos de libros e cartos para o seu mantemento.
En 1927, inaugura un edificio no que funciona unha escola nacional e unha cooperativa que merca ferramentas e máquinas agrícolas, subvencionadas con cartos dos emigrantes en Arxentina.
Dende os anos 60 do século pasado a entidade prima as actividades recreativas e culturais: crea unha coral formada polos socios e celebra todos os anos as festas patronais da Virxe dos Dolores. Conta ademais cunha escola de música e danzas galegas.

Sociedad parroquias unidas de Cotovade

  • AE-AR-SocCot
  • Corporate body
  • 1942-03-04. Non existe na actualidade.

Esta entidade foi creada na capital arxentina polos emigrantes naturais do concello pontevedrés de Cotobade que alí residían. Entre os seus fundadores podemos citar a José Provenga, primeiro presidente da sociedade, José García, Marcelino Pan, Máximo Gesteira ou Edmundo Quinteiro.
Foi fundada para reunir aos socios en diversas actividades recreativas e darlles asistencia en caso de necesidade.
Formou parte dende os seus inicios da Federación de Sociedades gallegas de la República Argentina.

Sociedad del partido judicial de Arzúa, mutualidad, cultura y beneficencia

  • AE-AR-SocArz
  • Corporate body
  • 1923-06-01. Non existe na actualidade.

Esta sociedade agraria foi creada baixo o patrocinio da sociedade "Unión Galaico-Americana" e dun grupo de emigrantes galegos naturais da Terra de Melide, entre os que se atopaban Manuel Villar, Silvestre Villar, Luis Carreira, Luis Paliño, José Muíña, Andrés Gómez, Andrés García, Luis Agra, Francisco Lata, Manuel Suárez e Bonifacio Botana.
Xa nos seus comezos organiza unha colecta para axudar economicamente aos labradores dos concellos do distrito de Arzúa para realizar un mitin de protesta contra o reparto de consumos.
Nos primeiros anos pasan por diversas crises, chegando incluso en 1927 a separarse un grupo de socios que crean unha nova entidade cunha finalidade máis recreativa.
No ano 1931 os socios aproban en asemblea a fusión con "Hijos del partido judicial de Arzúa", pasando a denominarse "Centro del partido de Arzúa". Continúan cos fins agraristas pero tamén priman o apoio mutuo entre os socios: envían apoio moral, solidario e económico aos que no seu distrito natal loitan para a capacitación dos agricultores galegos; ademais sostén economicamente á sociedade de agricultores de Arzúa, a "Liga de Defensa para los derechos del pueblo y su progreso".
Xa nos anos 40 centran as súas actividades na axuda mutua dos asociados máis necesitados e en organizar diversas actividades recreativas para os socios.
Non temos constancia da data da súa desaparición pero na actualidade os emigrantes das comarcas de Arzúa e Terra de Melide, son socios do Centro Arzuano Mellidense, creado en 1935.

Sociedad pro-escuelas en Bandeira

  • AE-AR-SocBan
  • Corporate body
  • 1909-03-20. Non existe na actualidade

Esta sociedade foi fundada por un grupo de emigrantes naturais das parroquias de Manduas, Moalde, Chapa, Piñeiro, Lamela e Cervaña, do concello pontevedrés de Silleda, que residían na República Arxentina. A idea foi iniciativa de Ramón Otero e José M. López, que convocaron os seus paisanos co obxectivo de «fundar en Bandeira una escuela laica teniendo en cuenta que no escapará a su clara inteligencia los múltiples beneficios que aportaría».
Na acta fundacional constan como socios fundadores, ademais dos xa mencionados, Manuel Otero, Manuel Carnota, Manuel Abades, Manuel Peña, Andrés Gamallo, Andrés Ouzande, José Lodeiro, Manuel Matos, Adolfo Calveiro, Ramiro Abades, Jesús Lodeiro, Benigno M. Viz, Manuel Camino e Rudesindo López, que foi elixido como primeiro presidente social.
Coa idea de difundir os seus propósitos, aprobouse a edición dun voceiro social chamado "Fomento de la Instrucción Gallega". Este serviu de canle de unión entre a sociedade e os seus veciños da Bandeira. Non só daba noticias das actividades sociais e de temas relacionados coa educación, sempre dende postulados progresistas e laicos, senón que tamén loitaba pola defensa do agrarismo e dunha política progresista na súa terra natal.
Para conseguir fondos organizaba festivais, banquetes e diversas subscricións e, por suposto, cobraba as cotas sociais. Estes fondos serviron para a compra dun soar e para a construción do edificio escolar. Isto non se levou a bo termo ata 1927, ano en que se mercaron uns terreos na parroquia de Manduas e, pouco despois, comezaron as obras da escola. As xestións para a construción da escola realizounas Luciano Folgar, representante da entidade na Bandeira. A entidade arxentina mandou nun primeiro momento 10 000 pesetas, cantidade que se foi incrementando ata as preto de 33 900 pesetas en que se presupostou o edificio.
A escola foi inaugurada en setembro de 1930 cunha matrícula de máis de 60 alumnos e alumnas naturais da Bandeira e das parroquias veciñas. Estaba dotada dunha ampla biblioteca e dispoñía de mobiliario e material educativo moderno enviado dende Arxentina, que causaba grande admiración na prensa da época.
A pesar do éxito no funcionamento da escola, en 1934 clausúranse as clases, pois coa chegada da República a sociedade consideraba que o labor que facía a prol da educación debía ser asumido polo Estado. O edificio pasou a converterse en sede da Casa do Pobo e Biblioteca Popular.
A entidade bonaerense seguiu a loitar pola cultura dos seus veciños e continuou mandando caixas cheas de libros de todo tipo de temáticas, aínda que prevalecían os temas relacionados coa agricultura e a gandaría.
Ademais, a sociedade sempre apoiou economicamente as iniciativas agraristas e de progreso na súa terra. Nos anos 40, durante a posguerra, tivo lugar a expropiación do edificio. É entón cando a sociedade renovou os estatutos e centrou a súa actuación na axuda mutua dos socios e nas actividades recreativas. Tamén cambiou de nome e pasou a denominarse Residentes de Bandeira en Buenos Aires.

Agrupación artística gallega

  • AE-CU-AAG
  • Corporate body
  • 1919-09-23 ata a actualidade

Fundada co obxectivo de fomentar o cultivo da música e a arte teatral, con preferencia da cultura galega. Para realizar as actividades vencelladas con este fin, tiña un salón-teatro de 520 butacas, salas de entretemento e xogos, e un bar para os socios. Dispoñía dun fondo bibliográfico importante con máis de 2.500 volumes, dos que 500 son de língua galega.
No ano 1920 preside a entidade José Villamil e como director artístico traballa Ricardo Fortes. En 1923 o presidente foi Manuel Fernández Taboada e como vicepresidente Maximino Matalobos que no ano 1928 será presidente. En 1935, o presidente foi Manuel Alvarez Lueiro. En 1937, sendo presidente José Rivera Luaces, nomease presidente de honra a Paulino Fernández.
Creou unha masa coral e un grupo teatral fundado en 1920, e desde 1925 contará cun orfeón e coros típicos galegos.
Debido un incendio perdeu moita da súa documentación histórica e a súa rica biblioteca. Actualmente están en proceso de restauración do edificio e do seu teatro onde seguen a organizar diferentes actividades culturais: bailes, obras de teatro, actuacións musicais, etc. Ten unha agrupación coral enxebre "Salayos", un coro denominado "Vigo" e o grupo de danza "Compostela".
Na actualidade o seu presidente é Julio Santamarina e conta con máis de cincocentos socios.

Results 941 to 960 of 1750